lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Publicado en: DOG 30 15/02/2016

Última modificación: 29/11/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

1

A importancia do control cidadán sobre a actividade gobernamental nunha democracia queda acreditada desde os debates que precederon á promulgación da primeira constitución democrática da historia. Nos chamados «papeis federalistas», pensadores como James Madison ou Alexander Hamilton introducían os conceptos de «rendición de contas» ou «controis e contrapesos» como elementos esenciais que se atopan na raíz da democracia.

Unha democracia non entendida tan só como mecanismo de elección de gobernos mediante sufraxio senón como un sistema de imperio da lei, coas debidas garantías e tutelas das liberdades e dos dereitos individuais dos cidadáns e das cidadás.

Nese sentido, os mecanismos de transparencia e de bo goberno funcionan como contrapesos que garanten a protección da cidadanía fronte a hipotéticas arbitrariedades do poder público e o uso indebido dos cartos ou patrimonio públicos. As incompatibilidades das persoas que exerzan altos cargos, a publicidade das actividades do Goberno e o exame cidadán de toda esta información supoñen mecanismos de control e de limitación do poder estatal perante as liberdades civís.

2

No ordenamento xurídico estatal, xa a propia Constitución prevé como unha obriga a regulación do acceso cidadán a determinada información administrativa. Ao mesmo tempo, o dereito fundamental á participación nos asuntos públicos, enunciado no artigo 23, non se debe entender limitado, como diciamos, ao dereito de sufraxio senón á capacidade da cidadanía de ser un actor fundamental no seguimento, no control e na vixilancia da actividade dos poderes públicos.

Con esa vocación, as Cortes Xerais aprobaron a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Unha norma que é, na súa maior parte, de contido básico e, en consecuencia, resulta aplicable ás institucións autonómicas no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor, tal e como está indicado na disposición derradeira novena da dita norma.

Esa lei establece as obrigas de difusión de determinada información pública a través da internet, concretando un catálogo mínimo de datos que ofrecer. Por outra banda, regula o dereito da cidadanía a solicitar do Goberno calquera outra información pública que xulgue oportuna, concretando os límites dese dereito e establecendo a posibilidade, en todo caso, de recurso contra as resolucións denegatorias emitidas polas administracións.

Finalmente, a devandita lei establece uns principios básicos de bo goberno para os altos cargos das administracións públicas estatais, e deixa ao cargo de cada unha delas a lexislación concreta sobre as súas normas de conduta e control das incompatibilidades.

3

No eido galego, a rendición de contas fora xa abordada por dúas leis específicas: por unha banda, a Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, e, por outra, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Ambas as dúas normas teñen a súa cerna no deber fundamental, encomendado polo Estatuto de autonomía aos poderes públicos galegos, de facilitar a participación de todos os galegos na vida política, e teñen o seu sustento legal no artigo 28.1 do mesmo estatuto, que recoñece a competencia da Comunidade Autónoma galega para regular o réxime xurídico da Administración pública de Galicia.

As dúas leis supuxeron importantes avances no control da actividade pública en Galicia. A Lei 9/1996 fixou o primeiro réxime de incompatibilidades dos responsables públicos de Galicia, instaurando as precaucións necesarias para garantir a súa obxectividade e imparcialidade. A Lei 4/2006, pola súa banda, introduciu a transparencia como principio reitor da actividade da Administración autonómica e supuxo a concreción legal de prácticas hoxe habituais como a publicación da información sobre os convenios e contratos públicos, as convocatorias de subvencións e a resolución destas ou a información retributiva dos cargos públicos.

Ás obrigas de transparencia e bo goberno exixidas por estas leis foron uníndose, ao longo dos anos, outras obrigas en leis sectoriais reguladoras de materias como as subvencións, a ordenación urbanística, as prestacións sanitarias, o sistema de arquivos, a calidade dos servizos públicos, e mesmo na propia Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En calquera caso, a crecente exixencia cidadá de control público da actividade das institucións, así como a necesidade de adaptar as leis existentes en Galicia ao novo marco legal derivado da aprobación de nova lexislación básica, aconsellan a aprobación dun novo texto. Unha nova norma que, ademais de avanzar nos pasos dados pola lexislación previa e de os superar, integre nun mesmo texto toda a regulación referida á rendición de contas dos poderes públicos galegos, tanto no que respecta aos datos derivados da súa actividade administrativa e gobernamental coma no tocante aos mecanismos de control das boas prácticas por parte das persoas que teñen responsabilidades públicas. Unha nova norma que, nos momentos previos á súa remisión ao Parlamento, estea suxeita a un proceso de participación cidadá que terá resultado na incorporación de achegas cidadás á súa redacción final.

Polo que respecta ao fundamento competencial desta norma, o título I dítase en exercicio da competencia autonómica exclusiva en materia de organización das súas institucións de autogoberno recollida no artigo 27.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, da competencia de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de réxime xurídico da Administración pública de Galicia recollida nos artigos 28.1 e 39 do mesmo texto legal, en relación co artigo 148.1.1 da Constitución, dentro do marco lexislativo básico ditado polo Estado.

As materias do título II, baixo a rúbrica de «bo goberno», teñen o seu fundamento nas competencias da Comunidade Autónoma para regular por lei o alcance da responsabilidade e o estatuto persoal dos membros da Xunta, na competencia autonómica en materia de organización das súas institucións de autogoberno, consonte o previsto no artigo 27.1 e 39 en relación co artigo 16 do Es4tatuto de autonomía de Galicia.

4

Deste xeito, a presente lei estrutúrase nun título preliminar e tres títulos numerados, cada un deles dedicado á regulación dun dos dous obxectivos fundamentais mencionados no propio nome da lei: a transparencia e o bo goberno das administracións públicas autonómicas, ademais do réxime sancionador.

Así, en primeiro lugar, o título preliminar establece o obxecto da lei e marca aqueles principios polos cales se deberá rexer a súa aplicación.

A continuación, o título I céntrase no eido da transparencia. O seu capítulo I define aqueles suxeitos aos cales serán aplicables as obrigas de transparencia e regula, así mesmo, a obriga doutros suxeitos de colaboraren con aqueles na satisfacción das solicitudes de información pública introducindo, como novidade respecto do marco básico, a posibilidade de aplicar multas coercitivas no caso de ausencia desta necesaria colaboración.

No capítulo II deste título establécense obrigas de publicidade activa, adicionais ás fixadas pola normativa básica e que, pola súa vez, amplían as establecidas pola Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. Así, márcanse novas obrigas de publicidade sobre información institucional, de relevancia xurídica ou en materias como relacións coa cidadanía, contratación pública, convenios, persoal, patrimonio ou información económica e orzamentaria.

Pero non só é importante a cantidade dos contidos ofertados senón a calidade destes, e mesmo o seu formato. Por isto, o capítulo III deste primeiro título recolle como modalidade preferente de difusión da información pública os formatos abertos, que permitan á cidadanía a reutilización dos datos públicos.

No seu capítulo IV, o título I aborda a regulación do dereito cidadán ao acceso á información pública, máis alá daquela que sexa ofertada en virtude do disposto no capítulo I. Deste xeito, determínase o procedemento pertinente, establecendo a necesaria obriga das administracións públicas de facilitaren á cidadanía aquela orientación e asesoramento que precise, así como de lle proporcionaren modelos normalizados de solicitudes e canles electrónicas para as tramitar.

Por último, o capítulo V regula os necesarios mecanismos de coordinación e control das ditas obrigas de transparencia. Así, en primeiro lugar regula o Portal de transparencia e Goberno aberto, en que o sector público autonómico deberá dar conta das obrigas de publicidade activa. En segundo lugar, organiza os mecanismos internos de coordinación dentro do sector público autonómico para lles dar cumprimento ás solicitudes de información pública e, por último, de conformidade coa posibilidade regulada na disposición adicional cuarta da lei básica, determina o órgano independente capaz de resolver as reclamacións sobre resolucións denegatorias ás ditas solicitudes. Para garantir a auténtica independencia deste órgano, óptase pola atribución desta competencia ao Valedor do Pobo, institución estatutaria de contrastada independencia, ao ter garantido na súa lei reguladora que nin o seu nomeamento nin o seu cesamento sexan potestade do Goberno autonómico senón do Parlamento.

O título II desta lei, pola súa banda, centra a súa atención nos mecanismos de bo goberno e control da actividade das persoas que ocupan altos cargos no sector público autonómico. En concreto, o capítulo I deste título procede a regular con precisión, en primeiro lugar, o repertorio de persoas que teñen a consideración de alto cargo e, a seguir, as obrigas que as acompañan no exercicio desa responsabilidade, dando rango legal á necesaria existencia dun código ético institucional no eido do sector público autonómico.

No tocante ás incompatibilidades, partindo do principio xeral de dedicación exclusiva, establece as oportunas, razoables e limitadas excepcións a esta e pasa, a continuación, a potenciar o control sobre os eventuais conflitos de intereses que poidan xurdir no exercicio do seu cargo. Así, establécese como principal novidade respecto da lexislación vixente a obriga de se abster nas tomas de decisións relativas a persoas xurídicas ou entidades privadas das cales o alto cargo tivese parte na súa dirección, asesoramento ou administración nos dous anos anteriores ao nomeamento.

Xunto con este exemplo, o control sobre os eventuais conflitos de intereses das persoas que ocupan altos cargos vese ampliado tamén pola introdución da obriga para estas persoas de ter que informar a Oficina de Incompatibilidades, durante os dous anos seguintes ao seu cesamento, daquelas actividades que vaian realizar, para que a dita oficina poida informar sobre a súa compatibilidade.

Finalmente, o control da actividade das persoas que ocupan altos cargos non se circunscribe unicamente ao ámbito interno, senón que se fai público a través da publicidade da información recollida nas declaracións de actividades e bens destas persoas. Polo tanto, grazas á publicación das declaracións de actividades, a cidadanía poderá coñecer as actividades desenvolvidas por cada unha destas persoas nos dous anos anteriores á súa toma de posesión, o que, sumado á obrigatoria publicación das resolucións de compatibilidade aprobadas tras o cesamento, lles proporcionará ás galegas e aos galegos unha completa información sobre a traxectoria de quen xestiona ou xestionou os recursos públicos.

No entanto, no relativo ás declaracións de bens, esténdese a obriga de publicidade que a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, estableceu para os membros do Goberno. A partir da entrada en vigor desta lei, serán todas as persoas que ocupen altos cargos as que deban facer pública a súa información patrimonial tanto no momento do seu nomeamento coma no do seu cesamento, permitindo un escrutinio público sobre a evolución do dito patrimonio.

O capítulo II deste segundo título incide sobre as boas prácticas especificamente relacionadas cos procesos de transición entre gobernos. Partindo da delimitación da consideración do Goberno en funcións recollida no artigo 17 do Estatuto de autonomía de Galicia, procédese a limitar as súas facultades durante este período, garantindo que a súa actividade non poida condicionar de xeito substancial a actividade do Goberno que o suceda. Do mesmo xeito, regúlanse as obrigas dese goberno en funcións de lle proporcionar ao futuro Goberno toda aquela información necesaria para iniciar a súa xestión, establecéndose unha completa relación da documentación que deberá ser obxecto de transmisión durante o proceso de traspaso de poderes entre os gobernos saínte e entrante.

O título III establece o réxime sancionador derivado dos incumprimentos en materia de incompatibilidades e conflitos de intereses. Así mesmo, en desenvolvemento das infraccións en xestión económico-orzamentaria e das infraccións disciplinarias reguladas pola Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, precísase o seu procedemento sancionador, ademais de incorporar ao catálogo de infraccións disciplinarias dispostas pola lei básica aqueloutras derivadas do incumprimento das obrigas de transparencia previstas nesta lei.

A parte final desta lei está conformada por sete disposicións adicionais, tres transitorias, unha derrogatoria e cinco derradeiras. Nelas procédese, por exemplo, a engadir a ponderación do criterio de custo nos procedementos de contratación á do criterio prezo, introducida mediante o artigo 10 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. En liña coas recentes directivas europeas na materia, incorpórase o factor custo, entendido como custo do ciclo de vida, como elemento máis preciso e eficiente para a determinación das adxudicacións. A dita novidade incorpórase ao texto legal que actualmente aglutina en Galicia toda a regulación sobre contratación pública no sector público autonómico: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Por outra banda, consolídase un elemento de control da actividade pública que fora introducido en inicio pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, pero que, ao contrario que o resto do articulado da dita lei, ten unha vocación de vixencia indefinida. Trátase da capacidade do Consello da Xunta para homologar os criterios retributivos do persoal directivo das entidades do sector público autonómico, unha regulación que agora pasa a se inserir dentro da propia Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e que, polo tanto, se traslada ao núcleo básico da normativa autonómica sobre réxime xurídico do noso sector público.

O resto das disposicións incluídas na parte final dedícase, de xeito fundamental, a definir os compromisos de desenvolvemento regulamentario e a marcar as transitoriedades necesarias ata que o dito desenvolvemento estea plenamente culminado, así como a marcar o momento de entrada en vigor da lei.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de transparencia e bo goberno.

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1. Obxecto

1. Esta lei ten por obxecto regular a transparencia e a publicidade na actividade pública, entendendo esta como a desenvolvida cun financiamento público, así como o dereito da cidadanía a acceder á información pública, entendendo estoutra tal e como se define no artigo 24 desta lei.

2. Así mesmo, é obxecto desta lei establecer o réxime xurídico das obrigas de bo goberno que deben cumprir o sector público autonómico así como as persoas que ocupen altos cargos nel, incluíndo o seu réxime de incompatibilidades, de conflito de intereses e de control dos seus bens patrimoniais.

Artigo 2. Principios reitores da lei

A interpretación e a aplicación desta lei rexeranse polos seguintes principios:

a) Principio de transparencia, polo que toda a información pública é accesible e relevante e mais toda persoa ten acceso libre e gratuíto a ela, coas únicas excepcións previstas na lei.

b) Principio de accesibilidade universal da información pública, de xeito que tanto a información coma os instrumentos e as ferramentas empregados na súa difusión sexan comprensibles, utilizables e localizables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e mais da forma máis autónoma e natural posible.

c) Principio de participación cidadá, polo que se considera como obxectivo final dos mecanismos descritos na lei a provisión á cidadanía da información necesaria para exercer o seu dereito fundamental á participación nos asuntos públicos.

d) Principio de veracidade, en virtude do cal a información pública será certa e exacta, garantindo que procede de documentos respecto dos que se verificou a súa autenticidade, fiabilidade, integridade, dispoñibilidade e cadea de custodia.

e) Principio de responsabilidade, que supón que as entidades suxeitas ao disposto nesta lei son responsables do cumprimento das súas prescricións.

f) Principio de non discriminación tecnolóxica nin lingüística, que supón que as entidades suxeitas ao ámbito de aplicación desta lei arbitrarán os medios necesarios para poñer á disposición da cidadanía a información pública na lingua e a través do medio de acceso que a cidadanía elixa.

g) Principio de reutilización da información, polo que se facilita a difusión dela en formatos abertos para que a cidadanía poida aproveitar, para as súas actividades, os documentos e datos publicados.

h) Principios de integridade, honestidade, imparcialidade, obxectividade e respecto ao marco xurídico e á cidadanía no relativo á actuación das persoas que ocupen altos cargos.

TÍTULO I Transparencia da actividade pública

CAPÍTULO I Ámbito subxectivo de aplicación

Artigo 3. Ámbito subxectivo de aplicación

1. As disposicións deste título serán aplicables:

a) Ao sector público autonómico, integrado, de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do seu sector público.

b) Ás universidades do Sistema universitario de Galicia e ás entidades vinculadas ou dependentes delas.

c) Ás corporacións de dereito público que desenvolvan a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, no relativo ás súas actividades suxeitas a dereito administrativo.

d) Ao Parlamento de Galicia, ao Consello Consultivo, ao Valedor do Pobo, ao Consello de Contas, ao Consello Económico e Social, ao Consello Galego de Relacións Laborais e ao Consello da Cultura Galega en relación coas súas actividades suxeitas a dereito administrativo e, en todo caso, respecto dos seus actos en materia de persoal e contratación.

e) A todos os demais entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distinta dos expresados nas alíneas anteriores, que fosen creados especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos dos indicados nas alíneas anteriores financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

f) Ás asociacións constituídas polos entes, os organismos ou as entidades anteriores.

2. Os partidos políticos, as organizacións sindicais, as organizacións empresariais e as entidades privadas perceptoras de fondos públicos a que se refire o artigo 3 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, cando reciban fondos do sector público autonómico, darán cumprimento ás súas obrigas de publicidade activa no Portal de transparencia e Goberno aberto.

3. No tocante ás obrigas de subministración de información, esta lei será aplicable a calquera entidade privada que reciba ou xestione fondos públicos ou cuxa actividade teña interese público ou repercusión social nos termos previstos no artigo seguinte.

Artigo 4. Obriga de subministración de información

1. Todas as persoas físicas ou xurídicas distintas das indicadas no artigo 3.1, que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas, estarán obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas neste título.

2. Esta obriga de subministrar información estenderase:

a) A todas as persoas físicas ou xurídicas adxudicatarias de contratos.

b) A todas as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias de subvencións.

3. Para garantir o cumprimento do previsto neste e no anterior artigo, as bases reguladoras das subvencións, así como a documentación contractual ou os negocios xurídicos que instrumenten a prestación dos servizos públicos ou o exercicio de potestades públicas, recollerán expresamente esta obriga de subministración de información e as consecuencias do seu incumprimento.

4. Regulamentariamente determinarase o procedemento que cómpre seguir para o cumprimento desta obriga, así como as multas coercitivas aplicables nos supostos en que o requirimento de información non sexa atendido en prazo. A multa de 100 a 1.000 euros será reiterada por períodos mensuais ata o cumprimento. O total da multa non poderá exceder o 5 % do importe do contrato, subvención ou instrumento administrativo que habilite para o exercicio das funcións públicas ou a prestación dos servizos. No suposto de que no devandito instrumento non figure unha contía concreta, a multa non excederá os 3.000 euros. Para a determinación do importe atenderase á gravidade do incumprimento e ao principio de proporcionalidade.

Artigo 5. Fomento da cultura da transparencia

1. A Xunta de Galicia promoverá a cultura da transparencia entre a cidadanía con cursos, conferencias e cantos outros medios considere oportunos para fomentar e divulgar os medios dispoñibles e animar ao exercicio do dereito de acceso á información por parte dos cidadáns.

2. Con ese mesmo fin, a Xunta de Galicia fará público anualmente no Portal de transparencia e Goberno aberto un informe aprobado pola Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación, que analizará e expoñerá, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) As estatísticas relativas ao dereito de acceso á información pública, coa inclusión do número de solicitudes presentadas e das porcentaxes dos distintos tipos de resolución a que deron lugar.

b) Os datos sobre a información máis consultada no Portal de transparencia e Goberno aberto e sobre a máis solicitada a través do exercicio do dereito de acceso.

CAPÍTULO II Publicidade activa

Artigo 6. Principios xerais

1. Enténdese por publicidade activa o compromiso dos suxeitos comprendidos nos puntos 1 e 2 do artigo 3 de publicaren por propia iniciativa e de forma periódica, actualizada, clara, veraz, obxectiva e doadamente accesible toda aquela información relevante relativa ao seu funcionamento, como medio para fomentar o exercicio por parte da cidadanía do seu dereito fundamental á participación e ao control sobre os asuntos públicos.

2. As obrigas de publicidade activa contidas neste capítulo enténdense complementarias das recollidas na normativa básica e sen prexuízo da aplicación doutras disposicións específicas que prevexan un réxime máis amplo en materia de publicidade.

3. Serán de aplicación, en todo caso, os límites ao dereito de acceso á información pública previstos na normativa básica, así como os derivados da normativa en materia de protección de datos persoais. Deste xeito, cando a información obxecto deste capítulo conteña datos especialmente protexidos, a súa publicidade só se levará a cabo logo da disociación destes.

4. A información suxeita ás obrigas de publicidade activa será publicada nas correspondentes sedes electrónicas ou páxinas web dun xeito claro, estruturado, conciso e entendible para as persoas interesadas e, preferiblemente, en formatos reutilizables. Estableceranse os mecanismos adecuados para facilitar a accesibilidade, a interoperabilidade, a calidade e a reutilización da información publicada, así como a súa identificación e localización.

5. Toda a información será comprensible, de acceso doado e gratuíto e estará á disposición das persoas con discapacidade nunha modalidade subministrada por medios ou en formatos adecuados de maneira que resulten accesibles e comprensibles, conforme o principio de accesibilidade universal e deseño para todos e todas.

Artigo 7. Obrigas específicas de información institucional, organizativa e de planificación

Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, os suxeitos citados no artigo 3.1 tamén publicarán:

a) A relación de órganos colexiados adscritos, a súa composición e as normas polas cales se rexen.

b) As competencias dos distintos órganos e entidades, así como os traspasos de funcións e servizos asumidos.

c) As delegacións de competencias vixentes.

d) A localización das unidades administrativas, os medios de contacto e o horario de atención ao público.

e) Os códigos éticos ou de bo goberno aprobados, así como os estándares de boas prácticas e responsabilidade social que aplica.

f) O contido do Rexistro de Entidades do Sector Público da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Os plans de actuación e contratos de xestión das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) O plan estratéxico ou de goberno.

i) As axendas da actividade institucional pública dos membros da Xunta de Galicia e das persoas que ocupen altos cargos, que se manterán públicas, como mínimo, durante un ano.

Artigo 8. Obrigas especíicas de información sobre as relacións coa cidadanía

Os suxeitos citados no artigo 3.1 desta lei facilitarán información sobre:

a) A relación de procedementos e servizos á disposición da cidadanía.

b) O réxime xurídico dos distintos servizos públicos.

c) Os requisitos eaicións de acceso aos servizos públicos.

d) As cartas de servizos aprobadas.

e) Os resultados das avaliacións de calidade efectuadas.

Artigo 9. Obrigas específicas de información de relevancia xurídica

Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, os suxeitos citados no artigo 3.1.a), no ámbito das súas competencias, tamén publicarán:

a) A relación da normativa vixente na súa versión consolidada.

b) Os textos das resolucións xudiciais firmes que afecten a vixencia ou interpretación das normas ditadas pola Administración pública competente.

c) A relación circunstanciada e motivada dos procedementos de elaboración de anteproxectos de lei e de disposicións administrativas de carácter xeral que estean en tramitación, a partir do momento en que se produza a aprobación do anteproxecto, con indicación do seu obxecto e estado de tramitación, así como a posibilidade que teñen as persoas de remitir suxestións e a forma de o facer.

Artigo 10. Obrigas específicas de información en materia de persoal

Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, os suxeitos citados no artigo 3.1, no ámbito das súas competencias, tamén publicarán:

a) As relacións de postos de traballo, os cadros de persoal e os demais instrumentos de ordenación de persoal dos ámbitos de función pública, sanitario e docente.

b) Os efectivos de persoal funcionario, laboral, sanitario e docente, así como a información sobre os efectivos de persoal eventual nos termos previstos no artigo 32 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

c) Os permisos para a realización de funcións sindicais, liberados e liberadas sindicais tanto de carácter institucional coma as dispensas sindicais, distribuídos segundo relación nominal de persoas e organizacións sindicais ás cales están vinculados, así como todos os custos que estas orixinan.

Crédito horario total que ten cada organización sindical e a súa distribución segundo relación nominal de persoas, así como todos os custos que estas orixinan.

d) Os importes das retribucións máximas autorizadas ao persoal regulado no artigo 53 bis da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e mais as retribucións que efectivamente perciben por todos os conceptos.

e) O perfil biográfico e a traxectoria profesional dos altos cargos.

f) As contías das retribucións que resulten aplicables ao persoal funcionario, estatutario e laboral, e as condicións para a súa devindicación.

g) As contías globais das indemnizacións por razón do servizo que resulten aplicables ao persoal empregado público.

h) As ofertas públicas de emprego ou instrumento similar de xestión da provisión das necesidades de persoal.

As convocatorias de procesos selectivos para o ingreso en corpos, escalas ou categorías de persoal empregado público e os membros dos órganos designados para os cualificar.

As convocatorias de procesos de provisión definitiva de postos de traballo.

As convocatorias de procesos de provisión transitoria de postos de traballo e, de ser o caso, a relación actualizada de persoas que integran as listas de selección de persoal interino ou temporal, por orde de prelación.

i) A relación de contratos de alta dirección, con indicación das retribucións anuais e das indemnizacións previstas ao final do contrato.

j) As declaracións de actividades e de bens patrimoniais dos altos cargos nos termos previstos no título II desta lei.

k) Os acordos ou pactos reguladores das condicións de traballo ou das retribucións e incentivos, así como os convenios colectivos vixentes.

l) As retribucións dos altos cargos previstos no artigo 37 desta mesma lei.

m) A información sobre as viaxes dos altos cargos, con indicación dos obxectivos, subministrada periodicamente ao Parlamento de Galicia.

n) As resolucións de autorización do exercicio de actividade privada logo do cesamento dos altos cargos.

Artigo 11. Obrigas específicas de información económica, orzamentaria e estatística

1. Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, os suxeitos citados no artigo 3.1, en relación coa súa actividade económico-financeira, tamén publicarán:

a) A información básica sobre o financiamento, con indicación dos diferentes instrumentos.

b) O teito de gasto non financeiro aprobado para cada exercicio.

c) Os plans económico-financeiros aprobados para o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, así como información sobre o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e estabilidade financeira.

d) A situación déficit/superávit público sobre produto interior bruto e por habitante.

e) A débeda pública da Administración, con indicación da súa evolución, o endebedamento por habitante, o endebedamento relativo e a porcentaxe do endebedamento sobre o produto interior bruto.

f) O período medio de pagamento a provedores.

g) O gasto por habitante e o investimento por habitante e territorializado.

h) As estatísticas en materia tributaria, conforme parámetros xeográficos, poboacionais ou económicos.

i) Calquera outra información económica e estatística de elaboración propia cuxa difusión sexa máis relevante para o coñecemento xeral, facilitando as fontes, as notas metodolóxicas e mais os modelos utilizados.

2. En particular, a Xunta de Galicia fará pública toda a información complementaria sobre os seus orzamentos que sexa remitida ao Parlamento ao longo do exercicio, incluíndo unha actualización trimestral en función da execución orzamentaria, así como a liquidación anual

Artigo 12. Obrigas específicas de información patrimonial

Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, os suxeitos citados no artigo 3.1.a) tamén farán público:

a) A relación de bens de interese cultural.

b) O número de vehículos dos cales é titular ou arrendatario.

Artigo 13. Obrigas específicas en materia de contratación pública

1. Os suxeitos citados no artigo 3.1.a), b) e d), sen prexuízo da información que se debe publicar segundo a normativa básica en materia de transparencia respecto das licitacións que se deban adxudicar polos procedementos aberto, restrinxido, negociado con publicidade e diálogo competitivo, así como nos concursos de proxectos, publicarán a seguinte información:

a) O obxecto, a duración e o valor estimado do contrato.

b) O procedemento de adxudicación.

c) Os pregos, os documentos descritivos e toda a documentación de interese para a licitación, incluíndo as respostas ás aclaracións.

d) No caso de contratación de medios e prestacións incluídos nos catálogos de autoprovisión regulados no artigo 8 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, o informe que, de acordo co disposto na dita lei, xustifique a imposibilidade de facer uso da autoprovisión.

e) De ser o caso, a composición das mesas de contratación, do comité de persoas expertas e/ou dos organismos técnicos especializados que deban intervir no proceso de adxudicación.

f) Os anuncios publicados nos diarios oficiais e na web do perfil de contratante (texto e data de publicación).

g) O lugar de presentación de ofertas e a data e a hora límite de presentación.

h) De ser o caso, o lugar, a data e a hora do acto público de apertura de ofertas.

i) O número dos licitadores, con identificación dos admitidos, excluídos e, de ser o caso, dos seleccionados.

j) A valoración das ofertas de acordo cos criterios de valoración, coas limitacións impostas pola excepción de confidencialidade prevista no artigo 153 do Texto refundido da Lei de contratos do sector público.

k) A adxudicación do contrato.

l) A formalización do contrato.

m) As modificacións do contrato aprobadas.

n) As decisións de desistencia e renuncia aos contratos

ñ) A cesión de contratos e subcontratacións.

2. A información relativa a todos os contratos menores, con indicación do obxecto, a duración, o importe de licitación e adxudicación, o número de licitadores participantes e a identidade do adxudicatario publicaranse, polo menos trimestralmente, no portal web de transparencia.

3. Tamén serán obxecto de publicación os acordos e criterios interpretativos dos órganos consultivos en materia de contratación.

Artigo 14. Obrigas de información sobre concesión de servizos públicos

Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, en relación coas concesións de servizos públicos os suxeitos citados no artigo 3.1.a), b) e d) deberán publicar:

a) O servizo público obxecto da concesión administrativa.

b) A identificación do concesionario.

c) Os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas que rexan a dita concesión.

d) Os estándares mínimos de calidade do servizo público.

e) A identificación da persoa responsable do contrato.

f) Os enderezos electrónicos aos cales se poden dirixir as reclamacións de responsabilidade patrimonial e as queixas nos termos en que se determine regulamentariamente.

g) O persoal adscrito á prestación do servizo, con expresión da categoría e titulación.

Artigo 15. Obrigas específicas de información sobre convenios

1. A Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de administracións públicas, manterá un rexistro de convenios público e accesible no cal os suxeitos citados no artigo 3.1.a) farán pública a información prevista na normativa básica en materia de transparencia.

2. Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, cada consellaría ou entidade terá que remitir para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro de cada ano, unha relación dos convenios subscritos referida ao cuadrimestre anterior. Alén do texto do convenio, deberá facerse pública a correspondente memoria na cal se xustifique a utilización desta figura.

3. Cando os devanditos convenios impliquen obrigas económicas para a Facenda autonómica ou para as entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia, sinalaranse con claridade o importe destas, o obxecto do convenio e a persoa ou entidade destinataria.

Artigo 16. Obrigas de información sobre encomendas de xestión e encargos a medios propios

Os suxeitos citados no artigo 3.1.a), ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, tamén indicarán anualmente, no caso das encomendas de xestión e encargos a medios propios, a porcentaxe de actividade realizada polo medio propio a favor dos entes de control.

Artigo 17. Información específica sobre subvencións

1. Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, os suxeitos citados no artigo 3.1.a), b) e d) publicarán:

a) O texto íntegro da convocatoria das axudas ou subvencións.

b) As concesións das devanditas axudas ou subvencións.

2. Enténdense incluídas para os efectos do establecido no parágrafo anterior:

a) Calquera outro acordo ou resolución do que resulte un efecto equivalente á obtención de axudas directas por parte do beneficiario ou da beneficiaria.

b) As achegas en diñeiro realizadas pola Comunidade Autónoma a favor das entidades locais, sempre que non estean destinadas a financiar globalmente a actividade de cada ente.

3. Poden ser excluídos da publicación:

a) Aqueles supostos en que a publicación dos datos da persoa beneficiaria, en razón do obxecto da axuda, sexa contraria ao respecto e á salvagarda da honra e da intimidade persoal e familiar das persoas físicas, en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

b) Aqueles datos que estean protexidos polo segredo comercial ou industrial, logo de informe debidamente motivado.

c) Con carácter xeral, aqueles supostos ou aqueles datos en que así o exixan ou aconsellen razóns prevalentes pola existencia dun interese público máis digno de protección, que, en todo caso, deberá ser motivado expresamente.

Artigo 18. Información sobre ordenación de territorio e ambiente

1. Os instrumentos de ordenación de territorio e os plans urbanísticos, así como as súas correspondentes modificacións e revisións, deberán ser obxecto de publicidade, polo que se difundirá, como mínimo, a seguinte información:

a) A estrutura xeral de cada municipio.

b) A clasificación e a cualificación do solo.

c) A ordenación prevista para o solo, co grao de detalle adecuado.

d) A normativa urbanística.

e) Todas as resolucións e os informes que no exercicio das súas potestades e competencias emitan a Xunta de Galicia e os órganos que, se é o caso, exercen competencias sobre urbanismo.

2. Igualmente, serán obxecto de publicación:

a) A información xeográfica de elaboración propia cuxa difusión sexa máis relevante para o coñecemento xeral, facilitando as fontes, as notas metodolóxicas e os modelos utilizados.

b) A información ambiental que se debe facer pública de conformidade coa normativa vixente, incluíndo, en todo caso, a relativa á calidade das augas continentais e mariñas e mais a de emisións de gases de efecto invernadoiro.

c) A información relativa aos convenios urbanísticos que se subscriban, con mención dos terreos afectados, das persoas titulares dos ditos terreos, do obxecto do convenio e das contraprestacións que se establezan nel.

Artigo 19. Información específica sobre as relacións da Xunta co Parlamento de Galicia

1. A Xunta de Galicia publicará no Portal de transparencia e Goberno aberto a relación dos acordos aprobados no Parlamento de Galicia que afecten as súas competencias, detallando a data de aprobación e o organismo competente para o seu cumprimento. Asemade, publicará aqueles acordos que a insten a dirixirse a outras entidades.

2. A finais de cada ano, a Xunta de Galicia elaborará e publicará no Portal de transparencia e Goberno aberto un informe respecto do grao de cumprimento dos acordos aprobados polo Parlamento nese ano.

Artigo 20. Ampliación das obrigas de publicidade activa

Os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei fomentarán a difusión de calquera outra información pública que se considere de interese para a cidadanía.

CAPÍTULO III Reutilización da información

Artigo 21. Reutilización da información do sector público autonómico

1. A Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia promoverán a reutilización, con fins comerciais ou non comerciais, dos documentos que elaboran ou custodian, de conformidade coa lexislación aplicable e, en particular, coa normativa básica existente sobre reutilización da información do sector público.

2. Promóvese a posta á disposición en formatos abertos para facilitar a reutilización da información do sector público coa finalidade fundamental de facilitar un mellor coñecemento da actividade do sector público e o uso dos datos para a creación, por parte de terceiros, de produtos derivados e servizos de valor engadido.

3. Os órganos e as unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia velarán para que os documentos aos cales se aplica esta lei e a restante información que se considere de interese público poidan estar dispoñibles en formato aberto para a súa reutilización.

4. A aplicación desta lei farase sen prexuízo do réxime aplicable ao dereito de acceso aos documentos e ás especialidades previstas na súa normativa reguladora.

Artigo 22. Formatos dispoñibles

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do seu sector público facilitarán os seus documentos nos formatos ou nas linguas en que estean dispoñibles e, sempre que sexa posible, en formato lexible por máquina e conxuntamente cos seus metadatos. Tanto o formato coma os metadatos, na medida do posible, deben cumprir normas formais abertas.

2. Non se lles poderá exixir aos ditos organismos que manteñan a produción e o almacenamento dun determinado tipo de documento con vistas á súa reutilización por parte dunha entidade pública ou privada.

Artigo 23. Catálogo de información reutilizable en formato datos abertos

1. O Catálogo de información reutilizable recollerá os recursos dispoñibles en formatos abertos, así como as súas condicións de actualización, de acceso e de utilización. Regulamentariamente estableceranse os procedementos e mecanismos de coordinación que garantan que o catálogo e os seus contidos estean continuamente actualizados.

2. O portal de datos abertos, accesible desde o Portal de transparencia e Goberno aberto, configúrase como o punto de acceso ao Catálogo de información reutilizable da Administración xeral e do sector público autonómico. O portal terá como obxectivos prioritarios a difusión e a promoción do Catálogo de información reutilizable e das iniciativas de reutilización da información.

3. Regulamentariamente poderanse establecer as condicións de uso encamiñadas, en todo caso, a non permitir a alteración dos datos e a acreditar debidamente a súa fonte.

4. O portal de datos abertos terá á disposición das persoas interesadas un espazo para realizar propostas e suxestións sobre a información posta á disposición nel.

CAPÍTULO IV Dereito de acceso á información pública

Sección 1ª. Normas xerais

Artigo 24. O dereito de acceso á información pública

1. Todas as persoas teñen dereito a acceder á información pública nos termos previstos na normativa básica en materia de transparencia.

Enténdese por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións.

Así mesmo, considérase información pública a producida polas entidades que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas, nos termos previstos no artigo 4.

2. No exercicio do seu dereito ao acceso á información pública garantiráselle á cidadanía:

a) A posibilidade de utilización da información obtida sen necesidade de autorización previa e sen máis limitacións que as derivadas desta ou doutras leis.

b) A recepción da información pública en formato electrónico ou en papel, segundo teña indicado a persoa solicitante.

c) A recepción da información pública na lingua oficial de Galicia en que a solicite.

d) O coñecemento das taxas e dos prezos que, de ser o caso, sexan exixibles para a obtención de copias ou para a transposición da información a formatos diferentes do orixinal.

e) A realización de propostas e suxestións tanto sobre a información demandada coma sobre os formatos, os programas ou as linguaxes informáticas empregadas.

3. Cando o dereito de acceso á información pública sexa exercido por un deputado ou unha deputada do Parlamento de Galicia na súa condición de tal, e sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, rexerase pola súa normativa específica.

Artigo 25. Limitacións do dereito de acceso á información pública

1. O dereito de acceso á información pública só poderá ser limitado ou denegado nos supostos previstos na normativa básica.

Naqueles casos en que a aplicación dalgunha limitación non afecte a totalidade da información, e sempre que sexa posible, concederase o acceso parcial, omitindo a información afectada pola limitación, agás que a información resultante sexa equívoca ou carente de sentido.

2. As limitacións deberán ser proporcionadas atendendo ao seu obxecto e á súa finalidade de protección. En todo caso, deberanse interpretar de maneira restritiva e xustificada, e aplicaranse a menos que un interese público ou privado superior xustifique a divulgación da información.

3. As limitacións ao dereito de acceso só serán aplicables durante o período de tempo determinado polas leis ou mentres se manteña a razón que as xustifique.

Sección 2ª. Exercicio do dereito de acceso á información pública

Artigo 26. Solicitude de acceso á información

1. O procedemento para o exercicio do dereito de acceso iniciarase coa presentación da correspondente solicitude, que deberá dirixirse á persoa titular do órgano administrativo ou da entidade que posúa a información. Cando se trate de información en posesión de persoas físicas ou xurídicas que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas, a solicitude dirixirase á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 aos cales estean vinculadas.

2. A persoa solicitante ten dereito a recibir orientación e asesoramento para o exercicio deste dereito a través do Sistema integrado de atención á cidadanía regulado na Lei de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

3. Para fomentar a presentación das solicitudes por vía electrónica, a Administración ofrecerá á cidadanía, a través do Portal de transparencia e Goberno aberto de Galicia, modelos normalizados de solicitude e a posibilidade de envío á Administración pública requirida, sen prexuízo das posibilidades que cada unha delas poida ofrecer na súa páxina web propia.

4. A persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información. Porén, poderá expoñer os motivos polos cales solicita a información e que poderán ser tidos en conta cando se dite a resolución. Non obstante, a ausencia de motivación non será por si soa causa de rexeitamento da solicitude.

Artigo 27. Tramitación e resolución das solicitudes de acceso

1. A tramitación das solicitudes de acceso efectuarase conforme o previsto na normativa básica en materia de transparencia.

2. Cando as solicitudes se refiran a información que afecte dereitos e intereses de terceiros, o órgano encargado de resolver concederalles un prazo de quince días para que poidan formular alegacións.

O traslado da solicitude á persoa afectada producirá a suspensión do prazo para resolver ata que se reciban as alegacións ou transcorra o prazo concedido para a súa presentación.

3. No ámbito do sector público autonómico, a competencia para a resolución das solicitudes de acceso corresponderalles á persoa titular da secretaría xeral, da secretaría xeral técnica, da dirección xeral ou da delegación territorial no caso da Administración xeral da Comunidade Autónoma e mais á persoa titular dos órganos de goberno ou executivos das entidades instrumentais do sector público que posúan a información.

4. A resolución en que se conceda ou denegue o acceso deberá notificarse, á persoa solicitante e aos terceiros afectados que así o solicitasen, o antes posible e, como máis tarde, no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude polo órgano competente para resolver.

5. Transcorrido o prazo para resolver sen que se ditase e notificase resolución expresa, entenderase que a solicitude foi desestimada.

Artigo 28. Reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública

1. Contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo, agás naquelas ditadas polos suxeitos previstos no artigo 3.1.d) desta lei, contra as cales, conforme o previsto na normativa básica, só caberá a interposición de recurso contencioso-administrativo.

2. A reclamación ante o órgano independente de control terá a consideración de substitutiva dos recursos administrativos, así como un carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa.

3. O seu procedemento axustarase ao previsto nos números 2, 3 e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para as reclamacións perante o Consello de Transparencia e Bo Goberno.

4. Unha vez notificadas ás persoas interesadas, e logo de disociación dos datos de carácter persoal que contiveren, as resolucións do Valedor do Pobo polas que se resolven as reclamacións de acceso á información pública publicaranse no Portal de transparencia e Goberno aberto e deberán ser tidas en conta por parte dos suxeitos que ditasen as resolucións obxecto de reclamación.

CAPÍTULO V Mecanismos de coordinación e control

Artigo 29. Portal de transparencia e Goberno aberto

1. A Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa, en coordinación co órgano ou a entidade con competencias horizontais en materia de administración electrónica, desenvolverá o Portal de transparencia e Goberno aberto, configurado como punto de acceso electrónico para poñer ao dispor da cidadanía, a través da internet, a información que se deba facer pública de acordo coa normativa básica de aplicación e con esta lei.

2. Para os mencionados efectos, as consellarías e entidades do sector público autonómico, a través das unidades responsables, deberán comunicar aquela información ao órgano competente para o cumprimento das súas obrigas de publicidade, e poderase articular a interconexión directa dos datos.

3. O acceso da cidadanía á información do Portal de transparencia e Goberno aberto será gratuíto e respectará os principios de accesibilidade, interoperabilidade e reutilización. A información estará dispoñible en galego e castelán.

4. O Portal de transparencia e Goberno aberto incorporará, nos termos que se establezan regulamentariamente, outra información da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cuxo acceso se solicite con maior frecuencia, así como permitirá a interconexión con outros enderezos electrónicos da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico, integrada polos portais web e servizos web sociais e participativos cuxa titularidade, xestión e administración corresponden aos órganos ou unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia no exercicio das súas competencias.

5. Os instrumentos de ordenación da información do Portal de transparencia e Goberno aberto, as prescricións técnicas e as unidades encargadas da súa organización e xestión, que se determinarán regulamentariamente, garantirán que a información dispoñible estea actualizada e que sexa accesible e comprensible, e velarán pola accesibilidade universal nos termos previstos na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.

O Portal de transparencia e Goberno aberto estará sometido ás normas xerais que rexan a presenza da Administración autonómica e do seu sector público na internet.

6. Regulamentariamente determinaranse as medidas complementarias e os instrumentos de colaboración coas outras administracións e entidades incluídas no ámbito de aplicación desta lei, co fin de promover a interoperabilidade cos enderezos electrónicos que nelas se establezan para o cumprimento das obrigas de transparencia e publicidade activa e para facilitar que as entidades sen ánimo de lucro e corporacións de dereito público afectadas poidan cumprir coas obrigas de publicidade activa a través do Portal de transparencia e Goberno aberto.

7. O Portal de transparencia e Goberno aberto deberá dispoñer dun sistema de subscricións que lle permita á cidadanía recibir de forma automática por medios electrónicos un aviso da incorporación ao portal de nova información relativa a aqueles ámbitos, ben temáticos ou ben organizativos, dos que solicitase ser informada.

Artigo 30. Órganos, servizos ou unidades administrativas responsables da transparencia

1. Nos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación deste título, os órganos, os servizos ou as unidades administrativas responsables da transparencia distintos dos establecidos no número 2 serán designados polo órgano competente que estableza a súa normativa reguladora.

2. No ámbito do sector público autonómico, os órganos, os servizos ou as unidades administrativas responsables da transparencia dependerán, no caso da Administración xeral da Comunidade Autónoma, da Secretaría Xeral da Presidencia e da secretaría xeral técnica de cada consellaría ou dos órganos de goberno ou executivos equivalentes das entidades instrumentais do sector público autonómico.

3. Os órganos, os servizos ou as unidades administrativas a que se refire o punto anterior, no seu respectivo ámbito de actuación, exercerán as seguintes funcións:

a) Solicitar a información exixida polo capítulo II deste título en materia da súa competencia e difundila mediante a súa publicación no Portal de transparencia e Goberno aberto.

b) Recibir e tramitar as solicitudes de acceso á información pública reguladas no capítulo IV deste título.

c) Levar un rexistro das solicitudes de acceso á información.

d) Realizar o seguimento e control da correcta tramitación das solicitudes de acceso á información pública e, de ser o caso, das reclamacións e dos recursos que se interpoñan.

e) As demais funcións necesarias para o cumprimento adecuado das obrigas previstas nesta lei.

Artigo 31. Coordinación e control interno en materia de transparencia

1. No ámbito do sector público autonómico, a coordinación xeral e o control interno en materia de transparencia exerceraos a Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación prevista na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

2. A dita comisión, que será asistida pola persoa titular do centro directivo con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa, establecerá a planificación directiva en materia de transparencia, poderá ditar instrucións, establecer protocolos e fixar criterios tanto respecto á implementación da publicidade activa coma en relación co seguimento do adecuado cumprimento das demais obrigas en materia de transparencia.

Cando a dita comisión exerza funcións relativas á reutilización da información e ao Portal de transparencia e Goberno aberto, esta comisión será tamén asistida pola persoa titular do ente público con competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicacións.

3. A Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación exercerá as funcións necesarias para a coordinación adecuada en materia de transparencia dentro do sector público autonómico e o control no cumprimento das obrigas previstas nesta lei, e acordará a incorporación no Portal de transparencia e Goberno aberto daquela información que sexa solicitada pola cidadanía con máis frecuencia.

Artigo 32. O Comisionado da Transparencia

1. Créase o Comisionado da Transparencia e atribúenselle as súas funcións ao Valedor do Pobo.

2. O Comisionado da Transparencia é o órgano independente de control do cumprimento das obrigas comprendidas neste título por parte dos suxeitos incluídos no seu ámbito de aplicación.

3. O Comisionado da Transparencia exercerá as seguintes funcións:

a) Responder ás consultas que, con carácter facultativo, lle sexan formuladas polos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei.

b) Adoptar recomendacións para o mellor cumprimento das obrigas legais en materia de transparencia e bo goberno, oída a Comisión da Transparencia.

c) Asesorar en materia de transparencia do dereito de acceso á información pública e bo goberno.

d) Emitir informe, con carácter previo á súa aprobación, sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno, oída a Comisión da Transparencia.

e) Efectuar, por iniciativa propia ou por mor de denuncia, requirimentos para a emenda dos incumprimentos que se poidan producir das obrigas establecidas en materia de publicidade activa previstas nesta lei.

f) Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas por unha norma legal.

Artigo 33. A Comisión da Transparencia

1. Créase a Comisión da Transparencia como órgano colexiado independente adscrito ao Valedor do Pobo.

2. Compoñerase dos seguintes membros:

a) Presidente ou presidenta: o valedor ou a valedora do pobo.

b) Vicepresidente ou vicepresidenta: o adxunto ou a adxunta á institución do Valedor do Pobo.

c) Vogais: unha persoa representante da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación da Xunta de Galicia, unha persoa representante do Consello Consultivo de Galicia, unha persoa representante do Consello de Contas e unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

3. A Comisión da Transparencia é o órgano independente ao que lle corresponde a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 desta lei. No caso de empate, o presidente ou presidenta terá voto dirimente.

Artigo 34. Separación de funcións e medios

O Comisionado da Transparencia e a Comisión da Transparencia actuarán con separación das súas funcións respecto das outras que lle corresponden ao Valedor do Pobo, ben que contarán cos medios persoais e materiais asignados a esta institución.

Artigo 35. Colaboración co Valedor do Pobo

1. Os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei prestarán a colaboración necesaria ao Valedor do Pobo para o correcto desenvolvemento das súas funcións, facilitando a información que lles solicite no seu respectivo ámbito competencial.

2. A Xunta de Galicia, a través da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación prevista no artigo 31 desta lei, remitiralle ao Valedor do Pobo o informe referido no artigo 5.

Artigo 36. Informe anual ao Parlamento

1. O Valedor do Pobo incluirá, no seu informe presentado anualmente perante o Parlamento de Galicia, previsto no artigo 36 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, unha epígrafe relativa ao grao de aplicación e cumprimento desta lei, na cal recollerá, en todo caso:

a) Os criterios interpretativos e as recomendacións que formulase durante ese ano.

b) A relación de reclamacións presentadas contra denegacións de solicitudes de acceso e o sentido da súa resolución.

c) A actividade de asesoramento realizada en materia de transparencia, do dereito de acceso á información pública e bo goberno.

d) Os requirimentos efectuados de emenda dos incumprimentos que se puideren producir.

e) A avaliación do grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa por parte dos distintos suxeitos incluídos no seu ámbito de aplicación. Formularanse requirimentos expresos no caso de cumprimento insuficiente.

2. O informe anual que se presentará ao Parlamento estará tamén á disposición da cidadanía dentro do Portal de transparencia e Goberno aberto, así como na páxina web do Valedor do Pobo.

TÍTULO II Bo goberno

CAPÍTULO I Altos cargos

Sección 1ª. Ámbito de aplicación

Artigo 37. Ámbito de aplicación

1. O contido das obrigas deste título, cando non se especifique o contrario, será aplicable á totalidade dos altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, consideración que terán os seguintes cargos públicos:

a) Os membros do Consello da Xunta de Galicia.

b) As delegadas e os delegados territoriais, as secretarias e os secretarios xerais, as secretarias e os secretarios xerais técnicos, as directoras e os directores xerais e os cargos asimilados da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Os presidentes e as presidentas, os directores e as directoras xerais e asimilados dos entes instrumentais do sector público autonómico previstos no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, agás das fundacións do sector público autonómico, sempre que teñan a condición de máximos responsables e cun nomeamento que sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

d) O persoal eventual que, en virtude de nomeamento legal, exerza funcións de xefatura de gabinete ou xefatura de prensa dos gabinetes da persoa titular da Presidencia da Xunta e dos demais membros do Consello da Xunta de Galicia.

e) As persoas titulares de calquera outro posto de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entes instrumentais do sector público autonómico, calquera que sexa a súa denominación, cuxo nomeamento se efectúe por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

f) O presidente ou a presidenta do Consello Económico e Social.

2. A aplicación aos suxeitos mencionados no punto anterior das disposicións contidas neste título non afectará en ningún caso a condición de cargo electo que poidan ter.

Sección 2ª. Exercicio do alto cargo

Artigo 38. Nomeamento e exercicio do alto cargo

1. O nomeamento do alto cargo farase entre persoas idóneas e realizarase atendendo a criterios de competencia profesional entre persoas con cualificación, formación e experiencia en función do cargo que vaian desempeñar. A idoneidade será apreciada tanto por quen propón coma por quen nomea o alto cargo.

2. As persoas que ocupen os cargos comprendidos no ámbito de aplicación deste capítulo estarán suxeitas aos principios que figuran no Código ético institucional da Xunta de Galicia nos termos establecidos nel.

3. A adhesión ao Código ético institucional da Xunta de Galicia deberá figurar expresamente no acto de nomeamento do alto cargo.

4. O tratamento oficial dos membros do Goberno e dos altos cargos será o de señor/ señora, seguido da denominación do cargo, emprego ou rango correspondente.

Sección 3ª. Réxime de actividades e incompatibilidades de altos cargos

Artigo 39. Principios xerais

1. Os altos cargos comprendidos no ámbito de aplicación deste capítulo exercerán as súas funcións con dedicación exclusiva e non poderán compatibilizar a súa actividade pública:

a) Co desempeño, en por si ou mediante substitución de persoa interposta, de calquera outro posto, profesión ou actividade, públicos ou privados, por conta propia ou allea.

b) Co exercicio de calquera outra función ou actividade pública representativa, incluído o exercicio de cargos electivos en colexios, cámaras ou entidades que teñan atribuídas funcións públicas ou coadxuven a estas, salvo as autorizadas por esta lei.

c) Co desempeño, en por si ou por persoas interpostas, de cargos de toda índole en empresas ou sociedades que teñan contratos de calquera natureza co sector público estatal, autonómico ou local, sexa cal for a configuración xurídica daquelas.

d) Co exercicio de cargos, en por si ou por persoas interpostas, que leven anexas funcións de dirección, representación ou asesoramento de toda clase de sociedades mercantís e civís e consorcios de fin lucrativo, aínda que uns e outros non realicen fins de servizos públicos nin teñan relacións contractuais coas administracións, os organismos ou as empresas públicas.

e) Coa xestión, a defensa, a dirección ou o asesoramento de asuntos particulares alleos cando, pola súa índole, lles competa ás administracións públicas resolvelos ou quede implicada neles a realización dalgún servizo ou fin público.

f) Coa percepción de pensión de xubilación ou retiro por dereitos pasivos ou por calquera réxime da Seguridade Social público e obrigatorio, agás as pensións de viuvez, as prestacións por fillo ou filla ou persoa discapacitada ao cargo ou o cobramento dunha cantidade á conta por accidente de traballo ou enfermidade profesional.

2. Non se poderá percibir en ningún caso máis dunha remuneración, periódica ou eventual, con cargo aos orzamentos das administracións públicas e dos organismos e empresas delas dependentes, sen prexuízo das indemnizacións por gastos de viaxes, estadías, traslados ou asistencias que en cada caso correspondan polas actividades declaradas compatibles.

Artigo 40. Compatibilidades con actividades públicas

1. O exercicio das funcións de alto cargo será compatible coas seguintes actividades públicas:

a) O exercicio daqueles cargos que lles correspondan con carácter institucional ou para os cales fosen designados pola súa propia condición.

b) A representación da Administración autonómica nos órganos colexiados.

c) O desenvolvemento de misións temporais de representación ante organizacións ou conferencias, nacionais e internacionais.

d) A representación da Administración autonómica nos órganos colexiados ou nos consellos de administración de organismos ou empresas con capital público ou de entidades de dereito público.

No suposto de pertenza a máis de dous consellos de administración de organismos ou empresas con capital público ou de entidades de dereito público, só se poderán percibir cantidades en concepto de asistencia por un máximo de dous consellos de administración.

O Consello da Xunta de Galicia poderá limitar a pertenza a máis de dous dos referidos consellos de administración, así como determinar a non percepción de ningunha cantidade por asistencia.

e) O cargo de deputado ou deputada no Parlamento de Galicia, só no caso dos membros do Goberno galego.

2. Nos supostos previstos nas alíneas anteriores, os cargos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei só poderán percibir, polos indicados cargos ou actividades compatibles, as indemnizacións por razón de servizo que lles correspondan de acordo coa normativa vixente, así como as cantidades en concepto de asistencia nos supostos b) e d) previstos no punto anterior. As restantes cantidades que, de ser o caso, se devindiquen polo desenvolvemento destas funcións e cargos, sexa cal for o concepto da devindicación, serán ingresadas pola empresa, sociedade, organismo ou ente pagador directamente na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 41. Compatibilidade co exercicio da docencia

1. Poderase compatibilizar, cumpridas as restantes exixencias desta lei, o exercicio de funcións docentes, de carácter regrado, sempre que non supoñan menoscabo da dedicación no exercicio do cargo público e se realice en réxime de dedicación a tempo parcial.

2. O desenvolvemento desta actividade non poderá supoñer en ningún caso incremento ningún sobre as cantidades que por calquera concepto corresponda percibir polo exercicio do cargo público, con excepción das indemnizacións por gastos de viaxes, estadías e traslados que lles correspondan de acordo coa normativa vixente na área docente, e dándolles idéntico destino aos dereitos económicos que, de ser o caso, se puideren devindicar consonte o disposto no artigo 40.2.

3. Para o exercicio das funcións docentes requirirase a autorización expresa da persoa titular da consellaría competente en materia de función pública.

4. Os altos cargos comprendidos no ámbito de aplicación deste capítulo poderán participar nas actividades a cargo dos centros oficiais de formación e perfeccionamento do persoal empregado público mediante a impartición de conferencias e cursos, sempre que a dita colaboración se produza con carácter excepcional, así como nos congresos, seminarios e actividades análogas, e terán dereito á percepción das indemnizacións previstas regulamentariamente.

Os centros de formación dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos entes instrumentais do sector público autonómico comunicaranlles trimestralmente ás consellarías competentes en materia de orzamentos e de función pública o detalle das cantidades satisfeitas polos conceptos indicados.

Artigo 42. Compatibilidade con actividades privadas

1. O exercicio dun cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei será compatible coas seguintes actividades privadas, sempre que co seu desenvolvemento non comprometa a imparcialidade ou independencia das súas funcións públicas:

a) As que deriven da simple administración do patrimonio persoal ou familiar.

b) As actividades de produción e creación literaria, artística, científica ou técnica e as publicacións derivadas daquelas, así como a colaboración e a asistencia ocasional como relator ou relatora en congresos, seminarios, xornadas de traballo, conferencias ou cursos de carácter profesional, sempre que non sexan consecuencia dunha relación de emprego ou de prestación de servizos ou supoñan un menoscabo do estrito cumprimento dos seus deberes.

c) A participación en entidades culturais ou benéficas que non teñan ánimo de lucro e sempre que non perciban ningún tipo de retribución ou percepción pola dita participación.

2. A persoa interesada na realización destas actividades comunicarao á Dirección Xeral da Función Pública con carácter previo, agás no suposto establecido no punto 1.a).

3. Os membros do Consello da Xunta non poderán percibir retribución ningunha pola colaboración e/ou asistencia ocasional como relator ou relatora en congresos, seminarios, xornadas de traballo ou cursos de carácter profesional.

Aos dereitos económicos que, de ser o caso, puideren devindicarse derivados das referidas actividades daráselles o destino disposto no artigo 40.2.

Artigo 43. Conflito de intereses

1. A persoa que ocupe un alto cargo dos mencionados no ámbito de aplicación deste título deberá evitar, en todo caso, a influencia dos seus intereses persoais no exercicio das súas funcións e responsabilidades por lles supoñer un beneficio ou un prexuízo.

2. Para estes efectos, consideraranse intereses persoais:

a) Os intereses propios.

b) Os intereses familiares, incluíndo os do seu ou da súa cónxuxe ou persoa con quen conviva en análoga relación de afectividade, así como os de parentes dentro do cuarto grao de consanguinidade e do segundo grao de afinidade.

c) Os das persoas coas cales teña unha cuestión litixiosa pendente.

d) Os das persoas coas cales teña amizade íntima ou inimizade manifesta.

e) Os de persoas xurídicas ou entidades privadas nas cales o alto cargo, o seu cónxuxe ou a persoa unida en análoga relación exercesen funcións de dirección, asesoramento ou administración nos dous anos anteriores ao nomeamento.

f) Os de persoas xurídicas ou entidades privadas ás cales os familiares previstos na alínea b) estean vinculados por unha relación laboral ou profesional de calquera tipo, sempre que esta implique o exercicio de funcións de dirección, asesoramento ou administración.

3. Os altos cargos non poderán ter, en por si ou por persoa interposta, participacións directas ou indirectas superiores a un dez por cento en empresas mentres teñan concertos ou contratos de calquera natureza co sector público estatal, autonómico ou local, ou reciban subvencións provenientes de calquera Administración pública.

Para os efectos previstos neste artigo, considérase persoa interposta a persoa física ou xurídica que actúa por conta do alto cargo.

No caso en que, de forma sobrevida, se produza a causa descrita neste apartado, o alto cargo deberá notificarllo á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, que deberá informar sobre as medidas que cómpre adoptar para garantir a obxectividade na actuación pública.

4. No suposto de que a persoa que sexa nomeada para ocupar un alto cargo posúa a participación a que se refire o punto anterior, terá que allear ou ceder as participacións e os dereitos inherentes a elas durante o tempo en que exerza o seu cargo, no prazo de tres meses contado desde o día seguinte ao do seu nomeamento. Se a participación fose adquirida por sucesión hereditaria ou outro título gratuíto durante o exercicio do cargo, terá que desprenderse dela no prazo de tres meses desde a súa adquisición.

A dita participación e posterior transmisión serán, así mesmo, declaradas aos rexistros previstos no artigo 49 na forma que regulamentariamente se determine.

Artigo 44. Deber de abstención

1. As persoas que ocupen os altos cargos comprendidos no ámbito de aplicación deste título deberanse abster de intervir nos procedementos administrativos que afecten os seus intereses persoais, tal e como están definidos no artigo anterior.

2. Para estes efectos, utilizarán a figura da abstención regulada na normativa básica en materia de procedemento administrativo. Así mesmo, poderán ser recusados nos termos previstos na antedita normativa.

3. A abstención realizarase por escrito para a súa adecuada expresión e constancia, e notificarase á persoa superior inmediata ou, no seu defecto, ao órgano que o ou a nomeou, que resolverá o procedente. No caso de se producir no seo dun órgano colexiado, a abstención constará e incorporarase á acta elaborada pola secretaría. En calquera dos casos, a abstención será comunicada nun prazo máximo dun mes ao Rexistro de Actividades de Altos Cargos para a súa constancia.

4. A persoa que ocupe o alto cargo poderá formular á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas cantas cuestións considere precisas sobre a procedencia da súa abstención en asuntos concretos.

Artigo 45. Limitacións ao exercicio de actividades posteriores ao cesamento

1. Durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, os altos cargos non poderán realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales ditasen resolución no exercicio do cargo.

2. Quedarán exceptuadas do disposto no punto anterior aquelas persoas que se reincorporen a entidades privadas nas cales xa exercesen con anterioridade a ocupar o posto de alto cargo, sempre e cando a actividade que vaian desempeñar nelas sexa en postos de traballo que non estean directamente relacionados coas competencias do cargo público ocupado nin poidan adoptar decisións que afecten as competencias do cargo público desempeñado.

3. Durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, os altos cargos tampouco poderán asinar, nin por si mesmos nin a través de entidades participadas por eles directa ou indirectamente en máis do dez por cento, contratos de asistencia técnica, de servizos ou similares coa Administración pública na cal prestasen servizos, sempre que garden relación directa coas funcións que o alto cargo exercía.

4. Durante o mencionado período de dous anos, a que se refire o número 1, estas persoas deberán efectuar, ante a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, declaración sobre as actividades que vaian realizar, con carácter previo ao seu inicio.

5. Nun mes desde a recepción no Rexistro de Actividades da dita comunicación, o centro directivo competente en materia de función pública deberase pronunciar sobre a compatibilidade da actividade privada que se vai realizar e deberállelo comunicar tanto á persoa afectada coma á entidade en que pretenda prestar os seus servizos. As resolucións que recoñezan a compatibilidade con actividade privada serán publicadas no Portal de transparencia e Goberno aberto.

Cando a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas considere que a actividade privada que pretende desenvolver a persoa que ocupou o alto cargo vulnera o establecido nos números 1 e 3 deste artigo, comunicarállelo á persoa interesada e á entidade na cal pretende prestar servizos, e concederalles un prazo máximo de dez días para que realicen as alegacións que xulguen oportunas ao respecto. Analizadas as alegacións, a Oficina propoñeralle á persoa titular do centro directivo competente en materia de función pública a resolución que proceda.

6. Durante os dous anos posteriores á data do seu cesamento como alto cargo, aqueles e aquelas que reingresen na función pública e teñan concedida a compatibilidade para prestaren servizos retribuídos de calquera natureza a persoas físicas ou xurídicas de carácter privado absteranse en todas aquelas actuacións privadas que garden relación coas competencias do cargo exercido, e aplicaráselles o previsto no número 3 deste artigo.

Artigo 46. Prohibición da tenza de fondos en paraísos fiscais

1. Durante o exercicio do seu cargo, así como nos dous anos seguintes ao seu cesamento, os altos cargos non poderán ter, por si mesmos ou por persoas ou entidades ou empresas interpostas, fondos, activos financeiros ou valores negociables en países ou territorios con cualificación de paraíso fiscal segundo a regulación estatal aplicable.

2. No caso de dispoñer dos ditos fondos, activos financeiros ou valores negociables deberán poñelo en coñecemento do órgano competente en materia de incompatibilidades e comprometerse a transferilos ás entidades ou aos intermediarios financeiros con residencia fiscal en países ou territorios que non teñan a dita cualificación.

Sección 4ª. Transparencia e control das actividades e do patrimonio dos altos cargos

Artigo 47. Declaracións de actividades e de bens patrimoniais

1. Os cargos comprendidos no ámbito de aplicación deste título están obrigados a formular as seguintes declaracións:

a) Declaración de actividades ante o Rexistro de Actividades de Altos Cargos. Esta virá referida a calquera actividade, negocio, empresa ou sociedade, pública ou privada, que desenvolvan en por si ou mediante substitución ou apoderamento e que lles proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos ou nos cales teñan participación ou intereses.

Esta declaración deberá incluír tamén aquelas actividades que tivesen desempeñado durante os dous anos anteriores á súa toma de posesión como cargo público, así como as renuncias ou os alleamentos de participacións en empresas que tivesen que realizar para cumprir a norma.

b) Declaración de bens patrimoniais ante o Rexistro de Bens Patrimoniais referida aos que integren o patrimonio da persoa interesada, comprensiva da totalidade dos seus bens, dereitos e obrigas, á cal se xuntará a copia da última declaración tributaria correspondente ao imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e ao imposto sobre o patrimonio no caso de que teña obriga de o presentar a persoa declarante ante a Administración tributaria.

Esta declaración deberá incluír as participacións en calquera tipo de sociedade pertencente ao alto cargo.

Xunto con esta declaración deberán presentar a declaración comprensiva da situación patrimonial regulada no artigo 49.4.

2. As declaracións mencionadas nos supostos a) e b) do punto anterior efectuaranse nos termos regulamentariamente establecidos dentro dos tres meses seguintes á data de toma de posesión e cesamento, respectivamente, do alto cargo.

3. Anualmente, durante o mes de xullo, presentarán ante o Rexistro de Bens Patrimoniais copia das declaracións tributarias mencionadas na alínea b) do punto 1.

Artigo 48. Órgano de xestión

1. A Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas da Xunta de Galicia será o órgano competente para a xestión do réxime de incompatibilidades regulado neste título, así como para coñecer as denuncias que se poidan formular sobre os presuntos incumprimentos dese réxime. Estará adscrito á consellaría competente en materia de función pública.

2. A Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas da Xunta de Galicia será o órgano encargado do mantemento e da xestión dos rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos, e mais o responsable da custodia, seguridade e indemnidade dos datos e documentos que se conteñan neles.

3. Este órgano será o encargado de cualificar a declaración de actividades e a declaración de bens patrimoniais nos termos establecidos regulamentariamente. Así mesmo, procederá a recordar e, de ser o caso, requirir a quen sexa nomeado ou a quen cese nun cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación o cumprimento das obrigas previstas nesta lei.

4. Todos os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como todas as entidades do sector público autonómico deberán informar a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas dos nomeamentos dos altos cargos comprendidos no ámbito de aplicación deste título no prazo de sete días contados desde o nomeamento.

As entidades públicas ou privadas con representación do sector público nos seus órganos de administración ou de goberno comunicarán á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas as designacións de persoas que, conforme o disposto nesta lei, teñan a condición de alto cargo.

5. Todos os altos cargos, entidades, órganos e organismos públicos, así como as entidades privadas terán a obriga de colaborar coa Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas na obtención de calquera información que esta lles requira para os efectos de detectar calquera vulneración do réxime de incompatibilidades previsto nesta lei.

6. O persoal que preste servizos nesta oficina ten o deber permanente de manter en segredo os datos e as informacións que coñeza por razón do seu traballo.

Artigo 49. Rexistro de Actividades de Altos Cargos e Rexistro de Bens Patrimoniais

1. O Rexistro de Actividades de Altos Cargos será público. O contido das declaracións inscritas nel estará dispoñible no Portal de transparencia e Goberno aberto.

2. O Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos será público nos termos que se indican no punto 4 deste artigo. O contido das declaracións comprensivas da situación patrimonial estará dispoñible no Portal de transparencia e Goberno aberto e publicarase no Diario Oficial de Galicia, referido aos momentos do nomeamento e do cesamento das persoas que ocupen altos cargos.

Terán acceso completo a este rexistro:

a) O Parlamento de Galicia, de acordo co que se estableza no Regulamento da Cámara.

b) Os órganos xudiciais, para a instrución ou a resolución de procesos que requiran o coñecemento dos datos que constan no rexistro, de conformidade co disposto nas leis procesuais.

c) O Ministerio Fiscal, cando realice actuacións de investigación no exercicio das súas funcións que requiran o coñecemento dos datos que constan no rexistro.

d) O Defensor do Pobo e o Valedor do Pobo, nos termos previstos nas súas leis de creación.

e) O Consello de Contas, nos termos previstos na súa lei reguladora.

3. Non serán obxecto de publicidade as copias da declaración tributaria correspondente ao imposto sobre a renda das persoas físicas e, se é o caso, do imposto sobre o patrimonio.

4. Para o efecto da súa publicación, as persoas referidas cubrirán unha declaración comprensiva da súa situación patrimonial, con omisión daqueles datos referentes á localización dos elementos patrimoniais para salvagardar a privacidade e seguridade das persoas titulares, no modelo que aprobe a persoa titular da consellería competente en materia de función pública.

Esta declaración deberá ser presentada no Rexistro de Bens Patrimoniais no prazo dos tres meses seguintes á data de toma de posesión e de cesamento, respectivamente, ante a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Será aplicable o réxime xeral establecido neste título para a presentación das declaracións.

CAPÍTULO II O Goberno en funcións e o traspaso de poderes

Artigo 50. Actuación do Goberno da Xunta en funcións

1. No tempo de permanencia en funcións da Xunta cesante, tal e como se define no artigo 29 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, o Goberno deberá limitar a súa xestión ao despacho de asuntos ordinarios, evitando adoptar medidas que condicionen aquelas que deba definir o Goberno que o substitúa.

2. Nese sentido, durante a súa permanencia en funcións e agás casos de urxencia ou cando existan razóns motivadas que o xustifiquen, o Goberno en funcións non poderá:

a) Enviar proxectos de lei ao Parlamento.

b) Facer uso das delegacións lexislativas outorgadas polo Parlamento, así como aprobar decretos de desenvolvemento normativo de leis ou ordes en execución de normas legais ou regulamentarias.

c) Autorizar convenios ou acordos co Goberno de España ou con outras comunidades autónomas, entidades locais e universidades.

d) Adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente.

e) Aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de persoal empregado público.

f) Aprobar ou modificar as relacións de postos de traballo do sector público autonómico.

g) Adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros.

h) Resolver expedientes que poñan fin á aprobación ou denegación de plans previstos na normativa de ordenación territorial ou ambiental.

Artigo 51. Actuación do Goberno en funcións en relación co traspaso de pod eres

1. Durante a súa permanencia en funcións, a Xunta cesante deberá tomar as medidas destinadas a garantir a subministración ao novo Goberno da información pertinente sobre o estado xeral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público galego.

2. Nese sentido, cada consellaría do Goberno en funcións deberá elaborar un informe de xestión relativo tanto a ela mesma coma a aqueles entes instrumentais do sector público autonómico dependentes dela.

3. O contido do dito informe de xestión desenvolverase regulamentariamente e deberá recoller, cando menos:

a) A estrutura, o organigrama e as funcións.

b) Os programas en execución.

c) Os convenios vixentes con detalle de execución.

d) O detalle da execución orzamentaria do exercicio en curso e das dispoñibilidades existentes.

e) O detalle de préstamos financeiros outorgados e solicitados.

f) O detalle de compromisos económicos asumidos polo organismo.

g) O detalle da situación do persoal.

h) A listaxe e copia de todos os contratos vixentes no momento da transición.

i) A listaxe e copia de todas as obrigas pendentes de pagamento.

j) A listaxe de todas as disposicións de carácter xeral aprobadas cuxa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior ao da toma de posesión do novo Goberno.

4. Unha vez confeccionados, os informes de xestión serán agrupados nun único documento final que quedará á disposición da persoa titular da Presidencia da Xunta.

TÍTULO III Réxime sancionador

Artigo 52. Réxime sancionador

1. O incumprimento das obrigas establecidas nesta lei sancionarase consonte o previsto neste título, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideren concorrer.

2. A potestade sancionadora respecto das infraccións tipificadas nesta lei exercerase de conformidade co disposto neste título e na normativa en materia de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo sancionador.

3. O presente réxime sancionador non se aplica se os feitos poden ser constitutivos de infracción penal e tampouco se, de acordo coa lei, pode ser aplicable outro réxime de responsabilidade administrativa ou de natureza xurisdicional, sempre que se dea tamén a identidade de suxeito e fundamento.

4. Cando, en calquera fase do procedemento sancionador, os órganos competentes consideren que existen elementos de xuízo indicativos da existencia doutra infracción para cuxo coñecemento non sexan competentes, comunicaranllo ao órgano que consideren competente.

5. O disposto nesta lei enténdese sen prexuízo da exixencia das demais responsabilidades a que houber lugar. Para estes efectos, cando aparezan indicios doutras responsabilidades, ordenaráselle á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia que valore o exercicio doutras posibles accións que poidan corresponder, así como, de proceder, que poña os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal por se poden ser constitutivos de delito.

Artigo 53. Infraccións e sancións en materia de xestión económico-orzamentaria

As persoas que ocupen os altos cargos incluídos no ámbito de aplicación do título II estarán suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de xestión económicoorzamentaria recollido na normativa básica en materia de transparencia e bo goberno.

Artigo 54. Infraccións en materia de incompatibilidades e conflito de intereses

1. Considéranse infraccións moi graves:

a) O incumprimento das normas sobre incompatibilidades, conflitos de intereses e abstencións recollidas no título II, cando se produza dano manifesto á Administración autonómica.

b) A non presentación das declaracións previstas no artigo 47, pasados seis meses desde a toma de posesión ou desde o cesamento.

c) A presentación de declaracións con datos ou documentos falsos.

d) O incumprimento da prohibición da tenza de fondos en paraísos fiscais.

2. Considéranse infraccións graves:

a) O incumprimento das normas sobre incompatibilidades, conflitos de intereses e abstencións recollidas no título II, cando non se produza dano manifesto á Administración autonómica.

b) A non presentación en prazo das declaracións previstas no título II cando non sexa emendada tras o prazo dun mes logo do requirimento que se formule para o efecto, tanto tras o nomeamento coma tras o cesamento.

c) A omisión de datos e documentos que deban ser presentados conforme o establecido nesta lei.

3. Considérase infracción leve a non presentación no prazo establecido das declaracións previstas no artigo 47, transcorrido o prazo previsto no requirimento que se formule para o efecto.

Artigo 55. Infraccións e sancións disciplinarias

1. As persoas que ocupen os altos cargos incluídos no ámbito de aplicación do título II estarán suxeitas ao réxime de infraccións e sancións disciplinarias recollido na normativa básica en materia de transparencia e bo goberno.

2. Ademais, considérase infracción grave o incumprimento reiterado das obrigas en materia de transparencia previstas nesta lei, cando se produza un dano manifesto, e infracción leve o incumprimento das indicadas obrigas cando non sexa reiterado e non se produza dano manifesto.

Artigo 56. Órganos competentes

1. O procedemento sancionador iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente, ben por iniciativa propia, ben como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou denuncia cidadá.

2. O órgano competente para ordenar a incoación será:

a) O Consello da Xunta, para as infraccións de calquera tipo que afecten membros do Goberno, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de administracións públicas.

b) A persoa titular da consellaría competente en materia de facenda, para as infraccións en materia de xestión económico-orzamentaria que afecten as restantes persoas incluídas no ámbito de aplicación do título II.

c) A persoa titular da consellaría competente en materia de función pública, para as infraccións en materia de incompatibilidades e conflitos de intereses que afecten as restantes persoas incluídas no ámbito de aplicación do título II.

d) A persoa titular da consellaría competente en materia de administracións públicas, para as infraccións disciplinarias.

3. O órgano competente para instruír o procedemento será:

a) A persoa titular da secretaría xeral técnica da consellaría competente en materia de facenda, para as infraccións en materia de xestión económico-orzamentaria.

b) A persoa titular da secretaría xeral técnica da consellaría competente en materia de función pública, para as infraccións en materia de incompatibilidades e conflito de intereses.

c) A persoa titular da secretaría xeral técnica da consellaría competente en materia de administracións públicas, para as infraccións disciplinarias.

4. O órgano competente para a imposición das sancións será:

a) O Consello da Xunta de Galicia no caso das sancións moi graves ou cando o alto cargo teña a condición de membro do Goberno.

b) O órgano competente para a súa incoación no caso das sancións graves e leves.

Artigo 57. Actuacións previas

1. O órgano competente para a instrución, con anterioridade á iniciación de calquera expediente de responsabilidade, poderá realizar actuacións previas de carácter reservado co obxecto de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación e notificaralle o inicio de tales actuacións á persoa interesada.

2. Así mesmo, o dito órgano coñecerá das denuncias que sobre os presuntos incumprimentos desta lei se poidan formular.

3. No caso de infraccións en materia de incompatibilidades e conflito de intereses, a Oficina de Incompatibilidades, a través do centro directivo a que estea adscrita, con anterioridade á iniciación de calquera expediente sancionador, poderá realizar de oficio as actuacións previas de carácter reservado para determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación. Así mesmo, a Oficina de Incompatibilidades coñecerá das denuncias que se poidan formular sobre os presuntos incumprimentos en materia de incompatibilidades e conflito de intereses. Unha vez realizadas estas actuacións previas, a Oficina de Incompatibilidades remitiralle ao órgano competente para a instrución o informe das actuacións previas realizadas.

4. Unha vez realizada a información previa, o órgano competente para a instrución elevará o informe das actuacións previas realizadas ao órgano competente para a incoación.

Artigo 58. Procedemento

1. O procedemento tramitarase en expediente contraditorio e sumario conforme se determine regulamentariamente. No que non se regule especificamente, aplicarase a normativa de réxime xurídico e procedemento administrativo aplicable ás administracións públicas.

2. As persoas responsables dos ficheiros, arquivos e rexistros de carácter público proporcionaranlle ao órgano competente para a instrución, cando lles sexan requiridos, información, datos e colaboración na forma establecida na lexislación en materia de datos de carácter persoal.

3. De conformidade co previsto na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o órgano competente para resolver poderá adoptar en calquera momento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar.

4. Ao se concluír a instrución, o órgano instrutor formulará proposta de resolución na cal se fixarán de forma motivada os feitos, especificándose os que se consideren probados e a súa cualificación xurídica, e determinaranse a infracción e a persoa ou persoas que resulten responsables, especificándose a sanción que propón que se impoña e as medidas provisionais que se adoptaron, ou ben propoñerase a declaración de non existencia de infracción ou responsabilidade.

Artigo 59. Sancións en materia de incompatibilidades e conflito de intereses

1. A sanción por infracción moi grave comprenderá:

a) A destitución nos cargos públicos que ocupen, salvo que xa cesasen nestes.

b) A obriga de restituír, de ser o caso, as cantidades percibidas indebidamente na forma que se estableza regulamentariamente.

c) A inhabilitación para ocupar un posto de alto cargo das persoas que cometesen as infraccións tipificadas no artigo 54.1.a) durante un período de entre cinco e dez anos.

A inhabilitación para ocupar cargos públicos comportará a destitución no cargo público que ocupe, de non ter cesado nel.

d) Unha sanción pecuniaria por un importe de entre un mínimo do cinco por cento e un máximo do dez por cento do seu salario bruto mensual.

2. A sanción por infracción grave comprenderá:

a) A obriga de restituír, de ser o caso, as cantidades percibidas indebidamente na forma que se estableza regulamentariamente.

b) A inhabilitación para ocupar un posto de alto cargo das persoas que cometesen as infraccións tipificadas no artigo 54.2.a) durante un período de entre un e cinco anos.

A inhabilitación para ocupar cargos públicos comportará a destitución no cargo público que ocupe, de non ter cesado nel.

c) Unha sanción pecuniaria por un importe de entre un mínimo do dous por cento e un máximo do catro por cento do seu salario bruto mensual.

3. As infraccións leves serán sancionadas cunha amoestación por escrito.

4. Para a gradación das sancións aplicables en cada caso teranse en conta os criterios recollidos na normativa básica de procedemento administrativo e valoraranse a existencia de prexuízos para o interese público, a repercusión da conduta na cidadanía e, de ser o caso, a percepción indebida de cantidades polo desempeño de actividades públicas incompatibles.

5. Cando as sancións comporten o pagamento e/ou a restitución de cantidades, estas depositaranse na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 60. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións e as sancións reguladas nesta lei prescribirán aos cinco anos, tres anos e un ano, segundo se trate de responsabilidades moi graves, graves ou leves, respectivamente.

2. Para o cómputo dos prazos de prescrición, así como para as causas da súa interrupción, observarase o disposto na normativa básica de procedemento administrativo.

Artigo 61. Informe ao Parlamento de Galicia

A Xunta de Galicia deberalle remitir anualmente ao Parlamento de Galicia un informe sobre os expedientes tramitados en aplicación do réxime sancionador previsto neste título, coa inclusión de referencias aos procedementos iniciados, resoltos e, de ser o caso, aos que fosen obxecto de recurso. Este informe farase público no Portal de transparencia e Goberno aberto.

Disposición adicional primeira. Formación do persoal público

A Escola Galega de Administración Pública incorporará, dentro do seu plan de formación, instrumentos específicos para formar o persoal empregado público nos dereitos e obrigas regulados por esta lei.

Disposición adicional segunda. Autorización de convenios

Os convenios de colaboración que subscriba o sector público autonómico precisarán de autorización previa do Consello da Xunta de Galicia cando impliquen asunción de obrigas de contido económico por importe superior a 150.000 euros ou cando as ditas obrigas, aínda que non superen a citada cifra, teñan carácter plurianual.

Disposición adicional terceira. Información previa ao Parlamento

Con carácter previo ao nomeamento dos presidentes ou das presidentas do Consello Económico e Social, do Consello da Cultura Galega ou doutros órganos que se poidan establecer por lei, e cuxo nomeamento sexa realizado polo presidente ou pola presidenta ou polo Consello da Xunta por un período de tempo determinado, poñerase en coñecemento do Parlamento de Galicia o nome das persoas propostas para estes cargos co fin de que poida dispoñer a súa comparecencia perante a comisión correspondente da Cámara. A comisión parlamentaria examinará, de ser o caso, as candidaturas propostas. Os seus membros formularán as preguntas ou solicitarán as aclaracións que crean convenientes.

De igual maneira, comparecerán as candidatas ou os candidatos propostos para os cargos de director ou directora da Corporación Radio e Televisión de Galicia e de valedor ou valedora do pobo.

Disposición adicional cuarta. Custos de acceso á información

O acceso á información será gratuíto. Non obstante, a obtención de copias e a transposición a formatos diferentes do orixinal poderán estar suxeitas ao pagamento das taxas establecidas na normativa da Comunidade Autónoma de Galicia sobre o particular.

Disposición adicional quinta. Reclamación

A resolución da reclamación prevista no artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo.

Disposición adicional sexta. Reasignación dos medios do Valedor do Pobo

Á entrada en vigor desta lei, o valedor ou a valedora do pobo procederá á reordenación e reasignación dos medios persoais e materiais da institución para garantir o cumprimento dos fins e das funcións que esta lles atribúe ao Comisionado da Transparencia e á Comisión da Transparencia.

Disposición adicional sétima. Normativa comunitaria

Nun prazo de oito meses desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia regulará os mecanismos de planificación e avaliación normativa derivados do contido das recomendacións europeas sobre better regulation.

Regularase ademais a existencia dunha memoria de análise de impacto normativo, como documento que integre todas as achegas recibidas polo órgano directivo impulsor da norma, calquera que sexa a súa procedencia, e mais a súa resposta motivada. No caso das iniciativas lexislativas, este documento seralle remitido ao Parlamento xunto con cada unha delas.

Disposición transitoria primeira. Obrigas de transparencia

1. As obrigas en materia de publicidade activa non serán aplicables a aqueles contratos formalizados, convenios asinados ou subvencións concedidas antes da entrada en vigor desta lei.

2. As obrigas en materia de publicidade activa non serán aplicables a aqueles proxectos de disposicións de carácter xeral ou de plans ou programas plurianuais cuxa tramitación se iniciase antes da entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria segunda. Vixencia das disposicións regulamentarias

Mentres non se desenvolva regulamentariamente esta lei, permanecerán en vigor en todo o que non se opoña a ela:

a) O Decreto 44/1991, do 20 de marzo, de réxime disciplinario do persoal funcionario de Galicia.

b) O Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

c) O Decreto 205/2008, do 4 de setembro, polo que se regulan os rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Instrumentos tecnolóxicos

Os instrumentos tecnolóxicos precisos para dar cumprimento ás obrigas da presente lei iranse adecuando progresivamente aos seus requirimentos de forma que, no prazo máximo de seis meses, estean implementados para que as disposicións contidas nesta lei sexan plenamente efectivas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica.

2. Queda derrogada a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

3. Queda derrogado o artigo 8 da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango contradigan ou se opoñan ao contido desta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

Introdúcese un novo artigo 53 bis na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, co seguinte contido:

«Artigo 53 bis. Réxime económico aplicable aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para adecuar, conforme criterios obxectivos, os conceptos retributivos e as percepcións económicas de calquera natureza que resultan aplicables:

a) Aos órganos unipersoais de goberno e aos membros dos consellos reitores das entidades reguladas no artigo 45.

b) Aos órganos unipersoais de goberno ou dirección e aos membros dos consellos de administración ou aos órganos equivalentes das entidades que integran o sector público autonómico de Galicia.

c) Ao persoal directivo das entidades a que se fai referencia nas alíneas a) e b) anteriores ».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico

Introdúcese un novo artigo 33 bis na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, co seguinte contido:

«Artigo 33 bis

Nos contratos adxudicados con pluralidade de criterios de valoración, e salvo as excepcións que se poidan establecer en resolución motivada do órgano de contratación cando a natureza da prestación obxecto do contrato así o exixa, a ponderación do prezo ou custo como criterio de adxudicación do contrato non será inferior ao 40 por cento da puntuación máxima que se poida atribuír ás ofertas.

O factor custo comprenderá custos sufragados ou que vaia sufragar o poder adxudicador ao longo de toda a vida do produto, servizo ou obra obxecto do contrato de que se trate, que permitan determinar a relación custo-eficacia das ofertas.

Igualmente poderá consistir, cando así o requira a valoración adecuada das ofertas, no cálculo do custo do ciclo de vida, que incluirá nunha medida pertinente a totalidade ou unha parte dos custos seguintes ao longo do ciclo de vida dun produto, dun servizo ou dunha obra:

a) Custos sufragados polo poder adxudicador ou por outros usuarios, tales como custos de adquisición, de utilización, de mantemento e custos de final de vida.

b) Custos imputados a externalidades ambientais vinculadas ao produto, servizo ou obra durante todo o seu ciclo de vida, coa condición de que o seu valor monetario se poida determinar e verificar. Eses custos poderán incluír o custo das emisións de gases de efecto invernadoiro e doutras emisións contaminantes, así como outros custos de mitigación do cambio climático.

Todos estes custos deben poder determinarse e verificarse. O método que se utilice para valorar e cuantificar o custo do ciclo de vida incluirase no prego, no cal se indicarán, ademais, os datos que deben facilitar os licitadores para a devandita cuantificación».

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo

Modifícase o artigo 10.2 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. O cadro de persoal será aprobado pola Mesa do Parlamento por proposta do valedor ou da valedora do pobo. Dentro do devandito cadro o valedor ou a valedora do pobo poderá designar ata cinco persoas asesoras, sempre que sexa posible dentro dos límites orzamentarios.

O persoal restante deberá reunir a condición previa de funcionario ou funcionaria de calquera das administracións públicas e poderá ser adscrito á súa oficina por libre designación ou por concurso público segundo a relación de postos de traballo».

Disposición derradeira cuarta. Desenvolvemento normativo

1. Nun prazo non superior a un ano desde a entrada en vigor desta lei, a Administración xeral da Comunidade Autónoma desenvolverá regulamentariamente:

a) A estrutura e os contidos do Portal de transparencia e Goberno aberto.

b) O procedemento de elaboración, estrutura e contidos dos informes de xestión para o traspaso de poderes.

2. Habilítanse o Consello da Xunta de Galicia e mais as persoas titulares das consellerías competentes por razón da materia para ditaren cantas outras disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do establecido nesta lei.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia