lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 13/2014, do 22 de decembro, pola que se modifica a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.

Publicado en: DOG 3 07/01/2015

Última modificación: 07/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

O Sistema público de saúde de Galicia ten como principios reitores, entre outros, o de universalidade do dereito aos servizos e ás prestacións de cobertura pública, o de promoción da equidade e do equilibrio territorial no acceso e na prestación dos servizos e o de adecuación das prestacións sanitarias ás necesidades da poboación.

A Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, ten como obxectivo fundamental establecer as garantías de prestacións sanitarias, en relación co exercicio polos pacientes dos dereitos, de establecemento de demoras máximas nos tempos de resposta, a libre elección de persoal sanitario en atención primaria e de hospital na atención especializada, a dispoñer dunha segunda opinión médica, a manifestar as instrucións previas e á información sobre os dereitos e os deberes en relación coas prestacións sanitarias.

A equidade no acceso aos servizos sanitarios é un dos principios básicos do sistema sanitario de Galicia e supón prestar a atención sanitaria que precisan os cidadáns, dunha forma igualitaria, independentemente de factores sociodemográficos como o nivel de renda, a idade, o sexo ou o lugar de residencia.

É evidente que, no caso da equidade no acceso á asistencia sanitaria, debe existir unha relación moi clara coas normas de calidade na prestación de servizos sanitarios. Este é un aspecto fundamental que debe considerarse, tendo en conta que cada vez existe unha maior especialización na atención sanitaria, o que exixe, para determinadas actividades clínicas, agrupar un volume de casos suficiente para que os profesionais sanitarios poidan desenvolver a súa actividade nunhas condicións óptimas.

Por iso, é preciso subliñar que as condicións de prestación da atención sanitaria, en xeral, e de determinados servizos especializados, en particular, deben ter como obxectivo fundamental mellorar as condicións de calidade, efectividade e seguridade na atención sanitaria dos pacientes.

En Galicia existe, desde o ano 2005, un programa autonómico de asistencia en rede ao infarto agudo de miocardio (IAM), coñecido como PROGALIAM. Trátase dunha iniciativa que naceu do convencemento de que a anxioplastia primaria era a mellor estratexia para a reperfusión dos pacientes con IAM e incluíu unha serie de particularidades que a fixeron pioneira en moitos aspectos, implementando, nese momento, estratexias que hoxe en día aparecen xa como recomendacións nas recentes guías europeas.

O programa supuxo un esforzo conxunto de distintas unidades e estruturas do sistema sanitario, co obxectivo principal de diminuír, desde o inicio, a mortalidade e a morbilidade, mellorando a expectativa de calidade de vida do paciente con infarto, e promover a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario, para reducir a variabilidade no uso de recursos e tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas.

O principal reto do programa foi paliar a dispersión poboacional da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha rede de asistencia prehospitalaria rápida e eficaz, de modo que fose posible realizar os traslados desde calquera punto da xeografía galega a un centro de intervencionismo en menos de 120 minutos.

Así mesmo, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, nun traballo realizado con profesionais e sociedades científicas, formulou recomendacións sobre a concentración adecuada dos procedementos de alta complexidade e cualificación técnica para facelos máis eficientes e seguros.

De acordo con estas recomendacións, púxose en funcionamento recentemente unha nova sala de cardioloxía intervencionista no Hospital Lucus Augusti de Lugo (HULA), que forma parte da área de servizo compartido para a área norte.

Parece oportuno, polo tanto, que se recolla, entre as garantías de que dispoñen os usuarios, a do dereito de acceso ás prestacións sanitarias en condicións de equidade en relación coa distribución territorial e coa liberdade de elección do paciente, establecido no artigo 11 e seguintes da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.

Para estes efectos, a Lei establece que deberán adoptarse por parte da Administración sanitaria as medidas oportunas, nas que se incluirán os recursos necesarios para que a poboación galega dispoña de acceso aos procedementos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, en condicións de calidade, efectividade e equidade.

En consecuencia, modifícase a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, coa finalidade indicada, engadindo o capítulo VII, coa rúbrica de “Dispoñibilidade de determinados servizos asistenciais”, e un novo artigo, o 32, coa rúbrica de “Garantía de dispoñibilidade de determinados servizos asistenciais”.

A Lei componse, en definitiva, dun artigo único e tres disposicións derradeiras.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.

Artigo único.

Engádese un novo capítulo VII, cun novo artigo 32, á Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, que terá a seguinte redacción:

«CAPÍTULO VII

Dispoñibilidade de determinados servizos asistenciais

Artigo 32. Garantía de dispoñibilidade de determinados servizos asistenciais

A Administración autonómica disporá as medidas oportunas e os recursos económicos, humanos e materiais necesarios para que todas as provincias galegas dispoñan de procedementos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, garantindo a equidade na prestación e a libre elección do usuario.

En calquera caso, a prestación destes servizos deberase levar a cabo tendo en conta as condicións de calidade, efectividade e seguridade da atención sanitaria dos pacientes e o mellor aproveitamento das salas de hemodinámica existentes».

Disposición derradeira primeira. Efectividade do servizo

A garantía de dispoñibilidade de determinados servizos asistenciais aos que se refire o artigo 32 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, será efectiva nun prazo máximo de dezaoito meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia