lex.gal dereito galego consolidado

Que é?

Lex.gal é un proxecto desenvolvido conxuntamente polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Neste portal atopará unha completa base de datos con toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma galega, en galego e consolidada.

Con esta ferramenta ábrese a toda a cidadanía a posibilidade de dispor, en rede e con contido permanentemente actualizado, dun acceso á versión consolidada, actualizada e en galego de todas as normas ditadas desde o ano 1981 pola nosa Comunidade. Con este portal complétase o traballo desenvolvido desde as webs oficiais da Xunta de Galicia e do Parlamento de Galicia no seu deber de dar cumprimento aos requirimentos de transparencia e accesibilidade que esixe o marco normativo actual.

Lex.gal é, ademais, unha ferramenta viva e en permanente progreso. O obxectivo deste proxecto é ir ampliando os seus contidos con novos produtos como códigos sectoriais nos que se reunirán sistematizadas e ordenadas por sectores da actividade da administración ou das diversas ramas do dereito as principais normas vixentes comentadas e accesibles para a súa descarga gratuíta; ou o acceso á carta a través de diversos dispositivos electrónicos e móbiles aos diversos contidos do portal.

Co fin de ampliar e mellorar esta ferramenta, Lex.gal incorpora unha fiestra para que calquera usuaria ou usuario poida facer as achegas e os comentarios que considere oportunos, facilitando así non só a participación de toda a cidadanía neste proxecto senón tamén o seu permanente perfeccionamento e mellora, tal e como require o principio de boa administración.

Benvidos/as a Lex.gal

"Completa base de datos coa versión consolidada, actualizada e en galego de todas as normas ditadas desde o ano 1981 pola Comunidade Autónoma de Galicia"
Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia