lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Publicado en: DOG 249 30/12/2011

Última modificación: 07/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 37, do 22 de febreiro de 2012.

Exposición de motivos

I

Os orzamentos requiren, para a súa completa aplicación, a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que pola súa natureza deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais senón en leis específicas.

O debate doutrinal verbo da natureza das chamadas «leis de acompañamento» foi resolto polo Tribunal Supremo, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa da que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos nos que desenvolve a súa acción.

Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se determinan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2012, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, esta lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúen á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria.

Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que tamén se incorporan outras de natureza administrativa.

II

Esta norma legal contén dous títulos: o primeiro dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás medidas de carácter administrativo. O título I consta de dous capítulos: o primeiro relativo aos tributos cedidos e o segundo, aos tributos propios. O título II consta de seis capítulos, dedicados, respectivamente, ao réxime financeiro e orzamentario, ás subvencións, ao xogo, ao medio ambiente, á ordenación farmacéutica e á saúde. Tamén contén dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

Polo que atinxe ás medidas fiscais, incluídas no título I, cómpre sinalar como máis destacadas as seguintes:

En relación co imposto sobre a renda das persoas físicas, modifícase a dedución xa existente relativa ao investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista, co obxecto de aumentar de forma significativa o número de posibles beneficiarios, e suprímese o requisito de posuír polo menos un 1% do capital, co que se facilita o acceso á dedución de pequenos investidores. Así mesmo, amplíase de dous a tres anos o prazo de mantemento do investimento, co fin de que a vinculación coa empresa sexa máis duradeira, e rebáixase a porcentaxe de dedución do 20% ao 15%, que se aplicará en catro anos, para mitigar o impacto fiscal da medida como consecuencia do aumento dos seus posibles beneficiarios.

En canto ao imposto sobre o patrimonio, modifícase o mínimo exento como consecuencia da entrada en vigor do Real decreto lei 13/2011, do 16 de setembro, polo que se restablece o imposto sobre o patrimonio, con carácter temporal, e equipárase á normativa estatal.

No que atinxe ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, asimílanse os créditos hipotecarios aos préstamos hipotecarios nos beneficios fiscais que afectan estes últimos, tanto nos beneficios propios da Comunidade Autónoma coma nos estatais, sempre que os créditos vaian destinados á adquisición de vivenda habitual. Convértese en indefinida a dedución na modalidade de actos xurídicos documentados para a constitución de préstamos hipotecarios destinados á cancelación doutros préstamos que foron destinados á adquisición de vivenda. Introdúcese un novo beneficio fiscal (dedución do 100% en actos xurídicos documentados) para os créditos e os préstamos hipotecarios cando se modifique o sistema de amortización ou calquera outra condición financeira do préstamo ou crédito.

No que respecta aos tributos sobre o xogo, revísase a normativa autonómica co obxecto de adaptala aos novos tipos de xogos autorizados en Galicia, como, por exemplo, o bingo electrónico, ou aos que está previsto autorizar –proxecto de modificación das disposicións sobre máquinas na Lei galega do xogo e proxecto de regulamentación do xogo das apostas–, e á nova normativa estatal en materia de xogo –na que se crea o imposto sobre as actividades de xogo–.

Deste xeito, pode destacarse o seguinte: modifícase a tributación das apostas, á semellanza da normativa estatal, adáptase a tributación actual sobre máquinas e bingo, fixando a tributación para os novos tipos de máquinas e para o bingo electrónico, e establécense regras especiais para a tributación dos xogos cando se desenvolvan en todo ou en parte mediante servizos de comunicación sobretarifados ou con tarifación adicional, á semellanza da normativa estatal.

Por outra banda, establécense tamén medidas procedementais e obrigas formais. Como principais cómpre sinalar que se lles introduce unha nova obriga formal ás entidades que realicen poxas de bens mobles para que informen das transaccións realizadas, dos seus intervenientes e dos importes destas, coa finalidade de facilitar o control fiscal desas transmisións.

Con este obxectivo e co compromiso adoptado da loita contra a fraude, establécense as obrigas de presentar declaracións informativas en materia de xogo, por un lado, para os notarios, ante os que deben depositarse as bases dos sorteos, dos concursos e de calquera outro xogo, e, por outra banda, para outros axentes de mercado, colaboradores necesarios na organización dos xogos a través de servizos de comunicación con tarifación adicional e a través doutros medios de comunicación remota (internet).

Polo que se refire ás taxas administrativas, as modificacións introducidas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, obedecen ben á creación de novas taxas ou ben á modificación das vixentes. Polo seu impacto económico, destacan:

– En materia de infraestruturas, aplicaráselles a taxa por ocupación, uso privativo ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma aos supostos do dominio público viario cunha recadación prevista de 1.932.628,17 euros.

– En materia de augas, en primeiro lugar aplicarase a tarifa por dirección de contratos de servizo, cunha previsión de 488.215 euros de recadación. Ademais, establécese a tarifa aplicable aos beneficiarios das obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia cuns ingresos esperados de 1.804.446 euros.

Respecto do canon da auga e do coeficiente de vertedura, realízanse, entre outras, as seguintes modificacións: considérase a exención para os suxeitos que se atopen en réxime de exclusión social; dáselle o mesmo tratamento ao coeficiente de vertedura en canto á aplicación dos supostos de non suxeición e exencións; modifícase o tipo de gravame variable aplicable na acuicultura coa súa vinculación á produción e non ao volume captado ou vertido; establécese como substituto do contribuínte, no caso de captacións propias deste, a empresa que presta o servizo de sumidoiro; establécese un réxime transitorio para reducir o impacto da aplicación do coeficiente de vertedura cando as instalacións de depuración estean xestionadas por Augas de Galicia; e, por último, equipárase o réxime de anulacións e baixa de liquidacións tributarias previsto na Lei de augas ao establecido, con carácter xeral, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En canto ás medidas administrativas que se recollen no título II, cómpre destacar:

No relativo ao réxime orzamentario, procédese á adaptación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ao previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e establécense expresamente as obrigas orzamentarias de cada tipo de entidade do sector público galego, a información plurianual que teñen que conter os seus estados, o seu contido e prazo de remisión, así como o réxime das modificacións orzamentarias e as cláusulas que deben conter os convenios co sector público autonómico.

Por outra parte, en materia de subvencións, realízanse diversas modificacións de carácter non substantivo dirixidas a adecuar o ámbito subxectivo da Lei de subvencións ao previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a establecer unha remisión de carácter xeral á Lei de contratos do sector público e a trasladarlle ao articulado da lei, co obxecto de darlle carácter permanente, un precepto que recorrentemente se incluía nas últimas leis de orzamentos.

Respecto das competencias administrativas en materia de xogo, o capítulo III do título II realiza diversas modificacións da nosa lei reguladora co fin de establecer o requisito de autorización da Comunidade Autónoma para a instalación e apertura de locais ou terminais para a realización de xogos de ámbito estatal; de actualizar o concepto de xogo, integrando nel os que se realicen por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos; de autorizar en locais de hostalaría a instalación de terminais de xogo distintos das máquinas recreativas, e deixar as condicións ao que se determine regulamentariamente; de establecer a autorización administrativa previa para a publicidade do xogo e a nova clasificación das máquinas recreativas, coa incorporación de novas categorías e coa remisión a decreto da posibilidade de incorporar novos tipos de máquinas; e de modificar o concepto de xogo do bingo, realizado tradicionalmente de forma presencial, para dar cabida a modalidades deste xogo que poidan utilizar outras canles de explotación distintas das do presencial.

O capítulo IV do título II, dedicado ao medio ambiente, contén dúas modificacións legais dirixidas á racionalización dos procedementos de avaliación ambiental; en primeiro lugar, para matizar o procedemento de avaliación ambiental aplicable aos instrumentos de ordenación do territorio, e, en segundo lugar, para modificar a tipoloxía dos procedementos de avaliación ambiental.

No ámbito da ordenación farmacéutica, modifícanse varios preceptos da Lei 5/1999, coa finalidade de fixar a obriga dun establecemento propio de farmacia naqueles centros hospitalarios, de asistencia social e psiquiátricos que teñan cen ou máis camas, na liña do establecido noutras comunidades autónomas –na norma galega estaba establecido en cincuenta camas–.

Ademais, a aplicación da medida relativa ao depósito de fármacos permitirá obter aforro económico para o Sergas, como consecuencia de que os medicamentos adquiridos polo servizo de farmacia do centro hospitalario teñen un menor custo cós adquiridos a través de receita oficial e despachados en oficinas de farmacia, posto que non levan a marxe de distribución. Ademais, no mesmo ámbito, modifícase o precepto relativo aos horarios e servizos de garda das farmacias, co fin de que as existentes en zonas rurais gocen dun réxime distinto logo da autorización das unidades responsables da Consellería de Sanidade. Por último, adáptase o réxime sancionador á normativa estatal.

No que atinxe ás competencias en materia de saúde, incorpórase na Lei de saúde unha nova alínea no precepto relativo aos titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria, de maneira que se precisan os criterios que determinan o concepto de residencia en Galicia, aproximándoos ao concepto de residencia habitual da normativa tributaria, para evitar a fraude na declaración sobre o estado membro onde reside o usuario dos servizos.

Dentro das disposicións derrogatorias destaca a derrogación da Lei autonómica de protección contra a contaminación acústica, de 1997, para evitar os resultados diverxentes e mesmo incompatibles da súa aplicación con respecto á normativa estatal básica desenvolvida a partir da Lei 37/2003. Esta derrogación acompáñase do compromiso de que nun ano se aprobe un decreto en Galicia que adapte a normativa e estableza as normas adicionais oportunas.

Tamén se derroga o procedemento de avaliación de efectos ambientais, que foi esbozado nos artigos 10 a 12 da Lei 1/1995, sen contido material, posto que a normativa xa prevé a posibilidade de someter á avaliación de impacto ambiental proxectos que non o estean segundo a normativa básica estatal, conforme o previsto no anexo II, grupo 9, letra n) do vixente texto refundido da Lei de avaliación ambiental de proxectos, aprobado polo Real decreto 1/2008, do 11 de xaneiro. E tamén se derroga un precepto da Lei de medidas do 2002, para adecuar ao disposto na Lei 2/2011, de economía sustentable, o desempeño das funcións do profesorado de ensino secundario e do profesorado técnico de formación profesional.

Por último, para garantir, no que atinxe ao persoal, unha homoxeneidade no proceso de adecuación das entidades instrumentais en materia de augas á que se refire a disposición derradeira terceira desta lei, resulta necesario introducir unha disposición derrogatoria de parte da regulación que respecto disto realiza a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Na disposición transitoria primeira regúlase a continuación, ata a súa finalización, dos procedementos de avaliación de efectos ambientais que se estean tramitando á entrada en vigor desta lei; e na disposición transitoria segunda fíxanse os tipos bonificados no imposto sobre o bingo e na taxa que grava os xogos de sorte, envite ou azar para o exercicio 2012.

Nas disposicións derradeiras cómpre destacar a creación de subescalas dentro das escalas de seguridade e saúde no traballo, co fin de recoller as singularidades que presentan en canto á titulación as distintas disciplinas preventivas.

Ademais, modifícase, dentro destas disposicións derradeiras, a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, de xeito que, por unha parte, se amplían as actuacións de protección do medio ambiente ás que pode destinarse o Fondo de Compensación Ambiental, e, por outra parte, se permite que a comisión de seguimento de execución dos proxectos de desenvolvemento industrial tamén poida coñecer o estado de execución dos demais criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados. Así mesmo, incorpórase ao texto da Lei eólica unha nova disposición transitoria, que permite a suspensión da tramitación dos procedementos de autorización de parques eólicos desde o anuncio de exposición pública da proposta de ampliación do ámbito da Rede Natura 2000.

Por último, modifícase a disposición adicional sétima da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, co obxecto de posibilitar que as entidades públicas empresariais suxeiten a súa actividade contractual á lexislación de contratos do sector público como administración pública, cando así se dispoña nunha norma con rango de lei, en atención ás características da entidade, da súa actividade, ou en atención aos fins institucionais de carácter público que a súa actividade contractual persiga. Igualmente, modifícase a disposición transitoria terceira desta lei, de cara a dotar de maior seguridade xurídica o proceso de adecuación da regulación das entidades instrumentais, creadas con anterioridade á súa entrada en vigor, ás determinacións contidas no título III da mencionada norma.

Para a elaboración desta lei solicitáronse os ditames do Consello Galego da Competencia e do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I Medidas fiscais

CAPÍTULO I Tributos cedidos

Artigo 1. Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Modifícase a alínea Once do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Once. Dedución por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista.

1. Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica, e cun límite de 4.000 euros, o 15% das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións como consecuencia de acordos de ampliación de capital subscritos por medio do segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista, aprobado por acordo do Consello de Ministros do 30 de decembro de 2005.

A dedución total calculada conforme o parágrafo anterior ratearase por partes iguais no exercicio no que se realice o investimento e nos tres exercicios seguintes.

2. Para poder aplicar a dedución á que se refire a alínea 1 deben cumprirse os seguintes requisitos:

a) A participación conseguida polo contribuínte na sociedade obxecto do investimento non pode ser superior ao 10% do seu capital social.

b) As accións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período de tres anos, como mínimo.

c) A sociedade obxecto do investimento debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia, e non debe ter como actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto polo artigo 4.8.Dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

Os requisitos indicados nas letras a) e c) anteriores deberán cumprirse durante todo o prazo de mantemento indicado na letra b), contado desde a data de adquisición da participación.

d) As operacións nas que sexa aplicable a dedución deben formalizarse en escritura pública, na que se debe especificar a identidade dos investidores e o importe do investimento respectivo.

3. O incumprimento dos requisitos anteriores comporta a perda do beneficio fiscal, e o contribuínte debe incluír na declaración do imposto correspondente ao exercicio no que se produciu o incumprimento a parte do imposto que se deixou de pagar como consecuencia da aplicación da dedución practicada, xunto cos xuros de mora percibidos.

4. A dedución contida neste artigo resultará incompatible, para os mesmos investimentos, coa dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación».

Artigo 2. Imposto sobre o patrimonio.

Modifícase o artigo 13 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 13. Mínimo exento.

O mínimo exento no imposto sobre o patrimonio establécese en 700.000 euros».

Artigo 3. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Un. Modifícase a alínea Dous do artigo 15 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Dous. Tipo de gravame aplicable na primeira adquisición de vivenda habitual.

Nas primeiras copias de escrituras que documenten a primeira adquisición de vivenda habitual ou a constitución de préstamos ou créditos hipotecarios destinados ao seu financiamento, suxeitas ao imposto sobre actos xurídicos documentados, na súa modalidade de documentos notariais, o tipo de gravame aplicable será do 0,75%».

Dous. Modifícase a alínea Cinco do artigo 17 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Cinco. Dedución para a constitución de préstamos ou créditos hipotecarios destinados á cancelación doutros préstamos ou créditos hipotecarios que foron destinados á adquisición de vivenda habitual.

1. No imposto sobre actos xurídicos documentados, na súa modalidade de documentos notariais, aplicarase unha dedución do 100% da cota, sempre que se cumpran os requisitos seguintes:

a) Que a operación se refira á constitución dun préstamo ou crédito hipotecario.

b) Que a finalidade do préstamo ou crédito sexa a cancelación doutro préstamo ou crédito hipotecario destinado ao financiamento da adquisición dunha vivenda habitual.

2. No caso de que o novo préstamo ou crédito hipotecario sexa dunha contía superior á necesaria para a cancelación total do préstamo anterior, a porcentaxe de dedución aplicarase exclusivamente sobre a porción de cota que resulte de aplicarlle a esta o resultado do cociente entre o principal pendente de cancelación e o principal do novo préstamo ou crédito».

Tres. Engádese unha nova alínea Seis ao artigo 17 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

«Seis. Dedución nas operacións de subrogación e modificación de préstamos e créditos hipotecarios concedidos para o investimento en vivenda habitual.

1. Aplicaráselles unha dedución do 100% na cota do imposto sobre actos xurídicos documentados na modalidade de documentos notariais ás escrituras de créditos hipotecarios que recollan as operacións ás que se refiren os artigos 7 e 9 da Lei 2/1994, do 30 de marzo, sobre subrogación e modificación de préstamos hipotecarios e sempre que se trate de créditos concedidos para o investimento en vivenda habitual. Este beneficio fiscal aplicarase nos mesmos termos e condicións cós recoñecidos para os préstamos hipotecarios nos devanditos artigos.

2. Aplicaráselles unha dedución do 100% na cota do imposto sobre actos xurídicos documentados na modalidade gradual de actos xurídicos documentados ás escrituras públicas de novación modificativa de préstamos ou créditos hipotecarios concedidos para o investimento en vivenda habitual, pactados de común acordo entre acredor e debedor, sempre que o acredor sexa unha das entidades á que se refire o artigo 1 da Lei 2/1994, do 30 de marzo, sobre subrogación e modificación de préstamos hipotecarios, e a modificación se refira ao método ou sistema de amortización e a calquera outras condicións financeiras do préstamo ou crédito».

Catro. Modifícase a alínea Tres do artigo 16 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Tres. Bonificación aplicable á transmisión ou á cesión temporal de predios integrantes do Banco de Terras de Galicia.

1. As transmisións en propiedade ou a cesión temporal de predios integrantes do Banco de Terras de Galicia, a través dos mecanismos previstos na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, gozarán dunha dedución na cota tributaria do 95% no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Este beneficio fiscal será incompatible con calquera outro que lles puidese ser aplicable a esas adxudicacións ou ao encargo de mediación.

2. A aplicación do devandito beneficio fiscal quedará condicionada ao mantemento, durante un período mínimo de cinco anos, do destino agrario do predio, agás nos supostos de expropiación para a construción de infraestruturas públicas ou para a edificación de instalacións ou construcións asociadas á explotación agraria.

3. No caso de incumprimento da antedita condición, a persoa beneficiaria deberá ingresar o importe do beneficio gozado e mais os xuros de mora, mediante a presentación dunha autoliquidación complementaria, no prazo de trinta días hábiles desde o incumprimento da condición».

Artigo 4. Taxa fiscal sobre o xogo.

Un. Modifícase o artigo 19 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 19. Taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

Un. Exencións.

Quedan exentos do pagamento destas taxas:

1. As rifas organizadas ou realizadas sen ánimo de lucro con motivo de acontecementos educativos, sociais ou festivos, sempre que o produto íntegro da venda dos billetes ofrecidos non supere os 12.000 euros e o premio ofrecido teña un valor inferior a 1.500 euros.

2. A realización de sorteos, tómbolas e rifas que organice a Cruz Vermella, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

3. Os sorteos de amortización e capitalización que estean legalmente autorizados.

4. A realización de tómbolas diocesanas de caridade, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

Dous. Base impoñible.

Con carácter xeral, a base impoñible virá constituída polo importe total das cantidades que os xogadores ou as xogadoras dediquen á súa participación nos xogos. Establécense as seguintes regras especiais:

a) Nas rifas e tómbolas a base impoñible virá constituída polo importe total dos boletos ou billetes ofrecidos.

b) Nas combinacións aleatorias a base impoñible virá constituída polo valor dos premios ofrecidos. Para estes efectos entenderase por valor dos premios o valor de mercado destes, e incluirase así mesmo a suma de todos os gastos necesarios para a posta á disposición do premio.

c) Nas apostas a base impoñible poderá vir constituída:

c.1) Polo importe total dos billetes, boletos ou xustificantes de participación vendidos, calquera que sexa o medio a través do que se realizasen.

c.2) Pola diferenza entre a suma total das cantidades apostadas e o importe dos premios obtidos polos participantes no xogo.

d) Cando a participación en calquera dos xogos gravados por este tributo se realice, na súa totalidade ou en parte, mediante servizos de telecomunicación sobretarifados ou con tarifación adicional, a base impoñible virá determinada polo valor dos premios ofrecidos, e incluiranse así mesmo a suma de todos os gastos necesarios para a organización e realización do xogo e para a posta á disposición do premio e mais os importes percibidos correspondentes á sobretarifación da participación no xogo, excluído o imposto indirecto sobre o valor engadido ou calquera outro imposto indirecto deste carácter que grave as operacións realizadas.

Para a determinación das bases poderán ser empregados os réximes de estimación directa ou de estimación obxectiva, regulados na Lei xeral tributaria. Poderán igualmente determinarse, mediante convenios, servindo en todo caso como signos, índices ou módulos, o número e o valor dos billetes, boletos ou xustificantes de participación, calquera que sexa o medio a través do que se expedisen ou emitisen, o importe dos premios e as bases de poboación. Nos supostos de participación a través de medios técnicos, telemáticos, interactivos ou de forma remota, estes medios deberán conter o procedemento ou os elementos de control necesarios que garantan a exactitude na determinación da base impoñible. Para estes efectos, o suxeito pasivo deberá dispoñer dun sistema informático que lle permita á Administración tributaria o control telemático da xestión e o pagamento do tributo correspondente.

Tres. Tarifas.

1. Rifas e tómbolas.

a) As rifas e tómbolas tributarán con carácter xeral ao 10% do importe total dos boletos ou billetes ofrecidos.

b) Nas tómbolas de duración inferior a quince días organizadas con ocasión de mercados, feiras ou festas de ámbito local e sempre que os seus premios non excedan dun valor total de 3.000 euros, o suxeito pasivo poderá optar entre satisfacer a taxa conforme o tipo sinalado na letra a) anterior ou ben a razón de 300 euros por cada día de duración en capitais de provincia ou poboacións con máis de 75.000 habitantes, 210 euros en poboacións entre 15.000 e 75.000 habitantes e 90 euros por cada día de duración en poboacións inferiores a 15.000 habitantes.

2. Apostas.

Nas apostas o tipo será con carácter xeral dun 8,5%, aplicable á base impoñible establecida na letra c.1) da alínea Dous anterior. O tipo para as apostas deportivas ou de competición será dun 10%, aplicable á base impoñible establecida na letra c.2) da alínea Dous anterior.”

3. Combinacións aleatorias.

Nas combinacións aleatorias o tipo será do 12% do valor dos premios ofrecidos.

4. Participación en xogos mediante servizos de telecomunicación sobretarifados ou con tarifación adicional.

O tipo de gravame para calquera dos xogos gravados por este tributo nos que se participe, na súa totalidade ou en parte, mediante servizos de telecomunicación sobretarifados ou con tarifación adicional será do 12%, aplicable á base impoñible establecida na letra d) da alínea Dous anterior.

Catro. Devengo.

A taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, cando o seu rendemento lle corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, devengarase:

a) Nas rifas, tómbolas e combinacións aleatorias, ao concederse a autorización necesaria para a súa realización. En defecto de autorización, devengaranse cando se realicen, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde que procedesen.

b) Nas combinacións aleatorias que non precisen autorización e nas apostas, no momento en que se organicen ou se inicie a súa realización.”

Dous. Modifícase o artigo 20 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar.

Un. Exencións.

Quedan exentos do pagamento da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar os xogos excluídos do ámbito de aplicación da Lei reguladora do xogo de Galicia.

Dous. Base impoñible.

A base impoñible da taxa será a seguinte:

No caso do xogo en casinos ou do xogo da lotaría instantánea electrónica, virá constituída polos ingresos brutos que obteñan os suxeitos pasivos. Entenderase por ingresos brutos a diferenza entre o importe total dos ingresos obtidos procedentes do xogo e as cantidades satisfeitas aos xogadores ou ás xogadoras polas súas ganancias.

No xogo do bingo a base impoñible virá constituída pola suma total do satisfeito polos xogadores ou polas xogadoras pola adquisición dos cartóns ou polo valor facial destes.

Na modalidade de bingo electrónico, a base impoñible virá constituída polo importe anterior, descontada a parte destinada a premios.

Nos xogos e concursos difundidos mediante radio ou televisión e nos que a súa participación se realice, na súa totalidade ou en parte, mediante servizos de telecomunicación sobretarifados ou con tarifación adicional, a base impoñible virá determinada pola suma do valor dos premios e mais polas cantidades correspondentes á sobretarifación da participación no xogo.

No resto dos supostos a base impoñible virá constituída polas cantidades que os xogadores ou as xogadoras dediquen á súa participación nos xogos que se realicen nos distintos locais, en instalacións ou en recintos onde se realicen xogos de sorte, envite ou azar.

A base impoñible determinarase con carácter xeral por estimación directa. Nos supostos do bingo electrónico e dos xogos desenvolvidos a través da internet, por medios técnicos, telemáticos, interactivos ou dunha forma remota, estes medios deberán conter o procedemento ou os elementos de control necesarios que garantan a exactitude na determinación da base impoñible. Para estes efectos, o suxeito pasivo deberá dispoñer dun sistema informático que lle permita á Administración tributaria o control telemático da xestión e o pagamento do tributo correspondente.

A base impoñible poderá determinarse mediante estimación obxectiva por medio da aplicación das magnitudes, dos índices, dos módulos ou dos datos previstos regulamentariamente.

Tres. Tipos de gravame e cotas fixas.

1. Tipo xeral.

O tipo de gravame xeral será do 20%.

2. Casinos de xogo.

Nos casinos de xogo aplicarase a seguinte tarifa:

[figura]

3. Máquinas ou aparellos automáticos.

Nos casos de explotación de máquinas ou aparellos automáticos aptos para a realización dos xogos, a cota determinarase en función da clasificación das máquinas, realizada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, segundo as normas seguintes:

A. Máquinas tipo «A especial»: a contía que se debe pagar por este tipo de máquinas será a que resulte de multiplicar por 0,75 as contías sinaladas na letra B seguinte para as máquinas tipo «B» segundo proceda consonte as súas características. No caso de que o valor do premio non supere os 40 euros, a contía que se deberá pagar será de 500 euros.

B. Máquinas tipo «B» ou recreativas con premio:

a) Cota anual: 3.740 euros.

b) Cando se trate de máquinas ou aparellos automáticos tipo «B», nos que poidan intervir dous ou máis xogadores ou dúas ou máis xogadoras de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros, serán aplicables as seguintes cotas:

1. Máquinas ou aparellos de dous xogadores ou de dúas xogadoras: dúas cotas, de acordo co previsto na letra a).

2. Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores ou xogadoras: 7.640 euros, máis o resultado de multiplicar por 3.080 o produto do número de xogadores ou xogadoras polo prezo máximo regulamentario da partida.

c) No caso de homologación dunha máquina de tipo «B» cun prezo máximo de partida superior ao prezo máximo regulamentario de 0,20 euros, as cotas tributarias establecidas nas letras a) e b) anteriores incrementaranse en 18,80 euros por cada céntimo de euro no que se incremente o prezo máximo regulamentario.

d) No caso de modificación do prezo máximo regulamentario de 0,20 euros para a partida en máquinas de tipo «B» ou recreativas con premio, a cota tributaria anual correspondente incrementarase en 18,80 euros por cada céntimo de euro de diferenza entre os prezos máximos regulamentarios ou, se for o caso, entre o novo prezo máximo regulamentario e o prezo máximo de partida homologado.

C. Máquinas tipo «B especial»: a contía que se debe pagar por este tipo de máquinas será a que resulte de incrementar nun 25% as contías sinaladas na letra B anterior para as máquinas tipo «B» segundo proceda consonte as súas características.

D. Máquinas tipo «C» ou de azar: cota anual, 5.460 euros.

E. Calquera outro tipo de máquina apta para un único xogador ou para unha única xogadora: cota anual, 6.000 euros. Esta tarifa incrementarase en 4.000 euros por cada xogador ou xogadora de máis.

4. Bingo.

Nas modalidades do xogo do bingo diferentes ao bingo electrónico aplicarase o tipo de gravame do 20%.

Na modalidade do bingo electrónico aplicarase o tipo de gravame do 30%.

Catro. Devengo e período impositivo.

O devengo producirase con carácter xeral pola autorización e, no seu defecto, pola organización e/ou pola realización do xogo. Para aquelas autorizacións que permitan o desenvolvemento do xogo dun xeito continuado ao longo do tempo, o primeiro ano o devengo coincidirá coa data da autorización e os anos subseguintes co 1 de xaneiro de cada ano natural. Nestes casos o período impositivo coincidirá co ano natural.

No xogo do bingo o devengo producirase no momento da subministración dos cartóns de xogo ao suxeito pasivo. Na modalidade do bingo electrónico o devengo producirase consonte o disposto no parágrafo anterior.

Cando se trate de máquinas ou aparellos automáticos, as cotas serán esixibles por anos naturais, e producirase o devengo o 1 de xaneiro de cada ano natural para as autorizadas en anos anteriores e na data da autorización para as novas autorizacións.”

Artigo 5. Obrigas formais e normas procedementais.

Un. Modifícase o artigo 21 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Presentación de declaracións.

1. Sen prexuízo de que a persoa titular da consellaría competente en materia de facenda autorice o seu ingreso en entidades colaboradoras, as declaracións ou declaracións-liquidacións deberán presentarse directamente nos servizos de xestión tributaria das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de facenda ou nas oficinas liquidadoras de distrito hipotecario que, a cargo de rexistradores da propiedade, teñen encomendadas todas ou algunhas das funcións relativas á aplicación destes impostos.

2. A persoa titular da consellaría competente en materia de facenda poderá autorizar a presentación das anteditas declaracións ou declaracións-liquidacións por vía telemática, así como concertar acordos con outras administracións públicas ou coas entidades, coas institucións e cos organismos aos que se refire o artigo 92 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, para facer efectiva a colaboración social na presentación e no ingreso das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións mediante a utilización das técnicas e dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos. Mediante orde determinaranse os supostos e as condicións nos que os obrigados tributarios deberán presentar por medios telemáticos as súas declaracións, declaracións-liquidacións ou calquera outro documento con transcendencia tributaria.

3. Co obxecto de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes, a consellaría competente en materia de facenda, no ámbito das súas competencias, facilitará e impulsará a presentación telemática das escrituras públicas, e desenvolverá os instrumentos xurídicos, as técnicas e os medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para tal fin.

4. As declaracións ou declaracións-liquidacións presentaranse nos prazos e na forma que se determine mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.”

Dous. Modifícase o artigo 30 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 30. Liquidación e pagamento da taxa fiscal sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

Os suxeitos pasivos deberán presentar declaración dos feitos no prazo dun mes, contado desde o momento do devengo, na forma e ante o órgano da Administración tributaria determinados regulamentariamente.

A consellaría competente en materia de facenda aprobará, de ser o caso, os modelos mediante os que os suxeitos pasivos deberán declarar, autoliquidar e ingresar o importe correspondente na forma, no lugar e nos prazos que determine regulamentariamente. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e/ou autoliquidacións do tributo se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, se é o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.”

Tres. Modifícase o artigo 31 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 31. Liquidación e pagamento da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar.

Un. Máquinas.

1. Os suxeitos pasivos deberán presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellería competente en materia de facenda, unha declaración por cada máquina en explotación, e deberán autoliquidar e ingresar a cota anual legalmente establecida que corresponda á tipoloxía e ás características da autorización da máquina.

Nos casos de nova autorización ou de reinicio da explotación da máquina con autorización de explotación en situación de suspensión provisional na data do devengo, a cota que deberán autoliquidar os suxeitos pasivos será:

a) O 75% da cota anual, se a autorización ou a alta da autorización é posterior ao 31 de marzo do ano en curso.

b) O 50% da cota anual, se a autorización ou a alta da autorización é posterior ao 30 de xuño do ano en curso.

c) O 25% da cota anual, se a autorización ou a alta da autorización é posterior ao 30 de setembro do ano en curso.

2. Malia o disposto na alínea 1 anterior, os suxeitos pasivos poderán optar, no momento de formular a autoliquidación, polo fraccionamento do importe que se deba ingresar, en pagamentos fraccionados trimestrais iguais, e deberán ingresar os pagamentos trimestrais que estivesen vencidos no momento de presentar a autoliquidación, así como aprazar o ingreso dos restantes nos períodos de ingreso predeterminados por orde da consellaría competente en materia de facenda.

A opción polo fraccionamento e aprazamento sinalados no parágrafo anterior non precisará de achega e/ou constitución de garantía ningunha nin devengará xuros de mora. Serán requisitos para poder exercer a opción anterior:

a) Autoliquidar a cota anual vixente.

b) Presentar a autoliquidación no prazo regulamentariamente establecido por orde da consellaría competente en materia de facenda.

c) Domiciliar os pagamentos fraccionados aprazados.

Non será posible aprazar ou fraccionar os pagamentos fraccionados trimestrais. A presentación da solicitude non impedirá o inicio do período executivo nin o devengo das recargas correspondentes e dos xuros de mora, e considerarase incumprimento das obrigas tributarias para todos os efectos. O incumprimento do pagamento de calquera pagamento fraccionado terá os efectos sinalados na normativa xeral tributaria.

3. Nos casos en que para unha máquina en explotación se modificase algunha ou varias das características da súa autorización que supuxesen modificación da cota anual, con data de efectos posterior ao peche do prazo de presentación da autoliquidación á que se refire o punto 1 desta alínea Un, o suxeito pasivo deberá presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha declaración complementaria coa autoliquidación e co ingreso do importe total da diferenza entre a nova cota anual e a xa autoliquidada.

Para calcular a cota anual segundo as novas características da autorización de explotación da máquina terase en conta a data de efectos, do xeito que especifique a orde da consellaría competente en materia de facenda.

Os suxeitos pasivos poderán optar polo fraccionamento e aprazamento aos que se refire a punto 2 anterior cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades.

4. Cando un suxeito pasivo reinicie a explotación da máquina no segundo ou no terceiro trimestre do ano en curso coa intención de explotala como máximo ata a fin do terceiro trimestre, deberá presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha declaración complementaria coa autoliquidación e co ingreso:

a) Do 50% da cota anual, se o reinicio da explotación ten efectos para o segundo e o terceiro trimestre.

b) Do 25% da cota anual, se o reinicio da explotación ten efectos para o segundo ou o terceiro trimestre.

Malia o disposto na letra a), os suxeitos pasivos poderán optar polo fraccionamento e aprazamento aos que se refire o punto 2 anterior, cos mesmos requisitos, obrigacións e formalidades, e tendo en conta que o número de pagamentos trimestrais será de dous.

Para poder acollerse a este réxime deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que as máquinas se atopen na situación de suspensión provisional á data do 30 de setembro do ano anterior.

b) Que a autoliquidación na que se exerza a opción por este réxime se presente no prazo regulamentariamente establecido por orde da consellaría competente en materia de facenda. Deberase sinalar o número de trimestres nos que se vai manter a máquina en explotación.

Se o suxeito pasivo, unha vez exercida a opción por este réxime, decidise manter a máquina en explotación alén da data comprometida, deberá presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha declaración complementaria coa autoliquidación e co ingreso do importe total da diferenza entre a cota anual que procedese e a xa autoliquidada.

5. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e/ou autoliquidacións do tributo se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Dous. Casinos.

Os suxeitos pasivos deberán presentar, na forma, no lugar e nos prazos determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha autoliquidación por cada casino para o que teñan autorización.

A consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e/ou autoliquidacións do tributo se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Tres. Bingo.

Os suxeitos pasivos deberán presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, declaración mediante a que se autoliquidará o importe do tributo que corresponda.

A consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e/ou autoliquidacións do tributo se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Catro. Concursos e outros xogos de sorte, envite ou azar.

Os suxeitos pasivos deberán presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, declaración dos feitos impoñibles mediante a que se autoliquide o importe do tributo que corresponda.

A consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e/ou autoliquidacións do tributo se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos».

Catro. Modifícase o título do capítulo II do título III do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO II Obrigas formais»

Cinco. Modifícase o artigo 32 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 32. Obrigas formais dos notarios.

Un. O cumprimento das obrigas formais dos notarios, recollidas no artigo 32.2 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e no artigo 52 do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, realizarase no formato e nos prazos que determine a consellaría competente en materia de facenda. A remisión desa información poderá realizarse tamén mediante transmisión por vía telemática nas condicións e no deseño que aprobe a devandita consellaría.

Dous. Co fin de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes e mais o acceso telemático dos documentos aos rexistros públicos, os notarios destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, en colaboración co Consello Xeral do Notariado, remitiranlle por vía telemática á consellaría competente en materia de facenda unha declaración informativa notarial comprensiva dos elementos básicos da escritura e confeccionada cos datos existentes no índice único informatizado notarial ao que se refire o artigo 17 da Lei do notariado, do 28 de maio de 1862. A declaración informativa notarial ou ficha notarial deberá reproducir fielmente os elementos básicos da escritura, sobre todo aqueles que teñan relevancia para efectos tributarios, e o notario velará pola máis estrita veracidade da ficha, así como pola súa correspondencia cos documentos públicos autorizados e intervidos, e será responsable de calquera discrepancia que exista entre aquela e estes. Tamén deberán remitir, por solicitude da consellaría competente en materia de facenda, copia electrónica destas fichas, conforme o disposto na lexislación notarial.

A ficha resumo notarial substituirá o documento notarial nos supostos que determine por orde a consellaría competente en materia de facenda, que, ademais, establecerá os procedementos, a estrutura e os prazos nos que debe ser remitida a información.

Tres. Co fin de facilitar o debido control do cumprimento das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos dos tributos sobre o xogo, os notarios destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, en colaboración co Consello Xeral do Notariado, deberanlle remitir por vía telemática á consellaría competente en materia de facenda unha declaración informativa notarial comprensiva dos elementos que teñan relevancia para efectos tributarios das bases de todos os xogos, concursos ou sorteos que sexan depositadas ante eles e que teñan como ámbito territorial máximo a Comunidade Autónoma de Galicia, así como da resolución deles. O notario velará pola máis estrita veracidade da ficha, así como pola súa correspondencia coas bases, coa información ou cos documentos públicos depositados ante eles, e será responsable de calquera discrepancia que exista entre aquela e estes. Tamén deberán remitir, por solicitude da consellaría competente en materia de facenda, copia electrónica destas fichas, conforme o disposto na lexislación notarial.

A consellaría competente en materia de facenda establecerá os procedementos, a estrutura, o formato, os prazos e as condicións nos que debe ser remitida a información».

Seis. Engádese un novo artigo 34 ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

«Artigo 34. Subministración de información polas entidades que realicen poxas de bens mobles.

As empresas que realicen poxas de bens mobles deberán remitir semestralmente unha declaración coa relación das transmisións de bens nas que interviñesen relativas ao semestre anterior. Esta relación deberá comprender os datos de identificación do transmitente e o adquirente, a data da transmisión, unha descrición do ben poxado e o prezo final de adxudicación.

A consellaría competente en materia de facenda determinará os modelos de declaración e os prazos de presentación, o contido da información que se debe remitir, así como as condicións nas que a presentación mediante soporte directamente lexible por ordenador ou mediante transmisión por vía telemática será obrigatoria. En ambos os dous casos, estas declaracións terán a consideración de tributarias para todos os efectos regulados na Lei xeral tributaria.”

Sete. Engádese un novo artigo 35 ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

«Artigo 35. Obrigas formais dos operadores que presten servizos de tarifación adicional e dos operadores de rede de servizos de tarifación adicional.

Co fin de facilitar o debido control do cumprimento das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos dos tributos sobre o xogo, os operadores de servizos de tarifación adicional e os operadores de rede de servizos de tarifación adicional que presten estes servizos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia deberanlle remitir por vía telemática á consellaría competente en materia de facenda unha declaración informativa comprensiva dos elementos que teñan relevancia para efectos tributarios de cada un dos contratos realizados con titulares de números destinados a prestar servizos de ocio e entretemento que promovan xogos, concursos ou sorteos que teñan como ámbito territorial máximo a Comunidade Autónoma de Galicia.

A consellaría competente en materia de facenda establecerá os procedementos, a estrutura, o formato, os prazos e as condicións en que debe ser remitida a declaración informativa ».

Oito. Engádese un novo artigo 36 no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

«Artigo 36. Obrigas formais dos operadores que presten servizos de comunicacións electrónicas.

Co fin de facilitar o debido control do cumprimento das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos dos tributos sobre o xogo, os operadores que presten servizos de comunicacións electrónicas deberán remitirlle por vía telemática á consellaría competente en materia de facenda unha declaración informativa comprensiva dos elementos que teñan relevancia para efectos tributarios de cada un dos contratos realizados con titulares de espazos web destinados a prestar servizos de ocio e entretemento que promovan xogos, concursos ou sorteos que teñan como ámbito territorial máximo a Comunidade Autónoma de Galicia.

A consellaría competente en materia de facenda establecerá os procedementos, a estrutura, o formato, os prazos e as condicións en que debe ser remitida a declaración informativa ».

Artigo 6. Modificación das disposicións derradeiras do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

Un. Modifícase a disposición derradeira primeira do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa.

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario deste texto refundido e autorizará a consellaría competente en materia de facenda para aprobar as disposicións que sexan precisas para a súa aplicación”.

Dous. Modifícase a disposición derradeira segunda do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Disposición derradeira segunda. Leis de orzamentos.

As leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderán modificar as disposicións contidas neste texto refundido».

Tres. Modifícase a disposición derradeira terceira do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Disposición derradeira terceira. Vixencia temporal de determinados beneficios fiscais.

Os tipos de gravame previstos nas alíneas Tres, para o suposto descrito no seu epígrafe 1.b), Cinco e Seis do artigo 14, e nas alíneas Tres, para o suposto descrito no seu epígrafe 1.b), e Seis do artigo 15 serán aplicables ata o 31 de decembro de 2011. Este prazo poderá ser prorrogado polas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.”

CAPÍTULO II Tributos propios

Artigo 7. Imposto sobre o bingo.

Un. Modifícase o artigo 3 da Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Base impoñible.

A base impoñible virá constituída pola suma total do satisfeito polos xogadores ou polas xogadoras pola adquisición dos cartóns ou polo valor facial destes.

Na modalidade de bingo electrónico, a base impoñible virá constituída polo importe anterior, unha vez descontada a parte destinada a premios».

Dous. Modifícase o artigo 5 da Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Tipo de gravame.

Nas modalidades do xogo do bingo diferentes ao bingo electrónico aplicarase o tipo de gravame do 5%.

Na modalidade do bingo electrónico aplicarase o tipo de gravame do 7,5%».

Artigo 8. Taxas.

Introdúcense as seguintes modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente:

1. Introdúcese unha nova alínea no artigo 26, coa redacción que se transcribe a seguir, que será numerada como alínea 3, e a actual alínea 3 será renumerada como 4:

«3. Os beneficiados polas obras de regulación dos recursos hídricos xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia e financiadas total ou parcialmente con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia satisfarán a tarifa 68 da modalidade de actuacións profesionais incluída no anexo 3, coa finalidade de compensar os custos do investimento que soporte a devandita administración e de atender os gastos de explotación e conservación de tales obras».

2. Introdúcese unha nova alínea no artigo 27, coa redacción que se transcribe a seguir, que será numerada como alínea 5, e a actual alínea 5 será renumerada como 6:

«5. Na tarifa 68 da modalidade de actuacións profesionais contida no anexo 3, serán suxeitos pasivos as persoas naturais ou xurídicas, así como as entidades ás que se refire a alínea 2 deste artigo, beneficiadas polas obras de regulación.

As entidades subministradoras de auga potable beneficiadas pola regulación de augas superficiais, con captacións situadas augas abaixo das presas xestionadas por Augas de Galicia e/ou que capten directamente do encoro, serán suxeitos pasivos desta tarifa sempre que non teñan asumida a explotación, a conservación e o mantemento destas presas e actúen con carácter oneroso».

3. Substitúese na alínea 4 do artigo 30 a expresión «Os informes de avaliación dos ensaios clínicos ou estudos postautorización con medicamentos de uso humano ou produtos sanitarios ...» pola expresión «Os informes de avaliación dos ensaios clínicos con medicamentos de uso humano ou produtos sanitarios, ou estudos postautorización de seguimento prospectivo, así como outros estudos neste ámbito ...».

4. Introdúcese unha nova alínea no artigo 31, coa redacción que se transcribe a seguir, que será numerada como alínea 3, e a actual alínea 3 será renumerada como 4:

«3. A obriga de satisfacer a tarifa 68 da modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3, ten carácter periódico e anual e nace no momento en que se produza a mellora ou o beneficio dos usos ou bens afectados».

5. Modifícase o artigo 32, ao que se lle engade o seguinte parágrafo:

«A contía da tarifa 68 da modalidade de actuacións profesionais da taxa por servizos profesionais contida no anexo 3 fixarase para cada exercicio orzamentario sumando as seguintes cantidades:

a) O total previsto de gastos de funcionamento e de conservación das obras realizadas.

b) Os gastos de administración do organismo xestor, imputables ás devanditas obras.

c) O 4% do valor dos investimentos realizados pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, debidamente actualizado, tendo en conta a amortización técnica das obras e instalacións e a depreciación da moeda.

A distribución individual do antedito importe global entre todos os beneficiados polas obras realizarase consonte criterios de racionalización do uso da auga, equidade na repartición das obrigas e autofinanciamento do servizo.

No caso de entidades subministradoras de auga potable, imputarase a cantidade total das tres alíneas anteriores en función do volume total da auga captada, expresada en metros cúbicos».

6. Modifícase o artigo 42, ao que se lle engade unha alínea 4 coa seguinte redacción:

«4. No caso da tarifa 05, contida no anexo 5, será aplicable o seguinte:

a) A base sobre a que se aplican os tipos de gravame establecidos na alínea 01, así como as bases sectorial e adicional contidas na alínea 02, para o caso de servizos executados a través de canalizacións de titularidade da Administración autonómica, actualizaranse anualmente segundo o coeficiente de actualización que se estableza na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano.

b) Na tarifa contida na alínea 01, cando se empreguen procedementos de licitación pública para o outorgamento de concesións, os pregos de bases poderán conter, entre os criterios para a súa resolución, o de que os licitadores oferten importes adicionais aos establecidos para esta taxa. Neste caso, o tipo de gravame da taxa virá determinado pola suma de dous compoñentes».

7. Engádeselle unha disposición transitoria coa redacción que se transcribe a seguir, polo que a actual disposición transitoria única quedaría denominada como disposición transitoria primeira:

«Disposición transitoria segunda. Obras de regulación de recursos hídricos.

Para os investimentos en obras de regulación feitos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2012, a obriga de satisfacer a tarifa 68 da modalidade de actuacións profesionais da taxa por servizos profesionais contida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, nace o 1 de xaneiro de 2012».

8. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 01 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

9. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 03 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

10. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 07 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

11. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 08 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

12. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 14 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B» por “Máquinas tipo «B» ou «B especial».

13. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 15 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

14. Modifícase a subalínea 16 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

15. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 17 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

16. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 18 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «C»” por “Máquinas tipo «C» ou «B especial»”.

17. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 19 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

18. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 20 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

19. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 21 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por «Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

20. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 23 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Autorización de instalación do centro de control do sistema de interconexión de máquinas de xogo tipo «B» ou «B especial» entre salóns ou bingos».

21. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 24 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Autorización de instalación do centro de control do sistema de interconexión de máquinas de xogo tipo «C» ou «B especial» entre casinos».

22. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 26 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

23. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 27 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

24. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 28 da alínea 07 do anexo 1, na que se substitúe “Máquinas tipo «B»” por “Máquinas tipo «B» ou «B especial»”.

25. Engádeselle a subalínea 29 á alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

26. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 08 da alínea 10 do anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

27. Engádenselle as subalíneas 17, 18, 19, 20 e 21 á alínea 10 do anexo 1, que quedan redactadas como segue:

[figura]

28. Suprímese a subalínea 09 da alínea 11 do anexo 1.

29. Modifícase a denominación da alínea 13 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Rifas, tómbolas, combinacións aleatorias e lotarías».

30. Modifícase a subalínea 05 da alínea 17 do anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

31. Modifícase a subalínea 06 da alínea 17 do anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

32. Modifícase na subalínea 03 da alínea 20 do anexo 1 a denominación dos títulos de «Conservación e restauración de bens culturais», «Superior de música», «Deseño» e «Superior de arte dramática», contidos na primeira columna da táboa, que quedan denominados como «Graduada/o en conservación e restauración de bens culturais», «Graduada/o en música », «Graduada/o en deseño» e «Graduada/o en arte dramática», respectivamente.

33. Engádenselle as subalíneas 03, 04, 05 e 06 á alínea 22 do anexo 1, que quedan redactadas como segue:

[figura]

34. Modifícase a denominación da tarifa contida na alínea 23 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Devolución, substitución ou modificación de fianzas constituídas por actividades de xogo».

35. Modifícanse as letras a) e b) contidas na alínea 27 do anexo 1, que quedan redactadas como segue:

[figura]

36. Engádeselle a alínea 49 ao anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

37. Engádeselle a alínea 50 ao anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

38. Engádeselle a alínea 51 ao anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

39. Engádeselle a alínea 52 ao anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

40. Engádeselle a alínea 53 ao anexo 1, que queda redactada como segue:

[figura]

41. Modifícase a subalínea 06 da alínea 04 do anexo 2, que queda redactada como segue:

[figura]

42. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 08 da alínea 04 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Explotación de datos estatísticos oficiais incluídos nesta alínea».

43. Engádese a subalínea 09 á alínea 04 do anexo 2, que queda redactada como segue:

[figura]

44. No cadro incluído na subalínea 01 da alínea 08 do anexo 2 modifícanse as categorías de gando vacún, de forma que onde pon «Vacúns pesados (máis de 24 meses)», «Vacúns novos (de 24 meses ou menos)», pasará a poñer «Vacúns pesados (máis de 218 kg/canal)» e «Vacúns novos (menos de 218 kg/canal)», respectivamente.

45. Modifícase a denominación da subalínea 01 da alínea 10 do anexo 2, que pasa a denominarse «Expedición e/ou modificación da autorización sanitaria de funcionamento».

46. Suprímese a subalínea 02 da alínea 10 do anexo 2.

47. Suprímese a tarifa aplicable á renovación da inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia na subalínea 13 da alínea 12 do anexo 2.

48. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 01 da alínea 19 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Clasificación e calquera tipo de cambio ou reforma substancial respecto das condicións nas que fose outorgada a clasificación de establecementos hoteleiros e extrahoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, albergues turísticos e turismo rural».

49. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 05 da alínea 19 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Clasificación e calquera tipo de cambio ou reforma substancial respecto das condicións nas que fose outorgada a clasificación de restaurantes, cafetarías e furanchos».

50. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 06 da alínea 19 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Expedición da habilitación de guía de turismo de Galicia».

51. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 07 da alínea 19 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Inscrición para participar nos exames para a habilitación de guía de turismo de Galicia».

52. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 08 da alínea 19 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Renovación das habilitacións de guía de turismo de Galicia».

53. Modifícase a alínea 27 do anexo 2, que queda redactada como segue:

[figura]

54. No cadro incluído na subalínea 01 da alínea 36 do anexo 2 modifícanse as tarifas correspondentes ao grupo de «Ovinos, caprinos e outros ruminantes», que queda redactado como segue:

[figura]

55. Modifícase a redacción da alínea 41 do anexo 2, de xeito que a expresión «Centros colaboradores homologados para impartir cursos de formación ocupacional» queda substituída por «Centros colaboradores para impartir cursos de formación para o emprego».

56. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 02 da alínea 41 do anexo 2, de xeito que a expresión «Homologación de novas especialidades formativas (por cada especialidade)» queda substituída por «Inscrición ou acreditación de novas especialidades formativas (por cada especialidade)».

57. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 19 da alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Cambio de titularidade ou ampliación/redución nos campos de actuación dun organismo de control: o 50% da subalínea 15».

58. Modifícase a subalínea 22 da alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

59. Modifícase a subalínea 23 da alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

60. Engádeselle a subalínea 24 á alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

61. Engádeselle a subalínea 25 á alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

62. Modifícase a denominación da tarifa contida na alínea 18 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Autorización de instalacións de transporte e distribución de enerxía eléctrica e gas».

63. Modifícase a subalínea 09 da alínea 36 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

64. Modifícase a subalínea 10 de alínea 36 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

65. Engádeselle a subalínea 06 á alínea 37 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

66. Modifícase a denominación da alínea 39 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Talleres de tacógrafos e de limitadores de velocidade».

67. Modifícase a denominación da tarifa contida na subalínea 02 da alínea 39 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

68. Modifícase a alínea 51 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

69. Suprímese a subalínea 01 da alínea 58 do anexo 3.

70. Modifícase a redacción da alínea 59, contida no anexo 3, coa substitución da expresión «Informe de avaliación de ensaios clínicos e de estudos postautorización para medicamentos de uso humano e produtos sanitarios» pola de «Informe de avaliación de ensaios clínicos con medicamentos de uso humano ou produtos sanitarios, de estudos postautorización de seguimento prospectivo e doutros estudos neste ámbito».

71. Modifícase a denominación da subalínea 01 da alínea 59 do anexo 3 coa substitución da expresión «Avaliación de novos ensaios clínicos, actuando o CEIC de Galicia como implicado» pola de «Avaliación de novos ensaios clínicos con medicamentos de uso humano ou produtos sanitarios, coa actuación do CEIC de Galicia como implicado».

72. Modifícase a denominación da subalínea 02 da alínea 59 do anexo 3 coa substitución da expresión «Avaliación de novos ensaios clínicos, actuando o CEIC de Galicia como CEIC de referencia» pola de «Avaliación de novos ensaios clínicos, con medicamentos ou produtos sanitarios, coa actuación do CEIC de Galicia como CEIC de referencia».

73. Modifícase a denominación da subalínea 03 da alínea 59 do anexo 3, de xeito que onde di: «Avaliación de novos estudos postautorización, por avaliación global», deberá dicir: «Avaliación de novos estudos postautorización de seguimento prospectivo, por avaliación global».

74. Modifícase a denominación da subalínea 04 da alínea 59 do anexo 3 coa substitución da expresión «Modificacións relevantes aos protocolos de ensaios clínicos aprobados » pola de «Modificacións relevantes aos protocolos de ensaios clínicos con medicamentos de uso humano ou produtos sanitarios aprobados».

75. Engádeselle a subalínea 05 á alínea 59, contida no anexo 3, coa seguinte redacción:

[figura]

76. Modifícase a alínea 62 do anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

77. Modifícase a redacción da alínea 63 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Dirección dos contratos de servizo en materia de augas e infraestruturas».

78. Engádeselle a alínea 68 ao anexo 3, que queda redactada como segue:

[figura]

79. Engádeselle a alínea 05 ao anexo 5, que queda redactada como segue:

«05 Dominio público viario

01 Utilización privativa ou ocupación do dominio público viario

Constitúe a base impoñible o valor de mercado do ben ou bens de dominio público viario obxecto da utilización privativa ou da ocupación do dominio público viario. Para estes efectos, tomaranse como valores de mercado os seguintes:

– Solo en situación urbanizada: 45,80 €/metros cadrados.

– Solo en situación rural: 12,30 €/metros cadrados.

Tendo en conta a relevancia e a conexión coas finalidades propias do órgano ao que está adscrito o dominio público viario, o predominio desas finalidades ou de fins económicos na actividade desenvolvida e o grao de utilidade pública derivada da utilización privativa ou da ocupación do dominio público viario, en cada caso, o tipo de gravame aplicable fíxase nas seguintes porcentaxes:

– Instalacións en superficie para a prestación dun servizo público de interese xeral: 4%.

– Instalacións en superficie para a conexión a un servizo público de interese xeral: 3%.

– Obras de acceso á estrada: 3%.

– Instalacións provisionais por prazo fixado: 2%.

Cando se empreguen procedementos de licitación pública para o outorgamento de concesións, os pregos de bases poderán conter, entre os criterios para a súa resolución, o de que os licitadores oferten importes adicionais aos establecidos para esta taxa. Neste caso, o tipo de gravame da taxa virá determinado pola suma de dous compoñentes:

– A porcentaxe vixente no momento do devengo.

– A mellora determinada polo adxudicatario na proposición sobre a que se realiza a concesión, expresada en puntos porcentuais.

02 Aproveitamento especial do dominio público viario

Constitúe a base impoñible a utilidade derivada do aproveitamento especial do dominio público viario. Para estes efectos, establécese como base impoñible a que se obtén da seguinte fórmula:

[figura]

[figura]

[figura]

O tipo de gravame aplicable nos supostos de aproveitamento especial será do 100%.

80. Modifícase a regra sexta da tarifa X-5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Sexta. A contía da tarifa estará composta polos seguintes conceptos:

A) Pola utilización das augas dos portos e mais das instalacións portuarias.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos específicos.

O importe da tarifa X-5 será o resultado da suma dos conceptos A), B) e C) indicados anteriormente que lle sexan aplicables en función dos servizos prestados.

A contía dos conceptos dos que se compón a tarifa X-5, por metro cadrado arredondado por exceso e por día natural ou fracción, será a seguinte:

A) Pola utilización das augas do porto e mais das instalacións portuarias:

Zona I: 0’034893 euros.

Zona II: 0’020935 euros.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións:

1. Atracada en punta: 0’038380 euros.

2. Atracada de costado: 0’095952 euros.

3. Atracada a banqueta ou dique: 0’019191 euros.

4. Ancoraxe: 0’038380 euros.

5. Embarcacións en seco: 0’081416 euros.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos específicos:

1. Por cada finger en cada posto de atracada: 0’016282 euros.

2. Por brazo de amarre ou por tren de ancoraxe para amarre por popa de embarcacións atracadas: 0’008142 euros.

3. Toma de auga: 0’005815 euros.

4. Toma de enerxía eléctrica: 0’005815 euros.

Cando o organismo portuario acoute especificamente zonas do porto para ancoraxe ou depósito de embarcacións deportivas, as contías das alíneas 4 e 5 do concepto B) terán unha bonificación do 50%, sempre que previamente se solicitasen os correspondentes servizos a Portos de Galicia.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións de paso no porto serán as anteriormente indicadas multiplicadas por 1’5.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións tradicionais menores ou iguais a 2 TRB serán as anteriormente indicadas cunha bonificación do 25%. Para as restantes embarcacións tradicionais, serán as anteriormente indicadas cunha bonificación do 90%.

Consideraranse embarcacións tradicionais aquelas nas que no seu proceso construtivo utilizasen técnicas artesanais e que teñan un interese identitario ou patrimonial; e pódese distinguir entre embarcacións orixinais –aquelas construídas con anterioridade ao ano 1950, seguindo deseños ancestrais en liñas, materiais e técnicas construtivas– e réplicas –aquelas embarcacións construídas de forma exacta ás orixinais, aplicando os mesmos deseños, materiais e técnicas construtivas ca aquelas–.

Enténdese por ancoraxe a dispoñibilidade dunha superficie de espello de auga destinada para tal fin e debidamente autorizada.

Enténdese por atracada en punta a dispoñibilidade dun elemento de amarre fixo a embarcadoiro, peirao, banqueta ou dique que permita fixar un dos extremos (proa ou popa) da embarcación.

Enténdese por embarcación en seco aquela que permaneza nas instalacións portuarias, fóra da lámina de auga, tanto en estadía transitoria non dedicada a invernada coma en estadías prolongadas en zonas habilitadas para tal fin.

Enténdese por dispoñibilidade dos servizos de auga e enerxía, das alíneas 3 e 4 do concepto C), a existencia nas proximidades do punto de atracada, a peirao ou a embarcadoiro, de tomas de subministración de auga ou enerxía, con independencia do aboamento da tarifa E-3 que lle sexa aplicable polos consumos efectuados».

Artigo 9. Canon da auga.

Un. Modifícase a letra c) da alínea 2 do artigo 47 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:

«c) Os suxeitos pasivos aos que lles resulte aplicable a Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, polos usos da auga gravados polo devandito imposto».

Dous. Engádense unhas novas letras d) e e) na alínea 2 do artigo 47 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co seguinte contido:

«d) Os usos destinados a unha unidade de convivencia independente que acrediten, nas condicións que regulamentariamente se establezan, estar en situación de exclusión social, de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. A exención terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte ao da súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación, no caso de fontes propias.

e) Os usos da auga por parte de entidades de iniciativa social, tanto públicas coma privadas, sen ánimo de lucro, realizados en centros que presten servizos directos a persoas en risco ou en situación de exclusión social, de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. A exención terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte ao da súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación, no caso de fontes propias».

Tres. Modifícase o artigo 61 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 61. Usos de auga en acuicultura e depuradores de moluscos.

1. A cota do canon resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa da cota será de 2,50 euros por contribuínte e mes.

3. Nos usos da auga procedentes de captacións do dominio público marítimo-terrestre realizados en acuicultura, a parte variable da cota calcularase a partir da produción segundo o tipo de gravame de 5 €/Tm.

4. Nos usos da auga procedentes de captacións do dominio público hidráulico realizados en acuicultura, cando o volume de auga captado, determinado consonte o establecido no artigo 48 desta lei, sexa superior aos 100.000 metros cúbicos, a parte variable da cota calcularase a partir da produción segundo o tipo de gravame de 5 €/Tm. Nestes supostos non será aplicable o coeficiente de uso establecido no artigo 56.

5. O tipo de gravame da parte variable nas augas mariñas en depuradores de moluscos será de 0,001 €/metros cúbicos».

Artigo 10. Coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais.

Un. Modifícase a alínea 3 do artigo 66 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:

«3. As normas de aplicación do canon da auga previstas nos artigos 62 a 65 desta lei, así como os artigos 46 e 47, rexen igualmente para a aplicación do coeficiente de vertedura. A repercusión do coeficiente de vertedura por parte das entidades subministradoras nas súas facturas recibo deberase levar a cabo de forma diferenciada da do canon da auga».

Dous. Engádese unha nova alínea 4 no artigo 66 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co seguinte contido:

«4. Nos supostos de contribuíntes que non se abastezan de entidade subministradora, as entidades prestadoras do servizo de sumidoiros terán a condición de suxeitos pasivos substitutos de contribuínte, e estarán obrigadas a repercutirlle o coeficiente de vertedura ao contribuínte, quen queda obrigado a soportalo, ao mesmo tempo que a contraprestación correspondente ao servizo de sumidoiros, así como a cumprir o resto das obrigas establecidas neste título ás entidades subministradoras de auga. Esta obriga estenderáselles ás prestacións do servizo non facturadas, que se liquidarán nos mesmos termos cós indicados para as subministracións non facturadas no artigo 63».

Tres. Modifícase o artigo 70 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 70. Cota tributaria.

A cota tributaria do coeficiente de vertedura resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable, determinadas consonte o previsto nos artigos 52 a 61 desta lei, agás o previsto no artigo 53.7».

Catro. Engádese unha nova disposición transitoria sétima á Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición transitoria sétima. Primeiro ano de aplicación do coeficiente de vertedura.

Nos supostos de instalacións de depuración que no momento da entrada en vigor do regulamento que desenvolva o coeficiente de vertedura estean xestionadas pola Administración hidráulica de Galicia ou por un consorcio no que esta participe, a cota do coeficiente de vertedura verase afectada por un factor de 0,5 durante o ano 2012».

Artigo 11. Xestión das débedas polos tributos sobre a auga.

Modifícase a disposición adicional décimo cuarta da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décimo cuarta. Anulación e non-liquidación de débedas polos tributos establecidos nesta lei.

A non-liquidación de débedas ou a anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas en concepto de canon da auga e de coeficiente de vertedura cando a súa execución resulte antieconómica regularase consonte o disposto no artigo 23.5 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999. Para estes efectos, o órgano xestor destes tributos fará unha memoria económica que xustifique e determine o límite de antieconomicidade no que se considere que se produce aquel efecto para cada un dos tributos sinalados. A memoria deberá serlle remitida á consellaría competente en materia de facenda, que, en atención á política xeral na materia, dispoñerá o límite cuantitativo mediante a normativa correspondente».

TÍTULO II Medidas administrativas

CAPÍTULO I Réxime orzamentario das entidades do sector público

Artigo 12. Orzamentos dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas.

Un. Modifícase o título do capítulo IV do título III do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO IV Normas de especial aplicación para os organismos autónomos e para as axencias públicas autonómicas»

Dous. Modifícase o artigo 82 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«Artigo 82. Orzamentos dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas.

1. Dos orzamentos dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas formarán parte os seguintes estados financeiros:

a) Conta de operacións comerciais, se é o caso.

b) Estado demostrativo da variación do fondo de manobra.

c) Conta financeira con resultado en termos de contabilidade nacional.

2. O resultado que derive dos estados financeiros correspondentes ás letras a) e b) da alínea anterior terá o adecuado reflexo no orzamento de ingresos do organismo autónomo ou da axencia pública autonómica respectiva.

3. As operacións propias da actividade específica destes entes instrumentais, recollidas na conta de operacións comerciais, non estarán sometidas ao réxime de limitacións establecido no artigo 56 desta lei para os créditos incluídos nos estados de gastos dos seus orzamentos.

4. A consellaría competente en materia de facenda establecerá as estruturas dos estados financeiros indicados adaptados ás súas distintas especialidades, así como os criterios xerais que se aplicarán para a imputación de gastos á conta de operacións comerciais, segundo o principio xeral de que, agás os gastos xerais de persoal, se lle poderán imputar a esta todos aqueles gastos que forman parte directa ou indirectamente do custo dos produtos vendidos, dos servizos prestados ou dos bens producidos.

5. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural, sen prexuízo dos axustes necesarios cando as operacións que realicen os organismos autónomos e as axencias públicas autonómicas estean vinculadas a un ciclo produtivo distinto, que non poderá ser superior a doce meses».

Artigo 13. Réxime orzamentario das entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo.

Un. Modifícase o título do capítulo V do título III do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO V Normas de especial aplicación ás entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo»

Dous. Engádese un novo artigo 82 bis ao texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, co seguinte contido:

«Artigo 82 bis. Orzamento.

1. Son entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo as entidades públicas empresariais, as sociedades mercantís públicas autonómicas, as fundacións do sector público autonómico, os consorcios públicos autonómicos e demais entidades instrumentais do sector público autonómico non recollidas no orzamento consolidado.

2. As devanditas entidades elaborarán un orzamento de explotación que detallará os recursos e as dotacións anuais correspondentes. Así mesmo, formarán un orzamento de capital co mesmo detalle.

Os orzamentos de explotación e de capital integraranse nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Os orzamentos de explotación e de capital estarán constituídos por unha previsión da conta de resultados e do cadro de financiamento do correspondente exercicio. Como anexo aos devanditos orzamentos, engadirase unha previsión do balance da entidade, así como a documentación complementaria que determine a Consellería de Facenda.

3. As entidades remitirán os orzamentos e os anexos sinalados na alínea anterior, referidos ao exercicio relativo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, á liquidación do último exercicio pechado e ao avance da liquidación do exercicio corrente.

4. Xunto cos orzamentos de explotación e de capital, as entidades remitirán unha memoria explicativa do seu contido, da execución do exercicio anterior e da previsión da execución do exercicio corrente».

Artigo 14. Plan de actuación, investimentos e financiamento.

Modifícase o artigo 83 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«Artigo 83. Plan de actuación, investimentos e financiamento.

1. As entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo consonte o disposto no artigo 82 bis desta lei formularán e actualizarán, de xeito anual, un plan de actuación, investimentos e financiamento.

2. Non están obrigadas a presentar o devandito plan aquelas entidades instrumentais que, de acordo co disposto na normativa contable vixente, poidan presentar balance abreviado, agás que reciban con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma subvencións de explotación ou de capital ou outra achega de calquera natureza. Tampouco terán que presentar o plan de actuación, investimentos e financiamento as fundacións do sector público autonómico.

3. As entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo que posúan, directa ou indirectamente, a maioría do capital social dunha ou varias sociedades mercantís deberán presentar os seus orzamentos de explotación e capital e, se é o caso, os seus plans de actuación, investimentos e financiamento de xeito individual e consolidado coas devanditas sociedades mercantís, relacionando as sociedades obxecto de presentación consolidada. Esta norma non se lles aplicará a aquelas sociedades mercantís autonómicas que, á súa vez, estean participadas maioritariamente, de xeito directo ou indirecto, por outra entidade que deba elaborar os orzamentos de explotación e de capital».

Artigo 15. Definición, contido e tramitación.

Modifícase o artigo 84 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«Artigo 84. Definición, contido e tramitación do plan de actuación, investimentos e financiamento.

1. O plan de actuación, investimentos e financiamento é a expresión plurianual da estratexia, das actuacións e do financiamento dun ente instrumental. Nel concretarase como desenvolverá o seu obxecto a medio prazo e como contribuirá a acadar os obxectivos dos programas orzamentarios que o financian, se é o caso.

Este plan estará integrado polos orzamentos e anexos determinados no artigo 82 bis desta lei, e, xunto coa documentación indicada na alínea seguinte, reflectirá os datos económico-financeiros previstos para o exercicio que atinxe ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e aos dous exercicios seguintes, segundo as liñas estratéxicas e os obxectivos definidos para a entidade.

2. O devandito plan conterá a información de carácter complementario seguinte:

a) Hipótese da evolución dos principais indicadores macroeconómicos que servisen de base para a elaboración do plan de actuación, investimentos e financiamento, que, salvo excepción motivada, será a contida na envolvente económico-financeira do orzamento.

b) Premisas principais de formulación do plan, consonte as liñas estratéxicas da entidade.

c) Previsións plurianuais dos obxectivos que hai que acadar e indicadores de seguimento destas.

d) Memoria das principais actuacións da entidade.

e) Programa de investimentos.

f) Plan financeiro do período, que cuantificará os recursos e as fontes externas de financiamento.

g) A restante documentación que determine a consellaría competente en materia de facenda.

3. Os orzamentos de explotación e de capital remitiránselle, polas entidades instrumentais con orzamento estimativo, conxuntamente co plan de actuación, investimentos e financiamento actualizado, á consellaría á que estean adscritos, para a súa posterior remisión, antes do 10 de xullo de cada ano, á consellaría competente en materia de facenda. A estrutura básica e a documentación complementaria dos anteditos documentos establecerase pola consellaría competente en materia de facenda.

4. O plan de actuación, investimentos e financiamento someterase ao acordo do Consello da Xunta de Galicia antes do 1 de maio de cada ano, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de facenda. Para estes efectos, as entidades elaborarán oportunamente as adaptacións que sexan precisas, dimanantes do proceso de aprobación polo Parlamento de Galicia dos seus orzamentos de explotación e de capital, e remitiranas á consellaría competente en materia de facenda a través do departamento do que dependan.

5. Cando unha consellaría non remitise en tempo e forma o plan de actuación, investimentos e financiamento dalgunha das entidades instrumentais que tivese adscritas, entenderase que está prorrogado o último presentado. Porén, axustaranse as transferencias de funcionamento en función das normas de prórroga previstas no artigo 54 desta lei».

Artigo 16. Modificacións orzamentarias.

Modifícase o artigo 85 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«Artigo 85. Modificacións orzamentarias.

1. As entidades instrumentais con orzamento estimativo dirixirán o seu funcionamento á consecución dos obxectivos recollidos nos seus orzamentos de explotación e de capital e nos seus programas de actuación, investimentos e financiamento, se é o caso. Estes obxectivos deben ser coherentes cos do programa que conteña as partidas que financian a entidade.

2. Cando algunha das entidades ás que se refire a alínea anterior reciba con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma subvencións de explotación ou de capital ou outra achega de calquera natureza, as autorizacións das variacións anuais que supoñan incremento de dotacións dos seus orzamentos de explotación e de capital axustaranse ao seguinte:

a) Se a variación atinxe ás transferencias de funcionamento e ás achegas autonómicas recollidas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia corresponderalle á autoridade competente para tramitar as correspondentes modificacións do orzamento da Comunidade Autónoma.

b) Se a variación non atinxe ás anteditas transferencias e achegas autonómicas, será competencia da persoa titular da Consellería de Facenda cando o seu importe non exceda do 10% de cada tipo de gasto por natureza (persoal, resto de gasto corrente, investimentos reais ou financeiros, transferencias e subvencións de capital e endebedamento neto) e do Consello da Xunta de Galicia nos demais casos.

3. Requirirá autorización do Consello da Xunta o incremento da contía total que as entidades instrumentais dediquen ao financiamento dos plans de actuación, investimentos e financiamento de calquera outra entidade instrumental autonómica na que participen.

4. Cando unha entidade instrumental adquira compromisos plurianuais que se deberán financiar con achegas do orzamento da Comunidade Autónoma, a consellaría financiadora deberá solicitar o informe ao que fai referencia o artigo 58 desta lei».

Artigo 17. Convenios coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, cos organismos autónomos e coas axencias públicas autonómicas.

Modifícase o artigo 86 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«Artigo 86. Convenios coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, cos organismos autónomos e coas axencias públicas autonómicas.

1. Nos supostos nos que se estipulen convenios e contratos programa coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, cos organismos autónomos ou coas axencias públicas autonómicas que dean lugar a réximes particulares de xestión, tanto polas entidades ás que se refire a alínea 1 do artigo 82 bis desta lei coma por calquera outra que reciba subvencións de explotación e de capital, avais ou outra achega de natureza distinta con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceranse, polo menos, as correspondentes cláusulas sobre as seguintes materias:

a) Hipóteses macroeconómicas e sectoriais que sirvan de base ao acordo.

b) Obxectivos da política de persoal, rendibilidade, produtividade ou reestruturación técnica da explotación económica, así como métodos indicadores de avaliación daqueles.

c) Achegas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma nas distintas modalidades ás que se refire esta alínea.

d) Medios que se deben empregar para adaptar os obxectivos acordados ás variacións habidas no respectivo ámbito económico.

e) Efectos que deriven do incumprimento dos compromisos acordados.

f) Control, pola Consellería de Facenda, da execución do convenio e dos resultados derivados da súa aplicación.

2. O control anterior non excluirá o que poida corresponder aos respectivos departamentos ou organismos dos que dependan as entidades que subscribisen o correspondente convenio ou ás comisións de seguimento, no caso dos contratos programa.

3. A subscrición do convenio ou contrato programa ao que se refiren as alíneas anteriores non excluirá a elaboración, de forma coherente con eles, do orzamento de explotación e de capital e do plan de actuación, investimentos e financiamento (PAIF)».

CAPÍTULO II Subvencións

Artigo 18. Ámbito de aplicación.

Modifícase a letra b) da alínea 1 do artigo 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que queda redactado como segue:

«b) Os organismos autónomos, as axencias públicas autonómicas, as entidades públicas empresariais e os consorcios autonómicos».

Artigo 19. Xustificación das subvencións.

Modifícase a alínea 5 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que queda redactado como segue:

«5. Nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou a entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. Non obstante, para aquelas axudas e subvencións que se concedan con cargo a créditos financiados con recursos procedentes da Unión Europea, a xustificación dos gastos efectuarase con facturas ou con documentos contables de valor probatorio equivalente, e a do pagamento, cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados, de acordo coa normativa contida nos regulamentos aplicables aos fondos europeos».

Artigo 20. Gastos subvencionables.

Modifícase a alínea 3 do artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención».

Corrección de erros. Artigo 20 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 37, do 22 de febreiro de 2012.

CAPÍTULO III Xogo

Artigo 21. Concepto de xogo.

Modifícase o artigo 2 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 2.

Enténdese por xogo ou aposta, para os efectos desta lei, calquera actividade, dependente da destreza ou do azar, mediante a que se arrisquen cantidades de diñeiro ou obxectos economicamente avaliables que permitan a súa transferencia entre os participantes, con independencia de que predomine o grao de habilidade ou a destreza daqueles, ou sexa exclusiva de sorte, envite ou azar, tanto as realizadas por medios presenciais coma por canles electrónicas, informáticas, telemáticas e interactivas, cando se desenvolvan dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia».

Artigo 22. Autorización da publicidade das actividades de xogo.

Modifícase o artigo 5 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 5.

1. Son xogos autorizados os determinados nesta lei.

2. A publicidade das actividades de xogo regulada nesta lei unicamente poderá efectuarse con autorización previa, coas excepcións previstas na alínea 3 deste artigo. Os requisitos e as condicións necesarios para a concesión de tal autorización determinaranse regulamentariamente.

3. Malia o anterior, non será necesaria a devandita autorización para a publicidade realizada nos casos e coas condicións que se establezan na correspondente norma regulamentaria nin para a publicidade realizada en medios especializados en materia de xogo nin para a realizada noutros medios, que se limite exclusivamente aos seguintes aspectos:

a) Nome ou razón social, enderezo, teléfono, sitio web e dirección de correo electrónico da empresa de xogo e, se é o caso, do establecemento destinado á práctica de xogo.

b) Xogos e modalidades destes que se practiquen ou se ofrezan pola empresa autorizada.

c) Horario da actividade de xogo ou, de ser o caso, días de práctica de xogo.

d) Servizos complementarios que preste o establecemento destinado á práctica de xogo e horario da súa prestación.

4. En calquera caso, a publicidade de calquera modalidade de xogo deberá axustarse á normativa específica sobre esa publicidade. En particular, queda prohibida a publicidade que utilice gráficos, textos ou mensaxes xenófobas, sexistas ou racistas e a publicidade efectuada na radio ou na televisión durante a emisión de programas ou de espazos especialmente destinados ao público infantil.

5. Son xogos prohibidos todos os que non estean permitidos por esta lei e aqueles que, aínda que permitidos, se realicen sen a oportuna autorización ou na forma, no lugar ou con persoas distintas das que especifica esta lei».

Artigo 23. Instalación de aparellos para xogos nos establecementos de hostalaría.

Modifícase o artigo 11 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 11.

Nos bares, cafetarías, establecementos de hostalaría e análogos tan só se poderá instalar unha máquina de cada un dos tipos «A», «A especial» e «B». En ningún caso a instalación de máquinas de xogo poderá desvirtuar nin impedir o desenvolvemento normal da actividade propia do establecemento. Así mesmo, poderá autorizarse a instalación de terminais de xogo de acordo co que se dispoña na normativa regulamentaria correspondente e nos termos de planificación que nela se fixen.

Regulamentariamente poderá limitarse o número total dos aparellos anteriormente citados neste tipo de establecementos».

Artigo 24. Clasificación das máquinas de xogo.

Modifícase o artigo 17 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 17.

Para efectos do seu réxime xurídico, as máquinas de xogo clasifícanse nos seguintes tipos:

1. Máquinas tipo «A» ou recreativas: son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo sen ningún tipo de premio nin contraprestación en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets ou vales con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro, agás a posibilidade de prolongación da propia partida ou doutras adicionais co mesmo importe inicial.

2. Máquinas tipo «A especial»: son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets, fichas, vales ou similares, con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro. Os premios outorgaranse conforme os requisitos e os límites que regulamentariamente se establezan e, en todo caso, serán inferiores aos previstos para as máquinas de tipo «B».

3. Máquinas tipo «B» ou recreativas con premio programado: son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, de acordo co programa de xogo, cos límites que regulamentariamente se establezan.

4. Máquinas tipo «B especial»: son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, de acordo co programa de xogo, cos límites que regulamentariamente se establezan, que, en todo caso, serán superiores aos previstos para as máquinas de tipo «B». Estas máquinas serán de instalación exclusiva en salóns de xogo, bingos e casinos, terán un réxime xurídico propio e seralles de aplicación subsidiaria, para todo o non previsto especificamente para elas, a regulación das máquinas de tipo «B».

5. Máquinas tipo «C» ou máquinas de azar: son aquelas que, a cambio do prezo da partida, lle conceden á persoa usuaria un tempo de uso ou de xogo e, eventualmente, un premio, cos límites que regulamentariamente se establezan. Serán de instalación exclusiva en casinos.

6. Regulamentariamente determinaranse as condicións de instalación de máquinas tipo «B», «B especial» e «C», multipostos, interconexionadas e/ou progresivas.

7. Sen prexuízo do sinalado nas alíneas anteriores, o Consello da Xunta de Galicia poderá, mediante decreto, ademais de fixar os requisitos de homologación e contías, porcentaxes e límites de prezos e premios para cada tipo, incorporar á clasificación anterior outros tipos ou subgrupos de máquinas que, polas súas características ou polo feito de combinar modalidades, elementos ou mecanismos de diferentes xogos autorizados, non estivesen identificadas ou comprendidas nos sinalados antes».

Artigo 25. Modificación de disposicións adicionais da Lei do xogo.

Un. Modifícase a disposición adicional primeira da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional primeira.

O disposto nesta lei enténdese sen prexuízo das competencias que lle correspondan ao Estado en materia de xogos e apostas.

Non obstante, a instalación e apertura de locais presenciais abertos ao público para a explotación de xogos e apostas da competencia do Estado, con exclusión dos supostos previstos na alínea Cinco da disposición adicional primeira da Lei 13/2011, así como a instalación de terminais ou equipos que permitan a participación nos xogos, apostas e lotarías, tanto nos locais de xogo recollidos nesta lei coma nos establecementos de hostalaría e análogos ou en calquera outro local presencial aberto ao público situado na Comunidade Autónoma de Galicia, requirirán a autorización administrativa da Comunidade Autónoma. Todo isto de acordo cos criterios de planificación e ordenación da actividade do xogo que regulamentariamente se establezan e conforme os procedementos regulamentariamente esixidos».

Dous. Modifícase a letra ll) da disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactada como segue:

«ll) Xogo do bingo.

O xogo do bingo é un xogo de azar consistente na extracción de bólas con distintas numeracións depositadas nun bombo ou máquina mecánica, ou ben na xeración en soporte electrónico ou virtual dun número indeterminado de bólas, ata completar todas e cada unha das combinacións gañadoras establecidas, con dereito a premio, a medida que os números van sendo extraídos, xerados e anunciados. Conseguirán o premio os xogadores ou as xogadoras que antes consigan completar os números que compoñen a combinación gañadora.

O xogo do bingo, na súa forma tradicional realizada por medios presenciais, xógase con 90 números, do 1 ao 90, ambos os dous incluídos. Os xogadores ou as xogadoras teñen como unidade de xogo cartóns integrados por quince números distintos entre si, distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e en nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca haxa unha columna sen número.

Nas restantes modalidades do xogo do bingo, sexa cal sexa a súa canle de explotación, poderase xogar con máis ou menos de 90 números, distintos aos comprendidos entre o 1 e o 90, e con combinacións de composición diferentes ás utilizadas no sistema tradicional en canto ao número de combinacións gañadoras e aos números ou figuras que as integren conforme o programa de xogo que se autorice».

CAPÍTULO IV Medio ambiente

Artigo 26. Instrumentos de ordenación do territorio obxecto de avaliación ambiental estratéxica.

Modifícase a letra a) do artigo 5 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, que queda redactada como segue:

«a) Os instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, agás os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, que serán obxecto de avaliación ambiental cando así o decida o órgano ambiental mediante decisión motivada, pública e axustada aos criterios establecidos polo anexo II da Lei 9/2006, do 28 de abril».

Artigo 27. Clasificación do grao de protección dos proxectos, das obras e das actividades suxeitas a trámite de avaliación da incidencia ambiental.

Modifícase a alínea 2 do artigo 5 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, que queda redactada como segue:

«2. A clasificación do grao de protección para determinar o procedemento poderá ser:

a) De avaliación do impacto ambiental.

b) De avaliación da incidencia ambiental».

CAPÍTULO V Ordenación farmacéutica

Artigo 28. Medidas, horarios e servizos de garda farmacéutica.

Engádese unha nova alínea 5 ao artigo 17 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, co seguinte contido:

«5. Na organización das quendas de garda das zonas farmacéuticas teranse en conta, polo menos, os seguintes criterios: a poboación que se debe atender; a existencia de punto de atención continuada, co obxecto de asegurar a continuidade do proceso de prescrición e a dispensación de medicamentos; a accesibilidade para as persoas usuarias; e a demanda de dispensacións das oficinas de farmacia nos distintos tramos de garda. Estes criterios deberán aplicarse de forma que permitan, en todo momento, a cobertura das necesidades asistenciais da poboación».

Artigo 29. Medidas relativas á atención farmacéutica nos hospitais, nos centros de asistencia social e nos centros psiquiátricos.

Un. Modifícase a alínea 2 do artigo 31 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, que queda redactada como segue:

«2. Será obrigatorio o establecemento dun servizo de farmacia propio en:

a) Todos os hospitais que teñan cen ou máis camas.

b) Os centros de asistencia social que teñan cen camas ou máis en réxime de asistidos.

c) Os centros psiquiátricos que teñan cen camas ou máis.

Malia o anterior, a consellaría responsable en materia de prestación farmacéutica poderá establecer acordos ou convenios con centros hospitalarios privados, centros de asistencia social e centros psiquiátricos, co fin de asegurar unha mellora na xestión da atención farmacéutica, tanto desde o punto de vista da seguridade no manexo de produtos farmacéuticos coma no da racionalización do seu gasto».

Dous. Modificase o artigo 34 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 34. Recursos humanos.

1. Os hospitais con cen ou máis camas e os centros de asistencia social que teñan cen camas ou máis en réxime de asistidos e opten por un servizo de farmacia propio deberán constituílo baixo a titularidade e responsabilidade dun farmacéutico especialista en farmacia hospitalaria.

2. Dependendo do volume, das actividades e do tipo de centro, establecerase regulamentariamente o número de farmacéuticos adicionais, de técnicos ou auxiliares en farmacia e de persoal administrativo e subalterno necesarios para desenvolver con normalidade o funcionamento do servizo.

3. Todos os farmacéuticos que exerzan a súa actividade nos servizos de farmacia hospitalaria recollidos na alínea 1 deste artigo estarán en posesión do título de especialista en farmacia hospitalaria».

Tres. Modificase o artigo 35 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 35. Depósitos de medicamentos e produtos sanitarios.

1. Os centros hospitalarios, os centros de asistencia social que presten asistencia sanitaria específica e os centros psiquiátricos que non conten cun servizo de farmacia e que non estean obrigados a telo dispoñerán dun depósito, que estará vinculado a un servizo de farmacia da área sanitaria e baixo a responsabilidade do xefe do servizo, no caso dos hospitais do sector público, e a unha oficina de farmacia establecida na mesma zona farmacéutica ou a un servizo de farmacia, no suposto de que se trate dun hospital do sector privado.

Os centros cos que se formalicen convenios ou acordos conforme o artigo 31.3 poderán establecer depósitos de medicamentos vinculados ao servizo de farmacia do hospital da rede pública da área de influencia.

2. O depósito, dependendo da súa vinculación, será atendido por un farmacéutico do servizo de farmacia, se é o caso, por un farmacéutico dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde para os centros de asistencia social que formalicen acordos ou convenios consonte o descrito na alínea 1 deste artigo ou por un farmacéutico vinculado á oficina de farmacia. O farmacéutico, coa colaboración do persoal técnico ou auxiliar de farmacia necesario, realizará as funcións seguintes:

a) Garantir a correcta conservación, custodia e dispensación de medicamentos e produtos sanitarios para a súa aplicación dentro do centro.

b) Asegurar un sistema eficaz e seguro de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios no centro, coa implantación de medidas que contribúan a garantir a súa correcta administración.

c) Establecer as normas de acceso ao depósito para o persoal previamente autorizado.

d) Informar o persoal sanitario do centro e os propios pacientes en materia de medicamentos, así como realizar estudos de utilización de medicamentos.

e) Colaborar coa Comisión de Farmacia e Terapéutica e cos comités éticos de investigación clínica, así como con outras comisións do centro hospitalario de referencia nas que os seus coñecementos poidan ser útiles.

f) Garantir as existencias necesarias para que a dispensación de medicamentos quede cuberta as vinte e catro horas do día».

Artigo 30. Infraccións.

Engádense na letra c) do artigo 56 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, as seguintes alíneas:

«9 bis. Realizar, por parte dunha oficina de farmacia, actividades de distribución de medicamentos a outras oficinas de farmacia, almacéns por xunto, entidades e centros ou persoas físicas sen autorización para tal actividade.

9 ter. Realizar, por parte dos almacéns farmacéuticos, a adquisición de medicamentos a oficinas de farmacia ou a outras entidades, centros e persoas físicas sen autorización para a venda destes produtos».

Artigo 31. Réxime sancionador.

Modifícase o artigo 57 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 57. Sancións.

1. As infraccións sinaladas nesta lei serán sancionadas, conforme o establecido no artigo 56, aplicando unha gradación mínima, media e máxima a cada nivel de infracción en función da neglixencia e da intencionalidade, do grao de conivencia, do incumprimento das advertencias previas, da cifra de negocios da entidade, do prexuízo causado e do número de persoas afectadas, dos beneficios obtidos coa infracción, da duración dos riscos xerados e do tipo de establecemento ou servizo no que se cometese a infracción:

a) Infraccións leves:

Grao mínimo: ata 6.000 euros.

Grao medio: desde 6.001 a 18.000 euros.

Grao máximo: desde 18.001 a 30.000 euros.

b) Infraccións graves:

Grao mínimo: desde 30.001 a 60.000 euros.

Grao medio: desde 60.001 a 78.000 euros.

Grao máximo: desde 78.001 a 90.000 euros.

c) Infraccións moi graves:

Grao mínimo: desde 90.001 a 300.000 euros.

Grao medio: desde 300.001 a 600.000 euros.

Grao máximo: desde 600.001 a 1.000.000 de euros, que poden exceder a devandita cantidade ata acadar o quíntuplo do valor dos produtos ou servizos obxecto da infracción.

2. Sen prexuízo da multa que proceda impoñer consonte o disposto na alínea anterior, as infraccións en materia de medicamentos serán sancionadas co comiso, en favor do Tesouro Público, do beneficio ilícito obtido como consecuencia da perpetración da infracción. A resolución da Administración determinará para estes efectos a contía do beneficio ilícito obtido.

3. As sancións da comisión de infraccións graves e moi graves serán publicadas no Diario Oficial de Galicia unha vez que adquiran firmeza en vía administrativa.

4. Ademais, nos supostos de infraccións moi graves, o Consello da Xunta poderá acordar o peche temporal do establecemento, da instalación ou do servizo por un prazo máximo de cinco anos.

5. No caso das oficinas de farmacia, nos supostos de infraccións moi graves, o Consello da Xunta poderá acordar a revogación da autorización administrativa e a prohibición do seu titular de poder participar, durante un período de cinco anos desde que a sanción sexa firme en vía administrativa, en calquera concurso público que teña lugar en Galicia para obter a autorización dunha oficina de farmacia.

CAPÍTULO VI Saúde

Artigo 32. Titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria.

Modifícase a alínea 1 do artigo 4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que queda redactada da seguinte forma:

«1. O dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e de cobertura universal garánteselles a todas as persoas que residan nos concellos desta comunidade autónoma.

Para acreditar a residencia prevista nesta alínea terase en conta algún dos seguintes criterios:

– Que conste o empadroamento en calquera dos concellos da comunidade autónoma cunha antigüidade de máis de 183 días.

– Que radique en Galicia o núcleo principal ou a base dos seus intereses económicos, de forma directa ou indirecta.

– Que residan habitualmente en Galicia o cónxuxe, ou a persoa con análoga relación de afectividade, non separado legalmente, e os fillos ou as fillas menores de idade que dependan da persoa física.

Aos transeúntes e desprazados no territorio da comunidade autónoma garantiránselles, na forma e nas condicións que estableza a lexislación vixente, o dereito comunitario e europeo e mais os convenios nacionais ou internacionais que resulten aplicables, así como a todos os galegos e a todas as galegas de orixe ou ascendencia que, residindo fóra de Galicia, se vexan amparados polos convenios para o efecto, no xeito e nas condicións establecidos neles».

Disposición transitoria primeira. Procedementos de avaliación de efectos ambientais en curso.

Os procedementos de avaliación de efectos ambientais que se atopasen en curso á entrada en vigor desta lei continuarán a súa tramitación ata a formulación da declaración de efectos ambientais.

Disposición transitoria segunda. Tipos bonificados no imposto sobre o bingo e na taxa que grava os xogos de sorte, envite ou azar para o exercicio 2012.

Nas modalidades do xogo do bingo diferentes ao bingo electrónico, o suxeito pasivo que non reduza o cadro de persoal medio da sala de bingo durante o exercicio de 2012 poderá acollerse ao tipo reducido do 15% na taxa que grava os xogos de sorte, envite ou azar e do 3,75% no imposto sobre o bingo. Na modalidade de bingo electrónico, os tipos bonificados serán do 25% e do 5% respectivamente.

Para o cálculo do cadro de persoal medio total da sala tomaranse as persoas empregadas, nos termos que dispoña a lexislación laboral, tendo en conta a xornada contratada en relación coa xornada completa.

O incumprimento do requisito anterior leva á perda do beneficio fiscal, e o suxeito pasivo deberá practicar liquidación complementaria das cantidades non ingresadas por aplicación do tipo reducido, xunto cos correspondentes xuros de mora, no mes de xaneiro do ano 2013.

Disposición derrogatoria única.

Un. Queda derrogado o artigo 13 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo.

Dous. Queda derrogada a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como a súa normativa de desenvolvemento.

No prazo dun ano, a Xunta de Galicia deberá aprobar un decreto no que se incorpore ao dereito autonómico a normativa europea e estatal básica en materia de contaminación acústica e se establezan as normas adicionais de protección que sexan oportunas.

Tres. Queda derrogado o capítulo III do título II «Da avaliación de efectos ambientais», artigos 10 a 12, ambos incluídos, da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

Catro. Quedan derrogadas a alínea 1 da disposición adicional primeira e as disposicións adicionais cuarta, quinta e sétima da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Cinco. Queda derrogado o artigo 23 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Modifícase a alínea A) da disposición adicional quinta da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda redactada como segue:

«A) Creación.

Ao abeiro do disposto na normativa vixente en materia de función pública de Galicia, créanse as seguintes escalas de persoal funcionario:

a) Da administración xeral:

1) Dentro do corpo superior de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, créase a escala superior de seguridade e saúde no traballo.

2) Dentro do corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, créase a escala técnica de seguridade e saúde no traballo.

Para o ingreso nelas requiriranse as titulacións necesarias para o acceso ao subgrupo A1 e A2 respectivamente. As titulacións universitarias esixibles determínanse, en función da disciplina preventiva da que se trate, de acordo co seguinte:

1. Na escala superior de seguridade e saúde no traballo distinguiranse as seguintes subescalas:

a) Subescala de seguridade no traballo:

Licenciatura ou grao en arquitectura e enxeñaría superior, máster en enxeñaría ou grao en enxeñaría.

b) Subescala de hixiene industrial:

Licenciatura ou grao en química, bioloxía e farmacia.

c) Subescala de ergonomía e psicosocioloxía aplicada:

Licenciatura ou grao en arquitectura, enxeñaría superior, máster en enxeñaría ou grao en enxeñaría e licenciatura ou grao.

2. Na escala técnica de seguridade e saúde no traballo distinguiranse as seguintes subescalas:

a) Subescala de seguridade no traballo:

Arquitectura técnica, enxeñaría técnica, grao en enxeñaría da edificación ou grao en enxeñaría.

b) Subescala de hixiene industrial:

Enxeñaría técnica industrial, enxeñaría técnica agrícola, enxeñaría técnica forestal, enxeñaría técnica de minas, grao en enxeñaría en procesos químicos industriais, grao en enxeñaría en química industrial, grao en enxeñaría mecánica, grao en enxeñaría eléctrica, grao en enxeñaría electrónica industrial, grao en enxeñaría en deseño industrial e desenvolvemento do produto, grao en enxeñaría agrícola e do medio rural ou en enxeñaría forestal ou grao en enxeñaría forestal e do medio rural.

c) Subescala de ergonomía e psicosocioloxía aplicada:

Enxeñaría técnica industrial, arquitectura técnica, grao en enxeñaría en procesos químicos industriais, grao en enxeñaría en química industrial, grao en enxeñaría mecánica, grao en enxeñaría eléctrica, grao en enxeñaría electrónica industrial, grao en enxeñaría en deseño industrial e desenvolvemento do produto, grao en enxeñaría da edificación, diplomatura universitaria ou grao.

Así mesmo, para as dúas escalas requirirase o título de técnico con formación en nivel superior, nas tres especialidades, conforme establece o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

Segundo os respectivos corpos, as funcións destas escalas serán exercer os labores técnicos en materia de prevención de riscos laborais, de acordo co disposto na lexislación de prevención de riscos laborais, e en particular nos artigos 7.1 e 9.2 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, nas áreas de seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada, sen prexuízo das funcións que en materia mineira exerza o persoal funcionario con competencias en prevención de riscos laborais da consellaría competente nesta área.

b) Da administración especial:

1) Dentro do corpo facultativo superior da Xunta, subgrupo A1, créase a escala superior de saúde laboral.

2) Dentro do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, créase a escala técnica de saúde laboral.

Para o ingreso na escala superior de saúde laboral será necesaria a titulación de licenciatura ou grao en medicina e cirurxía e o título de médico especialista na especialidade de medicina do traballo ou a diplomatura en medicina de empresa.

Para o ingreso na escala técnica de saúde laboral será precisa a titulación de diplomatura ou grao en enfermaría/ATS, especialidade de enfermaría do traballo.

Segundo os respectivos corpos, as funcións destas escalas serán exercer os labores técnicos en materia de prevención de riscos laborais, de acordo co disposto na lexislación de prevención de riscos laborais, e en particular nos artigos 7.1 e 9.2 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, na área de medicina do traballo e vixilancia da saúde.”

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Un. Modifícanse as alíneas 2, 3 e 4 do artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que quedan redactadas como segue:

«2. Unha vez aplicado o disposto na alínea anterior, a maior parte da contía dispoñible do fondo para cada exercicio, no importe que se fixe a través da orde reguladora, destinaráselles ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de:

a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

b) Actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables.

c) Outras actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural.

3. Os custos elixibles, para efectos de distribución do fondo, son os seguintes:

a) Investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipos e instalacións.

b) Custos de proxecto e dirección de obra, se se trata de contratacións externas.

c) Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio ambiente e do espazo natural.

4. A cantidade asignada a cada proxecto destinarase en función do orzamento presentado pola entidade local solicitante e non poderá superar o 100% do devandito orzamento».

Dous. Modifícase a disposición adicional segunda da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional segunda. Creación da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula esta lei.

Co fin de levar a cabo o seguimento da execución dos proxectos de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula esta lei créase unha comisión de seguimento e control que garantirá a execución das actuacións polas que os proxectos eólicos foron seleccionados.

A comisión de seguimento e control estará integrada por seis membros, e funcionará en pleno e por seccións. Exercerá a súa presidencia a persoa titular da dirección do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que nomeará os cinco membros restantes. Será designada como persoa titular da secretaría da comisión un dos seus membros, distinto do que exerza a presidencia.

A concreción dos fins da comisión, a súa organización e o seu funcionamento desenvolveranse regulamentariamente mediante orde da consellaría con competencias en materia de enerxía.

A constitución e posta en funcionamento desta comisión non supoñerán incremento do gasto público».

Tres. Engádese unha nova disposición transitoria quinta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, co seguinte contido:

«Disposición transitoria quinta. Suspensión da tramitación de parques eólicos na ampliación da Rede Natura.

1. O anuncio de exposición pública da proposta de ampliación do ámbito da Rede Natura 2000 determinará por si mesmo a suspensión do procedemento de autorización dos parques eólicos que se sitúen, en todo ou en parte, no ámbito territorial obxecto de ampliación, ata a aprobación da proposta de ampliación polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Aprobada, se é o caso, a proposta de ampliación da Rede Natura 2000, estarase ao disposto no artigo 31 desta lei.

3. Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantas disposicións sexan precisas co fin de garantir a finalidade desta disposición».

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Un. Modifícase a disposición adicional sétima da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que quedará redactada como segue:

«Disposición adicional sétima. Réxime de contratación das entidades públicas empresariais.

As entidades públicas empresariais reguladas nesta lei teñen o carácter de organismos asimilados ás entidades públicas empresariais estatais, para os efectos do previsto no último parágrafo da letra e) da alínea 2 do artigo 3 do texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, agás que unha norma con rango de lei, en atención ás características da entidade ou da súa actividade e dos fins institucionais de carácter público que a súa contratación persiga, determine a suxeición desta actividade contractual á lexislación de contratos do sector público como administración pública».

Dous. Modifícase a alínea 4 da disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que quedará redactada como segue:

«4. As normas de organización e funcionamento e os estatutos de Portos de Galicia e da Compañía de Radio-Televisión de Galicia adecuaranse ao disposto nesta lei para as entidades públicas empresariais, por proposta conxunta dos titulares das consellarías competentes en materia de administración pública e de facenda, e modificarán, de ser o caso, as súas denominacións».

Tres. Engádese unha nova alínea 5 bis á disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que quedará redactada como segue:

«5 bis. A entidade de dereito público Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, axustarase ao réxime xurídico previsto para as entidades públicas empresariais nesta lei, en especial no relativo á materia de persoal. Nesta entidade pública integrarase a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos de Galicia.

O organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos rexeranse pola súa normativa específica ata a data de extinción de ambas as entidades coa entrada en funcionamento do novo organismo público Augas de Galicia.

En atención ás características da entidade, da súa actividade e dos fins institucionais de carácter público que a súa contratación persegue, esta entidade suxeitará a súa actividade contractual ao texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, como administración pública».

Corrección de erros. Disposición derradeira terceira redactada conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 37, do 22 de febreiro de 2012.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2012, agás o artigo 2, que terá efectos desde o 31 de decembro de 2011.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil once

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia