lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Publicado en: DOG 249 31/12/2013

Última modificación: 07/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

1

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo dispón o artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de servizos sociais, e, facendo uso desa atribución, regulou e desenvolveu o Sistema galego de servizos sociais, que ten como norma principal a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. A lei define os servizos sociais como servizo público destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación mediante intervencións que permitan, entre outros obxectivos, “facilitar recursos e itinerarios de integración social a quen se encontra en situación ou risco de exclusión social”. Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de promoción do desenvolvemento comunitario, tal como se recolle no artigo 27.24 do seu Estatuto de autonomía.

Con anterioridade á Lei 13/2008, do 3 de decembro, antes citada, partindo de 1991, a raíz dos acordos acadados no marco galego de diálogo cos axentes sociais, os poderes públicos galegos impulsaron e desenvolveron un conxunto de prestacións e medidas enfocadas directamente á loita contra a pobreza e a exclusión social. Así, no ano citado, aprobouse no Parlamento de Galicia a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, na cal se crearon a renda de integración social de Galicia (Risga) e as denominadas axudas de emerxencia social. Esta lei foi, pola súa vez, adaptada e modificada sucesivamente mediante a Lei 1/1999, do 5 de febreiro, e a Lei 16/2004, do 29 de decembro.

Así mesmo, no ano 2008, e como resultado dos acordos acadados no marco do diálogo social, incorpórase na disposición adicional cuarta da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, o compromiso de revisar a normativa da renda de integración social de Galicia (Risga).

Durante 2010, declarado Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, e de novo no marco do diálogo social desenvolvido en Galicia, pactáronse as bases para unha nova lei galega de inclusión social. A presente lei, resultado dese diálogo social, recolle, ademais, os principios e criterios das institucións europeas e as avaliacións e recomendacións das organizacións especializadas do terceiro sector, así como as da Mesa Autonómica de Seguimento e Avaliación da Risga, órgano de seguimento creado na citada Lei 9/1991, do 2 de outubro, ao longo de vinte anos de aplicación daquelas medidas.

Cómpre ter en conta, a ese respecto, a relevancia que nas recomendacións e ditames das institucións e autoridades da Unión Europea foi adquirindo a inclusión social. Xa no ano seguinte da publicación da Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, o Consello Europeo instou os Estados membros a recoñecer o dereito fundamental da persoa a recursos e prestacións suficientes para vivir conforme a dignidade humana, dentro dun dispositivo global e coherente de loita contra a exclusión social. E mesmo se referiu ao «acceso a este dereito sen límite de duración, sempre que se cumpran as condicións de acceso e quedando entendido que, concretamente, o dereito se poderá asignar por períodos de tempo limitados pero renovables». Pero o máis relevante é que lle outorgaba a este dereito un carácter auxiliar respecto dos demais dereitos en materia social, derivado da necesidade de establecer, como obxectivo paralelo ás políticas públicas de carácter xeneralista en materia de benestar, a reinserción das persoas excluídas dos sistemas de dereito xeral. Deixábase claro, así, que os programas de renda mínima debían ser compatibles e articulados cos servizos sociais e co estímulo e o apoio na procura de emprego.

Precisamente no informe conxunto sobre protección e inclusión social do 2009, adoptado polo Consello Europeo (Emprego, Política Social e Consumidores), mantense que a mellor protección contra a pobreza e a exclusión social é o emprego de calidade para as persoas que poden traballar, e recoñécese ademais que, para aquelas que non poden, é preciso prever «axudas aos ingresos» e fomentar a súa «participación social». No mesmo documento saliéntase, ademais, como elemento decisivo no acceso aos servizos públicos do Estado social unha boa articulación entre eses servizos e, concretamente, unha coordinación efectiva «entre os servizos sociais e os de emprego, para superar os atrancos que impiden a participación plena e duradeira na sociedade e no mercado de traballo».

En coherencia con todo o anterior, entre os obxectivos establecidos precisamente para o ano 2010, declarado Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, incluíase o de recoñecemento de dereitos ás persoas que viven nesas situacións. Así se expresaba no documento estratéxico marco da Comisión: «Recoñecer o dereito fundamental das persoas que se encontran en situación de pobreza e exclusión social a vivir con dignidade e a desempeñar un papel activo na sociedade». Desta maneira, recomendábase que a acción pública se enfocase decididamente a fomentar a autonomía destas persoas, a través do acceso a uns ingresos dignos, a servizos de interese xeral e ao mercado de traballo.

A inclusión activa asentouse claramente en todo este período como unha das prioridades da Unión e dos Estados membros e un eixe prioritario para os fondos estruturais, no marco de estratexias dos Estados membros e das rexións europeas nas que se articulen medidas de acceso a ingresos mínimos con outras orientadas a mercados de traballo inclusivos e a servizos públicos de calidade. A xa citada Risga, coas súas sucesivas reformas, así como o primeiro (2000-2006) e o segundo (2007-2013) Plangalego de inclusión, cofinanciados polo FSE no marco do correspondente programa operativo, foron respondendo a esas directrices. Ambos os dous seguiron as recomendacións dos cumios de Lisboa (2000) e Niza (2001) e, estreitamente vinculados coa Risga, foron construíndo unha estratexia galega de inclusión social, respondendo, con orzamentos específicos, a aquela directriz de combinar medidas de ingresos mínimos con outras actuacións orientadas a compensar déficits de capacitación, de sociabilidade e de axuste persoal, así como a facer o mercado de traballo máis inclusivo e a facilitar o acceso en igualdade a servizos de calidade.

Por fin, a recentemente deseñada Estratexia 2020 confirma, aínda con máis claridade, a citada orientación. Comeza por establecer, como pórtico que dá sentido a toda a súa formulación, que do que se trata é de lograr un crecemento inclusivo, ademais de intelixente e sustentable. Por iso na Comunicación da Comisión «Europa 2020» –COM (2010) 2020–, elaborada nun contexto de crise económica, proponse como obxectivo, interrelacionado con todos os demais, o de que o risco de pobreza se reduza en 20 millóns de persoas no conxunto da Unión, e lanza como iniciativa emblemática a da creación dunha Plataforma Europea contra a Pobreza «para garantir a cohesión social e territorial, de tal forma que os beneficios do crecemento e do emprego sexan amplamente compartidos e as persoas que sofren pobreza e exclusión poidan vivir dignamente e tomar parte activa na sociedade».

Na Estratexia 2020 sublíñase a necesidade de solucións equilibradas, «recoñecendo dereitos fundamentais ás persoas que sofren pobreza e exclusión» e despregando sistemas de aseguramento de rendas, ao tempo que se evita, tal como se subliña na Comunicación da Comisión COM (2010) 758 sobre «a Plataforma Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social: un marco europeo para a cohesión social e territorial», que as persoas «queden atrapadas nunha situación de dependencia das prestacións, a miúdo con dereitos que non abondan para sacalas da pobreza».

En definitiva, trátase de avanzar no deseño de instrumentos legais e de servizos á cidadanía que equilibren tres aspectos básicos: o acceso a ingresos mínimos en situacións de grave pobreza e exclusión; o dereito a un acompañamento e apoio profesional e financeiro para adquirir novas capacidades e cualificacións; e o dereito, unido á responsabilidade individual, de non permanecer nunha situación de dependencia crónica das prestacións públicas.

Estamos, logo, diante dunha lei galega de inclusión social que integra as prestacións económicas de activación/inserción vinculadas a itinerarios de traballo social e formativo personalizado e que se desenvolven desde os servizos sociais comunitarios.

Os itinerarios de inserción laboral son o marco de estímulo e promoción do emprego con colectivos de difícil inserción que se desenvolve desde a Administración laboral galega (políticas de acción positiva, sobre todo as empresas de inserción e os estímulos á creación de emprego destes colectivos).

2

A renda de integración social de Galicia, creada pola Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, configurouse como un dereito recoñecible que se desdobraba en dous aspectos inseparables: atender necesidades básicas mediante unha prestación económica condicionada ao cumprimento dun proxecto de inserción.

A avaliación realizada no seo da Mesa Autonómica de Seguimento e Avaliación da Risga e en varios grupos de traballo de expertos a partir da posta en marcha do segundo Plan de inclusión social deu lugar ás primeiras propostas de reforma, partindo dos perfís específicos das persoas beneficiarias de longa e curta percepción e da experiencia acumulada polo persoal tramitador provincial, polos servizos sociais comunitarios básicos e polos equipos técnicos do plan de inclusión.

No citado proceso detectouse que o perfil das persoas beneficiarias era dispar e que, así como había un colectivo que respondía ás expectativas da norma, iniciando procesos reais de reinserción aos cales se podía dar un contido laboral, tamén era importante o segmento de persoas beneficiarias para as cales, por diversas razóns, de carácter persoal, familiar ou social, non era razoable unha expectativa de activación e incorporación ao mercado de traballo, polo menos a curto ou medio prazo. Tratábase de colectivos moi diferentes aos que cumpriría dar unha resposta diferente. Por outra parte, a obriga de subscribir o proxecto de inserción en todas as circunstancias comportou, en moitos casos, por escaseza de recursos específicos ou pola deterioración das situacións, unha perda do seu valor e da súa eficacia. Aínda que esa escaseza inicial de recursos se viu corrixida polos plans de inclusión social, para os cales, ademais, foi decisiva a colaboración das entidades de iniciativa social, a propia experiencia de traballo dos equipos técnicos de inclusión sociolaboral confirmou a necesidade de repensar unha renda flexible e de modular, con acompañamentos sociais e laborais diferenciados, en tramos de diferentes características.

Ese cambio exprésase no feito de que esta lei recoñece dous dereitos diferentes, aínda que relacionados, que se regulan e modulan de maneira separada: o dereito a uns ingresos mínimos, dereito que se corresponde co deber de vinculación cos servizos sociais comunitarios básicos e específicos a través do proxecto de integración social ou familiar; e un segundo dereito a un apoio económico e técnico personalizado no itinerario de cara á inserción no mercado de traballo, que se corresponde co compromiso de desenvolver as actividades pactadas nun documento escrito no que a formación adaptada, a aprendizaxe e a práctica laboral son, entre outros, aspectos decisivos.

Ademais, quedou establecido que era necesario tamén reformar e flexibilizar a norma para evitar que as fórmulas de cálculo empregadas para determinar a contía da prestación non tivesen un efecto desincentivador da progresiva incorporación laboral, especialmente cando se trata de traballos esporádicos e de menor contía, de aprendizaxes ou insercións temporais ou parciais. Máis ben ao contrario, estableceuse como criterio que a transición ao emprego había que tutelala e estimulala. De tal consideración deriva precisamente a definición dos tramos de inserción e de transición ao emprego que esta nova lei define, así como o establecemento de compatibilidades con accesos parciais ao emprego que a súa configuración permite.

O proceso descrito tivo en conta a oportunidade das posibles sinerxías derivadas do feito de ter integrada nun único departamento a xestión dos sistemas de servizos sociais e emprego, de maneira que esta lei non se limite a unha mera reforma da Risga, senón que avance cara a unha estratexia coordinada entre os servizos sociais comunitarios municipais, o Servizo Público de Emprego de Galicia e as estruturas técnicas da consellaría competente. Ese avance faise baixo o principio de que o itinerario das persoas para saíren da exclusión, con apoio público, sexa único, coherente e continuado, desde o social ao laboral. Desta maneira, xunto coa nova renda de inclusión social de Galicia e as axudas para a inclusión social, incorpórase nesta lei unha referencia ás empresas de inserción, acorde cos aspectos básicos da Lei estatal 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción; lei que se dita ao abeiro das competencias exclusivas do Estado en materia de lexislación laboral, consonte o artigo 149.1.7 da Constitución española, e sen prexuízo das competencias autonómicas en materia de servizos sociais. Ademais, establécense accións positivas para o acceso daqueles colectivos aos beneficios derivados dos incentivos á contratación, á formación ocupacional, aos programas mixtos de emprego-formación e ao proceso de cualificación mediante certificación da experiencia e da formación non formal. Tamén, como aspectos novos, regúlanse o selo distintivo de empresa inclusiva e as bases para actuacións en zonas especiais. O primeiro, precisamente, para dar cobertura legal ao feito constatado da colaboración activa de certas empresas co Plan galego de inclusión social; e, o segundo, para facilitar unha actuación coordinada entre os concellos afectados pola existencia de áreas de alta concentración de problemáticas de exclusión social e os diversos departamentos da Xunta de Galicia.

Cómpre indicar, ademais, que esta lei é coherente coa estrutura do Sistema de servizos sociais creada pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e con toda a experiencia acumulada nos plans galegos de inclusión social. A disposición da nova renda en tramos facilita a súa vinculación cos niveis en que a Lei 13/2008, do 3 de decembro, estrutura os servizos sociais comunitarios. Así, o primeiro tramo, que se orienta a aspectos relacionados coa integración social e o axuste persoal de individuos ou unidades familiares con menores, sitúase na esfera dos servizos sociais comunitarios básicos, nos cales a persoa profesional de referencia, o traballo social do caso e o programa de educación e apoio familiar desempeñan un papel determinante, así como na dos servizos sociais comunitarios específicos, que xa veñen funcionando no marco do plan de inclusión como equipos de inclusión sociolaboral. Pola súa parte, tanto no tramo de inserción como no de transición ao emprego, desempeñan un papel decisivo os dispositivos e medidas da área laboral: oficinas de emprego, servizos municipais de emprego, persoal de orientación, de intermediación, etc.

Tamén, en canto á diversidade de axentes que se definen na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, resulta esta lei plenamente coherente. O sistema, de responsabilidade pública, está participado por varias administracións, por axentes sociais e por entidades do terceiro sector de acción social. Nos procedementos e sistemas de información de persoas usuarias que se definen nesta lei resulta determinante a cooperación activa entre os concellos e a Xunta de Galicia. Tamén é decisivo, especialmente cando se trata do traballo máis directo e continuado con persoas gravemente afectadas por factores de exclusión social, complementar a acción pública coa execución de accións e proxectos por parte das entidades de iniciativa social debidamente autorizadas.

3

A lei estrutúrase nun título preliminar, sete títulos, divididos pola súa vez en capítulos, tres disposicións adicionais, catro transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No título preliminar establécese, en primeiro lugar, o obxecto da norma e indícase o alcance xeral dos dereitos que se regulan; e defínese, no seu artigo segundo, o ámbito subxectivo, para o que se establecen criterios para a determinación das situacións de exclusión ou risco de exclusión social, de maneira que, da valoración técnica desa situación por parte dos servizos sociais, se deduza a posición xurídica da cidadanía en relación con esta lei. Neste mesmo título inclúense o criterio de competencia e unha serie de principios xerais de aplicación e interpretación.

No título I regúlase a renda de inclusión social de Galicia, que substitúe a actual renda de integración social de Galicia. Este título estrutúrase en oito capítulos. No capítulo I establécense disposicións de carácter xeral, a súa definición e estrutura por tramos, así como a definición e o obxecto de cada tramo, o concepto da unidade de convivencia e os criterios e regras xerais de aplicación. Esa estrutura é a que permite diferenciar entre o dereito a un mínimo vital, dereito que se modula e configura de maneira separada á laboralización, e o dereito a participar nun itinerario de inserción laboral. No capítulo II regúlanse os requisitos de acceso e expóñense as regras de compatibilidade de ingresos e prestacións. A este respecto garántese que as persoas beneficiarias teñan unha vinculación cos servizos sociais comunitarios, co fin de facer un seguimento dos procesos personalizados de inserción, así como unha idade mínima que determine que nos encontramos nunha situación ou risco de exclusión social e non ante unha simple ausencia de recursos ao alcanzar a idade laboral, todo iso establecendo un límite de recursos económicos así como a necesidade de que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de prestar alimentos, e establécese para todos os requisitos unha serie de excepcións. Nos capítulos III, IV e V figuran as normas aplicables aos tramos persoal e familiar, de inserción e de transición ao emprego. O capítulo VI, dividido en dúas seccións, trata do procedemento para a tramitación da renda de inclusión así como do procedemento abreviado para os casos de vítimas de violencia de xénero. O capítulo VII contén as obrigas e compromisos que contraen as persoas beneficiarias e no capítulo VIII inclúese a regulación dos supostos de modificación, suspensión e extinción.

O título II recolle a definición e as normas de aplicación para a asignación das axudas de inclusión social. Defínense o obxecto e a natureza destas axudas e establécense a súa tipoloxía, os requisitos necesarios para a súa percepción, os criterios de límite de contía e temporalidade, así como todo o relativo á tramitación, resolución, pagamento, xustificación, cando procede, e impugnación.

No título III, no capítulo I, dispóñense os diferentes instrumentos para facer efectiva a inclusión activa das persoas beneficiarias das prestacións que se regulan. Así, abórdase, en primeiro lugar, o proxecto de integración social, no tramo básico, así como, cando sexa o caso, o acordo para a integración socioeducativa das persoas menores. No mesmo capítulo defínese o convenio para a inclusión sociolaboral con compromiso de actividade, que está vinculado ao tramo de inserción. O capítulo II está dedicado ao plan de inclusión e aos servizos sociais comunitarios específicos para a inclusión, consonte o establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e que se concretan nunha rede territorializada de equipos para apoiar os procesos individuais de incorporación social e laboral. Ademais, establécense as bases para o fomento de actividades e proxectos específicos desenvolvidos por entidades de iniciativa social para capacitar as persoas participantes no plan de inclusión e mellorar as súas habilidades sociais e a súa empregabilidade.

No título IV establécense os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social, e incorpóranse, no capítulo I, criterios de coordinación entre o Sistema galego de servizos sociais e o Sistema público de emprego de Galicia. No capítulo II defínense e regúlanse os aspectos básicos das empresas de inserción, e incorpóranse normas que establece a Lei estatal 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción. No capítulo III recóllense as medidas para favorecer o acceso á formación ocupacional e ao emprego das persoas que participan nos itinerarios que define a presente lei e no capítulo IV regúlase o selo de empresa inclusiva.

No título V regúlase a declaración de zona de intervención social especial e establécense criterios xerais de coordinación para a actuación en áreas urbanas ou periurbanas nas que se acredite unha concentración significativa e anómala de situacións de exclusión social.

No título VI, dedicado á coordinación e á participación, establécense, como órganos de control e seguimento, os previstos no artigo 40 e seguintes da Lei de servizos sociais de Galicia: o Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais. Así mesmo, tamén se prevé unha comisión interdepartamental de servizos sociais e inclusión social, á que fai referencia o artigo 65 da Lei de servizos sociais de Galicia, como órgano de coordinación dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia que incidan na mellora do benestar da cidadanía galega.

Finalmente, no título VII defínense as competencias da Xunta de Galicia e dos concellos nesta materia, e destácase a necesidade do desenvolvemento de procedementos de coordinación para facilitar, entre outras cousas, a colaboración na aplicación das medidas establecidas nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento.

Esta lei foi sometida ao ditame do Consello Económico e Social de Galicia e do Consello Galego de Relacións Laborais.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de inclusion social de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta lei ten por obxecto establecer e regular un conxunto de dereitos e recursos específicos para as persoas en situación ou risco de exclusión social, co fin de mellorar a cohesión e a inclusión social en Galicia.

2. Nesta lei regúlanse, en concreto, as condicións de participación da cidadanía galega nos servizos e prestacións para a inclusión social e, de maneira específica, a natureza e o exercicio do dereito de percepción da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social, en canto prestacións económicas de carácter esencial dentro do Sistema galego de servizos sociais, segundo o establecido no artigo 21 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

3. Regúlanse, ademais, nesta lei, os dereitos e obrigas dos perceptores das citadas prestacións en relación coa súa participación en itinerarios personalizados que, co apoio do Sistema galego de servizos sociais e do Sistema público de emprego de Galicia, permitan acadar a súa autonomía e inserción sociolaboral, así como as bases para o deseño e a execución coordinada de políticas activas desde os diversos ámbitos de actuación pública, dirixidas a sectores de poboación en situación ou risco de exclusión social.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

Os dereitos declarados e regulados nesta lei recoñeceranse a aquelas persoas que o Sistema galego de servizos sociais, creado pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, valore como persoas en situación ou risco de exclusión social.

Artigo 3. Criterios para a valoración da situación de exclusión social ou de risco de exclusión social

1. Para a valoración técnica da situación ou risco de exclusión social, e de conformidade co establecido nesta lei e na normativa de desenvolvemento, verificarase a ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión seguintes, cando esa condición supoña especiais dificultades de integración social ou laboral:

a) Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas.

b) Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias adictivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.

c) Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.

d) Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.

e) Ter unha discapacidade valorada superior ao 33 %.

f) Ser inmigrante ou emigrante retornado.

g) Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.

h) Proceder de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria.

i) Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.

j) Pertencer a unha minoría étnica.

k) Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

l) Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.

m) Calquera outro factor non previsto expresamente neste artigo sempre que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral. Esta ponderación poderá ser tamén obxecto de avaliación por parte dos técnicos da Comunidade Autónoma.

2. Ademais da valoración técnica da situación ou risco de exclusión social de acordo cos criterios expostos no artigo anterior, para o acceso á renda de inclusión social de Galicia e ás axudas de inclusión social teranse en conta os requisitos específicos regulados nesta lei para cada unha das citadas prestacións económicas consonte a súa natureza e obxecto.

3. Sen prexuízo das incompatibilidades e dos criterios de acceso por razón de ingresos ás prestacións económicas reguladas nesta lei, poderanse valorar como persoas en situación de risco de exclusión, e, en consecuencia, incorporarse ao resto de medidas positivas de apoio, aquelas persoas en que concorran factores de exclusión social sinalados no punto primeiro deste artigo aínda que realicen actividades laborais de baixa remuneración que pola súa natureza descontinua ou parcial non garantan unha inserción social e laboral.

4. Establecerase regulamentariamente o procedemento de valoración e cualificación da situación ou risco de exclusión social de acordo cos criterios establecidos no primeiro punto deste artigo, así como a incorporación dos datos necesarios aos correspondentes sistemas de información da Administración xeral da Comunidade Autónoma necesarios para o mantemento do expediente social único, garantindo, en todo caso, os dereitos establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e a normativa que a desenvolve.

Artigo 4. Criterio de competencia

O recoñecemento dos dereitos que se regulan nesta lei, así como o desenvolvemento regulamentario da dita regulación e a aplicación das medidas necesarias para facelos efectivos, corresponderanlles aos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma en colaboración cos concellos, conforme o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e no título sétimo da presente lei

Artigo 5. Principios xerais de aplicación e interpretación

As actuacións que se desenvolvan desde as administracións públicas para a aplicación das medidas establecidas nesta lei rexeranse, ademais de polos principios xerais de servizos sociais recollidos no artigo 4 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, polos seguintes principios de aplicación e interpretación:

1. Integración, coordinación e transversalidade: as medidas recollidas nesta lei instrumentaranse principalmente desde o Sistema galego de servizos sociais e o Sistema público de emprego de Galicia, reforzando as estruturas xa existentes, evitando duplicidades e favorecendo a eficiencia no uso dos recursos públicos. Sen prexuízo da especificidade das medidas aquí reguladas para a inclusión social, as políticas públicas da Xunta de Galicia en sanidade, educación, vivenda e desenvolvemento rural, entre outras, deseñaranse tendo en conta o seu impacto na inclusión social, a necesaria coordinación e as posibles accións positivas para o logro daquel obxectivo estratéxico.

2. Acción positiva: todas as actuacións impulsadas a partir da presente norma, na súa aplicación concreta, procurarán compensar as tendencias e situacións consolidadas de marxinación e de déficit de oportunidades de grupos e colectivos sociais. De maneira especial, ademais, manterase unha actuación positiva a prol da igualdade de xénero.

3. Equidade e reequilibrio territorial: os deseños e decisións sobre distribución de recursos técnicos, financeiros e humanos polo territorio galego terán en conta a necesidade de compensar as tendencias estruturais á exclusión territorial, como consecuencia da crise demográfica, o despoboamento e a desigualdade efectiva de oportunidades e servizos entre áreas sociais de Galicia.

4. Inclusión activa e solidaria: os recursos públicos para facer efectivos os dereitos que esta lei regula fan posible unha mellora das oportunidades reais de inclusión social e laboral das persoas que deles se benefician. De maneira correlativa e solidaria co resto da cidadanía implican a obriga das persoas beneficiarias de participar activamente nos procesos de mellora da súa integración social, así como de adquirir hábitos, destrezas e competencias persoais e profesionais, para o logro da súa autonomía e inclusión social e laboral, de acordo co itinerario e os compromisos establecidos.

5. Participación, diálogo social e diálogo civil: a Xunta de Galicia manterá abertas as canles de diálogo social institucional cos axentes sociais e cos representantes das entidades de iniciativa social no seguimento das medidas reguladas nesta lei de cara á súa mellora, adaptación e perfeccionamento.

6. Responsabilidade pública e solidariedade social: os poderes públicos galegos desenvolverán as medidas reguladas nesta lei mediante a Rede pública de servizos sociais e de emprego, sen prexuízo do fomento da participación e da colaboración complementaria das entidades de iniciativa social tanto na aplicación de recursos contra a exclusión coma na mellora continua do sistema. Para estes efectos, poderanse subscribir convenios de colaboración de acordo co establecido na lexislación vixente.

7. Responsabilidade empresarial: os poderes públicos colaborarán coas empresas nos procesos de inclusión social e fomentarán a responsabilidade social empresarial para estes efectos.

8. Acción integral e personalizada: as intervencións dos servizos sociais coas persoas e co seu contorno serán abordadas con profesionalidade, de xeito individual e mediante a avaliación integral e personalizada das necesidades, e respectando os seus dereitos e, en especial, a súa dignidade e intimidade.

TÍTULO I A renda de inclusión social de Galicia (Risga)

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 6. Definición, obxectivos e natureza xurídica

1. A renda de inclusión social de Galicia é unha prestación pública destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, así como a acadar progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral, mediante o dereito e o deber a participar en procesos personalizados de inserción con apoio técnico e financeiro do Sistema galego de servizos sociais e do Sistema público de emprego de Galicia.

2. A percepción da renda de inclusión social de Galicia é un dereito subxectivo de acordo coas condicións, requisitos e obrigas regulados nesta lei.

3. A renda de inclusión social de Galicia, en canto prestación económica, terá carácter alimenticio, persoal e non transmisible, e non poderá ser obxecto de embargo ou retención nin darse en garantía de obrigas.

4. Así mesmo, a renda de inclusión social de Galicia será subsidiaria e incompatible coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de contía igual ou superior á das ditas pensións. Tampouco poderán acceder á renda de inclusión social de Galicia aquelas persoas que teñan a idade mínima establecida para poderen solicitar unha pensión non contributiva de xubilación. Calquera outro ingreso, así como as pensións e prestacións de importe inferior ao da pensión non contributiva percibidas pola persoa solicitante da renda de inclusión social de Galicia, non impedirán o acceso a ela, pero descontaranse do seu importe, coas excepcións sinaladas neste título. Así mesmo, os ingresos, pensións ou prestacións percibidas por outras persoas integrantes da unidade de convivencia distintas da titular serán compatibles e deducibles do importe da renda nos termos sinalados neste título sobre o cómputo de ingresos.

Artigo 7. Estrutura da renda de inclusión social de Galicia

A renda de inclusión social de Galicia configúrase en tres tramos, denominados: tramo persoal e familiar, tramo de inserción e tramo de transición ao emprego.

Artigo 8. Tramo persoal e familiar

1. Poderanse beneficiar do tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia aquelas persoas que se encontren en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 desta lei e cumpran os requisitos de acceso regulados neste título.

2. Os servizos sociais comunitarios básicos realizarán a valoración técnica da situación sociofamiliar e da idoneidade da prestación.

Artigo 9. Tramo de inserción

1. Poderanse beneficiar do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia aquelas persoas que se encontren en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 desta lei e que se vinculen a un itinerario de inserción no mercado de traballo mediante un convenio de inclusión de duración determinada cun contido formativo ou laboral.

2. Para tales efectos, a formación programada deberá estar adaptada á persoa e ao mercado laboral circundante e deberá ter un impacto claro na mellora das posibilidades reais de emprego.

3. Con carácter xeral promoverase que as persoas beneficiarias do tramo persoal e familiar se beneficien do tramo de inserción sempre que sexa posible consonte os requisitos e procedementos establecidos nesta lei.

Artigo 10. Tramo de transición ao emprego

1. Poderanse beneficiar do tramo de transición ao emprego as persoas beneficiarias da renda no tramo persoal e familiar ou no tramo de inserción co obxectivo de incentivar e facilitar o seu acceso a un emprego mediante o pagamento dun complemento de transición, en diminución gradual e progresiva, por un período máximo de seis meses.

2. Con carácter xeral promoverase que as persoas beneficiarias do tramo de inserción pasen ao tramo de transición ao emprego sempre que sexa posible.

Artigo 11. Unidade de convivencia. Criterios e regras de aplicación

1. Como regra xeral concederase unha soa renda por domicilio, entendido como marco físico de aloxamento da unidade de convivencia da que forma parte a persoa titular da prestación.

2. Para os efectos do previsto nesta lei considerarase unidade de convivencia o conxunto de persoas que convivan no mesmo domicilio e manteñan con respecto á persoa solicitante un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente.

3. Dentro da unidade de convivencia da persoa solicitante determinarase a persoa que deba ter a consideración de titular da prestación. En condicións equiparables, aplicarase o criterio de acceso preferente das mulleres á titularidade da renda de inclusión social de Galicia. Sen prexuízo da aplicación do dito criterio, o traballo social e educativo, así como os obxectivos de inserción laboral que se establezan, poderán implicar os demais membros da unidade de convivencia.

4. Excepcionalmente, sempre que exista unha solicitude motivada ao respecto polos servizos sociais comunitarios, poderanse aboar dúas rendas a persoas residentes nun mesmo domicilio cando quede acreditado que se trata dunha situación en que unha persoa con cargas familiares non compartidas se ve na necesidade de acollerse noutro fogar independente.

5. Así mesmo, cando así se xustifique no correspondente proxecto de integración social, tendo en conta, se é o caso, a información obtida para o efecto por requirimento dos servizos sociais comunitarios, poderase conceder unha renda por persoa nos seguintes supostos de residencia colectiva:

a) Centros de acollida e inclusión, públicos ou dependentes de entidades de iniciativa social, sempre que estean debidamente autorizados polo órgano competente do Sistema galego de servizos sociais e conste a existencia de seguimento plasmado nun proxecto personalizado de integración social.

b) Establecementos de aloxamento hoteleiros e casas particulares en réxime de pensión, nas que medie contraprestación económica e así se faga constar no expediente.

c) Aquelas instalacións de centros ou comunidades terapéuticas debidamente autorizadas que acollan persoas que vivan nelas de xeito estable ou temporal, coa finalidade de acadar a súa integración, así como as vivendas tuteladas que acollan persoas afectadas de discapacidade ou que padezan enfermidade mental.

d) Excepcionalmente, as vivendas habitadas por agrupacións voluntarias de convivencia, cando a xuízo do órgano de resolución e por proposta expresa dos servizos sociais comunitarios municipais correspondentes se considere conveniente o fomento ou mantemento desa agrupación para acadar unha maior calidade de vida e a integración social das persoas que a constitúen.

6. En todo caso, a unidade de convivencia beneficiaria non perderá esta condición cando, por causa de forza maior, accidente ou desafiuzamento, se vexa obrigada a residir temporalmente con outra.

7. No caso de privación de liberdade da persoa titular poderá seguir percibindo a renda outra persoa da unidade de convivencia sempre que se cumpran os requisitos para a súa percepción e se deseñe un novo proxecto de integración social adaptado ás novas circunstancias familiares.

CAPÍTULO II Requisitos xerais de acceso

Artigo 12. Requisitos xerais de acceso á renda de inclusión social de Galicia

Terán dereito a solicitar a renda de inclusión social de Galicia as persoas que se encontren nunha situación tecnicamente valorada de exclusión social ou de risco de exclusión social, consonte o artigo 3 desta lei, e que, sen prexuízo das excepcións establecidas nos artigos seguintes, reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter residencia efectiva e constatada polos servizos sociais comunitarios responsables de desenvolver as accións que se deseñen no correspondente proxecto de integración social e estar empadroado ou empadroada en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega, polo menos durante os seis meses anteriores á presentación da solicitude de valoración. Computaranse para estes efectos os períodos de empadroamento sucesivo en distintos concellos galegos.

b) Ter residencia legal.

c) Ter máis de 25 anos.

d) Dispor na unidade de convivencia de ingresos inferiores ao importe do tramo persoal e familiar que lle correspondería e, ademais, non dispor de bens patrimoniais dos cales se deduza a existencia de medios suficientes para a subsistencia, de acordo cos criterios de cómputo establecidos no artigo 17 desta lei.

e) Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de lles prestar alimentos de acordo coa lexislación civil, e tendo en conta o disposto no artigo 16 desta lei.

Artigo 13. Residencia e empadroamento

Quedan eximidas do cumprimento do requisito xeral de residencia e empadroamento:

a) Aquelas persoas que, procedentes doutras comunidades autónomas do Estado español, sexan beneficiarias do sistema de rendas mínimas na comunidade autónoma da que proceden, sempre que na lexislación da citada comunidade autónoma se recolla a reciprocidade ou o convenio específico para o efecto.

b) As vítimas de violencia doméstica ou de violencia de xénero que cambien o seu domicilio por motivos de seguridade.

c) As persoas emigrantes galegas, nos termos sinalados no artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, cando fixasen a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, aquelas persoas nacidas en Galicia que, residindo noutras comunidades autónomas, volvan fixar a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma galega.

d) As persoas que teñan recoñecida a condición de persoa refuxiada polo organismo competente da Administración xeral do Estado, ou aquelas persoas cuxa solicitude de asilo se admitise a trámite ou, non admitíndose, teñan os ou as solicitantes autorizada a súa permanencia en España por razóns humanitarias ou de interese social, no marco da lexislación reguladora do dereito de asilo, da condición de persoa refuxiada e da normativa reguladora dos dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España e da súa integración social.

e) As persoas vítimas de trata de seres humanos ou de mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero que conten cunha autorización de residencia ou cun traballo por circunstancias excepcionais nos termos que estableza a normativa de aplicación en materia de estranxeiría.

Artigo 14. Residencia legal

1. Ademais da residencia efectiva, os cidadáns e as cidadás de Estados non membros da Unión Europea precisarán acreditar a residencia legal en España no momento da presentación da solicitude.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior considerarase acreditado o requisito de residencia legal nos supostos de persoas vítimas de trata de seres humanos ou de mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero que conten cunha autorización de residencia ou traballo por circunstancias excepcionais nos termos que estableza a normativa de aplicación en materia de estranxeiría.

3. Queda exceptuado do requisito da residencia legal quen teña recoñecida a condición de persoa refuxiada polo organismo competente da Administración xeral do Estado, ou aquelas persoas cuxa solicitude de asilo se admitise a trámite ou, non admitíndose, teñan os ou as solicitantes autorizada a súa permanencia en España por razóns humanitarias ou de interese social, no marco da lexislación reguladora do dereito de asilo, da condición de persoa refuxiada e da normativa reguladora dos dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España e da súa integración social.

Artigo 15. Idade

Poderanse exceptuar do requisito xeral de idade expresado no artigo 10 desta lei as persoas que teñan menores ao seu cargo e, ademais, aquelas persoas maiores de 18 anos nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que antes de alcanzar a maioría de idade estivesen tuteladas pola Xunta de Galicia e internadas nun centro de menores ou en acollemento familiar.

b) Que, tendo recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % consonte o establecido na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, non teñan dereito a prestación ou axuda de igual ou análoga natureza.

c) Que estean en situación de orfandade absoluta e non teñan dereito a outras prestacións ou axudas de análoga natureza.

d) Que procedan dun centro de internamento de institucións penitenciarias.

e) Que leven tres anos vivindo nun domicilio independente e que cotizasen, polo menos, dous anos á Seguridade Social.

f) Que sexan persoas vítimas de trata de seres humanos.

g) Que se acredite que a persoa é vítima de violencia doméstica ou violencia de xénero.

h) Que os servizos sociais comunitarios acrediten a existencia da concorrencia de varios factores de exclusión social dos relacionados no artigo 3.

Artigo 16. Persoas obrigadas a prestar alimentos

1. A xuízo do órgano de resolución, poderanse eximir do requisito xeral da non existencia de persoas obrigadas a prestar alimentos os solicitantes de quen se prevexa que a obriga dos alimentos non se poida facer efectiva por malos tratos ou relacións familiares deterioradas ou inexistentes, do que exista constancia no expediente.

2. Non obstante, considérase que non teñen a obriga de prestar alimentos as persoas con parentesco que, en atención ás circunstancias socioeconómicas concorrentes, non poden facer fronte ou atender as necesidades básicas da unidade familiar solicitante sen desatender as propias necesidades ou as de familiares ao seu cargo. As circunstancias constarán claramente no informe social correspondente.

Artigo 17. Criterios de cómputo de recursos económicos

1. Para os efectos do previsto no artigo 12 entenderanse como recursos económicos dos que dispón a unidade de convivencia os seguintes:

a) Ingresos: o total de ingresos que perciba no momento da solicitude a persoa solicitante ou aquelas que constitúan a unidade de convivencia en concepto de rendementos do traballo ou de actividades económicas, como retribucións, rendas, prestacións, axudas, subsidios, prestacións de pagamento único ou por calquera outro concepto; así mesmo, as cantidades percibidas en concepto de rendementos do capital mobiliario e inmobiliario, alugamentos ou similares, así como rendementos do patrimonio.

b) Bens patrimoniais, depósitos bancarios e contas correntes ou de aforro. Terán a consideración de bens patrimoniais para os efectos deste artigo os bens mobles ou inmobles sobre os cales se posúa un dereito de propiedade, posesión, usufruto ou calquera outro de análoga natureza, con excepción da vivenda habitual destinada ao seu uso.

Estableceranse regulamentariamente os supostos de disposición de bens patrimoniais dos que se deduza a existencia de medios suficientes para a subsistencia.

2. Nos termos previstos regulamentariamente, non se considerarán como recursos económicos dos que dispón a unidade de convivencia os que seguen:

a) Os ingresos non regulares de escasa contía que unicamente resulten un complemento de supervivencia.

b) Os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regrada.

c) Os ingresos por asistencia a cursos de formación non regrada, sempre que pola súa natureza e menor contía se deduza que só remuneran os gastos de asistencia ao curso ou incentivan a formación.

d) Os ingresos de carácter finalista dirixidos a paliar situacións de emerxencia social.

e) As prestacións familiares por fillo ou filla menor a cargo xeradas polas persoas integrantes da unidade de convivencia.

Artigo 18. Criterios xerais para o caso específico das prestacións económicas para a atención das persoas en situación de dependencia

1. No caso das persoas que perciban prestacións públicas derivadas da aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, aplicaranse as regras establecidas neste artigo.

2. As libranzas para adquisición de servizos ou para asistente persoal que se perciban na unidade de convivencia da persoa beneficiaria da renda de inclusión social de Galicia constituirán ingresos compatibles e non deducibles por ter como finalidade a adquisición do correspondente servizo.

3. Cando no fogar da persoa beneficiaria da nova renda se perciba a libranza para coidados no ámbito familiar, aplicarase a regra da compatibilidade e dedución destes ingresos.

CAPÍTULO III O tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia

Artigo 19. Requisitos específicos do tramo persoal e familiar

1. Para ter dereito a percibir o tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia deberán reunirse os requisitos xerais de acceso regulados no artigo 12 e seguintes e deberá establecerse unha vinculación cos servizos sociais comunitarios.

2. A vinculación cos servizos sociais comunitarios implicará a subscrición dun proxecto de integración social, que incluirá, se é o caso, compromisos relativos ao desenvolvemento e axuste persoal da persoa beneficiaria e a asignación dunha ou dun profesional de referencia.

3. No caso de que existan menores, subscribirase, cando os servizos sociais comunitarios o consideren necesario para garantir o seu benestar e dereitos sociais, como documento separado e anexo ao proxecto de integración social, un acordo expresivo dos compromisos en relación coa integración socioeducativa dos e das menores, nos termos establecidos no artigo 55 desta lei. No momento da revisión anual avaliarase o cumprimento destes compromisos.

4. No momento da revisión, avaliarase o cumprimento de todos os compromisos e condicións que exixe esta lei para ser persoa beneficiaria.

Artigo 20. Composición do tramo persoal e familiar

1. A renda de inclusión social de Galicia no tramo persoal e familiar estará formada por un ingreso mínimo destinado a garantir as necesidades básicas e o axuste persoal e, de ser o caso, por uns complementos familiares.

2. No caso de que para o cumprimento do proxecto de integración social se xustificasen ademais outros gastos de carácter extraordinario nos eventuais procesos de axuste persoal, poderanse habilitar axudas de inclusión para este fin.

3. Poderá, ademais, aboarse, nos termos e condicións que se establecen nesta lei e no seu desenvolvemento, un complemento de alugamento.

Artigo 21. Contido económico do tramo persoal e familiar

1. A contía do ingreso mínimo do tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia será equivalente ao 75 % do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples, fixado na lexislación específica que resulta aplicable.

2. O complemento familiar será de aplicación ás persoas pertencentes á unidade de convivencia que, con respecto á persoa titular, manteñan un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente. A contía que se concederá nestes supostos será a seguinte:

– Primeiro ou primeira convivente adicional: o 14 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).

– Segundo ou segunda convivente adicional: o 12 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).

– Terceiro ou terceira e sucesivos ou sucesivas conviventes adicionais: o 10 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples por persoa (IPREM).

3. En todo caso, a contía do tramo persoal e familiar terá un límite máximo do 120 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM), salvo que existan menores, suposto no que o límite máximo sería o 135 % do dito indicador.

4. O importe que percibirá cada persoa beneficiaria estará constituído pola diferenza entre a contía mensual da renda que lle correspondese e a dos recursos económicos de que dispoña. Para o caso de desconto de ingresos, establécese como importe mínimo do tramo persoal e familiar o do 25 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).

5. Estableceranse regulamentariamente os supostos de aplicación do complemento de alugamento, que poderá acadar como máximo o 25 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM), así como os casos de percepción do dito complemento nos que, pola composición familiar con presenza de menores, se exceptúe o seu cómputo para os efectos de superación dos límites que se establecen con carácter xeral no punto 3 deste artigo. En calquera caso, para o cobramento do dito complemento, deberá constar no informe social que o mantemento do contrato de arrendamento da vivenda é necesario para acadar os obxectivos establecidos no proxecto de integración social. En calquera caso, mentres non se realice o desenvolvemento regulamentario anteriormente sinalado, só será aplicable cando quede acreditado que a contía do alugamento importa polo menos o 40 % dos ingresos totais da unidade de convivencia, que se carece de vivenda en propiedade e que entre a persoa arrendataria e arrendadora non existe relación de parentesco por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o terceiro grao, nin relación conxugal nin de unión estable e de convivencia.

Artigo 22. Duración do dereito de percepción do tramo persoal e familiar

1. O dereito de percepción do tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia será anual e prorrogable se subsisten as circunstancias que xustificaron a súa concesión.

2. A prórroga do dereito de percepción do tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia estará suxeita a unha revisión anual na que se verificará o cumprimento dos requisitos de acceso, a vixencia da valoración técnica de situación ou risco de exclusión e a idoneidade do recurso para o logro dos obxectivos da renda de inclusión social de Galicia. Verificarase, así mesmo, a efectiva vinculación cos servizos sociais nos termos e cos compromisos establecidos no proxecto de integración social e, cando sexa o caso, no de integración socioeducativa dos e das menores.

Artigo 23. Acción positiva de xénero

Por proposta dos servizos sociais comunitarios, en condicións de igualdade de cumprimento dos requisitos, darase preferencia no acceso á titularidade desta prestación a unha das mulleres integrantes da unidade de convivencia.

CAPÍTULO IV O tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia

Artigo 24. Requisitos específicos do tramo de inserción

1. Para poder acceder ao tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia deberanse reunir os requisitos xerais de acceso á renda de inclusión social conforme o artigo 12 e seguintes desta lei, así como as condicións para incorporarse a un itinerario de formación-emprego segundo o informe dos servizos sociais e o diagnóstico de empregabilidade. Será necesario subscribir un convenio de inclusión sociolaboral con compromiso de actividade, que deberá reunir os requisitos e características expresados no artigo 56 desta lei.

2. Para tales efectos os servizos sociais comunitarios remitirán a información pertinente ao persoal técnico de orientación laboral do servizo público de emprego, que, de ser o caso, poderá solicitar información complementaria ás entidades de iniciativa social que colaborasen en cada caso concreto.

Artigo 25. Diagnóstico de empregabilidade

Estableceranse regulamentariamente o formato e o contido do diagnóstico de empregabilidade, que, como mínimo, deberán incluír información relativa aos seguintes aspectos:

a) Estado de saúde compatible coa actividade laboral.

b) Nivel de alfabetización básica.

c) Especialización ou destrezas adquiridas por experiencia previa.

d) Capacidades, dispoñibilidade e actitude positiva para a adquisición das habilidades precisas para a participación nas actividades de tipo prelaboral e laboral que se establezan no convenio de inclusión adaptado ao seu caso.

e) No caso de persoas con residencia cualificada de tipo chabolista, a participación efectiva nun proceso de realoxamento, nos casos en que proceda.

Artigo 26. Límite de acceso ao tramo de inserción

1. Unha vez concluída a percepción do tramo de inserción, a persoa interesada só poderá solicitar unha nova incorporación a este tramo unha vez transcorridos doce meses.

2. Para estes efectos, realizarase unha avaliación do nivel de cumprimento dos compromisos adquiridos no anterior convenio de inclusión sociolaboral, e xuntarase ao expediente un novo diagnóstico de empregabilidade que xustifique a pretensión dun novo acceso a este tramo.

3. O órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial poderá resolver unha nova incorporación efectiva a este tramo unha vez transcorridos dezaoito meses desde a súa finalización.

Artigo 27. Composición do tramo de inserción

A contía económica correspondente ao tramo de inserción, que se acumula ao ingreso mínimo de carácter básico expresado no artigo 21, estará vinculada ás políticas activas de emprego e terá como finalidade incentivar o cumprimento do itinerario de inserción sociolaboral, garantir a renda familiar mentres dure o dito itinerario e indemnizar os gastos que deriven da participación nas actividades que correspondan.

Artigo 28. Contido económico do tramo de inserción

A contía deste complemento de inserción poderá acadar un máximo dun 50 % do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Modularanse regulamentariamente os criterios de gradación e límites do importe que corresponda, así como, se é o caso, os que deriven da cobertura de determinados gastos necesarios para o cumprimento do convenio de inclusión.

Artigo 29. Duración do tramo de inserción e do convenio de inclusión sociolaboral

A duración do tramo de inserción e, en consecuencia, do itinerario descrito no convenio de inclusión sociolaboral con compromiso de actividade será como máximo de doce meses, prorrogable por seis meses máis en función do cumprimento dos obxectivos ata un máximo total de dezaoito meses, sen prexuízo da subscrición dun novo convenio de inclusión sociolaboral no suposto de que, a xuízo dos técnicos ou das técnicas do Servizo Público de Emprego de Galicia, sexa preciso potenciar a empregabilidade das persoas beneficiarias que non accedesen ao tramo de transición.

Artigo 30. Medidas de apoio, compromisos das persoas beneficiarias e acción positiva de xénero

1. A percepción do tramo de inserción, ademais da prestación económica que corresponda, comportará un apoio e seguimento profesional orientado á formación adaptada, á mellora da empregabilidade e á inserción ou reinserción real e efectiva no mercado de traballo. Tamén se poderá enfocar á adquisición de habilidades emprendedoras cara ao traballo autónomo ou a calquera das formas de economía social.

2. De conformidade co artigo 56 desta lei, o convenio de inclusión sociolaboral con compromiso de actividade expresará as actividades de mellora da empregabilidade da persoa beneficiaria para a súa incorporación ao mercado de traballo. O pagamento do tramo de inserción estará condicionado ao control do cumprimento do dito convenio, con seguimento coordinado dos servizos sociais comunitarios e dos servizos públicos de emprego responsables da organización de actividades incluídas nos correspondentes itinerarios.

3. A subscrición do convenio de inclusión sociolaboral neste tramo é obrigatoria en todo caso.

4. En condicións equiparables daráselle preferencia no acceso a este tramo como titular a unha das mulleres integrantes da unidade de convivencia.

5. As persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción serán colectivo preferente no acceso aos servizos de conciliación da vida laboral e familiar.

CAPÍTULO V O tramo de transición ao emprego

Artigo 31. Natureza, requisitos específicos e duración

1. O tramo de transición consistirá nun complemento de ingresos gradualmente descendente e por un período taxado de tempo para estimular e favorecer a incorporación a un posto de traballo.

2. Poderán percibir o tramo de transición ao emprego aquelas persoas que xa perciban a renda de inclusión social de Galicia e accedan a unha actividade laboral remunerada.

3. O tramo de transición aboarase por un máximo de seis meses.

Artigo 32. Contido prestacional do tramo

1. Cando a persoa beneficiaria acceda a un traballo con ingresos superiores aos da renda de inclusión social de Galicia que viña percibindo, no primeiro mes do dereito de cobramento deste tramo, que coincidirá co mes en que se accede á actividade laboral remunerada, o tramo de transición poderá suplementar a cantidade percibida en cómputo mensual pola persoa traballadora ata completar un máximo do 135 % do salario mínimo interprofesional.

2. Nos meses seguintes a cantidade aboada reducirase de maneira gradual, de acordo cos criterios regulamentariamente establecidos.

3. A partir do sétimo mes, sempre que non varíen as circunstancias determinantes para o dereito de percepción

Artigo 33. Criterios de aplicación no caso de acceso a rendas de traballo inferiores á renda de inclusión social de Galicia

1. No caso de que a persoa acceda a unha actividade laboral regular con ingresos inferiores ao importe que viña percibindo da renda de inclusión social de Galicia, o acceso a este tramo comportará a non aplicación das regras xerais de desconto de ingresos, de acordo co establecido nos puntos seguintes.

2. No primeiro mes de cobramento o tramo de transición poderá suplementar a cantidade percibida en cómputo mensual pola persoa traballadora ata completar un máximo do 135 % do salario mínimo interprofesional. Nos meses seguintes a cantidade aboada reducirase de maneira gradual, de acordo cos criterios regulamentariamente establecidos.

3. En todo caso, garantirase que a suma da Risga e do salario percibido non sexa inferior á Risga que se viña percibindo.

4. A partir do sétimo mes determinarase se subsiste o dereito a percibir a renda de inclusión social modificada de acordo cos criterios xerais de acceso e desconto de ingresos establecidos nesta lei.

Artigo 34. Medidas de apoio

Durante a percepción do tramo de transición valorarase a suspensión de forma total ou parcial da participación nas medidas de apoio e actividades establecidas no proxecto de integración social ou no convenio de inclusión sociolaboral. Para estes efectos, valorarase, así mesmo, a necesidade de realizar unha titoría do proceso de incorporación laboral, así como a posibilidade e a conveniencia de continuar desenvolvendo parte daqueles proxectos de maneira simultánea coa nova actividade laboral.

CAPÍTULO VI Tramitación

Sección 1ª. Tramitación ordinaria

Artigo 35. Inicio do procedemento para a concesión da renda de inclusión social de Galicia

1. As persoas solicitantes da renda presentarán, no rexistro do concello do seu lugar de residencia ou en calquera outro dos rexistros ou oficinas sinalados na normativa reguladora do procedemento administrativo común, o modelo normalizado de solicitude da renda de inclusión social de Galicia, dirixida ao órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica para a súa tramitación e resolución.

2. No caso de que a solicitude se presente no rexistro do concello de residencia da persoa solicitante da renda, comunicarase inmediatamente a existencia da solicitude aos servizos sociais comunitarios do concello, atendendo á problemática de risco de exclusión social en que se puidese encontrar a persoa solicitante. Os servizos sociais comunitarios básicos do concello orientarán e informarán as persoas interesadas en todo o referente aos trámites e á documentación da solicitude. Sen os informes preceptivos e determinantes emitidos polos servizos sociais comunitarios, especificados no artigo 36, o órgano competente da Administración autonómica non poderá tramitar a solicitude.

3. Coa solicitude deberase presentar unha declaración responsable do cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á prestación, e incluirase expresamente a mención aos ingresos e patrimonio de que dispoña a unidade de convivencia. Así mesmo, farase constar a autorización da persoa solicitante para que o órgano de resolución poida obter a información adicional que considere necesaria para a adecuada estimación dos ingresos ou recursos económicos da unidade de convivencia, xa sexa a través de acceso a bases de datos por medios informáticos ou cursando o correspondente oficio. Neste modelo normalizado de solicitude deberá figurar tamén unha descrición dos documentos preceptivos que a persoa solicitante debe xuntar coa solicitude, nos termos desenvolvidos regulamentariamente.

4. Unha vez recibida a solicitude polo órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial que corresponda, no caso de que non reunise os requisitos exixidos ou faltase calquera documento preceptivo que deba achegar a persoa solicitante, requirirase esta para que, nun prazo de dez días, achegue os documentos requiridos ou emende a falta, cos efectos sinalados no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Excepcionalmente, naqueles casos en que a situación da persoa interesada o faga imprescindible, a traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos poderá realizar de oficio un informe e valoración social e, de igual maneira, xuntar a documentación necesaria para os efectos dunha posible solicitude da renda de inclusión social de Galicia, que deberá ser solicitada en todo caso polas persoas interesadas, logo do requirimento para o efecto realizado polo órgano autonómico competente para a tramitación e resolución, unha vez recibida a documentación do concello.

Artigo 36. Informes preceptivos e determinantes emitidos polos servizos comunitarios do concello

1. En todo caso, dentro dos trámites de instrución do procedemento de solicitude, requiriranse os servizos sociais comunitarios do concello de residencia para que, de acordo cos artigos 83.3 e 42.5.c) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, emitan os informes preceptivos e determinantes para a tramitación da solicitude, aínda que non vinculantes para a súa resolución, que se determinen regulamentariamente, e deberán requirirse polo menos os que a continuación se indican.

2. Deberase requirir un informe social realizado pola traballadora ou traballador social, de referencia, que conterá unha valoración da situación ou risco de exclusión social e unha proposta sobre a idoneidade da aplicación da prestación.

3. Para elaborar o informe social coa valoración do caso e a correspondente proposta, os servizos sociais comunitarios básicos tomarán en consideración as circunstancias da persoa en relación co establecido no artigo 3 desta lei. Así mesmo, o informe de valoración social concluirá cunha proposta sobre a idoneidade e a procedencia, ou non, da concesión da renda de inclusión social de Galicia para o logro da autonomía e integración das persoas. O informe, elaborado de conformidade co modelo normalizado que se aprobará regulamentariamente, sinalará o perfil sociofamiliar da unidade de convivencia así como aqueles datos relevantes relacionados co cumprimento dos requisitos de acceso.

4. Os servizos sociais comunitarios tamén elaborarán unha proposta de proxecto de integración social e, ademais, no suposto de que proceda pola existencia de menores e a concorrencia de situacións de risco ou vulnerabilidade, un acordo anexo para a integración socioeducativa dos e das menores. Nas ditas propostas valorarase a vinculación das persoas con proxectos que desenvolvan entidades de iniciativa social debidamente autorizadas. En todo caso, deberá constar a conformidade expresa da persoa solicitante da renda, mediante a súa sinatura no documento que se elabore, segundo o modelo normalizado que regulamentariamente se determine, que lle será notificado, e concederáselle un prazo de tres días para a sinatura. Transcorrido o dito prazo, procederase a declarar a caducidade e ao arquivamento do expediente, de conformidade co previsto no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Se da valoración realizada polos servizos sociais comunitarios se desprende que a persoa solicitante da renda, polas súas características, é susceptible de participar no tramo de inserción, deberase expresar esta circunstancia no informe social e/ou socioeducativo, fundamentando a conveniencia e oportunidade da súa incorporación ao dito tramo e indicando as posibilidades de inserción laboral da persoa solicitante, así como os recursos adecuados que existen para tal fin no seu contorno.

6. O concello deberá emitir os informes anteriormente referidos no prazo dun mes e remitilos ao correspondente órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial. De non os remitir no prazo indicado por causas non imputables á persoa solicitante, esta poderá presentar unha reclamación ao órgano de dirección da Xunta de Galicia competente en inspección de servizos sociais, sen prexuízo das responsabilidades en que se incorra pola demora de acordo co ordenamento xurídico.

Artigo 37. Resolución

1. Unha vez finalizada a instrución do expediente, o órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica elaborará a correspondente proposta de resolución e ditará a resolución, que deberá ser notificada no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude da Risga en calquera dos rexistros do órgano competente para resolver.

2. O dito prazo só se poderá suspender nos supostos en que sexa necesario requirirlle documentación complementaria á persoa interesada, ou a realización de calquera trámite preceptivo pola súa parte, e tamén pola petición dos informes preceptivos e determinantes que deben emitir os servizos sociais comunitarios do concello de residencia da persoa solicitante, nos termos sinalados polos artigos 42.5 e 83.3 da mesma Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Entenderanse estimadas aquelas solicitudes de concesión da Risga nas que non se notificase resolución expresa no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude da Risga en calquera dos rexistros do órgano competente para a resolución, e entenderase interrompido o dito prazo se concorren as causas de suspensión anteriormente descritas. En todo caso, para a aplicación da estimación por silencio administrativo, deberá constar no expediente a recepción dos informes preceptivos e determinantes con proposta de concesión da prestación. De non se daren estes requisitos, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

4. A resolución pronunciarase inicialmente, en todo caso, sobre a procedencia do pagamento do tramo persoal e familiar, sen prexuízo da posterior resolución de incorporación ao tramo de inserción, mediante os trámites de modificación de contía establecidos nesta lei.

5. Unha vez outorgada a renda de inclusión social de Galicia, terá efectos económicos desde o día un do mes seguinte ao da recepción do informe de valoración social, do proxecto de integración social e de toda a documentación necesaria para valorar a devandita solicitude. No caso de que os referidos documentos se reciban en meses diferentes, tomarase para os ditos efectos económicos o día primeiro do mes seguinte á data de recepción do último documento recibido.

6. Unha vez resolta a concesión do tramo persoal e familiar, cando exista a valoración inicial positiva dos servizos sociais comunitarios sobre a posible incorporación ao tramo de inserción e a elaboración dun convenio de inclusión sociolaboral, a que se refire o artigo 24.1, no prazo máximo dun mes o órgano de resolución da Administración autonómica facilitaralle o acceso á información que precise ao Servizo Público de Emprego de Galicia, para que, en contacto coa persoa interesada, se proceda á elaboración do diagnóstico de empregabilidade e á preparación e sinatura dun convenio de inserción sociolaboral que posibilite a súa posterior incorporación ao tramo de inserción.

Artigo 38. Impugnación

1. Contra as resolucións ditadas polos órganos de resolución poderase interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o órgano administrativo competente.

2. O recurso poderase interpor ante o órgano que ditase a resolución ou ante o órgano competente para resolvelo, de acordo co previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

3. Se a resolución do recurso fose estimatoria terá efectos económicos, de conformidade co establecido no punto 5 do artigo anterior.

4. A resolución do recurso de alzada porá fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 39. Órganos de apoio

Tanto no ámbito autonómico coma no provincial existirán con carácter permanente unidades técnico-administrativas de apoio ao órgano de resolución, integradas por persoal técnico experto en servizos sociais, coa composición e as funcións que regulamentariamente se determinen.

Artigo 40. Confidencialidade, protección e comprobación da veracidade dos datos

1. Garántese a confidencialidade dos datos obtidos na tramitación dos expedientes, de conformidade coa lexislación vixente. Sen prexuízo do anterior, o departamento responsable da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais poderá incorporar os datos das persoas beneficiarias no sistema de información correspondente ao expediente social básico que se cita no artigo 16 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 10.4.c) do Real decreto 1720/2007, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de novembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Os órganos competentes para a resolución poderán comprobar, a través dos organismos públicos e privados correspondentes, a veracidade dos datos que consten no expediente.

Sección 2ª. Tramitación abreviada por razón de violencia de xénero

Artigo 41. Tramitación abreviada

1. Cando se reflicta no informe de valoración social que a persoa solicitante é vítima dunha situación de violencia de xénero, acreditada por calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento da violencia de xénero, os trámites para a concesión da Risga terán carácter de urxencia e tramitaranse con carácter prioritario ás demais solicitudes. O anterior será, así mesmo, de aplicación aos supostos acreditados de violencia doméstica, así como aos supostos de persoas vítimas de explotación sexual-laboral en redes de trata de seres humanos, logo da constatación da súa cooperación coas autoridades na investigación do delito.

2. Para estes efectos, no prazo de quince días o concello deberá emitir o informe de valoración social. O proxecto de integración social e, se é o caso, de integración socioeducativa dos e das menores poderase remitir con posterioridade.

3. Neste suposto, a resolución de concesión deberase ditar e notificar no prazo dun mes desde a presentación da solicitude. O dito prazo só se poderá suspender nos supostos en que sexa necesario requirirlle documentación complementaria á persoa solicitante da renda, ou a realización de calquera trámite preceptivo pola súa parte, e tamén pola petición do informe de valoración social, nos termos sinalados no artigo 42.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Entenderanse estimadas aquelas solicitudes de concesión da Risga en que non se ditase resolución expresa no prazo dun mes desde a súa presentación, interrompido se concorreren as causas de suspensión anteriormente descritas. En todo caso, para a aplicación da estimación por silencio administrativo deberá constar no expediente a recepción do informe de valoración social con proposta de concesión da prestación.

5. Unha vez outorgada, a renda de inclusión social de Galicia terá efectos económicos desde o día seguinte ao da data da recepción do informe de valoración social, e continuará a tramitación do expediente nos mesmos termos que para o caso da tramitación ordinaria, logo da recepción do proxecto de integración social e, se é o caso, de integración socioeducativa dos e das menores.

CAPÍTULO VII Obrigas das persoas beneficiarias

Artigo 42. Das obrigas das persoas beneficiarias

Os beneficiarios e as beneficiarias da renda de inclusión social terán as seguintes obrigas:

1. Relativas á percepción regular da prestación económica:

a) Destinar o importe da prestación económica aos fins para os que se concede e, en calquera caso, ao cumprimento das obrigas legais cos membros da unidade perceptora.

b) Solicitar a baixa na prestación económica ou nalgún dos seus tramos, no prazo de dez días a partir do momento en que se deixen de reunir os requisitos exixidos para a súa percepción.

c) Comunicar no prazo de cinco días o acceso a un emprego.

O incumprimento destas obrigas dará lugar á revogación e conseguinte extinción da totalidade da prestación ou dalgún dos seus tramos mediante resolución do órgano da Administración autonómica de ámbito provincial competente para resolver. No caso de retirada total da prestación, esta non poderá ser solicitada de novo ata que transcorra un período de seis meses.

En todo caso, cando se constate a existencia de ocultación ou falseamento dos datos, ou calquera outra actuación fraudulenta, procederase á retirada total da prestación, que non poderá ser solicitada de novo ata que transcorra un período de doce meses.

2. Relativas ao reintegro de cantidades indebidamente percibidas:

As persoas beneficiarias, no suposto de ocultación ou falseamento de datos, deberán reintegrar as cantidades indebidamente percibidas, que terán a consideración de ingresos de dereito público. As ditas cantidades tamén poderán ser obxecto de compensación no caso de que se recoñeza un novo dereito á renda de inclusión social, nos termos que sinale o órgano de resolución.

Cando por causas non imputables á persoa beneficiaria se perciban cantidades ás que non se tivese dereito, aplicarase a compensación anteriormente citada como procedemento ordinario de regularización. Neste caso, con carácter excepcional e só no suposto da existencia de menores na unidade de convivencia, as ditas cantidades poderán ser condonadas, en función das circunstancias económicas concorrentes.

3. Relativas á información, comunicación e transparencia:

a) Proporcionar á Administración información veraz sobre as circunstancias persoais, familiares e económicas que dean lugar a variacións na situación da persoa beneficiaria ou da súa unidade de convivencia.

b) Colaborar coa Administración para a verificación da información referida no punto anterior.

c) Facilitar o seguimento do seu caso ao profesional dos servizos sociais comunitarios que se lle asigne, e nos termos que se establezan no proxecto de integración social.

O incumprimento dalgunha destas obrigas dará lugar á modificación do tramo ou das contías, de acordo cos criterios de modulación das modificacións por incumprimento establecidos no artigo seguinte.

4. Relativas ao exercicio de dereitos:

As persoas beneficiarias deberán solicitar das persoas e organismos correspondentes, nos prazos establecidos polos órganos da Administración autonómica de ámbito provincial competentes para resolver, as pensións e prestacións vixentes a que calquera membro da unidade de convivencia teña dereito, incluídas as accións legais derivadas da falta de pagamento do dereito de alimentos. Para tales efectos, os servizos sociais comunitarios deberán informar as persoas beneficiarias sobre os dereitos que os asistan e os trámites necesarios para a interposición da correspondente demanda ou execución de sentenza. No suposto de que a demanda ou solicitude prospere, e unha vez comprobado o ingreso efectivo, o órgano competente da Administración autonómica no ámbito provincial ditará a oportuna resolución pola que se modifica ou extingue, segundo os casos, o dereito á renda. O incumprimento desta obriga poderá dar lugar á extinción da prestación ou dalgún dos seus tramos.

5. Relativas aos ou ás menores e ás medidas previstas no proxecto de integración social e no convenio de inclusión sociolaboral:

a) Escolarizar os menores ao seu cargo que estean en idade escolar obrigatoria, garantindo a súa asistencia ao centro de ensino que corresponda.

b) Participar activamente, cando proceda, na execución das medidas personalizadas contidas no proxecto de integración social e, se é o caso, no acordo anexo de integración socioeducativa dos e das menores ou no convenio de inclusión sociolaboral acordados e subscritos cos servizos sociais comunitarios e co Servizo Público de Emprego.

c) Incorporarse aos tramos de inserción e de transición ao emprego cando se reúnan os requisitos e as condicións de idoneidade para acceder a calquera deles e contribuír activamente ao logro dos obxectivos formativos e laborais inherentes aos devanditos tramos.

O incumprimento destas obrigas pola persoa beneficiaria ou polo resto dos membros da unidade de convivencia, atendendo á súa gravidade e de acordo coa gradación das circunstancias do artigo 43 desta lei, poderá implicar: apercibimento por escrito, retirada dun terzo da prestación económica prevista no artigo 21 desta lei ou extinción da totalidade da prestación económica ou dalgún dos seus tramos. No caso de retirada total da prestación, esta non poderá ser solicitada de novo ata que transcorra un período de seis meses.

6. Cantas outras obrigas deriven do obxecto e da finalidade da renda de inclusión social de Galicia.

CAPÍTULO VIII Modificación, suspensión e extinción

Artigo 43. Disposicións comúns

1. Nos procedementos de modificación, suspensión e/ou extinción da prestación ou dalgún dos seus tramos será preceptiva, sempre que se teñan en conta circunstancias distintas ás alegadas pola persoa interesada, a súa audiencia previa. Todas as resolucións terán que ser motivadas.

2. Para acordar a suspensión, modificación ou extinción da prestación terase en conta a natureza do cambio de circunstancias en relación cos requisitos e factores que determinaron a concesión da renda de inclusión social de Galicia en cada caso. Ademais, cando se trate de incumprimentos, teranse en conta:

a) Tipo e grao do incumprimento.

b) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

c) A contía, se é o caso, da prestación económica indebidamente percibida.

d) A reincidencia.

e) A existencia de menores.

f) A natureza dos prexuízos causados.

g) A situación de vulnerabilidade e a problemática social que se poida xerar.

3. Nos supostos de suspensión ou extinción da prestación, o órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial deberá adoptar as medidas necesarias para evitar a desprotección das persoas menores ou dependentes que formen parte da unidade económica de convivencia. Para estes efectos, cando a suspensión ou extinción non sexan debidas a incumprimento, valorarase se na unidade de convivencia existe outra persoa que reúna os requisitos para ser titular do dereito.

4. A suspensión ou extinción da prestación económica non implicará necesariamente o mesmo efecto respecto das medidas de inserción, das que se poderá seguir beneficiando a persoa interesada.

5. Contra as resolucións administrativas de modificación, suspensión ou extinción do dereito á percepción ditadas polo órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial poderase interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada nos termos previstos no artigo 28 desta lei.

Artigo 44. Modificación

1. A modificación do dereito á renda de inclusión social de Galicia terá lugar polas seguintes causas:

a) A variación do número de membros da unidade de convivencia ou dos recursos económicos que servisen de base para o cálculo da prestación económica da renda de inclusión social de Galicia dará lugar á minoración ou ao aumento que proceda, que terá efectos a partir do mes seguinte a aquel en que se produza a circunstancia causante.

Entenderase que existe unha minoración do número de membros da unidade de convivencia cando a ausencia dun ou máis membros da vivenda ou aloxamento habitual se prolongue por un prazo igual ou superior a un mes.

b) O cambio de tramo na percepción da prestación, o que suporá unha variación das condicións, dos requisitos exixidos e do seu importe.

c) O incumprimento das obrigas pola persoa beneficiaria ou polo resto dos membros da unidade de convivencia, nos termos establecidos no capítulo anterior.

2. O dereito de percepción e pagamento da prestación, no caso de modificación da contía, producirase a partir do primeiro día do mes seguinte ao da data en que se dite a resolución de modificación, sen prexuízo da compensación que proceda nos supostos de percepcións indebidas segundo o expresado no artigo 42 desta lei.

Artigo 45. Suspensión

1. A percepción da prestación económica da renda de inclusión social de Galicia suspenderase polas seguintes causas:

a) A imposibilidade sobrevida, por parte da persoa beneficiaria, de cumprir as obrigas asumidas, así como a existencia dunha declaración legal de incapacidade. Neste suposto, en función das circunstancias concorrentes, durante un prazo máximo de seis meses poderase acordar o aboamento da prestación a outro membro da unidade de convivencia, e modificar a titularidade, así como, se procede, a súa contía mentres subsistan as citadas causas.

b) Cando por acceder a unha actividade laboral a persoa beneficiaria pase ao tramo de transición ao emprego. Neste caso suspenderase o pagamento das prestacións correspondentes aos tramos anteriores ata o momento en que se determinen as novas contías que correspondan.

c) Cando existan elementos de xuízo suficientes que permitan deducir que a persoa beneficiaria perdeu os requisitos exixidos para a concesión da prestación. Unha vez iniciado o correspondente procedemento de revisión, poderase acordar unha suspensión cautelar do seu aboamento ata a resolución do dito procedemento, que decidirá sobre a procedencia do restablecemento do pagamento da prestación ou da súa modificación ou extinción.

Excepcionalmente, antes da iniciación do procedemento de revisión, o órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial, nos casos de urxencia e para a protección dos intereses implicados, poderá adoptar as medidas provisionais correspondentes, que deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, o cal se deberá efectuar dentro dos quince días seguintes á súa adopción e poderá ser obxecto do recurso que proceda.

2. A percepción da prestación restablecerase ao concluír o prazo de suspensión fixado, ou cando así o dispoña o órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial por desaparecer a causa determinante da suspensión.

Artigo 46. Extinción

O dereito ás prestacións da renda de inclusión social de Galicia extínguese:

a) Polo falecemento da persoa beneficiaria. Neste caso, e mentres tramite unha nova solicitude outra persoa membro da unidade de convivencia independente, poderase acordar o aboamento da prestación a esta última, por un prazo máximo de seis meses, e modificarase, se procede, a súa contía.

b) Pola perda dalgún dos requisitos exixidos para o seu recoñecemento.

c) Polo incumprimento das obrigas previstas nesta lei cando, de acordo co previsto no artigo 42, dea lugar á extinción total da prestación ou dalgún dos seus tramos.

d) Polo mantemento, por tempo superior a seis meses, das causas que deron lugar á suspensión prevista no artigo 45.

e) Pola ocultación ou falseamento dos datos ou calquera outra actuación fraudulenta dirixida a obter ou conservar a prestación económica, sen prexuízo do disposto no vixente Código penal, que dará lugar á extinción da súa totalidade ou dalgún dos seus tramos, segundo os elementos a que afecte a actuación fraudulenta.

f) Polo traslado da residencia efectiva a un concello que non estea comprendido no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que se teña establecido con este territorio un convenio, en virtude do principio de reciprocidade, que permita o mantemento dos dereitos adquiridos ou en curso de adquisición. Neste caso o aboamento corresponderá á comunidade autónoma de destino.

Con carácter previo a se ditar a resolución de extinción, o órgano de resolución tramitará o correspondente procedemento de revisión, e poderase acordar, no inicio do dito procedemento, a suspensión cautelar á que se refire o artigo anterior.

As posibles cantidades indebidamente percibidas en todos os supostos anteriormente citados poderán ser obxecto de reintegro ou compensación nos termos establecidos no artigo 42.2

TÍTULO II Axudas de inclusión social (AIS)

Artigo 47. Obxecto e natureza

1. As axudas de inclusión social son prestacións económicas non periódicas que teñen como finalidade posibilitar ou reforzar os procesos de inclusión social das persoas ou familias afectadas polas características referidas no artigo 3 desta lei, así como atender as situacións de grave emerxencia de persoas ou familias vulnerables que poidan desencadear un proceso de exclusión social.

2. As axudas de inclusión social están destinadas a sufragar gastos extraordinarios e urxentes e, se é o caso, a financiar actuacións de acompañamento ou reforzo de carácter excepcional vinculadas ás medidas de apoio dos diferentes tramos da renda de inclusión social de Galicia.

3. Para favorecer a súa eficacia e adecuación á súa finalidade, as persoas ou unidades de convivencia perceptoras destas axudas vincularanse a proxectos de traballo social ou socioeducativos desenvolvidos desde os servizos sociais comunitarios, que se responsabilizarán do seu seguimento.

4. As axudas de inclusión social só se poderán dedicar á finalidade para a cal foron concedidas.

5. Con carácter xeral só se poderá conceder unha axuda de inclusión social do mesmo tipo por ano. Estableceranse regulamentariamente os supostos en que, por razóns de grave necesidade, se poida exceptuar esta disposición, así como os criterios de complementariedade dos diferentes tipos de axudas.

6. Para os efectos do previsto no artigo 2.2.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado o seu carácter de prestación social, as axudas de inclusión social non teñen carácter de subvención.

Artigo 48. Tipoloxía

1. As axudas de inclusión social, segundo a súa finalidade, poderán ser dos seguintes tipos:

a) Vinculadas ao uso da vivenda: son as destinadas a posibilitar que se continúe habitando a vivenda habitual cando ese feito favoreza o proceso de inclusión. Comprenden axudas para o pagamento de débedas de alugamento e conceptos similares que impidan o desafiuzamento e a perda de subministracións básicas dela ou que reforcen o proceso de tránsito a unha vivenda normalizada de persoas residentes en chabolas ou infravivendas. Estableceranse regulamentariamente os supostos excepcionais para o emprego destas axudas no pagamento de cotas hipotecarias en situacións de crise financeira insuperable da familia por causas sobrevidas e por un tempo máximo de tres cotas mensuais. En todo caso, esta modalidade de axuda é incompatible co cobramento do complemento de alugamento previsto no artigo 20.3 desta lei.

b) Vinculadas á mellora da habitabilidade da vivenda habitual: destinaranse á adecuación da vivenda, así como a mellorar a súa accesibilidade, co fin de adaptala ás circunstancias físicas da persoa usuaria, dentro dos límites e condicións de idoneidade que se establezan regulamentariamente en coordinación coas medidas sectoriais da consellaría competente en materia de vivenda.

c) Destinadas ao equipamento mobiliario básico da vivenda.

d) Axudas para a atención de necesidades primarias de alimentación, vestido e enxoval doméstico.

e) Axudas para a atención sanitaria e sociosanitaria non cubertas polos sistemas públicos de saúde e de servizos sociais, cando se trate de tratamentos, elementos protésicos ou axudas técnicas que sexan decisivos para evitar un déficit sensorial, de mobilidade, de saúde ou unha situación persoal de desvantaxe que impida ou dificulte gravemente o proceso de integración social.

f) Axudas para gastos causados por actuacións complementarias e de acompañamento vinculadas aos itinerarios de inclusión social e formación, tales como material didáctico, transporte, atención de menores ou maiores e apoio domiciliario, entre outros, cando estas axudas non estean incluídas nos conceptos cubertos pola propia Risga, polo programa formativo en que se participe ou, en xeral, polos diversos sistemas de benestar das administracións públicas. Inclúense neste tipo as axudas de acompañamento e reforzo en supostos de persoas vítimas de violencia de xénero.

g) Axudas para gastos extraordinarios derivados de procesos de axuste persoal, especialmente nos casos de trastornos relacionados coa drogodependencia.

2. As axudas de tipo a) e b) son subsidiarias daquelas que lles poidan corresponder ás persoas no marco das medidas específicas de promoción da vivenda social e similares desenvolvidas por calquera administración pública. Así mesmo, as axudas de tipo d) e e) terán carácter subsidiario con respecto a calquera outra axuda ou prestación pública destinada á mesma finalidade. As de tipo f) e g) son complementarias da renda de inclusión social de Galicia.

3. Ademais, estableceranse regulamentariamente os criterios e os límites de complementariedade para situacións excepcionais reflectidas nos informes pertinentes, especialmente cando existan menores na unidade de convivencia. Estas excepcións modularanse en función da gravidade da situación e da limitación da axuda ou prestación pública de que se trate.

Artigo 49. Requisitos

1. Poderanse beneficiar destas axudas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Estar empadroado ou empadroada e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Non dispor de ingresos suficientes para afrontar os gastos derivados da situación que xustifica a solicitude da axuda. Considéranse ingresos insuficientes, para os efectos da aplicación desta medida, aqueles que, correspondendo ás persoas integrantes da unidade de convivencia independente, non sexan superiores ao 125 % do importe do tramo persoal e familiar da renda de inclusión que lle correspondería á unidade de convivencia, computando os ditos ingresos nos termos sinalados ao regular a renda de inclusión social de Galicia.

2. En todo caso, non se poderán conceder estas axudas cando a persoa solicitante ou calquera membro da unidade de convivencia dispoña de bens patrimoniais dos que se deduza a existencia de medios materiais suficientes para atender os gastos obxecto destas axudas. Teranse en conta para iso as características, valoración, posibilidade de venda ou calquera forma de explotación dos bens mobles ou inmobles de que dispoña a unidade de convivencia.

3. Excepcionalmente, no caso das axudas do tipo e) do artigo 48, por teren carácter persoal, computaranse unicamente os ingresos, rendas e bens das persoas adultas solicitantes, cando se xustifique no expediente en relación coa situación do conxunto da unidade de convivencia.

Artigo 50. Límites das axudas

A contía das axudas determinarase en función do tipo de axuda e das circunstancias do caso de acordo cos criterios que se establezan regulamentariamente.

Artigo 51. Tramitación

1. As persoas solicitantes presentarán, no rexistro do concello do seu lugar de residencia ou en calquera outro dos rexistros e oficinas sinalados na normativa reguladora do procedemento administrativo, nos termos sinalados nos artigos 38.4 e 70.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o modelo normalizado de solicitude da axuda de inclusión social, dirixida ao órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica para a súa tramitación e resolución.

2. No caso de que a solicitude se presente no rexistro do concello de residencia da persoa solicitante, comunicarase inmediatamente a existencia da solicitude aos servizos sociais comunitarios do concello, atendendo á problemática de extraordinaria e urxente necesidade en que se puidese encontrar a persoa solicitante.

3. Coa solicitude presentarase unha declaración responsable do cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á axuda, na que se incluirá expresamente a mención aos ingresos e patrimonio de que dispoña a unidade de convivencia, así como a xustificación doutras axudas ou subvencións concedidas polo mesmo concepto ou declaración responsable de non percibilas. Así mesmo, farase constar a súa autorización para que o órgano de resolución poida obter a información adicional que considere necesaria para a adecuada estimación dos ingresos ou recursos económicos da unidade de convivencia, xa sexa a través do acceso a bases de datos por medios informáticos ou cursando o correspondente oficio. Neste modelo normalizado de solicitude deberá figurar tamén unha descrición dos documentos preceptivos que a persoa solicitante debe xuntar coa solicitude, entre os que debe figurar o orzamento dos gastos para os que se solicita axuda, así como calquera outro documento que se determine no desenvolvemento regulamentario desta lei.

4. Unha vez recibida a solicitude polo órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial que corresponda, no caso de que non reunise os requisitos exixidos ou faltase calquera documento preceptivo que deba achegar a persoa solicitante, requirirase esta para que nun prazo de dez días achegue os documentos requiridos ou emende a falta, cos efectos sinalados no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. Excepcionalmente, naqueles casos en que a situación da persoa interesada o faga imprescindible, a persoa profesional de referencia dos servizos sociais comunitarios básicos poderá realizar de oficio un informe e valoración social e, de igual maneira, xuntar a documentación necesaria para os efectos dunha posible solicitude de axuda de inclusión social, que deberá ser solicitada en todo caso pola persoa interesada, logo do requirimento para o efecto realizado polo órgano autonómico competente para tramitación e resolución, unha vez recibida a documentación do concello.

6. En todo caso, dentro dos trámites de instrución do procedemento de solicitude, requiriranse os servizos sociais comunitarios do concello de residencia para que, de acordo cos artigos 83.3 e 42.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, emitan o informe de valoración social con proposta de idoneidade da axuda solicitada, que para os efectos deste procedemento terá a consideración de informe preceptivo e determinante para a tramitación da solicitude, aínda que non vinculante para a súa resolución, así como para que emitan calquera outro informe ou documento que se estableza regulamentariamente.

7. Para elaborar o citado informe social, de conformidade co modelo normalizado que se aprobará regulamentariamente, os servizos sociais comunitarios básicos municipais tomarán en consideración as circunstancias da persoa en relación co establecido no artigo 3 desta lei, o cumprimento dos requisitos de acceso mencionados no artigo 49, así como as características da situación concreta de necesidade ou emerxencia en que se fundamentará a solicitude. Así mesmo, a valoración social contida no informe concluirá cunha proposta sobre a idoneidade e a procedencia, ou non, da concesión da axuda de inclusión social.

8. O concello deberá emitir os informes anteriormente referidos no prazo dun mes, contado desde a presentación da solicitude de valoración social, e remitilos ao correspondente órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial. De non os remitir no prazo indicado por causas non imputables á persoa solicitante, esta poderá presentar unha reclamación ao órgano de dirección da Xunta de Galicia competente en inspección de servizos sociais, sen prexuízo das responsabilidades en que se incorra pola demora de acordo co ordenamento xurídico.

9. Sen prexuízo da tramitación ordinaria regulada neste artigo, poderanse establecer regulamentariamente os requisitos para que a Xunta de Galicia poida subscribir convenios cos concellos coa finalidade de que estes asuman a xestión única destas axudas, logo da transferencia de crédito que corresponda.

Artigo 52. Resolución, forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez finalizada a instrución do expediente, o órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica elaborará a correspondente proposta de resolución e ditará a resolución, que deberá ser notificada no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude da axuda en calquera dos rexistros do órgano competente para resolver.

2. O dito prazo só se poderá suspender nos supostos en que sexa necesario requirirlle documentación complementaria á persoa interesada, ou a realización de calquera trámite preceptivo pola súa parte, e tamén pola petición dos informes preceptivos e determinantes que deben emitir os servizos comunitarios do concello de residencia da persoa solicitante, nos termos sinalados polos artigos 42.5 e 83.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes de concesión das axudas de inclusión social en que non se notificase resolución expresa no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude da axuda en calquera dos rexistros do órgano competente para resolver, e considerarase interrompido o dito prazo se concorren as causas de suspensión anteriormente descritas.

4. Con carácter xeral, e co fin de garantir a súa aplicación finalista, as axudas serán aboadas directamente, en nome do beneficiario ou beneficiaria, á persoa, entidade ou empresa que realice a prestación ou o servizo a favor deles.

5. Así mesmo, as axudas de inclusión social poderanse aboar anticipadamente, de maneira total ou fraccionada, nas porcentaxes que considere procedentes o órgano de resolución en atención ás circunstancias de cada caso e cos criterios que se fixen en desenvolvemento desta lei. Tamén se establecerán regulamentariamente os supostos e a forma de xustificación dos gastos realizados.

6. Non obstante, as axudas sinaladas no artigo 48, letra d), para necesidades primarias de alimentación, vestido e enxoval doméstico, poderánselle aboar á persoa beneficiaria directamente. Cando estas axudas superen a contía dun terzo do seu límite máximo, aboaranse en dous ou máis pagamentos fraccionados, cunha periodicidade mínima mensual. Sen prexuízo do seguimento de cada caso, para a xustificación deste tipo de axudas constará no expediente un informe do órgano xestor ou dos servizos sociais comunitarios, así como unha declaración responsable da persoa beneficiaria.

7. Poderase establecer regulamentariamente un procedemento especial para aboarlles as axudas citadas no punto anterior a aquelas entidades de iniciativa social, debidamente rexistradas, que asinasen un convenio de colaboración coa administración competente para actuar como entidade intermediaria para o adianto dos fondos ás persoas beneficiarias nos casos de maior urxencia.

8. En todo caso, a resolución de concesión da axuda de emerxencia social poderá ser revogada no suposto de que non se realicen as obras, non se reciba a subministración ou o servizo ou non se destine para o fin solicitado, sen prexuízo de que, cando así cumpra, se inicie o correspondente procedemento de reintegro de indebidos. Para estes efectos, as actuacións de verificación poderanse realizar desde os servizos sociais comunitarios do concello de residencia ou desde os órganos competentes da Administración autonómica. No caso de axudas de tipo b) do artigo 48, vinculadas con obras de mellora da habitabilidade da vivenda, as obras deberán estar rematadas no prazo dun ano contado a partir do momento da comunicación da resolución, salvo en circunstancias excepcionais que xustificasen a concesión dunha prórroga.

Artigo 53. Impugnación

1. Contra as resolucións ditadas polo órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica poderase interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o organismo administrativo competente.

2. O recurso poderase interpor ante o órgano que ditase a resolución ou ante o órgano competente para resolvelo, de acordo co previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

3. A resolución do recurso de alzada porá fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO III Recursos e medidas vinculados á renda de inclusión social de Galicia

CAPÍTULO I Instrumentos vinculados aos itinerarios sociais e laborais da renda de inclusión social de Galicia

Artigo 54. Proxecto de integración social

1. O proxecto de integración social estará orientado ao logro da mellora persoal e social da persoa perceptora da Risga e das que integran a unidade de convivencia, así como á súa autonomía, participación e integración normalizada no seu ámbito social. Estableceranse regulamentariamente o modelo de proxecto de integración social así como os indicadores que se empregarán para o cumprimento de obxectivos.

2. O proxecto de integración social articularase por medio de accións concretas que incidan na mellora das condicións básicas de vida, coidado persoal, hixiene do fogar e da vivenda, coidado e atención a posibles conviventes con calquera tipo de discapacidade e seguimento de aspectos básicos da saúde. Ademais, especificará, de acordo coas características de cada caso, aspectos concretos de cambio ou axuste persoal, tales como a modificación de hábitos, desintoxicación, mellora da autonomía persoal e apoio á alfabetización ou instrución básica, entre outros.

3. De maneira complementaria ao contido mínimo establecido no punto anterior, poderanse incorporar compromisos relacionados co coidado ou acompañamento de persoas do seu contorno ou calquera outra actuación solidaria, así como dedicacións voluntarias en actividades de interese colectivo desenvolvidas en entidades públicas, privadas ou de iniciativa social, sen menoscabo dos seus dereitos laborais.

4. O proxecto de integración social será deseñado polos servizos sociais comunitarios básicos e a súa execución será coordinada polo traballador ou traballadora social de referencia. Estes servizos efectuarán con carácter xeral o seguimento do caso, sen prexuízo da derivación de determinadas actuacións aos servizos sociais comunitarios específicos, así como a posible colaboración complementaria de entidades de iniciativa social debidamente autorizadas. Mediante o traballo social e educativo pautado no proxecto de integración social asegurarase, en todo caso, unha vinculación efectiva das persoas beneficiarias cos servizos sociais comunitarios.

5. O seguimento regular e a avaliación do proxecto de integración social documentaranse no expediente social e servirán para fundamentar posibles modificacións da prestación, de acordo co establecido no artigo 44.1.c).

Artigo 55. Acordo para a integración socioeducativa das persoas menores

1. No caso da existencia de menores e cando se valore unha situación de risco de exclusión social para estes, deberase formular como documento anexo ao proxecto de integración social regulado no artigo anterior un acordo no que se recollan os compromisos contraídos en relación coa súa escolarización real e efectiva, así como coa súa saúde, hixiene e socialización.

2. O acordo de integración socioeducativa das persoas menores procurará a mellora da cohesión familiar e do exercicio da responsabilidade parental, entendida como o compromiso do coidado, protección e socialización dos e das menores, para o que se determinarán obxectivos medibles e revisables.

3. Os servizos sociais comunitarios realizarán o seguimento do cumprimento destes acordos, empregando para ese fin o servizo de educación e apoio familiar ou, en ausencia deste, o de axuda no fogar, sen prexuízo da posible colaboración complementaria de entidades de iniciativa social debidamente autorizadas.

4. O seguimento regular e a avaliación do acordo de integración socioeducativa das persoas menores documentarase no expediente social e servirá para fundamentar posibles modificacións da prestación, de acordo co establecido no artigo 44.1.c).

Artigo 56. Convenio de inclusión sociolaboral con compromiso de actividade

1. Cando proceda, de conformidade co establecido no título IV desta lei, o Servizo Público de Emprego de Galicia elaborará, en coordinación cos servizos sociais comunitarios específicos, un convenio de inclusión sociolaboral con compromiso de actividade, que será requisito obrigatorio nos casos en que se perciba o tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia. Estableceranse regulamentariamente o modelo de convenio de inclusión sociolaboral así como os indicadores que se empregarán para o cumprimento de obxectivos.

2. Os contidos deste convenio estarán referidos a actuacións que, formuladas de maneira progresiva, teñan como meta a integración laboral, tales como: o asesoramento e a orientación laboral; a formación profesional, tanto inicial como ocupacional, incluíndo a obtención de competencias clave; a formación adaptada; a conexión cos itinerarios personalizados do Sistema público de emprego; a incorporación a unha empresa de inserción laboral; a intermediación laboral; as prácticas laborais non remuneradas e calquera outra modalidade de formación na empresa.

3. Enténdese por compromiso de actividade a obriga da persoa beneficiaria de participar dunha maneira activa na realización das accións previstas no seu convenio de inclusión sociolaboral. Esa participación terá carácter obrigatorio, de acordo co previsto nos artigos 42.5 e 44 desta lei.

4. O convenio de inclusión sociolaboral será asinado pola persoa beneficiaria, por unha persoa representante do Servizo Público de Emprego e por un técnico ou unha técnica de inclusión de referencia, e expresará as actividades prelaborais e laborais enunciadas nos puntos anteriores en forma de itinerario, como secuencia de actividades e cun sistema de valoración de resultados. Os convenios asinados serán comunicados aos servizos sociais comunitarios correspondentes.

5. No caso de unidades de convivencia con varias persoas en condicións de iniciar o itinerario de inserción laboral, estableceranse medidas personalizadas para cada unha delas.

6. Os equipos de inclusión sociolaboral regulados no artigo seguinte, en coordinación co Servizo Público de Emprego de Galicia, realizarán o seguimento e o asesoramento das persoas participantes nos convenios regulados neste artigo.

7. Para o desenvolvemento das actividades contidas nos convenios de inclusión sociolaboral poderanse establecer fórmulas de colaboración con entidades de iniciativa social debidamente autorizadas que desenvolvan programas especializados en inserción laboral de persoas con especiais dificultades de acceso ao emprego.

CAPÍTULO II Plan de inclusión social e Rede de equipos de inclusión sociolaboral

Artigo 57. Natureza

1. A Xunta de Galicia impulsará e actualizará, en colaboración coas entidades locais, un plan galego de inclusión social que fixará obxectivos e estratexias en relación co obxecto desta lei e precisará as fórmulas de coordinación entre os recursos públicos das administracións competentes, así como coas entidades de iniciativa social especializadas na inclusión social de colectivos e persoas.

2. De conformidade co establecido nos artigos 12 e seguintes da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, implantarase unha rede de servizos sociais comunitarios específicos consistente en equipos técnicos de inclusión sociolaboral, de acordo co establecido neste capítulo.

3. Os equipos técnicos de inclusión sociolaboral estarán integrados por profesionais do ámbito da intervención social e das ciencias sociais, con formación en disciplinas directamente relacionadas con esas competencias profesionais.

4. Para o logro dos obxectivos do plan, as administracións autonómica e local poderán conceder subvencións, así como subscribir, de acordo co artigo 31 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, convenios de colaboración con entidades de iniciativa social que dispoñan da capacidade e dos medios adecuados para a realización de actividades de inserción social de colectivos con problemáticas específicas e persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia.

Artigo 58. Territorialización

1. No marco da delimitación de áreas sociais e da planificación estratéxica de servizos sociais, recollida no título IV da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, estableceranse demarcacións territoriais ás que se lles asignarán equipos de inclusión sociolaboral, garantindo unha distribución equilibrada. Ademais, asegurarase a presenza dun equipo de inclusión sociolaboral en cada cidade de máis de 50.000 habitantes.

2. Para a implantación dos equipos, e de conformidade co establecido no decreto de servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, a Xunta de Galicia establecerá fórmulas de cooperación coa Administración local para o cofinanciamento, coordinación e asistencia técnica aos equipos técnicos de inclusión sociolaboral.

Artigo 59. Funcións dos equipos

Son funcións dos equipos técnicos de inclusión sociolaboral as seguintes:

1. Executar, en coordinación cos servizos sociais comunitarios básicos, actuacións contidas no proxecto de integración social vinculado ao tramo básico e familiar da Risga, sobre todo no que se refire a actividades de promoción educativa e formativa básica, así como aos proxectos de capacitación en colaboración con entidades de iniciativa social aos que se refire o artigo seguinte.

2. Colaborar co Servizo Público de Emprego no deseño e efectivo desenvolvemento das actuacións estipuladas nos convenios de inclusión sociolaboral vinculados ao tramo de inserción da renda de integración social de Galicia, favorecendo a coordinación para estes efectos con entidades de iniciativa social definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, debidamente autorizadas que teñan a capacidade e os medios para desenvolver as actividades de inserción deseñadas.

3. Deseñar e desenvolver itinerarios de inserción para persoas non perceptoras da Risga que se encontren en situación de risco de exclusión social.

4. Coordinar os diferentes axentes sociais, servizos públicos, departamentos administrativos e entidades do seu ámbito territorial que incidan en aspectos relevantes para a consecución da inclusión social das persoas que teñen encomendadas.

5. Asesorar as entidades promotoras de empresas de inserción laboral.

6. Elaborar proxectos e promover actividades específicas para a prevención da exclusión social de grupos vulnerables de características homoxéneas, así como a dinamización social e comunitaria nas súas zonas de intervención.

Artigo 60. Fomento de proxectos de capacitación das persoas participantes no plan de inclusión

1. A Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de servizos sociais, fomentará, mediante unha liña específica de subvencións, a impartición, por parte de entidades de iniciativa social especializadas e debidamente rexistradas como prestadoras de servizos sociais, de proxectos e actividades de capacitación persoal para a mellora da sociabilidade e empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social. As actividades financiadas terán por obxecto tanto a adquisición de habilidades e destrezas coma a preparación para a avaliación das competencias clave exixibles para o acceso normalizado á formación e cualificación profesional.

2. As actividades citadas no punto anterior estarán especialmente dirixidas a persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión de Galicia e poderán constituír a actividade principal do seu convenio de inclusión sociolaboral. As actividades serán adaptadas tendo en conta as especiais circunstancias dos colectivos destinatarios. Esa adaptación incidirá na distribución temporal da aprendizaxe, na prioridade das actividades prácticas e simulacións didácticas e nas metodoloxías empregadas.

3. Co mesmo obxectivo a Xunta de Galicia, a través da consellaría competente, fomentará para as ditas persoas a realización de prácticas laborais, remuneradas ou non remuneradas, en empresas, mediante o procedemento que regulamentariamente se determine.

4. As actividades subvencionadas segundo o exposto neste artigo serán supervisadas polos servizos de inspección do órgano con competencias en materia de servizos sociais.

TÍTULO IV Medidas para a incorporación laboral das persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia

CAPÍTULO I Coordinación entre os sistemas de servizos sociais e de emprego

Artigo 61. Aspectos xerais de coordinación

1. A Xunta de Galicia, a través dos órganos de dirección responsables, promoverá a coordinación efectiva entre as medidas desenvolvidas polo Sistema galego de servizos sociais e o Servizo Público de Emprego de Galicia, así como o desenvolvemento dos itinerarios de formación e acompañamento xestionados, de cara a favorecer a incorporación efectiva das persoas en situación ou risco de exclusión social aos programas orientados ao acceso ao emprego normalizado.

2. Para estes efectos, os servizos sociais certificarán a situación social das persoas en relación cos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 desta lei e na normativa laboral de aplicación, así como a súa eventual condición de persoa beneficiaria da renda de inclusión social de Galicia.

3. Para a aplicación dos procedementos de selección e convocatoria de persoas para as diferentes medidas de carácter formativo ou de promoción do emprego, o Servizo Público de Emprego rexistrará nos seus sistemas de información a condición referida no punto anterior cando así o certifique o Sistema galego de servizos sociais.

4. O Sistema galego de servizos sociais, consonte o establecido no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderá comunicar os datos necesarios das persoas usuarias ao Servizo Público de Emprego de Galicia para a exclusiva finalidade de promover o seu acceso a un emprego, de conformidade co establecido neste título.

CAPÍTULO II Empresas de inserción

Artigo 62. Concepto de empresa de inserción

1. Nos termos establecidos pola Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, terá a consideración de empresa de inserción aquela sociedade mercantil ou sociedade cooperativa legalmente constituída e debidamente cualificada pola Xunta de Galicia que realice calquera tipo de actividade económica de produción de bens ou de prestación de servizos, que teña como obxecto social a integración e a formación sociolaboral das persoas en situación de exclusión social e que actúe como espazo de tránsito ao emprego ordinario.

2. A Xunta de Galicia, no marco da lexislación básica sobre esta materia, promoverá as empresas de inserción como recurso para facilitar a incorporación efectiva ao mercado laboral ordinario das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Artigo 63. Entidades promotoras

1. De conformidade cos artigos 5 e 6 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, as empresas de inserción estarán promovidas e participadas por entidades sen ánimo de lucro, incluídas as de dereito público, as asociacións sen fins lucrativos e as fundacións, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, que teñan por obxecto social a inserción sociolaboral de persoas desfavorecidas, entre outras, das persoas en situación de risco ou exclusión social, consonte o establecido no artigo 3 da presente lei.

2. A participación da entidade promotora na empresa de inserción será, polo menos, do 51 % do capital social para as sociedades mercantís. No caso de sociedades cooperativas e sociedades laborais, a dita participación situarase nos límites máximos legais que resulten de aplicación.

Artigo 64. Cualificación e rexistro das empresas de inserción

As empresas de inserción deberanse cualificar de acordo co procedemento establecido na normativa de aplicación e rexistrar como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia.

Artigo 65. Acreditación da situación de risco ou exclusión social para o acceso ás empresas de inserción

1. A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinan a cualificación dunha persoa como posible traballador ou traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción laboral serán acreditadas polo Sistema galego de servizos sociais, de acordo co establecido no artigo 3 desta lei.

2. Estableceranse regulamentariamente os procedementos para a acreditación expresada no punto anterior, así como para a coordinación entre os servizos sociais e o Servizo Público de Emprego de Galicia na incorporación das persoas ás empresas de inserción.

Artigo 66. Itinerario de inserción sociolaboral

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, para a incorporación a unha empresa de inserción laboral será obrigatoria a definición por escrito dun itinerario de inserción sociolaboral elaborado polos servizos sociais comunitarios e o Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coa propia empresa de inserción, e que deberá ser aceptado pola persoa contratada. Estes itinerarios terán para todos os efectos a mesma validez que o convenio de inclusión sociolaboral definido na presente lei.

2. A empresa de inserción laboral proporcionaralles aos traballadores e traballadoras en proceso de inserción un traballo remunerado, así como procesos personalizados e asistidos de formación no posto de traballo e habituación laboral e social. Ademais, proporcionarán servizos de asesoramento e acompañamento para facilitar a súa posterior incorporación ao mercado laboral ordinario.

3. No caso de beneficiarios no tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia, este traballo será compatible coa permanencia nel, sen prexuízo dos tempos máximos que para o dito tramo de inserción se establecen nesta lei, e procederase, en todo caso, ao correspondente reaxuste no cálculo de contías.

Artigo 67. Fomento das empresas de inserción

1. As empresas de inserción laboral, en atención ao seu labor social de apoio á reincorporación ao mercado de traballo das persoas en situación de risco ou exclusión social, poderán ser beneficiarias de axudas e subvencións para facilitar a súa constitución e mantemento da actividade polos conceptos que regulamentariamente se establezan.

2. Os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os demais entes do sector público dela dependentes poderán establecer reservas de participación para empresas de inserción laboral nos contratos de subministración e servizos que teñan a consideración de contratos menores ou procedementos negociados por razón de contía aos que se refiren os artigos 138 e 169 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público. Para estes efectos, será requisito que a finalidade ou actividade da empresa de inserción contratada, de acordo coas súas normas reguladoras, estatutos ou regras fundacionais, teña relación directa co obxecto do contrato.

3. O importe global dos contratos reservados consonte o punto anterior terán como límite máximo o 5 % do importe total que cada entidade contratante adxudicase no exercicio inmediatamente anterior mediante os citados procedementos de adxudicación.

CAPÍTULO III Medidas de apoio no acceso ao emprego para persoas en situación ou risco de exclusión

Artigo 68. Acceso ás accións formativas dirixidas aos desempregados

As persoas incluídas no tramo de inserción definido nos artigos 24 e seguintes desta lei terán a consideración de colectivo prioritario no acceso aos itinerarios personalizados de inserción e medidas de natureza semellante que regule e aplique o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma con competencias en materia de emprego.

Artigo 69. Programas específicos de formación para o emprego

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma, a través da consellaría competente en materia de emprego, poderá establecer programas específicos de formación para persoas con necesidades formativas especiais ou que teñan dificultades para a súa inserción ou recualificación profesional, de conformidade co previsto nos artigos 22.1.b) e 23.2.c) do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego.

2. Para estes efectos, as persoas que participen do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia consideraranse persoas con necesidades formativas especiais ou con dificultades para a súa inserción ou recualificación profesional e, en consecuencia, poderanse beneficiar dos programas subvencionados para o dito fin, nos termos que se establezan na súa normativa reguladora. En todo caso, na execución destes programas impulsarase a participación das administracións locais e doutras entidades públicas ou entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus fins a formación ou inserción profesional dos colectivos de traballadoras e traballadores aos que de maneira específica se dirixen estes programas.

3. Todas as entidades que participen na execución destes programas específicos dirixidos ás persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia deberán estar inscritas ou acreditadas, segundo proceda en cada caso, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da consellaría competente en materia de emprego.

Artigo 70. Cualificación profesional

Nas convocatorias realizadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma para o recoñecemento das competencias adquiridas por experiencia profesional e formación de carácter non formal valoraranse a experiencia e a formación recibida polas persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia, así como a experiencia e a formación recibida nos itinerarios formativos polas persoas contratadas nas empresas de inserción.

Artigo 71. Incentivos á contratación

Para favorecer a súa incorporación laboral, a Administración xeral da Comunidade Autónoma considerará colectivo prioritario o integrado polas persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia, tanto para a regulación dos incentivos á contratación por conta allea coma no tocante aos incentivos ao autoemprego e ao fomento da economía social.

Artigo 72. Outras liñas de promoción do emprego

As persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia tamén serán consideradas como colectivo prioritario para participar nos programas de cooperación con outras administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro para a realización de obras e servizos en xeral, así como para a súa participación en programas mixtos de emprego.

CAPÍTULO IV Recoñecemento ás empresas inclusivas

Artigo 73. Selo distintivo

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá a responsabilidade social das empresas no ámbito da inclusión laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social e creará para estes efectos o selo distintivo de empresa inclusiva.

2. Na concesión do dito selo distintivo valorarase de maneira especial a colaboración efectiva das empresas, ademais das obrigas legalmente establecidas, coas medidas positivas de acceso ao emprego das persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia e, en xeral, daquelas afectadas polas situacións descritas no artigo 3 desta lei e derivadas do Sistema galego de servizos sociais.

3. De maneira singular valoraranse as liñas de colaboración que proporcionen oportunidades de inicio dun itinerario laboral, mediante prácticas laborais ou contratos que teñan por obxecto a formación e a aprendizaxe, así como diferentes alternativas de formaciónemprego nun ámbito laboral normalizado.

Artigo 74. Empresas destinatarias

Poderán ser destinatarias do selo distintivo regulado neste capítulo as entidades empresariais con domicilio social en Galicia ou con axencia, sucursal, delegación ou equivalente de carácter permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 75. Beneficios

Estableceranse regulamentariamente o logotipo de empresa inclusiva e as condicións para o seu uso e as formas en que a Administración xeral da Comunidade Autónoma fará pública a distinción regulada neste capítulo.

Artigo 76. Validez do recoñecemento

O recoñecemento de empresa inclusiva terá unha validez temporal, de acordo co calendario e criterios de avaliación que se determinen regulamentariamente.

TÍTULO V Prevención da exclusión social nas zonas de intervención social especial

Artigo 77. Zonas de intervención social especial

1. Recoñeceranse como zonas de intervención social especial aquelas áreas urbanas ou periurbanas nas que se acredite unha concentración significativa ou anómala de situacións de exclusión social nas que conflúa:

a) Unha delimitación espacial definida.

b) Unha degradación urbanística, manifestada na presenza de infravivenda e chabolismo.

c) A concorrencia de circunstancias sociais específicas que impida ou dificulte a integración social da súa poboación.

2. Desenvolveranse regulamentariamente os criterios expresados no punto anterior.

Artigo 78. Declaración

A Administración xeral da Comunidade Autónoma poderá, de oficio ou por instancia dos concellos afectados, declarar un determinado espazo territorial como zona de intervención social especial. Para a dita declaración será preceptivo, en calquera caso, o informe do concello correspondente.

Artigo 79. Plan integral de transformación

1. Por instancia do concello ou concellos afectados, a Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social definida no artigo 65 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, poderá aprobar un plan integral de transformación para as zonas identificadas como de intervención social especial.

2. O plan integral de transformación articulará a cooperación entre os concellos e os diferentes departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma con competencias que incidan directamente nos servizos públicos e nas condicións de vida das persoas da zona de intervención especial, así como na remoción dos atrancos que dificulten a normalización das súas condicións de vida. En especial, participarán os departamentos con competencias en vivenda, urbanismo, educación, sanidade, traballo e servizos sociais.

3. Así mesmo, se fose o caso, por concorreren circunstancias que así o xustifiquen, solicitarase a colaboración da Subdelegación do Goberno.

4. No plan integral de transformación estableceranse as actuacións por departamentos, e asignarase, así mesmo, ao concello o desenvolvemento das actividades que correspondan en función da repartición de competencias establecida polas leis. A este respecto, o concello, de ser necesario, realizará e impulsará unha proposta de modificación urbanística para posibilitar o proceso de transformación.

Artigo 80. Seguimento

1. O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de servizos sociais reforzará o financiamento dos servizos sociais comunitarios dos concellos en que sexan declaradas zonas de intervención social especial, de maneira que, mediante un equipo técnico cualificado, se asegure un seguimento personalizado das persoas e familias, así como a execución dos proxectos sociais e o impulso da coordinación transversal sobre o territorio.

2. Cando se trate de asentamentos chabolistas, con independencia de que exista a declaración expresa de zona de intervención social especial, os servizos sociais comunitarios e os órganos de control do Sistema galego de servizos sociais garantirán que entre os compromisos por parte das persoas beneficiarias da Risga ou das AIS estea o de participación activa nun itinerario de cambio residencial en que se concreten os pasos necesarios para o logro do efectivo realoxamento nunha vivenda normalizada.

TÍTULO VI Órganos de control, seguimento e coordinación

Artigo 81. Órganos de control e seguimento

Son órganos de control e seguimento da aplicación da renda de inclusión social de Galicia e do Plan galego de inclusión social o Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais, regulados, respectivamente, nos artigos 40 e 42 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 82. Órgano de coordinación

1. A Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social prevista na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, será o órgano de coordinación das actuacións que incidan na inclusión social das diferentes consellarías da Xunta de Galicia.

2. Ademais das funcións que expresamente lle encomenda o artigo 65 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, serán funcións da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social, en relación coas materias reguladas nesta lei:

a) Emitir informe sobre o Plan galego de inclusión social.

b) Aprobar, por solicitude da corporación local interesada, e por proposta do departamento responsable do Sistema galego de servizos sociais, un plan integral de transformación para áreas territoriais declaradas zonas de intervención social especial.

TÍTULO VII Réxime de competencias

Artigo 83. Competencias da Xunta de Galicia

Correspóndelle á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

1. A elaboración das normas de desenvolvemento desta lei.

2. O control e a inspección da aplicación das medidas previstas nesta lei segundo os criterios, medios e procedementos establecidos no título VIII da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

3. A avaliación xeral da aplicación da renda de inclusión social de Galicia, das axudas de inclusión social e demais medidas reguladas nesta lei.

4. A concesión, denegación, modificación, suspensión, extinción e pagamento da renda de inclusión social de Galicia, nas súas distintas modalidades e tramos, e das axudas de inclusión social.

5. A coordinación efectiva das políticas de fomento do emprego cos principios e medidas de acción positiva a favor das persoas en risco de exclusión social contidas nesta lei.

6. A proposta de financiamento dos programas que en desenvolvemento desta lei se inclúan no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. A implantación e o financiamento da rede de servizos sociais precisos para a eficaz aplicación das medidas de inserción reguladas nesta lei, en coherencia co establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

8. A proposta de convenios con outras comunidades autónomas que permitan o mantemento de dereitos adquiridos ou en curso de adquisición por persoas beneficiarias veciñas das respectivas comunidades autónomas en virtude do principio de reciprocidade.

9. A aprobación e actualización do Plan galego de inclusión social.

10. Cantas outras competencias lle correspondan por norma de rango legal ou regulamentario.

Artigo 84. Competencias dos concellos

Correspóndelles aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

1. En cooperación coa Xunta de Galicia, implantar e desenvolver os servizos sociais comunitarios necesarios para a aplicación do disposto nesta lei, consonte o establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

2. A través dos servizos sociais comunitarios básicos, correspóndelles aos concellos:

a) A detección das persoas en situación de exclusión e o asesoramento e información sobre os recursos existentes e os programas e prestacións desenvolvidos nesta lei.

b) A recepción das solicitudes de valoración social e a emisión do correspondente informe social e proposta sobre a idoneidade da prestación das persoas e unidades de convivencia, previos á solicitude da renda e das axudas de inclusión social.

c) A documentación en relación cos requisitos sociais das solicitudes da renda e das axudas de inclusión social.

d) A certificación acreditativa da situación de risco ou exclusión social que resulte preceptiva para a incorporación prioritaria aos programas de fomento do emprego e empresas de inserción social que se determine regulamentariamente.

e) A elaboración e seguimento dos proxectos de integración social e de integración sociofamiliar.

f) A valoración sobre a posibilidade de incorporación ao tramo de inserción, sen prexuízo da asignación desta función, se é o caso, aos servizos sociais comunitarios específicos.

3. Cantas outras competencias lles correspondan por norma de rango legal ou regulamentario.

4. Ademais, os concellos, por si mesmos, ou de acordo con fórmulas de cooperación administrativa establecidas na Lei 13/2008, do 3 de decembro, desenvolverán servizos comunitarios específicos, que se concretarán nos equipos técnicos definidos nos artigos 57 e seguintes da presente lei.

Artigo 85. Da colaboración entre administracións públicas

A Administración autonómica e a local colaborarán na execución das medidas impulsadas pola presente lei, no marco da distribución de competencias establecido neste título, así como no título VII da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Para estes efectos:

a) Facilitarán o intercambio e a cesión de datos, para o que compartirán o sistema de información que se estableza de acordo co previsto no artigo 40 desta lei e no artigo 16.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

b) Cooperarán para a efectiva realización das revisións periódicas e o seguimento das persoas beneficiarias das prestacións económicas reguladas nesta lei.

c) Cooperarán no uso eficiente dos recursos públicos e, en particular, para que as medidas reguladas nesta lei sexan realmente efectivas na consecución dos obxectivos de inserción social e laboral.

d) Impulsarán a comunicación, o intercambio de experiencia e a formación conxunta do persoal técnico das administracións locais e autonómica nas áreas de tramitación e seguimento das medidas reguladas nesta lei.

Disposición adicional primeira. Financiamento

Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma incluirán as partidas necesarias para o financiamento dos programas previstos nesta lei, sen prexuízo dos programas que se vinculan ao Servizo Público de Emprego.

Disposición adicional segunda. Información

A Xunta de Galicia informará anualmente o Parlamento de Galicia sobre o desenvolvemento desta lei no seo da comisión correspondente.

Disposición adicional terceira. Referencias normativas

As remisións e referencias normativas á Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, entenderanse feitas, no sucesivo, á nova Lei de inclusión social de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Determinación do importe das axudas de inclusión social

Mentres non se diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do artigo 50 desta lei, para determinar en cada caso concreto o importe dos distintos tipos de axudas de inclusión social reguladas no artigo 48 atenderase á situación económica e familiar da persoa solicitante, cos seguintes límites:

1. As axudas de tipo a) non poderán, en ningún caso, superar dúas veces e media o importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda deste tipo cada dous anos.

2. As axudas de tipo b) non poderán, en ningún caso, superar dez veces o importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda deste tipo cada cinco anos.

3. As axudas de tipo c), d) e e) non poderán, en ningún caso, superar o dobre da contía mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda deste tipo cada dous anos.

4. As axudas de tipo f) e g) non poderán, en ningún caso, superar en dúas veces a contía mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda deste tipo unha vez ao ano.

Disposición transitoria segunda. Capacidade económica derivada da disposición de bens patrimoniais dos que se deduza a existencia de medios suficientes para a subsistencia

Mentres non teña lugar o desenvolvemento regulamentario a que se refire o artigo 17 desta lei, os supostos de disposición de bens patrimoniais dos que se deduza a existencia de medios suficientes para a subsistencia serán os seguintes:

1. Cando a unidade de convivencia dispoña de cantidades líquidas superiores a catro mensualidades do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Equipararanse a estas cantidades líquidas os títulos e valores.

2. Cando o resto dos bens de que dispoña a unidade de convivencia, excluída a vivenda habitual, teñan unha valoración superior ao importe anual do indicador público da renda de efectos múltiples. Para eses efectos, utilizaranse os seguintes criterios de valoración:

a) Para os bens inmobles, o valor catastral.

b) Para os vehículos, os valores fixados pola Administración competente para gravar a transmisión de vehículos usados.

c) Para o resto dos bens e nos supostos de carencia de referente valorativo, a Administración actuante realizará unha valoración estimativa, que se xustificará debidamente no expediente.

Non obstante, sen prexuízo do anteriormente sinalado, cando se xustifique que o mantemento da titularidade do vehículo ou doutro ben patrimonial concreto sexa necesario para o desenvolvemento das accións acordadas para a inserción social ou laboral, poderase exceptuar motivadamente o cómputo do dito ben. Igualmente, poderanse exceptuar de maneira motivada os bens patrimoniais para os cales se xustifique unha especial dificultade para facer efectiva a súa venda.

Disposición transitoria terceira. Aplicación da presente lei ás persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia regulada pola Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social

1. Aquelas persoas perceptoras da Risga regulada pola Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, manterán durante o exercicio orzamentario correspondente ao ano da entrada en vigor da presente lei a percepción da Risga nos termos e condicións en que lles fora concedida.

2. As administracións competentes de acordo co procedemento establecido nesta lei procederán, durante o exercicio inmediatamente seguinte, á revisión dos requisitos e condicións que nesta norma se establecen e a complementar os expedientes coa documentación que proceda, singularmente, cos proxectos de integración social, co acordo socioeducativo dos menores, así como, de ser o caso, co diagnóstico de empregabilidade e co convenio de inclusión sociolaboral.

3. En todo caso, todos os expedientes deberán estar actualizados e recalculados nas correspondentes contías para a súa incorporación á primeira nómina do exercicio seguinte.

4. Sen prexuízo do anterior, aqueles expedientes en que se constate unha idoneidade para a súa incorporación ao novo tramo de inserción consideraranse prioritarios no dito proceso de revisión de condicións, compromisos e contías.

Disposición transitoria cuarta. Complemento de alugamento

En relación co complemento de alugamento establecido no tramo persoal e familiar, mentres non se realice o desenvolvemento regulamentario correspondente, só será aplicable nun 10 % do IPREM. No caso de que, unha vez establecida a regulación, á persoa beneficiaria lle corresponda un importe superior, será actualizado coa diferenza.

Disposición derrogatoria única. Expresa e xenérica

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango contradigan o disposto na presente lei, e especificamente a Lei 5/1989, do 24 de abril, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social; a Lei 1/1999, do 5 de febreiro, de modificación da anterior; e a Lei 16/2004, do 29 de decembro, de modificación das dúas leis anteriores.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

A Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. No caso concreto dos tramos de inserción e de transición ao emprego, entrarán en vigor cando se publique o decreto no que se regulen estes tramos.

Santiago de Compostela, vinte e sete de novembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia