lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Publicado en: DOG 17 27/01/2014

Última modificación: 07/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

A optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión e o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia.

En aplicación destes principios, no ano 2009 iniciouse un proceso gradual de racionalización, simplificación e redución das estruturas administrativas, tanto no que atinxe á Administración xeral como ao conxunto de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. Así, abordouse unha redución do 40 % no número de consellarías, impulsouse un novo deseño da Administración periférica con cinco únicas delegacións territoriais, reduciuse á metade o número de altos cargos e executouse un completo plan para adelgazar a dimensión da Administración instrumental. Cos referidos axustes, a Administración autonómica adaptou a súa arquitectura organizativa ao actual contexto de crise e restrición do gasto público, ao tempo que promoveu unha acción pública máis eficaz e articulada, que mantén o nivel de calidade na prestación dos servizos públicos. Como corolario deste proceso de reforma e modernización administrativa aprobouse a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que, ademais de clarificar, ordenar e sistematizar a estrutura do sector público autonómico, supón un primeiro paso na introdución de medidas de racionalización e simplificación do ordenamento xurídico galego e do sector público autonómico.

Neste marco, elabórase esta lei baixo a cobertura dos títulos competenciais recoñecidos nos artigos 27.1 e 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, así como do previsto no seu artigo 16.4, con escrupuloso respecto á lexislación básica ditada polo Estado en materia de réxime xurídico das administracións públicas e en materia de contratación do sector público, conforme o artigo 149.1.18 CE.

A lei estrutúrase nun título preliminar e catro títulos: o título I, sobre colaboración dentro do sector público; o título II, sobre racionalización e redución de custos na contratación do sector público; o título III, dirixido á racionalización e mellora da calidade normativa; e o título IV, sobre sistematización, reordenación e supresión de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

O título preliminar establece o obxecto da lei, dirixida á racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, e recolle unha serie de regras xerais tendentes a impoñer pautas de mellora continua na dimensión das estruturas administrativas, así como medidas que, en resposta aos mandatos da Comunidade Europea, supoñan simplificación documental dos procedementos administrativos, xeneralización do uso de medios electrónicos e redución das cargas administrativas soportadas pola cidadanía e as empresas nas súas relacións coas administracións públicas.

O título I regula a colaboración dentro do sector público autonómico, tomando como punto de partida os principios de colaboración, cooperación e asistencia. Precisamente, unha das novidades da lei é o principio de autoprovisión de bens e servizos dentro do sector público, que implica a execución das competencias e funcións do sector público autonómico cos medios dispoñibles neste. Este principio de autoprovisión ou in house providing vén avalado polo propio Tribunal de Xustiza da UE, que considera que a Administración non está obrigada a acudir ao mercado cando teña a posibilidade de realizar tarefas de interese público cos seus propios medios, na medida en que esta forma de colaboración interna contribúe ao uso eficiente de fondos públicos, estendendo esta posibilidade mesmo aos supostos de colaboración de distintos poderes adxudicadores. Nesta liña regúlanse, ademais, os distintos instrumentos e procedementos de colaboración, cooperación e asistencia interna, xunto cun procedemento residual, así como un procedemento final para resolver os conflitos que, de ser o caso, poidan xurdir.

No título II establécense medidas de racionalización e redución de custos na contratación pública autonómica. Estas medidas pódense estruturar en tres grupos en función dos seus obxectivos últimos. En primeiro lugar, regúlanse medidas que inciden fundamentalmente no ámbito interno da Administración, para garantir a eficiencia do gasto público e a mellora do funcionamento administrativo, como a contratación centralizada, o fomento da contratación electrónica, as referencias á contratación responsable e sustentable, e as maiores exixencias de xustificación nos expedientes de contratación (especialmente vinculadas ao principio de autoprovisión do título II da lei).

Un segundo grupo de medidas, dirixidas a garantir os principios de concorrencia, igualdade de trato e transparencia, que favorecen os licitadores e en particular as pemes, son as medidas dos artigos 22, 23, 24, 29 e 34. Neste grupo destacan as medidas que facilitan o acceso sen custos á información contractual e as que favorecen a transparencia na contratación, e imponse a necesidade de solicitar varias ofertas nos contratos menores a partir de determinada contía, por riba das exixencias da normativa estatal básica. Algunhas medidas teñen carácter mixto por se dirixiren tanto ao sector público coma aos licitadores. Este é o caso da asunción pola Xunta Consultiva de Contratación Administrativa das funcións de centro de coñecementos en contratación pública, co fin de proporcionar orientación e apoio ao sector público autonómico e local e para mellorar o acceso dos operadores económicos á contratación pública, así como o das medidas adoptadas para axilizar os trámites na contratación e reducir os custos para os licitadores.

O último grupo de medidas persegue un uso estratéxico das compras públicas, con especial referencia á contratación pública ecolóxica e socialmente responsable, así como á contratación innovadora. En liña con este título inclúense determinados mandatos na parte final da lei, como os relacionados coa contratación electrónica, a contratación precomercial e a innovadora.

O título III persegue a mellora da calidade da normativa autonómica co fin de que o ordenamento autonómico sexa estable, ordenado e accesible para os administrados.

Por último, o título IV contén previsións de sistematización e reordenación do sector público autonómico mediante a extinción ou fusión de distintos entes instrumentais. Neste sentido, os procesos de reestruturación previstos establecen a refundición nun só ente do Instituto Galego do Consumo e do Consello Galego da Competencia, que dan lugar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

No eido da sanidade, por unha banda créase unha axencia que xestionará a formación, a investigación e a innovación dentro das institucións sanitarias e que, ao mesmo tempo, avaliará o resultado das tecnoloxías e servizos sanitarios, e, por outra banda, unifícase nunha única axencia a xestión da doazón, almacenaxe e transplante ou transfusión de sangue, órganos, tecidos, células e mostras biolóxicas, de xeito que a futura Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos asumirá as funcións ata o de agora dispersas entre a Fundación Centro de Transfusión de Galicia, a Oficina de Coordinación de Transplantes e os distintos bancos de tecidos da Comunidade Autónoma.

A parte final da lei está formada por doce disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria única e quince disposicións derradeiras. Nesta parte adóptanse medidas concretas en relación cos catro títulos da lei, así como as modificacións legais precisas para adaptar a normativa á eliminación de catro altos cargos da Xunta de Galicia: o de director da Academia Galega de Seguridade Pública, o de director do Instituto Enerxético de Galicia, o de director do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o de director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Tamén cómpre destacar a modificación de dous preceptos da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a modificación do artigo 10 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, dirixida a consolidar por lei unha relevante medida de transparencia e de rendición de contas ante a cidadanía, como é a publicación das declaracións de bens patrimoniais dos membros da Xunta no momento de accederen ao cargo e no momento de o abandonaren.

Por último, en consonancia co obxectivo marcado no título III da lei, habilítase a Xunta de Galicia para a elaboración de cinco textos refundidos que aglutinen normativa sectorial hoxe dispersa en dous ou máis textos.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de racionalización do sector público autonómico.

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación da lei

1. Esta lei ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.

2. O seu ámbito de aplicación será o sector público autonómico, integrado, de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do seu sector público.

Artigo 2. Racionalización, reordenación e reestruturación do sector público autonómico

1. O sector público autonómico de Galicia terá a estrutura e dimensión estritamente necesarias para o exercicio das competencias asignadas á Comunidade Autónoma, con pleno respecto aos principios de estabilidade orzamentaria e de sustentabilidade financeira, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa elaborará polo menos cada tres anos plans de racionalización e reestruturación que analicen a estrutura organizativa e a dimensión orgánica da Administración xeral e das entidades que integran o sector público autonómico, tomando como referencia o principio de racionalización do gasto e a mellora da xestión do sector público.

As consellarías e entidades analizadas terán participación na análise da estrutura e no estudo do seu rendemento, para efectos de emitir o seu criterio sobre o procedemento empregado na elaboración do estudo e os indicadores que, de ser o caso, se utilicen para efectuar a análise.

3. Estes plans elevaranse ao Consello da Xunta para a súa aprobación e incorporarán as medidas que permitan garantir a calidade, a economía, a eficacia e a eficiencia das políticas e servizos prestados polo sector público autonómico, dos que se lle dará conta ao Parlamento de Galicia e ao que se remitirá anualmente un informe do seu seguimento.

Artigo 3. Creación de entidades integrantes do sector público autonómico

1. Os anteproxectos de lei de autorización de creación de entidades públicas instrumentais, así como as propostas de convenio de constitución de consorcios e dos seus estatutos, deberán ser sometidos a informe da consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. A iniciativa para a creación doutras entidades instrumentais ou para a realización dalgunha actuación cuxo resultado sexa a conversión nunha entidade instrumental dunha entidade previamente existente no sector privado requirirá, así mesmo, con carácter previo á autorización polo Consello da Xunta de Galicia, a emisión do informe da consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

3. O informe ao que se refiren os puntos anteriores pronunciarase sobre as cuestións previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 46 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Simplificación e racionalización administrativas e redución de cargas

1. A consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa determinará, con coñecemento e participación das distintas consellarías ou entidades, os criterios e as medidas que permitan a simplificación e a racionalización dos procedementos, así como a redución das cargas administrativas, suprimindo trámites e documentos exixibles, promovendo o desenvolvemento da Administración electrónica e evitando que se produzan redundancias ou solapamentos de normas.

2. Así mesmo, e en coordinación co órgano ou entidade con competencias horizontais en materia de administración electrónica, impulsará actuacións que contribúan á mellora e ao desenvolvemento da interoperabilidade na Comunidade Autónoma de Galicia e implanten progresivamente a obrigatoriedade do uso de medios telemáticos tanto nas relacións da cidadanía co sector público autonómico coma nas actuacións de carácter interno deste e na relación con outras administracións.

Artigo 5. Guía de procedementos e servizos

1. A relación de procedementos e servizos que se poñan á disposición da cidadanía e do persoal empregado público para a súa tramitación integrarase na guía de procedementos e servizos que elaborará e manterá actualizada a consellaría con competencia en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. Esta guía deberá estar á disposición da cidadanía, permanentemente actualizada, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Habilitación de procedementos administrativos

As disposicións de carácter xeral que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos á cidadanía e ao persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico, deberán contar cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e avaliación e reforma administrativa da Xunta de Galicia.

No caso das disposicións de carácter xeral que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, o dito informe substituirá o previsto no artigo 42.7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

TÍTULO I Colaboración dentro do sector público

Artigo 7. Principios xerais e deberes de colaboración e cooperación

1. As relacións entre os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais que integran o sector público autonómico están suxeitas aos principios de cooperación, colaboración e asistencia recíprocas co fin de garantir a eficacia do sector público e o uso eficiente dos recursos públicos.

2. Entenderase por colaboración e cooperación o traballo en común dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais ou a unión coordinada das súas accións para a consecución dun obxectivo, a execución dun proxecto ou a consecución dun resultado tamén comúns.

Entenderase por asistencia a prestación de información e axuda que os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais poidan levar a cabo para o eficaz exercicio das súas competencias.

Artigo 8. Autoprovisión de bens e de servizos dentro do propio sector público

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público, coa finalidade do uso eficiente dos recursos públicos existentes, realizarán as tarefas de interese público que lles corresponden cos medios persoais, técnicos, materiais e de calquera outro tipo dos que dispoña o sector público autonómico.

2. Para os efectos indicados no punto anterior, cando os medios dos que dispoñan resulten insuficientes para o cumprimento e a realización dos seus fins institucionais, acudirán con preferencia á cooperación, colaboración e asistencia doutros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou doutras entidades do sector público autonómico que si dispoñan dos medios dos que precisan.

3. Para estes efectos elaboraranse, nos termos previstos no artigo seguinte, catálogos de medios e prestacións susceptibles de ser obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico.

4. Para os medios e prestacións incluídos no catálogo, só se poderá acudir á contratación externa cando a autoprovisión non resulte viable, por non poderen ser cumpridamente satisfeitas por outros órganos ou entidades instrumentais do sector público as necesidades que se pretenden cubrir, mediante algún dos procedementos de colaboración indicados nesta lei, pola insuficiencia, carencia ou inadecuación dos medios dos que dispoñan.

Estes aspectos deberán ser obxecto de xustificación nos expedientes de contratación nos termos previstos no artigo 33 desta lei.

5. En calquera caso, se así está previsto no catálogo, o órgano ou entidade á que lle tería correspondido a asunción das tarefas que serán obxecto de contratación externa deberá supervisar e prestar asistencia no proceso de contratación e na execución das prestacións para velar pola coordinación e asegurarse de que non se xeren duplicidades.

Artigo 9. Aprobación de catálogos de medios e prestacións

1. Os órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico elaborarán os seus propios catálogos de medios e prestacións susceptibles de ser obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico.

2. Nos catálogos incluiranse os medios e prestacións susceptibles de ser prestados internamente pola vía da cooperación, colaboración e asistencia recíproca entre órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do sector público autonómico, de maneira que se garanta un uso racional, eficiente e eficaz dos recursos públicos e a actuación coordinada do sector público autonómico.

En particular, incluiranse nestes catálogos as prestacións de asistencia xurídica, control económico-financeiro, auditoría de contas ou de funcionamento, auditoría enerxética, avaliación de resultados, estatística, hixiene e saúde laboral, formación de persoal empregado público, administración electrónica e innovación e desenvolvemento tecnolóxico.

A cooperación, asistencia ou colaboración dos órganos de control interno da Comunidade Autónoma para as actuacións de control económico-financeiro e de auditoría de contas ou funcionamento non poderán resultar incompatibles co desempeño das funcións que de forma orixinaria teñen encomendadas estes órganos pola normativa vixente en materia de control.

3. Os catálogos de medios e prestacións serán aprobados polo Consello da Xunta mediante acordo, logo do informe da consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa, e publicados no Diario Oficial de Galicia.

4. Os catálogos manteranse actualizados polo procedemento que o Consello da Xunta de Galicia determine.

Artigo 10. Articulación dos principios de cooperación, colaboración e asistencia recíprocas

Os principios de colaboración, cooperación e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico faranse efectivos a través dos seguintes instrumentos e procedementos:

a) Protocolos de coordinación.

b) Comisións ou grupos de traballo.

c) Encomendas de xestión.

d) Acordos de colaboración ou cooperación para o desempeño conxunto de tarefas comúns.

e) Acordos de colaboración ou cooperación para o financiamento conxunto de contratos para a satisfacción dunha finalidade común.

f) Outros instrumentos e procedementos que de maneira común e voluntaria se establezan.

Artigo 11. Protocolos de coordinación

1. Os órganos superiores e de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e os órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais que integran o sector público autonómico poderán formalizar entre si protocolos de coordinación naquelas materias en que exista interrelación competencial ou funcional.

2. Os protocolos non afectarán as competencias e responsabilidades dos órganos ou entidades intervenientes e terán unha natureza simplemente coordinadora das súas actuacións.

Artigo 12. Comisións ou grupos de traballo

1. Os órganos superiores e de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e os órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais que integran o sector público autonómico poderán crear comisións ou grupos de traballo naquelas materias en que exista interrelación competencial ou funcional con funcións de cooperación e coordinación, así como de preparación, estudo e desenvolvemento en común de cuestións concretas.

2. A creación de comisións ou grupos de traballo producirase mediante acordo formalizado entre as entidades ou os órganos interesados, que determinará os elementos esenciais do seu réxime.

3. As comisións e grupos de traballo non terán a natureza de órganos colexiados, para os efectos do disposto na Lei 16/2010, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo da remisión que se poida facer nos acordos de creación ás regras de funcionamento recollidas na lei para os expresados órganos.

4. Os acordos que se adopten no seo das devanditas comisións ou grupos de traballo suxeitaranse ao disposto no punto 2 do artigo 11.

5. A participación do persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou das entidades instrumentais nas comisións ou grupos de traballo non xerará dereitos económicos.

Artigo 13. Encomendas de xestión

1. As encomendas de xestión intrasubxectivas, realizadas entre órganos integrados na mesma persoa xurídica, e intersubxectivas, realizadas entre persoas xurídicas distintas, para a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos dentro do sector público autonómico rexeranse polo disposto nos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As encomendas intersubxectivas dentro do sector público autonómico comprenderán as realizadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma a favor das entidades instrumentais, polas entidades instrumentais a favor da Administración xeral, así como as realizadas polas entidades instrumentais entre elas.

2. As encomendas de xestión en virtude das cales se lle encargue a unha entidade, que conforme o sinalado na Lei de Administración xeral e do sector público de Galicia teña o carácter de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, a realización dunha determinada prestación a cambio dunha tarifa suxeitaranse ao establecido nos artigos 47 e seguintes da indicada lei.

Estas encomendas, cando teñan un importe que se encontre dentro dos límites establecidos na lexislación de contratos do sector público para os contratos menores, non precisarán de formalización por escrito, sen prexuízo da constancia no expediente de encomenda, se é o caso, da autorización ou do traslado previsto no artigo 48 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 14. Acordos de colaboración ou cooperación entre entidades do sector público autonómico para o desempeño conxunto de tarefas comúns

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do sector público, ou estas entre elas, poderán formalizar acordos de colaboración ou cooperación para o servizo aos intereses xerais mediante o desempeño conxunto de tarefas de interese público da súa competencia.

2. A colaboración ou cooperación consistirá na participación conxunta e efectiva no desenvolvemento da actividade común, mediante achegas de traballos de organización, medios persoais e materiais ou recursos financeiros para a finalidade compartida, de acordo coas respectivas competencias, e será sempre diferente das estruturas contractuais onerosas reguladas na lexislación de contratos do sector público.

3. A colaboración ou cooperación será compatible coa compensación dos custos reais en que unha das partes incorrese.

4. As entidades do sector público participantes deberán desenvolver a parte esencial da súa actividade co sector público autonómico e non poderá existir nelas participación de capital privado.

Artigo 15. Acordos de colaboración ou cooperación para o financiamento conxunto de contratos para a satisfacción dunha finalidade común

1. Os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do sector público autonómico poderán chegar a acordos para o financiamento conxunto de contratos para a satisfacción dunha finalidade común.

2. Cando o financiamento conxunto sexa realizado por órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, formalizarase un acordo entre eles no que se recollan os compromisos alcanzados, que inclúa as competencias que exerce cada un dos órganos, as cantidades obxecto de financiamento por cada un deles, a orde de aboamento das achegas, a forma en que serán obxecto de achega ao órgano de contratación que se ocupa da adxudicación e formalización do contrato ou a forma de pagamento ao contratista polos órganos financiadores.

Así mesmo, os acordos poderán recoller a participación das partes na elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas ou proxectos.

3. Cando o financiamento conxunto se realice entre órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do sector público ou entre estas entre si, formalizarase un convenio de colaboración entre elas co mesmo contido expresado no punto anterior.

4. Os acordos ou convenios atribuirán a tramitación e adxudicación do contrato ao órgano de contratación que conte cos medios técnicos máis especializados na materia obxecto do contrato.

Este órgano de contratación iniciará e aprobará o correspondente expediente de contratación, motivando a necesidade do contrato nos termos previstos na lexislación de contratos do sector público, e contará tamén coa información facilitada polo resto de órganos de contratación participantes.

5. No expediente de contratación acreditarase a plena dispoñibilidade de todas as achegas mediante a incorporación do acordo ou convenio formalizado, así como dos certificados de existencia de crédito e a documentación que acredita a súa retención, ou documentos que legalmente os substitúan, nos órganos de contratación do sector público participantes, sen que sexa preciso exixir a formalización de garantías por estes.

6. Os acordos ou convenios de colaboración poderán prever a participación de persoal dos outros órganos na mesa de contratación ou na emisión dos informes técnicos. Así mesmo, sen prexuízo das competencias da mesa de contratación, poderán prever a creación dun comité integrado por representantes das partes asinantes do acordo ou convenio para a emisión dos informes técnicos solicitados por ela.

7. A adxudicación do contrato competeralle ao órgano de contratación que tramite o expediente de contratación.

8. Os maiores gastos que deriven da execución do contrato sobre o orzamento de adxudicación, derivados de modificacións contractuais, revisións de prezos ou liquidacións, aboaranse en proporción ás respectivas achegas, salvo que se pactase outra cosa.

Artigo 16. Modalidades de actuación no financiamento conxunto de contratos para a satisfacción dunha finalidade común

Os acordos e convenios formalizados poderán dispoñer que a contratación se produza nalgunha das seguintes modalidades, que se deberán recoller nos pregos da contratación:

a) Concorrencia subxectiva na posición do contratante: neste caso, os órganos participantes no financiamento do contrato quedarán obrigados respecto do contratista, concorrendo á cotitularidade do contrato, e serán responsables directos cada un deles da obriga de pagamento das cantidades comprometidas, tomando como base o acordado nos acordos ou convenios referidos.

O órgano de contratación ao que lle corresponda a tramitación e adxudicación do contrato actuará no expediente de contratación e na execución do contrato en nome e por conta de todos os participantes, con base nos acordos ou convenios formalizados, e poderá exercer todas as potestades que a lexislación lle recoñece ao órgano de contratación fronte ao contratista, sen prexuízo da adecuada coordinación nas relacións internas entre os participantes.

Salvo que nos acordos e convenios previos se estableza expresamente a solidariedade e así se recolla nos pregos, cada un dos órganos participantes no financiamento deberá aboarlle ao contratista soamente a súa parte e non será responsable do aboamento da parte dos restantes, cuestión que deberá facerse constar expresamente nos correspondentes pregos da licitación.

O órgano de contratación ao que lle corresponda a tramitación e adxudicación do contrato procurará, de acordo cos mecanismos estipulados nos convenios e acordos previos, que os outros órganos ou entes cofinanciadores acheguen integramente o prezo do contrato ao adxudicatario, así como as súas adicionais e revisións.

b) Relación contractual constituída entre o órgano de contratación designado e o contratista. Neste caso, o órgano de contratación designado, ademais da tramitación e adxudicación do contrato, asumirá, conforme os acordos ou convenios formalizados, a constitución do vínculo contractual e o seu pagamento con cargo aos seus propios orzamentos, logo de dotación neles, se é o caso, das cantidades achegadas polo resto de órganos interesados na contratación, sen que se poida escusar polos eventuais incumprimentos destes.

Artigo 17. Outros supostos de colaboración, cooperación e asistencia

1. Con carácter residual, para aqueles supostos de colaboración, cooperación e asistencia que carezan de procedemento específico, pero nos que por razón da natureza e entidade da asistencia sexa necesaria a formalización dunha petición por escrito, observarase o seguinte procedemento:

a) As comunicacións efectuaranse directamente, sen traslados nin reproducións a través de órganos intermedios, e preferentemente por medios electrónicos.

b) As peticións deberán ser contestadas nun prazo máximo de cinco días.

2. Se o órgano requirido non contesta nese prazo, procederase de acordo co previsto no artigo seguinte.

Artigo 18. Resolución de conflitos na colaboración, cooperación e asistencia

1. Con carácter xeral para todos os supostos, a cooperación, colaboración e asistencia solicitadas no ámbito interno do sector público autonómico só se poderán negar cando a entidade ou o órgano requirido non se encontre facultado para prestalas, non dispoña de medios suficientes para isto ou cando poida ocasionarlles un prexuízo grave aos intereses cuxa tutela ten encomendada ou ao cumprimento das súas propias funcións, ou cando incumpra o establecido na lei.

2. De non ser viable a prestación da asistencia, comunicaráselle motivadamente ao órgano da Administración xeral ou á entidade instrumental solicitante. O órgano solicitante poderá trasladalo á dirección xeral competente en materia de avaliación e reforma administrativa para que emita informe á vista das circunstancias concorrentes.

As discrepancias que se poidan producir resolveranse nos termos previstos no artigo 13 da Lei 16/2010, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os conflitos de atribucións.

3. Se o órgano solicitante constata que o órgano requirido, mesmo tendo atendido a petición, a está a incumprir, procederase de acordo co previsto no parágrafo segundo do punto anterior.

TÍTULO II Racionalización e redución de custos na contratación do sector público

Artigo 19. Principios e obxectivos da contratación pública

1. No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, a contratación pública estará presidida polos seguintes principios:

– Principio de concorrencia, publicidade, igualdade de trato e transparencia.

– Principio de axilidade e simplificación administrativa.

– Principio de modernización administrativa.

2. A contratación pública autonómica perseguirá, ademais, os seguintes obxectivos:

– A racionalización e eficiencia do gasto público.

– A estabilidade orzamentaria e o control do gasto.

– O fomento da participación da pequena e mediana empresa.

Artigo 20. Contratación eficiente e centralizada

1. A contratación centralizada configúrase como instrumento idóneo para a consecución dos obxectivos enunciados no artigo 19 desta lei, ao permitir a maior eficiencia na xestión e obtención de economías de escala, con redución de prezos e custos de transacción, así como a profesionalización do sistema público de compras.

2. O Consello da Xunta creará unha comisión interdepartamental que determinará, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, as subministracións, obras, servizos e calquera outra prestación que polo seu carácter común se poidan contratar de forma xeral e con características esencialmente homoxéneas para os diferentes órganos e organismos.

3. Poderanse incluír nesta modalidade de contratación, nas condicións que determine a comisión interdepartamental, as prestacións de mantemento, limpeza, seguridade, servizos postais e telegráficos, telecomunicacións, mensaxaría e paquetaría, mantemento e reparación de vehículos, fotocopiadoras, combustibles, enerxía eléctrica e gas.

4. A contratación centralizada efectuarase a través do departamento que acorde o Consello da Xunta de Galicia por proposta da comisión interdepartamental.

5. As entidades locais, as universidades e os restantes entes, organismos e entidades do sector público poderán adherirse ao sistema autonómico de prestacións homologadas de contratación centralizada mediante os oportunos convenios de colaboración.

Artigo 21. Contratación electrónica

1. A Comunidade Autónoma fomentará o uso de medios electrónicos na contratación pública como medida de simplificación procedemental e racionalización administrativa.

2. A presentación de ofertas por medios telemáticos será obrigatoria nos procedementos de contratación que se tramiten por medios electrónicos cando así se estableza nos pregos.

Artigo 22. Contratación sen custos de acceso á información

1. Co fin de asegurar os principios de transparencia e igualdade, así como o acceso público e sen custo á información contractual, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico introducirán no seu perfil do contratante e na Plataforma de Contratos de Galicia, respecto dos procedementos abertos e mentres a licitación se encontre en tramitación, toda a documentación contractual dispoñible, incluíndo en todo caso os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas particulares e os proxectos das obras.

Nos procedementos restrinxidos e negociados proporcionaráselles aos licitadores o acceso electrónico a toda a documentación contractual necesaria para a elaboración das ofertas unha vez realizada a invitación, salvo que se puxese xa á súa disposición desde o momento do anuncio de licitación, de ser o caso.

2. Os órganos de contratación poderán incluír nos pregos, en función da natureza e complexidade dos contratos, un prazo para que os licitadores poidan solicitar as aclaracións que coiden pertinentes sobre o seu contido, a través de medios electrónicos. As respostas, que se deberán emitir no prazo máximo sinalado no prego, terán carácter vinculante para os órganos de contratación e deberán facerse públicas no perfil do contratante e na Plataforma de Contratos de Galicia para garantir a igualdade e concorrencia no proceso de licitación.

Con carácter previo á resolución destas consultas, e sempre que pola súa natureza sexa necesario, o órgano de contratación consultará cos órganos que teñan encomendado o seu asesoramento xurídico ou o seu control económico-financeiro nos aspectos relativos ás súas competencias.

Artigo 23. Contratación transparente e que fomente a competencia

1. Nos procedementos negociados por razón da contía establecidos na lexislación de contratos do sector público que non requiren a publicación de anuncios de licitación, nos contratos menores de obras de importe superior a 25.000 euros e nos restantes contratos menores de importe superior a 9.000 euros, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do sector público deberán invitar para a formulación de ofertas, polo menos, tres empresas capacitadas para a realización do obxecto do contrato, sempre que isto sexa posible.

O prazo para a recepción de ofertas será o que razoablemente sexa necesario para preparar estas, atendida a complexidade do contrato.

2. As empresas convidadas non poderán estar vinculadas entre elas. Esta vinculación apreciarase nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Así mesmo, non serán invitadas empresas que actúen baixo unidade de decisión ou unha dirección única, en particular, cando a maioría dos membros do órgano de administración da sociedade dominada sexan membros do órgano de administración ou altos directivos da sociedade dominante ou doutra dominada por esta.

Ás empresas invitadas a presentar ofertas exixiráselles sempre unha declaración das empresas coas cales teñan vinculación, nos termos establecidos no punto anterior.

No expediente deberá deixarse constancia das invitacións cursadas, das ofertas recibidas e das razóns para a súa aceptación ou rexeitamento.

3. Os órganos de contratación, a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia e os órganos competentes para resolver o recurso especial referido no artigo 40 do texto refundido da Lei de contratos do sector público notificaranlle á Comisión Galega da Competencia calquera feito, do que teñan coñecemento no exercicio das súas funcións, que poida constituír infracción da lexislación de defensa da competencia. En particular, comunicarán calquera indicio de acordo, decisión ou recomendación colectiva, práctica concertada ou conscientemente paralela entre os licitadores que teña por obxecto, produza ou poida producir o efecto de impedir, restrinxir ou falsear a competencia no proceso de contratación.

Artigo 24. Contratación documentalmente simplificada

1. Nos procedementos non suxeitos a regulación harmonizada que celebren a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do sector público autonómico, a achega inicial da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos previos para contratar prevista no artigo 146.1 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, substituirase por unha declaración responsable do licitador na que se indique que cumpre as condicións establecidas legalmente para contratar coa Administración. Non obstante, sempre que a normativa básica estatal o permita, naqueles supostos en que por razón do obxecto do contrato, das necesidades que se vaian satisfacer e/ou do procedemento de adxudicación se estime conveniente, o órgano de contratación poderá establecer no prego que documentación non pode ser substituída por unha declaración responsable e debe incluírse necesariamente coa proposición no procedemento aberto e coas solicitudes de participación nos procedementos restrinxido e negociado e no diálogo competitivo. Esta circunstancia xustificarase oportunamente no expediente.

Co obxecto de facilitarlles aos licitadores a identificación daqueles procedementos en que se substitúe a achega da documentación inicial por unha declaración responsable, incluirase na rúbrica dos pregos, nos anuncios de licitación e na identificación do contrato no perfil do contratante a expresión «documentalmente simplificado» ou ben «contratación documentalmente simplificada».

2. A mesa de contratación, ou o órgano de contratación naqueles procedementos nos que esta non se constitúa, cualificará a documentación acreditativa das condicións exixidas para contratar coa Administración. Esta documentación deberá achegala o licitador a cuxo favor recaia a proposta de adxudicación no prazo de dez días hábiles nos termos previstos no artigo 151.2 do texto refundido da Lei de contratos do sector público. De non cumprirse axeitadamente esta obriga, entenderase que o licitador retirou a oferta, e procederase nese caso a recadar a documentación do licitador seguinte segundo a orde na que quedaran clasificadas as ofertas.

O disposto no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo da facultade recoñecida ao órgano de contratación no segundo parágrafo do punto 4 do artigo 146 do texto refundido da Lei de contratos do sector público.

3. O incumprimento ou a cumprimentación defectuosa da obriga de acreditar o cumprimento dos requisitos previos para contratar determinará, se é o caso, a concorrencia de prohibición de contratar nos termos previstos no artigo 60 do texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Artigo 25. Contratación pública ecolóxica e socialmente responsable

1. Co obxecto de promover unha contratación pública ecolóxica e socialmente responsable, os poderes adxudicadores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público deberán ter en conta criterios sociais e de sustentabilidade ambiental ao deseñaren as especificacións técnicas e administrativas do contrato. Incluiranse, na medida en que sexa posible por razón do obxecto do contrato, criterios referidos á igualdade de xénero.

2. En particular, ponderarán a inclusión de criterios sociais e medioambientais como criterios de adxudicación e como condicións especiais de execución do contrato, coas súas correspondentes penalidades. En calquera caso, os criterios e as condicións que se inclúan deberán gardar relación directa co obxecto do contrato.

3. Así mesmo, poderanse incluír criterios medioambientais e sociais como parámetros determinantes da apreciación do carácter anormal ou desproporcionado das ofertas cando para a adxudicación se deba considerar máis dun criterio de valoración.

Artigo 26. Reserva de contratos a centros especiais de emprego e empresas de inserción sociolaboral

1. Conforme o que se dispón neste artigo, os órganos de contratación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os demais entes do sector público dela dependentes reservaranlles a participación en determinados procedementos de adxudicación de contratos a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, sempre que as prestacións do contrato estean comprendidas dentro dos fins, obxecto ou ámbito de actividade previstos nos seus estatutos ou regras fundacionais.

2. Os obxectos contractuais susceptibles de reserva serán as obras e os servizos de conservación e mantemento de bens inmobles, os servizos de conserxaría, mensaxaría e correspondencia, os servizos de xardinaría e forestal, de artes gráficas, de limpeza e lavandaría, de restauración, de recolla e transporte de residuos, de fabricación de roupa de traballo e servizos e de subministracións auxiliares para o funcionamento do sector público. Os órganos de contratación poderán ampliar a reserva a outros obxectos contractuais atendendo á súa adecuación ás prestacións dos centros e das empresas a que se refire este artigo.

A reserva deberá mencionarse no título do contrato e no anuncio de licitación ou invitación.

3. O importe global dos contratos reservados será determinado por cada entidade cun límite mínimo do 3 % e máximo do 5 % do importe dos contratos adxudicados no exercicio orzamentario inmediatamente anterior mediante contratos menores ou procedementos negociados por razón da contía.

4. A Xunta de Galicia fomentará ao máximo criterios sociais nas contratacións que realice, e potenciará a xeración de emprego das persoas con discapacidade.

5. As empresas e entidades beneficiarias da reserva deberán estar legalmente constituídas e cumprir os requisitos necesarios para o exercicio da súa actividade.

6. Os contratos reservados deben someterse ao réxime xurídico establecido pola normativa vixente reguladora da contratación pública.

A reserva a centros especiais de emprego, cando polo menos o 70 % das persoas traballadoras sexan persoas con discapacidade, poderá aplicarse a procedementos sen límite de contía.

No caso de empresas de inserción laboral, a reserva aplicarase exclusivamente a través de contratos menores ou procedementos negociados por razón da contía, consonte o que se establece na lexislación de contratos do sector público.

7. As empresas e entidades beneficiarias da reserva están exentas da presentación de garantías provisionais ou definitivas nos procedementos convocados ao abeiro desta disposición.

8. Constituirase unha comisión de seguimento, formada por unha persoa representante da Xunta de Galicia, un representante da patronal maioritaria dos centros especiais de emprego de Galicia e outro das empresas de inserción social para que, con carácter trimestral, poida valorar a aplicación da reserva de contratos.

Artigo 27. Participación das asociacións e fundacións en contratos do sector público

Para os efectos do disposto na lexislación de contratos do sector público entenderase que as asociacións e fundacións poderán ser adxudicatarias daqueles contratos cuxas prestacións estean comprendidas dentro dos fins e actividades previstos nos seus estatutos ou regras fundacionais, por constituír un medio para a súa realización, aínda que non estean previstas expresamente neles.

Artigo 28. Contratación pública innovadora

1. Co obxecto de promover a mellora dos servizos públicos mediante a incorporación de bens e servizos innovadores así como o fomento da innovación empresarial, os poderes adxudicadores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público incentivarán, na medida en que sexa posible, a presentación de solucións innovadoras nas licitacións que promovan.

Para tal efecto, ponderarán na elaboración dos pregos e na demais documentación contractual a utilización de criterios de adxudicación e de prescricións técnicas que favorezan a presentación de solucións innovadoras.

2. Os órganos ou entidades competentes en materia de innovación no sector público autonómico colaborarán coas unidades de contratación do sector público na procura de solucións innovadoras, ben a través dos procedementos de contratación previstos na lexislación de contratos do sector público, ben a través da contratación precomercial, prevista no artigo 4.1.r) do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro.

Artigo 29. Contratación accesible ás pemes e empresas incipientes

1. Os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público deberán adoptar medidas que fomenten o acceso á contratación das pequenas e medianas empresas, para impulsar a concorrencia e unha maior eficiencia do uso dos fondos públicos con suxeición aos principios de legalidade, transparencia e publicidade.

2. Neste sentido, os requisitos de solvencia para a participación nos procedementos de contratación deberán cinguirse a aqueles que sexan os adecuados e proporcionados para garantir que un candidato ou licitador ten os recursos e a capacidade suficientes para executar o contrato.

3. Así mesmo, ao configurar os contratos deberán ter en conta os seguintes aspectos e regras:

a) Cando o obxecto do contrato admita fraccionamento, procurarase a realización independente de cada unha das súas partes mediante a súa división en lotes, xustificándoo debidamente no expediente e cumprindo os requisitos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

Os pregos de contratación establecerán regras tendentes a evitar que se adxudique a un licitador maior número de lotes que o que poida realizar de acordo coas condicións de solvencia que acreditase.

b) Deberase permitir expresamente no prego de cláusulas administrativas a posibilidade de subcontratación do obxecto do contrato, de acordo co previsto no artigo 227 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, salvo que se xustifique no expediente de contratación que pola súa natureza e condicións debe ser executado directamente polo adxudicatario.

c) Os acordos marco concluiranse, como regra xeral, con varios licitadores. Noutro caso, deberán xustificarse nunha memoria os motivos que determinan a necesidade de concluír o acordo marco cun único empresario.

4. A formación dispensada ao persoal empregado público en materia de contratación pública prestará especial atención á correcta aplicación do marco xurídico vixente, co fin de garantir a participación das pequenas e medianas empresas nas licitacións públicas en condicións de igualdade. Coa mesma finalidade, poderán planificarse actividades de formación e asistencia en materia de contratación pública especialmente dirixidas ás pemes.

Artigo 30. Contratación responsable

1. Nos contratos concertados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do sector público autonómico, os órganos de contratación designarán un responsable do contrato de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público.

2. En particular, o responsable do contrato velará pola correcta execución do contrato e por que nela non se dean situacións que poidan propiciar a existencia dunha cesión ilegal de traballadores ou dar lugar á declaración de relacións de laboralidade entre a Administración ou entidade do sector público e o persoal do contratista.

Desta maneira, velará especialmente por que:

a) O contratista achegue a súa propia dirección e xestión no desenvolvemento do obxecto do contrato e sexa responsable da organización do servizo.

b) O contratista, a través das persoas encargadas designadas por el, se faga responsable de impartir aos seus traballadores as correspondentes ordes, criterios de realización do traballo e directrices de como distribuílo, de tal xeito que a Administración ou entidade do sector público sexa allea a estas relacións laborais.

c) Se canalicen a través das persoas encargadas designadas polo contratista as posibles incidencias que se presenten na execución dos traballos.

O responsable do contrato deberá corrixir inmediatamente calquera incidencia ou desviación na execución que poida supoñer infracción das regras mencionadas, así como dar parte da situación ao órgano de contratación.

Artigo 31. Contratación sustentable

1. Para os efectos do disposto na lexislación de contratos do sector público, considerarase que concorren motivos de interese público para as modificacións dos proxectos e das prestacións dos contratos concertados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico que teñan como finalidade o logro dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

2. As ditas modificacións terán por obxecto a redución do volume das obrigas ou a ampliación do seu prazo de execución.

Naqueles supostos en que os principios indicados fagan necesario que a prestación se execute de forma distinta á pactada inicialmente e a modificación exixida exceda os límites previstos na lexislación de contratos do sector público para o exercicio desta potestade, os órganos de contratación procederán á resolución dos contratos para evitar unha lesión grave aos intereses públicos, de acordo co indicado na lexislación aplicable.

3. Os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico incorporarán para as novas contratacións, de acordo co disposto no artigo 106 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, nos pregos de cláusulas administrativas ou, se é o caso, nos pregos de condicións, previsións expresas de eventuais modificacións á baixa dos contratos necesarias para o cumprimento dos principios de sustentabilidade financeira e estabilidade orzamentaria.

4. Os convenios subscritos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán ser obxecto de modificación cando teñan como finalidade o logro dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

As ditas modificacións terán por obxecto a redución do volume das obrigas ou a ampliación do seu prazo de execución.

Artigo 32. Contratos de colaboración público-privada e de concesión de obra pública

1. Para a autorización de contratos de colaboración entre o sector público e o sector privado, así como dos contratos de concesión de obra pública, tipificados no Real decreto lexislativo 3/2011, do 4 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, requirirase que, con carácter previo á aprobación polo órgano de contratación dos pregos que rexen estes tipos de contratos, a Consellería de Facenda emita informe preceptivo e vinculante comprensivo dos seguintes aspectos:

– Análise do custo financeiro da operación no seu conxunto, distinguindo o custo da obra que se vai realizar dos servizos adicionais ou accesorios incluídos na contratación, co obxecto de verificar a súa idoneidade e para garantir que o financiamento utilizado é o máis apropiado de acordo coas condicións existentes nos mercados.

– Análise da repercusión dos compromisos asumidos por este tipo de operación sobre os orzamentos futuros e a súa incidencia sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. Este informe conterá detalle dos compromisos de pagamento futuro da Comunidade Autónoma de Galicia derivados da colaboración público-privada asumidos con anterioridade.

– Análise do seu tratamento en termos de contabilidade nacional.

– Análise da coherencia da actuación que se vai realizar coa planificación estratéxica da Xunta de Galicia e a súa incidencia na economía galega e no equilibrio territorial.

– Análise dos mecanismos de captación de financiamento e das garantías que se prevén utilizar durante a vixencia do contrato.

2. Na documentación á que se refire a letra b) do punto 5 do artigo 51 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, incluirase un anexo que especifique os compromisos derivados dos contratos de colaboración público-privada formalizados, cunha clara referencia á contía dos investimentos financiados por esta vía e dos pagamentos anuais previstos ao longo da súa duración.

Para garantir o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a solvencia das contas autonómicas e a transparencia, calquera incorporación dun proxecto aprobado pola Xunta de Galicia non previsto no orzamento deberá remitirse ao Parlamento de Galicia, e na información que se lle remita incluirase a mesma documentación que a exixida para as actuacións incorporadas ao proxecto de orzamentos.

Artigo 33. Xustificación da necesidade e idoneidade da contratación

1. Nos expedientes de contratación tramitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma e polas entidades do sector público autonómico incluirase un informe do órgano ou servizo propoñente do contrato no que se xustifique a necesidade do contrato nos termos previstos na lexislación de contratos do sector público, no que se indique con precisión a natureza e extensión das necesidades que se pretenden cubrir mediante o contrato proxectado, así como a idoneidade do seu obxecto e contido para satisfacelas.

2. Este informe, así mesmo, xustificará adecuadamente a elección do procedemento e a de cada un dos criterios que se terán en consideración para adxudicar o contrato, expresando as razóns polas cales, tendo en conta o obxecto do contrato, estes criterios permiten no seu conxunto avaliar de forma obxectiva o nivel de rendemento de cada oferta respecto do obxecto do contrato tal como se define nas especificacións técnicas, así como avaliar a relación calidade/prezo de cada oferta para seleccionar a oferta economicamente máis vantaxosa.

O informe xustificará as condicións mínimas de solvencia económica e financeira e profesional ou técnica que se deben exixir na contratación ou, se é o caso, expresará a clasificación exixible consonte o disposto na lexislación de contratos do sector público.

3. O informe do órgano ou servizo propoñente estimará e xustificará o importe calculado das prestacións obxecto do contrato atendendo ao prezo xeral de mercado, e conterá un orzamento en que se recolla a valoración dos distintos compoñentes da prestación. O informe propoñerá tamén os parámetros e valores que se deben recoller nos pregos que permitan apreciar o carácter anormal ou desproporcionado das ofertas.

Artigo 34. Xunta Consultiva de Contratación Administrativa

A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma, como órgano consultivo específico en materia de contratación administrativa no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, analizará a xestión contractual autonómica e propoñerá medidas dirixidas á súa mellora e eficacia.

Artigo 35. Asistencia aos órganos de contratación e ás empresas

A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma asumirá funcións de centro de coñecementos en contratación pública co fin de proporcionarlles orientación e apoio aos órganos de contratación do sector público autonómico e local na preparación e realización dos procedementos de contratación, así como coa finalidade de mellorar o acceso dos operadores económicos á contratación pública, en particular as pemes, e facilitar a correcta comprensión e aplicación da normativa contractual.

Para a realización desta función, a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa apoiarase en recursos electrónicos e nas tecnoloxías da información como ferramenta fundamental de difusión da información.

TÍTULO III Racionalización, simplificación e mellora da calidade normativa

Artigo 36. Obxectivos fundamentais

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia procurará o mantemento dun marco normativo estable e o máis simplificado posible que posibilite o coñecemento rápido e comprensible da normativa vixente que resulte de aplicación, e sen máis cargas administrativas para a cidadanía e as empresas que as estritamente necesarias para a satisfacción do interese xeral.

Artigo 37. Instrumentos para a mellora da calidade normativa

Para contribuír ao obxectivo de cumprir o principio de calidade normativa:

a) En todas as iniciativas normativas xustificarase a súa adecuación aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia.

b) O Consello da Xunta aprobará unhas directrices de técnica normativa que, carecendo do valor das normas xurídicas, proporcionen criterios técnicos ou pautas de redacción na elaboración de anteproxectos de lei, proxectos de decreto lexislativo e proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral.

c) A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a adaptación da regulación vixente aos principios recollidos nesta lei e impulsará a utilización dos instrumentos de refundición normativa e de derrogación expresa da normativa que perdese vixencia.

TÍTULO IV Sistematización, reordenación e supresión de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico

CAPÍTULO I Instituto Galego do Consumo e da Competencia

Artigo 38. Creación, fins e obxectivos

1. Mediante esta lei autorízase a creación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia como organismo autónomo adscrito á consellaría competente en materia de consumo, que terá como fins xerais e obxectivos básicos a defensa, protección, promoción e información dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a garantía, promoción e preservación dunha competencia efectiva nos mercados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na perspectiva de conseguir a máxima eficiencia económica e a protección e o aumento do benestar dos consumidores e consumidoras.

2. Este organismo autónomo, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade corresponden ao Instituto Galego de Consumo e ao Consello Galego da Competencia, que se suprimirán no momento da súa entrada en funcionamento, sen que supoña ningún incremento de gasto público.

Artigo 39. Estatutos e réxime xurídico

1. Mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia procederase á súa creación, así como á aprobación dos estatutos que detallen as funcións específicas que desenvolverá, nos cales se establecerá, expresamente, a configuración da Comisión Galega da Competencia como órgano colexiado independente, de carácter permanente e consultivo, na materia, con competencia para aplicar a Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, segundo os criterios establecidos pola Lei 1/2002, de coordinación de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

2. O seu réxime xurídico será o establecido no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

CAPÍTULO II Axencia en Materia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios

Artigo 40. Creación, fins e obxectivos

1. Mediante a presente lei autorízase a creación da Axencia en Materia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios como axencia pública autonómica adscrita á consellaría competente en materia de sanidade, que ten como fins xerais e obxectivos básicos realizar a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios.

2. No desenvolvemento dos seus fins, a Axencia en Materia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios procurará os seguintes obxectivos:

a) Elaborar a planificación en materia de docencia, formación, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, en función dos criterios e obxectivos de planificación estratéxica definidos polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade.

b) Xestionar o coñecemento no Sistema público de saúde de Galicia.

c) Xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

d) Potenciar a investigación coordinada e multicéntrica e a difusión da actividade investigadora, incluíndo a protección, valorización e transferencia de resultados de investigación e/ou innovación no ámbito sanitario.

e) Apoiar a execución dos programas derivados das prioridades de investigación sanitaria da Comunidade Autónoma, definidas pola Consellería de Sanidade, dentro da estratexia marcada pola consellaría competente en materia de I+D+i.

f) Aplicar o modelo de xestión da innovación sanitaria aberta da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, coordinar os órganos colexiados da Plataforma de Innovación e aqueles outros relacionados coas actividades de innovación, e difundir e participar nas iniciativas europeas de innovación, do Clúster de Saúde de Galicia e doutras asociacións en materia sanitaria.

g) Avaliar tecnoloxías, sistemas organizativos e servizos sanitarios, de acordo con criterios de seguridade, eficacia, efectividade e eficiencia, tendo en conta valores éticos, clínicos, económicos e sociais.

3. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais que na actualidade lles corresponden á Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, ao Servizo de Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, e ás unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de formación, investigación e innovación que se supriman no momento de creación da Axencia, que quedarán integradas nela, sen que supoña incremento do gasto público.

Artigo 41. Estatutos e réxime xurídico

1. Mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia procederase á súa creación, así como á aprobación dos estatutos que detallen as funcións específicas que desenvolverá.

2. O seu réxime xurídico será o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, agás no relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, e pola súa normativa específica.

CAPÍTULO III Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Artigo 42. Creación, fins e obxectivos

1. Mediante a presente lei autorízase a creación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos como axencia pública autonómica adscrita, a través do Servizo Galego de Saúde, á consellaría competente en materia de sanidade, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas coa doazón e o abastecemento de sangue e os seus derivados, a coordinación de transplantes de órganos e tecidos, e o procesamento e a almacenaxe de células, tecidos e mostras biolóxicas humanas con fins diagnósticos, terapéuticos e de investigación.

2. No desenvolvemento dos seus fins, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos procurará os seguintes obxectivos:

a) Garantir o abastecemento de sangue e dos seus derivados aos provedores de servizos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación.

b) Coordinar a doazón, os transplantes de órganos e o implante de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación.

c) Asumir a organización e garantir a dispoñibilidade de mostras de máxima calidade de células e tecidos.

3. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais que na actualidade lles corresponden á Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, á Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia e aos bancos de tecidos e ás unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde con competencias neste eido que se supriman no momento de creación da Axencia, que quedarán integradas nela, sen que supoña incremento do gasto público.

Artigo 43. Estatutos e réxime xurídico

1. Mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia procederase á súa creación, así como á aprobación dos estatutos que detallen as funcións específicas que desenvolverá.

2. O seu réxime xurídico será o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, agás no relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, e pola súa normativa específica.

Disposición adicional primeira. Referencias ás entidades e aos órganos que se integran nas entidades públicas instrumentais que serán obxecto de creación

1. As referencias ao Instituto Galego de Consumo e ao Consello Galego da Competencia deberán entenderse realizadas ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia desde o inicio da súa actividade, de acordo co establecido nesta lei e nos seus estatutos.

2. As referencias á Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, ao Servizo de Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e ás unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de formación, investigación e innovación deberán entenderse realizadas á Axencia en Materia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios desde o inicio da súa actividade, de acordo co establecido nesta lei e nos seus estatutos.

3. As referencias á Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, á Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, aos bancos de tecidos e ás unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde con competencias neste eido deberán entenderse realizadas á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos desde o inicio da súa actividade, de acordo co establecido nesta lei e nos seus estatutos.

Disposición adicional segunda. Elaboración de catálogos

Os distintos departamentos da Administración xeral e as entidades do sector público autonómico propoñerán, dentro do prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, as prestacións e servizos da súa competencia que se deben incluír nos catálogos previstos no artigo 9 da presente lei.

Disposición adicional terceira. Comisión interdepartamental para o estudo das necesidades de contratación centralizada

A comisión interdepartamental para o estudo das necesidades de contratación centralizada prevista no artigo 20 constituirase no prazo dun mes desde a entrada en vigor da presente lei.

Disposición adicional cuarta. Fomento da contratación electrónica

Nun prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, todos os procedementos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público se levarán a cabo posibilitando a utilización de medios de comunicación electrónicos e, en particular, a presentación electrónica de ofertas e solicitudes.

O órgano ou entidade con competencias horizontais en materia de administración electrónica prestará asistencia aos órganos de contratación para cumprir este obxectivo.

Disposición adicional quinta. Colaboración coas entidades locais para a contratación electrónica e o acceso sen custo á información

O órgano ou entidade con competencias horizontais en materia de administración electrónica poderá chegar a acordos coas entidades locais galegas para colaborar no impulso e aplicación de medios electrónicos na contratación pública local e para que estas entidades poidan aplicar as medidas previstas no artigo 22 desta lei en canto ao acceso sen custo á información.

Disposición adicional sexta. Fomento da contratación precomercial

O Consello da Xunta, mediante acordo, fixará dentro dos orzamentos de cada consellaría e de cada entidade instrumental do sector público autonómico as contías necesariamente destinadas ao financiamento de contratos aos que fai referencia o artigo 4.1.r) do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro. Unha parte destas poderá reservarse a pequenas e medianas empresas innovadoras.

Disposición adicional sétima. Fomento da contratación pública innovadora

Co obxecto de fomentar a innovación a través da contratación pública, no prazo de catro meses a Axencia Galega de Innovación, a Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia elaborarán unha guía de boas prácticas para favorecer a contratación pública innovadora no sector público autonómico.

Esta guía conterá un conxunto de recomendacións, directrices e boas prácticas orientadas á mellora dos servizos públicos mediante a incorporación de bens e servizos innovadores, así como ao fomento da innovación empresarial, partindo, en calquera caso, dos principios de racionalización do gasto e da mellora da xestión pública.

Disposición adicional oitava. Asistencia xurídica á Administración xeral da Comunidade Autónoma e ao seu sector público

1. A asistencia xurídica á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, aos seus organismos autónomos e aos órganos estatutarios, salvo, respecto destes últimos, que as súas normas reguladoras establezan o contrario, correspóndelles aos funcionarios integrantes da escala de letrados da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 16 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, e coa Lei 7/1984.

2. Mediante a formalización do oportuno acordo de natureza xurídico-pública entre a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e o órgano competente da entidade asistida, prestarase asistencia xurídica, nas condicións que se determinen regulamentariamente, ás entidades pertencentes ao sector público autonómico.

Disposición adicional novena. Comunicacións electrónicas procedentes da Administración de xustiza

A Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia remitiralles aos órganos asistidos por medios electrónicos as comunicacións recibidas dos órganos xurisdicionais e, en particular, cando así sexan recibidas dos órganos xurisdicionais.

Disposición adicional décima. Racionalización de medios das administracións públicas para a prestación de servizos sociais

1. De acordo co principio de colaboración interadministrativa, a Axencia Galega de Servizos Sociais, cuxa creación foi autorizada polo artigo 34.1 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, cooperará cos concellos co fin de asegurar a calidade e unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio, especialmente no que atinxe á creación e ao mantemento de servizos sociais comunitarios específicos.

2. Neste sentido, para o aproveitamento óptimo e a racionalización no emprego dos recursos dedicados aos servizos sociais, e a eficacia e eficiencia na súa xestión e prestación, a Axencia poderá concertar convenios suxeitos ao réxime previsto no artigo 14 desta lei cos concellos para xestionar equipamentos, prestacións económicas, programas e servizos sociais de competencia autonómica e local.

As achegas comprometidas polos concellos en virtude dos convenios previstos no parágrafo anterior terán a consideración de débedas firmes, líquidas e exixibles, e poderán ser obxecto de compensación coa participación destes no Fondo de Cooperación Local, de acordo co disposto na súa regulación.

3. Para garantir a continuidade, estabilidade e racionalización na prestación dos servizos sociais de competencia municipal, o financiamento básico outorgado pola Administración autonómica dos referidos servizos levarase a cabo de acordo co establecido no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, fomentando, na medida do posible, a agrupación de municipios sempre e cando os créditos consignados nos estados de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio orzamentario así o permitan e respectando, en todo caso, os criterios de referencia establecidos nos anexos I, II e III do citado decreto.

4. A creación da Axencia Galega de Servizos Sociais non poderá supoñer incremento do gasto público, de acordo co disposto na lexislación orzamentaria, salvo na medida necesaria para proceder á progresiva homologación retributiva do persoal que asuma a Axencia, de acordo co previsto nos seus estatutos, procedente do Consorcio Galego de Servizos Sociais, cuxas retribucións sexan inferiores ás establecidas no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia para as correspondentes categorías.

A homologación efectuarase de acordo co previsto nos estatutos da Axencia e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos e terá en conta a situación orzamentaria para establecer un calendario para esa equiparación.

Disposición adicional décimo primeira. Garantía na continuidade na prestación de servizos pola Axencia Galega de Servizos Sociais

1. Para garantir a continuidade da prestación dos servizos sociais, a Axencia Galega de Servizos Sociais, cuxa creación foi autorizada polo artigo 34 da Lei 13/2008, do 3 decembro, de servizos sociais de Galicia, poderá formalizar convenios suxeitos ao réxime previsto no artigo 14 da presente lei co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e cos concellos competentes interesados, co obxecto de asumir a xestión dos centros que o Consorcio xestionaba por convenio cos concellos, de acordo co que se dispoña nos estatutos da Axencia e se acorde no proceso de liquidación do Consorcio.

2. Os convenios regularán a colaboración das entidades locais na xestión dos aludidos centros e a participación do concello no seu financiamento.

Unha vez formalizado o convenio, e no momento en que cada un deles dispoña, a Axencia subrogarase na posición xestora do Consorcio respecto do centro, nas relacións laborais do persoal adscrito a este e nos bens de titularidade do Consorcio adscritos á xestión.

3. As achegas comprometidas polos concellos en virtude dos convenios previstos nesta disposición terán a consideración de débedas firmes, líquidas e exixibles, e poderán ser obxecto de compensación coa participación destes no Fondo de Cooperación Local, de acordo co disposto na súa regulación.

Disposición adicional décimo segunda. Racionalización do sistema de transporte público

1. Co fin de mellorar as condicións de accesibilidade das persoas usuarias á rede de transporte público, ademais das formas de cooperación previstas na Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de viaxeiros por estrada, a Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de mobilidade e transportes, poderá:

a) Formalizar convenios de colaboración con outras administracións públicas galegas mediante os que se establecerán actuacións de coordinación de servizos de transporte público das súas respectivas competencias, incluíndo a habilitación da extensión dos servizos interurbanos ao transporte urbano ou viceversa.

b) Igualmente, poderá elaborar e, logo de oír os concellos interesados, aprobar plans de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano, no que se concretarán as novas rutas e se fixarán novos puntos de parada e interconexión das redes urbana e interurbana de transporte público.

As empresas contratistas dos servizos de transporte público afectados polos correspondentes convenios ou plans de accesibilidade serán oídas con carácter previo á súa formalización.

A coordinación destas redes constituirá causa de interese público para o efecto de modificación dos correspondentes contratos de servizo de transporte público que poidan resultar afectados, sobre os cales aqueles convenios e plans de accesibilidade, logo da súa aprobación, resultarán de directa e inmediata aplicación.

2. Igualmente, as administracións públicas galegas poderán formalizar contratos programa cos concesionarios de infraestruturas de transporte terrestre para a mellora da súa accesibilidade, funcionalidade e, en xeral, da calidade global dos servizos que prestan.

3. No prazo de doce meses desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia deberá elevar ao Parlamento de Galicia un proxecto de lei de mobilidade de Galicia, no que se desenvolverá un sistema integrado de transporte público de persoas, coordinando as distintas redes de transporte público existentes.

Disposición transitoria primeira. Exercicio das competencias ata o inicio da actividade polas entidades públicas instrumentais que serán obxecto de creación

1. O Instituto Galego de Consumo e o Consello Galego da Competencia continuarán desenvolvendo as súas competencias ata o inicio da actividade do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. A Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, o Servizo de Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e as unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de formación, investigación e innovación que se supriman no momento de creación da Axencia en Materia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios continuarán desenvolvendo as súas competencias ata o inicio da actividade da referida axencia.

3. A Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, a Oficina Coordinadora de Transplantes de Galicia e os bancos de tecidos e as unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde que se supriman no momento de creación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos continuarán desenvolvendo as súas competencias ata o inicio da actividade da referida axencia.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio dos órganos de goberno do Instituto Enerxético de Galicia

Mentres non se leve a cabo a adaptación do Instituto Enerxético de Galicia á Lei 16/2010, do 17 de outubro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nos termos previstos na súa disposición transitoria terceira, o réxime dos órganos de goberno do Instituto Enerxético de Galicia será o previsto na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia, e no Decreto 280/1999, do 4 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia, coas seguintes modificacións:

a) A Dirección do Instituto Enerxético de Galicia será exercida, por razón de cargo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de enerxía.

b) Suprímese a vogalía que corresponde ao director do Instituto Enerxético de Galicia no Consello de Administración.

Disposición transitoria terceira. Réxime transitorio dos órganos de goberno da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Mentres non se leve a cabo a adaptación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural á Lei 16/2010, do 17 de outubro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nos termos previstos na súa disposición transitoria terceira, o réxime dos órganos de goberno da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural será o previsto na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte modificación:

a) A Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural será exercida, por razón de cargo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural.

Disposición transitoria cuarta. Integración de membros no Consello Galego de Benestar

1. Mentres non se proceda a adaptar o Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, de acordo co disposto na disposición derradeira quinta, integraranse no Consello Galego de Benestar:

a) Unha persoa representante da Administración autonómica con rango de director xeral ou secretario xeral, proposta polo titular da consellaría competente en materia de xustiza.

b) Dous representantes das asociacións de inmigrantes que actúen no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Unha persoa representante das organizacións sen fins de lucro que traballen a prol da integración dos inmigrantes en Galicia.

As persoas representantes sinaladas nas letras b) e c) anteriores serán designadas de acordo co previsto no artigo 9 do Decreto 127/2006, do 27 de xullo.

2. Mentres non se proceda a adaptar o Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, de acordo co disposto na disposición derradeira quinta, serán invitados a integrarse no Consello Galego de Benestar dous representantes da Administración xeral do Estado, propostos pola Delegación do Goberno de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas, no momento da entrada en funcionamento das entidades públicas instrumentais previstas no título III, as seguintes normas:

– A Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo.

– A disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

– A Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia.

– O Decreto 329/1995, do 21 de decembro, que desenvolve a Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo.

– O Decreto 60/2011, do 17 de marzo, polo que se desenvolve a estrutura organizativa do Consello Galego da Competencia.

– O Decreto 184/2011, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo.

2. Queda derrogada a disposición adicional terceira da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión.

3. Queda derrogado o artigo 44 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

4. Queda derrogado o artigo 51 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

5. Queda derrogado o artigo 35 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

6. Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango contradigan ou se opoñan ao contido da presente lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica

O artigo 10 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Rexistros

1. Constitúense o Rexistro de Actividades de Altos Cargos e o Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia, nos que se inscribirán as correspondentes declaracións.

2. O Rexistro de Actividades de Altos Cargos será público. O contido das declaracións inscritas nel, pertencentes ás persoas titulares daqueles postos cuxo nomeamento sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia e estará dispoñible na internet.

3. Do contido do Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia daráselle conta anualmente ao Parlamento de Galicia de acordo co que se estableza no Regulamento da Cámara.

Así mesmo, terán acceso a el:

a) Os órganos xudiciais, para a instrución ou resolución de procesos que requiran o coñecemento dos datos que constan no rexistro, de conformidade co disposto nas leis procesuais.

b) O Ministerio Fiscal, cando realice actuacións de investigación no exercicio das súas funcións que requiran o coñecemento dos datos que constan no rexistro.

c) O Defensor do Pobo e o Valedor do Pobo, nos termos previstos nas súas leis de creación.

4. Non serán obxecto da publicidade prevista no punto 2 as copias da última declaración tributaria correspondente ao imposto sobre a renda das persoas físicas e, se é o caso, do imposto sobre o patrimonio neto, recollidas no artigo 8.1.b) da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades de altos cargos.

5. Os contidos das declaracións de bens patrimoniais dos membros da Xunta de Galicia publicaranse no Diario Oficial de Galicia, referidas ao momento do seu nomeamento e do seu cesamento, nos termos que mediante acordo do Consello da Xunta se determinen.

6. O persoal que preste servizos nos rexistros ten o deber permanente de manter en segredo os datos e informacións que coñeza por razón do seu traballo».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

1. O artigo 65 da Lei 16/2010, do 17 de outubro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 65. Órganos executivos

1. Son órganos executivos a dirección e/ou a secretaría xeral ou cargos asimilados calquera que sexa a súa denominación.

2. As persoas titulares da dirección serán nomeadas e separadas por decreto do Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría de adscrición, entre persoas que reúnan a cualificación necesaria para o cargo, segundo se determine no estatuto de cada entidade. As persoas titulares da secretaría xeral serán nomeadas e separadas segundo se determine na norma de creación e/ou no estatuto de cada entidade.

3. As persoas titulares dos órganos executivos son responsables da xestión ordinaria da entidade e exercen as competencias inherentes aos seus cargos, así como as que expresamente se lles atribúen na presente lei e nos estatutos e as que lles deleguen os órganos de goberno».

2. O artigo 87.1 da Lei 16/2010, do 17 de outubro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, queda redactado do seguinte xeito:

«1. Nas axencias públicas autonómicas constituirase unha comisión de control, baixo a dependencia orgánica do consello reitor. En todo caso, estará integrada por un representante da consellaría competente en materia de facenda, un representante da axencia pública autonómica, un representante da consellaría de adscrición e un representante da consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa».

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública

1. Modifícase o artigo 8, nos seus puntos 3 e 4, da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, que quedan redactados como segue:

«3. Vogais:

a) Dúas persoas titulares de subdireccións da dirección xeral competente en materia de emerxencias e interior.

b) Un representante da consellaría competente en materia de facenda.

c) A persoa titular da Dirección da Escola Galega de Administración Pública.

d) Un representante do departamento competente en materia de menores.

e) Tres vogais designados pola Presidencia do Consello Reitor entre persoas expertas e de prestixio en materia de seguridade pública.

f) Un representante dos concellos de Galicia, designado pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

A condición de vogal representante dos concellos estará vinculada á representatividade posuída e perderase ao desaparecer esta.

4. A titularidade da Secretaría do Consello Reitor correspóndelle á persoa que este designe e nomee, de conformidade co artigo 64.3.e) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia».

2. Modifícase o artigo 11 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, que queda redactado como segue:

«1. A Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública será exercida, por razón de cargo, pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de emerxencias e interior.

2. Baixo a dependencia do director xeral da Academia haberá un secretario xeral, que percibirá as retribucións correspondentes a unha subdirección xeral e será nomeado polo Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública por proposta do director xeral. Cesará no seu cargo polo mesmo procedemento».

Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

Modifícase o parágrafo segundo da disposición adicional segunda da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«A comisión de seguimento e control estará integrada por seis membros e funcionará en pleno e por seccións. O presidente e os restantes membros serán designados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de enerxía. Será nomeado secretario da comisión un dos membros, distinto do que exerza a presidencia».

Disposición derradeira quinta. Adaptación de funcións e composición do Consello Galego de Benestar

1. As competencias e funcións que o Decreto 127/2006, do 27 de xullo, polo que se crea o Consello Galego da Inmigración, lle atribúe ao dito consello serán asumidas polo Consello Galego de Benestar Social.

2. O Consello da Xunta de Galicia procederá, no prazo de seis meses, a modificar o Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, para os efectos de adaptar a regulación do Consello Galego de Benestar ao previsto na presente lei, garantindo en todo caso a representación das asociacións de inmigrantes que actúen no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma de Galicia, así como das organizacións sen fins de lucro que traballen a prol da integración das persoas inmigrantes en Galicia, e respectando o dereito de participación dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

Disposición derradeira sexta. Modificación da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

1. Modifícase o artigo 5 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Órganos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

Os órganos de goberno do instituto son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

O órgano executivo do Instituto é:

A Xerencia».

2. Modifícase o artigo 6 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactado como segue:

«Artigo 6. A Presidencia

1. A Presidencia do Instituto é o órgano unipersoal de goberno. Exercerá a presidencia do instituto a persoa titular da consellaría de adscrición do Instituto.

2. Correspóndelle á persoa que exerza a presidencia do Instituto:

a) Desempeñar a representación do Consello Reitor e a representación do Instituto, incluíndo as actuacións fronte a terceiros relativas aos seus bens e dereitos patrimoniais, así como a subscrición dos convenios e acordos de colaboración.

b) Presidir e convocar o Consello Reitor, co desempeño de todas as demais competencias que lle correspondan como presidente do órgano colexiado, segundo o disposto no artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Efectuar a designación e a destitución da persoa titular da Xerencia do Instituto.

d) Autorizar os gastos necesarios e ordenar os pagamentos correspondentes do Instituto.

e) Actuar como órgano de contratación e exercer a dirección superior do persoal do Instituto.

f) Velar polo cumprimento das leis e pola execución dos acordos adoptados polo Consello Reitor.

g) Dar conta, de ser o caso, a outras consellarías dos acordos adoptados polo Consello Reitor.

h) Impulsar e supervisar as actuacións do organismo.

3. A persoa titular da Presidencia poderá delegar aquelas funcións propias que considere oportunas e sexan susceptibles de delegación na persoa titular da Xerencia».

3. Modifícase o artigo 7 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactado como segue:

«Artigo 7. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano superior colexiado de goberno do Instituto. Os seus membros serán nomeados pola persoa titular da consellaría de adscrición. No consello será paritaria a representación dos axentes sociais e da Administración.

2. O Consello Reitor estará formado por:

a) A Presidencia, que a exercerá a persoa que exerza a propia presidencia do Instituto e que terá voto de calidade.

b) Unha Vicepresidencia, que a exercerá a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de traballo.

c) Os seguintes vogais:

En representación dos axentes sociais: un vogal en representación de cada un dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación e o mesmo número de vogais designados por proposta das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma.

En representación da Administración, un número de vogais suficiente para garantir a composición paritaria do Consello Reitor, que se designarán do seguinte xeito:

1) A persoa titular da Xerencia do Instituto.

2) Un vogal por cada unha das consellarías con competencias en materia de sanidade, minas e facenda, designado pola persoa titular da consellaría respectiva de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

3) No caso de ser necesario, os restantes vogais serán designados pola persoa titular da consellaría competente en materia de traballo entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

4) Desempeñará a secretaría do Consello Reitor, con voz pero sen voto, unha persoa que preste servizos no instituto, que teña un rango non inferior a xefatura de servizo, que designará e nomeará o propio Consello.

5) Os nomeamentos e cesamentos dos vogais do Consello serán efectuados pola persoa titular da consellaría competente en materia de traballo. No caso das vogalías correspondentes ás organizacións sindicais e empresariais, serán propostos por estas».

4. Modifícase o artigo 8 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactado como segue:

«Artigo 8. A Xerencia

1. A persoa que exerza a titularidade da Xerencia é persoal directivo e será nomeada e separada pola Presidencia do Instituto, logo da consulta ás organizacións representadas no Consello Reitor. Corresponderanlle as retribucións dunha subdirección xeral.

2. Correspóndelle á Xerencia do Instituto o desempeño da xestión ordinaria do Instituto e exerce as seguintes funcións:

a) Asistir a Presidencia do Consello Reitor no exercicio das súas funcións.

b) Levar a cabo o asesoramento e os informes que lle solicite a Presidencia do Instituto.

c) Elaborar o proxecto do plan anual de actividades, que incluirá as actuacións técnicas e a súa planificación temporal, e elevalo ao Consello Reitor.

d) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo do Instituto.

e) Exercer a xefatura e dirección do persoal adscrito ao organismo.

f) Elaborar as contas e o anteproxecto de orzamento para a súa presentación ao Consello Reitor.

g) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar as unidades adscritas ao Instituto e ditar as disposicións, instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

h) Elaborar o informe anual, coa relación de todas as actividades do Instituto, para a súa aprobación polo Consello Reitor, e remitilo ao Parlamento de Galicia para o exercicio do control parlamentario.

i) Proporcionar e recibir das consellarías con competencias concorrentes na materia de seguridade e saúde laboral canta información sexa precisa para o desenvolvemento das funcións en materia de seguridade e saúde laboral.

j) Establecer a coordinación necesaria para garantir a cooperación institucional con todas as administracións na materia de prevención de riscos laborais.

k) Desenvolver as actuacións de colaboración técnica coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

l) Colaborar coa Administración laboral, sanitaria, mineira, industrial e outras que o soliciten por razón da materia.

m) Facilitarlle ao Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral canta información sexa precisa para o desenvolvemento das súas funcións e asistir ás súas reunións.

n) Exercer as facultades non atribuídas especificamente a outros órganos do Instituto.

o) Calquera outra que poida serlle asignada pola normativa aplicable ou que lle delegue ou encomende a persoa titular da Presidencia do Instituto ou o Consello Reitor».

5. Modifícase o artigo 9 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Desenvolvemento da estrutura orgánica do Instituto

O Instituto e os seus órganos de goberno e executivos terán un ámbito territorial de actuación que abrangue toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, existirán órganos de ámbito territorial provincial que asumirán as funcións dos actuais centros provinciais de seguridade e saúde laboral.

Poderanse constituír laboratorios de referencia ou unidades especializadas para atender funcións, con ámbito específico e sede nos centros territoriais ou no órgano central.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral incluirá as áreas de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, formación, divulgación e documentación, medicina do traballo e epidemioloxía, e de estudos.

Poderase crear unha unidade administrativa de programas interdepartamentais para facilitar a coordinación coas distintas autoridades e organismos competentes en materia de prevención de riscos laborais, á que se poderá adscribir o persoal da Xunta de Galicia que sexa necesario».

6. Modifícase o artigo 12 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactado como segue:

«Artigo 12. Procedementos

1. Os actos administrativos ditados pola persoa que desempeñe a presidencia do Instituto poñerán fin á vía administrativa e poderán ser obxecto dos recursos previstos na lexislación xeral sobre o procedemento administrativo e sobre a xurisdición contenciosoadministrativa.

2. O recurso extraordinario de revisión será interposto perante a persoa titular da consellaría con competencias en materia de traballo.

3. O exercicio das accións civís e laborais rexerase polas normas específicas, sen prexuízo de lle solicitar os informes que considere oportunos á Xerencia do Instituto».

7. Modifícase a letra b) da alínea A) da disposición adicional quinta da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactada como segue:

«b) Da administración especial:

1) Dentro do corpo facultativo superior da Xunta, subgrupo A1, créase a escala superior de saúde laboral.

2) Dentro do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, créase a escala técnica de saúde laboral.

Para o ingreso na escala superior de saúde laboral será necesaria a titulación de licenciatura ou grao en Medicina e Cirurxía, coa especialidade de Medicina do Traballo ou coa diplomatura en Medicina de Empresa.

Para o ingreso na escala técnica de saúde laboral será precisa a titulación de diplomatura ou grao en Enfermaría/ATS, coa especialidade de Enfermaría do Traballo ou coa diplomatura en Enfermaría de Empresa.

Segundo os respectivos corpos, as funcións destas escalas serán o exercicio dos labores técnicos en materia de prevención de riscos laborais, de acordo co disposto na lexislación de prevención de riscos laborais e, en particular, nos artigos 7.1 e 9.2 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, na área de medicina do traballo e vixilancia da saúde».

Disposición derradeira sétima. Adaptación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

No prazo de tres meses desde a entrada en vigor da presente lei, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral procederá a adaptar mediante decreto da Xunta de Galicia a súa regulación ás determinacións contidas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de acordo coa nova estrutura introducida na disposición derradeira sexta.

Disposición derradeira oitava. Modificación da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia

Modifícase o artigo 56.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, que queda redactado como segue: «2. A Asemblea Xeral poderá delegar as atribucións sinaladas nas letras c), d) e h) do punto anterior no Observatorio Galego da Xuventude, sen prexuízo da necesaria ratificación da Asemblea Xeral das admisións e exclusións, que serán provisionais ata que se produza esta».

Disposición derradeira novena. Modificación da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia

Engádese unha disposición adicional, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décimo cuarta. Declaración de utilidade pública

Para os efectos do previsto no artigo 9 da Lei de expropiación forzosa, decláranse de utilidade pública as obras necesarias para a construción e rehabilitación dos edificios administrativos, tal e como se definen no artigo 96 da presente lei, que dependan da Comunidade Autónoma no seu ámbito territorial».

Disposición derradeira décima. Modificación do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

Modifícase o artigo 90.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. A Consellería de Facenda poderá propoñerlle ao Consello da Xunta que as operacións de ingreso e ordenación e realización material do pagamento dos organismos autónomos e axencias públicas as realice a dirección xeral competente en materia de tesouraría, para o que se establecerá o correspondente procedemento».

Disposición derradeira décimo primeira. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia

Modifícase o artigo 68 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 68. Réxime de autorización administrativa en materia de servizos sociais

1. Os centros, servizos e programas de titularidade pública e privada que desenvolvan as súas actividades en Galicia precisarán da correspondente autorización do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de autorización de servizos sociais, para a súa creación ou construción, inicio de actividades, modificación substancial e cesamento de actividades, sen prexuízo doutras autorizacións ou licenzas exixibles de acordo coa lexislación vixente.

2. No suposto de centros, servizos e programas promovidos polos concellos ou deputacións, a autorización indicada no punto anterior quedará supeditada ao cumprimento dos dous requisitos seguintes:

a) Plan de viabilidade económica do concello ou da deputación, con informe favorable da persoa que exerza a intervención da entidade local, no que se garanta a sustentabilidade financeira das novas actividades económicas, respectando en todo caso o principio de eficiencia e o resto dos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

b) Informe previo e preceptivo, emitido polo órgano competente da Comunidade Autónoma, acerca da inexistencia de duplicidades nas competencias ou servizos, así como da oportunidade e necesidade do recurso en cuestión, para os efectos da planificación estratéxica de servizos sociais da Comunidade Autónoma.

3. Regulamentariamente, desenvolveranse as condicións e os procedementos para a obtención, revogación e suspensión das autorizacións. Os procedementos administrativos para a tramitación das diferentes autorizacións terán unha duración máxima de seis meses. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución administrativa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo nos procedementos relativos á obtención das diferentes autorizacións e producirase a caducidade nos procedementos relativos á suspensión e revogación das autorizacións administrativas.

4. Cando a creación ou construción, a modificación substancial ou o inicio de actividades dun centro, servizo ou programa de servizos sociais se realice sen a preceptiva autorización administrativa, de conformidade co previsto na presente lei e na súa normativa de desenvolvemento, o departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de autorización de servizos sociais dispoñerá a clausura do centro ou a suspensión inmediata das actividades, logo de tramitación do correspondente procedemento nos termos que regulamentariamente se establezan, con audiencia, en todo caso, da persoa interesada».

Disposición derradeira décimo segunda. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de incendios forestais de Galicia

Engádese un novo artigo 55 bis na Lei 3/2007, do 9 de abril, de incendios forestais de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 55 bis. Procedemento sancionador especial para determinadas infraccións en materia de incendios forestais

1. Non obstante o disposto no artigo 54.1 en canto á incoación do procedemento sancionador, as denuncias formuladas polos axentes forestais, axentes facultativos medioambientais e polos membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, así como polo resto dos membros dos corpos e forzas de seguridade no exercicio das súas funcións, sempre que sexan notificadas no acto ao denunciado, constituirán o acordo de inicio do procedemento sancionador no caso da comisión das seguintes infraccións:

a) O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpra as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, contida no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.1.b).

b) A realización, en época de perigo alto de incendios forestais, de queimas sen autorización reguladas nos artigos 34.2 e 35 en relación co artigo 51.1.c).

c) O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpra as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto, contida no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.2.b).

d) O depósito de produtos forestais e produtos inflamables en condicións distintas das previstas no artigo 24 bis desta lei, conforme o disposto no artigo 50.2.7 en relación co artigo 51.2.d).

e) O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo, consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación cos artigos 31 e 51.2.h) desta lei.

f) No suposto das seguintes condutas, sempre que sexan constitutivas de infracción leve:

– O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpran as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo, moderado ou alto, consonte o disposto no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.3.a) desta lei.

– A realización, en época de perigo medio ou baixo de incendios forestais, de queimas sen autorización reguladas nos artigos 34.2 e 35 en relación co artigo 51.3.a) desta lei.

– O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo, moderado ou alto, consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación cos artigos 31 e 51.3.a) desta lei.

– Acampadas fóra das zonas delimitadas para tal fin.

2. Nestas denuncias deberá constar:

a) A identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.

b) O domicilio que, se é o caso, indique o interesado para os efectos de notificacións.

c) Unha descrición sucinta dos feitos que motivan a incoación do procedemento, con expresión do lugar, data e hora, así como da súa cualificación.

d) A sanción que puider corresponder así como a obriga de reparar os danos e perdas ocasionados ou, en defecto diso, de indemnizalos nos termos previstos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo do que resulte da instrución.

e) O numero de identificación profesional do axente da autoridade.

f) A unidade instrutora do procedemento e o réxime de recusación aplicable.

g) O órgano competente para impoñer a sanción consonte o disposto nesta lei.

h) A indicación de que a dita denuncia inicia o procedemento sancionador e de que o seu destinatario dispón dun prazo de vinte días para formular as alegacións e/ou propoñer as probas que xulgue convenientes. No caso de infracción leve indicarase así mesmo ao denunciado a posibilidade de aboar a multa no prazo de vinte días cunha redución do 50 % da súa contía, o que determinará a conclusión do procedemento sancionador.

i) As medidas de carácter provisional que adopte o axente denunciante, sen prexuízo das que se poidan adoptar durante a tramitación do procedemento sancionador.

3. No prazo máximo de sete días, contados desde o seguinte ao acordo de inicio do procedemento, a persoa titular da xefatura territorial da consellaría con atribucións en materia de incendios forestais que corresponda por razón do territorio no que se cometese a infracción designará a persoa física que asumirá a instrución do procedemento e resolverá sobre o mantemento, modificación ou levantamento das medidas provisionais adoptadas polo axente na denuncia. Do dito acordo darase traslado ao denunciado para os efectos da posibilidade de interpoñer recurso de alzada respecto da decisión adoptada sobre as medidas provisionais así como, de ser o caso, para os efectos da recusación respecto da designación do instrutor.

4. No suposto das infraccións leves indicadas na letra f) do primeiro punto, transcorrido o prazo de vinte días sen que o denunciado formulase alegacións e/ou propuxese proba, ou sen que realizase o pagamento voluntario da sanción, a denuncia considerarase proposta de resolución. Desta daráselle traslado ao órgano competente para resolver, que ditará resolución no prazo de tres días desde a recepción da proposta de resolución e do resto da documentación.

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dous meses contados desde o día seguinte ao da denuncia do axente.

5. Nos demais casos, recibidas as alegacións e propostas de proba ou transcorrido o prazo de vinte días concedido para o efecto, o órgano instrutor poderá acordar a práctica de proba, e poderá solicitar neste momento os informes precisos para a gradación da sanción de acordo cos criterios indicados no artigo 52 desta lei.

Finalizada, se é o caso, a proba, o instrutor formulará proposta de resolución na que se concretarán os feitos probados, a súa cualificación xurídica, a infracción que aqueles constitúan e a persoa ou persoas responsables, e propoñerase a sanción que deba impoñerse coas sancións accesorias que nese caso procedan. Na proposta de resolución incluiranse así mesmo a forma e as condicións en que o infractor debe reparar o dano causado coa determinación da contía da indemnización que de ser o caso proceda aboar ao abeiro do previsto na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

A proposta de resolución notificaráselles aos interesados, e concederáselles un prazo de quince días para formular alegacións e presentar os documentos que estimen pertinentes. Transcorrido o dito prazo, o órgano instrutor remitirá a proposta de resolución con todos os documentos, alegacións e informacións que obren no expediente ao órgano competente para resolver o procedemento.

O órgano competente para resolver, sen prexuízo da facultade de acordar a práctica de actuacións complementarias prevista no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, ditará resolución no prazo de dez días desde a recepción da proposta de resolución e do resto da documentación.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de seis meses contados desde a data da denuncia.

7. As denuncias que non puidesen ser notificadas no momento da denuncia á persoa denunciada remitiranse no prazo máximo de sete días á persoa titular da xefatura territorial da consellaría con atribucións en materia de incendios forestais que corresponda por razón do territorio no que se cometese a infracción para a súa tramitación ordinaria.

En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento sancionador que se siga por calquera das infraccións descritas no punto 1 deste artigo será de seis meses contados desde a data do acordo de incoación».

Disposición derradeira décimo terceira. Delegación lexislativa

Autorízase á Xunta de Galicia, de acordo cos artigos 145 e 146 do Regulamento do Parlamento de Galicia, para que, no prazo máximo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei, elabore e aprobe cinco textos refundidos que recollan a normativa autonómica sobre pesca, gardacostas e confrarías de pescadores; tributos propios; política industrial; portos; e igualdade.

A refundición inclúe a posibilidade de regularizar, aclarar e harmonizar os textos legais que sexan obxecto do texto refundido.

Disposición derradeira décimo cuarta. Desenvolvemento normativo

Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do establecido nesta lei.

Disposición derradeira décimo quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia