Regulamento de concesión dos premios extraordinarios de grao e master da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0159
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

Exposición de motivos

O Consello de Goberno do 27 de abril de 2012 aprobou o procedemento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC. Dadas as dúbidas xurdidas sobre a aplicación do procedemento foi necesario ditar a Instrución 15/2012 da Secretaría Xeral sobre procedemento de concesión do premio extraordinario de grao e máster. Posteriormente, modificouse o procedemento por acordo do Consello de Goberno do 26 de marzo de 2014 e do 22 de febreiro de 2018.

Ademais, para a concesión dos premios extraordinarios de grao e máster é necesario dispor dos ránkings do curso académico que corresponda. Debido a cuestións de calidade dos datos, e para asegurar a certeza dos mesmos, ditos ránkings non poden considerarse definitivos ata finais de novembro. Isto implica que os prazos de remisión das propostas dos centros indicadas nas normativas citadas non teñan operatividade, polo que anualmente é necesario ditar unha resolución de ampliación de prazos neste sentido.

Por outra parte, faise necesario incluír nesta norma algunha casuística non contemplada con anterioridade e mellorar o procedemento dando máis seguridade xurídica.

É preciso, pois, aprobar unha nova regulación de concesión dos premios extraordinarios de grao e mestrado da USC, que unifique e actualice as dúas normas existentes.

Por todo o anterior, o Consello de Goberno do 20 de decembro de 2019 acordou aprobar o Regulamento de concesión do premio extraordinario de grao e mestrado da USC co seguinte teor:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este regulamento ten por obxecto establecer o procedemento de concesión dos premios extraordinarios das titulacións de grao e mestrado oficiais impartidas nas Facultades e Escolas de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 2. Número de premios

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela poderá outorgar como máximo dous premios extraordinarios por cada grao oficial e un por cada mestrado universitario oficial, con independencia de que a titulación se imparta en un ou varios centros ou campus.

A proposta de concesión do premio extraordinario será realizada polo Centro de adscrición da titulación.

O Centro poderá deixar desertos algúns dos premios e en ningún caso se poderá acumular o número de premios que queden vacantes para futuros cursos académicos.

Artigo 3. Destinatarios

Só poderán ser obxecto de valoración aqueles estudantes que acadaran o grao ou mestrado universitario oficial no precedente curso académico no que se concede o premio extraordinario.

O alumnado que acade a titulación e que teña accedido dende os cursos ponte ou por recoñecemento, adaptación ou validación de estudos, non poderá ser proposto para o premio se supera en máis dun terzo as materias de dita titulación por cursos ponte, ou por recoñecemento, adaptación ou validacións de estudos.

Ademais para ser destinatarios dos premios extraordinarios de grao será necesario:

- Para o caso dos/das estudantes que realizaron os estudos a tempo completo, telos finalizado no número de cursos académicos establecido na titulación.

- Para o caso dos/das estudantes que realizaron estudos a tempo parcial, telos finalizado nun prazo máximo de dous cursos académicos a maiores do número de cursos establecidos para a titulación.

Para ser destinatarios dos premios extraordinarios de mestrado universitario oficial será necesario ademais:

-Para o caso dos/das estudantes que realizaron os estudos a tempo completo, telos finalizado no número de cursos académicos establecido na titulación.

- Para o caso dos/das estudantes que realizaron estudos a tempo parcial, telos finalizado nun prazo máximo do dobre do número de cursos académicos establecidos para a titulación.

Artigo 4. Proposta de concesión

A proposta de concesión do premio extraordinario realizarase de oficio, sen que sexa necesario abrir un período de solicitudes, e recaerá en estudantes que acadaran a máxima cualificación da súa promoción. O decanato ou dirección do Centro, ben directamente ou ben por encargo da comisión que teña delegada esta competencia, remitirá a proposta á Secretaría Xeral antes do 20 de decembro do curso académico seguinte á finalización dos estudos.

Na valoración dos estudos incluiranse todas as materias superadas, incluído o traballo de fin de grao (TFG) e o traballo fin de mestrado (TFM).

Os centros deberán enviar as propostas dos premios de todas as titulacións adscritas ao mesmo, tanto de grao como de mestrado universitario oficial. A proposta non poderá exceder do número máximo de premios que se indica no artigo 2, podendo ser inferior a ese tope.

No caso das titulacións impartidas en varios centros ou campus, as propostas serán enviadas unicamente dende o Centro ao que estea adscrita a titulación.

O premio ou premios deben declararse desertos se os/as estudantes que obteñan os primeiros postos da promoción non acadan unha puntuación media de 8. No caso de que se realicen propostas cunha puntuación inferior, o órgano propoñente deberá motivalo axeitadamente.

A proposta provisoria farase pública no Taboleiro Oficial de Anuncios da USC e contra esta poderán presentarse alegacións no prazo de 10 días dende a súa publicación.

Finalizado o prazo de presentación de alegacións, e unha vez valoradas polo Centro, este emitirá a proposta definitiva de concesión, que remitirá á Secretaría Xeral, para a súa tramitación perante o Consello de Goberno, xunto cun informe sobre as alegacións recibidas, a valoración destas e a súa incidencia respecto á proposta provisoria. Contra a proposta definitiva de concesión non cabe recurso.

Artigo 5. Concesión dos premios extraordinarios

O Consello de Goberno é o órgano competente para adoptar a decisión sobre a concesión dos premios extraordinarios, en función das propostas presentadas.

O Servizo de Xestión Académica será o encargado de notificar ao interesado a concesión definitiva e incorporalo no seu expediente.

Artigo 6. Recursos

Contra a resolución de concesión dos premios extraordinarios os interesados poderán presentar recurso de reposición perante o Consello de Goberno.

Artigo 7. Efectos

Aos/ás estudantes aos que se lles outorgue o premio extraordinario expediráselles unha certificación conforme ao modelo que estableza a Secretaría Xeral. A primeira certificación non devindicará prezos públicos.

A referida mención incluirase tamén no Suplemento Europeo ao Título (SET) e nas certificacións académicas que se expidan. As expedicións dun novo SET e de novas certificacións académicas devindicarán as taxas que correspondan segundo a normativa aplicable.

O alumnado con premio extraordinario poderá ter outros beneficios e prioridades que lle outorgue a lexislación vixente ou convocatorias específicas respecto a esta distinción.

Disposición adicional

No momento de entrada en vigor desta norma o sistema de valoración dos expedientes é o ránking da promoción, calculada conforme ao Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración seguimento deste, ou norma que a substitúa.

Disposición transitoria

Para a concesión dos premios extraordinarios de grao e mestrado universitario oficial do curso 2018/2019 aplicarase o procedemento establecido anteriormente.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan a este regulamento e, expresamente, a Normativa de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC, aprobado polo Consello de Goberno do 27 de abril de 2012 e as súas modificacións do 26 de marzo de 2014 e do 22 de febreiro de 2018, así como a Instrución 15/2012 da Secretaría Xeral sobre procedemento de concesión do premio extraordinario de grao e máster.

Disposición final

Este regulamento entrará en vigor o día da súa publicación no Taboleiro Oficial de Anuncios da USC, e será de aplicación a partir dos premios correspondentes ao curso 2019/2020.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver