lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

Publicado en: DOG 131 14/07/2015

Última modificación: 14/09/2018

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

O concepto de reforma das estruturas agrarias, que historicamente se recolle na lexislación como un fin en si mesmo e como un conxunto de actuacións independentes do contorno económico e social, serviu para dotar de infraestruturas e, en certa medida, para facilitar a transformación do sector agrario español cara ao que hoxe é. Porén, trátase dun concepto claramente esgotado e que non responde aos modelos de desenvolvemento rural vixentes en Europa, que pasan por concibir o medio rural como un todo no cal, sen dúbida, a actividade agraria debe ocupar un lugar principal, pero non único nin independente. O espazo rural enténdese, desde ese novo enfoque, como un conxunto de actividades relacionadas e equilibradas, no que as funcións produtivas deben convivir en harmonía coas de defensa do contorno, da paisaxe e do patrimonio cara a un obxectivo único: a mellora de calidade de vida da poboación no seu medio e, como corolarios, a loita contra o abandono, a mitigación dos efectos do cambio climático, a alimentación sa e de calidade, a fixación da poboación no territorio rural e a mellora dos servizos postos á súa disposición.

Noutra orde de cousas, a diferenza de situacións entre o campo galego dos anos 70 do pasado século e a actual resulta case abismal, pasando dunha gran cantidade de poboación dedicada á actividade agraria a unha perda de explotacións e traballo non absorbidas por outras actividades no rural e a unha drástica redución no número de persoas traballadoras e de explotacións, sen dúbida hoxe moito máis produtivas e profesionalizadas, pero que non foron quen de absorber o excedente de terras derivado da substitución da actividade agraria, asistíndose a un proceso de abandono de terras agrarias, moitas delas con enorme potencial produtivo.

A modificación da estrutura territorial é a resultante de todo o anterior, que se manifesta, entre outros trazos, pola mudanza da paisaxe antropoxénica tradicional e polo agravamento de fenómenos negativos como os lumes ou a transmisión de pragas. Galicia atópase, pois, diante dunha encrucillada, na que cómpre aplicar medidas políticas e lexislativas para combater os desequilibrios resultantes.

No eido da modificación da estrutura das explotacións, os instrumentos cos que ata hoxe se contaba eran, por unha banda, o texto da Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, que resulta ser en realidade –e tal como se expresa no seu limiar– unha recompilación de todas as normas ata entón vixentes sobre estruturas agrarias, algunhas delas promulgadas en plena posguerra civil. Trátase, pois, dunha norma claramente preconstitucional e basicamente deseñada para sistemas agrarios moi diferentes do galego, que, nin por espírito nin por contido, non é capaz de responder adecuadamente á realidade política e económica nin aos desafíos do século XXI en Galicia.

Pola outra banda, a asunción estatutaria das competencias plenas en materia de desenvolvemento rural por parte da Comunidade Autónoma de Galicia, nun intento de adaptación da norma estatal sobre reforma das estruturas agrarias ás especificidades da situación galega, fixo xurdir primeiro a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, e máis tarde a Lei 12/2001, do 10 de setembro, que a modificaba parcialmente.

Aínda sen negar o considerable esforzo de adaptación e os indubidables avances que supuxeron ambas as dúas leis, partíase –tanto no caso galego como na maioría das normas legais das restantes comunidades autónomas– dun instrumento de difícil translación á nosa realidade, polo que o seu alcance como motor de transformación das estruturas agrarias tiña por forza que resultar limitado.

A Comunidade Autónoma de Galicia, consciente da necesidade de implementar instrumentos capaces de garantir o cumprimento do obxectivo de mellora da calidade de vida no medio rural, estase a dotar dun conxunto de normas xurídicas propias, como a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que, xunto coa presente lei e con iniciativas futuras, como a normativa sobre o solo, pretenden constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos a ese obxectivo.

Da mesma forma, o Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as Directrices de ordenación do territorio en Galicia, establece, no seu artigo 3.3.12, que a Xunta de Galicia e o conxunto de administracións públicas, no marco das súas competencias, desenvolverán accións destinadas a superar a elevada fragmentación da propiedade, a reducir e reverter o abandono das terras, a mellorar as condicións de desenvolvemento sustentable de actividades agrícolas, gandeiras e forestais e á mitigación e adaptación aos riscos ambientais, en especial aos incendios forestais, e tamén aquelas tendentes á mellora e protección ambiental e paisaxística. Así mesmo, as determinacións 3.3.1, 3.3.8 e 3.3.11 inciden na integración e coordinación territorial destas actuacións, na identificación e actuacións sobre as zonas de actividade agraria preferente e nas actuacións en materia de xestión de terras. Con estes obxectivos trátase de mellorar ou habilitar instrumentos en materia de xestión de terras ou reforma das estruturas que posibiliten a súa agrupación e xestión conxunta, como pode ser o Banco de Terras ou outros baseados no fomento da agrupación ou asociación de persoas propietarias particulares ou dos montes veciñais en man común para a constitución de mancomunidades.

A Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia estrutúrase así nun total de 98 artigos, distribuídos en dez títulos. O título I recolle as disposicións xerais e define as diversas figuras que se tratan no texto legal. O título II está dedicado á regulación dos procesos de reestruturación parcelaria de carácter público, cando o impulso é por parte da Administración. O título III, á reestruturación polas persoas particulares, cando o impulso o fai unha agrupación xerada expresamente para levala a cabo. O título IV, á reestruturación mediante permutas, cos supostos de cambio ou non na forma das parcelas permutadas. O título V recolle dous casos sobre procesos especiais para obras públicas e coutos de explotación mineira, cuxa execución condiciona a viabilidade das explotacións agrarias. Os títulos VI a VIII conteñen, respectivamente, as disposicións relativas ás obras inherentes aos procesos de reestruturación parcelaria, así como os efectos destes e o réxime de financiamento e axudas públicas. O título IX establece as zonas de actuación intensiva, co obxectivo de incrementar a súa sustentabilidade, competitividade e desenvolvemento rural integral. E o título X, o réxime sancionador.

Como novidades máis salientables deste novo texto legal, cómpre destacar, primeiramente, o propio concepto de reestruturación parcelaria, que substitúe o xa superado de concentración parcelaria, que tiña como obxectivo a agregación das achegas de cada persoa propietaria nun único predio, o denominado couto redondo, ou no menor número deles. Pola contra, a reestruturación parcelaria incide no obxectivo de mellora da estrutura territorial das explotacións, estudando para cada suposto as solucións que favorecen a súa rendibilidade e que resultarán, segundo os casos, nun único predio uniforme ou en varios ben diferenciados. Aínda así, os procedementos de reestruturación parcelaria resultan herdeiros do seu correspondente histórico de concentración parcelaria, mantendo o carácter de procedemento administrativo especial.

En segundo lugar, o novo texto introduce esforzos cara á simplificación do procedemento, tanto no que atinxe ás súas fases como no sistema de entrega e tramitación de documentación, sen que se vexan afectadas as garantías legais das persoas titulares, no convencemento de que a excesiva duración do procedemento lles supón un grave prexuízo e un notable incremento dos custos do proceso.

En terceiro lugar, a lei fai unha clara aposta polo apoio ás explotacións e ás agrupacións de carácter agrario, tendo en conta que os procesos de mellora da estrutura territorial supoñen considerables investimentos que só teñen sentido garantindo un retorno adecuado destes, non só en termos económicos e produtivos, senón tamén sociais. Semella claro que a rendibilidade da reestruturación virá dada entón por un incremento do valor da produción e do emprego na zona de actuación. E iso só é posible a través do fomento das iniciativas enfocadas á mellora produtiva das explotacións agrarias e, no caso de que estas non acaden a dimensión suficiente, das iniciativas de agrupación e aproveitamento en común das terras e do traballo. Neste sentido, a lei introduce como obxectivos prioritarios a mellora das condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias galegas, quer respecto das xa existentes, quer co apoio á formación de novas explotacións e agrupacións, ou, na súa falta, a posibilidade de mobilizacións das terras improdutivas.

Un cuarto aspecto das novidades introducidas por este texto legal é, por un lado, a introdución da figura do Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, recollido no título II, e que pretende que o resultado da reestruturación supoña non só unha mellora dimensional das explotacións, senón unha auténtica ordenación dos usos agrarios, de forma que se mellore a súa viabilidade técnica, económica e social. E, por outra banda, e no mesmo título, é importante a inclusión nas actuacións de reestruturación parcelaria dos terreos integrados no perímetro, especialmente os solos de núcleo rural, dado que na gran maioría das parroquias rurais galegas –e na práctica totalidade daquelas con marcada vocación agraria– os solos clasificados como de núcleo rural van manter, a medio e longo prazo, a súa vocación ligada á produción agrícola ou gandeira. A lei propón unhas particularidades no proceso de reestruturación respecto deste tipo de solos, que permiten a súa ordenación sen afectar unha eventual e posterior posta en marcha de procesos de ordenación urbanística.

Como quinto punto novidoso, cómpre facer referencia á introdución de novas formas de participación dos afectados pola reestruturación da propiedade nas súas diversas formas, ao xurdir, vinculada á xunta local da zona e ao grupo auxiliar de traballo, a figura da xunta de titulares, así como novos mecanismos de consulta directa aos afectados nos casos da avaliación de prioridades mediante un procedemento obxectivo de avaliación previa das zonas, o estudo previo de iniciación e o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

Cómpre destacar, así mesmo, que o presente texto legal fomenta, por unha banda, a coordinación das actuacións públicas, por medio da creación da figura do comité técnico asesor de reestruturación parcelaria, encargado da coordinación entre os diferentes órganos administrativos afectados en todos aqueles temas relativos ás actuacións de reestruturación, e a creación do comité de asesoramento nas zonas de actuación intensiva. Por outra banda, establece un control económico dos investimentos a través de mecanismos de estimación previa dos custos do proceso e de avaliación posterior do custo directo e indirecto unha vez finalizado este.

Outra novidade salientable encóntrase na relevancia que se outorga, ao considerarse como prioritaria, á mitigación dos efectos do cambio climático e á protección do contorno e o medio ambiente, que se concreta en figuras como a execución específica de procesos de reestruturación por causas ambientais, a introdución de criterios de conservación da rede actual de camiños e a reserva de terreos para actuacións relativas á aplicación de medidas de corrección de impactos ambientais.

Ademais, o texto legal fai especial fincapé na mobilización das terras agrarias en manifesto estado de abandono mediante a declaración como perímetros abandonados dun conxunto de predios con vocación agraria, cando poidan supoñer risco de incendios forestais ou sexan obxecto de lumes co conseguinte perigo para as áreas habitadas próximas ás zonas queimadas, ou cando exista demanda de terra por parte de explotacións agrarias xa existentes nesas zonas ou para novas iniciativas de explotacións agrarias. Isto é especialmente importante nas zonas de concentración parcelaria –e nas futuras de reestruturación– cos predios de substitución en situación de abandono, para seren incorporados ás explotacións e así garantir a utilización do espazo agrario naqueles terreos onde foron investidos importantes orzamentos para facelos máis rendibles.

Así mesmo, e na procura da mellorar as condicións de incorporación á titularidade das explotacións agrarias de Galicia, modifícase o Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, reducindo a tributación pola adquisición mortis causa de explotacións agrarias e de elementos afectos, mediante a redución do 99 % do seu valor ou de dereitos de usufruto sobre esta, ou a redución na base impoñible, para determinar a base liquidable, do 99 % do valor de adquisición, cando esta sexa inter vivos, cando concorran determinadas circunstancias dispostas na disposición derradeira segunda desta norma. Tamén as transmisións en propiedade ou a cesión temporal de terreos integrantes do Banco de Terras de Galicia, a través dos mecanismos previstos nesta lei, gozarán dunha dedución na cota tributaria do 100 % no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

En prol da simplificación normativa, expresamente derrógase a Lei 11/1983, do 29 de decembro, de actuación intensiva nas parroquias rurais, sendo integrado o seu articulado, actualizándoo, ao presente texto legal, e recollendo así o disposto no artigo 3.3.9 do Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as Directrices de ordenación do territorio.

En suma, a nova lei pretende dar un enfoque novo e eficaz á corrección das deficiencias na estrutura territorial das explotacións galegas, caracterizadas, os máis dos casos, polo seu reducido tamaño e pola súa dispersión, que as incapacita para garantir a súa viabilidade técnica e económica, prestando especial importancia ás explotacións tanto actuais como futuras, ao apoio ás iniciativas que pretendan, a través do traballo en común das terras, o incremento da base territorial das achegas ao proceso e á posta en valor dun concepto importante como é a ordenación dos diferentes cultivos e aproveitamentos agrarios dentro das zonas de actuación, de forma que o proceso de mellora dea como resultado a existencia de explotacións non só de maior dimensión, senón, sobre todo, máis adaptadas ao potencial produtivo de cada área.

O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

TÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da lei

É obxecto desta lei establecer os mecanismos e recursos para a mellora da estrutura territorial das explotacións agrarias de Galicia, co fin de acadar os obxectivos xerais que se recollen no artigo 2.

Artigo 2. Obxectivos xerais

1. Son obxectivos desta lei os seguintes:

a) Mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias en Galicia, de acordo con criterios de ordenación axeitada e sustentable delas e dos seus cultivos e aproveitamentos, calquera que sexan estes, baixo a perspectiva da súa utilidade económica e social, co fin de fixar a poboación no medio rural para facer rendible a actividade produtiva.

b) Establecer, para os predios que non formen parte de explotacións agrarias, medidas de agrupación, redimensionamento, mellora estrutural e de infraestruturas que faciliten a súa mobilización para uso agrario, entendendo por tal a loita contra o abandono, a formación de novas explotacións ou a incorporación ás xa existentes, prestando especial atención ao apoio á constitución de iniciativas asociativas para o aproveitamento en común, conforme o disposto no número 3.3.12.a) do Decreto 19/2001, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as Directrices de ordenación do territorio.

c) Ordenar adecuadamente a estrutura territorial agraria e mitigar os efectos prexudiciais sobre a estrutura das explotacións por causa da execución de grandes obras públicas ou de explotación de coutos mineiros.

d) Facilitar a adecuación territorial de áreas con elevados valores medioambientais ou paisaxísticos, ou ben coa presenza dalgún elevado risco ambiental, de tal maneira que se potencie a conservación e a permanencia dos ditos valores ou se reduza a potencial incidencia do risco, a través da reorganización espacial e funcional da estrutura territorial existente.

e) Mitigar os efectos do cambio climático mediante o establecemento de medidas adecuadas e contribuír con actuacións de adaptación aos seus efectos.

f) Incrementar a sustentabilidade, competitividade e desenvolvemento integral do territorio rural mediante actuacións intensivas.

g) Incrementar a superficie das explotacións mediante a mobilización de predios de vocación agraria incluídos en perímetros en estado de abandono.

h) Apoiar as explotacións agrarias mediante a redución da tributación pola adquisición de explotacións agrarias e de elementos afectos e de predios rústicos.

2. Para o cumprimento dos obxectivos sinalados no punto anterior procurarase:

a) Agrupar as terras correspondentes a cada explotación, incluíndo as integradas en propiedade ou noutras formas de tenza, de tal forma que se mellore o máis posible a súa estrutura territorial.

b) Adxudicarlle a cada titular, na medida do posible, e sen prexuízo da alínea anterior, o menor número de predios de substitución, equivalentes ao conxunto das parcelas achegadas, unha vez efectuada a dedución sinalada no artigo 31 e, no caso de parcelas únicas, a recollida no artigo 32 desta lei.

c) Facilitar o acceso ás explotacións, priorizando a mellora da rede viaria existente sobre a de nova traza.

d) Establecer medidas de sustentabilidade e de protección e preservación da paisaxe e do medio ambiente.

e) Regularizar a propiedade, por medio da inmatriculación rexistral dos títulos de propiedade dos predios de substitución resultantes do proceso de reestruturación parcelaria, ademais do disposto nos artigos 56 e 57 desta lei.

f) Mobilizar para as explotacións os predios con vocación agraria en estado de abandono, facendo maior fincapé naqueles localizados nas zonas de concentración ou reestruturación parcelaria.

g) Ordenar e protexer os usos do solo con especiais aptitudes para a actividade agraria.

Artigo 3. Tipos de procesos de mellora da estrutura territorial agraria

Atendendo o seu carácter, os procesos de mellora da estrutura territorial agraria son:

a) Reestruturación parcelaria de carácter público.

b) Reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares.

c) Reestruturación da propiedade mediante permutas.

d) Procesos especiais inherentes aos casos dos proxectos de grandes obras públicas lineais e coutos mineiros.

e) Actuacións intensivas en zonas rurais.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos desta lei, entenderase por:

1. Acordo de reestruturación parcelaria: fase do procedemento de reestruturación parcelaria consistente no deseño dunha nova ordenación territorial do conxunto dos terreos incluídos na zona de reestruturación mediante a agrupación e, se for o caso, nova localización dos terreos achegados por cada persoa propietaria, agrupación de titulares, explotación agraria ou iniciativa agraria de explotación en común. Seguiranse procedementos técnicos que procuren a mellora obxectiva da súa estrutura territorial atendendo a viabilidade futura das explotacións e, na medida do posible, as peticións razoadas das persoas titulares, de tal forma que os predios de substitución resultantes manteñan no seu conxunto un valor proporcionado ao das parcelas achegadas unha vez efectuada a dedución sinalada no artigo 31 e, no caso de parcelas únicas, a recollida no artigo 32 desta lei.

2. Actuación intensiva: conxunto de accións e investimentos para aplicar en cada zona rural, tendo en conta as súas peculiaridades, co obxectivo de incrementar a súa sustentabilidade, competitividade e desenvolvemento integral.

3. Agrupación de titulares: conxunto de persoas físicas ou xurídicas titulares de predios que, vinculadas entre si e manifestando a súa vontade expresamente, son consideradas como unha unidade para efectos da reestruturación das súas parcelas de achega, aínda que conservando a súa individualidade respecto da titularidade dos predios de substitución que a cada partícipe lle correspondan.

4. Áreas de especial protección: aqueles terreos delimitados que posúen valores singulares de carácter histórico-cultural, arqueolóxico, paisaxístico ou medioambiental e que están cualificados legalmente como tales.

5. Áreas de reestruturación preferente: conxunto de terreos situados dentro da zona de reestruturación que, polas súas características específicas, sexan establecidos no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria para acoller, de ser o caso, polígonos agrarios.

O destino destas áreas é a localización das explotacións, agrupacións ou iniciativas de aproveitamento en común recollidas no antedito plan para constituír unidades técnicoeconómicas específicas, conforme as orientacións produtivas establecidas nel.

6. Áreas sen aptitude específica: conxunto de terreos da zona de reestruturación non definidos no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria como áreas de ordenación preferente, así como as terras incluídas nestas e non utilizadas como tales despois das atribucións dos predios de substitución.

7. Bases de reestruturación parcelaria: fase do procedemento de reestruturación parcelaria consistente na execución das operacións de definición do parcelario, de investigación da propiedade e de clasificación das terras.

8. Clasificación das terras: operación incluída nas bases de reestruturación parcelaria que consiste en:

a) A determinación, en función do seu valor agronómico e produtivo, das diferentes clases de terra existentes dentro da zona de reestruturación.

b) A fixación, de ser o caso, dos factores correctores en función da localización xeográfica das parcelas de achega respecto das zonas que poidan significar incremento ou diminución do valor por razóns non agrarias.

c) A elección das parcelas tipo, que representen a súa respectiva clase de terra e sirvan de patrón de comparación.

d) A fixación dos respectivos valores de compensación ou puntuacións unitarias por clase de terra, valores relativos que servirán de base para levar a cabo as compensacións que poidan resultar necesarias.

e) A delimitación cartográfica das diferentes clases de terra en que poden estar divididas as parcelas de achega.

f) O cálculo do valor en puntuación de cada parcela de achega, obtido por produto das respectivas superficies de cada clase, os seus respectivos valores de compensación e, de ser o caso, os factores correctores.

9. Definición do parcelario: actuación incluída nas bases de reestruturación parcelaria que consiste na correcta delimitación cartográfica da totalidade das parcelas, da rede hidrográfica, das construcións, da rede viaria e dos elementos topográficos singulares incluídos na zona de reestruturación.

10. Explotación agraria: conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesmo unha unidade técnico-económica, segundo a definición dada pola Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, ou normas que a substitúan.

11. Predios de substitución: son os predios resultantes do proceso de reestruturación parcelaria, obtidos por agrupación e, se é o caso, nova localización das parcelas de achega e que, para cada titular, corresponden ao valor proporcionado ao das súas parcelas achegadas, unha vez aplicada a dedución legalmente establecida.

As estremas dos predios de substitución representan os seus límites, sen prexuízo dos recuamentos que procedan conforme o disposto na súa lexislación sectorial.

12. Grande obra pública: os traballos de construción, xa sexan infraestruturas ou edificacións, promovidos por unha administración pública tendo como obxectivo o beneficio da comunidade. Entre as principais obras públicas encóntranse as infraestruturas de transporte, como autoestradas, autovías e estradas, aeroportos, transporte ferroviario e transporte de materias por oleodutos ou gasodutos, así como as infraestruturas hidráulicas, como encoros, redes de distribución e depuradoras.

13. Iniciativa agraria de aproveitamento en común: conxunto de titulares agrupados baixo a forma xurídica de sociedade mercantil, cooperativa, sociedade de bens, sociedade de fomento forestal, sociedade agraria de transformación ou calquera outra figura de agrupación con personalidade xurídica para a xestión conxunta dos seus terreos que se estableza legalmente que achegan a esta, ben sexa como capital ou como aproveitamento, as parcelas afectadas polo proceso de reestruturación parcelaria, coas excepcións sinaladas no artigo 21, co fin de constituír unha unidade técnico-económica viable e duradeira sobre os predios de substitución atribuídos e de explotala conforme o establecido no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria da zona de reestruturación.

14. Investigación da propiedade: operación incluída nas bases de reestruturación parcelaria que consiste en:

a) A recollida dos datos persoais das persoas propietarias e das titulares de cargas e gravames, así como, de ser o caso, dos seus representantes legais.

b) A declaración, por parte das persoas titulares ou das súas representantes legais, do dominio das parcelas de achega a favor de quen as posúa en concepto de dono e das súas cargas, gravames e demais situacións xurídicas que eventualmente as poidan afectar no referente á propiedade, posesión ou aproveitamento. A correcta localización das citadas parcelas nos planos parcelarios será responsabilidade das persoas titulares ou das súas representantes.

c) A delimitación cartográfica e a determinación da superficie real das parcelas de achega.

15. Masa común: conxunto dos predios remanentes resultantes do proceso de axuste técnico para a compensación entre achegas e atribucións, e co destino e titularidade que establece o artigo 34 desta lei.

16. Orientacións prioritarias: aqueles cultivos e aproveitamentos gandeiros ou forestais que o Plan de ordenación de predios de espacial vocación agraria identifica como de maior idoneidade polas súas características agronómicas ou de adaptación ao tecido socioeconómico para impulsar explotacións agrarias técnica, económica e socialmente viables.

17. Parcelas de achega: son os predios obxecto do proceso de reestruturación parcelaria que, clasificados e valorados conforme os criterios legalmente establecidos, darán lugar, no seu conxunto, aos novos predios de substitución unha vez aplicado o procedemento de reestruturación e a dedución sinalada no artigo 31 e, no caso de parcelas únicas, a recollida no artigo 32 desta lei.

18. Parcelas reservadas: aquelas parcelas que manterán inalterada a súa titularidade, localización e configuración, ao non ter equivalente compensatorio sen prexuízo para o seu titular, por contar con obras ou melloras excepcionais, con servidumes ou serventías, pola súa especial natureza, a súa localización privilexiada, o seu valor extraagrario ou calquera outra circunstancia que se deba ter en conta.

19. Parcela única: aquela parcela de achega que é propiedade dunha persoa titular que só posúe esa parcela no conxunto da zona de reestruturación.

20. Perímetro de reestruturación: delimitación do contorno da zona de reestruturación, determinado polo correspondente decreto de utilidade pública, ou orde no caso da reestruturación da propiedade de predios con vocación agraria polas persoas particulares, e susceptible de variación como consecuencia das rectificacións que se poidan introducir de conformidade co previsto nesta lei.

21. Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria: documento técnico que serve como instrumento aplicable para o cumprimento dos obxectivos sinalados no artigo 2, e que consiste en:

a) A identificación, segundo o especificado no estudo previo de iniciación, da situación actual dos cultivos e aproveitamentos e da estrutura das explotacións agrarias con presenza na zona de reestruturación.

b) O establecemento e a delimitación, no conxunto da zona de reestruturación, dos diferentes usos das terras incluídas, de acordo con criterios técnico-agronómicos, económicos e sociais.

c) A determinación das orientacións prioritarias, isto é, daqueles cultivos e aproveitamentos que poidan ter posibilidade potencial e real de servir de fundamento á constitución e mantemento de explotacións ou iniciativas de aproveitamento en común, técnica, social e economicamente viables na zona considerada, e a determinación da dimensión mínima en superficie e instalacións necesarias para acadar esa viabilidade para cada orientación produtiva.

d) De ser o caso, a inclusión como orientacións prioritarias daquelas iniciativas singulares, presentadas por persoas físicas ou xurídicas, relacionadas con cultivos ou aproveitamentos non incluídos na alínea c), sempre que vaian acompañadas dun plan de viabilidade técnico-económica que deberá recibir o informe favorable do servizo provincial competente.

No caso de que todas ou algunhas das orientacións prioritarias sinaladas nas alíneas anteriores teñan necesidade de condicións de localización específicas, por razóns técnicoagronómicas obxectivas, identificaranse e delimitaranse os terreos con maior aptitude, que terán a consideración de áreas de ordenación preferente.

O resto dos terreos serán considerados como áreas sen aptitude específica e poderán ser dedicados a calquera aproveitamento acorde cos usos autorizados, o mesmo que as terras das áreas de ordenación preferente non utilizadas como tales despois da atribución sinalada no artigo 29.

Aos criterios básicos para a clasificación dos terreos sinalados no número 8 deste artigo engadiránselles os derivados da vocación produtiva das orientacións integradas nas áreas de ordenación preferente.

e) A apertura dun proceso de incorporación voluntaria ao plan daquelas explotacións e iniciativas agrarias de aproveitamento en común, existentes ou de nova creación, interesadas en formar parte activa nel. Estas entidades asumirán as obrigas específicas e, como contrapartida, gozarán das vantaxes sinaladas no artigo 21.

f) A definición das normas técnicas específicas para o deseño dos novos predios de substitución, co fin de maximizar a súa utilidade, conforme as directrices definidas polos puntos anteriores.

g) A elaboración da documentación cartográfica que plasme os resultados do plan.

h) As necesidades mínimas de terra agraria por orientación ou cultivo, dentro da zona de reestruturación, para garantir a viabilidade das explotacións agrarias resultantes.

No caso de que, na zona de reestruturación, se inclúan terreos de natureza forestal, o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria deberá ter en conta a planificación forestal establecida na lexislación de montes en vigor.

22. Polígonos agrarios: conxunto de terreos que, polas súas características edáficas, de orientación, topográficas, de posibilidade de rega ou calquera outro criterio agronómico, se utilizan para acoller os cultivos ou aproveitamentos intensivos, de horta, de viñedo, froiteiras, de agricultura ecolóxica ou forestal ou outros que se determinen no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

23. Predio con vocación agraria: todo aquel terreo, ou dereito real ou persoal sobre el, tanto cando se trate de dereitos derivados da súa titularidade patrimonial como de dereitos reais sobre predios de titularidade allea, que constitúe un eido ou unha parcela que, independentemente da súa clasificación urbanística, sexa susceptible de ter un aproveitamento agrícola, forestal, gandeiro ou mixto polas súas aptitudes agronómicas, así como os elementos vinculados ao predio, entendendo por tales a casa de labor, as edificacións e as dependencias, aínda que non sexan estremeiras.

Non perderá o seu carácter de predio con vocación agraria por tratarse do lugar acasarado nos termos establecidos polo artigo 119 da Lei 1/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, ou por tratarse dun predio vinculado a explotacións agrarias nos termos establecidos na normativa galega reguladora do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, nin tampouco por tratarse de predios vinculados a explotacións forestais ou mixtas de tipo industrial, ou locais ou terreos dedicados exclusivamente a estabulación do gando.

Para os efectos desta lei, terán a consideración de predios con vocación agraria todos aqueles que estean incluídos no perímetro de reestruturación parcelaria, sen prexuízo de que poidan ter calquera outra cualificación engadida.

24. Predios abandonados: aquelas superficies non sometidas a ningunha práctica relacionada coa custodia do territorio, nin de cultivo nin destinadas a pastoreo, así como os terreos con plantacións forestais realizadas en terra agraria, cando a cuberta vexetal de sotobosque, de natureza herbácea ou arbustiva, presente un estado que propicie a aparición do lume, a erosión ou degradación do terreo, a invasión de malas herbas, as pragas ou as enfermidades que poidan causar danos ao propio predio ou aos predios lindeiros ou próximos a el.

25. Reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares: reordenación da propiedade da terra dentro dun perímetro predeterminado, para mellorar a estrutura territorial agraria, solicitada e xestionada por un conxunto de persoas titulares de predios de vocación agraria conforme o disposto no título III desta lei.

26. Reestruturación parcelaria de carácter público: reordenación da propiedade da terra dentro dun perímetro predeterminado, para mellorar a estrutura territorial agraria, impulsada pola Administración pública.

27. Terreos excluídos: aqueles que inicialmente formaron parte da zona de reestruturación pero que, debido a que concorren neles circunstancias conformes co artigo 24 desta lei alleas á propia natureza do proceso de reestruturación, son descartados como obxecto deste.

28. Titular do predio: a persoa física ou xurídica, pública ou privada, propietaria do predio.

29. Zona de reestruturación: conxunto dos terreos que serán obxecto dun proceso de reestruturación parcelaria. Estará delimitado exteriormente polo perímetro de reestruturación e, no seu interior, quedarán perfectamente delimitados aqueles terreos que, por constituír áreas de especial protección ou por calquera outra causa que a lei determine, non sexan obxecto do proceso. Desta forma, procurarase que o deseño dos predios de substitución resultantes e, de ser o caso, das infraestruturas asociadas permita un óptimo aproveitamento e ordenación do conxunto do territorio incluído no devandito perímetro de reestruturación.

30. Proxecto de incorporación á actividade agraria: explotación con solicitude rexistrada de axuda para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria segundo a orde publicada para tal efecto pola consellaría competente na materia.

Artigo 5. Ámbito de aplicación da lei

1. Esta lei será aplicable á totalidade dos terreos incluídos dentro do perímetro de reestruturación, independentemente da súa capacidade e situación produtiva, e calquera que sexa a súa clasificación urbanística, agás os clasificados como urbanos e urbanizables.

2. No caso das permutas voluntarias e no dos procesos especiais, o ámbito de aplicación será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Así mesmo, no caso da declaración de perímetros en estado de abandono, así como na exención de tributos nas transmisións de explotacións agrarias, o ámbito de aplicación será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. No caso de zonas de actuación intensiva, o ámbito de aplicación virá determinado no correspondente decreto; non será necesario que coincida con ningunha das divisións administrativas existentes.

Artigo 6. Iniciativa

A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá levar a cabo o procedemento sinalado no artigo 7, como paso previo á determinación da idoneidade dunha zona para ser obxecto de calquera das actuacións de mellora da estrutura territorial recollidas no artigo 3, conforme as seguintes iniciativas:

1. No caso de actuacións de reestruturación parcelaria de carácter público, poderán ser sometidas ao procedemento de avaliación sinalado no artigo 7:

a) De oficio, por iniciativa da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

b) Mediante solicitude debidamente motivada do concello ou concellos en que se inclúa a zona para a que se propón a avaliación.

c) Por proposta, cando menos, do 70 % das persoas titulares das explotacións agrarias inscritas nos diferentes rexistros oficiais que recollen as explotacións agrarias de Galicia e con actividade na zona para a cal se propón a avaliación.

2. As actuacións de reestruturación da propiedade de predios con vocación agraria polas persoas particulares serán solicitadas conforme o disposto no artigo 45 desta lei, sempre que cumpran os requisitos sinalados nos artigos 46 ou 47, segundo o caso.

3. A reestruturación da propiedade mediante o sistema de permutas requirirá a iniciativa das persoas titulares dos predios obxecto do proceso.

4. Os procesos especiais a que fai referencia a alínea d) do artigo 3 requirirán iniciativa conforme o establecido no artigo 58 desta lei.

5. Nas zonas de actuación intensiva, a iniciativa será da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

Artigo 7. Avaliación do cumprimento dos obxectivos xerais

1. Para o inicio dun proceso de mellora da estrutura territorial agraria nunha zona será necesario acreditar, con carácter previo, que se cumpre algún dos requisitos necesarios para acadar os obxectivos xerais que se establecen no artigo 2 desta lei.

2. A acreditación do cumprimento deses obxectivos xerais levarase a cabo tendo en conta as seguintes circunstancias:

a) A existencia de deficiencias estruturais das explotacións agrarias situadas na zona de actuación que incidan negativamente na súa viabilidade técnico-económica e que poidan ser corrixidas mediante algún dos procesos de mellora da estrutura territorial agraria.

b) A actividade agraria da zona de actuación e a existencia de profesionais agrarios que dedican as súas producións á comercialización.

c) O interese das persoas titulares, especialmente das explotacións agrarias, por levar a cabo o proceso, constatado polas sinaturas que apoien a petición.

d) O dinamismo do territorio e a poboación, que permita a maximización do efecto do procedemento de mellora.

e) A potencialidade agraria da zona, estimada de acordo con criterios obxectivos.

f) A sensibilidade ambiental, atendendo aqueles aspectos que poden condicionar negativamente a viabilidade das actuacións e a existencia dentro do seu perímetro de áreas ambientalmente protexidas ou que, estando fóra deste, se poidan ver afectadas negativamente.

g) A posibilidade de mitigar os efectos do cambio climático mediante a diminución das emisións de CO² e do número e intensidade dos incendios forestais.

h) Outros factores que se consideren adecuados para acreditar o cumprimento dos obxectivos xerais.

3. Establecerase regulamentariamente un procedemento de valoración das zonas solicitadas de acordo cos criterios expostos no punto anterior, para poder avaliar así a súa viabilidade de partida. Especificamente, nese procedemento incluirase unha consulta aberta a todas as persoas físicas ou xurídicas interesadas que permita coñecer a súa opinión sobre a iniciativa e as propostas de mellora.

4. Á vista dos resultados do procedemento de valoración, o servizo provincial elaborará un informe razoado de avaliación que será publicado na sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

5. No caso dunha actuación de reestruturación parcelaria de carácter público, de se obter unha avaliación positiva, isto é, que supere o valor mínimo sinalado no número 3, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá someter a zona ao procedemento de estudo previo de iniciación sinalado no artigo 9.

6. Nas actuacións de reestruturación de predios de vocación agraria polas persoas particulares, de obterse unha avaliación positiva, isto é, que supere o valor mínimo sinalado no número 3, poderase proceder directamente conforme o disposto no artigo 48.

7. Pola súa propia natureza, os restantes tipos de procesos de reestruturación parcelaria non serán obxecto de avaliación do cumprimento dos obxectivos xerais, agás a reestruturación das zonas de actuación intensiva, que se fará conforme o disposto no artigo 80 desta lei.

TÍTULO II A reestruturación parcelaria de carácter público

CAPÍTULO I O estudo previo de iniciación e o decreto de reestruturación parcelaria

Artigo 8. Ámbito de actuación

1. O proceso de reestruturación parcelaria afectará a totalidade dos terreos a que fai referencia o número 1 do artigo 5 e incluídos dentro do perímetro de reestruturación.

2. Considérase incluída no ámbito do proceso de reestruturación parcelaria de carácter público a execución daquelas infraestruturas rurais que se consideren indispensables para a reestruturación predial ou que, realizadas simultaneamente con esta, contribúan a acadar os obxectivos desta lei.

Artigo 9. O estudo previo de iniciación

1. Superado favorablemente o proceso de avaliación a que fai referencia o artigo 7, o servizo provincial correspondente poderá comezar a elaboración do estudo previo de iniciación da zona de reestruturación, logo do mandato da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural.

2. O servizo provincial solicitará ao concello ou concellos afectados e ao comité técnico asesor definido no artigo 14, así como a calquera outro organismo ou entidade que xulgue conveniente, informes non vinculantes co fin de coñecer o seu criterio respecto das posibles actuacións na zona.

3. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural dirixirase aos departamentos tanto da Administración central como da autonómica e local que se poidan ver afectados polo proceso para que, nun prazo de tres meses, remitan a información necesaria que poida influír na redacción e contido do estudo previo de iniciación.

Igualmente, requirirá informe daquelas notarías actuantes na zona de reestruturación e dos rexistros públicos cuxa consulta sexa preceptiva conforme a lei.

Transcorrido o dito prazo sen recibir contestación, entenderase que non existen plans, proxectos ou actuacións por parte dos ditos organismos que deban ser tidos en conta para o futuro desenvolvemento da reestruturación parcelaria da zona da que se trate, e aplicarase o disposto no número 3 do artigo 11.

4. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá subscribir convenios de colaboración con aquelas administracións públicas susceptibles de achegar datos cartográficos ou censuais de titulares, parcelas ou explotacións que sexan obxecto do proceso de reestruturación parcelaria, co obxectivo de facilitar os traballos relativos ao proceso, garantindo o debido respecto á protección de datos de carácter persoal.

5. O estudo previo de iniciación estará coordinado na súa redacción polo persoal técnico designado pola consellaría competente en materia de desenvolvemento rural e constará, como mínimo, de:

a) Un estudo de caracterización, que recollerá a información dispoñible necesaria para avaliar as posibilidades de mellora estrutural e socioeconómica da zona considerada, así como os datos necesarios para determinar a viabilidade económica e financeira da actuación.

b) Un estudo de determinación do perímetro de reestruturación da zona, que conterá información cartográfica precisa sobre o seu deslindamento perimetral e a delimitación da zona de reestruturación, incluíndo a delimitación precisa dos elementos de especial protección de carácter histórico-cultural, arqueolóxico, paisaxístico, forestal, mineiro, ecolóxico, ambiental e calquera outro que a normativa sectorial vixente determine.

c) Unha delimitación, o máis pormenorizada posible, do perímetro do solo de núcleo rural, solo urbano e solo urbanizable dentro do perímetro de reestruturación parcelaria.

d) Unha avaliación das fontes cartográficas existentes e a súa posibilidade de emprego no proceso. No caso de non existir unha fonte adecuada, procederase ao levantamento cartográfico do parcelario.

e) Unha análise das explotacións agrarias e proxectos agrarios con compromiso asinado, a súa superficie actual, os réximes de tenza, a posibilidade de expansión, a posibilidade de novas incorporacións á actividade agraria e a mellora na viabilidade das explotacións como resultado do proceso, así como calquera outra que teña interese en relación con elas.

f) A resolución favorable do órgano ambiental respecto da avaliación de impacto ambiental da zona de reestruturación parcelaria. Para iso, procederase previamente segundo o establecido na normativa de avaliación de impacto ambiental.

g) Unha prospección arqueolóxica de carácter extensivo, identificando os bens de interese histórico-cultural, arqueolóxico, etc., que a lexislación determine como obrigatoria.

h) Unha relación de entidades e actores de relevancia para a execución do proceso, así como actuacións, plans ou programas que se deben ter en conta.

i) Calquera outro estudo que se considere relevante ou que a lexislación sectorial determine.

j) Conclusións e avaliación global da viabilidade da zona que se vai reestruturar.

6. O contido do estudo será dado a coñecer á xeneralidade das persoas interesadas no proceso mediante aviso inserido no Diario Oficial de Galicia e poderá ser consultado, durante o prazo dun mes, no concello ou concellos afectados, na sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural e, adicionalmente, por calquera outro medio que se determine regulamentariamente. Durante este prazo poderanse realizar achegas ao estudo, que serán analizadas polo servizo provincial competente e, de ser o caso, incorporadas para a súa redacción final.

7. Naquelas zonas cuxo estudo previo de iniciación indique a non viabilidade da reestruturación parcelaria para ela, poderase realizar unha valoración de actuacións alternativas para a consecución dos obxectivos desta lei.

Artigo 10. Inicio do proceso

1. De acadar un resultado positivo o estudo previo de iniciación da zona, por proposta da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural declararase, mediante decreto do Consello da Xunta, a utilidade pública da súa reestruturación parcelaria.

2. O decreto conterá os seguintes pronunciamentos:

a) A declaración de utilidade pública da reestruturación parcelaria da zona de que se trate.

b) A delimitación do perímetro da zona de reestruturación parcelaria segundo se determina no estudo previo de iniciación, sen prexuízo das rectificacións deste que procedan conforme o disposto no artigo 23.

c) A declaración da zona de reestruturación parcelaria como zona de actuación agraria prioritaria, nas condicións establecidas pola normativa en materia de mobilidade de terras.

3. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, publicado o decreto, comunicará este dato ás notarías actuantes na zona e ao rexistro da propiedade que corresponda, así como a todos aqueles departamentos das administracións públicas que poidan resultar afectados polo proceso de reestruturación, e ás persoas interesadas en xeral, a través da sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

Artigo 11. Efectos do proceso de reestruturación parcelaria

1. Declarada de utilidade pública a reestruturación parcelaria dunha zona, esta será obrigatoria para todas as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do perímetro de reestruturación, así como para os operadores públicos e privados de redes de subministración, infraestruturas e aproveitamentos.

2. Desde a entrada en vigor do decreto de declaración da utilidade pública da reestruturación parcelaria, todo adquirente a título oneroso ou lucrativo de terreos afectados polo proceso quedará subrogado en todos os dereitos e obrigas do transmitinte que deriven do devandito proceso.

3. Así mesmo, publicado o decreto de declaración de utilidade pública da reestruturación parcelaria, calquera actuación que leven a cabo outros órganos de calquera outra administración pública deberá adaptar as súas actuacións, agás declaración de prevalencia, á fase do proceso de reestruturación que se estea levando a cabo.

Artigo 12. Obrigas das persoas titulares

1. A persoa titular dun dereito de propiedade ou de uso e gozo naquelas zonas en que se realice un proceso de reestruturación parcelaria cualificada de utilidade pública quedará obrigada a:

a) Coidar as parcelas de achega mentres non se produza a toma de posesión dos novos predios de substitución, sen que poida cortar ou derrubar arboredo, suprimir plantacións permanentes ou realizar actos que poidan diminuír o valor da parcela de achega sen a autorización previa do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.

b) Impedir o estado de abandono dos predios de substitución atribuídos, mantendo as terras cultivadas conforme a súa capacidade agronómica e o aproveitamento adecuado dos seus recursos, respectando os seus valores medioambientais, facendo fronte, por si mesma ou por cesión a terceira persoa, aos compromisos adquiridos durante un período mínimo de dez anos a partir de que o acordo de reestruturación parcelaria sexa firme ou, na súa falta e polo mesmo período de tempo, incorporar ao Banco de Terras os predios de substitución atribuídos en que non se poida garantir o compromiso.

O incumprimento desta obriga será sancionado conforme o artigo 37.3.f) da vixente Lei de mobilidade de terras.

c) Nos casos sinalados no artigo 21, manter os predios de substitución atribuídos en explotación conforme o determinado para elas no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria da zona, durante un período de quince anos desde que o acordo de reestruturación parcelaria sexa firme.

d) Manter indivisos os predios de substitución nas condicións legalmente establecidas, agás nos casos recollidos no artigo 72.

e) Consentir o acceso ás súas terras cando sexa necesario para a correcta execución dos traballos técnicos relacionados coa reestruturación parcelaria e proceder á roza e limpeza de malezas total ou parcial dos terreos, cando sexa necesario para os ditos traballos.

f) Colaborar no proceso coa consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, achegando canta información sexa necesaria para a súa execución.

2. O incumprimento das anteriores obrigas dará lugar á imposición das sancións que se determinan no título X desta lei, coa excepción do sinalado na alínea b), todo iso sen prexuízo de que, no caso do incumprimento dos supostos recollidos nas alíneas b) e c) do punto anterior, o causante deba aboar os custos da reestruturación segundo se estableza regulamentariamente.

3. As persoas titulares de predios de substitución, unha vez outorgada a toma de posesión provisional ou definitiva, serán responsables dos danos causados nos predios dos estremeiros que non sexan consecuencia do uso normal do inmoble, por incumprimento das obrigas recollidas no número 1 deste artigo.

CAPÍTULO II Órganos competentes en materia de reestruturación parcelaria

Artigo 13. Órganos competentes en reestruturación parcelaria

A execución do proceso de reestruturación parcelaria levaraa a cabo a consellaría competente en desenvolvemento rural, a través da dirección xeral que corresponda por razón da materia, que actuará a nivel provincial a través do servizo competente en materia de reestruturación parcelaria, auxiliado por:

a) O comité técnico asesor de reestruturación parcelaria.

b) A xunta de titulares.

c) A xunta local de zona.

d) O grupo auxiliar de traballo.

Artigo 14. O comité técnico asesor de reestruturación parcelaria

1. O comité técnico asesor de reestruturación parcelaria, órgano de asesoramento de carácter provincial, ten como función principal a coordinación entre as diferentes actuacións de mellora da estrutura territorial agraria levadas a cabo na provincia e entre os diferentes organismos que teñen relación cunha actuación concreta para cada zona de reestruturación parcelaria. O comité emitirá informes non vinculantes naqueles temas especificamente sinalados nesta lei.

2. O comité técnico asesor estará presidido pola persoa titular da delegación territorial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente por razón de localización da zona, ou persoa que a represente, e estará formado, como membros natos, por unha persoa representante por cada un dos departamentos e entidades competentes en materia de:

a) Desenvolvemento rural.

b) Xestión do Banco de Terras.

c) Produción agropecuaria.

d) Montes.

e) Conservación da natureza.

f) Xestión de augas.

g) Urbanismo.

h) Patrimonio cultural.

i) Organizacións profesionais agrarias.

j) Administración local.

Así mesmo, e por razón das súas competencias, será citada ás reunións do comité técnico asesor unha persoa representante de cada un dos seguintes departamentos e entidades:

a) Estradas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estradas do Estado.

c) Xestión da calidade agroalimentaria, denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas.

d) Infraestruturas enerxéticas e minas.

e) Xerencia territorial do catastro.

f) Deputación provincial.

g) Calquera outro departamento, organización ambiental, monte veciñal en man común ou asociación en defensa do patrimonio e aqueloutras entidades ou persoas que por razón da materia teñan incidencia na actuación de mellora da estrutura agraria que se leve a cabo.

Exercerá a secretaría unha persoa funcionaria da xefatura territorial da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural da provincia correspondente, coa condición de licenciada en dereito.

3. A forma de designación dos membros deste comité e o seu funcionamento serán determinados regulamentariamente.

Artigo 15. A xunta de titulares

1. Son membros da xunta de titulares:

a) A totalidade das persoas titulares dun dereito de propiedade ou de uso e gozo de carácter agrario de terras afectadas polo proceso de reestruturación.

b) As persoas titulares de explotacións agrarias con terras afectadas polo proceso de reestruturación.

2. No prazo non superior a un mes a partir do asinamento da acta de inicio dos traballos a que fai referencia o artigo 19, a persoa que exerza a alcaldía do concello, ou, de afectar varios concellos, o de maior superficie incluída na zona, convocará mediante edicto a xunta de titulares.

3. A convocatoria a que se refire o punto anterior levarase a cabo polo menos con quince días de antelación á data da celebración da xunta de titulares. Indicarase o lugar, o día e a hora da reunión e será obxecto de anuncio nos lugares de costume da parroquia ou parroquias, segundo o caso, e no taboleiro de anuncios do concello ou concellos afectados polo proceso.

Así mesmo, a xunta de titulares poderase reunir de forma extraordinaria por solicitude de polo menos o 20 % das persoas integradas na listaxe que se recolle no número 1, seguindo o procedemento do número 3, cando se dean circunstancias excepcionais que fagan necesaria tal convocatoria, ou ben por solicitude da xunta local.

4. Son funcións da xunta de titulares, que exercerá ata o momento da aprobación do acordo de reestruturación parcelaria:

a) Elixir os seus representantes e suplentes na xunta local de zona e no grupo auxiliar de traballo.

b) Propoñer á xunta local de zona a substitución dunha ou varias das persoas que a representan nela, ou no grupo auxiliar de traballo, polas seguintes causas:

1º. Por morte da persoa titular.

2º. Por enfermidade grave que imposibilite permanentemente a súa asistencia.

3º. Por renuncia expresa.

4º. Cando deixen de concorrer nelas os requisitos establecidos no punto 1 deste artigo.

5º. Por decisión da propia xunta de titulares na convocatoria extraordinaria regulada no número 4, en función de circunstancias excepcionais.

Neste último caso, a decisión deberá ser ratificada pola dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, logo do informe do servizo provincial correspondente.

Artigo 16. A xunta local

1. A xunta local de zona é un órgano colexiado formado por:

a) Presidencia, con voto de calidade: a persoa que exerza a xefatura do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.

b) Secretaría: una persoa funcionaria da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural coa condición de licenciada en dereito, designada pola persoa titular da delegación territorial que corresponda, que actuará con voz pero sen voto.

c) Asesoría: unha persoa do equipo técnico agronómico da empresa contratada para a realización material dos traballos de reestruturación parcelaria, que actuará, de ser o caso, como asesora con voz pero sen voto.

d) Vogalías:

1º. A persoa que exerza a alcaldía do concello ou concellos en que se sitúa a zona de reestruturación, ou quen esta designe.

2º. Catro persoas representantes da xunta de titulares, elixidas conforme se estableza regulamentariamente.

3º. A persoa técnica do servizo provincial encargado da zona, designada pola persoa que exerza a xefatura do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.

4º. A persoa técnica da oficina agraria comarcal correspondente á zona, designada pola persoa titular da xefatura territorial.

5º. A persoa que exerza a xefatura do servizo provincial competente en materia de montes ou persoa en quen delegue.

6º. Unha persoa representante da entidade xestora do Banco de Terras.

No caso de que a zona de reestruturación abranga máis dun concello, formarán parte da xunta local as persoas representantes de todos os concellos afectados e as vogalías incrementaranse no número correspondente.

2. As funcións da xunta local son:

a) Colaborar co servizo provincial competente na materia en todo aquilo para o que sexa requirida, cooperando nos traballos técnicos e en cantas cuestións de orde práctica contribúan ao mellor coñecemento e concreción das situacións de feito na zona en que se vai actuar, e especificamente no estudo das propostas de exclusións, reservas e modificacións do perímetro.

b) Emitir informe sobre as bases de reestruturación parcelaria e o acordo de reestruturación parcelaria.

c) Substituír calquera das persoas que exerzan as vogalías representantes da xunta de titulares por calquera das causas recollidas na alínea b) do número 5 do artigo 15.

d) Emitir, por propia iniciativa, informes sobre cuestións relacionadas coa reestruturación parcelaria ante o servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.

3. A xunta local constituirase nun prazo non superior a un mes, contado a partir do día seguinte ao da elección das persoas representantes da xunta de titulares e quedará disolta, xunto con esta, unha vez aprobado o acordo de reestruturación parcelaria.

4. O funcionamento da xunta local determinarase regulamentariamente.

Artigo 17. O grupo auxiliar de traballo

1. O grupo auxiliar de traballo é un órgano formado polas persoas titulares de dereitos de propiedade ou de uso e gozo de carácter agrario residentes dentro da parroquia ou parroquias onde radique a zona de reestruturación, que ten como función asesorar e colaborar coa xunta local e co equipo técnico actuante no proceso, especialmente nos traballos de clasificación de terras.

2. É competencia do conxunto das persoas representantes da xunta de titulares na xunta local e do grupo auxiliar de traballo colaborar co equipo técnico do servizo provincial encargado da zona e, de ser o caso, coa empresa contratada, para a fixación das clases de terra, a determinación das parcelas tipo, os coeficientes de compensación e o estudo das reclamacións de clasificación na fase de enquisa das bases, se é o caso.

3. O grupo auxiliar de traballo estará constituído por un mínimo de catro persoas e un máximo do 3 % das persoas integradas na listaxe total sinalada no número 1 do artigo 15, tendo en conta que, no caso de ser este inferior ao mínimo, se nomearán sempre catro membros, e os seus suplentes en igual número.

Os seus membros, titulares e suplentes, será elixidos pola xunta de titulares na mesma asemblea convocada para a elección das persoas representantes das persoas titulares na xunta local de zona, procurando que nela estean representadas todas as entidades de poboación incluídas dentro do perímetro de reestruturación.

CAPÍTULO III O procedemento de reestruturación parcelariaj

Artigo 18. Fases e actuacións complementarias da reestruturación parcelaria

1. O proceso de reestruturación parcelaria comprenderá as seguintes fases:

a) Bases de reestruturación parcelaria.

b) Acordo de reestruturación parcelaria.

c) Acta de reorganización da propiedade.

2. No procedemento de reestruturación parcelaria inclúense as seguintes actuacións complementarias e necesarias para o seu desenvolvemento:

a) A preparación dos planos parcelarios cartográficos.

b) A elaboración do documento ambiental previo e do estudo de impacto ambiental, se é o caso.

c) A elaboración do Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

d) A elaboración do plan de obras.

e) A implantación dos predios de substitución.

f) A inmatriculación rexistral destes.

3. Así mesmo, forman parte do procedemento de reestruturación parcelaria o conxunto das actuacións sobre as infraestruturas sinaladas no número 2 do artigo 8, e que se desenvolven no título VI.

4. Determinaranse regulamentariamente os procedementos técnicos de execución das diferentes operacións que forman parte das devanditas actuacións.

Artigo 19. Bases de reestruturación parcelaria

1. A acta de inicio dos traballos, documento que determina a data de comezo da execución das bases de reestruturación parcelaria, será asinada pola persoa titular da xefatura do servizo provincial competente na materia, a persoa que exerza a dirección dos traballos, nomeada por aquela, e, se é o caso, unha persoa representante da empresa contratada para a execución dos traballos. Esta acta será comunicada ás persoas titulares das alcaldías do concello ou concellos afectados e publicada na sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

2. Para a realización dos traballos que forman parte das bases de reestruturación parcelaria farase necesario proceder á execución das operacións de definición do parcelario, investigación da propiedade e clasificación de terras e á redacción do correspondente Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, tal e como se recollen no artigo 4 desta lei.

3. Recollidos, como consecuencia das operacións indicadas no punto anterior, todos os datos necesarios para a redacción das bases, o servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria poderá proceder a inserir os avisos de exposición e enquisa pública a que fai referencia o artigo 42.1, determinando que, durante o período dun mes, se fará entrega ás persoas titulares de dereitos de propiedade ou de uso e gozo de carácter agrario, ou ás súas representantes que así o soliciten, do correspondente documento resumo en que se relacionan os datos que as afecten e cuxo contido será determinado regulamentariamente.

4. Durante o prazo establecido no punto anterior, as persoas afectadas pola reestruturación parcelaria poderán formular, por escrito, as alegacións que consideren oportunas, presentando os documentos en que as fundamenten.

5. As alegacións presentadas, se for o caso, como resultado da enquisa serán obxecto de estudo de forma individual polo servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria, que introducirá, na documentación integrante das bases, aquelas que motivadamente se consideren e arquivará as desestimadas ou as presentadas fóra do prazo establecido.

6. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá, de ser o caso, ordenar a repetición das actuacións de exposición e enquisa recollidas no número 3 deste artigo.

Artigo 20. O Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria

1. Para cada zona de reestruturación parcelaria redactarase e aprobarase, previamente á aprobación das bases, un Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, de acordo co definido no artigo 4.

2. Neste plan serán tidos en conta os instrumentos de ordenación urbanística e as Directrices de ordenación do territorio de Galicia, así como as limitacións legais que eventualmente poidan afectar os diferentes cultivos e aproveitamentos en áreas específicas. Así mesmo, poderase ter en conta calquera iniciativa que incida na mitigación e adaptación para os efectos do cambio climático.

3. O Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria será sometido ao informe do comité técnico asesor e a un procedemento de exposición pública na forma sinalada no número 1 do artigo 42, por un período dun mes, durante o cal se poderán presentar alegacións a el, que serán estudadas e resoltas polo servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.

4. Unha vez finalizado ese proceso e, se é o caso, incorporadas a este as modificacións pertinentes, o plan será aprobado pola dirección xeral competente, logo da solicitude do servizo provincial, e pasará a ter carácter vinculante para todos aqueles aspectos relativos á ordenación de usos agrarios.

5. O plan aprobado será comunicado ao concello ou concellos afectados.

6. Aprobado o plan, calquera cambio nos usos das terras afectadas por este deberá ser resolto pola dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, logo do informe do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.

7. Unha vez aprobado e durante a súa vixencia, cando as circunstancias así o demanden, o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria poderá ser modificado mediante un procedemento que se determinará regulamentariamente.

Artigo 21. Integración no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria

1. Durante a elaboración dos documentos que compoñen as bases de reestruturación parcelaria, abrirase un prazo para a inscrición provisional das explotacións agrarias, as agrupacións de titulares, as iniciativas singulares e as iniciativas de aproveitamento en común interesadas en integrarse no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

2. As condicións para a integración no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria das inscricións sinaladas no punto anterior serán as seguintes:

a) A incorporación voluntaria, debidamente acreditada, de todos os partícipes e o compromiso de integrar no plan a totalidade das súas parcelas de achega, con excepción, se é o caso, da casa de labor e os seus terreos circundantes e daquelas parcelas que, por circunstancias especiais debidamente xustificadas, o servizo provincial competente así o autorice.

O conxunto de terreos achegados debe ser suficiente para acadar o tamaño mínimo determinado no plan para a orientación prioritaria proposta. No caso de non acadar ese tamaño mínimo, poderase complementar co compromiso de incremento deste.

b) O cultivo ou aproveitamento a que se van dedicar as terras debe formar parte das orientacións prioritarias sinaladas no plan.

c) O compromiso de manter o conxunto das terras en explotación conforme o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, durante un período mínimo de quince anos desde que o acordo de reestruturación sexa firme, ou, no caso de cesamento de actividade, en arrendamento coas mesmas condicións polo prazo que reste ata completar o citado período mínimo. No caso de aproveitamentos forestais, o prazo mínimo será de vinte e cinco anos ou o prazo establecido no plan de ordenación aprobado pola autoridade forestal.

3. A inscrición e o compromiso deberán ser confirmados unha vez aprobadas as bases de reestruturación, segundo o sinalado no número 2 do artigo 26, e pasará entón a ter carácter definitivo.

4. Poderán formar parte da petición de integración no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria aqueles solicitantes, persoas físicas ou xurídicas non titulares de bens ou dereitos na zona, sempre e cando se incorporen como socios de figuras asociativas de que formen parte titulares e se cumpran os restantes requisitos sinalados neste artigo.

5. As agrupacións, explotacións ou iniciativas incorporadas de maneira activa ao plan terán prioridade na localización dos predios de substitución en áreas de ordenación preferente, de ser o caso, e os criterios de atribución serán os de mellorar a súa estrutura territorial para incrementar a súa competitividade en termos técnicos, económicos e sociais. Así mesmo, gozarán dos beneficios sinalados no artigo 31.

Artigo 22. Contido das bases de reestruturación parcelaria

A documentación que forma parte das bases de reestruturación parcelaria estará constituída por:

1. Un conxunto de planos parcelarios, que conterán:

a) A delimitación do perímetro e da zona de reestruturación modificados, se é o caso, segundo o disposto nos artigos 23 e 24.

b) A localización e cartografado da rede hidrográfica, construcións, muros, valados, ribazos e, en xeral, calquera outro elemento do terreo que, polo seu interese no procedemento, deba ser fielmente reflectido na cartografía.

c) A rede de infraestruturas existentes.

d) A delimitación da totalidade das parcelas de achega.

e) A delimitación das liñas divisorias entre as diferentes clases de terras obtidas no procedemento de clasificación.

f) De ser o caso, a delimitación das áreas con circunstancias especiais atendendo os seus valores extraagrarios, especialmente o perímetro do solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable.

g) A delimitación de cultivos con dereitos de plantación, de ser o caso.

h) Un plano de aproveitamento de augas, con expresión de mananciais e canles sobre os que opere o aproveitamento e dos seus respectivos coeficientes.

i) Un plano cos montes veciñais en man común, os montes de utilidade pública e os montes de xestión pública.

j) Unha relación de parcelas de achega sobre as cales se concedese calquera subvención que exixa un compromiso de mantemento no tempo.

2. Unha relación de datos persoais das persoas titulares e, se for o caso, dos seus representantes legais.

3. Unha relación das parcelas de achega coas súas características de superficie, perímetro e clasificación por clases de terra, así como das situacións xurídicas que afecten a propiedade, a posesión ou o aproveitamento destas.

4. Unha relación das diferentes clases de terra existentes na zona, das parcelas tipo elixidas, dos seus respectivos coeficientes de compensación e, se é o caso, dos factores de corrección aplicados.

5. A declaración de dominio das parcelas de achega a favor de quen as posúa en concepto de dono e a relación individualizada de cada unha delas, coa súa superficie total e por clases de terra.

6. Unha relación individualizada por parcela de achega dos gravames, arrendamentos e demais titularidades e situacións xurídicas que afecten a propiedade, posesión ou gozo determinadas no proceso de investigación.

7. De ser o caso, unha relación de dereitos de plantación de viñedos ou outros cultivos, individualizada por parcelas de achega e agrupada por titulares, unha relación de parcelas de achega excluídas segundo o establecido no artigo 24 e a modificación do perímetro de reestruturación segundo o establecido no artigo 23.

8. Unha relación de explotacións agrarias incluídas na zona de reestruturación, en que consten os nomes das persoas titulares e a relación de parcelas de achega, referindo superficies, titularidade individual e modos de tenza.

9. Unha relación de agrupacións de titulares, na que consten os seus nomes e a relación de parcelas de achega, referindo superficies, titularidade individual e modos de tenza.

10. Unha relación das solicitudes de inscrición no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria segundo o sinalado no artigo 21, debidamente asinadas pola totalidade de titulares ou os seus representantes legais. A estas solicitudes achegarase o compromiso provisional de mantemento da iniciativa por un período mínimo de quince anos a partir de que o acordo sexa firme.

11. Unha relación dos montes veciñais en man común clasificados coa súa delimitación, así como dos que estean en trámite de clasificación, incluídos total ou parcialmente na zona de reestruturación, e os montes de utilidade pública e os de xestión pública.

12. Unha relación de bens e dereitos das administracións afectadas polo proceso, indicando a súa natureza dominical.

13. Unha relación das parcelas de achega reservadas que, por razón de melloras excepcionais, polo seu valor extraagrario ou por algunha outra circunstancia motivada, non teñan equivalente compensatorio sen prexuízo para a persoa titular. Estas parcelas non serán excluídas das bases, pero serán adxudicadas ás mesmas persoas titulares que as achegaron, aínda que estarán suxeitas, en todo caso, ás deducións sinaladas no artigo 31 e, no caso de parcelas únicas, ás recollidas no artigo 32 desta lei.

14. De ser o caso, unha relación de parcelas de achega excluídas segundo o establecido no artigo 24 e a modificación do perímetro de reestruturación segundo o establecido no artigo 23.

15. Un estudo de impacto e integración paisaxística que conteña o catálogo de elementos estruturais e funcionais, naturais ou artificiais, para conservar durante o proceso, co fin de manter, na medida do posible, as características paisaxísticas máis relevantes e valiosas.

16. Unha relación de compromisos asinados para novos proxectos agrarios no perímetro de reestruturación parcelaria.

Artigo 23. Modificación do perímetro de reestruturación

1. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá, durante a fase de elaboración das bases, rectificar o perímetro de reestruturación cando sexa necesario, entre outras razóns, por exixencias técnicas, de carácter histórico-cultural, arqueolóxico, paisaxístico, mineiro ou medioambiental, ou para adaptalo aos límites das unidades xeográficas, administrativas ou naturais, cando estas servisen de base de partida para a delimitación inicial do perímetro, logo do informe do servizo provincial correspondente.

2. A rectificación do perímetro afectará sempre parcelas enteiras, sen que poida existir segregación, aínda que esta sexa legalmente posible, agás coa autorización do seu titular.

3. A rectificación do perímetro será comunicada ás persoas interesadas na forma en que se prevexa regulamentariamente.

Artigo 24. Modificación da zona de reestruturación

1. A zona de reestruturación pode ser modificada:

a) Por delimitación de novas áreas susceptibles de ser excluídas do proceso a partir da comunicación aos organismos sinalada no número 3 do artigo 9.

b) Por exclusión de parcelas pola dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, logo do informe do servizo provincial correspondente e oída a xunta local, por concorreren nelas circunstancias que económica e agrariamente así o determinen e cos seguintes condicionantes:

1º. A condición de bens comunais, montes veciñais en man común, montes de utilidade pública ou montes consorciados non será causa de exclusión do proceso de reestruturación parcelaria.

2º. Os bens destinados a un servizo público poderán ser excluídos se as entidades titulares así o solicitan.

c) Por inclusión de parcelas que inicialmente non formaban parte da zona de reestruturación, ben por mor da ampliación do perímetro á que fai referencia o artigo 23 ou ben por variación das causas que motivaban a súa non inclusión inicial.

d) Por segregación dunha zona en dous ou varios sectores, logo do informe favorable da xunta local.

En todos os casos, a modificación da zona de reestruturación deberá ser aprobada pola dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, logo do informe do servizo provincial.

2. A declaración de parcelas reservadas, por parte da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, logo do informe do servizo provincial correspondente e oída a xunta local, non supoñerá modificación da zona.

Artigo 25. Montes veciñais en man común

A cualificación como monte veciñal en man común non impedirá a súa inclusión no proceso de reestruturación parcelaria, que se levará a cabo tendo en conta as seguintes particularidades:

1. As parcelas de monte veciñal en man común, cualificado como tal, con superficies superiores a quince hectáreas serán incluídas no proceso de reestruturación parcelaria para os únicos efectos da regularización do seu perímetro, sen aplicárselles o réxime de deducións establecido nesta lei, agás o relativo, de ser o caso, á dedución consecuencia da documentación de autorización ambiental.

Malia o disposto no parágrafo anterior, a asemblea xeral do monte veciñal en man común poderá solicitar, achegando autorización do órgano competente en materia de montes, a agrupación das parcelas dispersas coas parcelas de superficie superior a quince hectáreas; neste caso, seranlles aplicables, ás primeiras, as normas xerais sobre deducións establecidas nesta lei.

2. Con carácter xeral, ás parcelas dun monte veciñal en man común, cualificado como tal, con superficies inferiores a quince hectáreas seralles aplicable o recollido nesta lei.

3. Aos terreos en trámites de cualificación como montes veciñais en man común, unha vez resolto o correspondente expediente, seranlles aplicables, segundo o caso, os puntos anteriores, sempre e cando a resolución de cualificación se produza con anterioridade á aprobación das bases de reestruturación parcelaria. No caso contrario, aplicaránselles as normas xerais sobre deducións establecidas nesta lei.

4. Aos montes que carezan da cualificación de montes veciñais en man común ou que, tramitada esta, resultase denegada seranlles aplicables as normas xerais sobre deducións establecidas nesta lei.

5. No caso de discrepancias sobre o deslindamento das parcelas de monte veciñal en man común cualificado como tal ou en trámites de cualificación, reflectirase na documentación do proceso de reestruturación parcelaria a determinación que das estremas faga o órgano competente en materia de montes, mediante a solicitude de informe, que deberá ser emitido no prazo dun mes desde a recepción da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se emitise o mencionado informe, continuarase o procedemento.

Artigo 26. Aprobación e comunicación das bases de reestruturación parcelaria

1. Á vista do resultado do procedemento de elaboración das bases de reestruturación parcelaria e da viabilidade da continuación deste, o comité técnico asesor emitirá informe non vinculante dirixido á dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, no que recomende a continuación do proceso ou, no caso contrario, a súa suspensión ou o seu arquivamento. Este informe deberá ser emitido con anterioridade dun mínimo dun mes previo á convocatoria da xunta local de zona a que fai referencia o punto seguinte.

2. Logo do informe a que fai referencia o punto anterior e do informe favorable do servizo provincial competente, oída a xunta local, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural acordará aprobar as bases de reestruturación parcelaria ou, no caso contrario, a súa revisión, suspensión temporal ou arquivamento do expediente.

3. Aprobadas as bases de reestruturación parcelaria, o servizo provincial competente procederá á súa exposición pública e á notificación individual do boletín individual de propiedade, que contén o resumo dos datos relativos a cada titular e ás súas achegas, con determinación das súas superficies e clasificacións, todo iso conforme determina o artigo 42 desta lei.

Artigo 27. Recursos e firmeza das bases de reestruturación parcelaria

1. No prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de recepción da notificación do boletín individual da propiedade, quen teña un dereito subxectivo ou un interese directo, persoal e lexítimo no asunto que o motive poderá interpoñer recurso de alzada contra as bases de reestruturación parcelaria ante a persoa titular da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

2. Constitúen exclusivamente materia de recurso de alzada contra as bases de reestruturación parcelaria as reclamacións en materia de clasificación, superficie ou titularidade das parcelas de achega.

3. As reclamacións relacionadas coa superficie das parcelas achegadas deberán ir acompañadas de medición pericial, asinada por persoa técnica competente, sobre diferenzas de superficie superiores a unha marxe de tolerancia variable entre a medición in situ da parcela de achega sobre a que se reclame e a que conste no boletín individual da propiedade.

A marxe de tolerancia, expresada en tanto por cento, a que se refire o parágrafo anterior será en cada caso a que reflicte a seguinte táboa:

[figura]

sendo P o perímetro do recinto expresado en metros lineais, e S, a superficie da parcela expresada en metros cadrados.

Cando a marxe calculada pola táboa anterior amose un valor superior ao 10 %, adoptarase como marxe de tolerancia un 10 %.

4. Unha vez resoltos os recursos presentados en prazo e as reclamacións de falta de superficie a que fai referencia o punto anterior, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural declarará a firmeza das bases de reestruturación parcelaria, logo da solicitude do servizo provincial competente na materia.

Transcorridos tres meses desde a interposición dun recurso de alzada sen que recaese resolución expresa, este entenderase desestimado por silencio administrativo.

5. Esgotada a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso- administrativo, que só será admisible polas causas estipuladas no número 2 deste artigo.

6. A resolución do recurso contencioso-administrativo executarase, no posible, de maneira que non implique prexuízo para a reestruturación parcelaria.

7. As lexítimas persoas titulares dos terreos obxecto de reestruturación parcelaria, ou os seus representantes, poderán presentar mediante escrito, dentro dos tres meses seguintes á aprobación das bases de reestruturación parcelaria, as solicitudes que consideren oportunas, sempre que non versen sobre materias propias de recurso de alzada e non afecten terceiras persoas.

O servizo provincial incorporará as modificacións que motivadamente se consideren e arquivará, sen máis trámite, as desestimadas ou presentadas fóra do prazo. Estas actuacións non son susceptibles de recurso.

8. Unha vez declaradas firmes as bases, non se poderán levar a cabo modificacións delas, agás o recoñecemento de titularidade de parcelas sen dono coñecido ou o disposto no artigo 41.3. Estas modificacións serán, en calquera caso, notificadas ás persoas titulares afectadas, e, no caso das parcelas sen dono coñecido, ao Ministerio Fiscal.

Así mesmo, poderán modificarse as bases firmes conforme a ratificación do compromiso de integración no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria que resulte conforme o punto 2.b) do artigo 28.

Artigo 28. Actuacións previas ao acordo de reestruturación parcelaria

1. Os traballos de elaboración do acordo de reestruturación parcelaria poderán ser iniciados, por parte da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, a partir da aprobación das bases de reestruturación parcelaria, agás o deseño do trazado da rede viaria, que se poderá iniciar con anterioridade.

2. Na execución dos traballos técnicos inherentes á elaboración do acordo, tendo como base o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria que se recolle no artigo 20, procederase a:

a) A revisión do dito plan de acordo cos datos obtidos nas bases de reestruturación parcelaria.

b) A ratificación do compromiso de integración no plan por parte das explotacións, agrupacións e iniciativas de aproveitamento en común e, de ser o caso, a modificación dos seus datos, segundo o sinalado no artigo 21, elaborándose unha relación definitiva destas.

c) A determinación, a partir da antedita relación definitiva de agrupacións, explotacións e iniciativas de aproveitamento en común, do número de explotacións e da superficie mínima necesaria para a aplicación do Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, tanto nas áreas de ordenación preferente como no resto da zona de reestruturación.

d) A elaboración, pola entidade xestora do Banco de Terras, dun estudo de mobilidade de terras, que determine as superficies susceptibles de seren incorporadas ás explotacións en réxime de arrendamento, así como os seus custos.

O deseño do trazado da rede viaria será sometido a exposición pública durante un período de trinta días naturais, no cal, mediante escrito, se poderán presentar cantas alegacións se coiden oportunas.

As anteditas alegacións serán obxecto de estudo polo servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria, que, motivadamente, introducirá as modificacións que tecnicamente se consideren pertinentes e arquivará as desestimadas ou presentadas fóra do prazo establecido.

Artigo 29. Predios de substitución

1. O acordo de reestruturación parcelaria reflectirase na documentación cartográfica en que se plasme a distribución da nova rede viaria e os predios de substitución. Estes deberán ser equivalentes en valor, para cada persoa titular, ás parcelas achegadas por esta, unha vez efectuadas as deducións xerais sinaladas no artigo 31 e, no caso de parcelas únicas, as recollidas no artigo 32 desta lei.

2. Para os efectos do deseño dos novos predios de substitución, serán consideradas como un único titular cada unha das explotacións, das agrupacións de titulares e das iniciativas agrarias de explotación en común.

As atribucións totais das agrupacións de titulares ou das iniciativas agrarias de explotación en común corresponderanse coa suma das achegas individuais de cada unha das persoas titulares integrantes delas, feitas as deducións legalmente establecidas. Serán determinados xuridicamente e delimitados cartograficamente os predios de substitución que individualmente lle correspondan a cada partícipe e as servidumes prediais e as restantes cargas que, se é o caso, se establezan.

3. Trasladaranse aos predios de substitución respectivos aqueles dereitos de plantación de viñedo ou outros cultivos sobre parcelas achegadas á reestruturación parcelaria recoñecidos conforme a normativa vixente.

4. Para a preparación do acordo de reestruturación parcelaria, as persoas titulares poderán poñer de manifesto, por escrito e de xeito razoado, as súas preferencias sobre a localización dos futuros predios de substitución, durante o prazo sinalado polo servizo provincial e determinado regulamentariamente. En ningún caso estas preferencias terán carácter vinculante nin condicionarán os resultados técnicos do proceso.

5. Localizaranse nas áreas de ordenación preferente, de existiren, os predios de substitución correspondentes ás persoas titulares, explotacións, agrupacións e iniciativas de aproveitamento en común que cumpran os requisitos sinalados no artigo 21 desta lei e que ratificasen o compromiso de integración no plan a que fai referencia o artigo 28.

No caso daquelas orientacións prioritarias que non ocupen áreas de ordenación preferente, o criterio de localización para as ditas explotacións, agrupacións e iniciativas será o de mellora obxectiva da viabilidade da unidade técnico-económica resultante.

6. Nas zonas cualificadas como áreas sen aptitude específica, adoptaranse como criterios non vinculantes para a distribución dos novos predios de substitución a localización das parcelas achegadas e as melloras existentes nelas.

7. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá destinar, para fins de interese xeral, predios de substitución con cargo á masa común ata un máximo do 0,3 % da puntuación total das achegas da zona, por petición debidamente motivada da xunta local, logo do informe favorable do concello ou concellos, do servizo provincial competente e da entidade xestora do Banco de Terras. A persoa titular destes predios de substitución será o concello ou concellos onde se localicen.

8. Por petición motivada do concello ou concellos afectados polo proceso e para destinalos a equipamentos colectivos, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá atribuír, con cargo á masa común, ata un máximo do 0,3 % –deducidos os valores dos bens patrimoniais que o citado concello ou concellos teñan na zona– da puntuación total das achegas, todo isto sen prexuízo do disposto polo artigo 34 respecto do destino da masa común, unha vez declarado firme o acordo de reestruturación parcelaria.

A solicitude será sometida a informe do servizo provincial competente e da entidade xestora do Banco de Terras. A persoa titular de cada predio de substitución será o concello en que se localice o antedito predio.

Artigo 30. Enquisa previa ao acordo de reestruturación parcelaria

1. Unha vez executadas as operacións técnicas de deseño dos novos predios de substitución, o servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria poderá proceder a inserir os avisos de exposición e enquisa pública a que fai referencia o artigo 42.1, determinando que durante o período dun mes se fará entrega ás persoas titulares ou ás súas representantes que así o soliciten do correspondente documento resumo en que se relacionan os predios de substitución que se lles asignarán e os datos que as afecten. O contido dese documento resumo e o procedemento de entrega desenvolveranse regulamentariamente.

2. Durante o prazo establecido no punto anterior, as persoas afectadas pola reestruturación parcelaria poderán formular, por escrito, as alegacións que consideren oportunas, presentando os documentos en que as fundamenten.

3. As alegacións que se formulen no prazo de enquisa serán obxecto de estudo por parte do servizo provincial competente, incorporando á documentación do proceso aquelas que motivadamente se consideren e arquivando, sen máis trámite, as desestimadas ou as presentadas fóra do prazo establecido.

4. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá ordenar, se é o caso, a repetición da exposición e da enquisa sinaladas nos números 1 e 2 deste artigo.

Artigo 31. Deducións xerais

1. As achegas das persoas titulares afectadas polo proceso de reestruturación estarán sometidas a unha dedución máxima do 9 % do valor total en puntos, agás nos casos sinalados nos números 2 e 3 deste artigo, co fin de contar coa superficie de terreo necesario para a execución das infraestruturas rurais a que fai referencia o número 2 do artigo 8 desta lei, e para a compensación derivada da execución técnica do proceso.

2. A dedución para infraestruturas rurais será como máximo do 6 % do valor total en puntos e afectará a totalidade das persoas titulares da zona na mesma proporción, agás nos casos de parcelas únicas, que se rexerán polas normas específicas recollidas no seguinte artigo.

Excepcionalmente, logo do estudo razoado do servizo provincial, xunto co informe do comité técnico asesor e oída a xunta local, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá incrementar esa porcentaxe ata nun punto porcentual, que se engadirá ao máximo sinalado no punto anterior.

3. A dedución para axuste técnico, que ten como destino a compensación técnica dos axustes entre achegas e atribucións e a súa eventual corrección, será como máximo do 3 % do valor total en puntos, e afectará de igual forma a totalidade das persoas titulares da zona, agás nos casos de parcelas únicas, que se rexerán polas normas especificas recollidas no seguinte artigo, e no das explotacións, agrupacións e iniciativas sinaladas no artigo 21 desta lei, que terán como máximo unha dedución do 2,5 % do valor total en puntos.

No caso das explotacións, agrupacións e iniciativas sinaladas no artigo 21 desta lei, o eventual remanente da compensación técnica do conxunto das súas achegas poderase constituír total ou parcialmente en predios da masa común especificamente dedicados á localización das infraestruturas e equipamentos comúns necesarios para o conxunto das unidades técnico-económicas integradas no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria. A titularidade destes predios da masa común establecerase conforme o disposto no artigo 34 desta lei.

Excepcionalmente, se as medidas de adecuación ambiental ou as que se enfoquen á mitigación dos efectos do cambio climático das actuacións inherentes á reestruturación parcelaria implican a utilización de superficies de terreo de forma que non abonde a dedución legalmente prevista, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, logo do estudo razoado do servizo provincial competente, xunto co informe do comité técnico asesor e oída a xunta local, poderá incrementar esa dedución ata nun punto porcentual, que se engadirá ao máximo sinalado no número 1.

Artigo 32. Deducións en parcelas únicas

1. Ás parcelas únicas existentes antes da publicación do decreto de reestruturación parcelaria para a zona, ou con posterioridade a ela pero anteriormente á acta de inicio dos traballos, aplicaránselles, respecto das deducións, as seguintes normas:

a) Ás parcelas únicas en que existan construcións destinadas a vivenda, pechadas ou non sobre si, pero con acceso a camiño público, non lles serán aplicables as normas xerais sobre deducións. No caso de que carezan de acceso a camiño público, aplicaráselles o desconto correspondente ás obras de infraestruturas rurais sinalado no artigo 31.2.

b) Ás parcelas únicas nas cales non existan construcións destinadas a vivenda aplicaránselles as seguintes deducións:

1º. Parcelas non pechadas sobre si: aplicaránselles as normas xerais sobre deducións contidas no artigo anterior.

2º. Parcelas pechadas sobre si e con acceso a camiño público: non lles serán aplicables as deducións recollidas no artigo anterior.

3º. Parcelas pechadas sobre si pero sen acceso a camiño público: aplicaráselles a dedución que para infraestruturas rurais se establece no artigo anterior.

c) Para os efectos do recollido neste artigo, considérase que unha parcela está pechada sobre si cando conta con estruturas ou elementos físicos que impidan, de maneira efectiva, o acceso a pé ao seu interior.

d) Para os efectos desta lei, considérase acceso a camiño público aquel que permite a incorporación a toda vía de comunicación adecuada para o tránsito rodado de calquera tipo de vehículo de motor.

2. Ás parcelas reservadas seranlles aplicables todas as deducións establecidas no artigo anterior, agás as correspondentes aos axustes técnicos entre achegas e atribucións.

3. No caso de parcela única e reservada, a redución que se lle aplique será a que corresponda ao suposto con menor dedución.

Artigo 33. Contido do acordo de reestruturación parcelaria

A documentación que forma parte do acordo de reestruturación parcelaria estará constituída por:

a) A relación de persoas titulares, o número de parcelas achegadas por cada unha delas, o valor total da superficie achegada, a súa distribución por clases de terra e o seu valor total en puntuación.

b) A relación dos predios de substitución atribuídos a cada titular, numerados conforme a identificación en planos, con expresión dos valores de superficie total, superficie por clases de terra e valor equivalente, indicándose para cada predio de substitución a natureza xurídica dos bens e os gravames e situacións xurídicas derivadas das parcelas de achega, que se axustarán ao reflectido nas bases.

c) A relación das explotacións agrarias, das agrupacións e das iniciativas agrarias de traballo en común que recolla os predios de substitución atribuídos, a súa superficie total e por clases de terra e a puntuación equivalente, así como as persoas titulares que formen parte delas e os predios de substitución que lles corresponden a cada unha, así como as servidumes prediais e as restantes cargas que, se é o caso, deban constar.

d) A relación de explotacións incluídas no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

e) Unha colección da documentación cartográfica en que figurará a distribución da nova rede viaria e os predios de substitución.

Artigo 34. Masa común

1. A finalidade dos predios integrantes da masa común será a compensación derivada da estimación das reclamacións de superficie e das resolucións dos recursos.

2. Os predios que conforman a masa común dunha zona, unha vez declarado firme o acordo, permanecerán adscritos á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, durante o prazo dun ano, contado a partir da citada declaración de firmeza.

3. Durante o prazo en que os predios da masa común permanezan adscritos á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, estes estarán destinados á corrección dos erros detectados no procedemento, quedando reflectida a súa adxudicación, de ser o caso, na correspondente acta complementaria á acta de reorganización da propiedade.

4. Transcorrido o prazo indicado nos puntos anteriores, os predios integrantes da masa común que a entidade xestora do Banco de Terras de Galicia cualifique como de aptos para os seus fins pasarán a ser de titularidade desta, e a dirección xeral competente en materia de reestruturación parcelaria autorizará a correspondente acta complementaria que servirá de base para a súa inscrición rexistral a favor da referida entidade xestora.

5. Transcorrido o prazo sinalado no punto anterior, e dentro dun período dun ano, o Banco de Terras de Galicia poñerá os predios á disposición das persoas titulares das explotacións agrarias integradas dentro do Plan especial de predios de especial vocación agraria. Durante este período de tempo, as ditas explotacións gozarán sobre elas dun dereito preferente de arrendamento ou adquisición para a incorporación ás súas explotacións, logo do cal deberán someterse aos criterios de concorrencia que delimite a normativa establecida para a xestión do Banco de Terras de Galicia.

6. A entidade xestora do Banco de Terras constituirá cos predios sinalados no número 4 e con aqueles que xa forman parte do seu patrimonio un fondo para cada zona de reestruturación parcelaria, dotado cos beneficios obtidos da súa xestión, e con destino a melloras estruturais na zona. A forma de xestión dese fondo desenvolverase regulamentariamente.

7. A titularidade do resto dos bens e dos dereitos que constitúen a masa común corresponderá ao concello ou concellos en que se levou a cabo a reestruturación parcelaria. Os beneficios xerados pola xestión ou alleamento deses predios reverterán en melloras estruturais para cada parroquia afectada pola zona de reestruturación parcelaria, proporcionalmente á superficie achegada por cada unha delas.

Artigo 35. Aprobación e comunicación do acordo de reestruturación parcelaria

1. Unha vez firmes as bases de reestruturación parcelaria, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural aprobará o acordo de reestruturación parcelaria, logo do informe non vinculante da xunta local de zona.

2. Unha vez aprobado o acordo, o servizo provincial competente procederá á súa exposición pública e notificación individual a cada titular mediante o correspondente boletín individual de predios de substitución, conforme o establecido no artigo 42.2 desta lei.

Artigo 36. Recursos contra o acordo de reestruturación parcelaria

1. No prazo dun mes contado desde o día seguinte á data de recepción da notificación, quen teña un dereito subxectivo ou un interese directo, persoal e lexítimo no asunto que o motive poderá interpoñer recurso de alzada contra o acordo de reestruturación parcelaria ante a persoa titular da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

2. Constitúen exclusivamente materia de recurso de alzada contra o acordo as reclamacións relativas ao valor, clase de terra e situación dos predios de substitución atribuídos, respecto dos terreos achegados. Expresamente, non serán motivo de recurso de alzada contra o acordo de reestruturación parcelaria os referentes á titularidade e á clasificación das parcelas de achega ou calquera outra materia que constitúa as bases de reestruturación parcelaria.

3. Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso de alzada sen que recaese resolución expresa, este entenderase desestimado por silencio administrativo.

4. Esgotada a vía administrativa, caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, que só será admisible por vicio substancial no procedemento ou por defecto na apreciación do valor dos predios de substitución, e só no caso en que a diferenza entre o valor en puntuación, segundo criterios edafolóxicos e produtivos, das parcelas achegadas pola persoa recorrente e as recibidas no acordo supoña, cando menos, un prexuízo da sexta parte do valor das primeiras, unha vez efectuadas as deducións legalmente establecidas.

5. A resolución do recurso contencioso-administrativo executarase, no posible, de maneira que non implique prexuízo para a reestruturación parcelaria.

Artigo 37. Toma de posesión provisional e reclamacións de superficie

1. Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de recurso de alzada contra o acordo de reestruturación parcelaria, e sempre que o número dos ditos recursos presentados e pendentes de resolución non exceda un 6 % das persoas titulares da zona, a dirección xeral competente en desenvolvemento rural dará a toma de posesión provisional dos novos predios de substitución ás persoas adxudicatarias, logo da implantación destes, sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia da estimación dos recursos de alzada ou peticións presentadas.

2. Dentro dos dous meses seguintes á data en que se notifique a posta á disposición dos predios de substitución ás persoas titulares adxudicatarias para que tomen posesión deles, poderase reclamar, xuntando unha medición pericial asinada por persoa técnica competente, sobre diferenzas de superficie superiores a unha marxe de tolerancia variable entre a medición in situ do predio de substitución sobre o que se reclame e a que conste no boletín de atribucións dos novos predios.

A marxe de tolerancia, expresada en tanto por cento, a que se refire o parágrafo anterior será en cada caso a que reflicte a seguinte táboa:

[figura]

sendo P o perímetro do recinto expresado en metros lineais, e S, a superficie da parcela expresada en metros cadrados.

Cando a marxe calculada pola táboa anterior amose un valor superior ao 10 %, adoptarase como marxe de tolerancia un 10 %.

3. Se a reclamación é estimada, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá, segundo as circunstancias, rectificar o acordo ou compensar a persoa reclamante con cargo á superficie procedente da masa común, outorgándolle exactamente o valor en puntuación que resulte da resolución.

4. A falta de superficie detectada nun predio de substitución atribuído a un titular non dará lugar a compensación cando exista exceso de superficie no conxunto dos predios de substitución atribuídos a el, e esta sexa suficiente para compensar en valor de puntuación o conxunto das atribucións, todo iso sen prexuízo de que se fagan constar na documentación as superficies reais dos predios de substitución afectados.

5. Cando a falta de superficie a que fai referencia o punto anterior sexa detectada nun predio de substitución clasificado total ou parcialmente como de núcleo rural, a compensación levarase a cabo sobre predios de substitución desa mesma clasificación. No caso de non existiren predios de substitución deste tipo dispoñibles e existir exceso de superficie nos outros predios da mesma persoa propietaria, a compensación farase sobre estes últimos.

6. No caso de que un predio de substitución coincida exactamente na súa delimitación cartográfica cunha parcela achegada pola mesma persoa titular, non se admitirá ningunha reclamación por defecto de superficie nese predio de substitución, ao se entender que a dita reclamación tería que ser presentada e, de ser o caso, resolta durante a fase de bases de reestruturación parcelaria, todo iso sen prexuízo de reflectir na documentación das bases e do acordo a superficie real.

7. O acordo de reestruturación parcelaria poderá executarse, logo do apercibimento persoal por escrito, mediante compulsión directa sobre aquelas persoas que se resistan a permitir a realización das actuacións necesarias para dar a toma de posesión provisional ou definitiva dos predios de substitución, sen prexuízo das sancións que se poidan impoñer de acordo co disposto no título X desta lei.

8. Recibida a notificación da toma de posesión provisional ou definitiva dos predios de substitución, por calquera medio que faga fe, as novas persoas titulares gozarán fronte a terceiros dos medios de defensa legalmente establecidos.

Artigo 38. Firmeza do acordo de reestruturación parcelaria e toma de posesión definitiva

Unha vez resoltos os recursos de alzada interpostos, as reclamacións de superficie e as modificacións a que fai referencia o artigo 41, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural declarará a firmeza do acordo de reestruturación parcelaria e a toma de posesión definitiva, logo da solicitude do servizo provincial competente.

A data da referida firmeza será comunicada ás notarías e ao rexistro da propiedade correspondente por razón do territorio e á Dirección Xeral do Catastro, aos cales se lles remitirá copia da documentación resultante da reestruturación da propiedade.

O acordo de reestruturación parcelaria será comunicado ao concello ou concellos afectados para a incorporación ás súas normas urbanísticas.

Artigo 39. Acta de reorganización da propiedade

1. A aprobación, pola dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, da acta de reorganización da propiedade supoñerá o remate do proceso de reestruturación parcelaria.

Na acta de reorganización da propiedade relaciónanse e descríbense os dereitos reais e as situacións xurídicas que se determinaron no período de investigación e os predios de substitución sobre os que se establecen, así como os novos dereitos reais que se constitúan.

2. A acta de reorganización da propiedade será obxecto de protocolización notarial e inmatriculación rexistral por instancia da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural.

Todo o anterior, sen prexuízo da aprobación, por parte da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, das modificacións da acta de reorganización da propiedade que correspondan como consecuencia da rectificación de erros, execución de sentenzas ou recoñecementos de titularidade que procedan, sendo documento suficiente para a súa inscrición rexistral a acta de rectificación ou complementaria da de reorganización da propiedade, debidamente protocolizada notarialmente.

Artigo 40. Os solos de núcleo rural no proceso de reestruturación parcelaria

1. A inclusión no proceso de reestruturación parcelaria dun núcleo rural común requirirá a solicitude previa e expresa, por parte do concello afectado, á dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural.

2. No caso de núcleos rurais clasificados urbanisticamente como de carácter históricotradicional ou figura análoga, a súa inclusión no proceso de reestruturación parcelaria só se poderá levar a cabo, logo da solicitude do concello correspondente, a través dun plan especial de protección redactado conforme o que a normativa urbanística determine. O devandito plan será elaborado pola consellaría competente en materia de desenvolvemento rural e será tramitado polo concello afectado.

3. O conxunto dos solos clasificados como de núcleo rural será considerado como un subperímetro e as operacións técnicas de reestruturación serán desenvolvidas de forma independente do resto da zona, sen que poida existir intercambio de superficies entre un e outra, agás por petición expresa das persoas titulares que soliciten que as súas atribucións se produzan fóra do devandito subperímetro.

4. Os solos obxecto da reestruturación parcelaria manterán inalteradas as súas clasificacións e cualificacións urbanísticas.

5. No caso dos solos cualificados como rústicos poderán establecerse, durante a elaboración das bases, réximes especiais de protección segundo o ditado polo departamento sectorial competente e a normativa vixente do solo.

Artigo 41. Tramitación da documentación

1. A presentación da documentación acreditativa da titularidade de parcelas de achega admitirase a trámite antes da aprobación das bases de reestruturación e durante as datas fixadas previamente polo servizo provincial competente, que serán notificadas ás persoas titulares con quince días naturais de antelación mediante avisos inseridos conforme o disposto no artigo 42.1. A fixación dos prazos de tramitación determinarase regulamentariamente.

2. Calquera outra reclamación relativa aos dereitos e demais situacións xurídicas sobre parcelas de achega non quedará prexudicada pola firmeza das bases de reestruturación parcelaria, pero só se poderá facer efectiva pola vía xudicial ordinaria sobre as ditas parcelas ou, no caso de estar aprobado o acordo, sobre os predios de substitución adxudicados a quen nas bases apareza como titular das parcelas de achega obxecto da reclamación.

3. Aprobadas as bases e unha vez transcorrido o período a que fai referencia o número 7 do artigo 27, só serán tramitadas solicitudes de cambio de titularidade de parcelas de achega ata o momento da aprobación do acordo e cando ese cambio afecte a totalidade das parcelas achegadas por unha persoa titular e a transmisión se faga integramente a outra, coa excepción dos cambios derivados de sentenzas xudiciais firmes, que serán tramitadas en calquera caso. En todo caso, a persoa titular adquirente quedará subrogada na posición da anterior persoa titular, coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso.

No caso de falecemento dun titular e cando exista partición da herdanza, tramitarase o cambio de titularidade ata a firmeza do acordo, sempre e cando esta partición afecte predios de substitución íntegros. En todo caso, a persoa titular adquirente quedará subrogada na posición da anterior persoa titular, coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso.

4. Aprobado o acordo de reestruturación parcelaria, só serán tramitadas as modificacións derivadas das reclamacións por falta de superficie, das resolucións de recursos de alzada, dos cambios de titularidade referidos no punto anterior e de recoñecemento de titularidade de parcelas sen dono coñecido.

5. Dentro do prazo de dous meses a partir do día seguinte da data de recepción da notificación de aprobación do acordo, poderanse solicitar permutas e modificacións voluntarias de predios de substitución atribuídos baixo os seguintes condicionantes:

a) Que o resultado da permuta ou da modificación de estremas non afecte a configuración de terceiros predios de substitución.

b) As permutas só poderán ser levadas a cabo se os predios de substitución son de similar valor, entendendo por tal diferenzas entre eles inferiores ao 10 % de valor en puntuación.

c) Unha vez solicitada a permuta ou modificación de estremas polos seus titulares e aprobada nos seus propios termos pola dirección xeral competente, esta será irrevogable e non poderá ser obxecto de reclamación nin recurso ningún.

CAPÍTULO IV Publicacións e comunicacións

Artigo 42. Comunicacións e avisos ás persoas interesadas

1. Os avisos inherentes ás actuacións propias do proceso de reestruturación parcelaria serán obxecto de exposición por un período de oito días no taboleiro de anuncios do concello ou concellos afectados e nos lugares de costume da parroquia ou parroquias en que radique a zona de reestruturación, segundo o caso, para xeral coñecemento, así como na sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

2. A aprobación das bases e do acordo de reestruturación parcelaria será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, por un período de oito días no taboleiro de anuncios do concello ou concellos de que se trate e nos lugares de costume da parroquia ou parroquias en que radique a zona, sen prexuízo da súa notificación individual ás persoas interesadas levada a cabo por calquera medio que deixe evidencia documental da súa realización, preferentemente de modo telemático, así como na sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

3. No caso de que, intentada a notificación ao interesado, esta non sexa posible, substituirase por aviso publicado no Diario Oficial de Galicia no que se fará constar a vía de acceso á documentación do acto comunicado, así como a indicación do prazo para a interposición do recurso de alzada, que nestes casos comezará a contar a partir do día seguinte da data da publicación do referido aviso.

Artigo 43. Protección de datos de carácter persoal

1. En todos os casos, o sistema de notificación deberá ser realizado de xeito que respecte a privacidade dos datos, de conformidade co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, ou normativa que a substitúa.

2. Nos casos relativos á información achegada polas persoas titulares ou polas súas representantes necesaria para o desenvolvemento do proceso, e especialmente na referida á investigación da propiedade e ao procedemento de petición de novos predios de substitución, os formularios para a presentación de documentación incluirán explicitamente a autorización á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, e ás persoas físicas ou xurídicas ás que esta autorice, para o manexo e publicación dos datos co fin exclusivo de servir de soporte ao procedemento.

3. Regulamentariamente desenvolveranse os protocolos de protección de datos relativos ao manexo e custodia da información por parte das empresas contratadas para a execución dos traballos de concentración, ao compromiso de confidencialidade, aos procedementos de intercambio de información segura entre estas e a Administración e á entrega da totalidade da documentación manexada unha vez finalizado o contrato obxecto de utilización desta.

Artigo 44. Xestión electrónica

Regulamentariamente desenvolverase un procedemento de xestión electrónica da totalidade do procedemento de reestruturación parcelaria, polo que as persoas titulares poidan realizar as achegas de documentación acreditativa, comprobar a documentación completa do expediente no que a eles atinxa, recibir información sobre o estado do procedemento, recibir as notificacións e presentar alegacións e recursos de alzada na fase correspondente. Este procedemento deberá garantir efectivamente o dereito á privacidade dos datos de carácter persoal.

TÍTULO III A reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares

Artigo 45. Iniciativa

1. Para levar a cabo a reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares, estas deberán constituírse nunha agrupación con personalidade xurídica que teña como finalidade a reestruturación parcelaria para a totalidade das súas parcelas incluídas na zona, co compromiso explícito da aceptación da reestruturación tal como se leve a efecto. A constitución efectiva desa agrupación poderá diferirse ata a aprobación do inicio do proceso por parte da consellaría competente na materia, e ata entón abondará co correspondente compromiso asinado por todas as persoas titulares partícipes.

2. As persoas representantes da agrupación solicitaranlle á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural a realización do procedemento de avaliación sinalado no artigo 7 desta lei, para o cal achegarán a documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos recollidos no artigo 46.

Artigo 46. Requisitos mínimos

Para a solicitude de iniciación do proceso, a agrupación deberá definir a delimitación cartográfica do perímetro de reestruturación e as áreas excluídas do proceso. Dentro do perímetro será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) A agrupación deberá estar constituída por un mínimo de tres titulares de predios de vocación agraria.

b) A superficie afectada polo proceso será, como mínimo, de tres hectáreas se a totalidade das terras que se van reordenar van ser utilizadas para cultivos de horta, viñedo ou cultivos intensivos, e de vinte hectáreas para todo tipo de orientacións, cun máximo de terras clasificadas como terreo forestal do 25 %.

Se a porcentaxe de terreo forestal é superior, a superficie mínima será de sesenta hectáreas. De non ser así, deberá segregarse a superficie forestal, que será sometida ao procedemento sinalado no artigo 47, no caso de cumprir cos requisitos mínimos establecidos neste.

c) Deberase acreditar na solicitude o dominio das terras correspondentes a cada partícipe da agrupación.

d) A superficie constituída polos enclaves das persoas titulares alleas á agrupación non poderá superar o 10 % do conxunto das terras incluídas no perímetro.

Artigo 47. Reestruturación de predios de natureza forestal

1. As agrupacións con destino ao aproveitamento forestal deberán cumprir, ademais dos requisitos recollidos no artigo anterior, os seguintes:

a) A superficie mínima será de 15 hectáreas, formada por un máximo de tres unidades de superficie en couto redondo, cada unha delas cun 25 %, como mínimo, da superficie total.

b) A superficie das parcelas propiedade de terceiros incluídas en cada unidade de superficie que se vaia reestruturar non será superior ao 25 % do total.

c) A xestión e o aproveitamento en común das parcelas de forma sustentable e viable, concretada nos aproveitamentos forestais.

2. Na realización do procedemento de avaliación da reestruturación de predios de natureza forestal contarase co preceptivo informe da dirección xeral competente en materia de montes, que deberá ser emitido no prazo dun mes desde a recepción da solicitude, co obxecto de constatar que o proxecto de reestruturación se adecúa ao documento de planificación que a dita dirección xeral establecese para este tipo de terreos.

Transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior sen que se emitise o citado informe, deixarase constancia deste aspecto no expediente, e continuarase, sen máis, coa tramitación.

Artigo 48. Tramitación

1. Comprobado o cumprimento dos obxectivos xerais conforme o disposto no artigo 7 desta lei, así como os requisitos establecidos nos artigos 46 e 47, o servizo provincial competente en materia de desenvolvemento rural redactará o preceptivo documento ambiental, que será remitido ao órgano competente co fin de que este realice a tramitación establecida na normativa de avaliación ambiental.

Unha vez finalizado o trámite ambiental que lle corresponda e á vista dos resultados, o antedito servizo provincial emitirá informe dirixido á dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, no cal analizará a viabilidade da execución do proceso de reestruturación, propoñendo a aceptación ou denegación da solicitude de reestruturación.

Á vista deste, a citada dirección xeral comunicará o resultado do informe ás persoas solicitantes para que, no prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte á data de recepción da notificación, de ser o caso, aleguen o que consideren oportuno.

2. No caso de que a proposta sexa de aceptación da solicitude de reestruturación e que os peticionarios manifesten a súa vontade de continuidade do proceso, a dirección xeral competente en desenvolvemento rural dirixirase aos órganos das administracións autonómica, central e local que se poidan ver afectados por razón das súas competencias polo proceso, co obxecto de recadar, nun prazo máximo de tres meses, a información necesaria, coñecer a existencia de plans ou actuacións específicas sobre a zona que poidan afectar a delimitación do perímetro ou a execución do procedemento e, en xeral, calquera outra incidencia que deba ser reflectida no expediente.

3. Completados os trámites dos puntos anteriores, por proposta da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, mediante orde da consellaría, autorizarase a execución do proceso de reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares.

4. Contra esta orde, as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas alleas á agrupación e afectadas polo proceso poderán presentar recurso de alzada ante a consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

Artigo 49. Efectos do proceso

1. Unha vez publicada a orde que se sinala no número 3 do artigo 48, a reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares será obrigatoria para todas as persoas titulares afectadas, sexan persoas propietarias ou titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do perímetro aprobado; quedarán subrogados en todos os dereitos e obrigas da persoa transmitinte ou causante os adquirentes, a título oneroso ou lucrativo, de terras afectadas polo proceso.

2. O proceso respectará os dereitos das persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas alleas á agrupación. De non existir aceptación expresa dos lotes de substitución por parte destas persoas, deberase garantir que os predios de substitución resultantes da reordenación manteñan no seu conxunto, cando menos, a mesma superficie e valor que as parcelas achegadas, e na reordenación poderán ser localizadas nas áreas periféricas do perímetro.

Artigo 50. Execución dos traballos técnicos

1. O procedemento de execución dos traballos técnicos responderá estritamente ao exposto no título II, en todo o que lle sexa aplicable.

2. A documentación que debe entregar a agrupación será a incluída nos artigos 20, 22 e 29 desta lei, á cal se lle engadirá o borrador da acta de reorganización da propiedade e os proxectos correspondentes ao plan de obras.

Artigo 51. Aprobación

1. Unha vez recibida a documentación a que fai referencia o número 2 do artigo anterior, e aceptada expresamente por todos os membros da agrupación, esta será revisada polo servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria, que poderá solicitar da agrupación, por unha única vez, as modificacións da documentación que se consideren pertinentes. Á vista destas, o servizo provincial propoñerá á dirección xeral competente a súa aceptación ou rexeitamento.

2. Unha vez aceptada a referida documentación polo servizo provincial, a dirección xeral competente en desenvolvemento rural, logo do informe do citado servizo, resolverá aprobando ou rexeitando a reestruturación, o que non será susceptible de recurso.

Artigo 52. Financiamento

1. Correspóndelle á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural o aboamento, total ou parcial, dos gastos correspondentes ao proceso de reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares.

2. A consellaría poderá establecer un sistema de pagamentos parciais ou anticipos dos devanditos gastos conforme co efectivamente executado, segundo o procedemento que se desenvolverá regulamentariamente.

Artigo 53. Responsabilidades da agrupación

1. A agrupación responderá dos danos e perdas ocasionados a terceiros como consecuencia das súas actuacións no procedemento.

2. A agrupación devolverá os pagamentos parciais ou anticipos realizados a ela nos casos seguintes:

a) Non facer entrega en tempo e forma dos documentos sinalados no artigo 50.

b) Que a documentación sexa rexeitada pola dirección xeral conforme o sinalado no artigo 51.

c) Que careza do acordo expreso dos membros da agrupación segundo o sinalado no artigo 51.1.

3. A disolución da agrupación non exime os seus membros das responsabilidades en que aquela incorrese como consecuencia do disposto neste artigo, conforme o sinalado no artigo 95.

4. As obrigas recollidas no artigo 12 desta lei seranlles aplicables aos procesos de reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares. O seu incumprimento dará lugar á imposición das sancións que se determinan no título X desta lei, todo isto sen prexuízo de que, no caso do incumprimento dos supostos recollidos nas alíneas b) e c) do número 2, a persoa causante deba aboar os custos da reestruturación segundo se estableza regulamentariamente.

Artigo 54. Procedemento simplificado

Para todos aqueles casos en que non se acaden os requisitos de superficie mínima establecidos nos artigos 46 e 47, a consellaría responsable en materia de desenvolvemento rural poderá iniciar a execución dun procedemento simplificado de reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares, que se rexerá polas normas contidas neste título, agás que non se levase a cabo o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria nin se executase o plan de obras.

TÍTULO IV Reestruturación da propiedade mediante permutas voluntarias

Artigo 55. Das permutas

Naqueles terreos non incluídos nos procesos de reestruturación sinalados nos títulos II e III, a consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá incentivar a mellora da estrutura territorial agraria mediante permutas voluntarias de predios entre titulares de predios de vocación agraria.

A reestruturación mediante permutas voluntarias levarase a cabo a través do seu correspondente procedemento, distinguindo se se trata de permutas que impliquen ou non modificación na xeometría dos predios resultantes.

Artigo 56. Reestruturación mediante permutas voluntarias sen modificación da xeometría dos predios resultantes

1. Por petición dun mínimo de dúas persoas titulares, o servizo provincial competente ou a entidade xestora do Banco de Terras, segundo os criterios dispostos no artigo 9.1.e) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, poderá realizar os pertinentes traballos de índole técnica, asesoramento e arbitraxe nun procedemento de permutas voluntarias sen modificación xeométrica dos predios resultantes, afectando unha ou varias parcelas por cada unha das persoas peticionarias, que deberán acreditar documentalmente a súa titularidade.

2. Nun principio, as parcelas obxecto de permuta deberán estar situadas na mesma parroquia ou en parroquias estremeiras, pertenzan ou non estas ao mesmo concello. De non ser así, polo menos unha das parcelas deberá estremar con outra propiedade dunha das persoas titulares, de maneira que a permuta mellore obxectivamente a estrutura da súa explotación.

3. Cando a diferenza entre o conxunto de superficies achegadas por cada unha das persoas titulares implicadas no procedemento supere o 20 %, deberá contarse co informe da xefatura ou xefaturas territoriais correspondentes que xustifique a viabilidade técnico-económica da dita permuta, baixo o prisma da mellora obxectiva da estrutura da explotación.

4. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural establecerá, de ser o caso, liñas de axuda específicas de inmatriculación rexistral dos predios.

Artigo 57. Reestruturación mediante permutas voluntarias con modificación xeométrica dos predios resultantes

1. No caso de permutas voluntarias con modificación da xeometría dos predios resultantes, o servizo provincial competente, por petición de, como mínimo, dúas persoas titulares, poderá iniciar o procedemento de reestruturación, nas mesmas condicións que establece o número 1 do artigo anterior.

2. As persoas solicitantes deberán xuntar un anteproxecto de reestruturación das parcelas achegadas, que remitirán ao servizo provincial correspondente, o cal o dirixirá á dirección xeral competente xunto co informe motivado sobre a adecuación do citado anteproxecto aos obxectivos desta lei.

3. Se o anteproxecto se adecúa a estes obxectivos, as persoas solicitantes elaborarán o preceptivo proxecto técnico, para a súa tramitación pola dirección xeral competente, a cal emitirá resolución aprobatoria, se procede.

As permutas acollidas a este procedemento non precisarán de permisos nin licenzas de segregación ou agregación.

4. Se o anteproxecto non resulta conforme cos anteditos obxectivos, será devolto aos solicitantes, que, por unha soa vez, poderán introducir os cambios necesarios para que resulte adecuado. Se a pesar das modificacións introducidas persiste a súa falta de adaptación, a dirección xeral competente emitirá resolución denegatoria. Contra esta caberá interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da súa notificación.

5. Cando a diferenza entre o conxunto de superficies achegadas por cada unha das persoas titulares implicadas no procedemento supere o 20 %, deberase xuntar un estudo de clasificación das terras que xustifique a equivalencia substancial, en menos dun 20 %, entre os valores agronómicos do conxunto das parcelas afectadas de cada titular.

6. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural establecerá, de ser o caso, liñas de axuda específicas para a inmatriculación rexistral dos predios.

TÍTULO V Procesos especiais

Artigo 58. Procesos especiais de reestruturación parcelaria

1. Poderase promover un proceso especial de reestruturación parcelaria cando, como consecuencia da existencia dun proxecto de execución dunha grande obra pública ou de explotación dun couto mineiro, o dito proceso contribúa a mitigar os efectos prexudiciais dese proxecto sobre a estrutura das explotacións agrarias existentes na zona afectada.

2. A entidade promotora de todo proxecto de execución dunha grande obra pública ou de explotación dun couto mineiro deberá presentar ante a consellaría competente en materia de desenvolvemento rural a documentación cartográfica que delimite a extensión da área afectada directamente polo dito proxecto, así como a relación das parcelas implicadas, total ou parcialmente, a súa titularidade e as súas respectivas superficies.

3. Para que se leve a cabo a reestruturación parcelaria vinculada a unha grande obra ou explotación de couto mineiro, será necesario contar coa aceptación de polo menos o 70 % das persoas titulares de explotacións agrarias inscritas nos diferentes rexistros oficiais que recollen as explotacións agrarias de Galicia e con actividade na zona afectadas por aquela.

4. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá ordenarlle ao servizo provincial a realización dun estudo de determinación do perímetro obxectivamente afectado de forma directa ou indirecta polo proxecto, de acordo coas estremas naturais, xeográficas ou administrativas do conxunto de terras afectadas pola grande obra ou explotación do couto mineiro.

5. A dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, á vista da repercusión do proxecto sobre a estrutura das terras agrarias da zona definida no punto anterior, poderá ordenar, a través do servizo provincial de reestruturación parcelaria, a realización do estudo previo de iniciación sinalado no artigo 9 desta lei.

Os gastos producidos pola elaboración do citado estudo, así como os inherentes a todas as actuacións consecuencia del, serán aboados pola entidade promotora do proxecto.

6. As persoas titulares de explotacións agrarias a que fai referencia o número 3 deste artigo poderán escoller entre percibir unha compensación económica pola superficie utilizada para a construción da infraestrutura ou incluír as súas achegas no proceso de reestruturación parcelaria, isto é, recibir outra superficie equivalente en termos produtivos, coas correspondencias, valores e procedementos que se establezan regulamentariamente.

7. Logo de que se produza o compromiso financeiro por parte do promotor do proxecto de execución, o Consello da Xunta poderá decretar a reestruturación parcelaria especial da zona da que se trate conforme o sinalado no artigo 10 desta lei.

8. No caso de que se promova un proceso especial de reestruturación parcelaria como consecuencia da existencia dun proxecto de execución dunha grande obra pública ou de explotación dun couto mineiro, non se comezará a execución das obras do dito proxecto ata que non exista un compromiso financeiro por parte do promotor.

Artigo 59. Procedemento de execución

Para a execución do proceso especial de reestruturación parcelaria rexerá o disposto no título II desta lei, coas seguintes particularidades:

1. A clasificación das terras realizarase no conxunto da zona afectada pola reestruturación conforme o sinalado no artigo 4, incluíndo as terras afectadas directamente pola obra.

2. A dedución que se aplicará no conxunto da zona será a correspondente a engadir ás sinaladas no artigo 31 e, no caso de parcelas únicas, ás recollidas no artigo 32 desta lei o cómputo do valor de puntuación das terras afectadas directamente pola infraestrutura.

3. Con antelación á execución do acordo de reordenación da propiedade debe coñecerse a valoración indemnizatoria do conxunto das terras que se van expropiar de acordo coa lexislación aplicable. Á vista desta valoración, as persoas titulares das parcelas afectadas directamente poderán optar entre a aceptación desa indemnización en metálico ou a inclusión da valoración das terras no proceso.

O valor en puntuación do conxunto das parcelas para as que se optou á solución indemnizatoria será detraído da dedución sinalada no número 2.

4. No acordo de reestruturación parcelaria asignarase a cada persoa participante o valor que resulte das súas achegas, excluíndo aquelas que sexan indemnizadas en metálico, aplicando a dedución global sinalada nos números 2 e 3.

5. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá subscribir acordos coa entidade promotora da obra que faciliten a distribución das indemnizacións conforme o establecido no número 7.

6. A ocupación dos terreos para a execución do proxecto levarase a efecto ao longo do acordo de reestruturación parcelaria. Non obstante, a entidade promotora poderá proceder á súa ocupación a partir do momento en que se remate o proceso de elección sinalado no número 3.

7. As indemnizacións resultantes da valoración da entidade promotora distribuiranse entre todas as persoas participantes en proporción á detracción do valor achegado á reestruturación.

8. A superficie ocupada polo proxecto de grande obra ou couto mineiro adxudicarase a nome da Administración ou entidade titular deste.

TÍTULO VI Obras

Artigo 60. O plan de obras

1. Unha vez aprobadas as bases de reestruturación parcelaria, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, por proposta do servizo provincial correspondente, aprobará un plan de obras que reflectirá todas as actuacións en infraestruturas rurais colectivas indispensables para a reestruturación parcelaria.

2. Estarán incluídas no plan, de ser o caso, as seguintes obras:

a) Redes de camiños principais e secundarios, para dotar de acceso, se é o caso, os novos predios de substitución.

b) Accesos aos predios de substitución a partir da rede de camiños, se é o caso.

c) Obras de acondicionamento e mellora da estrutura dos novos predios.

d) Se é o caso:

1º. Medidas correctoras determinadas no correspondente documento ambiental.

2º. Acondicionamento de regadíos xa existentes, construción de novos regadíos que se establezan como necesarios, canalización de augas e defensa de marxes.

3º. Captación e depuración de augas e redes de saneamento.

4º. Cargadoiros de madeira ou biomasa.

5º. Puntos de captación de auga.

6º. Obras inherentes á execución de polígonos agrarios para orientacións prioritarias segundo o sinalado no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

7º. Aproveitamento comunitario de enerxías alternativas e electrificación de núcleos rurais.

8º. Rede de pistas forestais, definidas así segundo a lexislación vixente en materia de montes.

e) En xeral, aquelas obras e melloras que beneficien as condicións agrarias e medioambientais da zona ou teñan por obxecto corrixir defectos nas infraestruturas agrarias.

3. As obras a que se fai referencia no punto anterior proxectaranse e executaranse respectando as recomendacións do documento ambiental de que se trate, en especial as relativas aos valores paisaxísticos, medioambientais e do patrimonio cultural das zonas. Así mesmo, o trazado da rede viaria, na medida do posible, adaptarase á existente antes de se iniciar o proceso de reestruturación parcelaria, primando en todo caso o acondicionamento e a modificación parcial sobre a execución de novos trazados.

4. Desenvolveranse regulamentariamente os procedementos técnicos para a redacción de proxectos e execución de obras de acordo co sinalado neste artigo.

5. A execución das obras a que se refire este artigo non requirirá de licenza municipal.

Artigo 61. Obras de acondicionamento e mellora da estrutura dos novos predios

1. Durante un período de tres meses, cuxa data de inicio será establecida polo servizo provincial competente en materia de desenvolvemento rural, as persoas titulares interesadas poderán presentar as solicitudes de acondicionamento e mellora da estrutura dos seus predios de substitución, describindo a natureza das actuacións que se van realizar e acreditando adecuadamente a súa necesidade, sen que por iso teñan carácter vinculante para a Administración.

2. As obras de acondicionamento e mellora poderán consistir na eliminación de accidentes naturais ou artificiais que impidan ou dificulten o cultivo acaído dos predios de substitución, o saneamento de terras, a decrúa de montes para o seu destino ao cultivo, as nivelacións e outros traballos de conservación do solo e, en xeral, calquera actuación que mellore a viabilidade do predio para o seu cultivo conforme o establecido no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

3. O servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria, á vista das peticións efectuadas, procederá á súa valoración técnica e á redacción do correspondente documento, no cal se determinen aquelas actuacións que poden ser obxecto de financiamento e a súa cuantificación económica. Este documento será remitido á dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, para determinar as actuacións que poden ser obxecto de execución directa, as cales se deberán acoller, de ser o caso, ás correspondentes liñas de axuda sinaladas no artigo 75, e aquelas que non serán obxecto de financiamento público. Contra a dita decisión non caberá presentar ningún recurso.

4. No caso de que dentro da zona de reestruturación parcelaria existan terreos de natureza forestal, solicitarase informe non vinculante á dirección xeral competente en materia de montes, que deberá emitilo no prazo dun mes desde a recepción da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se emitise o mencionado informe, continuarase o procedemento.

Artigo 62. Ocupación e expropiación

1. A partir da entrada en vigor do decreto polo que se declare de utilidade pública a reestruturación parcelaria de carácter público dunha zona ou da orde da consellaría para a reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares, a consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, en calquera momento do procedemento, poderá ocupar, temporal ou definitivamente, os terreos que sexan precisos para dotar os novos predios da adecuada rede de camiños ou para realizar os traballos relacionados coa reestruturación sinalados nos artigos 60 e 61.

2. Cando se trate de terras non incluídas na zona de reestruturación, a ocupación temporal dos devanditos terreos rexerase, en canto ás indemnizacións que se lles deban satisfacer ás persoas titulares afectadas, e agás acordo previo, polos preceptos da lexislación vixente en materia de expropiación forzosa.

3. Cando, para a realización da obra ou mellora, resulte necesaria a expropiación forzosa de terreos non suxeitos a reestruturación, a consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá utilizar, para o expresado fin, o procedemento urxente que na lexislación vixente en materia de expropiación forzosa se estableza, agás acordo previo coas persoas titulares afectadas.

4. Para que a consellaría competente en desenvolvemento rural poida facer uso da facultade expropiatoria que lle atribúe este artigo, será preciso que a necesidade e a urxencia da expropiación sexan expostas e razoadas no plan de obras ou que, se a necesidade xorde con posterioridade á súa aprobación, se obteña da referida consellaría a autorización correspondente.

5. Cando se trate de terreos suxeitos a reestruturación, as persoas titulares non serán indemnizadas en metálico, senón que o valor daqueles se computará en valor de puntuación, sen prexuízo das demais indemnizacións e garantías que se establezan na lexislación vixente en materia de expropiación forzosa.

Artigo 63. Proxectos de obras

1. Os proxectos das obras a que se refire o artigo 60 axustaranse na súa redacción ao correspondente plan de obras e serán aprobados pola dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural.

2. Unha vez aprobados os proxectos de obras, serán comunicados ao concello ou concellos afectados, que os expoñerá ao público durante un período dun mes, ao tempo que se publicarán na sede electrónica da consellaría por ese mesmo prazo. Durante este período, poderanse presentar as alegacións que se consideren oportunas, que, no caso de seren estimadas, serán incorporadas ao referido proxecto, e as restantes arquivaranse sen máis trámite.

3. No caso de que dentro da zona de reestruturación parcelaria existan terreos de natureza forestal, solicitarase informe non vinculante á dirección xeral competente en materia de montes, que deberá emitilo no prazo dun mes desde a recepción da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se emitise o mencionado informe, continuarase o procedemento.

Artigo 64. Entrega e recepción das obras

1. Mediante resolución da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural acordarase a entrega ao concello ou concellos afectados das obras executadas incluídas dentro do plan de obras e destinadas a un uso ou servizo público. Con este acto entenderase transmitida á entidade local correspondente a súa titularidade. As infraestruturas entregadas estarán afectas a un uso público e polo tanto non lles será aplicable a lexislación en vigor en materia de montes.

2. No prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de entrega, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, cuxa resolución esgota a vía administrativa.

3. A estimación dos recursos a que se refire o punto anterior determinará, se procede, a entrega parcial das obras ou a execución das reformas precisas a expensas da consellaría. Se os defectos das obras as fan absolutamente inadecuadas para o uso a que se destinan, acordarase, por petición do recorrente, a resolución do compromiso por el asumido, sen prexuízo da exixencia de responsabilidades á empresa adxudicataria das obras.

4. Transcorrido o prazo de presentación de recurso de alzada a que se refire o número 2 deste artigo sen que este se producise, ou interposto e resolto, reputarase realizada a entrega das obras e transmitido o dominio.

5. A entidade receptora das obras estará obrigada ao seu correcto estado de conservación e, durante o prazo de cinco anos a partir da súa entrega, a manter a obra orixinal, independentemente das melloras que sobre ela poida executar.

Artigo 65. Convenios

1. Poderán ser incluídas no plan de obras aquelas que, sendo executadas por outras administracións, teñan previsto o seu financiamento nos seus respectivos orzamentos e afecten os terreos incluídos dentro do perímetro de reestruturación.

2. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá establecer convenios coas deputacións, concellos e organismos do Estado para incluír nos plans de obras aquelas que sexan da súa competencia ou a afecten en canto ao seu financiamento e beneficien a zona.

3. Para a execución das obras previstas neste artigo poderá establecerse un plan coordinado entre a consellaría competente en materia de desenvolvemento rural e as entidades que colaboren na súa execución e financiamento. Este plan sinalará no anteproxecto xeral e por sectores as obras, a súa enumeración e a relación das que lle corresponden a cada organismo ou entidade colaboradora, con anotacións axustadas á orde e ao ritmo tanto de redacción de proxectos como da súa execución. Neste suposto a aprobación do plan coordinado correspóndelle á Xunta de Galicia.

4. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá establecer convenios de colaboración coas deputacións, concellos e organismos do Estado para o financiamento e a execución total ou parcial, por parte deles, das obras a que fai referencia o artigo 60.2 nas alíneas a), b), d) e e). Estas obras executaranse conforme os proxectos técnicos a que fai referencia o artigo 63, sendo coordinadas por un técnico do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria nomeado pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

Artigo 66. Mantemento e conservación

1. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural poderá establecer convenios coas deputacións, concellos e agrupacións de titulares co obxecto de conseguir unha adecuada conservación das obras de calquera clase incluídas nos seus plans, e neles determinará a forma de prestar o servizo e reembolsar os gastos ocasionados.

2. As persoas que impidan, destrúan, deterioren ou fagan mal uso de calquera obra ou sinalización incluída nos plans de obras e melloras territoriais serán sancionadas, logo da instrución do oportuno expediente, conforme o disposto no título X desta lei.

Artigo 67. Control e vixilancia

1. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural exercerá a supervisión sobre todos os aspectos e accións do procedemento.

2. Así mesmo, a xunta local de zona poñerá en coñecemento da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural calquera anomalía que observe para que poida ser inmediatamente corrixida, de ser o caso.

TÍTULO VII Efectos e conservación

Artigo 68. Efectos do proceso de mellora da estrutura territorial agraria

1. O inicio dun proceso de mellora da estrutura territorial agraria faculta a consellaría competente en materia de desenvolvemento rural para levar a cabo todas as actuacións inherentes á execución dos procedementos segundo o sinalado nesta lei e, nomeadamente, a execución daquelas obras e melloras necesarias para o proceso, incluíndo a corta e retirada de arboredo ou calquera outro obstáculo que impida a normal execución da rede de camiños para dotar os predios de substitución do acceso a que se fai referencia no artigo 60 desta lei.

2. Desde o día seguinte ao da publicación do decreto de reestruturación parcelaria de carácter público dunha zona ou da orde da consellaría para a reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares, calquera plantación arbórea ou arbustiva, obra ou mellora requirirá a autorización previa do servizo provincial competente, que ditará resolución motivada. As plantacións, obras ou melloras realizadas sen autorización non serán tidas en conta para efectos de valoración e clasificación das parcelas de achega, ou como criterio de atribución dos novos predios de substitución, sen prexuízo das sancións a que este feito poida dar lugar en aplicación do disposto no título X.

Artigo 69. Usos do solo de reestruturación parcelaria

Excepcionalmente, logo do informe favorable da xunta local, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural poderá autorizar un cambio no uso dos terreos afectados pola reestruturación parcelaria para fins diferentes dos agrarios, sempre que sexa temporal e ata que remate o proceso de reestruturación parcelaria.

En todo caso, constituirase garantía financeira suficiente para asegurar que o devandito uso non comprometa o proceso de reestruturación parcelaria e que, unha vez que cese este, se recupere o uso agrario dos terreos afectados.

Artigo 70. Accións civís

1. A inclusión dunha parcela na zona dá lugar, mentres dure o procedemento correspondente, á extinción do retracto de lindeiros, do dereito de permuta forzosa e demais de adquisición que outorguen por lei para evitar os enclavados ou a dispersión parcelaria, agás que a demanda fose interposta antes da inclusión.

2. Non obstante, se algunha parcela comprendida na zona for despois obxecto de exclusión, o prazo para interpoñer a demanda comezará novamente desde o seguinte día en que a persoa titular do dereito ten ou debeu ter coñecemento do acordo de exclusión.

Artigo 71. Cuestións xudiciais

As resolucións ditadas no expediente non quedarán en suspenso polas cuestións xudiciais que se promovan entre particulares sobre os dereitos afectados por estas.

Artigo 72. División e segregación de predios de substitución

Rematada a reestruturación, só será válida a división ou segregación de predios de substitución nos seguintes casos:

a) Se é consecuencia do exercicio do dereito de acceso á propiedade establecido na lexislación especial de arrendamentos rústicos históricos.

b) Cando se produce por causa de expropiación forzosa.

c) Cando se trate de disposicións a favor de titular de predios de substitución lindeiros, sempre que, como consecuencia da división ou segregación, tanto o predio de substitución que se divide ou segrega como o lindeiro manteñan o tamaño mínimo para que a explotación sexa economicamente viable, o que se xustificará mediante o correspondente informe técnico de quen o autorice. Neste caso, a división ou segregación deberá recibir o informe favorable do servizo provincial competente en materia de desenvolvemento rural.

d) Nos predios de substitución clasificados urbanisticamente, total ou parcialmente, como de núcleo rural, a súa división ou segregación, unha vez rematado o proceso de reestruturación parcelaria, estará suxeita ao disposto no planeamento municipal ou na súa norma urbanística de carácter subsidiario.

e) No caso de que unha parcela estea en parte clasificada como de núcleo rural e en parte como rústica, a súa división ou segregación terá que contar coa autorización do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.

TÍTULO VIII Financiamento e axudas públicas

Artigo 73. Financiamento da reestruturación parcelaria

A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural asumirá na súa totalidade os gastos da tramitación e execución dos procesos de reestruturación parcelaria de carácter público e os de reestruturación de predios de vocación agraria polas persoas particulares, sen prexuízo do disposto no artigo 65 desta lei ou dos fondos que poidan achegar outras entidades.

Artigo 74. Financiamento do plan de obras

As obras coa tipoloxía recollida no número 2 do artigo 60 que estean incluídas no plan de obras da zona serán integramente financiadas pola consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, sen prexuízo do disposto no artigo 65 desta lei ou dos fondos que poidan achegar outras entidades.

Artigo 75. Financiamento das obras de acondicionamento e mellora da estrutura dos predios

As actuacións sinaladas no número 2 do artigo 61 poderanse financiar por algún dos seguintes sistemas:

a) Na súa totalidade pola consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

b) Mediante o establecemento de liñas de axudas públicas de ata un 70 % das obras de acondicionamento e mellora dos predios das explotacións agrarias solicitadas polas explotacións, agrupacións de titulares e iniciativas de aproveitamento en común integradas no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria que cumpran cos requisitos sinalados no artigo 21, e ata un 40 % as do resto das persoas titulares solicitantes.

Artigo 76. Axudas a explotacións, agrupacións e iniciativas de aproveitamento en común

Aquelas explotacións, agrupacións de titulares e iniciativas de aproveitamento en común integradas no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria que cumpran cos requisitos sinalados no artigo 21 terán un trato preferente nas axudas da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

Artigo 77. Avaliación final de custos do proceso

Rematado o proceso de reestruturación, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural levará a cabo un procedemento de avaliación final dos custos íntegros do proceso, que incluirá non só os custos directos derivados da contratación externa de obras e asistencias técnicas, senón os indirectos derivados da súa propia actuación no procedemento.

Esta avaliación servirá de base para o cálculo do importe da reparación dos danos recollidos no artigo 93, e será publicada na sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

TÍTULO IX Zonas de actuación intensiva

Artigo 78. Zonas de actuación intensiva

O Consello da Xunta, por proposta do organismo competente en materia de desenvolvemento rural, identificará e declarará as zonas de actuación agraria prioritaria, logo do informe do comité técnico asesor de reestruturación parcelaria regulado no artigo 14 desta lei. Estas serán zonas de actuacións intensivas en función dos seus especiais valores agrarios ou ambientais, onde priorizará as súas actividades, así como instará as restantes entidades con competencias en materia no ámbito rural para executaren plans integrais de xestión de terras e desenvolvemento territorial, co contido, alcance e procedemento de elaboración e execución que se estableza no correspondente decreto de declaración.

Artigo 79. Ámbito territorial

O perímetro da zona de actuación intensiva será aquel que veña determinado no correspondente decreto, e non será necesario que coincida con ningunha das divisións administrativas existentes.

Non obstante, a determinación do antedito perímetro poderá apoiarse nos límites parroquiais, podendo incluír unha ou varias parroquias, aínda que pertenzan a diferentes concellos ou provincias, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 80. Determinación das zonas de actuación intensiva

A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural deberá proceder, logo do informe dos comités técnicos asesores de reestruturación parcelaria, á selección das zonas de actuación intensiva e os seus perímetros, atendendo os seguintes criterios:

a) As zonas que inclúan terreos en fase de concentración ou reestruturación parcelaria, os que estean xa concentrados ou aqueles que teñan promovida a súa reestruturación.

b) As zonas no seu día decretadas como zonas de actuación agraria prioritaria (ZAAP), segundo a súa normativa aplicable.

c) As zonas en que existan deficiencias estruturais que incidan negativamente na súa viabilidade socioeconómica.

d) As zonas en que se promovan actuacións agrupadas ou simultáneas en varios concellos para a corrección das desigualdades máis significativas co fin de acadar unha distribución territorial equitativa.

e) As zonas cun alto grao de aceptación por parte da poboación, constatado polas sinaturas que avalan a petición.

f) As zonas cuxo dinamismo socioeconómico permita a optimización dos efectos do proceso.

g) As zonas en que a actividade económica principal sexa a agraria.

h) As zonas con potencialidade agraria estimada segundo criterios obxectivos.

i) As zonas ambientalmente sensibles, atendendo aqueles aspectos que poden condicionar negativamente a viabilidade das actuacións e a existencia dentro do seu perímetro de terreos ambientalmente protexidos ou que, estando fóra daquel, se poidan ver afectados negativamente.

j) As zonas en que sexa posible mitigar os efectos do cambio climático mediante a diminución das emisións de CO2 e dos incendios forestais.

k) As zonas nas que se teña solicitado un número significativo de proxectos de incorporación.

l) Outros factores que sexan determinados regulamentariamente e que se consideren necesarios á hora de avaliar a viabilidade do proceso.

Artigo 81. Plan de actuación integral

Nas zonas de actuación intensiva desenvolverase un plan de actuación integral que establecerá as accións e asignará os medios tendentes á consecución, como mínimo, dun dos seguintes obxectivos:

a) A dotación e mellora da infraestrutura viaria, abastecemento e saneamento de auga, xestión de residuos, equipamento e servizos comunitarios, vivenda rural, electrificación rural e telecomunicacións.

b) A reestruturación parcelaria de carácter público, reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares e reestruturación da propiedade mediante permutas e procesos especiais inherentes aos casos dos proxectos de grandes obras públicas lineais e coutos mineiros.

c) A ordenación de usos e cultivos, modernización e consolidación de regadíos, construcións gandeiras, mellora da sanidade pecuaria e aproveitamento racional dos recursos forestais con criterios de sustentabilidade.

d) O impulso das industrias de elaboración, conservación, transformación e comercialización de produtos agrarios.

e) A protección da caza e pesca e da paisaxe.

f) A capacitación e promoción da formación profesional e cultural e das actividades deportivas no medio natural, recreativas e de lecer da poboación rural.

g) O estímulo e fomento das cooperativas e demais modalidades asociativas agrarias.

h) A diminución do número e da virulencia dos incendios forestais.

i) A mobilización dos predios con vocación agraria para as explotacións.

j) Calquera outro que permita o desenvolvemento rural da zona.

Artigo 82. Inicio do procedemento

1. O procedemento de declaración de actuación intensiva para unha zona poderase iniciar:

a) Por petición, logo do acordo corporativo, do concello ou concellos afectados.

b) De oficio, pola consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, logo do informe do comité técnico asesor da reestruturación correspondente.

2. Será competente para o coñecemento e tramitación dos expedientes inherentes ás actuacións intensivas a delegación territorial correspondente. No caso de afectar o ámbito territorial de varias delegacións, a competencia exerceraa aquela que conte cunha maior superficie afectada polo expediente.

3. Recibida a solicitude, a delegación territorial solicitará a información necesaria ao concello ou concellos afectados, así como ás xefaturas territoriais que se considere por razón das actuacións necesarias, que emitirán informe sobre a súa oportunidade.

4. O expediente farase público para efectos de audiencia ás persoas interesadas, no concello ou concellos afectados, así como na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 83. Decreto

1. O decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, declarará de utilidade pública e interese social a actuación intensiva da zona de que se trate.

2. O decreto conterá, como mínimo, a declaración de utilidade pública e interese social da actuación intensiva da zona, para os efectos de expropiación forzosa, así como o perímetro da zona de actuación.

Artigo 84. O comité de asesoramento

1. O comité de asesoramento, de carácter provincial, ten como funcións principais:

a) A coordinación entre as diferentes zonas de actuación intensiva levadas a cabo e entre os diferentes organismos que teñen relación cunha actuación concreta para cada zona.

b) O asesoramento á delegación territorial para a elaboración do informe sobre a oportunidade de declarar a actuación intensiva a que fai referencia o artigo anterior.

2. O comité de asesoramento estará formado polos seguintes membros:

a) Presidente: a persoa titular da delegación territorial competente da Xunta de Galicia.

b) Vogais: as persoas titulares das xefaturas territoriais, ou persoa en que deleguen, das consellarías competentes en materia de desenvolvemento rural, ordenación do territorio e economía, así como unha persoa representante da Fegamp.

Así mesmo, e por razón das súas competencias, poderán ser citadas ás reunións do comité de asesoramento, con voz pero sen voto, as persoas representantes dos diversos organismos que se poidan ver afectados.

c) Secretaría: será exercida por unha persoa funcionaria da delegación territorial da provincia correspondente, coa condición de licenciada en dereito.

3. A forma de designación dos membros deste comité e o seu funcionamento serán determinados regulamentariamente.

4. Co fin de facilitar a actuación coordinada para a mellora ou dotación de equipamentos e servizos comunitarios, poderá solicitarse a colaboración de empresas públicas e privadas.

Artigo 85. A xunta de zona

1. Para os efectos desta lei, as xuntas de zona teñen como funcións o informe, o asesoramento e a colaboración nas distintas fases e accións da actuación intensiva.

2. A xunta de zona é un órgano colexiado formado por:

a) Presidencia, con voto de calidade: a persoa que exerza a xefatura territorial competente en materia de desenvolvemento rural, ou persoa en que delegue.

b) Secretaría: unha persoa funcionaria da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, designada pola persoa titular da delegación territorial que corresponda, coa condición de licenciada en dereito, que actuará con voz pero sen voto.

c) Vogalías:

1º. A persoa que exerza a alcaldía ou alcaldías do concello ou concellos afectados pola zona de actuación intensiva, ou persoa en que delegue.

2º. As persoas que exerzan as xefaturas territoriais competentes en materia de ordenación do territorio, de industria e de economía, ou persoas en que deleguen.

3º. Catro representantes da veciñanza residente, dos cales polo menos dous serán titulares de explotacións agrarias, elixidos conforme se estableza regulamentariamente.

4º. Unha persoa técnica da oficina ou oficinas agrarias comarcais correspondentes á zona, designada pola persoa titular da xefatura territorial competente en materia de desenvolvemento rural.

5º. Unha persoa técnica do distrito ou distritos forestais correspondentes á zona, designada pola persoa titular da xefatura territorial competente en materia de desenvolvemento rural.

3. A xunta local constituirase nun prazo non superior aos tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación do decreto da zona e quedará disolta unha vez rematadas as funcións inherentes ao plan de actuación intensiva.

4. O funcionamento da xunta da zona determinarase regulamentariamente.

TÍTULO X Réxime sancionador

Artigo 86. A actuación inspectora

1. A consellaría competente en materia de desenvolvemento rural levará a cabo aquelas actuacións de control e de inspección que considere necesarias sobre os predios con vocación agraria situados na zona para garantir o cumprimento do recollido nesta lei.

2. Para estes efectos, o persoal da consellaría que desenvolva estas actuacións ten a condición de axente da autoridade, e os feitos constatados e formalizados por el nas correspondentes actas de inspección e denuncia terán a presunción de certeza, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos e intereses poidan achegar as persoas interesadas.

Artigo 87. Réxime sancionador

1. Son sancionables as accións e omisións que infrinxan o establecido nesta lei, sen prexuízo das responsabilidades exixibles na vía penal, civil ou doutra orde en que poidan incorrer.

2. As infraccións ao establecido nesta lei clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 88. Infraccións leves

Son infraccións leves:

1. Dificultar os traballos de investigación e clasificación de terras.

2. Realizar actos que diminúan o valor dunha parcela de achega nun valor inferior ao 10 % dela, unha vez iniciado o proceso.

3. Calquera outra acción ou omisión que supoña incumprimento de calquera dos requisitos establecidos nesta lei que non estea clasificado como falta grave ou moi grave.

Artigo 89. Infraccións graves

Son infraccións graves:

1. Impedir o acceso ás parcelas de achega ao persoal encargado da realización dos traballos cando sexa necesario para a súa correcta execución e non proceder, cando llo indique ese persoal, á roza e limpeza de maleza total ou parcial dos terreos cando sexa necesario para os traballos de identificación de parcelas de achega.

2. Realizar obras ou melloras nas parcelas de achega sen a correspondente autorización.

3. Destruír obras, cortar ou derribar arboredo, extraer ou suprimir plantacións ou cultivos permanentes e derramar a terra ou, en xeral, realizar actos que diminúan o valor dunha parcela de achega nun valor superior ao 10 % dela, unha vez iniciado o proceso, sen a preceptiva autorización previa.

4. A obstrución ou a negativa a subministrar datos ou a facilitar as funcións de información, vixilancia ou inspección que practique a Administración, así como subministrar a sabendas información inexacta, con omisións, erros ou imprecisións ou documentación falsa.

Artigo 90. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

1. O incumprimento da obriga sinalada no número 1.c) do artigo 12, nos casos sinalados no artigo 21, de manter os predios de substitución atribuídos en explotación conforme o determinado para eles no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria da zona durante o período sinalado no citado punto.

2. Impedir ou obstaculizar a toma de posesión dos novos predios de substitución.

3. Impedir ou obstaculizar a realización das obras sinaladas no título VI.

4. Impedir ou dificultar a sinalización ou a implantación dos novos predios de substitución, así como retirar os sinais ou os marcos cando estean colocados.

Artigo 91. Sancións

1. As infraccións tipificadas nos artigos anteriores serán sancionadas da seguinte forma:

a) Infraccións leves: apercibimento ou multa ata 600 euros.

b) Infraccións graves: multa entre 601 e 1.500 euros.

c) Infraccións moi graves: multa entre 1.501 e 6.000 euros.

2. O apercibimento só procederá no suposto de infraccións leves, sempre e cando a persoa infractora non fose sancionada con anterioridade por calquera infracción das tipificadas nesta lei.

Artigo 92. Graduación das sancións

1. Para a determinación concreta da sanción que se impoña, de entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomaranse en consideración os seguintes criterios:

a) A existencia de intencionalidade ou simple neglixencia.

b) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.

c) A natureza dos prexuízos causados.

d) A reincidencia, por comisión no prazo de dous anos doutra infracción da mesma natureza, cando así se declarase por resolución firme. Este prazo comezará a contar desde que a resolución adquira firmeza na vía administrativa.

2. Malia o recollido no punto anterior, a sanción poderase minorar motivadamente, a xuízo do órgano competente para resolver segundo o tipo de infracción de que se trate, atendendo as circunstancias específicas do caso, entre elas o recoñecemento e a emenda da conduta infractora e a reparación dos danos causados, antes de que se resolva o correspondente expediente sancionador, cando a sanción resulte excesivamente onerosa.

3. Os criterios de graduación recollidos no número 1 non se poderán utilizar para agravar a infracción cando estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio ilícito administrativo.

4. A proposta de resolución do expediente, no caso de que sexa procedente, e a resolución administrativa que recaia deberán explicitar os criterios de graduación da sanción tidos en conta, de entre os sinalados no número 1 deste artigo. Cando non se considere relevante para estes efectos ningunha das circunstancias enumeradas, a sanción impoñerase na contía mínima prevista para cada tipo de infracción.

Artigo 93. Reparación do dano ou indemnización

1. Con independencia da sanción que lles fose imposta, as persoas infractoras deberán repoñer a situación alterada ao seu estado orixinario, así como indemnizar os danos e perdas causados. Estes danos determinaranse segundo criterio técnico debidamente motivado na resolución sancionadora, que establecerá a forma e o prazo en que a reparación se deberá levar a cabo ou, de ser o caso, a imposibilidade da reparación e o conseguinte establecemento da indemnización. En relación cos danos e perdas causados, as persoas afectadas poderán achegar en audiencia e por conta propia informe complementario de peritaxe dos danos.

2. No caso de sanción por infracción moi grave relativa ao establecido no número 1 do artigo 90, tendo en conta a imposibilidade de reposición ao estado orixinario, o infractor estará obrigado á devolución da parte proporcional ao tempo que resta para cumprir a totalidade do compromiso sinalado na alínea c) do artigo 12 dos gastos ocasionados á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural correspondentes á superficie total dos predios de substitución obxecto de infracción, valorados conforme se determina no artigo 77.

Artigo 94. Multas coercitivas e execución subsidiaria

1. Se as persoas responsables da infracción non proceden á reparación ou á indemnización na forma e no prazo outorgados na resolución, o órgano que ditou a resolución poderá acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.

2. As multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado e o seu importe non poderá ser superior a 1.000 euros.

3. A execución pola Administración da reparación ordenada será por conta do infractor.

Artigo 95. Responsabilidade

A responsabilidade da infracción recaerá sobre:

1. A persoa física ou xurídica que directamente leve a cabo a actividade infractora, ben sexa a propia persoa titular do dominio ou doutro dereito real de gozo sobre os predios ou unha terceira persoa que actúe por mandato daqueles.

2. De existir, a persoa física ou xurídica que sexa titular dos predios en réxime de arrendamento, parzaría ou calquera outro dereito de uso ou de aproveitamento análogo, agás que no decurso do expediente demostre que as persoas arrendadoras ou cedentes lle impiden o normal desenvolvemento dos dereitos de uso ou aproveitamento dos predios, caso en que a responsabilidade recaería sobre estas.

3. Os habentes causa das herdanzas indivisas e comunidades hereditarias, as persoas representantes das herdanzas xacentes, as persoas cotitulares das sociedades de gananciais e das comunidades de bens, os membros de sociedades civís e entidades carentes de personalidade xurídica, todas elas titulares de predios rústicos que constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de imposición, agás a existencia de calquera tipo de cesión do dereito de uso ou de aproveitamento en favor dunha terceira persoa. De ser o caso, as persoas copartícipes responderán solidariamente das sancións impostas.

Se a persoa xurídica autora dunha infracción establecida nesta lei se extingue antes de ser sancionada, consideraranse autores as persoas físicas que, desde os seus órganos de dirección ou actuando ao seu servizo ou por elas mesmas, determinaron coa súa conduta a comisión da infracción. As persoas socias ou partícipes no capital responderán solidariamente, e ata o límite do valor da cota de liquidación que se lles adxudicase, do pagamento da sanción ou, se é o caso, do custo da reparación.

Artigo 96. Órganos sancionadores competentes

1. O órgano con competencia para incoar o expediente sancionador será a persoa titular da xefatura territorial competente en materia de desenvolvemento rural.

2. Os órganos con competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei serán os seguintes:

a) Para sancionar infraccións de carácter leve, a persoa titular da xefatura territorial correspondente.

b) Para sancionar infraccións de carácter grave, a persoa titular da dirección xeral competente.

c) Para sancionar infraccións de carácter moi grave, a persoa titular da consellaría competente.

Artigo 97. Duración do procedemento sancionador

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será dun ano, contado desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador.

Artigo 98. Prescrición das infraccións e sancións

1. As infraccións leves a que se refire esta lei prescribirán no prazo de dous anos, as graves no de tres anos e as moi graves no de catro anos.

2. O prazo da prescrición comezará a correr desde o día en que se cometa a infracción, agás no suposto de infraccións continuadas, en que o prazo de prescrición comezará a contar desde o momento de finalización da actividade, do último acto con que a infracción se consumase ou desde que se eliminou a situación ilícita.

3. Interromperá a prescrición da infracción a iniciación, co coñecemento da persoa presunta responsable, do procedemento sancionador.

4. No caso de concorrencia de infraccións leves, graves e moi graves, ou cando algunha destas infraccións sexa medio necesario para cometer outra, o prazo de prescrición é o establecido para a infracción máis grave das cometidas.

5. As sancións impostas pola comisión de infraccións leves prescribirán ao ano, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos. Estes prazos comezarán a contarse a partir do día seguinte ao aquel en que adquirise firmeza en vía administrativa a resolución sancionadora.

Disposición adicional primeira. Da normativa de aplicación supletoria

De maneira supletoria e para aquelas materias non reguladas expresamente nesta lei e nas súas normas complementarias, aplicarase a normativa estatal vixente en materia de desenvolvemento rural.

Disposición adicional segunda. Competencia residual

As competencias en materia de reestruturación parcelaria que por esta lei non estean conferidas a un órgano ou servizo concreto quedaranlle atribuídas á dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

Corresponderalle á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural a creación de ficheiros e o tratamento de datos de carácter persoal inherentes aos procesos de reestruturación parcelaria, así como os de concentración parcelaria en curso, que se levará a cabo con sometemento ás normas recollidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, ou normativa legal que a substitúa.

Disposición transitoria primeira. Da irretroactividade da norma

As disposicións que introduce este texto legal aplicaranse aos procedementos de concentración parcelaria en curso sen retroceder nos trámites, adaptándose, de ser posible, á fase en que se encontren. No caso de non poder levar a cabo esta adaptación, esta lei aplicarase no inicio da fase seguinte.

Disposición transitoria segunda. Inclusión de terreos non rústicos

Sempre e cando, no momento da entrada en vigor desta norma, o procedemento non acadase a fase de acordo de concentración parcelaria, poderán ser incluídos aqueles terreos que, por mor da súa clasificación urbanística, non formasen parte del ou, séndoo, fosen excluídos. Nestes terreos levaranse a cabo todas as actuacións non realizadas de cada fase do procedemento ata alcanzar o punto en que se atope o resto do proceso da zona.

Disposición transitoria terceira. Procesos de concentración parcelaria sen actuacións

Aos procesos de concentración parcelaria decretados con anterioridade á entrada en vigor desta lei nos que non se desenvolvesen actuacións seralles aplicable integramente o contido dela, coa excepción do sinalado nos artigos 6, 7, 9 e 10, pasando a ter a consideración de procesos de reestruturación parcelaria de carácter público, ou nos artigos 45, 46 e 47 no caso de reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares.

Disposición transitoria cuarta. Das xuntas locais

As xuntas locais de concentración parcelaria constituídas con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán inalterada a súa composición, agás nas zonas que non acadasen a fase de bases definitivas. Neste último suposto, incorporaranse, como membros natos pertencentes á xunta local, un técnico designado polo servizo provincial con competencias en materia de montes e unha persoa representante da entidade xestora do Banco de Terras.

Disposición transitoria quinta. Da caducidade dos procesos de concentración parcelaria

Ao careceren de solución de continuidade, decláranse caducados os expedientes de concentración parcelaria iniciados antes da entrada en vigor desta lei nos que non se levaron a cabo actos administrativos firmes nos últimos quince anos, e que figuran recollidos no anexo desta lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto nesta lei, e, de forma específica, a Lei 11/1983, do 29 de decembro, de actuación intensiva nas parroquias rurais, e a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, e as súas modificacións.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras

Engádese un novo capítulo III, coa denominación «Dos predios abandonados», no título VI da Lei 6/2001, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, co seguinte contido:

«Artigo 34 bis. Declaración

O órgano superior competente en materia de agricultura poderá declarar como perímetros abandonados un conxunto de predios con vocación agraria, contiguos ou non, ou que constitúan ou non couto redondo, situados en solo rústico, cando se dea algunha das causas seguintes:

a) Que poidan supoñer risco de incendios forestais, ben pola inaplicación ou ineficacia das medidas contidas nos correspondentes plans de xestión ou de ordenación forestal, ben pola inexistente xestión da biomasa ou ben polas reiteradas neglixencias no uso do lume en prácticas de xestión agroforestal ou doutros conflitos que deviñeron na reiteración de incendios nesas zonas, co conseguinte perigo para as áreas habitadas próximas a esas zonas.

b) Que sexan obxecto de incendios co conseguinte perigo para as áreas habitadas próximas ás zonas queimadas.

c) Que exista demanda de terra por parte de explotacións agrarias xa existentes nesas zonas ou para novas iniciativas de explotacións agrarias, sempre que se manteña o seu estado de abandono, nos termos establecidos no artigo 28 desta lei.

Artigo 34 ter. Procedemento

1. A incoación do procedemento de declaración de perímetro abandonado farase de oficio ou por instancia de parte pola xefatura territorial competente en materia agraria do ámbito territorial en que estea situado o predio, e, nos casos establecidos nas alíneas a) e b) do artigo anterior, requirirase ademais informe dos servizos técnicos competentes en materia de incendios forestais. No caso de que os predios que forman o perímetro abandonado estean situados en distintas provincias, iniciará o expediente a persoa titular da xefatura territorial da provincia sobre a cal se sitúe a maior superficie de terreo.

2. Os restantes trámites para a declaración de perímetro abandonado serán os establecidos no capítulo II desta lei, coa especialidade de que, nos casos establecidos nas alíneas a) e b) do artigo anterior, o informe previsto no artigo 32.1 desta lei será emitido polos servizos técnicos que correspondan da consellaría competente en materia de montes.

3. Non será obstáculo para a declaración de perímetro abandonado o feito de que algunhas das persoas titulares de predios incorporados ao dito perímetro opten por algunha das opcións a) ou b) recollidas no artigo 33 desta lei, e continuarase o procedemento para os restantes predios integrantes do perímetro.

4. Seranlles aplicables aos predios incluídos na declaración de perímetro abandonado as consecuencias establecidas no artigo 33 desta lei.

5. Aos predios incluídos dentro do perímetro declarado abandonado seralles aplicable o réxime sancionador establecido nesta lei para os predios declarados abandonados de forma individual».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado

Un. Modifícase o número cinco do artigo 7 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado da seguinte maneira:

«Cinco. Redución pola adquisición de explotacións agrarias e de elementos afectos.

1. Nos casos en que na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufruto sobre esta, practicarase unha redución do 99 % do mencionado valor cando concorran as circunstancias seguintes:

a) Que na data de devindicación o causante ou o seu cónxuxe teñan a condición de persoa agricultora profesional.

b) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, da persoa causante.

c) Que a persoa adquirente manteña no seu patrimonio a explotación agraria durante os cinco anos seguintes á devindicación do imposto, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a explotación en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

d) Que a explotación agraria viñese realizando, efectivamente, actividades agrarias e a persoa agricultora profesional mantivese tal condición durante un período superior aos dous anos anteriores á devindicación do imposto.

2. Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor de elementos dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufruto sobre estes, practicarase unha redución do 99 % do mencionado valor cando concorran as circunstancias seguintes:

a) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, da persoa causante.

b) Que na data da devindicación as persoas adquirentes ou os seus cónxuxes teñan a condición de persoa agricultora profesional en canto á dedicación de traballo e procedencia de rendas e sexan ben titulares dunha explotación agraria á cal estean afectos os elementos que se transmiten ou ben persoas socias dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil que sexa titular dunha explotación agraria á cal estean afectos os elementos que se transmiten.

c) Que a persoa adquirente manteña os elementos adquiridos afectos á explotación agraria durante os cinco anos seguintes á devindicación do imposto, agás que dentro do citado prazo faleza a persoa adquirente ou transmita os elementos en virtude de pacto sucesorio de acordo co previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

d) Que a explotación agraria viñese realizando, efectivamente, actividades agrarias e a persoa agricultora profesional mantivese tal condición durante un período superior as dous anos anteriores á devindicación do imposto.

3. Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor de predios rústicos situados en Galicia ou de dereitos de usufruto sobre estes, practicarase unha redución do 99 % do mencionado valor cando estes predios sexan transmitidos no prazo de seis meses polo adquirente mortis causa a quen teña a condición de persoa agricultora profesional en canto á dedicación de traballo e procedencia de rendas e sexan ben titulares dunha explotación agraria á cal queden afectos os elementos que se transmiten ou ben persoas socias dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil que sexa titular dunha explotación agraria a que queden afectos os elementos que se transmiten. A transmisión poderá realizarse tamén directamente a estas últimas sociedades ou ao Banco de Terras de Galicia, cos mesmos requisitos de prazos sinalados anteriormente. O tempo de afectación dos predios ou dereitos transmitidos non poderá ser inferior a cinco anos.

Para estes efectos, equipárase a transmisión á cesión por calquera título que permita ao cesionario a ampliación da súa explotación agraria. Tamén se terá dereito á redución se os predios están xa cedidos na data de devindicación e se esta cesión se mantén nas condicións sinaladas anteriormente.

Será necesario que a explotación agraria adquirente viñese realizando, efectivamente, actividades agrarias e a persoa agricultora profesional mantivese tal condición durante un período superior aos dous anos anteriores á devindicación do imposto.

4. Para os efectos das reducións previstas nos puntos 1, 2 e 3 anteriores, os termos de «explotación agraria», «persoa agricultora profesional», «elementos dunha explotación» e «titular da explotación» son os definidos na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias».

Dous. Modifícase o número cinco do artigo 8 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado da seguinte maneira:

«Cinco. Redución pola adquisición de explotacións agrarias e predios rústicos.

Nos casos de transmisións de participacións inter vivos dunha explotación agraria ou predios rústicos situados en Galicia ou de dereitos de usufruto sobre estes, aplicarase unha redución na base impoñible, para determinar a base liquidable, do 99 % do valor de adquisición, sempre e cando concorran as seguintes condicións:

a) Que a persoa doadora teña 65 ou máis anos ou estea en situación de incapacidade permanente en grao de absoluta ou grande invalidez.

b) Que na data da devindicación a persoa doadora teña a condición de agricultora profesional e perdese tal condición como consecuencia da doazón.

c) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, da persoa doadora.

d) Que a persoa adquirente manteña no seu patrimonio a explotación agraria ou predio rústico e a súa condición de persoa agricultora profesional durante os cinco anos seguintes á devindicación do imposto, agás que dentro do dito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a explotación en virtude de pacto sucesorio de conformidade co previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

e) Que a explotación agraria viñese realizando, efectivamente, actividades agrarias e a persoa agricultora profesional mantivese tal condición durante un período superior aos dous anos anteriores á devindicación do imposto.

Os termos de «explotación agraria», «persoa agricultora profesional», «elementos dunha explotación» e «titular da explotación» son os definidos na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias».

Tres. Modifícase o número tres do artigo 16 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado da seguinte maneira:

«1. As transmisións en propiedade ou a cesión temporal de terreos integrantes do Banco de Terras de Galicia, a través dos mecanismos previstos nesta lei, gozarán dunha dedución na cota tributaria do 100 % no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Este beneficio fiscal será incompatible con calquera outro que poida ser aplicable a esas adxudicacións ou ao encargo de mediación.

2. A aplicación do dito beneficio fiscal quedará condicionada ao mantemento, durante un período mínimo de cinco anos, do destino agrario do terreo, agás nos supostos de expropiación para a construción de infraestruturas públicas ou para a edificación de instalacións ou construcións asociadas á explotación agraria.

3. No caso de incumprimento da dita condición, a persoa beneficiaria deberá ingresar o importe do beneficio gozado e os xuros de demora, mediante a presentación dunha autoliquidación complementaria, no prazo de trinta días hábiles desde o incumprimento da condición».

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo

Facúltase o Consello da Xunta para ditar cantas disposicións de aplicación e desenvolvemento desta lei sexan precisas.

Disposición derradeira cuarta. Remisións legais

As remisións ou referencias que nos textos legais en vigor se fan á concentración parcelaria entenderanse feitas á reestruturación parcelaria regulada por esta lei.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

ANEXO Relación de expedientes de concentración parcelaria que se declaran caducados

[táboa]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia