Regulamento de Matrícula, Elaboración e Defensa do Traballo de Fin de Grao da Facultade de Psicoloxía da USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0366
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

Preámbulo

O Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro, e posteriores modificacións (artigos 12 e 15), establece que as ensinanzas de grao concluirán coa elaboración e defensa dun Traballo Fin de Grao, que deberá realizarse na fase final dos estudos e estará orientado á avaliación de competencias asociadas ao título.

Na Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela, aprobada polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2016, establécense as liñas básicas para a uniformidade na regulación dos Traballos Fin de Grao, deixando para os centros o establecemento de procedementos propios de cada titulación.

Na Memoria de Verificación do Título de Grao en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, contémplase o Traballo Fin de Grao como materia obrigatoria a cursar no último semestre do título.

É necesario, por tanto, regulamentar o procedemento para a organización e desenvolvemento do Traballo de Fin de Grao en Psicoloxía no marco da Facultade. Con este propósito, a Comisión do Título de Grao elaborou o presente regulamento, que foi aprobado pola Xunta de Facultade de Psicoloxía, na súa sesión de 21/03/2018 e polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa sesión de 10/07/2018.

Artigo 1. Obxecto

Regular o proceso de realización e presentación dos Traballos de Fin de Grao (TFG) no Grao en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 2. Natureza do traballo fin de grao

Segundo aparece recollido no Plan de Estudos do Grao en Psicoloxía, o TFG constitúe unha materia obrigatoria de 6 créditos. Consiste na elaboración dun traballo orixinal autónomo de cada estudante no que se acrediten os coñecementos, competencias e destrezas adquiridas durante os estudos realizados na titulación de Grao. O TFG incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción, presentación e defensa do traballo. Dependendo da modalidade de elaboración de TFG elixida, poderá incluír ademais unha parte empírica ou experimental sinxela, o deseño dun programa ou proposta de intervención, análise de casos, etc. Estará orientado á avaliación das competencias asociadas á titulación entre as que compre destacar:capacitar para a procura, xestión, organización e interpretación de datos relevantes, reflexión sobre temas destacados e desenvolvemento dun pensamento e xuízo crítico, no ámbito da psicoloxía.

O TFG desenvolverase baixo a supervisión dun/dunha titor/a académico/a que oriente e asista ó/á estudante.

Artigo 3. Órganos do centro encargados da xestión dos traballos.

O/a presidente da Comisión do Título de Grao actuará como coordinador/a do TFG; velará polo cumprimento da normativa aplicable e o calendario de procedementos do TFG aprobado polo centro.

En particular, exercerá as seguintes funcións:

• Informar ao alumnado sobre as características e procedementos de xestión, supervisión e avaliación dos TFG, co apoio dos titores con alumnado asignado.

• Recabar dos departamentos e áreas as propostas de temas e titores.

• Revisar o cumprimento dos criterios acordados para as propostas pola Comisión do Título de Grao e sometelas a validación por parte da dita comisión.

A Comisión do Título de Grao (en adiante CT) será a encargada de atender ás cuestións propias do desenvolvemento da materia “Traballo de Fin de Grao” Conforme á Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela, as súas competencias comprenden:

• Propoñer anualmente a guía docente na que se determinen as diferentes formas de desenvolvemento, exposición e criterios de avaliación, establecendo a porcentaxe da cualificación asignada ao desenvolvemento da memoria, exposición do traballo, resposta a preguntas e outras características da avaliación.

• En función da modalidade de presentación, establecer o tempo máximo do que o estudante disporá para a súa defensa.

• Establecer a convocatoria anual de traballos nas tres oportunidades.

• Determinar os sistemas de titoría.

• Aprobar a proposta das liñas temáticas e temas, previa consulta aos departamentos con docencia no título.

• Establecer e publicar un procedemento para a asignación dos titores/as e os temas que poderán desenvolverse na elaboración dos traballos.

• Decidir sobre a modificación de temas e/ou titor/a asignado derivada de situacións excepcionais, previa consulta ao/s departamento/s afectado/s.

• Fixar as características dos traballos (extensión, formato, contido mínimo,…).

• Aprobar os tribunais de avaliación e fixar o sistema de rotación, de ser o caso, de acordo coa normativa propia de TFG da titulación.

• Autorizar a presentación dos traballos en casos excepcionais.

• Propor os prazos de entrega e as datas de defensa dos traballos de acordo co calendario académico.

• Resolver as incidencias graves relativas a esta materia.

• Calquera outra que a Xunta de Centro lle encomendé.

A Xunta de Facultade aprobará o programa da materia, e os períodos de entrega e defensa dos TFG, que se publicarán xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico.

Artigo 4. Matrícula e convocatorias

A matrícula dos traballos realizarase dentro do prazo xeral de matrícula ordinaria que estableza a Universidade mediante o aboamento dos prezos públicos que correspondan conforme aos créditos que ten asignados e conxuntamente coas materias que o alumnado teña pendente de superar para completar os estudos de grao, se é o caso.

Para poder formalizar a matrícula do TFG, de acordo co establecido na norma xeral da USC e na Memoria do Título de Grao en Psicoloxía, o alumnado poderá ter pendentes como máximo 75 créditos para completar os estudos, excluídos os correspondentes ao TFG, e terá que ter superados 150 créditos obrigatorios, entre eles todos os da primeira metade da titulación.

Os/as alumnos/as de intercambio poderán matricularse desta materia. O seu réxime será o establecido no Regulamento de Intercambios da USC.

A matrícula dará dereito á entrega e defensa do traballo en dúas oportunidades no curso no que estea matriculado.

Os TFG entregados só poderán ser defendidos e avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a estudante superou todos os créditos necesarios para a obtención do título de grao, salvo os correspondentes ao propio traballo.

A Unidade de Xestión da Facultade verificará que se cumpren estes requisitos para autorizar a súa defensa. Para estes efectos, no caso de que na data de defensa aínda non se recepcionaran todas as actas de avaliación das materias, o/a secretario/a do centro solicitará do profesorado encargado das materias que informe sobre as cualificacións do alumnado que vaia defender o traballo na mesma convocatoria.

A Comisión do Título, atendendo a criterios organizativos e de programación docente, concretará as datas para a celebración das defensas dos traballos nos intervalos temporais que determine o calendario académico. Tamén definirá os instrumentos de seguimento e os criterios xerais de avaliación.

O número máximo de convocatorias que poderá consumir o alumnado será de catro contando con dúas oportunidades por curso académico. A obtención de non presentado computarase para os efectos de consumir a convocatoria. Para poder presentarse a unha nova convocatoria será necesaria a formalización de nova matrícula.

Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados no caso de non presentarse. No suposto de que o/a alumno/a non reúna os requisitos para presentar o traballo por ter materias pendentes, considerarase unha renuncia automática polo que non se computará para os efectos de consumir convocatoria.

Artigo 5. Do/a titor/a docente, da súa asignación e da elección do tema do traballo.

Os TFG terán un/ha titor/a académico/a que asistirá ao estudante na realización do traballo. Por razóns xustificadas e se a CT o estima oportuno, poderá designarse outro/a titor/a, ou un/ha cotitor/a.

O/a titor/a será Persoal Docente e Investigador (PDI) das áreas que impartan docencia na titulación. Os departamentos con docencia na titulación comunicarán cada curso académico ao centro o listado de titores e temas dos traballos no prazo que a dirección do Centro determine tendo en conta o calendario da PAA e o calendario académico.

A asignación dos titores aos estudantes farase en tempo e forma segundo determine a CT, dependendo do período en que se matricule o estudante e a convocatoria á que se vaia presentar.

O/a titor/a programará sesións de traballo cos/as estudantes, nas que establecerá a programación das tarefas a realizar e orientará o traballo. Será responsable de realizar o seguimento do traballo e emitir o preceptivo informe confidencial de seguimento/avaliación, que incluirá una cualificación global do traballo, a ter en conta na avaliación do/a alumno/a, conforme ao establecido no artigo 6.

O persoal docente da Universidade de Santiago de Compostela que sexa nomeado titor de TFG ten a obriga de asumir esta actividade de titoría conforme ao que establece esta normativa, e a xeral da USC.

A actividade de supervisión do TFG será recoñecida como parte do encargo docente do profesorado de acordo co establecido nas normas de planificación académica e elaboración do Plan de Organización Docente aplicables, e tendendo sempre a un recoñecemento acorde coa dedicación real que esta actividade require.

A CT arbitrará as medidas oportunas, dentro do seu ámbito de competencias, co fin de garantir que cada estudante en condicións de realizar o TFG poida facelo. En particular, velará pola dispoñibilidade de propostas (oferta de temas e titores/as), en consonancia coa PAA de cada curso. A tal fin, fará unha estimación sobre o número de propostas de TFG necesarias para cada curso académico e establecerá tamén o número mínimo de propostas de TFG que corresponde presentar a cada un dos departamentos e áreas adscritos á Facultade.

Para facilitar a posibilidade de realizar o TFG en consonancia co Prácticum, os/as titores/as propostos polos departamentos, que ademais actúen como titores académicos do Prácticum, poderán ofrecer temas que contemplen a experiencia nos dispositivos que teñan asignados.

As propostas dos departamentos incluirán a seguinte información:

• Ámbito temático

• Breve descrición do contido

• Modalidade (segundo a tipoloxía establecida pola CT)

• Titor ou titora

• Recomendacións (materias aprobadas, optativas a elixir, etc.)

Os Departamentos enviarán as propostas ao Coordinador ou Coordinadora do TFG, que as presentará á CT. Esta estudará as propostas presentadas e aprobará a oferta de liñas temáticas e titores/as.

O centro publicará a oferta de liñas temáticas e titores/as no prazo establecido no calendario de procedementos do TFG.

A asignación de titor/a e liña temática realizarase nas datas, e seguindo o procedemento, que determine a CT tendo en conta o calendario de matrícula e o calendario académico. Os/as estudantes poderán elixir titor/a e liña temática, de entre a oferta publicada, tendo como criterio de prelación a nota do expediente académico.

Unha vez publicada a relación provisional de asignación de propostas establecerase un período de reclamacións nas datas que establezca o CT.

Coincidindo con este prazo de reclamacións, os/as alumnos/as poderán propoñer a realización dun traballo con unha liña temática distinta das ofertadas, sempre que conten co compromiso dun/ha titor/a para levalo a cabo. Estas prazas extraordinarias non alterarán o número de prazas xa publicadas como oferta ordinaria.

Finalizado o prazo de reclamacións, publicaráse a asignación definitiva dos traballos de TFG. Unha vez asignadas as propostas, cada estudante deberá contactar coa titora ou titor a fin de delimitar o traballo a realizar. Estudante e titor/a asinarán un formulario de compromiso de supervisión/traballo, que quedará baixo a custodia do/a titor/a.

De modo excepcional, transcorrido como máximo un mes desde a sinatura do compromiso de supervisión/traballo, a/o estudante poderá solicitar a reasignación de tema e/ou titor/a do TFG, mediante escrito razoado remitido á CT e presentado na administración do Decanato. O titor/a asignado/a poderá tamén, de modo excepcional, solicitar reasignación dos estudantes titorizados, dentro do mesmo prazo e perante as mesmas instancias e mediante escrito razoado. A Comisión analizará o caso e, se procede, realizará unha nova asignación.

O/a estudante que, tendo asignado titor/a e liña temática, non defendese o traballo nunha convocatoria poderá, se se matricula no curso académico inmediatamente seguinte e por unha soa vez, solicitar a prórroga da asignación inicial. A tal efecto, presentará na secretaría do decanato, dentro do seguinte prazo ordinario de asignación de propostas, un escrito razoado dirixido á CT, e co visto e prace do titor/a. Transcorrido o prazo sen a realización da solicitude de prórroga, o estudante decaerá nos seus dereitos respecto do proxecto de TFG iniciado, e deberá iniciar de novo o procedemento ordinario previsto neste artigo.

Artigo 6. Modalidades de avaliación e defensa dos TFG.

O sistema de avaliación dos TFG da Facultade de Psicoloxía admite dúas modalidades, ao abeiro do artigo 6.7 do Regulamento xeral da USC:avaliación por tribunal e avaliación por parte do/a titor/a. En ambos os dous casos a avaliación inclúe un proceso de exposición e defensa pública do traballo.

No caso de avaliación por tribunal, este estará composto por tres profesores da titulación (un/ha presidente/a, un/ha secretario/a e un/ha vogal) e tres suplentes, que serán elexidos por sorteo en sesión pública programada pola CT, e nomeados polo decano ou decana. Sempre que sexa posible, polo menos un dos membros do tribunal pertencerá a área de coñecemento na que se encadra a temática do traballo. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada. No caso de que non sexa preciso que participen todos os profesores do centro nos tribunais de cada curso académico, establecerase un sistema de participación rotatorio.

O/a titor/a do traballo de TFG non formará parte do tribunal que o avalíe, pero emitirá un informe final de seguimento/avaliación do traballo realizado por o/a estudante que conterá unha avaliación cuantitativa , a cal ponderará na cualificación final co peso que se determine, por acordo da CT, nos criterios de avaliación do programa da materia.

Na modalidade de avaliación exclusiva por parte do titor/a a avaliación final corresponde por enteiro a este/a. Nesta modalidade de avaliación a nota máxima será de notable.

A defensa do traballo será presencial e individual, en sesión pública, tanto para os/as estudantes que se acollan ao sistema de avaliación por tribunal como para os que se acollan o sistema de avaliación polo/a titor/a.

O/a estudante deberá realizar unha exposición o seu TFG, coa duración que se estableza na guía docente. O tribunal ou o/a titor/a, segundo o caso, poderá formular cantas preguntas e cuestións considere convenientes en relación co TFG defendido no tempo que a este efecto se determine na guía de procedementos do TFG.

A elaboración e defensa do traballo poderanse efectuar en calquera das linguas que se utilizaron na impartición do grao conforme ao disposto na memoria de verificación do título. En todo caso, garantirase o dereito a elaborar e defender os traballos en calquera das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

Na modalidade de avaliación por titor/a, a presentación dos traballos farase ordinariamente en formato póster. Na guía do TFG determinarase o procedemento para garantir a exposición pública dos pósteres previamente á súa defensa.

O coordinador ou coordinadora do TFG reservará os medios necesarios para a defensa do TFG (aula, medios de proxección, conexión a rede) nas datas oficiais indicadas para a súa exposición.

En casos excepcionais debidamente xustificados e autorizados pola CT, poderá realizarse a defensa por medios telemáticos, así como a concorrencia por esta vía dalgún dos avaliadores (membro do tribunal ou titor/a), coas garantías que se determinen na autorización.

Artigo 8. Trámites para a solicitude de defensa e entrega dos Traballos Fin de Grao

O/a estudante solicitará a defensa do TFG e subirá un exemplar dixital do traballo á Secretaría Virtual do Alumno (SVA) nos prazos establecidos para cada curso. A tal fin, cada estudante cubrirá un formulario no que deberá indicar os datos que nel se determinen (título do traballo, resumo, idioma, autorización para a pubicación, etc.), e indicará así mesmo cal é a modalidade de avaliación a que se acolle.

O/a estudante deberá, no prazo que determine a CT que se publicará na guía de procedementos do TFG, entregar na Secretaría do Centro copia/s do TFG. Deberá entregar unha soa copia no caso de optar pola modalidade de defensa ante o/a titor/a, e tres copias no caso de optar pola modalidade de defensa diante de tribunal.

Finalizados os prazos establecidos para solicitudes de defensa, o centro publicará a relación de candidatos, tribunais e titores avaliadores, espazos e data e hora de defensa para cada traballo. Entre a solicitude de defensa e a súa realización deberán mediar, polo menos, sete días naturais.

A CT establecerá un formato estándar para cada modalidad de presentación dos TFG, que estará dispoñible na web da facultade. En todo caso, os traballos incluirán:logotipo oficial da Facultade, denominación do Grao, título do traballo, nome completo de autor/a, ano académico, resume (unhas 250 palabras) na lingua oficial na que está redactado e en inglés, introdución, desenvolvemento do tema, conclusións e bibliografía consultada.

O alumnado que, unha vez feita a entrega do traballo e verificado que cumpre as condicións para a súa defensa, non se presente á defensa do TFG na data asignada, terá a cualificación de suspenso nesa oportunidade.

Artigo 9. Avaliación, cualificación e revisión.

A cualificación dos traballos realizarase conforme aos criterios establecidos na guía docente da materia, vinculados á consecución das competencias da titulación e das competencias transversais.

Na modalidade de avaliación por tribunais, o titor ou titora entregará ao tribunal, a través da Secretaría Virtual do PDI (SVPDI) un Informe Final de seguimento/avaliación, segundo o modelo que a CT propoña para estes efectos, no que figurará a súa cualificación do traballo. Os membros do Tribunal realizarán un Informe de avaliación final, segundo o modelo que a CT propoña para estes efectos, no que se avaliarán especialmente as competencias asociadas á presentación pública e defensa do TFG, conforme aos criterios de avaliación publicados no programa da materia e a o disposto na memoria de verificación do título, e outorgarán unha cualificación de acordo coa seguinte escala numérica, de 0 a 10, con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:

• Non Presentado (NP)

• 0 - 4,9: Suspenso (SS)

• 5,0 - 6,9: Aprobado (AP)

• 7,0 - 8,9: Notable (NT)

• 9,0 - 10: Sobresaliente (SB)

A mención de “Matrícula de Honra” poderá ser outorgada a estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder do 5% do alumnado matriculado nesa materia no correspondente curso académico. Se o número de alumnos é inferior a 20, poderase outorgar unha matrícula de honra. Esta mención só poderá outorgarse unha vez rematadas as defensas de todos os traballos correspondentes ao curso académico. A atribución desta cualificación corresponderalle á CT, oídas as propostas dos diferentes tribunais.

Na modalidade de avaliación por titor/a, a máxima cualificación que pode recibir o traballo será de Notable. O/a titor/a, avaliará o TFG e realizará un Informe de avaliación final, no que outorgará a cualificación de acordo coa seguinte escala numérica, de 0 a 7,5, con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:

• Non Presentado (NP)

• 0 - 4,9: Suspenso (SS)

• 5,0 - 6,9: Aprobado (AP)

• 7,0-7,5: Notable (NT)

A cualificación recollerase, polo tanto, nas dúas modalidades, nun Informe de avaliación final do TFG que será conservado polos secretarios/as dos tribunais (na modalidade de avaliación por tribunal) ou polos/as titores/as na modalidade de avaliación por titor/a, durante o período establecido na normativa vixente referida ós procesos de avaliación e cualificación.

A cualificación farase pública a través dos medios dispoñibles (taboleiro de anuncios, casilleiro, acta electrónica provisoria, aula virtual, SVA), nun prazo non superior a sete días desde a súa defensa.

O alumnado terá dereito á revisión das cualificacións nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicas as cualificacións provisorias. As datas de revisión estarán comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados e incluirán como mínimo dúas datas opcionais. Para estes efectos o mes de agosto será inhábil e non computará neste prazo.

A revisión será persoal e, na modalidade de avaliación por tribunal, poderá realizala un ou varios membros do tribunal. En todo caso deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou mediante calquera sistema que acredite a súa realización.

Finalizado o prazo de revisión os Informes de avaliación final deberán entregarse na Secretaría do Decanato para a súa custodia polo tempo determinado pola Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revision de cualificacións.

O procedemento de reclamación contra a cualificación será o establecido na Normativa de Avaliación do Rendemento Académico dos Estudantes e de Revisión de Cualificacións

Artigo 10. Xestión das actas.

Elaborarase unha acta individual por cada alumno/a e traballo e para cada oportunidade na que constarán o/s titor/es académicos, o tribunal (de ser o caso) e o título do traballo defendido, así como a súa cualificación e data de defensa. As actas estarán asinadas por os avaliadores (titor/a ou membros do tribunal). En caso de imposibilidade de asinar a acta por algún dos membros avaliadores, esta circunstancia porase en coñecemento da Secretaría Xeral, que procederá a autorizar a sinatura da acta polo/a coordinador/a dos TFG. No caso de imposibilidade destes, substituiranse polo/a profesor/a que designe a Secretaría Xeral. En todos os casos farase constar a dita incidencia.

Os períodos de cobertura de actas serán os que se fixen no calendario académico oficial.

Finalizado o período de defensa de TFG en cada curso académico xerarase de xeito automático unha acta consolidada (acta final) para a materia Traballo Fin de Grao, que conterá a todo o alumnado matriculado na materia de TFG coas cualificacións que en cada caso lles corresponda polas actas individuais, non presentados, mencións e as cualificacións obtidas polos alumnos de intercambio. Estas actas serán asinadas polo/a coordinador/a do TFG.

O alumnado matriculado que non se presentase en ningunha das oportunidades, figurará na acta consolidada coa mención “non presentado”. Nesta edición da acta tamén se incorporarán as mencións de “matrícula de honra” conforme o establecido no artigo anterior. Dita acta deberá ser asinada polo/a decano/a ou coordinador/a dos TFG.

Artigo 11. Dereitos do alumnado

A propiedade intelectual dos traballos correspóndelle ao/á alumno/a que o realizou.

No caso de que os traballos se realicen no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade ou, de ser o caso, dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os recollidos no dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente por escrito, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial.

Nestes casos e sempre que existan cláusulas de confidencialidade con empresas ou no caso de que poidan dar lugar a dereitos de propiedade industrial e intelectual que non se poidan difundir antes de estaren debidamente protexidos, actuarase do seguinte modo:entregaranse dúas versións da memoria de TFG:a reducida, na que se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade; e o exemplar completo, que se entregará baixo compromiso de confidencialidade.

O exemplar reducido será o que se utilice para ser autorizada a súa defensa e deberá coincidir co contido da exposición e defensa pública. A versión completa entregarase aos membros do tribunal para a súa avaliación. O/a titor/a e os membros do tribunal deberán asinar o correspondente compromiso de confidencialidade sobre os contidos que non se poderán difundir publicamente. Se o tribunal desexa formular cuestións sobre os contidos protexidos, estas intervencións faranse nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.

O exemplar do traballo non será obxecto de publicación no repositorio institucional da USC (Minerva) ata que sexan realizadas as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade.

Unha copia en formato electrónico dos traballos superados quedará depositada no centro para o seu arquivo e consulta, e poderá ser utilizada na Universidade de Santiago de Compostela para usos académicos e de investigación, sempre coa mención específica aos seus autores. Para estes efectos o alumnado asinará a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo inédito.

A CT poderá propoñer a publicación dos TFG que destaquen pola súa calidade no repositorio institucional da USC (Minerva), e en especial propoñeranse os dos/as alumnos/as que acaden a mención de matrícula de honra nesta materia. Os/as autores/as dos traballos propostos, co visto e prace do/a titor/a, deberán asinar o correspondente documento para autorizar a súa difusión no que declaren que se trata dun traballo orixinal.

Artigo 12. Deberes do alumnado

Os TFG deben ser traballos orixinais de elaboración propia e deben citarse debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.

O incumprimento do indicado no párrafo anterior suporá a cualificación de “suspenso” na convocatoria e o deber do/a titor/a e/ou do tribunal que o detecte é poñelo en coñecemento da reitoría a efectos de iniciar as accións disciplinarias que procedan, de conformidade co artigo 16 da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.

Con carácter previo ao acto de defensa, poderá realizarse unha análise automatizada de control, que permita detectar a vulneración de dereitos de propiedade intelectual. A partir desa análise, se a CT considera que se vulneraron os citados dereitos, poderá denegar a defensa do traballo e aplicarase o indicado no parágrafo anterior.

Disposición Final Primeira.

A Comisión do Título de Grao é a encargada de velar polo cumprimento da normativa desenvolvida neste regulamento e interpretala se fose necesario.

Disposición Final Segunda. Entrada en vigor

O presente Regulamento entrará en vigor, tras a súa publicación no taboleiro electrónico da USC, no curso académico 2018/2019 e será de aplicación aos títulos regulados polo R.D. 1393/2007, do 29 outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

O presente Regulamento será interpretado en consonancia co resto de normas e procedementos vixentes da Universidade de Santiago de Compostela, entre outras a Normativa sobre Permanencia nas Titulacións de Grao e Máster, a Normativa de Avaliación do Rendemento Académico dos Estudantes e de Revisión de Cualificacións, o Regulamento da USC dos Intercambio Universitarios de Estudantes, as Normas de Planificación Académica Anual, e o resto de normas sobre os TFG do Centro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Regulamento do Traballo Fin de Grao en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Xunta de Facultade con data 13 de setembro de 2013.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver