lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Publicado en: DOG 74 17/04/2007

Última modificación: 07/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

Exposición de motivos

1

O medio rural galego -e integrado nel o monteconstitúe un patrimonio esencial para o desenvolvemento sustentable dun país, especialmente en Galicia, onde os terreos de monte constitúen máis do 65% da súa superficie e onde integrados con eles hai 315 municipios cuns 31.550 núcleos de poboación, máis do 90% deles cunha poboación inferior aos 500 habitantes.

O monte desempeña unha tripla funcionalidade: social, ambiental e económica. Os recursos que achega benefician a toda a sociedade, o que obriga ás administracións públicas a velaren pola súa conservación, protección, rexeneración e mellora dos seus aproveitamentos. O artigo 4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, contempla a función social dos montes vinculada á produción de recursos naturais e servizos ambientais. Alén diso, en Galicia ten unha especial relevancia o aspecto económico dos montes, ao teren as actividades desenvoltas neles un carácter estratéxico para o desenvolvemento do medio rural, tendo en conta que aproximadamente o 50% da produción forestal do Estado se extrae dos montes galegos, e seren unha importante base territorial para o desenvolvemento da gandaría extensiva.

Mais o importante valor que o monte desempeña para a nosa sociedade no seu conxunto vén sendo ameazado pola propagación de incendios forestais, afectando á súa riqueza ambiental e paisaxística e ás actividades agroforestais que se desenvolven nel.

As causas que orixinan os lumes forestais son de diversa índole, existindo causas estruturais que constitúen factores subxacentes, aínda que ningunha delas por si soa constitúe unha causa inmediata dos incendios forestais. Unha parte das causas estruturais que inciden na proliferación de incendios forestais está relacionada coa situación de abandono e progresivo despoboamento que ao longo dos últimos decenios se veu producindo no espazo rural galego, que provocou unha abrupta desagrarización e abandono de terras cultivadas en moitas comarcas rurais de Galicia; co cambio de usos do monte; coa ausencia de ordenación dos usos do territorio desde o punto de vista agrario, forestal e mesmo urbano; cos descoidos ou neglixencias no uso do lume en prácticas de xestión agroforestal; coa existencia de conflitos sociais arraigados en determinadas zonas que se dirimen prendéndolle lume ao monte; e tamén co incremento da delincuencia incendiaria, agravada pola falta dun rexeitamento social contundente a ela.

Esta situación débenos facer conscientes de que os incendios forestais no medio rural constitúen unha grave ameaza para calquera política seria de desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sustentabilidade económica e social de Galicia.

A política de defensa do medio rural contra os incendios, pola súa vital importancia para o país, non pode ser implementada de forma illada, senón integrándose nun contexto máis amplo de planificación do territorio e de desenvolvemento rural, comprometendo todas as administracións, as persoas propietarias de terreos forestais, os labregos e labregas, as comunidades de montes veciñais en man común, a sociedade do medio rural e en xeral o conxunto da cidadanía.

Os terreos forestais e as súas zonas de influencia teñen unha configuración específica que dificulta a súa protección contra os incendios forestais; entre outras, estas características son a fragmentación da propiedade, o desequilibrio entre zonas, o abandono da agricultura, a gandaría extensiva sen control e a progresiva transformación das parcelas agrícolas fragmentadas en terreos de monte, o que deu lugar a unha progresiva desorde do territorio incrementando a ameaza derivada dun incendio forestal.

2

Ao longo dos últimos anos vimos asistindo ademais a unha crecente proliferación de incendios na interface urbano-forestal, isto é, nas áreas que abranguen o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados.

Alén das políticas e medidas de organización territorial de carácter estrutural que axuden a evitar esta situación, cómpre adoptar a curto prazo actuacións que controlen a existencia de biomasa vexetal con alto potencial combustible nas proximidades dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios, ben a través da obriga das persoas titulares ben por medio da execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Xa que logo, a desorganización do territorio obriga a termos que asumir a curto e medio prazo a estratexia de defensa do rural contra os incendios, que pasa pola defensa primordial das persoas e dos bens xunto á defensa dos recursos forestais.

3

Cómpre dotar a Galicia dunha nova norma que permita establecer as medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume e que sirva así mesmo para a posta en valor da potencialidade produtiva, ecolóxica e social do monte galego como base do desenvolvemento sustentable do medio rural do noso país.

O marco normativo xeral de referencia en materia de prevención e incendios forestais vén determinado por diversa normativa de ámbito comunitario e estatal que convén desenvolver e adaptar á nosa realidade, tendo en conta as competencias previstas nos artigos 27.10º do Estatuto de autonomía de Galicia e mais 148.1º.8 e 149.1º.23 da Constitución de 1978.

Os artigos 43, 44.3º, 48 e 50 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, atribúenlles ás comunidades autónomas facultades para desenvolver aspectos da defensa contra incendios forestais, que ata o de agora foron aplicados en Galicia por medio de regulamentos mais non con normas de rango de lei, polo que convén superar esa situación, dotándonos dese marco regulador lexislativo que contribúa a fortalecer a seguranza xurídica das administracións públicas galegas e dos cidadáns na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por outra banda, coa entrada en vigor da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, recompilouse no seu título VII o réxime sancionador nesa materia, sen prexuízo do que dispoña ao respecto a lexislación autonómica. Non obstante, a norma antes citada non establece atribucións competenciais concretas para a imposición das sancións e medidas que prevé, limitándose no seu artigo 73.1º a conter unha indicación na que se lles recoñece a facultade aos órganos da Comunidade Autónoma que teñan atribuída a competencia en cada caso. Tendo en conta esta circunstancia, faise necesario realizar o desenvolvemento desta normativa básica, tanto da atribución competencial como doutros aspectos non contemplados naquela.

A prevención e defensa de incendios forestais atópase tamén incluída no campo da protección civil, cuxa normativa está esencialmente contida na Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, de protección civil, no Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a Norma básica de protección civil, e no Acordo do Consello de Ministros do 18 de marzo de 1993 polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil de emerxencias por incendios forestais; materia esta, a de protección civil, desenvolta pola normativa galega en materia de emerxencias.

A lexislación en materia de réxime local tamén regula as competencias en materia de protección e defensa contra os incendios forestais dos entes locais, en concreto nos artigos 80.2º.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 25.2º.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local.

4

Esta lei ten como un dos seus obxectivos actualizar o réxime xurídico da loita contra os incendios no medio rural, integrando nel a prevención e a extinción, ademais da protección da poboación, das infraestruturas e das instalacións agrarias, pois unicamente considerando estas tres liñas de actuación no seu conxunto será posible garantir un tratamento eficaz do problema.

A planificación preventiva pasa a ser un elemento estrutural fundamental deste sistema, que se asenta na actuación concertada de todas as administracións actuantes no ámbito da defensa contra os incendios forestais.

O sistema de defensa contra os incendios no medio rural exposto nesta lei identifica os obxectivos e recursos e tradúcese nun modelo activo, dinámico e integrado, encadrando nunha lóxica de medio e longo prazo os instrumentos dispoñibles, cos seguintes criterios básicos:

1. Organizar a xestión de biomasa en zonas estratéxicas, especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio, unido á construción e mantemento de faixas exteriores de protección de zonas poboadas, o tratamento de áreas forestais nun esquema de intervención segundo modelos silvícolas previamente establecidos, no ámbito das dúas dimensións que se complementan, a defensa de persoas e bens e a defensa dos montes.

2. Reforzar as estruturas de extinción e de prevención dos incendios forestais.

3. Ampliar os esforzos de educación, sensibilización, divulgación e extensión agroforestal para a defensa do medio rural contra os incendios e para o uso correcto do lume nestes lugares.

4. Reforzar a vixilancia e poñer couto á actividade criminal incendiaria mediante a colaboración veciñal, ademais de asegurar a eficacia na fiscalización e aplicación do réxime sancionador instituído.

5

Esta lei, tendo en conta a experiencia acumulada, incorpora novidades no ámbito da defensa contra incendios forestais, no eido da planificación e da xestión de biomasa vexetal e na intervención das administracións públicas e dos particulares.

O título I regula as disposicións xerais, onde se inclúen as definicións dos termos utilizados ao longo da lei, así como a organización do sistema de prevención contra os incendios forestais de Galicia e a distribución competencial entre os distintos órganos das administracións públicas galegas.

O título II dedícase ao planeamento da defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais, co establecemento dunha planificación en catro niveis, autonómico, de distrito, municipal ou inframunicipal, co obxecto de asegurar a consistencia territorial das políticas, instrumentos, medidas e accións, nunha lóxica de colaboración entre todas as administracións e os cidadáns.

A planificación vaise realizar a través dun instrumento, o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, o cal engloba a planificación preventiva e mais a operacional. Esta planificación tende a contemplar o problema no seu conxunto e permitirá axilizar e coordinar de maneira máis efectiva as intervencións preventivas e as de extinción de todos os organismos con competencias na loita contra incendios en Galicia.

O título III dedícase ás actuacións preventivas, contemplando as infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais, a ordenación preventiva do terreo forestal e as medidas de silvicultura preventiva, prestándolle especial atención á defensa das persoas e dos bens ante a ameaza dos incendios forestais.

Como medida máis novidosa neste sentido incorpórase a xestión da biomasa a través do establecemento de redes de xestión que engloban os terreos contiguos aos núcleos de poboación, ás instalacións industriais e de recreo e ás infraestruturas de transporte e de distribución de enerxía eléctrica, sentando as bases para unha nova actuación que ten por obxectivo principal protexer a seguranza das persoas. Para estes efectos tamén se define un cadro xurídico que permite e acelera a intervención da administración no que atinxe á retirada de biomasa vexetal nas zonas próximas aos núcleos rurais antes da época de perigo de incendios.

O título IV refírese á regulación da condicións de acceso, permanencia e circulación en zonas forestais, en especial nas épocas de perigo alto de incendios forestais.

O título V regula o uso daquelas actividades nas que se emprega o lume, coa finalidade de atenuar as accións que comportan maior risco de produción de incendios forestais.

O título VI contempla as condicións para a realización de determinados aproveitamentos forestais, agrícolas e gandeiros no monte, atendendo a compatibilidade entre esas actividades e a rexeneración das zonas incendiadas.

O título VII refírese ao réxime sancionador, partindo da normativa básica recollida na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

O título VIII regula os incentivos ás persoas titulares de terreos forestais, especialmente a aqueles afectados polas figuras preventivas nos planeamentos, e ademais a colaboración coas entidades locais de cara á prevención e extinción dos incendios forestais.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo no nome de El-Rei a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

TÍTULO I Disposicións xerais

Capítulo I Obxecto e conceptos xerais

Artigo 1.-Obxecto da lei.

Esta lei ten por obxecto defender os montes ou terreos forestais fronte aos incendios e protexer as persoas e os bens por eles afectados, promovendo a adopción dunha política activa de prevención coordinada de todas as administracións públicas de acordo coa lexislación galega en materia de emerxencias, baseada en:

a) Actuar nos montes e áreas confinantes mediante os tratamentos axeitados da biomasa vexetal.

b) Compatibilizar e regular os aproveitamentos e transformacións do monte e zonas agrarias confinantes coa finalidade de evitar os incendios.

c) Establecer as condicións para a protección dos asentamentos rurais respecto dos incendios forestais, no marco dunha política integral de desenvolvemento rural.

e) Regular a redacción dos diferentes plans de prevención e defensa e a coordinación entre as distintas administracións.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 1 apartado d) derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Artigo 2.-Definicións.

Para os efectos desta lei, defínense os seguintes termos:

1. Monte ou terreo forestal: todo terreo no que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedentes de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e na Lei de montes de Galicia.

Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, os núcleos rurais e o solo urbanizable delimitado, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria.

Non obstante, e para os únicos efectos do cumprimento das obrigas establecidas nesta lei, poderán ter a consideración de monte aquelas superficies que estean clasificadas como terreo rústico de protección agropecuaria que reúnan as características previstas no artigo 5.1º da Lei 43/2003, mentres subsista o seu uso forestal.

2. Incendio forestal: o lume que se estende sen control sobre combustibles forestais situados no monte, incluíndose os enclaves forestais localizados en terreos agrícolas calquera que fora a súa extensión.

3. Queima: lume que se estende sen control sobre monte raso.

4. Queima de restos agrícolas: lume que se aplica sobre restos agrícolas logo de comunicación á administración forestal.

5. Queima de restos forestais: lume que se aplica a restos forestais logo de autorización da administración forestal.

6. Queima controlada: lume que se aplica para o control da biomasa forestal con criterios de idoneidade técnica e baixo a supervisión da administración forestal.

7. Terreos queimados: aqueles que foran afectados por un incendio forestal e que, temporalmente, quedan condicionados ao establecido nesta lei.

8. Forestal: todo o relativo aos montes.

9. Repoboación forestal: introdución de especies forestais nun terreo mediante sementeira ou plantación. Pode ser forestación ou reforestación.

10. Forestación: repoboación, mediante semente ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais.

11. Reforestación: a reintrodución de especies forestais, por medio de semente ou plantación, en terreos que xa estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes mais que quedaron rasos por mor de cortas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.

12. Restos capaces de producir un risco de incendio: aqueles materiais de fácil combustión e elevada inflamabilidade que poidan orixinar ou facilitar a propagación dun incendio forestal, tales como as leñas, pólas, cortizas ou similares que se xeran logo do aproveitamento das masas forestais.

13. Zona de influencia forestal: as áreas estremeiras que abranguen unha franxa circundante dos terreos forestais cunha largura de 400 metros, excluíndo o solo urbano, de núcleo rural e o urbanizable delimitado.

14. Xestión de biomasa: a creación e mantemento da descontinuidade horizontal e vertical da carga de combustible no terreo forestal e na súa zona de influencia, a través do control ou eliminación parcial ou total da biomasa vexetal por medio do emprego das técnicas máis recomendadas e coa intensidade e frecuencia adecuadas para o cumprimento dos obxectivos previstos.

15. Rede de faixas de xestión de biomasa: o conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, onde se garante o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.

16. Detección de incendio: a identificación e localización precisa das ocorrencias de incendio forestal con vista á súa comunicación rápida ás entidades responsables da extinción.

17. Índice de risco diario de incendio forestal: a expresión numérica que traduza o estado da biomasa forestal e da meteoroloxía nun momento dado, de modo que se poidan prever as condicións de inicio e propagación dun incendio.

18. Instrumentos de xestión forestal: engloban os proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos, plans técnicos ou outras figuras equivalentes, como os plans de ordenación de recursos forestais.

20. Época de perigo alto de incendios: o período durante o cal estean en vigor medidas e accións especiais de prevención e defensa contra incendios forestais, en consideración aos antecedentes estatísticos e climatolóxicos, así como cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

23. Distrito forestal: cada unha das unidades administrativas, baixo dependencia orgánica e funcional da dirección xeral competente en materia forestal, nas que se organizan territorialmente os servizos de prevención e extinción de incendios forestais.

24. Tesela: parcela forestal.

25. Persoa directora de extinción: persoa responsable do dispositivo de extinción nun incendio forestal, dotada da autoridade necesaria para organizar os medios propios da Xunta e os que proporcionen o resto das entidades e administracións implicadas no dispositivo. Terá a condición de axente da autoridade e poderá mobilizar medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións.

Lei 15/2010, do 28 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 2 apartado 21 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 2 apartado 1 parágrafo segundo nova redacción por disposición derradeira primeira apartado un, apartado 13 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado dous, apartados 19 e 22 derrogados por disposición derrogatoria única apartado 1.d), apartado 20 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado tres e apartado 25 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado catro.

Artigo 3.-Obrigas xerais.

1. Toda persoa deberá extremar o coidado do monte na realización de usos ou actividades neste, respectando as prohibicións, limitacións ou normas establecidas para o efecto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, así como na normativa básica estatal.

2. Toda persoa ou entidade pública ou privada deberá prestar a colaboración requirida, de acordo coas súas posibilidades, polas autoridades competentes na loita contra os incendios forestais e para a adopción de medidas de prevención ou protección.

3. As persoas propietarias, arrendatarias e usufrutuarias de terreos forestais e das zonas de influencia forestal, así como titulares ou concesionarias de infraestruturas públicas situadas neles, teñen a obriga de mantelos en condicións que contribúan a previr ou evitar os incendios forestais, respectando especialmente as relativas á xestión da biomasa vexetal e as disposicións referentes ás especies que se recollen na disposición adicional terceira desta lei.

As obrigas a que se refire o parágrafo anterior entenderanse sen prexuízo das establecidas pola consellaría competente en materia de medio ambiente no suposto de terreos incluídos en espazos naturais protexidos.

4. A realización de actividades que poidan levar parello o risco de incendios forestais, tanto nos terreos forestais como nas súas áreas de influencia, axustarase ao disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

Capítulo II Organización

Artigo 4.-Sistema de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

1. O sistema de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia está formado polo conxunto de medidas e accións dirixidas á prevención e protección do monte contra os incendios forestais. Estas medidas e accións comprenden a sensibilización, planificación, ordenamento do espazo forestal e agrario, silvicultura, infraestruturas, vixilancia preventiva, detección, combate e control que han levar a cabo as administracións e entidades implicadas no ámbito da defensa contra os incendios forestais.

2. Para os efectos da coordinación das medidas e accións a que se refire a alínea 1 deste artigo, o órgano competente en materia forestal manterá un sistema de xestión dos incendios forestais e levará un rexistro cartográfico e informático das superficies queimadas e das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos.

3. Para integrar toda a información necesaria no sistema referido no número anterior, regularase e normalizarase o sistema de toma de datos, así como as súas fontes e o acceso dos interesados, por orde da consellaría con competencias en materia forestal.

Artigo 5.-Órgano competente.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia a xestión e dirección do sistema de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

2. As competencias da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais serán exercidas polo Consello da Xunta e pola consellaría competente en materia forestal, nos termos previstos nesta lei.

Artigo 6.-Competencias da Comunidade Autónoma.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia:

a) Establecer a política xeral de prevención e loita contra os incendios forestais.

b) Elaborar e aprobar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, así como os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

c) Establecer as zonas de alto risco de incendio e as épocas de perigo de incendios forestais.

d) Programar e executar actuacións de prevención e loita contra os incendios forestais.

e) Establecer as medidas de prevención e loita contra os incendios forestais que sexa necesario adoptar tanto pola administración como polos particulares e asegurar o seu cumprimento.

f) Xestionar as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa nos termos desta lei.

g) Ordenar a xestión da biomasa vexetal nos termos dos artigos 20 bis, 21 bis e 22 e consonte os criterios que se establecerán regulamentariamente por orde da consellaría competente en materia forestal.

h) Regular as actividades susceptibles de provocar incendios forestais, así como controlar e autorizar o uso do lume e a realización de actividades xeradoras de risco de incendios forestais nos termos previstos nesta lei.

i) Coordinar as actuacións das administracións públicas e dos particulares nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais e promover mecanismos de participación social nas devanditas tarefas.

j) Proceder á execución subsidiaria ou directa de traballos preventivos nos termos establecidos nesta lei.

k) Inspeccionar a realización efectiva dos traballos incluídos no planeamento preventivo e instruír e resolver os expedientes sancionadores que se é o caso procedan.

l) Velar pola recuperación dos terreos incendiados e polo cumprimento das medidas que para tal efecto se establezan.

m) Desenvolver campañas e actividades de educación e información para a sensibilización da cidadanía no relativo ao combate dos incendios forestais e á persecución das actividades delituosas ou neglixentes que causan os incendios forestais e coordinar a execución destas campañas, con independencia das entidades que as realicen.

n) Promover a divulgación periódica do índice de risco diario de incendio forestal.

ñ) Divulgar as medidas preventivas aconselladas ou obrigatorias, onde se inclúen as referidas nos artigos 31, 35, 36 e 37, así como a súa incidencia territorial.

2. Estas competencias serán exercidas polo Consello da Xunta de Galicia e pola consellaría competente en materia forestal, nos termos establecidos nesta lei.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 6 apartados 1.f) e g) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado cinco.

Artigo 7.-Competencias das entidades locais.

Correspóndelles aos concellos e a outras entidades locais:

a) Elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, consonte o previsto nesta lei e na lexislación galega de montes, e integralos nos plans de emerxencia municipais, de acordo co previsto na lexislación galega de emerxencias.

b) Adoptar as medidas de prevención de incendios forestais que lles correspondan en terreos da súa titularidade.

c) Colaborar cos medios dispoñibles coa dirección técnica de extinción de incendios forestais.

d) Ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, en consonancia cos artigos 199.2 e 9.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de xeito máis concreto a ordenación e a execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 21, 22 e 23 desta lei, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 desta lei, conforme o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

e) Xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, nos termos desta lei.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 7 apartados a), d) e e) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado seis.

Artigo 8.-Cooperación administrativa.

As administracións públicas de Galicia colaborarán entre si e cooperarán nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais, achegando os medios materiais, económicos e humanos á súa disposición nos termos desta lei.

TÍTULO II Planeamento da defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais

Capítulo I Elementos básicos do planeamento

Artigo 9.-Épocas de perigo.

1. En consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a consellaría con competencias en materia forestal definirá épocas de perigo alto, medio e baixo, que condicionarán a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia.

2. A consellaría con competencias en materia forestal establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 9 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado sete.

Artigo 10.-Índice de risco diario de incendio forestal.

1. O índice de risco diario de incendio forestal establece, para cada unha das épocas de perigo, o risco diario de ocorrencia de incendio forestal, cuxos niveis son baixo (1), moderado (2), alto (3), moi alto (4) e extremo (5).

2. Para o establecemento do índice de risco diario de incendio forestal terase en conta a conxunción dos seguintes factores: a situación meteorolóxica, o estado da biomasa vexetal e o estado do solo.

3. O índice de risco diario de incendio forestal é elaborado pola consellaría con competencias na materia forestal e será divulgado a través da súa páxina web oficial, debendo esta ser diaria cando o índice de risco diario de incendio forestal fora de niveis alto, moi alto ou extremo, para efectos de aplicación do disposto no artigo 31 desta lei. Neste caso procurarase a difusión tamén a través de medios de comunicación social públicos e privados de ampla difusión en todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

4. O índice de risco diario de incendio forestal establecerase de acordo coa coherencia territorial-climática, e polo menos realizarase para as zonas da franxa atlántica, costa norte e Galicia interior. A delimitación das citadas zonas será establecida por orde da consellaría competente en materia forestal.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 10 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado oito.

Artigo 11.-Zonas de alto risco de incendio.

1. Para os efectos desta lei, e con base nos criterios da información histórica e dos datos estatísticos sobre a ocorrencia de incendios forestais, vulnerabilidade poboacional, ameazas aos ecosistemas forestais e protección do solo fronte á erosión, determinaranse as zonas de alto risco de incendio forestal existentes no territorio.

2. As zonas de alto risco de incendio forestal son as superficies onde se recoñece como prioritaria a aplicación de medidas máis rigorosas de defensa contra os incendios forestais ante o elevado risco de incendio, pola especial frecuencia ou virulencia dos incendios forestais ou pola importancia dos valores ameazados.

3. Estas zonas serán identificadas e delimitadas a nivel de parroquia e concello no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito regulados nos artigos 14 e 15 desta lei.

4. A planificación das actuacións preventivas e de defensa que se elabore para estas zonas de alto risco de incendio integrarase nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito. A execución dos traballos incluídos nos plans de defensa das zonas de alto risco de incendio será considerada de interese xeral.

5. As zonas de alto risco de incendio serán declaradas por orde da consellaría con competencia en materia forestal.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 11 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado nove.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Artigo 12 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Capítulo II Planeamento da defensa do espazo rural

Artigo 13.-Planeamento da defensa fronte aos incendios forestais.

1. O planeamento da defensa fronte aos incendios forestais, de acordo co establecido na lexislación galega de emerxencias, configúrase como un plan especial para facerlles fronte ás emerxencias derivadas dos riscos dos incendios forestais, estruturándose nun nivel galego, de distrito e municipal, así como nun nivel inframunicipal que indicará, neste último, o planeamento dun monte ou dun espazo concreto mediante un instrumento de xestión.

2. O planeamento autonómico, a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, organiza o sistema e define a visión, os eixes estratéxicos, os obxectivos e as accións prioritarias.

3. O planeamento a nivel de distrito forestal, a través dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, caracterízase pola clasificación e organización das accións e dos obxectivos definidos no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia a escala de distrito.

4. O planeamento a nivel municipal integrará nos plans de emerxencia municipais as actuacións de prevención e defensa contra os incendios forestais do municipio, consonte o previsto na lexislación galega de emerxencias.

5. No nivel inframunicipal os instrumentos de xestión terán en conta o establecido nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito e nos plans de emerxencia municipais e, en todo caso, o establecido con carácter xeral no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

6. Os plans previstos neste artigo deberán ser redactados por técnicos competentes en materia forestal.

7. En xeral deberán axustarse aos plans de ordenación de recursos forestais existentes ou, no seu defecto, ao contemplado no artigo 31.6 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 13 apartado 6 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado dez.

Artigo 14.-Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

1. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia reflectirá a política e as medidas para a defensa dos terreos forestais e das áreas de influencia forestal, englobando os plans de prevención, protección, sensibilización, vixilancia, detección, extinción, investigación e desenvolvemento, soporte cartográfico, coordinación e formación dos medios e axentes do servizo, así como unha definición clara de obxectivos e metas por acadar, a programación das medidas e accións, o orzamento e o plan financeiro, así como os indicadores da súa execución.

2. A elaboración do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia correspóndelle á consellaría competente en materia forestal.

A aprobación deste plan correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta da dita consellaría, oído o Consello Forestal de Galicia.

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia integrarase no Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvendo o nivel 0 de emerxencia por incendios forestais.

3. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia debe conter as orientacións básicas para concretar nos plans dos distritos, reflectíndose nos niveis subseguintes do planeamento.

4. Nos anos seguintes á súa aprobación, e mentres manteña a súa vixencia, deberá ser actualizado naqueles aspectos que sufran variacións, sendo incorporadas as ditas modificacións ao documento inicial e aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia.

5. As modificacións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia serán integradas no Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 14 apartados 1, 2 e 5 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado once.

Artigo 15.-Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

1. O plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito desenvolve as orientacións previstas na planificación establecidas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, concretando a estratexia de distrito.

2. A elaboración, a adaptación e a revisión dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito correspóndenlle á dirección xeral da consellaría competente en materia forestal, e serán aprobados pola persoa titular da dita consellaría.

3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito conteñen as accións necesarias para a defensa contra incendios forestais e, máis alá das accións de prevención e outras medidas previstas en materia de emerxencias, inclúen a previsión e a programación integrada das intervencións das diferentes entidades implicadas no operativo contra incendios forestais.

4. Para a elaboración, coordinación e actualización continua do planeamento do distrito contra incendios forestais estableceranse os mecanismos de participación das diferentes administracións, entidades, asociacións do sector e persoas propietarias afectadas.

En todo caso, será necesario informe previo da consellaría competente en materia de medio ambiente cando o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito afecte espazos protexidos para efectos de adecuar as súas previsións aos plans de ordenación dos recursos naturais.

5. Nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito incluiranse previsións específicas respecto das zonas confinantes entre os diferentes distritos, para asegurar a súa coherencia.

7. A consellaría competente en materia forestal poderá crear e aplicar programas especiais de intervención no ámbito dos plans de prevención e defensa contra incendios forestais de distrito para áreas forestais contiguas a infraestruturas de elevado valor estratéxico e para áreas forestais estratéxicas de elevado valor, de acordo co establecido nos plans de ordenación de recursos forestais. Igualmente, nos ditos plans poderán establecerse zonas de actuación preferente para os efectos de prevención de incendios, para cuxa xestión poderán concertarse convenios de colaboración coa propiedade ou axudas específicas.

8. As áreas referidas no número anterior designaranse por proposta da dirección xeral competente en materia de montes, e por orde da consellaría competente en materia forestal, oída a consellaría con competencias en materia de medio ambiente.

9. Para cada unha das zonas de alto risco de incendio elaborarase un plan específico de defensa, que se integrará no plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito e que, como mínimo, terá en conta:

a) As medidas e os traballos preventivos aplicables a elas. Estes traballos preventivos incluirán devasas, vías de acceso e puntos de auga que deben realizar as persoas titulares dos montes da zona, así como os prazos e as modalidades de execución, sen prexuízo da colaboración coas administracións públicas.

b) Os usos, costumes e actividades que poidan existir na zona e que se manifesten a través da provocación reiterada de lumes ou do uso neglixente do lume.

c) O establecemento e a dispoñibilidade de medios de vixilancia e extinción necesarios para dar cobertura a toda a superficie forestal da zona, coas previsións para o seu financiamento.

d) A regulación dos aproveitamentos e usos que poidan dar lugar a risco de lumes forestais.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 15 apartados 2 e 7 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado doce, apartado 6 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Artigo 16.-Planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

1. O planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais integrarase nos plans municipais de emerxencias, consonte o establecido na lexislación galega de emerxencias.

2. A estrutura dos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais será establecida por orde da consellaría con competencias en materia forestal, de acordo coas directrices que estableza a normativa aplicable en materia de emerxencias. En todo caso, incluirá a rede das pistas, vías, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias, así como a análise da propiedade destas redes de faixas. Poderán incluír ordenanzas de prevención de incendios concordantes co obxecto desta lei en solo urbano, núcleo rural e urbanizable delimitado situado a menos de 400 metros do monte.

3. A dirección xeral competente en materia forestal emitirá informe preceptivamente e con carácter vinculante sobre os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais antes da súa aprobación.

4. A coordinación e a xestión do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais compétenlles aos alcaldes ou alcaldesas. A elaboración, execución e actualización deste planeamento ten carácter obrigatorio.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 16 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trece.

Artigo 17.-Planeamento inframunicipal e particular de defensa contra os incendios forestais.

1. Todas as iniciativas particulares de prevención e defensa deben estar articuladas e encadradas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. Todos os instrumentos de xestión forestal deben explicitar non só accións de silvicultura de defensa dos montes contra os incendios forestais e das infraestruturas dos terreos forestais senón tamén a súa integración e compatibilización cos instrumentos de planeamento de nivel superior, en concreto os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

3. Os instrumentos de xestión forestal das zonas de ámbito inframunicipal ou particular deben ser presentados, para a súa aprobación, á consellaría competente en materia forestal no prazo de tres meses despois da súa redacción.

TÍTULO III Actuacións preventivas

Capítulo I Infraestruturas preventivas

Artigo 18.-Redes de defensa contra os incendios forestais do distrito forestal.

1. As redes de defensa contra os incendios forestais do distrito concretan territorialmente, e de forma coordinada, o conxunto de infraestruturas e equipamentos vinculados á defensa e loita contra os incendios forestais.

2. As redes de defensa contra os incendios forestais do distrito integran os seguintes compoñentes:

a) Redes de faixas de xestión de biomasa.

b) Rede viaria forestal.

c) Rede de puntos de auga.

d) Rede de vixilancia e detección de incendios forestais.

e) Outras infraestruturas de apoio á extinción».

3. A recollida, rexistro e actualización da base de datos das redes de defensa contra os incendios forestais do distrito deberá ser efectuada pola consellaría competente en materia forestal e integrada no sistema de información xeográfica descrito no artigo 4.2 desta lei.

4. A xestión das infraestruturas a que se refiren as alíneas c), d) e e) deste artigo que sexan titularidade da Comunidade Autónoma poderá ser cedida pola Xunta de Galicia ás entidades locais ou a outras entidades xestoras, consonte o previsto na lexislación patrimonial e no seu regulamento de execución.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 18 apartados 2 e 4 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado catorce.

Artigo 19.-Normalización das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos.

As normas técnicas e funcionais relativas á clasificación, construción, mantemento e sinalización de vías integrantes da rede viaria forestal, puntos de auga e demais infraestruturas forestais integrantes das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos serán desenvolvidas regulamentariamente por orde do conselleiro ou conselleira competente en materia forestal.

Artigo 20.- Redes de faixas de xestión de biomasa

1. A xestión da biomasa existente nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal é realizada a través de faixas, situadas en lugares estratéxicos, onde se procede á modificación ou á súa remoción total ou parcial, buscando a rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa presente.

2. As faixas de xestión de biomasa divídense en redes primarias, secundarias e terciarias.

3. As redes primarias de faixas de xestión de biomasa son infraestruturas lineais de prevención e defensa, e localízanse ao longo:

a) Da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais.

b) Das infraestruturas ferroviarias.

c) Das liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica e de gas natural.

4. As redes secundarias de faixas de xestión de biomasa teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais.

5. As redes terciarias de faixas de xestión de biomasa localízanse nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal e están vinculadas ás infraestruturas de uso público, así como ás seguintes infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais: camiños, vías, pistas forestais, devasas, faixas auxiliares de pista, áreas cortalumes e outras infraestruturas ou construcións relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais.

6. As especificacións técnicas en materia de defensa do monte contra os incendios forestais relativas a equipamentos forestais e ambientais e de uso social situados en terreos forestais serán definidas mediante orde conxunta das consellarías competentes en materia forestal e de conservación da natureza.

7. Sen prexuízo do disposto nos artigos seguintes, as especificacións técnicas relativas á construción e ao mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa desenvolveraas a consellaría competente en materia forestal.

8. Os proxectos de repoboación forestal deberán respectar as faixas de xestión de biomasa previstas neste artigo.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 20 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado quince.

Artigo 20 bis.- Redes primarias de faixas de xestión de biomasa.

Nos espazos definidos como redes primarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei:

a) Ao longo da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais, deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nos terreos incluídos na zona de dominio público. Ademais, nos ditos terreos non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.

b) Ao longo da rede ferroviaria, deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nos terreos incluídos na zona de dominio público. Nesta faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.

c) Nas liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, sen prexuízo do necesario respecto das especificacións da regulamentación electrotécnica sobre distancia mínima entre os condutores, as árbores e outra vexetación, deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde a proxección dos condutores eléctricos máis externos, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa sectorial vixente. Ademais, nunha faixa de 5 metros desde a estrema da infraestrutura non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.

A xestión da biomasa incluirá a retirada desta por parte da persoa responsable regulada no artigo 21 ter desta lei, sen prexuízo da facultade do propietario do terreo afectado de proceder á súa retirada. Para estes efectos, a persoa responsable deberá remitir ao taboleiro de edictos do concello un anuncio, con quince días de antelación ás operacións de xestión da biomasa, para os efectos de que os propietarios dos terreos poidan executalas previamente, no caso de estaren interesados. Transcorrido o dito prazo, a persoa responsable estará obrigada á realización da xestión da biomasa.

d) Nas conducións de transporte do gas natural deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 1 metro e medio a cada lado do seu eixe.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo engadido:Artigo 20 bis engadido por disposición derradeira primeira apartado dezaseis.

Capítulo II Defensa de persoas e bens

Artigo 21.- Redes secundarias de faixas de xestión de biomasa.

1. Nos espazos previamente definidos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei, xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte, de acordo cos criterios para a xestión de biomasa estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento. Ademais, nos primeiros 30 metros non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei. As distancias mediranse desde o límite do solo urbano ou núcleo rural, de ser o caso. As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanizacións mediranse desde o seu paramento. No caso de depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, mediranse desde o límite das instalacións.

2. No caso de cámpings, gasolineiras e industrias en que se desenvolvan actividades perigosas consonte o establecido na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, as distancias para as especies sinaladas na disposición adicional terceira serán de 50 metros, desde o límite das instalacións. No caso dos cámpings, esta distancia medirase desde o peche perimetral.

3. A xestión da biomasa e a retirada de especies da disposición adicional terceira nas faixas de protección a que se refire este artigo, nas edificacións e nas instalacións construídas sen licenza municipal ou incumprindo os termos do proxecto que obtiver licenza darán dereito a unha indemnización polos danos e perdas que poida ocasionar, así como ao lucro cesante, a cargo das persoas propietarias dos terreos edificados e a favor do propietario das especies afectadas.

Así mesmo, a xestión da biomasa será realizada pola persoa propietaria dos terreos edificados, para o cal dispoñerá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida. Este acceso farase durante o tempo estritamente necesario para o labor de xestión da biomasa, e polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para o beneficiario.

A retirada de especies arbóreas será realizada polo seu propietario.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 21 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado dezasete.

Artigo 21 bis.- Redes terciarias de faixas de xestión de biomasa.

Nos espazos previamente definidos como redes terciarias de faixas de xestión de biomasa nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito, que en todo caso se actualizarán incluíndo as infraestruturas preventivas recollidas nos proxectos de ordenación ou de xestión forestal no ámbito do correspondente distrito, será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei:

a) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade da superficie das infraestruturas de uso público ou áreas recreativas, así como nunha franxa perimetral de 50 metros.

b) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade das parcelas que se atopen dentro dunha franxa circundante de 50 metros arredor de zonas forestais de alto valor, especificamente declaradas por orde da consellaría competente en materia forestal, consonte o previsto nos criterios para a xestión de biomasa definidos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

c) Nas vías e nos camiños forestais, a xestión da biomasa vexetal farase, no estrato arbustivo e subarbustivo, na plataforma de rodadura do camiño e nos 2 metros desde a aresta exterior da vía ou do camiño.

d) No resto de infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais (devasas, faixas auxiliares de pista, rozas, áreas cortalumes e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios forestais), a xestión da biomasa vexetal farase de acordo co planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais dos distritos e deberán recollerse nos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo engadido:Artigo 21 bis engadido por disposición derradeira primeira apartado dezaoito.

Artigo 21 ter.- Persoas responsables.

1. Para os efectos do establecido nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, entenderase por persoas responsables as persoas titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos forestais e os terreos situados nas zonas de influencia forestal en que teñan os seus dereitos para os supostos dos artigos 21 e 21 bis, así como as administracións, as entidades ou as sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das formas previstas legalmente, das vías de comunicación e das liñas de transporte de enerxía eléctrica para os supostos referidos no artigo 20 bis e na alínea b) do artigo 21 bis, se é o caso.

2. En solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, aplicaranse subsidiariamente os criterios establecidos nos artigos 20 bis, 21, 21 ter, 22 e 23, agás aprobación específica de ordenanza municipal ou na falta dela, que poderá elaborarse de conformidade co artigo 16 desta lei.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo engadido:Artigo 21 ter engadido por disposición derradeira primeira apartado dezanove.

Artigo 22.- Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas.

1. As persoas físicas ou xurídicas responsables, segundo o disposto no artigo 21 ter, procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa antes do 30 de xuño de cada ano e consonte os criterios establecidos por orde da consellaría competente en materia forestal.

2. No suposto de incumprimento do disposto no número anterior, os entes locais, no caso do artigo 21 e nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, así como a consellaría competente en materia forestal nos restantes casos, poderán notificar, de oficio ou por instancia de parte, ás persoas responsables a súa obriga de xestión da biomasa vexetal, advertíndoas da posibilidade de execución subsidiaria no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda e da aplicación de multas coercitivas, se é o caso.

3. Se no prazo máximo de quince días naturais os citados titulares non acometen a xestión da biomasa, as citadas administracións públicas, consonte as atribucións competenciais definidas con anterioridade, poderán proceder á execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa, repercutíndolles os custos ás persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter.

4. No caso de execución subsidiaria, as persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter están obrigadas a facilitarlles os necesarios accesos ás entidades responsables dos traballos de xestión da biomasa, que non requirirán de ningunha autorización para a execución subsidiaria da xestión da biomasa nas redes de faixas de xestión.

5. Malia o anterior, a consellaría competente en materia forestal poderá proceder á execución directa de traballos preventivos nas redes de faixas de xestión de biomasa establecidas nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, sen necesidade de requirimento previo, cando se declare un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas ou os bens.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 22 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado vinte.

Artigo 23.- Novas edificacións en terreos forestais e en zonas de influencia forestal e medidas de prevención de incendios forestais nas novas urbanizacións.

1. Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán ter en conta a avaliación de risco de incendio forestal, no que respecta á zonificación do territorio e ás zonas de alto risco de incendio que constan nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. As novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos resultantes da execución de plans de ordenación urbanística que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, e que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que resulten estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, terán que cumprir coas seguintes medidas de prevención:

b) Nas zonas de alto risco de incendio, será necesario adoptar medidas especiais de autoprotección pasiva da edificación ou da instalación fronte a posibles fontes de ignición procedente de incendios forestais.

c) No caso de urbanizacións e edificacións para uso industrial deberán dispoñer de xeito perimetral dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios ou, na súa falta, de tomas de auga, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

d) Presentar ante a Administración municipal un proxecto técnico de prevención e defensa contra incendios forestais que garanta o cumprimento do que establece esta lei e a normativa que a desenvolva, así como o cumprimento do plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, se é o caso.

3. A partir da faixa perimetral de 30 metros indicada na alínea a) do punto anterior, establécese unha franxa perimetral de 20 metros de largo na cal os propietarios dos terreos serán responsables da realización das medidas de xestión da biomasa.

4. No caso de incumprimento da xestión da biomasa vexetal, corresponderalle ao concello a súa realización, acudindo á execución subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22 desta lei, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 23 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado vinte e un.

Capítulo III Silvicultura preventiva

Artigo 24.- Silvicultura preventiva.

1. A silvicultura preventiva recolle o conxunto de accións no ámbito da defensa dos montes contra incendios forestais e engloba as medidas aplicadas ás masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, no nivel da composición específica e do seu arranxo estrutural, cos obxectivos de diminuír o perigo de incendio forestal e de garantir a máxima resistencia do territorio á propagación do lume.

2. Os instrumentos de ordenación ou xestión forestal deben explicitar as medidas de silvicultura e da rede de infraestruturas de terreos forestais que garantan a descontinuidade horizontal e vertical da biomasa forestal, no ámbito das orientacións do planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

3. Regulamentariamente desenvolveranse os criterios para a ordenación preventiva do territorio forestal e a súa aplicación nos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 24 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado vinte e dous.

Artigo 24 bis.- Depósitos de subprodutos forestais.

1. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, só será permitido o amoreamento en cargadoiro de subprodutos resultantes de corta ou extracción forestal tales como a biomasa forestal residual, estelas e cortiza, sempre que sexa salvagardada unha área sen vexetación cun mínimo de 10 metros arredor.

2. Os depósitos temporais de madeira en rolo quedan expresamente excluídos da aplicación deste artigo.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo engadido:Artigo 24 bis engadido por disposición derradeira primeira apartado vinte e tres.

Capítulo IV Ordenación preventiva do terreo forestal

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Artigo 25 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Artigo 26 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Artigo 27 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Artigo 28 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Capítulo V Reorganización preventiva do terreo forestal

Artigo 29.-Reorganización da propiedade forestal e fomento das agrupacións de propietarios forestais.

Co obxecto de garantir a defensa contra os incendios forestais e de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo, promoverase a reorganización da propiedade forestal e a posta en marcha de agrupacións de propietarios forestais.

Lei 15/2010, do 28 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 29 nova redacción por artigo 14.

Lei 15/2010, do 28 de decembro.

Artigo derrogado:Artigo 30 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

TÍTULO IV Condicións de acceso, circulación e permanencia en zonas forestais

Artigo 31.- Limitacións de acceso, circulación e permanencia por razóns de risco de incendios

1. Durante a época de perigo alto de incendios forestais, definida no artigo 9 desta lei, queda condicionado o acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos forestais incluídos:

a) Nas zonas de alto risco de incendio referidas no artigo 11.

b) Nas áreas baixo xestión da Xunta de Galicia sinalizadas para tal fin.

c) Nas áreas onde exista sinalización correspondente á limitación de actividades.

d) As condicións de limitación de acceso e as sinalizacións correspondentes incluídas neste punto para áreas non incluídas en zonas de alto risco desenvolveranse por orde da consellaría competente en materia forestal.

2. O acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos e condicións establecidas no punto anterior quedan condicionados nos seguintes termos:

a) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo, non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas no número anterior, así como nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan.

b) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa alto, non estará permitido, no interior das áreas referidas no número anterior, executar traballos que supoñan a utilización de maquinaria sen os dispositivos previstos no artigo 39.

c) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa moderado e alto, todas as persoas que circulen no interior das áreas referidas no número 1 e nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan ou delimitan están obrigadas a identificarse perante os membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, axentes forestais e axentes facultativos medioambientais.

3. Fóra da época de perigo alto, e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas no número 1, así como nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan.

4. Fóra da época de perigo alto, e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moderado e alto, a circulación de persoas no interior das áreas referidas no número 1 queda suxeita ás medidas referidas na alínea c) do punto 2 deste artigo.

5. Nas áreas a que se refire a alínea b) do número 1 deste artigo o acceso queda condicionado, ademais, ao sinalado pola consellaría competente en materia de conservación da natureza cando afecte espazos naturais protexidos.

6. O incumprimento das condicións establecidas neste artigo será sancionado consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 31 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado vinte e catro.

Artigo 32.- Excepcións.

1. Constitúen excepcións ás medidas referidas nas alíneas a) e b) do número 2 e no número 3 do artigo 31:

a) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de persoas residentes, propietarias e produtoras forestais e persoas que alí exerzan a súa actividade profesional.

b) A circulación de persoas no interior das referidas áreas sen outra alternativa de acceso ás súas residencias e locais de traballo.

c) O acceso e a permanencia nas áreas recreativas cando estean debidamente equipadas, nos termos da lexislación aplicable.

d) A circulación en autovías e autoestradas, itinerarios principais, itinerarios complementarios e estradas da rede estatal e autonómica.

e) A circulación en estradas de titularidade local para as cales non exista outra alternativa de circulación con equivalente percorrido.

f) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de autoridades e persoal dependente das administracións con competencias en materia forestal, de axentes das forzas e corpos de seguridade das distintas administracións e de autoridades, forzas armadas e persoal de protección civil e emerxencias no exercicio das súas competencias.

g) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de persoal militar en misión intrinsecamente militar.

h) O acceso, a circulación e a permanencia nos predios rústicos de réxime cinexético especial para aqueles cazadores socios das súas sociedades xestoras que participen en actividades cinexéticas autorizadas.

i) O acceso e a permanencia de persoas debidamente acreditadas que desenvolvan ou participen en actividades recreativas, deportivas ou turísticas expresamente autorizadas pola consellaría competente en materia forestal.

2. O disposto no artigo 31 non se aplica, en ningún caso:

a) Ás áreas urbanas e ás áreas industriais.

b) Aos accesos habilitados para tal efecto ás praias fluviais e marítimas.

c) Aos medios de prevención, vixilancia, detección e extinción dos incendios forestais.

d) Á execución de obras de interese público, con tal recoñecemento, baixo a responsabilidade do seu adxudicatario.

e) Á circulación de vehículos prioritarios cando estean en marcha de urxencia.

f) Ás áreas baixo xurisdición militar.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 32 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado vinte e cinco.

TÍTULO V Uso do lume

Artigo 33.- Uso do lume.

Como medida preventiva, prohíbese o uso do lume nos terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal definidas no artigo 2 desta lei, agás para as actividades e nas condicións, períodos ou zonas autorizadas pola consellaría competente en materia forestal nos termos desta lei e do que estableza a súa normativa de desenvolvemento.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 33 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado vinte e seis.

Artigo 34.- Comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais.

1. A queima de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas e naqueles terreos situados nas zonas de influencia forestal será comunicada previamente, con carácter obrigatorio, á consellaría competente en materia forestal, nos termos que se fixen regulamentariamente. Queda prohibida a queima de restos agrícolas e de actividades de xardinaría en terreos forestais.

2. A queima de restos forestais amoreados en terreos agrícolas, forestais ou naqueles situados nas zonas de influencia forestal deberá contar con autorización preceptiva da consellaría competente en materia forestal, nos termos que se fixen regulamentariamente. En todo caso, para a concesión da autorización de queima de restos forestais teranse en conta os riscos e a superficie que se solicita queimar.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 34 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado vinte e sete.

Artigo 35.-Autorización de queimas controladas.

1. No caso en que sexa preciso, por razóns de idoneidade técnica, realizar o control da biomasa forestal por medio de queimas controladas, será precisa a autorización da consellaría competente en materia forestal, para o que se terán en conta os riscos derivados da vulnerabilidade do terreo en relación coa erosión, pendente e superficie que se vai queimar.

2. A realización de queimas controladas en terreos agrícolas e forestais e en zonas de influencia forestal só será permitida, nos termos que se establezan regulamentariamente, despois da súa autorización expresa e coa presenza de persoal técnico autorizado para a xestión de queimas controladas e con equipos de extinción de incendios. As autorizacións a que se refire este punto serán outorgadas pola consellaría competente en materia forestal.

3. Sen acompañamento técnico adecuado, a queima controlada será considerada como lume intencionado, para os efectos da graduación da sanción que poida corresponder.

4. A realización de queimas controladas só estará permitida fóra da época de perigo alto e cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo ou moderado.

5. As queimas controladas só poderán ser realizadas de acordo coas normas técnicas e funcionais que se definirán regulamentariamente por orde da consellaría competente en materia forestal.

6. Así mesmo, no caso de que as queimas controladas se desenvolvan en terreos cualificados como espazos naturais protexidos, segundo a normativa sectorial de aplicación, será necesario o informe previo da consellaría competente en materia de conservación da natureza.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 35 apartados 2 e 4 nova redacción e apartado 6 engadido por disposición derradeira primeira apartado vinte e oito.

Artigo 36.-Outros usos do lume.

1. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, queda prohibido:

a) Realizar fogueiras para recreo ou ocio e para a preparación de alimentos, así como utilizar equipamentos de queima e de combustión destinados á iluminación ou á elaboración de alimentos

b) Queimar matogueiras cortadas e amontoadas e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible.

2. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, manteranse as restricións referidas no número anterior.

3. Exceptúase do disposto na alínea a) do número 1 e no número anterior a preparación de alimentos en espazos non incluídos en zonas de alto risco de incendio sempre que sexa realizada nas áreas expresamente previstas para o efecto, como son as áreas recreativas e outras cando estean debidamente identificadas e conten con infraestruturas adecuadas para tal fin

4. Excepcionalmente, a consellaría con competencias en materia forestal poderá autorizar áreas recreativas incluídas en zonas de alto risco de incendio nas cales se poidan preparar alimentos, sempre que conten cos requisitos, instalacións e equipamentos específicos que se sinalen regulamentariamente.

5. Exceptúase así mesmo do disposto na alínea a) do número 1 e no número anterior o uso de lume nas festas locais ou de arraigada tradición popular, que requirirá autorización previa do concello, na cal figurarán, en todo caso, as medidas de seguridade e prevención de incendios forestais.

6. Exceptúase do disposto na alínea b) do número 1 e no número 2 a queima de restos de explotación debida a exixencias fitosanitarias de carácter obrigatorio e así veña determinado polas autoridades competentes, a cal deberá ser realizada coa presenza dunha unidade dalgún equipo de bombeiros das entidades locais ou dun equipo autorizado pola Xunta de Galicia.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 36 apartados 1.a), 2, 3, 4 e 5 nova redacción e apartado 6 nova numeración por disposición derradeira primeira apartado vinte e nove.

Artigo 37.-Foguetes e outras formas de lume.

1. En todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, os artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e doutros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, están suxeitos á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. O concello comunicará as autorizacións ao distrito forestal correspondente ao seu ámbito territorial con corenta e oito horas de antelación como mínimo.

No caso de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, o concello non poderá autorizar a utilización de artefactos que leven aparellado o uso do lume, fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos. Nos casos de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o día da celebración, entenderanse revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.

Os lanzamentos de fogos de artificio ou artefactos pirotécnicos nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal só poderán ser realizados por persoal autorizado das empresas que figuren no rexistro sectorial desta actividade. Os fogos de artificio e artefactos pirotécnicos deberán empregar materiais ignífugos, ou ben ignifugados.

A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houber lugar no caso de que concorra neglixencia ou imprudencia.

2. Durante a época de perigo alto, as accións de fumigación ou desinfección en panais de abellas non están permitidas, agás no caso de os fumigadores estaren equipados con dispositivos de retención de chispas.

3. Nos terreos forestais, durante a época de perigo alto, non está permitido fumar ou facer lume de calquera tipo no seu interior ou nas vías que os delimitan ou os atravesan.

4. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de nivel extremo, mantéñense as restricións referidas no número 1 deste artigo.

5. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis alto, moi alto e extremo, mantéñense as restricións referidas nos números 2 e 3 deste artigo.

6. A consellaría competente en materia forestal poderá prohibir todos os usos de foguetes e outras formas de lume se as circunstancias de perigo de incendio así o aconsellan e mentres estas persistan.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 37 apartados 1, 4 e 5 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta.

Artigo 38.-Limitacións á utilización de explosivos.

O uso, transporte e almacenamento de explosivos para aperturas de estradas, traballos de canteiras, prospeccións mineiras e outras actividades que inclúan o uso dos citados materiais en terreos forestais deberá realizarse segundo as súas normas de seguranza, elaborando un plan de medidas de seguranza e prevención que será remitido para o seu coñecemento á consellaría con competencia en materia forestal.

Artigo 39.-Maquinaria e equipamento.

1. Durante a época de perigo alto, nos traballos e outras actividades que se leven a cabo en todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal é obrigatorio:

a) Que todo tipo de tractores, máquinas e vehículos de transporte pesados sexan dotados de dispositivos de retención de chispas e de dispositivos antilapas nos tubos de escape.

b) Que os tractores, máquinas e vehículos de transporte pesados que se van utilizar estean provistos de equipamento para a extinción de incendios nos termos que se establezan regulamentariamente.

2. O uso doutra maquinaria non forestal nin agrícola con ferramentas que poidan producir chispas ou soldaduras de calquera tipo precisará da correspondente autorización nos termos que se establezan.

TÍTULO VI Aproveitamentos no monte

Capítulo I Cambios de actividade en terreos queimados

Artigo 40.- Cambios de actividade de forestal a agrícola.

1. Con carácter xeral, o cambio de actividade de forestal a agrícola rexerase polo disposto na Lei de montes de Galicia.

2. No caso de que se produza un incendio forestal, non se autorizará o cambio de actividade de forestal a agrícola ou pasteiro desde a data en que se produza o incendio forestal ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos deste. Soamente de forma excepcional, e atendendo as circunstancias especiais que se determinen regulamentariamente, nos termos previstos no artigo 50.1 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, poderá autorizarse o dito cambio de actividade.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 40 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta e dous.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Artigo 41 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d).

Capítulo II Actividades en terreos queimados

Artigo 42.- Aproveitamento de madeira queimada.

Os aproveitamentos de madeira queimada, con independencia da especie forestal, requirirán a autorización previa do órgano inferior competente por razón do territorio da consellaría competente en materia forestal. Desenvolveranse regulamentariamente as condicións para a autorización do aproveitamento da madeira queimada por incendios forestais.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 42 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta e tres.

Artigo 43.- Limitacións ao pastoreo.

1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo contado desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos deste e ata que as adecuadas condicións de restauración da masa arborada, se é o caso, o permitan. Neste caso, precisarase de autorización administrativa, nos termos que se establezan para o efecto.

2. Regulamentariamente poderán preverse excepcións á prohibición establecida no punto anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal, agás que se trate de superficies arboradas queimadas, ou superficies de parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco onde, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 43 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta e catro.

Artigo 44.- Limitacións á actividade cinexética.

1. Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período contado desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran tres anos deste, agás autorización expresa do órgano competente en materia cinexética, logo do informe favorable da consellaría competente en materia forestal.

2. A falta desta autorización, ou a realización da actividade en condicións distintas ás autorizadas, sancionarase consonte o disposto na lexislación galega en materia cinexética.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 44 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta e cinco.

Capítulo III Vixilancia e detección de incendios forestais

Artigo 45.-Vixilancia e detección.

1. A vixilancia dos terreos forestais e zonas de influencia forestal contribúe á redución do número de incendios forestais, identificando potenciais axentes causantes e disuadindo comportamentos que propicien a existencia de incendios forestais.

2. A detección ten como obxectivo a identificación inmediata e a localización precisa dos incendios forestais e a súa comunicación rápida ás entidades responsables da extinción.

3. A vixilancia e detección de incendios forestais pode ser realizada por:

a) Calquera persoa que detecte un incendio forestal, que está obrigada a alertar de inmediato as entidades competentes.

b) A rede de puntos de vixilancia, dependente dos servizos de defensa contra incendios forestais, que asegura en todo o territorio de Galicia as funcións de detección fixa de incendios forestais.

c) A rede de vixilancia móbil, dependente dos servizos de defensa contra incendios forestais.

d) Medios aéreos.

e) Medios das distintas administracións públicas que se establezan a través dos instrumentos de colaboración e cooperación institucional, as agrupacións de defensa contra incendios e o voluntariado social.

Artigo 46.-Sistemas de detección.

1. A rede de puntos de vixilancia está constituída por postos de vixía instalados en edificacións ou instalacións previamente aprobadas pola consellaría competente en materia forestal.

2. A cobertura de detección da rede de puntos de vixilancia pode ser complementada con medios de detección móbiles.

3. A coordinación da rede de puntos de vixilancia correspóndelle á consellaría competente en materia forestal, que establecerá as orientacións técnicas e funcionais para a súa ampliación, redimensionamento e funcionamento.

4. Os postos de vixilancia instalaranse segundo criterios de prioridade fundados no grao de risco de incendio forestal, valor do patrimonio que hai que defender e visibilidade, e serán dotados do equipamento tecnolóxico adecuado ás súas funcións.

5. A instalación de calquera equipamento de comunicación radioeléctrica que poida interferir na calidade das comunicacións da rede de radio dos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais requirirá de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal.

6. Calquera plantación que se realice no espazo de 50 metros arredor dun posto de vixía requirirá igualmente de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 46 apartados 4 e 5 nova redacción e apartado 6 engadido por disposición derradeira primeira apartado trinta e seis.

Artigo 47.-Sistemas de vixilancia móbil.

1. Os sistemas de vixilancia móbil comprenden as patrullas de vixilancia que a Xunta de Galicia constitúa e outros grupos que para o efecto veñan ser recoñecidos pola consellaría competente en materia forestal.

2. Os sistemas de vixilancia móbil teñen, en concreto, por obxectivos:

a) Aumentar o efecto de disuasión.

b) Identificar os axentes causantes ou supostos de incendios forestais, poñéndoos en coñecemento das autoridades competentes.

c) Detectar incendios forestais en zonas sombra dos postos de vixía.

d) Realizar accións de primeira intervención en lumes incipientes.

3. É competencia da consellaría competente en materia forestal a coordinación das accións de vixilancia levadas a cabo polas diversas entidades ou grupos.

Capítulo IV Extinción e investigación de incendios forestais

Artigo 48.- Extinción, remate, vixilancia e investigación de incendios forestais.

1. Toda persoa que observe a existencia ou o comezo dun incendio está obrigada a comunicárllelo aos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais, ás forzas e corpos de seguridade do Estado ou aos servizos de protección civil da forma máis rápida posible e, se é o caso, a colaborar, dentro das súas posibilidades, á extinción do incendio

2. A dirección técnica de extinción será realizada por persoal técnico dependente da consellaría competente en materia forestal. As operacións de extinción dos incendios forestais serán realizadas polo persoal pertencente ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, polo persoal dependente dos servizos de protección civil e por profesionais habilitados para o efecto pola consellaría competente en materia forestal.

3. O sistema de extinción de incendios forestais basearase nunha estrutura de base territorial, profesionalizada e integrada, baixo o mando único da administración competente en materia forestal, a través dos órganos que se especifiquen no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).

4. Poden participar nas operacións de extinción e de remate de incendios forestais, baixo o mando único operativo dependente da consellaría competente en materia forestal:

a) Os vixilantes da natureza das áreas protexidas, as brigadas de comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común e de entidades locais e outros grupos que sexan recoñecidos pola consellaría competente en materia forestal.

b) Os efectivos dos distintos corpos de bombeiros pertencentes ás entidades, mancomunidades, agrupacións de defensa contra incendios forestais e consorcios locais.

c) As persoas propietarias e titulares de dereitos reais e persoais dos terreos forestais cos medios materiais de que dispoñan ou que poidan serlles postos á disposición polos servizos de extinción de incendios baixo as ordes e directrices da administración competente.

d) O persoal dependente dos servizos de protección civil, dos grupos locais de pronto auxilio e doutros vinculados a protección civil.

5. A participación dos medios referidos no número anterior concretarase a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

6. En situacións de emerxencia, cando para a extinción dun incendio forestal for preciso, a persoa directora ou responsable técnica das tarefas de extinción poderá mobilizar os medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións. Así mesmo, poderá dispoñer, cando sexa necesario e aínda que non se poida contar coa autorización das persoas titulares respectivas, a entrada de equipos e medios en predios forestais, agrícolas ou gandeiros, a circulación por camiños privados, a apertura de brechas en muros ou cercas, a utilización de augas, a apertura de devasas de urxencia e a queima anticipada mediante contralume nas zonas que se considere, dentro dunha normal previsión, que poden ser consumidas polo incendio.

7. Así mesmo, a administración competente poderá proceder á execución directa de traballos preventivos, sen necesidade de requirimento previo, cando se declarase un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas e os bens.

8. Despois do remate dun incendio forestal procederase, en función dos medios dispoñibles, á investigación de causas co obxecto de establecer as circunstancias en que se produciu e identificar e sancionar a persoa responsable da súa autoría. A investigación debe servir tamén para establecer as medidas preventivas para evitar os incendios. Esta investigación será realizada polos axentes forestais especializados ou polas brigadas de investigación de incendios forestais seguindo os protocolos oficiais e procedementos técnicos establecidos.

9. A inclusión no rexistro cartográfico e informático de superficies queimadas, recollido no artigo 4.2 desta lei, terá efectos de recoñecemento oficial do incendio.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Título do artigo 48 e apartados 1, 2, 3, 6 e 8 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta e sete; apartados 4.d) e 9 engadidos por disposición derradeira primeira apartado trinta e sete.

Artigo 49.-Mantemento e restauración dos terreos incendiados.

1. Anualmente, unha vez rematada a época de perigo alto de incendios forestais, a Administración autonómica galega promoverá a elaboración dun mapa de riscos, asociados aos incendios forestais do último período, no que se concretarán as zonas sensibles á erosión, a afección sobre os cursos e recursos hídricos, forestais e pesqueiros e as infraestruturas.

Así mesmo promoverá a adopción de medidas urxentes e de colaboración cos afectados polos incendios forestais para levar a cabo nas zonas de actuación prioritaria e que serán acometidas polos diferentes departamentos ou consellarías competentes na respectiva materia sectorial. Estas medidas urxentes poderán consistir en actuacións para a conservación dos ecosistemas naturais, dos recursos forestais, hídricos e do solo e en medidas destinadas á rexeneración dos terreos, establecendo limitacións ou prohibicións daquelas actividades que sexan incompatibles coa rexeneración da cuberta vexetal.

2. Este mapa de riscos será elaborado por unha comisión de carácter interdepartamental, na que estarán representadas as diferentes consellarías con competencias nos sectores afectados polos incendios forestais. A súa creación, composición e réxime xurídico determinarase regulamentariamente.

3. O Consello da Xunta de Galicia poderá declarar de utilidade pública as ocupacións de infraestruturas ou bens privados que sexan necesarios para a execución das obras de restauración e rexeneración dos terreos queimados, así como para a realización de calquera actuación destinada á protección hidrolóxica para os efectos do previsto na lexislación sobre expropiación forzosa.

TÍTULO VII Réxime sancionador

Capítulo I Infraccións e sancións

Artigo 50.-Infraccións en materia de incendios forestais.

1. Os incumprimentos do disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento serán sancionados consonte o previsto no título VII da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo das peculiaridades que se contemplan neste título.

2. Ademais das tipificadas no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, constitúen infraccións en materia de incendios forestais:

1) O incumprimento da obriga de xestionar a biomasa consonte o previsto nalgún dos artigos 20 bis, 21, 21 bis, 21 ter, 22 e 23 ou na disposición transitoria terceira desta lei.

2) O incumprimento do procedemento de xestión de biomasa establecido no artigo 22 desta lei, así como o incumprimento dos criterios de xestión de biomasa que se establezan por orde da consellaría competente en materia forestal.

3) O incumprimento das medidas de prevención para as novas edificacións en zonas forestais e de influencia forestal, nos termos do artigo 23.2.

4) A execución de medidas de silvicultura preventiva vulnerando o disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

7) O depósito de produtos forestais e produtos inflamables en condicións distintas das previstas no artigo 24 bis desta lei.

8) O emprego de maquinaria e equipamento incumprindo as condicións establecidas no artigo 39.

9) O cambio de actividade sen obter a autorización prevista no artigo 40 ou en condicións distintas ás autorizadas.

10) A práctica do pastoreo nos terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais vulnerando o disposto no artigo 43 desta lei ou incumprindo a autorización prevista nel.

11) O aproveitamento de madeira queimada sen contar coa autorización, ou en condicións distintas ás autorizadas.

12) Repoboacións realizadas a menos de 50 metros arredor dun posto de vixía sen informe favorable da consellaría competente en materia forestal.

13) Acampadas fóra das zonas delimitadas para tal fin.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 50 apartado 2.1), 2.3), 2.4), 2.7), 2.9) e 2.10) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta e oito; apartados 2.5) e 2.6) derrogados por disposición derrogatoria única apartado 1.d).;e apartados 2.12) e 2.13) engadidos por disposición derradeira primeira apartado trinta e oito.

Artigo 51.-Cualificación das infraccións.

As infraccións en materia de incendios forestais tipificadas no artigo anterior e no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, cualificaranse como moi graves, graves e leves consonte os criterios previstos no artigo 68 da devandita lei, e ademais os seguintes:

1. Infraccións moi graves:

a) As condutas constitutivas de infracción en materia de incendios forestais cando afecten unha superficie superior a 25 hectáreas arboradas ou máis de 50 hectáreas de matogueira ou matogueira mesturada con arborada.

b) A conduta tipificada no número 2.8 do artigo 50 desta lei cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo.

c) A realización, en época de perigo alto de incendios forestais, de queimas sen a autorización referida nos artigos 34.2 e 35 desta lei en relación coa alínea d) do artigo 67 da Lei 43/2003.

d) A comisión dunha terceira infracción de carácter grave no prazo de dous anos, sempre que, respecto das dúas anteriores, a resolución sancionadora fose firme en vía administrativa. O prazo comezará a contar desde o día en que a primeira resolución sexa firme nesta vía.

2. Infraccións graves:

a) As condutas constitutivas de infracción en materia de incendios forestais cando afecten superficies de 1 a 25 hectáreas arboradas, de 2 a 50 hectáreas de matogueira ou matogueira mesturada con arborada ou máis de 100 hectáreas de terreos dedicados a pastos.

b) As condutas tipificadas no número 2.8 do artigo 50 desta lei, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto.

c) As condutas tipificadas no artigo 50.2.3.

d) A conduta tipificada no número 2.7 do artigo 50.

e) A conduta descrita no número 2.4 do artigo 50, cando as medidas de silvicultura se realicen en terreos incluídos nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa.

f) A conduta prevista na alínea o) do artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

g) A comisión dunha terceira infracción de carácter leve no prazo de dous anos, sempre que, respecto das dúas anteriores, a resolución sancionadora fose firme en vía administrativa. O prazo comezará a contar desde o día en que a primeira resolución sexa firme nesta vía.

h) A conduta tipificada na alínea k) do artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo.

3. Infraccións leves:

a) Constitúen infracción leve as condutas constitutivas de infracción en materia de incendios forestais cando non deban cualificarse como graves ou moi graves.

b) Así mesmo, constitúe infracción leve calquera outro incumprimento total ou parcial doutras obrigas ou prohibicións establecidas nesta lei, na súa normativa de desenvolvemento regulamentario ou na normativa estatal en materia de incendios.

4. Cando na comisión dunha infracción en materia de incendios forestais concorran varios criterios dos especificados nesta lei e na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, para a súa cualificación atenderase ao que resulte de maior gravidade.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 51 apartado 1.b) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado trinta e nove; apartados 2.b), 2.d), 2.e) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado corenta; e apartado 2.h) engadido por disposición derradeira primeira apartado corenta

Artigo 52.-Criterios para a graduación das sancións.

1. Para a determinación concreta da sanción que se impoña, entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomaranse en consideración, ademais dos criterios establecidos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, os seguintes, que deberán ser debidamente motivados na instrución do expediente sancionador:

a) A superficie afectada e o valor atribuído a cada tipo de cobertura vexetal.

b) A adopción inmediata e eficaz de medidas tendentes a diminuír o dano ou o prexuízo ocasionado.

c) A falta de acompañamento técnico adecuado na realización de queimas controladas, consonte o previsto no artigo 35.3 desta lei.

d) A diferente consideración da época de perigo, zonas de risco e índice de risco diario de incendio forestal, na data da comisión da infracción, segundo o disposto nos artigos 9, 10 e 11 desta lei.

e) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.

f) A intencionalidade.

g) A situación de risco xerado para as persoas ou os bens.

h) O ánimo de lucro.

i) Os prexuízos causados e a irreversibilidade destes.

j) A transcendencia social, medioambiental ou paisaxística.

k) A agrupación ou a organización para cometer a infracción.

l) Que a infracción sexa cometida en zona queimada ou declarada como de especial risco de incendios.

m) A reincidencia na comisión dunha infracción das recollidas nesta lei no último ano. O prazo comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución na vía administrativa.

2. En todo caso, poderá reducirse a sanción ou a contía da sanción, a xuízo do órgano competente para resolver segundo o tipo de infracción de que se trate, atendendo as circunstancias específicas do caso, entre elas o recoñecemento e a emenda da conduta infractora e a reparación dos danos causados no prazo que se sinale no correspondente requirimento efectuado ben polo axente denunciante, polo órgano competente para a incoación do expediente sancionador ou polo órgano competente para a súa resolución, ou cando a sanción resulte excesivamente onerosa.

3. Os criterios de graduación recollidos na alínea 2 non poderán utilizarse para agravar a infracción cando estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio ilícito administrativo.

4. A proposta de resolución do expediente e a resolución administrativa que recaia deberá explicitar os criterios de graduación da sanción tidos en conta. Cando non se considere relevante para estes efectos ningunha das circunstancias enumeradas, a sanción impoñerase na contía mínima prevista para cada tipo de infracción, sen prexuízo do disposto na alínea 2.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 52 apartado 1 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado corenta e un.

Artigo 53.-Sancións accesorias.

1. O órgano competente para resolver poderá impoñer acumulativamente as seguintes sancións accesorias no ámbito das actividades e proxectos forestais:

a) Privación do dereito a subvencións ou a outros beneficios outorgados polas administracións públicas, polos seus organismos autónomos e polas entidades de dereito público relacionadas coa actividade forestal.

b) Suspensión de autorizacións e permisos a que se refire esta lei.

2. As sancións referidas no número anterior teñen a duración máxima de dous anos contados a partir da firmeza, sexa en vía administrativa ou en vía contencioso-administrativa, da resolución sancionadora.

3. Para os efectos do disposto na alínea 1, a consellaría competente en materia forestal comunicaralles, no prazo de cinco días a partir da firmeza da resolución, a todas as entidades públicas responsables da concesión de subvencións e outros beneficios a aplicación desta sanción accesoria.

Artigo 53 bis.- Multas coercitivas e execución subsidiaria.

1. Se os infractores non proceden á reparación ou á indemnización, de acordo co establecido nesta lei, e logo de transcorrido o prazo sinalado no requirimento correspondente, a persoa instrutora do procedemento ou o órgano encargado da resolución poderá acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.

2. As multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e a contía de cada unha das ditas multas non superará o 20 % da multa fixada pola infracción cometida.

3. A execución subsidiaria da reparación ordenada será á custa do infractor.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo engadido:Artigo 53 bis engadido por disposición derradeira primeira apartado corenta e dous.

Capítulo II Procedemento sancionador

Artigo 54.- Competencia sancionadora.

1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular da xefatura territorial da consellaría con competencias en materia forestal por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.

2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellaría con competencia en materia forestal:

a) A persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) O órgano competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellaría que teña asignada a competencia en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en terreos urbanos, de núcleo rural e urbanizables delimitados será competencia da respectiva administración local. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves e graves corresponderalle á persoa titular da alcaldía e a dos expedientes pola comisión de infraccións moi graves ao pleno do concello, de conformidade co establecido no artigo 21 ter.2 desta lei.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 54 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado corenta e tres.

Artigo 55. Prazo de resolución.

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de nove meses, contados desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Despois de transcorrer este prazo sen que se notifique a resolución, producirase a caducidade deste, co arquivo das actuacións, sen prexuízo da obriga de ditar a correspondente resolución.

2. No caso de que o procedemento se suspenda ou paralice por causas imputables ao interesado, interromperase o cómputo do prazo para resolver.

3. De conformidade co disposto pola lexislación básica do procedemento administrativo, o órgano competente para resolver, de oficio ou por instancia da persoa instrutora, pode acordar, mediante resolución motivada, unha ampliación do prazo de aplicación que non exceda a metade do prazo inicialmente establecido. A dita resolución debe ser notificada á persoa interesada antes do vencemento do prazo de caducidade establecido nesta lei.

4. A caducidade do procedemento non produce por si mesma a prescrición da infracción.Malia o anterior, os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 55 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado corenta e catro.

Artigo 55 bis. Procedemento sancionador especial para determinadas infraccións en materia de incendios forestais

1. Non obstante o disposto no artigo 54.1 en canto á incoación do procedemento sancionador, as denuncias formuladas polos axentes forestais, axentes facultativos medioambientais e polos membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, así como polo resto dos membros dos corpos e forzas de seguridade no exercicio das súas funcións, sempre que sexan notificadas no acto ao denunciado, constituirán o acordo de inicio do procedemento sancionador no caso da comisión das seguintes infraccións:

a) O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpra as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, contida no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.1.b).

b) A realización, en época de perigo alto de incendios forestais, de queimas sen autorización reguladas nos artigos 34.2 e 35 en relación co artigo 51.1.c).

c) O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpra as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto, contida no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.2.b).

d) O depósito de produtos forestais e produtos inflamables en condicións distintas das previstas no artigo 24 bis desta lei, conforme o disposto no artigo 50.2.7 en relación co artigo 51.2.d).

e) O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo, consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación cos artigos 31 e 51.2.h) desta lei.

f) No suposto das seguintes condutas, sempre que sexan constitutivas de infracción leve:

– O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpran as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo, moderado ou alto, consonte o disposto no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.3.a) desta lei.

– A realización, en época de perigo medio ou baixo de incendios forestais, de queimas sen autorización reguladas nos artigos 34.2 e 35 en relación co artigo 51.3.a) desta lei.

– O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo, moderado ou alto, consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación cos artigos 31 e 51.3.a) desta lei.

– Acampadas fóra das zonas delimitadas para tal fin.

2. Nestas denuncias deberá constar:

a) A identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.

b) O domicilio que, se é o caso, indique o interesado para os efectos de notificacións.

c) Unha descrición sucinta dos feitos que motivan a incoación do procedemento, con expresión do lugar, data e hora, así como da súa cualificación.

d) A sanción que puider corresponder así como a obriga de reparar os danos e perdas ocasionados ou, en defecto diso, de indemnizalos nos termos previstos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo do que resulte da instrución.

e) O numero de identificación profesional do axente da autoridade.

f) A unidade instrutora do procedemento e o réxime de recusación aplicable.

g) O órgano competente para impoñer a sanción consonte o disposto nesta lei.

h) A indicación de que a dita denuncia inicia o procedemento sancionador e de que o seu destinatario dispón dun prazo de vinte días para formular as alegacións e/ou propoñer as probas que xulgue convenientes. No caso de infracción leve indicarase así mesmo ao denunciado a posibilidade de aboar a multa no prazo de vinte días cunha redución do 50 % da súa contía, o que determinará a conclusión do procedemento sancionador.

i) As medidas de carácter provisional que adopte o axente denunciante, sen prexuízo das que se poidan adoptar durante a tramitación do procedemento sancionador.

3. No prazo máximo de sete días, contados desde o seguinte ao acordo de inicio do procedemento, a persoa titular da xefatura territorial da consellaría con atribucións en materia de incendios forestais que corresponda por razón do territorio no que se cometese a infracción designará a persoa física que asumirá a instrución do procedemento e resolverá sobre o mantemento, modificación ou levantamento das medidas provisionais adoptadas polo axente na denuncia. Do dito acordo darase traslado ao denunciado para os efectos da posibilidade de interpoñer recurso de alzada respecto da decisión adoptada sobre as medidas provisionais así como, de ser o caso, para os efectos da recusación respecto da designación do instrutor.

4. No suposto das infraccións leves indicadas na letra f) do primeiro punto, transcorrido o prazo de vinte días sen que o denunciado formulase alegacións e/ou propuxese proba, ou sen que realizase o pagamento voluntario da sanción, a denuncia considerarase proposta de resolución. Desta daráselle traslado ao órgano competente para resolver, que ditará resolución no prazo de tres días desde a recepción da proposta de resolución e do resto da documentación.

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dous meses contados desde o día seguinte ao da denuncia do axente.

5. Nos demais casos, recibidas as alegacións e propostas de proba ou transcorrido o prazo de vinte días concedido para o efecto, o órgano instrutor poderá acordar a práctica de proba, e poderá solicitar neste momento os informes precisos para a gradación da sanción de acordo cos criterios indicados no artigo 52 desta lei.

Finalizada, se é o caso, a proba, o instrutor formulará proposta de resolución na que se concretarán os feitos probados, a súa cualificación xurídica, a infracción que aqueles constitúan e a persoa ou persoas responsables, e propoñerase a sanción que deba impoñerse coas sancións accesorias que nese caso procedan. Na proposta de resolución incluiranse así mesmo a forma e as condicións en que o infractor debe reparar o dano causado coa determinación da contía da indemnización que de ser o caso proceda aboar ao abeiro do previsto na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

A proposta de resolución notificaráselles aos interesados, e concederáselles un prazo de quince días para formular alegacións e presentar os documentos que estimen pertinentes. Transcorrido o dito prazo, o órgano instrutor remitirá a proposta de resolución con todos os documentos, alegacións e informacións que obren no expediente ao órgano competente para resolver o procedemento.

O órgano competente para resolver, sen prexuízo da facultade de acordar a práctica de actuacións complementarias prevista no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, ditará resolución no prazo de dez días desde a recepción da proposta de resolución e do resto da documentación.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de seis meses contados desde a data da denuncia.

7. As denuncias que non puidesen ser notificadas no momento da denuncia á persoa denunciada remitiranse no prazo máximo de sete días á persoa titular da xefatura territorial da consellaría con atribucións en materia de incendios forestais que corresponda por razón do territorio no que se cometese a infracción para a súa tramitación ordinaria.

En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento sancionador que se siga por calquera das infraccións descritas no punto 1 deste artigo será de seis meses contados desde a data do acordo de incoación.

Lei 14/2013, do 26 de decembro.

Artigo engadido:Artigo 55 bis engadido por disposición derradeira décimo segunda.

TÍTULO VIII Incentivos

Artigo 56.-Obxecto dos incentivos.

Os incentivos previstos nesta lei poderán destinarse, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, á realización de traballos e á adopción de medidas de prevención e loita contra incendios forestais, sexan ou non esixibles ao abeiro do disposto nesta lei e demais disposicións aplicables. Así mesmo, poderán outorgarse para contribuír á recuperación e restauración de zonas incendiadas; nese caso a concreción do destino dos incentivos será determinada pola consellaría competente en materia forestal.

Artigo 57.-Clases de incentivos.

1. Os beneficios outorgables ao abeiro da lei poderán consistir en calquera dos previstos na normativa de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como calquera outro que, en desenvolvemento desta lei, puidese establecerse.

2. As medidas que poidan ser financiadas de acordo con esta lei estableceranse regulamentariamente.

Artigo 58.-Persoas beneficiarias.

1. Terán acceso aos beneficios previstos nesta lei todas as entidades e persoas físicas ou xurídicas, de carácter público ou privado, e as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común, xa sexan propietarias ou titulares de terreos ou explotacións forestais ou sexan titulares dun dereito persoal ou real sobre eles.

2. Terán preferencia na asignación de incentivos aqueles titulares de terreos forestais que teñan subscrito un seguro forestal ou dispoñan de instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, debidamente aprobados de acordo co disposto nesta lei, e os propietarios que teñan un seguro de incendios.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 58 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado corenta e cinco.

Artigo 59.- Colaboración coas entidades locais.

1. A Xunta de Galicia colaborará coas entidades locais para a prevención e a extinción de incendios, ben a través de medios propios ben por medio de mecanismos de apoio económico.

2. A Xunta de Galicia incluirá nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dotacións económicas para o asinamento de convenios de colaboración cos concellos para a redacción dos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais nos termos establecidos no artigo 16 e para a realización de traballos preventivos nas vías e montes de titularidade municipal e na xestión da biomasa das parcelas de propietario descoñecido, determinadas en análises da propiedade de conformidade co establecido no artigo 16.2, e co fin de que poidan ter recursos para exerceren as competencias previstas nela consonte o artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 59 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado corenta e seis.

Disposiciones adicionales

Primeira.

No suposto de autorizacións relativas ás condicións de acceso, circulación e permanencia en zonas forestais, ou de que a realización de aproveitamentos agrícolas, gandeiros ou forestais no monte se desenvolvan en terreos cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do Consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación de aves silvestres, e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo nacional de especies ameazadas, esixirase ademais informe previo da consellaría competente en materia de medio ambiente.

Segunda.

1. Para os efectos de poder intervir axeitadamente na investigación específica das causas dos incendios forestais, a consellaría competente en materia forestal levará un rexistro actualizado onde consten todas as investigacións iniciadas por axentes da autoridade pola provocación ou tentativa de provocación de incendios forestais. Para estes efectos, as distintas administracións deberán comunicar o estado de tramitación dos expedientes xudiciais ou sancionadores, así como, no caso de remate deles, cal foi o resultado das actuacións.

2. Regulamentariamente estableceranse as disposicións relativas á estrutura, ao funcionamento, ás comunicacións e á xestión do devandito rexistro.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Disposición adicional segunda apartado 3 suprimido por disposición derradeira primeira apartado corenta e sete.

Terceira.

1. Determínanse as seguintes especies para os efectos da xestión da biomasa vexetal e da ordenación das repoboacións forestais, nos termos establecidos nesta lei:

[figura]

2. En todo caso, poderán conservarse árbores das especies sinaladas no punto anterior en calquera clase de terreos incluídos nas redes primarias e secundarias de xestión de biomasa no caso de se trataren de árbores senlleiras, ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un risco para a propagación de incendios forestais.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Disposición adicional terceira apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado corenta e oito.

Cuarta.

Os procedementos de autorización regulados nesta lei para actividades de servizos que se vaian realizar en montes demaniais deberán respectar os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade e transparencia. Aplicarase, ademais, o principio de concorrencia competitiva nos seguintes supostos:

a) Cando se trate dunha actividade de servizos que promova a administración xestora do monte conforme os instrumentos de planificación e xestión deste.

b) Cando o exercicio da actividade exclúa o exercicio doutras actividades por terceiros.

Os criterios nos que se baseará a autorización para a realización de actividades de servizos estarán directamente vinculados á protección do ambiente.

A duración das devanditas autorizacións será limitada de acordo coas súas características e non dará lugar á renovación automática nin á vantaxe a favor do anterior titular ou das persoas especialmente vinculadas con el.

Lei 1/2010, do 11 de febreiro.

Artigo engadido:Disposición adicional cuarta engadida por artigo 17.

Quinta.

As referencias á Consellería de Medio Ambiente contidas nos artigos 3.2, número 2; 15.4, número 2; 15.8, 31.5, 34.2 e na disposición adicional primeira desta lei entenderanse feitas á consellaría competente en materia de conservación da natureza.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo engadido:Disposición adicional quinta engadida por disposición derradeira primeira apartado corenta e nove.

Disposiciones transitorias

Primeira.-

Esta lei non será de aplicación á elaboración, alteración e revisión dos plans xerais de ordenación municipal que, á entrada en vigor dela, iniciasen o trámite de información pública.

Segunda.-

En tanto non se publique a normativa de desenvolvemento desta lei, permanecerá en vigor o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, naqueles aspectos que non contradigan esta lei.

Terceira.-

1. Mentres non se definan as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, serán directamente aplicables as obrigas derivadas do disposto no artigo 21.

2. En canto non se definan as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa, consonte o disposto nesta lei, no Plan de defensa contra os incendios forestais de distrito, serán directamente aplicables as obrigas derivadas do disposto nos artigos 20 bis e 21 bis, agás a obriga establecida na alínea d) do artigo 20 bis, para cuxo cumprimento as persoas responsables dispoñerán do prazo dun ano para adaptarse ao disposto nela.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Disposición transitoria terceira nova redacción por disposición derradeira primeira apartado cincuenta.

Cuarta.-

1. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito deberá adaptarse ao disposto nesta lei no prazo de dezaoito meses desde a súa entrada en vigor.

2. Os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais deberán adaptarse ao disposto nesta lei nun prazo de cinco anos desde a súa entrada en vigor.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Disposición transitoria cuarta nova redacción por disposición derradeira primeira apartado cincuenta e un.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións que contraveñan o disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Primeira.-

A regulación contida nesta lei entenderase sen prexuízo do disposto na lexislación galega de emerxencias.

Segunda.-

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento regulamentario e a aplicación desta lei.

Terceira.-

Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia