lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Publicado en: DOG 250 30/12/2010

Última modificación: 07/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

A definición dos orzamentos como a expresión cifrada, conxunta e sistemática das obrigas que, como máximo, se poderán recoñecer e dos dereitos que se prevé liquidar durante o exercicio orzamentario pon de manifesto as limitacións, fundamentalmente temporais, que condicionan os preceptos xurídicos contidos nas leis de orzamentos.

De aí que a eficaz execución da política económica deseñada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2011 demande a adopción de medidas lexislativas complementarias que garden relación cos gastos e cos ingresos previstos na norma orzamentaria, ben polo seu contido económicofinanceiro ben pola súa incidencia na busca dunha maior eficiencia da organización administrativa, e que se formulen cunha vocación de permanencia superior á anualidade orzamentaria.

Pola súa natureza, axustándose á doutrina establecida polo Tribunal Constitucional, estas medidas lexislativas adóptanse a través de leis específicas ás que, tradicionalmente, o noso ordenamento xurídico denominou como «leis de medidas» ou «leis de acompañamento». Na nosa comunidade, estas leis estendéronse desde finais dos noventa ata o ano 2005 e serviron de complemento para a implantación dun marco regulatorio de política fiscal, financeira e de organización administrativa.

Na actual situación de incerteza económica resulta necesario recuperalas como instrumento necesario para a consecución destas políticas e para o cumprimento dos obxectivos económicos por elas perseguidos. Desde a perspectiva da actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se expoñen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade para o ano 2011, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, dítase esta lei como norma que, polo carácter permanente das súas disposicións, contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que contribúen á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade a través da execución orzamentaria.

De acordo co exposto, a lei estrutúrase en dous títulos: o primeiro, dedicado ás medidas de carácter fiscal; e o segundo, ás de carácter administrativo. O título I estrutúrase en catro capítulos dedicados, respectivamente, aos tributos cedidos, aos tributos propios, ás normas de aplicación dos tributos e á organización da Administración tributaria. O título II consta tamén de catro capítulos, que se corresponden, respectivamente, co réxime financeiro, orzamentario e patrimonial, co medio rural e coa ordenación urbanística, coa función pública e con medidas en materia de contratación. Finalmente, a lei conta cunha disposición transitoria, cunha disposición derrogatoria e con nove disposicións derradeiras.

A lei contén no seu título I un conxunto de normas de carácter fiscal. En primeiro lugar, en canto aos tributos cedidos, o capítulo I deste título recolle, dentro do marco establecido para o exercicio das competencias normativas pola Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, unha serie de medidas que afectan o imposto sobre a renda das persoas físicas, o imposto sobre sucesións e doazóns, o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e a taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar.

Polo que se refire ao imposto sobre a renda das persoas físicas, establécense tres deducións novas e amplíase o ámbito dunha xa existente. A dedución por autoemprego beneficiaba as mulleres, calquera que fose a súa idade, e os homes menores de 35 anos. A situación actual de crise económica e o aumento do número de desempregados fai aconsellable ampliar o beneficio fiscal e eliminar a limitación de idade para o caso dos homes.

En canto ás deducións novas, establécese unha por acollemento familiar, na liña de seguir apoiando as deducións no ámbito persoal e familiar, así como dúas deducións orientadas a fomentar o investimento na Comunidade Autónoma coa finalidade de impulsar a iniciativa privada para a saída da crise económica e o fomento do emprego; polo que se exixe que ese investimento veña acompañado da creación de emprego e se manteña durante un período de tres anos. Neste sentido, establécese a dedución, na cota íntegra autonómica, por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación e tamén a correspondente ás cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións como consecuencia de acordos de ampliación de capital subscritos por medio do segmento de empresas en expansión do Mercado Alternativo Bursátil.

Como última novidade, regúlase a escala autonómica do IRPF de acordo coa nova normativa que regula o financiamento autonómico, que obriga á súa aprobación por cada Comunidade Autónoma, sen que se produzan incrementos dos tipos establecidos para cada un dos seus tramos.

No imposto sobre sucesións e doazóns, coa finalidade de promover as agrupacións de propietarios forestais, establécese, para as adquisicións, por causa de morte ou por doazón, de parcelas forestais incluídas na superficie de xestión conxunta destas agrupacións, unha redución do 99% do valor destas parcelas.

No imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, por unha parte, establécese unha dedución na cota do 100% na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas, aplicable aos arrendamentos de terreos rústicos. Por outra, en consonancia coa promoción das agrupacións de propietarios forestais dotadas de personalidade xurídica, establécese unha dedución na cota do 100% para as transmisións onerosas de parcelas forestais incluídas na superficie de xestión conxunta ou de comercialización de producións que realicen este tipo de agrupacións.

Este capítulo péchase co establecemento dos tipos de gravame da taxa fiscal sobre o xogo, nos casos dos casinos de xogo e das máquinas ou dos aparellos automáticos aptos para a realización de xogos.

Polo que se refire aos tributos propios, procédese ao establecemento de exencións nos tributos sobre o xogo, en concreto no imposto sobre o bingo, para aqueles que, dada a súa entidade, están excluídos do ámbito de aplicación e, polo tanto, das formalidades e requisitos establecidos na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e das apostas de Galicia.

No capítulo III deste título modifícanse normas relativas á aplicación dos tributos. No que se refire á comprobación de valores, modifícase a normativa existente por dous motivos. O primeiro consiste en darlles validez xurídica, no ámbito desta Comunidade Autónoma, aos valores publicados por outras comunidades autónomas para os bens situados nos seus territorios. Deste xeito dáselles entrada a medios de comprobación distintos do ditame de peritos e permítese máis axilidade no procedemento xestor. O segundo consiste en adecuar a normativa á eliminación da obriga do visado colexial para os ditames periciais. Ademais, introdúcense certas modificacións nas obrigas formais dos notarios a prol da remisión por vía telemática da declaración informativa comprensiva dos elementos básicos da escritura.

Por último, este capítulo da lei establece a obriga da autoliquidación por parte dos suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas tipo «A» especial, «B» e «C», na forma, no lugar e nos prazos establecidos por orde da consellaría competente en materia de facenda. Tamén establece a obriga de ingresar, no momento da presentación da autoliquidación, a cota anual correspondente.

No capítulo IV recóllense dúas medidas dirixidas á mellora da Administración tributaria. Así, en primeiro lugar, contén unha nova regulación da encomenda de competencias na aplicación dos tributos ás oficinas liquidadoras de distrito hipotecario. En segundo e último lugar, seguindo tamén a senda da racionalización administrativa, considerando o marco da actual situación económica e coa conciencia de que a loita contra as bolsas de fraude fiscal se converte nun elemento primordial para a Administración tributaria, autorízase a creación da Axencia Tributaria de Galicia.

O obxectivo perseguido non é outro que revisar a estrutura orgánica actual, na que conflúen servizos centrais, departamentos territoriais e órganos ou oficinas con competencias específicas, e deseñar a organización da Administración tributaria autonómica, á que se lle encomendará a aplicación de todos os tributos propios, así como, por delegación do Estado, dos tributos estatais cedidos, como instrumento ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación efectiva dos recursos ao seu cargo.

Esta organización debe poder adaptarse, ademais, a novas situacións fiscais e levar a cabo as actuacións precisas de colaboración e coordinación coa Administración tributaria estatal, coa doutras comunidades autónomas e coas facendas locais, para contribuír á eficacia do sistema tributario español.

No seu deseño debe buscarse un modelo que contribúa a incrementar a capacidade de xestión e a especialización, que conte cos medios materiais e persoais idóneos e cun réxime xurídico que se adapte ás singularidades da actividade que debe desenvolver e que goce da conveniente flexibilidade para o exercicio das súas funcións, así como que adopte a forma que mellor responda aos principios previstos con carácter xeral na Constitución española e no Estatuto de autonomía.

Para lograr os obxectivos descritos, considérase que o modelo máis axeitado consiste nunha axencia pública autonómica dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, con patrimonio e tesouraría propios e con autonomía funcional, financeira e de xestión para o cumprimento dos seus fins.

Este ente exercerá as potestades administrativas para a aplicación dos tributos e a recadación executiva dos demais ingresos de dereito público da Facenda pública galega, a potestade sancionadora en materia tributaria e a revisión en vía administrativa dos actos ditados no exercicio das competencias anteriores, e apoiarase nun modelo organizativo que parta da fixación duns obxectivos, para a súa posterior avaliación e control, coa conseguinte exixencia de responsabilidade polos resultados obtidos e o respecto dos dereitos dos cidadáns.

No título II, dedicado ás normas de carácter administrativo, o capítulo I recolle modificacións relativas á xestión orzamentaria e patrimonial. En primeiro lugar, facúltase para a modificación dos límites de compromisos de gasto futuros. En segundo lugar, introdúcese un precepto sobre a necesidade de que as propostas normativas e os plans e programas de contido económico-financeiro dispoñan dunha memoria na que se avalíen adecuadamente os custos. Por último, establécese a posibilidade de que o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais poida aplicarse para fins de interese agrario no ámbito territorial de Galicia.

No capítulo II deste título recóllense unha serie de medidas tendentes ao establecemento dun marco que facilite e promova a reorganización da propiedade forestal. Así, destácase a importancia da posta en marcha de agrupacións de propietarios forestais e establécense medidas que incentivan a agrupación de predios como ferramenta imprescindible para a posta en valor dos terreos forestais e da loita contra o abandono do monte.

En segundo lugar, neste capítulo, procédese á reorganización dos instrumentos de xestión da Xunta de Galicia no terreo do desenvolvemento rural. Con esta medida perséguese unha xestión responsable dos medios dos que dispón a Administración autonómica, a través da supresión de entidades e da adscrición dos seus medios materiais e persoais a outras entidades existentes e acordes coas novas funcións que van desempeñar. Neste sentido, autorízase o Consello da Xunta de Galicia a proceder á disolución da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia. Os seus bens patrimoniais quedan integrados na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no Instituto de Estudos do Territorio. Tamén se autoriza o Consello da Xunta a extinguir as fundacións para o desenvolvemento das comarcas por imposibilidade de realizar o fin fundacional. Aos bens e dereitos resultantes da liquidación destas fundacións de desenvolvemento comarcal daráselles o destino previsto polo fundador ou decidido polo padroado, cando teña recoñecida esta facultade.

Por outra banda, dentro deste capítulo, ante a dificultade existente para promover parques empresariais de entidade en Galicia, realízanse modificacións de cara a resolver os problemas que poden comprometer a viabilidade urbanística do desenvolvemento do solo industrial en Galicia, de maneira que, de forma excepcional, se poida incluír no ámbito dos parques empresariais solo rústico de protección para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións de utilidade pública ou de interese social.

O capítulo III contén diversas modificacións do texto refundido da Lei da función pública en materia de postos de traballo de libre designación, plan de ordenación de recursos humanos, rehabilitación da condición de funcionario, excedencia por prestación de servizos no sector público, excedencia por razón de violencia de xénero, adscrición provisional por reingreso ao servizo activo e supostos de cesamento nun posto de traballo provisto por libre designación ou por alteración do contido ou supresión do posto e do réxime retributivo dos trienios recoñecidos ao persoal interino. Estas modificacións perseguen a adaptación da lexislación da función pública ao disposto no Estatuto básico do empregado público na medida en que é necesario optimizar a distribución dos recursos humanos como mecanismo de previsión dos recursos económicos dispoñibles coa conseguinte mellora na eficiencia da xestión administrativa e co aumento da produtividade e da eficacia nos servizos aos cidadáns.

Dentro destas modificacións, atópanse as correspondentes ás disposicións adicionais do texto refundido da lei. Inclúese, por unha parte, a modificación do dereito a percibir o recoñecemento económico do complemento de destino que a lei de orzamentos do Estado fixa para as persoas titulares das direccións xerais, que se restrinxe para os cargos públicos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de incompatibilidades de altos cargos da Administración autonómica, coa excepción expresa do persoal eventual, a modificación de oficio das relacións de postos de traballo como consecuencia do cambio no sissistema de provisión de postos de traballo das xefaturas de servizo e postos equivalentes, así como a incorporación dunha nova disposición que prevé un plan de funcionarización para o persoal laboral fixo a través dun proceso selectivo independente de promoción interna.

No capítulo IV deste título recóllense dúas medidas en materia de contratación. A primeira delas dirixida á reserva da participación, en determinados procedementos de adxudicación de contratos, a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral; medida de carácter sociolaboral que permite, pero non impón, a reserva de contratos cun límite do 3% do importe dos adxudicados no exercicio orzamentario inmediatamente anterior mediante contratos menores ou procedementos negociados por razón da contía.

Tamén destaca, en segundo lugar, a creación, sen incremento do gasto, dun órgano colexiado independente para o coñecemento e a resolución das cuestións de nulidade formuladas e dos recursos especiais en materia de contratación que se interpoñan en relación cos procedementos de contratación das entidades do sector público.

A disposición transitoria establece o réxime das condicións laborais do persoal afectado pola reorganización dos instrumentos de xestión da Xunta de Galicia no eido do desenvolvemento rural.

Na súa disposición derrogatoria, a lei contén catro alíneas destinadas a derrogar preceptos e normas que quedaron sen obxecto ou contido como consecuencia do establecido noutras disposicións da lei.

As disposicións derradeiras recollen un conxunto de modificacións legais reguladoras de diferentes ámbitos sectoriais. Así, permítese que as leis anuais de orzamentos formulen criterios específicos de afectación dunha parte do Fondo de Compensación Ambiental, dotado cos recursos procedentes do canon eólico, e créase unha comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial asociados aos parques eólicos, coa finalidade de garantir a execución das actuacións polas que os proxectos foron seleccionados. Así mesmo, modifícase o ámbito subxectivo da autorización dos convenios de contido económico por parte do Consello da Xunta.

Por outra parte, realízanse dúas modificacións legais motivadas pola reorganización dos instrumentos de xestión da Xunta de Galicia no eido do desenvolvemento rural e determínase o carácter do silencio administrativo en determinadas solicitudes e reclamacións formuladas polos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I MEDIDAS FISCAIS

CAPÍTULO I TRIBUTOS CEDIDOS

Artigo 1º.-Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Un.-Modifícase o artigo 52º.Un da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, que queda redactado como segue:

«Un.-As persoas que causen alta por primeira vez durante o período impositivo no censo de empresarios profesionais e retedores como consecuencia do establecido no artigo 3º.2.a) do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, e manteñan a devandita situación durante un ano natural, poderán deducir 300 euros da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas, no período impositivo no que se produza a alta, sempre que desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

Dous.-Establécese a seguinte dedución por acollemento na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas:

«Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica a cantidade de 300 euros por cada menor en réxime de acollemento familiar simple, permanente, provisional ou preadoptivo, administrativo ou xudicial, formalizado polo órgano competente en materia de menores da Xunta de Galicia, sempre que convivan co menor máis de 183 días durante o período impositivo e non teñan relación de parentesco. Se o tempo de convivencia durante o período impositivo fose inferior a 183 días e superior a 90 días, o importe da dedución por cada menor acollido será de 150 euros.

Non dará lugar a esta dedución o suposto de acollemento familiar preadoptivo cando se producise a adopción do menor durante o período impositivo, sen prexuízo da aplicación, se é o caso, da dedución por adopción.

No caso de acollemento de menores por matrimonio, ou polas parellas de feito ás que se refire a disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, o importe da dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles, se optasen pola declaración individual.

A práctica desta dedución quedará condicionada á xustificación documental axeitada e suficiente do suposto de feito e aos requisitos que determinen a súa aplicabilidade».

Tres.-Establécese a seguinte dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas:

«1. Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica, e cun límite de 4.000 euros, o 20% das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións ou participacións sociais como consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en sociedades anónimas, limitadas, anónimas laborais ou limitadas laborais, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) A participación do contribuínte, computada xunto coas do cónxuxe ou persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40% nin inferior ao 1% do capital social da sociedade obxecto do investimento ou dos seus dereitos de voto en ningún momento e durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

b) A entidade na que hai que materializar o investimento debe cumprir os seguintes requisitos:

1º Debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia e mantelo durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

2º Debe desempeñar unha actividade económica durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. Para tal efecto, non debe ter por actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto polo artigo 4º.8.Dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

3º Debe contar, como mínimo, con dúas persoas ocupadas con contrato laboral e en xornada completa, dadas de alta no réxime xeral da Seguridade Social e con residencia habitual en Galicia, durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

4º No caso de que o investimento se realizase mediante unha ampliación de capital, a sociedade mercantil debeu ser constituída nos tres anos anteriores á data desta ampliación, e que ademais, durante os vinte e catro meses seguintes á data do inicio do período impositivo do imposto sobre sociedades no que se realizase a ampliación, o seu cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia se incrementase, polo menos en dúas persoas, respecto do cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia nos doce meses anteriores, e que o devandito incremento se manteña durante un período adicional doutros vinte e catro meses.

Para o cálculo do cadro de persoal medio total da empresa e do seu incremento tomaranse as persoas empregadas, nos termos que dispoña a lexislación laboral, tendo en conta a xornada contratada en relación coa xornada completa.

c) O contribuínte pode formar parte do consello de administración da sociedade na que materializou o investimento, pero en ningún caso pode levar a cabo funcións executivas nin de dirección durante un prazo de dez anos. Tampouco pode manter unha relación laboral coa entidade obxecto do investimento durante ese mesmo prazo.

d) As operacións nas que sexa aplicable a dedución deben formalizarse en escritura pública, na que debe especificarse a identidade dos investidores e o importe do investimento respectivo.

e) As participacións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de tres anos, seguintes á constitución ou ampliación.

2. O incumprimento dos requisitos e das condicións establecidas comporta a perda do beneficio fiscal, e o contribuínte debe incluír na declaración do imposto correspondente ao exercicio no que se produciu o incumprimento a parte do imposto que se deixou de pagar como consecuencia da dedución practicada xunto cos xuros de mora devengados».

Catro.-Establécese a seguinte dedución por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do Mercado Alternativo Bursátil na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas:

«1. Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica, e cun límite de 4.000 euros, o 20% das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións como consecuencia de acordos de ampliación de capital subscritos por medio do segmento de empresas en expansión do Mercado Alternativo Bursátil, aprobado por acordo do Consello de Ministros do 30 de decembro de 2005.

2. Para poder aplicar a dedución á que se refire a alínea 1 deben cumprirse os seguintes requisitos:

a) A participación conseguida polo contribuínte na sociedade obxecto do investimento non pode ser superior ao 10% do seu capital social nin inferior ao 1%.

b) As accións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período de dous anos, como mínimo.

c) A sociedade obxecto do investimento debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia, e non debe ter como actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto polo artigo 4º.8.Dous.a) da Lei do Estado, 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

Os requisitos indicados nas letras a) e c) anteriores deberán cumprirse durante todo o prazo de mantemento indicado na letra b), contado desde a data de adquisición da participación.

3. O incumprimento dos requisitos anteriores comporta a perda do beneficio fiscal, e o contribuínte debe incluír na declaración do imposto correspondente ao exercicio no que se produciu o incumprimento a parte do imposto que se deixou de pagar como consecuencia da aplicación da dedución practicada, xunto cos xuros de mora devengados.

4. A dedución contida neste artigo resultará incompatible, para os mesmos investimentos, coa dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación».

Cinco.-Apróbase a escala autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas seguinte:

[figura]

As leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderán modificar a escala prevista nesta alínea.

Artigo 2º.-Imposto sobre sucesións e doazóns.

Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa ou inter vivos estean incluídas parcelas forestais que formen parte da superficie de xestión e comercialización conxunta de producións que realicen agrupacións de propietarios forestais dotadas de personalidade xurídica practicarase una redución do 99% do valor das devanditas parcelas sempre que se manteña a propiedade polo prazo, contido nos estatutos sociais, que reste para o cumprimento do compromiso da agrupación de permanencia obrigatoria na xestión conxunta das parcelas.

Esta redución non se aplicará de oficio e deberá ser solicitada polo suxeito pasivo na presentación da declaración do imposto, acompañada dos xustificantes expedidos pola Consellería do Medio Rural que acrediten a inclusión das devanditas parcelas na agrupación de propietarios forestais. A solicitude non se poderá rectificar con posterioridade, agás que a rectificación se presente no período regulamentario de declaración.

A porcentaxe de redución aplicarase sobre o resultado de deducir do valor do ben ou dereito o importe das cargas e gravames que prevé o artigo 12º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, así como a parte proporcional do importe das débedas e dos gastos que sexan deducibles de acordo cos artigos 13º, 14º e 17º da mesma lei, sempre que estes últimos se tivesen en conta na fixación da base impoñible individual do causahabente ou donatario.

Se se deixasen de cumprir os requisitos establecidos nas reducións anteriores, deberase pagar a parte do imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da redución practicada e os xuros de mora.

Artigo 3º.-Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Un.-Establécese unha dedución na cota do 100% na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas, do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, no suposto de arrendamento de terreos rústicos, sempre que as persoas arrendatarias teñan a condición de agricultores profesionais en canto á dedicación de traballo e procedencia das rendas e sexan titulares dunha explotación agraria, á cal queden afectos os elementos obxecto do aluguer, ou ben socios dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil que sexa titular dunha explotación agraria á que queden afectos os elementos arrendados.

Para os efectos desta dedución, os termos de «explotación agraria» e «agricultor/a profesional» son os definidos na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, e acreditaranse mediante certificación expedida polo órgano correspondente da Comunidade Autónoma. A dedución quedará condicionada á presentación, no prazo de declaración, destes xustificantes.

Dous.-Establécese unha dedución na cota do 100% no imposto de transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados para as transmisións onerosas de parcelas forestais incluídas na superficie de xestión e comercialización conxunta de producións que realicen agrupacións de propietarios forestais dotadas de personalidade xurídica sempre que esas transmisións sexan realizadas entre membros destas agrupacións ou ben con terceiros que se integren nelas e manteñan a propiedade polo prazo, contido nos estatutos sociais, que reste para o cumprimento do compromiso da agrupación de permanencia obrigatoria na xestión conxunta das parcelas.

A dedución quedará condicionada á presentación, no prazo de declaración, dos xustificantes expedidos pola Consellería do Medio Rural que acrediten a inclusión dos devanditos terreos na agrupación de propietarios forestais.

Artigo 4º.-Taxa fiscal sobre o xogo.

Un.-Modifícanse os tipos de gravame e as cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar no sentido que a continuación se indica:

1. Nos casinos de xogo aplicarase a seguinte tarifa:

[figura]

2. Nos casos de explotación de máquinas ou aparellos automáticos aptos para a realización dos xogos, a cota determinarase en función da clasificación das máquinas, realizada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, segundo as normas seguintes :

A) Máquinas tipo «A» especial:

Cota anual: 500 euros.

B) Máquinas tipo «B» ou recreativas con premio:

a) Cota anual: 3.740 euros.

b) Cando se trate de máquinas ou aparellos automáticos tipo «B», nos que poidan intervir dous ou máis xogadores ou xogadoras de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros, serán aplicables as seguintes cotas:

1º Máquinas ou aparellos de dous xogadores ou xogadoras: dúas cotas, de acordo co previsto na letra a).

2º Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores ou xogadoras: 7.640 euros e mais o resultado de multiplicar por 3.080 o produto do número de xogadores ou xogadoras polo prezo máximo regulamentario da partida.

c) No caso de homologación dunha máquina de tipo «B» cun prezo máximo de partida superior ao prezo máximo regulamentario de 0,20 euros, as cotas tributarias establecidas nas letras a) e b) anteriores incrementaranse en 18,80 euros por cada céntimo de euro no que se incremente o prezo máximo regulamentario.

d) No caso de modificación do prezo máximo regulamentario de 0,20 euros para a partida en máquinas de tipo «B» ou recreativas con premio, a cota tributaria anual correspondente incrementarase en 18,80 euros por cada céntimo de euro de diferenza entre os prezos máximos regulamentarios ou, de ser o caso, entre o novo prezo máximo regulamentario e o prezo máximo de partida homologado.

C) Máquinas tipo «C» ou de azar:

Cota anual: 5.460 euros.

Dous.-Quedan exentos do pagamento da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar os xogos excluídos do ámbito de aplicación da Lei reguladora do xogo de Galicia.

CAPÍTULO II TRIBUTOS PROPIOS

Artigo 5º.-Imposto sobre o bingo.

Modifícase o artigo 1º da Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, que queda redactado como se indica a seguir:

«Artigo 1º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible a participación no xogo do bingo nos locais onde este se realice ou organice.

2. Queda exento do pagamento deste imposto o xogo do bingo que se considere excluído do ámbito de aplicación da Lei reguladora do xogo de Galicia».

CAPÍTULO III NORMAS DE APLICACIÓN DOS TRIBUTOS

Artigo 6º.-Comprobación de valores.

Un.-Modifícase o artigo 59º da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, que queda redactado como segue:

«Artigo 59º.-Comprobación de valores. Norma xeral.

Para efectuar a comprobación de valores para os efectos dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, a Administración tributaria poderá utilizar, indistintamente, calquera dos medios previstos no artigo 57º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

A Comunidade Autónoma de Galicia recoñécelles eficacia xurídica aos valores establecidos por outra comunidade autónoma para os bens inmobles situados no seu territorio, en virtude dalgún dos medios de valoración incluídos no artigo 57º.1 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e poderá aplicar os devanditos valores para os efectos dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ».

Dous.-Modifícase o artigo 62º da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, que queda redactado como segue:

«Artigo 62º.-Ditame de peritos da Administración.

Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57º.1 e) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, estas poderán tomar como referencia, para os efectos de motivación suficiente, os valores contidos nos rexistros oficiais de carácter fiscal do artigo 60º desta lei, os valores básicos e prezos medios de mercado aos que alude a normativa técnica mencionada no artigo 61º desta lei ou ben os valores establecidos por outra comunidade autónoma para os bens inmobles situados no seu territorio».

Tres.-Modifícase o artigo 64º, regras 1ª e 2ª, da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, que queda redactado do seguinte xeito:

«1ª O órgano competente trasladaralles aos interesados a valoración motivada que figure no expediente referida ao ben obxecto da taxación, calquera que fose o medio de comprobación utilizado de entre os sinalados no artigo 57º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e concederalles un prazo dun mes e dez días para que procedan tanto ao nomeamento dun perito, que deberá ter título axeitado á natureza dos bens e dereitos obxecto da valoración, e achegar, no momento do nomeamento, proba suficiente do título que posúa, coma á emisión dun ditame debidamente motivado, de acordo co establecido no artigo 160º do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e dos procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos.

O perito designado polo contribuínte terá á súa disposición, na sede do órgano competente para a tramitación deste procedemento e no prazo anteriormente sinalado, a relación de bens e dereitos obxecto da taxación pericial contraditoria.

Entenderase acreditado o título axeitado á natureza do ben obxecto da valoración, e a suficiente motivación, se o informe pericial se presenta visado polo colexio profesional correspondente.

2ª Transcorrido o prazo dun mes e dez días sen facer a designación de perito, coa acreditación suficiente do título que posúe, ou sen emitir o ditame pericial suficientemente motivado, considerarase que desiste do seu dereito a promover a taxación pericial contraditoria, darase por finalizado o procedemento e entenderase a conformidade do interesado co valor comprobado. Neste caso, confirmarase a liquidación inicial, cos correspondentes xuros de mora, e non poderá promover unha nova taxación pericial contraditoria».

Catro.-Modifícase o artigo 64º, regra 4ª, letra b), da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, que queda redactado como segue:

«4ª b) Realizada a designación, remitiráselle á persoa ou entidade designada a relación de bens e dereitos obxecto da valoración e a copia tanto da valoración da Administración coma da efectuada polo perito designado polo obrigado tributario, para que no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte da entrega, proceda a confirmar algunha delas ou realice unha nova valoración, que será definitiva. Neste último caso, a nova valoración debe de estar suficientemente motivada de acordo co establecido no artigo 160º do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e dos procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos.

No caso de que o perito terceiro non emita a valoración no prazo establecido no parágrafo anterior, poderase deixar sen efecto a súa designación, sen prexuízo das responsabilidades que resulten esixibles pola falta de emisión do ditame en prazo. No caso de que se deixe sen efecto a designación, haberá de notificárselles esta circunstancia ao perito terceiro e ao obrigado tributario, e procederase, se é o caso, á liberación dos depósitos dos seus honorarios e ao nomeamento doutro perito terceiro por orde correlativa.

A renuncia do perito terceiro ou a falta de presentación en prazo impedirán a súa designación no exercicio corrente e nos dous posteriores a este.

No caso de que a valoración realizada polo perito terceiro presente defectos de motivación, e tal circunstancia sexa apreciada polo órgano competente para a tramitación deste procedemento, ou en vía de recurso por un órgano administrativo ou xudicial, a Administración tributaria procederá ou ben á remisión da documentación para a realización dunha nova valoración ao mesmo perito ou ben ao nomeamento dun novo, de acordo co procedemento e cos prazos sinalados neste artigo. No primeiro suposto, non procederá a realización dun novo depósito nin novo pagamento de honorarios. No segundo caso, procederá a devolución polo perito dos honorarios satisfeitos xunto co interese legal vixente no período que medie desde a data do pagamento dos honorarios ata a data da súa devolución.

Entenderase suficientemente motivado o informe pericial se se presenta visado polo colexio profesional correspondente».

Artigo 7º.-Obrigas formais.

Modifícase o artigo 7º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, que queda redactado como segue:

«Artigo 7º.-Obrigas formais dos notarios.

Co fin de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes e mais o acceso telemático dos documentos aos rexistros públicos, os notarios destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, en colaboración co Consello Xeral do Notariado, remitiranlle por vía telemática á Consellería de Facenda unha declaración informativa notarial comprensiva dos elementos básicos da escritura e confeccionada cos datos existentes no índice único informatizado notarial ao que se refire o artigo 17º da Lei, do 28 de maio de 1862, do notariado. A declaración informativa notarial ou ficha notarial deberá reproducir fielmente os elementos básicos da escritura, sobre todo aqueles que teñan relevancia para efectos tributarios, e o notario velará pola máis estrita veracidade da ficha, así como pola súa correspondencia cos documentos públicos autorizados e intervidos, e será responsable de calquera discrepancia que exista entre aquela e estes. Tamén deberán remitir, por solicitude da Consellería de Facenda, copia electrónica destas fichas, consonte o disposto na lexislación notarial.

A ficha resumo notarial substituirá o documento notarial nos supostos que determine por orde a Consellería de Facenda, que, ademais, establecerá os procedementos, a estrutura e os prazos nos que debe ser remitida a información».

Artigo 8º.-Liquidación e pagamento da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar correspondente a máquinas.

Un.-Os suxeitos pasivos deberán presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha declaración por cada máquina en explotación, e deberán autoliquidar e ingresar a cota anual legalmente establecida que lles corresponda á tipoloxía e ás características da autorización da máquina.

Nos casos de nova autorización ou de reinicio da explotación da máquina con autorización de explotación en situación de suspensión provisional na data do devengo a cota que deberán autoliquidar os suxeitos pasivos será:

a) O 75% da cota anual, se a autorización ou a alta da autorización é posterior ao 31 de marzo do ano en curso.

b) O 50% da cota anual, se a autorización ou a alta da autorización é posterior ao 30 de xuño do ano en curso.

c) O 25% da cota anual, se a autorización ou a alta da autorización é posterior ao 30 de setembro do ano en curso.

Dous.-Malia o disposto na alínea Un anterior, os suxeitos pasivos poderán optar, no momento de formular a autoliquidación, polo fraccionamento do importe que se deba ingresar, en pagamentos fraccionados trimestrais iguais, e deberán ingresar os pagamentos trimestrais que estivesen vencidos ao tempo de presentar a autoliquidación, así como aprazar o ingreso dos restantes nos períodos de ingreso predeterminados por orde da consellaría competente en materia de facenda.

A opción polo fraccionamento e aprazamento sinalados no parágrafo anterior non precisará de achega e/ou constitución de garantía ningunha nin devengará xuros de mora. Serán requisitos para poder exercer a opción anterior:

a) Autoliquidar a cota anual vixente.

b) Presentar a autoliquidación no prazo regulamentariamente establecido por orde da consellaría competente en materia de facenda.

c) Domiciliar os pagamentos fraccionados aprazados.

Non será posible aprazar ou fraccionar os pagamentos fraccionados trimestrais. A presentación da solicitude non impedirá o inicio do período executivo nin o devengo das recargas correspondentes e dos xuros de mora, e considerarase incumprimento das obrigas tributarias para todos os efectos. O incumprimento do pagamento de calquera pagamento fraccionado terá os efectos sinalados na normativa xeral tributaria.

Tres.-Nos casos nos que para unha máquina en explotación se modificase algunha ou varias das características da súa autorización que supuxesen modificación da cota anual, con data de efectos posterior ao peche do prazo de presentación da autoliquidación a que se refire a alínea Un deste artigo, o suxeito pasivo deberá presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha declaración complementaria coa autoliquidación e co ingreso do importe total da diferenza entre a nova cota anual e a xa autoliquidada.

Para calcular a cota anual segundo as novas características da autorización de explotación da máquina terase en conta a data de efectos, do xeito que especifique a orde da consellaría competente en materia de facenda.

Os suxeitos pasivos poderán optar polo fraccionamento e aprazamento aos que se refire a alínea Dous anterior cos mesmos requisitos e coas mesmas obrigas e formalidades.

Catro.-Cando un suxeito pasivo reinicie a explotación da máquina no segundo ou no terceiro trimestre do ano en curso coa intención de explotala como máximo ata a fin do terceiro trimestre deberá presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha declaración complementaria coa autoliquidación e co ingreso:

a) Do 50% da cota anual, se o reinicio da explotación ten efectos para o segundo e o terceiro trimestre.

b) Do 25% da cota anual, se o reinicio da explotación ten efectos para o segundo ou o terceiro trimestre.

Malia o disposto na letra a), os suxeitos pasivos poderán optar polo fraccionamento e aprazamento aos que se refire a alínea Dous anterior cos mesmos requisitos e coas mesmas obrigas e formalidades, e tendo en conta que o número de pagamentos trimestrais será de dous.

Para poder acollerse a este réxime, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que as máquinas se atopen na situación de suspensión provisional na data do 30 de setembro do ano anterior.

b) Que a autoliquidación na que se exerza a opción por este réxime se presente no prazo regulamentariamente establecido por orde da consellaría competente en materia de facenda. Deberase sinalar o número de trimestres nos que se vai manter a máquina en explotación.

Se o suxeito pasivo, unha vez exercida a opción por este réxime, decidise manter a máquina en explotación máis alá da data comprometida, deberá presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, unha declaración complementaria coa autoliquidación e co ingreso do importe total da diferenza entre a cota anual que procedese e a xa autoliquidada.

CAPÍTULO IV ORGANIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN TRIBUTARIA

Artigo 9º.-Competencias na aplicación dos tributos.

Un.-Mediante orde da Consellería de Facenda poderáselles encomendar a determinadas oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade todas ou algunhas das funcións relativas á aplicación, á revisión ou ao exercicio da potestade sancionadora no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Dous.-As compensacións que por esta encomenda perciban os rexistradores da propiedade como titulares das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario, así como outras cuestións relativas ás relacións entre a Consellería de Facenda e as anteditas oficinas, estableceranse no convenio que para tal efecto se subscriba.

Artigo 10º.-Axencia Tributaria de Galicia.

Un.-Autorízase a creación da Axencia Tributaria de Galicia coa finalidade de actuar como instrumento para a realización das funcións administrativas de aplicación dos tributos e demais funcións e competencias atribuídas nesta lei e para a realización das que se lle puidesen atribuír ou encomendar mediante lei ou convenio.

A Axencia Tributaria de Galicia terá natureza de axencia pública autonómica, dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, con patrimonio e tesouraría propios e autonomía funcional, financeira e de xestión para o cumprimento do seus fins. Estará adscrita á consellaría competente en materia de facenda, que fixará as directrices e exercerá a tutela e o control de eficacia e de eficiencia sobre a súa actividade. A axencia gozará do tratamento fiscal aplicable á Xunta de Galicia.

Dous.-A Axencia Tributaria de Galicia terá as seguintes funcións:

a) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, cando a súa lei específica lle atribúa estas funcións á consellaría competente en materia de facenda.

b) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos estatais cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na normativa reguladora do financiamento autonómico.

c) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora das recargas que se establezan sobre os tributos estatais.

d) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora doutros tributos estatais ou locais recadados en Galicia que puidese asumir por delegación ou encomenda.

e) A recadación dos ingresos de dereito público de natureza non tributaria que a normativa lle atribúa á consellaría competente en materia de facenda.

f) A revisión en vía administrativa das actuacións e dos actos realizados no exercicio das funcións anteriores, con excepción das reclamacións económico-administrativas, da revisión de actos nulos de pleno dereito e daqueloutras que por lei específica se lles atribúa a outros órganos.

g) A colaboración e coordinación coas demais administracións tributarias, e en particular a participación nos órganos de goberno da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou, se é o caso, nos das entidades que se creen en relación coa aplicación dos tributos en Galicia.

h) Calquera outra función que lle sexa atribuída por lei ou por convenio administrativo.

Tres.-A actividade da Axencia Tributaria de Galicia fundamentarase nos seguintes principios e regras de actuación:

a) Legalidade, obxectividade, eficacia e universalidade na aplicación dos tributos, con pleno respecto aos dereitos e ás garantías dos cidadáns.

b) Loita contra as diversas formas de fraude fiscal.

c) Eficacia e responsabilidade na xestión da información.

d) Información e servizo aos cidadáns, coa prestación dunha atención especial aos contribuíntes e co intento de reducir ao mínimo os custos de tramitación e de facilitar o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

e) Coordinación e cooperación co resto das administracións tributarias.

f) Colaboración social e institucional cos colexios profesionais e con outras corporacións de dereito público e asociacións profesionais do ámbito tributario co fin de facilitarlles ao máximo aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas e dos seus deberes tributarios.

g) Adaptación continua aos cambios do ámbito económico e social e atención ás novas necesidades dos cidadáns.

h) Transparencia na fixación de criterios e obxectivos na súa actividade, en particular na loita contra a fraude.

i) Impulso do emprego e aplicación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

j) Especialización do persoal.

Catro.-O patrimonio da axencia estará integrado polos bens e dereitos que se lle adscriban e polos que adquira por calquera título, conforme o disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. O réxime xurídico deste patrimonio será o previsto na referida lexislación patrimonial.

Os bens que se lle adscriban conservarán a cualificación xurídica orixinaria, e a adscrición non implica ningunha transmisión do dominio público nin desafectación.

Cinco.-Os recursos da Axencia Tributaria de Galicia estarán constituídos por:

a) As dotacións que se lle asignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) As subvencións e demais transferencias correntes ou de capital que, con cargo ao orzamento de calquera ente público, poidan corresponderlle.

c) Os rendementos procedentes dos bens ou dereitos do seu patrimonio.

d) Os ingresos procedentes da prestación de servizos a calquera outra persoa física ou xurídica, pública ou privada.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Calquera outro ingreso de dereito público ou privado que normativamente lle puidese corresponder.

Os recursos que deriven das letras b), d), e) e f) que non estivesen previstos no orzamento da axencia poderanse destinar a financiar maiores gastos por acordo do órgano que resulte competente conforme os seus estatutos.

A recadación de ingresos tributarios e dos demais recursos de dereito público, derivada da actividade propia da axencia, forman parte do Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Seis.-Os actos da Axencia Tributaria de Galicia ditados no exercicio das súas funcións como poder público son actos administrativos.

As funcións de aplicación dos tributos e a potestade sancionadora atribuídas á axencia réxense pola Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento, polas normas ditadas pola Comunidade Autónoma no exercicio da súa competencia en materia tributaria e polas disposicións en materia de procedemento administrativo.

Sete.-A Axencia Tributaria de Galicia contará con persoal funcionario e laboral das administracións públicas e, de ser o caso, con persoal laboral propio, e quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

O persoal funcionario rexerase pola normativa aplicable en materia de función pública, coas especificidades que se establezan nos estatutos da axencia.

O persoal laboral da Xunta de Galicia rexerase polo convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e pola demais normativa que lle resulte aplicable.

O persoal laboral propio rexerase polo Estatuto dos traballadores, polo convenio colectivo que lle resulte aplicable e pola demais normativa laboral.

A axencia contará con persoal directivo. Terá tal consideración o que se determine nos seus estatutos en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas. O réxime xurídico aplicable a este persoal será o previsto no artigo 13º da Lei 7/2007, do 12 de abril, e na normativa de desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

A aprobación e modificación tanto do cadro de persoal coma da proposta de relación de postos de traballo serán acordadas polos órganos superiores de goberno e dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública, e a contratación será decidida polo órgano que sinale a súa normativa específica ou os seus estatutos. En todo caso, a aprobación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Ao persoal ao servizo da Axencia Tributaria de Galicia resultaralle aplicable o réxime de incompatibilidades previsto para o persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adecuado á súa condición. O seu incumprimento será sancionado conforme a normativa que en cada caso resulte aplicable.

Corresponderalles aos órganos competentes da axencia deseñar o plan anual de formación do persoal adscrito ao seu cargo, así como a sinatura de convenios con este obxecto con entidades públicas ou privadas.

Oito.-A Axencia Tributaria de Galicia poderá subscribir convenios de colaboración con outras administracións e entidades públicas, en canto aos ámbitos de actuación que directa ou indirectamente lle son propios.

A colaboración da axencia con outras administracións públicas ou coas súas entidades vinculadas poderá revestir calquera forma admitida en dereito, incluída a constitución ou participación en entidades con personalidade xurídica propia e diferenciada, que exixirá a previa autorización do Consello da Xunta de Galicia por proposta do titular da consellaría competente en materia de facenda.

A axencia participará, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia, nos entes e organismos do Estado responsables da aplicación dos tributos estatais cedidos parcialmente.

A axencia colaborará especialmente coas administracións tributarias doutras comunidades autónomas e da Administración local.

Nove.-Desde a data de inicio das súas actividades, a Axencia Tributaria de Galicia quedará subrogada na posición xurídica da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en todas as relacións xurídicas que afecten o ámbito das súas competencias.

TÍTULO II MEDIDAS ADMINISTRATIVAS

CAPÍTULO I RÉXIME FINANCEIRO, ORZAMENTARIO E PATRIMONIAL

Artigo 11º.-Modificación da porcentaxe de límite de gasto a exercicios futuros.

Engádese un novo punto 8 ao artigo 58º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, co seguinte contido:

«8. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de facenda, poderá establecer unhas porcentaxes de límite de compromiso de gasto a exercicios futuros inferiores, logo da xustificación da súa necesidade, para garantir a senda de estabilidade orzamentaria comprometida no marco orzamentario plurianual».

Artigo 12º.-Propostas normativas e outras actuacións.

Un.-A formulación de iniciativas lexislativas por parte da Xunta de Galicia, así como a aprobación de normas de rango regulamentario, plans ou programas de actuación de contido económico-financeiro, requirirán a previa dispoñibilidade dunha memoria económico-financeira que avalíe adecuadamente os custos que esas propostas poidan representar e que considere as posibilidades ou alternativas existentes para o seu financiamento cando delas poida derivar un incremento do gasto público.

Dous.-O contido mínimo da memoria económicofinanceira será establecido por orde da Consellería de Facenda.

Tres.-Antes de proceder á súa tramitación, a iniciativa lexislativa, a norma de rango regulamentario e os plans ou programas de actuación, acompañados da correspondente memoria económico-financeira, deberán remitírselle á Consellería de Facenda co obxecto de que a Dirección Xeral de Orzamentos proceda a emitir informe de carácter preceptivo que determine os seus efectos sobre o gasto público, tendo en conta a política da Xunta de Galicia e a necesidade de contención do gasto público.

Artigo 13º.-Integración do patrimonio das extintas cámaras agrarias.

Modifícase a alínea Un da disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, que queda redactada como segue:

«Un.-O patrimonio das extintas cámaras agrarias locais, de acordo co proceso de liquidación realizado no seu día, integrarase definitivamente no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e quedará adscrito á consellaría competente en materia de agricultura para a súa aplicación a fins de interese agrario no ámbito territorial de Galicia».

CAPÍTULO II MEDIO RURAL E ORDENACIÓN URBANÍSTICA

Artigo 14º.-Propiedade forestal.

Modifícase o artigo 29º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 29º.-Reorganización da propiedade forestal e fomento das agrupacións de propietarios forestais.

Co obxecto de garantir a defensa contra os incendios forestais e de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo, promoverase a reorganización da propiedade forestal e a posta en marcha de agrupacións de propietarios forestais».

Artigo 15º.-Concentración parcelaria de carácter privado en terreos de monte.

Un.-Modifícase o artigo 57º da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 57º

Cando dous ou máis propietarios titulares de predios integrados en explotacións independentes, mediante permuta ou por calquera outro título, agrupen predios cunha superficie que sexa como mínimo de media hectárea en cultivos intensivos e horta e unha hectárea en labradío ou prado, os gastos correspondentes ao outorgamento de escrituras, inscricións rexistrais e outros lexítimos correrán a cargo da consellaría competente en materia de agricultura».

Dous.-Engádese un novo artigo 60º bis) á Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, co seguinte contido:

«Artigo 60º bis).

1. As agrupacións de propietarios de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal legalmente constituídas poderán promover a concentración parcelaria de carácter privado dos terreos achegados á agrupación se cumpren os seguintes requisitos:

a) A superficie mínima que se concentrará será de 15 hectáreas, formada por un máximo de tres unidades de superficie en couto redondo, cada unha delas cun 25% -como mínimo- da superficie total.

b) A superficie das parcelas propiedade de terceiros incluídas en cada unidade de superficie que se vaia concentrar non será superior ao 30% do total.

c) Os propietarios de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal deberán estar constituídos nunha agrupación con personalidade xurídica, que teña como finalidade a xestión e o aproveitamento en común das parcelas mediante unha xestión sustentable e viable destas, concretada nos aproveitamentos forestais e na súa comercialización.

d) Os lexítimos representantes da agrupación solicitaranlle á Consellería do Medio Rural a iniciación do expediente administrativo que conduza á reorganización das propiedades nos perímetros afectados, e incluirán na solicitude o compromiso expreso de todos os propietarios integrantes da agrupación da aceptación posterior da reorganización da propiedade que se leve a efecto.

e) A reorganización finalmente aprobada deberá incluír a nova situación de todos os enclaves de terceiros e lindar co perímetro exterior de cada unidade de superficie en couto redondo concentrada.

2. Nos proxectos de obras e melloras territoriais inherentes e complementarias á concentración parcelaria, as obras correspondentes realizaranas as agrupacións solicitantes, e poderán concederse axudas de ata o 70% do seu importe».

Artigo 16º.-Reorganización dos instrumentos de xestión da Xunta de Galicia no eido do desenvolvemento rural.

Un.-Autorízase o Consello da Xunta de Galicia a proceder á disolución, ao abeiro do previsto nos artigos 45º e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos artigos 360º e seguintes do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

O patrimonio desta sociedade integrarase no patrimonio da Comunidade Autónoma, e quedará adscrito á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ou ao Instituto de Estudos do Territorio, de acordo co previsto na normativa aplicable en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

O persoal que preste os seus servizos para a Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia baixo unha modalidade de contrato laboral indefinido e fose seleccionado para a cobertura definitiva dun posto do catálogo de postos da sociedade aprobado por esta co informe favorable da Administración autonómica baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade, consonte o previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou, se é o caso, de acordo coa normativa vixente no momento da súa incorporación, terá a opción de integrarse e de pasar a prestar servizos, baixo a mesma modalidade contractual e na mesma categoría profesional e nas restantes condicións laborais, no organismo autónomo de carácter administrativo Instituto de Estudos do Territorio, consonte a regulación prevista na alínea Sete deste artigo.

O restante persoal, distinto do sinalado no parágrafo anterior, que preste os seus servizos na Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia baixo unha modalidade de contrato laboral indefinido e fose seleccionado para a cobertura definitiva dun posto do catálogo de postos da sociedade aprobado por esta co informe favorable da Administración autonómica baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade, consonte o previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou, se é o caso, de acordo coa normativa vixente no momento da súa incorporación, terá a opción de integrarse e de pasar a prestar servizos, baixo a mesma modalidade contractual e na mesma categoría profesional e nas restantes condicións laborais, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, consonte a regulación prevista na alínea Sete deste artigo.

Desde o momento no que se produza a extinción da personalidade xurídica da sociedade anónima, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ou o Instituto de Estudos do Territorio, en función das novas competencias atribuídas, subrogaranse en todos os dereitos e obrigas da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, así como dos que se deriven dos contratos nos que a devandita sociedade fose parte, sen que esta subrogación poida reputarse como cesión de contratos.

Dous.-Autorízase o Consello da Xunta de Galicia a proceder á disolución, ao abeiro do previsto nos artigos 45º e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos artigos 360º e seguintes do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia.

O patrimonio desta sociedade integrarase no patrimonio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e estará destinado ao cumprimento dos fins establecidos na Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia. A xestión, réxime xurídico e transmisión dos bens que integran este patrimonio rexerase polo disposto na referida lei, sen prexuízo das adxudicacións que dese patrimonio realice a axencia por decisión do órgano competente en materia de agricultura, como consecuencia do disposto na antedita lei e na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

O persoal que preste os seus servizos na Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia baixo unha modalidade de contrato laboral indefinido e fose seleccionado para a cobertura definitiva dun posto do catálogo de postos da sociedade aprobado por esta co informe favorable da Administración autonómica baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade, consonte o previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou, se é o caso, de acordo coa normativa vixente no momento da súa incorporación, terá a opción de integrarse e de pasar a prestar servizos, baixo a mesma modalidade contractual e na mesma categoría profesional e nas restantes condicións laborais, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, consonte a regulación prevista na alínea Sete deste artigo.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural subrogarase en todos os dereitos e en todas as obrigas da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia desde o momento no que se produza a extinción da personalidade xurídica da sociedade anónima, así como nos que se deriven dos contratos nos que a mencionada sociedade fose parte, sen que esta subrogación poida reputarse como cesión de contratos.

Tres.-Consonte o previsto no artigo 59º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, autorízase o Consello da Xunta a extinguir as fundacións para o desenvolvemento das comarcas por imposibilidade de realizar o fin fundacional.

O acordo do Consello da Xunta polo que se autorice a extinción determinará a apertura do procedemento de liquidación, conforme o previsto no artigo 46º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Tras o remate das operacións de liquidación e previamente á inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado ratificará o acordo de extinción das anteditas fundacións.

Aos bens e dereitos resultantes da liquidación destas fundacións de desenvolvemento comarcal daráselles o destino previsto polo fundador ou decidido polo padroado, cando teña recoñecida esta facultade, nas respectivas cartas fundacionais, tendo en conta o disposto no artigo 45º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

O persoal que, á entrada en vigor desta lei, preste os seus servizos nas fundacións para o desenvolvemento das comarcas baixo unha modalidade de contrato laboral indefinido e fose seleccionado baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade, consonte o previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou, se é o caso, de acordo coa normativa vixente no momento da súa incorporación, terá a opción de integrarse e de pasar a prestar servizos, baixo a mesma modalidade contractual e na mesma categoría profesional, en calquera dos órganos ou das entidades públicas adscritos ou con participación maioritaria da consellaría competente en materia do medio rural, segundo o previsto na alínea Sete deste artigo.

O exercicio da opción pola integración do persoal das fundacións levará consigo a aceptación das condicións laborais e retributivas vixentes para cada categoría no organismo, na sociedade ou no ente ao que finalmente quede adscrito, sen vinculación ningunha ás condicións que con anterioridade tivera na fundación que se extinga.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural subrogarase na planificación, elaboración e execución dos programas en vigor aos que estean obrigadas as fundacións de desenvolvemento comarcal extinguidas.

Catro.-Facúltase a consellaría competente en materia de facenda, por proposta da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural e, de ser o caso, da de ordenación do territorio, a aprobar as modificacións orzamentarias previstas para levar a efecto o previsto nesta lei, incluídas as relativas aos orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas e entidades e organismos autónomos afectados, e será aplicable a excepción ás limitacións de transferencias de créditos relativa a reorganizacións administrativas prevista no artigo 68º.3 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Cinco.-As referencias previstas na normativa vixente ao Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial e á Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia entenderanse efectuadas á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Seis.-As referencias previstas na Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, e na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, e demais normativa vixente, á Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia ou á sociedade Bantegal entenderanse efectuadas á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Sete.-A aplicación do convenio colectivo da Xunta de Galicia ao persoal ao que se refiren as alíneas Un a Tres deste artigo poderá regularse mediante acordo do Consello da Xunta.

A integración na Administración xeral da Xunta de Galicia do persoal ao que se refiren as alíneas Un a Tres deste artigo poderá regularse mediante decreto da Xunta de Galicia.

O persoal laboral temporal das entidades ás que se refiren as alíneas Un a Tres deste artigo non verá modificada a natureza da súa relación contractual, e será por decreto do Consello da Xunta como se poderá determinar a súa nova vinculación, se é o caso.

Artigo 17º.-Solo rústico protexido.

Un.-Modifícanse o primeiro parágrafo e as letras a) e b) do punto 2 do artigo 32º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que quedan redactados como segue:

«2. Solo rústico especialmente protexido, constituído polos terreos que, polos seus valores agrícolas, gandeiros, forestais, ambientais, científicos, naturais, paisaxísticos e culturais, suxeitos a limitacións ou servidumes para a protección do dominio público ou doutra índole, deban estar sometidos a algún réxime especial de protección, de acordo co disposto nesta alínea.

Dentro deste tipo de solo rústico especialmente protexido distinguiranse as seguintes categorías:

a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos de alta produtividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou zonas onde se enclaven, así como polos terreos obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor da Lei 9/2002 e polos terreos concentrados con resolución firme producida nos dez anos anteriores a esta data, salvo que haxan de ser incluídos na categoría de solo rústico de protección forestal.

Porén, o plan xeral poderá excluír xustificadamente desta categoría os ámbitos lindeiros sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais que resulten necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, que serán clasificados como solo urbanizable ou incluído na delimitación dos núcleos rurais, respectivamente.

Excepcionalmente, a través dos procedementos previstos na lexislación de ordenación do territorio, a consellaría competente, por razón do contido do proxecto, poderá autorizar as actuacións necesarias para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións nas que concorra unha causa de utilidade pública ou de interese social que sexa prevalente a calquera outra preexistente.

b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e polos que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumprir funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo, e igualmente por aqueles terreos de monte que, aínda cando non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumprir as devanditas funcións, e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como por aquelas que sufrisen os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela. Igualmente, considéranse solo rústico de protección forestal aquelas terras que declare a administración competente como áreas de especial produtividade forestal e os montes públicos de utilidade pública.

Excepcionalmente, o plan xeral poderá excluír desta categoría as áreas sen masas arbóreas merecedoras de protección, lindeiras sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais, que resulten necesarias para o desenvolvemento urbanístico racional. Excepcionalmente, a través dos procedementos previstos na lexislación de ordenación do territorio, a consellaría competente, por razón do contido do proxecto, poderá autorizar as actuacións necesarias para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións nas que concorra unha causa de utilidade pública ou de interese social que sexa prevalente a calquera outra preexistente».

Dous.-Modifícase o punto 2 do artigo 37º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

No solo rústico de protección agropecuaria serán autorizables os usos relacionados na alínea 1, letras d) e e), e na alínea 2, letras e), g), h), j), k) e l), do artigo 33º desta lei, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio.

No solo rústico de protección forestal poderán autorizarse os usos relacionados na alínea 1, letras d) e e), e na alínea 2, letras, e), g), h), j), k) e l), do artigo 33º, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos de ordenación do territorio. Nos montes públicos de utilidade pública serán autorizables os usos admitidos na súa lexislación sectorial.

No solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos vinculados funcionalmente á infraestrutura correlativa, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos de ordenación do territorio».

Artigo 18º.-Procedemento de taxación conxunta.

Un.-Engádese un punto 4 ao artigo 144º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, co seguinte contido:

«4. Cando por acto administrativo ou resolución xudicial houbese que incluír bens ou dereitos que non fosen tidos en conta na aprobación do expediente, retrotraeranse as actuacións ata o momento de elaborarse a relación de bens e dereitos afectados para os únicos efectos de incluír nesta os novos bens e dereitos, e conservaranse os demais actos e trámites e manteranse en todo caso os efectos de aprobación do expediente ao que se refire este artigo».

Dous.-Engádese unha nova disposición transitoria quinta á Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobada pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria quinta.-Procedementos de taxación conxunta en tramitación.

Aos expedientes de expropiación polo procedemento de taxación conxunta que, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011, se atopasen no suposto ao que se refire a alínea 4 do artigo 144º desta lei seralles aplicable o disposto nese artigo».

Artigo 19º.-Proxectos sectoriais de parcelación urbanística.

Un.-Modifícase o punto 7 do artigo 23º da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que queda redactado como segue:

«7. Os proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo deberán conter, ademais das determinacións esixidas neste artigo, as que se indican no artigo 66º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Cando os devanditos proxectos afecten terreos que, conforme a lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, esixirase o informe favorable do organismo que exerza a competencia sectorial por razón do correlativo valor obxecto de protección».

Dous.-Engádese un segundo parágrafo ao punto 1 da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, co seguinte contido:

«A declaración de utilidade pública ou de interese social e a necesidade de ocupación implícitas na aprobación dun plan ou dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, acordadas en substitución doutro total ou parcialmente anulado, retrotraerán os seus efectos á data da aprobación do citado plan ou proxecto anulado se a aprobación comprendía as devanditas declaracións ou, noutro caso, retrotraerán os seus efectos á data de inicio do procedemento de expropiación. Todo isto en relación con aqueles bens e dereitos cuxa descrición física e xurídica individualizada constase xa naquelas datas».

CAPÍTULO III FUNCIÓN PÚBLICA

Artigo 20º.-Selección do persoal laboral.

Modifícase o punto 2 do artigo 10º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«2. A selección do persoal laboral efectuarase de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistema de oposición, de concurso ou de concurso-oposición libre, na que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, sen prexuízo do disposto na alínea 1 do artigo 37º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Cando o sistema de acceso sexa o de concurso, nas convocatorias establecerase unha puntuación mínima para superalo. En ningún caso o número de seleccionados poderá exceder o número de prazas convocadas».

Artigo 21º.-Postos de traballo de libre designación.

Modificase o artigo 30º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«Artigo 30º

Proveranse polo sistema de libre designación, con convocatoria pública entre persoal funcionario de carreira, os postos de traballo de carácter directivo ou de especial responsabilidade e aqueles que requiran unha confianza persoal para exercer as súas funcións. En todo caso, mediante este procedemento, proveranse as subdireccións xerais ou equivalentes, xefaturas de servizo ou equivalentes, as secretarías de altos cargos, así como, excepcionalmente, outros de nivel inferior que, como tales, se determinen nas relacións de postos de traballo, segundo os criterios que se establezan, neste último caso, logo da negociación coas organizacións sindicais.

Os postos clasificados como de libre designación estarán sometidos a dispoñibilidade horaria nos termos que se establezan regulamentariamente».

Artigo 22º.-Plan de ordenación de recursos humanos.

Engádese o artigo 30º bis) ao texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, co seguinte contido:

«Artigo 30º bis).

1. A Xunta de Galicia, no marco da planificación xeral dos seus recursos humanos, e sen prexuízo do dereito do persoal funcionario á mobilidade, poderá trasladar motivadamente o persoal funcionario de carreira a consellarías, unidades, organismos, axencias ou entidades distintas ás do seu destino cando considere que existen sectores prioritarios da actividade pública con necesidades especificas de efectivos.

2. Este traslado, de carácter voluntario, levarase a cabo mediante comisión de servizos, e atribuiráselle ao persoal funcionario ou ben un posto de traballo distinto ao de orixe, para o que reúna os requisitos establecidos na relación de postos de traballo, ou ben funcións ou tarefas propias da súa condición profesional que, por motivo de maior volume ou razóns conxunturais, non poidan ser atendidas con suficiencia polo persoal que preste servizos nas unidades sinaladas na alínea 1 deste artigo.

Nestes casos percibirán as retribucións do posto de traballo que realmente desempeñen, ou as do posto de orixe, no caso de que a devandita comisión sexa por atribución de tarefas.

Esta comisión de servizos terá unha duración de seis meses, prorrogable excepcionalmente por outros seis no caso de que se manteñan as necesidades de servizo ou funcionais. Os postos de traballo vacantes, cubertos temporalmente por esta comisión de servizos, incluiranse nos correspondentes concursos de traslados.

3. Cando as necesidades de servizo ou funcionais xustifiquen a modificación da adscrición dos postos de traballo a unha consellaría, unidade, organismo, axencia ou entidade distinta da que figure na relación de postos de traballo, o Consello da Xunta de Galicia aprobará un plan de ordenación de recursos humanos, oída a comisión de persoal e logo da negociación sindical e do informe da consellaría competente en materia de función pública e da consellaría competente en materia de orzamentos».

Artigo 23º.-Valoración de méritos nos procesos selectivos.

Modifícase o punto 2 do artigo 38º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«2. A valoración dos devanditos méritos ou niveis de experiencia non suporá máis dun 40% da puntuación máxima alcanzable no proceso selectivo. Co fin de asegurar a debida idoneidade das persoas aspirantes, estas deberán superar na fase de oposición a puntuación mínima establecida para as respectivas probas selectivas».

Artigo 24º.-Rehabilitación da condición de persoal funcionario.

Engádese un novo artigo 50º bis) ao texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, co seguinte contido:

«Artigo 50º bis).

1. Nos casos de extinción da relación de servizo como consecuencia de perda da nacionalidade ou de xubilación por incapacidade permanente para o servizo, a persoa interesada, unha vez desaparecida a causa obxectiva que a motivou, pode solicitar a rehabilitación da súa condición de persoal funcionario, que lle será concedida.

Se a rehabilitación se producise antes de que transcorresen dous anos desde a extinción da relación de servizo como consecuencia de xubilación por incapacidade permanente para o servizo, o persoal funcionario reincorporarase ao último posto de traballo que ocupase con carácter definitivo, o que lle quedará reservado durante ese período de tempo.

2. O Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica e oída a comisión de persoal, poderá conceder de forma motivada, con carácter excepcional e por solicitude da persoa interesada, a rehabilitación de quen perdese a condición de persoal funcionario por condena á pena principal ou accesoria de inhabilitación, atendendo ás circunstancias e á entidade do delito cometido. Se a resolución non se ditase de forma expresa nin se lle notificase á persoa interesada no prazo de tres meses, a solicitude de rehabilitación poderase entender desestimada».

Artigo 25º.-Excedencia por prestación de servizos no sector público.

Modifícase o punto 1 do artigo 57º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«1. Excedencia por prestación de servizos no sector público:

Sen prexuízo do disposto na normativa sobre incompatibilidades, procede declarar, de oficio ou por solicitude da persoa interesada, na situación de excedencia por prestación de servizos no sector público:

a) O persoal funcionario de carreira que acceda, por promoción interna ou por outros sistemas de acceso, a outros corpos ou escalas en calquera administración pública e non lle corresponda quedar noutra situación administrativa.

b) O persoal funcionario de carreira que pase a prestar servizos como persoal laboral fixo en calquera administración pública ou en organismos, axencias ou entidades do sector público. Para estes efectos, considéranse incluídas no sector público as sociedades mercantís e fundacións que reúnan os requisitos esixidos pola lexislación aplicable segundo a administración pública á que estean vinculadas ou da que dependan.

A excedencia regulada nesta alínea non lle é aplicable ao persoal funcionario de carreira que pase a prestar servizos en calquera administración pública, organismo, axencia ou entidade do sector público como persoal funcionario interino ou como persoal laboral con contrato temporal ou declarado indefinido por sentenza xudicial firme nin ao que pase a prestar servizos en entidades que queden excluídas da consideración de sector público para os efectos do previsto na letra b) desta alínea.

Nestes supostos, o persoal funcionario de carreira será declarado na situación de excedencia por interese particular, sen que lle sexa exixible o requisito de que prestase un tempo mínimo de servizos previos nin o prazo de permanencia nesa situación.

As persoas que se atopen en situación de excedencia por prestación de servizos no sector público non devengarán retribucións nin lles será computable o tempo que permanezan nesa situación para efectos de ascensos, trienios e dereitos no réxime de Seguridade Social que lles sexa aplicable.

Malia o disposto no parágrafo anterior, no suposto regulado na letra b) desta alínea, o tempo de servizos prestados en organismos, axencias ou entidades do sector público computarase só para os efectos de antigüidade, unha vez que se reingrese ao servizo activo».

Artigo 26º.-Excedencia por razón de violencia de xénero.

Modifícase o punto 6 do artigo 57º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«6. Excedencia por razón de violencia de xénero:

As funcionarias vítimas de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, teñen dereito a solicitar a situación de excedencia sen que lles sexa exixible o requisito de que prestasen un tempo mínimo de servizos previos nin un prazo de permanencia nesa situación.

Durante os seis primeiros meses de permanencia nesta situación tense dereito á reserva do posto de traballo que se desempeñase, e computarase o devandito período para efectos de antigüidade, carreira e dereitos do réxime de Seguridade Social que resulten aplicables. Cando as actuacións xudiciais así o exixan, este período prorrogarase por prazos de tres meses, ata un máximo total de dezaoito, con idénticos efectos aos sinalados anteriormente, co fin de garantir a efectividade do dereito de protección da vítima.

Durante os tres primeiros meses da excedencia regulada neste artigo a funcionaria ten dereito a percibir as súas retribucións íntegras e, se é o caso, as prestacións familiares por filla ou fillo ao seu cargo ».

Artigo 27º.-Adscrición provisional por reingreso ao servizo activo.

Modifícase o punto 3 do artigo 61º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«3. O posto asignado con carácter provisional convocarase para a súa provisión definitiva no prazo máximo dun ano, no caso de estar vacante, e a persoa funcionaria reingresada terá a obriga de participar nos concursos de traslados que se convoquen para todos os postos de traballo do seu corpo ou da súa escala da localidade onde estivese adscrita provisionalmente. Se non obtivese destino definitivo, quedará ao dispor da persoa titular da consellaría, e o órgano competente procederá á súa adscrición provisional a un posto de traballo correspondente ao seu corpo e/ou escala».

Artigo 28º.-Cesamento nun posto de traballo provisto por libre designación ou por alteración do contido ou supresión do posto.

Modifícase o punto 4 do artigo 65º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«4. As persoas funcionarias que cesen nun posto de traballo sen obter outro polos sistemas de provisión previstos no artigo 29º desta lei quedarán ao dispor da persoa titular da consellaría, que procederá á súa adscrición provisional a un posto de traballo correspondente ao seu corpo e/ou escala na mesma localidade que a do posto que viñan desempeñando con carácter definitivo. Garantiránselles, en todo caso, as retribucións que lles correspondan polo seu grao persoal consolidado e un complemento específico non inferior en máis de dous niveis ao do devandito grao. A consellaría competente en materia de función pública autorizará esta adscrición cando implique cambio de consellaría ou de localidade, coa conformidade, neste último caso, do persoal funcionario afectado.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, quen cese nun posto provisto por libre designación ou por alteración do contido ou supresión do seu posto definitivo na relación de postos de traballo, mentres non obteña outro posto con carácter definitivo, e durante un prazo máximo de tres meses, percibirá, en todo caso, as retribucións complementarias correspondentes ao posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

O persoal funcionario ao dispor da persoa titular da consellaría ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo está obrigado a participar nos concursos de provisión que se convoquen para postos adecuados ao seu corpo e/ou escala e a solicitar, á súa elección, todos os postos situados na localidade da do posto que ocupase con carácter definitivo, ou ben na localidade onde estivese adscrito provisionalmente. O incumprimento das obrigas establecidas neste parágrafo determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular.

Nos concursos de traslados computarase o período de tempo nesta situación, de ser o caso, coma se se desempeñase un posto inferior en dous niveis ao do grao persoal consolidado, desde o día seguinte ao do cesamento do posto que ocupase con carácter definitivo e de acordo co que dispoñan as bases da convocatoria».

Artigo 29º.-Reserva do posto para o persoal funcionario docente.

Modifícase o artigo 66º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«Artigo 66º

Nos supostos de provisión polo procedemento de libre designación de postos de traballo abertos a persoal funcionario docente nas relacións de postos de traballo, calquera que sexa o corpo docente ao que pertenza, ou ao corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa, este persoal terá dereito á reserva do posto de traballo docente ou de función inspectora de procedencia, sempre que o ocupase con carácter definitivo».

Artigo 30º.-Réxime retributivo.

Modifícase a letra b) da alínea 2 do artigo 69º do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«b) Os trienios, que consisten nunha cantidade, que será igual para o subgrupo ou grupo de clasificación profesional, no suposto de que este non teña subgrupo, por cada tres anos de servizo no corpo ou na escala.

Nos casos nos que o persoal funcionario preste servizos sucesivamente en diferentes corpos ou escalas de distinto subgrupo ou grupo de clasificación terá dereito a seguir percibindo os trienios derivados da pertenza aos subgrupos ou grupos anteriores. Así mesmo, cando o persoal funcionario cambie de adscrición de subgrupo ou grupo antes de completar un trienio, a fracción de tempo transcorrido considerarase como tempo de servizos prestados no novo subgrupo ou grupo.

O persoal interino da Xunta de Galicia que acceda á condición de persoal funcionario en prácticas e/ou de carreira terá dereito a seguir percibindo os trienios que teña recoñecidos como persoal interino ou en prácticas».

Artigo 31º.-Modificación da disposición adicional décimo sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Modifícase a disposición adicional décimo sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«Disposición adicional décimo sétima.

O persoal funcionario de carreira que, a partir da entrada en vigor da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía para Galicia, desempeñe ou desempeñase durante máis de dous anos continuados, ou tres con interrupción, cargos públicos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de incompatibilidades de altos cargos da Administración autonómica, exceptuados os de persoal eventual, agás as persoas que ocupen as xefaturas de gabinete do presidente e dos membros do Consello da Xunta de Galicia, percibirá desde a súa reincorporación ao servizo activo e mentres se manteña esta situación o complemento de destino correspondente ao posto de traballo que desempeñe ou, se é o caso, ao do seu grao persoal, incrementado na cantidade necesaria para igualalo ao valor do complemento de destino ou concepto equivalente que a Lei de orzamentos xerais do Estado fixe para as directoras e os directores xerais. A suma de ambos os dous conceptos non poderá ser inferior ao importe do complemento de destino que perciban as persoas funcionarias que acrediten o nivel máximo establecido legalmente».

Artigo 32º.-Novas disposicións adicionais do texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Un.-Engádese unha nova disposición adicional ao texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, co seguinte contido:

«Disposición adicional vixésima.

A consellaría competente en materia de función pública procederá de oficio á modificación das relacións de postos de traballo derivadas do cambio no sistema de provisión dos postos de traballo das xefaturas de servizo ou postos equivalentes pola aplicación do disposto no artigo 30º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia».

Dous.-Engádese unha nova disposición adicional ao texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, co seguinte contido:

«Disposición adicional vixésimo primeira.

O persoal laboral fixo que estea desempeñando postos de traballo ou realice funcións de persoal funcionario, e que así se determine nas relacións de postos de traballo que serán aprobadas polo Consello da Xunta, logo da súa valoración, clasificación e determinación, será obxecto do correspondente proceso selectivo de promoción interna, convocado de forma independente aos procesos selectivos de libre concorrencia naqueles corpos da Administración da Xunta de Galicia aos que figuren adscritos as funcións ou os postos que desempeñen.

Este persoal deberá posuír a titulación necesaria e reunir os restantes requisitos exixidos. Para estes efectos valoraranse como mérito os servizos efectivos prestados como persoal laboral fixo e as probas selectivas superadas para acceder a esta condición.

Ao persoal que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo, e adquirirá a condición de persoal funcionario de carreira».

Artigo 33º.-Nova disposición transitoria do texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Engádese unha nova disposición transitoria ao texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, co seguinte contido:

«Disposición transitoria décimo quinta.

O persoal funcionario da Administración do Estado, das comunidades autónomas e das corporacións locais que no momento da entrada en vigor desta disposición se atope ocupando un posto con carácter definitivo nesta Administración, en virtude dos sistemas de provisión de concurso ou de libre designación establecidos no artigo 29º desta lei, ou ben se atope na situación prevista no artigo 65º.4 desta lei, como consecuencia dunha destitución dun posto provisto por libre designación ou por alteración do contido ou supresión do posto, que ocupase con carácter definitivo, integrarase no correspondente corpo ou na correspondente escala desta Administración, con efectos da entrada en vigor desta disposición».

Artigo 34º.-Escala de axentes facultativos medioambientais.

Modifícase a disposición transitoria primeira da Lei 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria primeira.

O persoal funcionario de carreira pertencente á escala de axentes forestais do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos de acceso establecidos na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, poderá integrarse na escala de axentes facultativos medioambientais. O curso específico de formación ao que se refire esta disposición adicional estará homologado e impartido directamente por persoal cualificado das administracións públicas.

Para tal efecto, computaranse como servizos na escala os desempeñados en calidade de persoal interino na Xunta de Galicia en postos reservados á escala de axentes forestais.

A Xunta de Galicia convocará un máximo de catro procesos selectivos de promoción que lle permita acceder á escala de axentes facultativos medioambientais ao persoal que, sendo funcionario nese momento, os supere, e establecerase como límite temporal para a convocatoria o ano 2013.

O persoal funcionario que, en virtude destes procesos, acceda á escala superior continuará adscrito aos postos de traballo que viñese desempeñando con carácter definitivo no momento da súa integración».

CAPÍTULO IV MEDIDAS EN MATERIA DE CONTRATACIÓN

Artigo 35º.-Reserva de contratos a centros especiais de emprego e empresas de inserción sociolaboral.

Un.-Conforme o que se dispón neste artigo, os órganos de contratación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os demais entes do sector público dela dependentes poderanlles reservar a participación en determinados procedementos de adxudicación de contratos a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, sempre que a súa finalidade ou a súa actividade, de acordo coas súas normas reguladoras, estatutos ou regras fundacionais, teña relación directa co obxecto do contrato.

Dous.-Os obxectos contractuais susceptibles de reserva serán as obras e os servizos de conservación e mantemento de bens inmobles, os servizos de conserxaría, mensaxaría e correspondencia, os servizos de xardinaría e forestal, de artes gráficas, de limpeza e lavandaría, de restauración, de recollida e transporte de residuos, de fabricación de roupa de traballo e servizos e de subministracións auxiliares para o funcionamento do sector público. Os órganos de contratación poderán ampliar a reserva a outros obxectos contractuais atendendo á súa adecuación ás prestacións dos centros e das empresas aos que se refire este artigo.

A reserva deberá mencionarse no título do contrato e no anuncio de licitación ou invitación.

Tres.-O importe global dos contratos reservados será determinado por cada entidade cun límite mínimo do 3% e máximo do 5% do importe dos contratos adxudicados no exercicio orzamentario inmediatamente anterior mediante contratos menores ou procedementos negociados por razón da contía.

Catro.-As empresas e entidades beneficiarias da reserva deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos respectivos rexistros oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia:

-As empresas de inserción deberán estar rexistradas conforme o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral, crea o seu rexistro e establece as medidas para o fomento da inserción sociolaboral.

-Os centros especiais de emprego deberán estar legalmente constituídos e rexistrados conforme o Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, así como a súa organización e o seu funcionamento.

Así mesmo, deberán atoparse inscritas no Rexistro de Contratistas regulado polo Decreto 262/2001, do 20 de setembro, polo que se refunde a normativa reguladora do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cinco.-Os contratos reservados deben someterse ao réxime xurídico establecido pola normativa vixente reguladora da contratación pública.

A reserva a centros especiais de emprego, cando polo menos o 70% das persoas traballadoras sexan persoas con discapacidade, poderá aplicarse a procedementos sen límite de contía.

No caso de empresas de inserción laboral, a reserva aplicarase exclusivamente a través de contratos menores ou procedementos negociados por razón da contía, consonte o que se establece nos artigos 122º.3 e 161º.2 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Prohíbese expresamente o fraccionamento do obxecto do contrato.

Seis.-As empresas e entidades beneficiarias da reserva están exentas da presentación de garantías provisionais ou definitivas nos procedementos convocados ao abeiro desta disposición.

Sete.-Constituirase unha comisión de seguimento, formada por un representante da Xunta de Galicia, un representante da patronal maioritaria dos centros especiais de emprego de Galicia e outra das empresas de inserción social, para que, con carácter trimestral, poida valorar a aplicación da reserva de contratos.

Artigo 36º.-Creación dun órgano colexiado independente para o coñecemento e a resolución dos recursos especiais en materia de contratación.

Autorízase o Consello da Xunta para que, por proposta da Consellería de Facenda e respectando a lexislación estatal básica, cree un órgano colexiado independente para o coñecemento e a resolución das cuestións de nulidade formuladas e dos recursos especiais en materia de contratación que se interpoñan en relación cos procedementos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades que integran o sector público autonómico, así como das corporacións locais de Galicia e entidades delas dependentes. A creación deste órgano non poderá supoñer incremento do gasto público.

Disposición transitoria única.-Réxime das condicións laborais do persoal afectado pola reorganización dos instrumentos de xestión da Xunta de Galicia no eido do desenvolvemento rural.

Un.-Sen prexuízo do disposto na alínea Sete do artigo 16º desta lei e en tanto non se desenvolva, se é o caso, a negociación colectiva que estableza o réxime aplicable ao persoal da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural afectado pola reestruturación, este rexerase polas seguintes condicións laborais:

a) O persoal procedente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras Galicia que opte pola integración manterá as mesmas condicións laborais e salariais que aquelas das que gozaba nas anteditas sociedades.

b) O persoal que estivese prestando servizos na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural conservará os dereitos laborais que teña recoñecidos.

Dous.-Sen prexuízo do disposto na alínea Sete do artigo 16º desta lei, o persoal incorporado ao Instituto de Estudos do Territorio procedente da extinta sociedade manterá as mesmas condicións laborais e salariais que aquelas das que gozaba na devandita sociedade.

Tres.-Ao persoal procedente das fundacións para o desenvolvemento das comarcas que opte pola integración aplicaránselle as condicións previstas na alínea Tres do artigo 16º desta lei.

Disposición derrogatoria única

Un.-Queda derrogado o artigo 30º e o punto 21 do artigo 2º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Dous.-Quedan derrogadas as disposicións adicionais primeira e segunda e a disposición transitoria da Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifican a Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, e a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e se racionalizan os instrumentos de xestión comarcal e de desenvolvemento rural.

Tres.-Queda derrogada a disposición adicional terceira da Lei 2/1988, do 5 de marzo, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1988.

Disposición derradeira primeira.-Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Un.-Modifícase o artigo 25º da Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«Artigo 25º.-Destino.

1. O Fondo de Compensación Ambiental estará afectado á realización, nos termos previstos nos puntos seguintes, de gastos nos entes locais que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

Non obstante, a lei anual de orzamentos poderá establecer criterios específicos de afectación do Fondo de Compensación Ambiental, sempre e cando a súa aplicación non comprometa máis do 50% da dotación correspondente aos recursos anuais e consista na súa vinculación ao financiamento de actuacións comprendidas en aplicacións orzamentarias que teñan entre as súas finalidades a protección do medio e do contorno natural, a súa conservación, reposición e restauración, así como o fomento da investigación dirixida á mellora na eficiencia do aproveitamento dos recursos das enerxías renovables.

2. Unha vez aplicado o disposto na alínea anterior, a maior parte da contía dispoñible do fondo para cada exercicio, no importe que se fixe a través da orde reguladora, destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulte afectado polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de:

a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

b) Actuacións de impulso da eficiencia e da utilización sustentable das enerxías renovables.

3. Os custos elixibles para efectos de distribución do fondo son os seguintes:

a) Investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipos e instalacións.

b) Custos de proxecto e dirección de obra, se se trata de contratacións externas.

4. A cantidade asignada a cada proxecto destinarase en función do orzamento de execución material presentado pola entidade local solicitante e non poderá superar o 100% do devandito orzamento.

5. A distribución anual do fondo regularase mediante orde ditada pola consellaría competente en materia de réxime local, na que tamén se establecerán os criterios de repartición, os entes locais beneficiarios e as actuacións ás que se destinará a parte do fondo que non estivese comprendida no punto 2 deste artigo, que terán que estar dirixidas á protección do medio ambiente, incluídas aquelas que teñan por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco».

Dous.-Engádese unha nova disposición adicional segunda na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, co seguinte contido:

«Disposición adicional segunda.-Creación da Comisión de Seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial asociados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula esta lei.

Co fin de levar a cabo o seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial asociados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula esta lei, créase unha comisión de seguimento e control, que garantirá a execución das actuacións polas que os proxectos eólicos foron seleccionados.

A comisión de seguimento e control estará integrada por seis membros. Exercerá a presidencia o representante da dirección xeral con competencias en materia de enerxía, que nomeará os cinco membros restantes.

A concreción dos fins da comisión, a súa organización e o seu funcionamento desenvolveranse regulamentariamente mediante orde da consellaría con competencias en materia de enerxía.

A constitución e a posta en funcionamento desta comisión non suporán incremento do gasto público».

Disposición derradeira segunda.-Modificación da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Engádeselle ao anexo II da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos procedementos da Consellería de Sanidade (Servizo Galego de Saúde), o seguinte texto:

«Tipos de procedementos: solicitudes, reclamacións ou recursos en materia de persoal, con contido retributivo, formulados polos profesionais do Servizo Galego de Saúde, que teñan repercusión no capítulo I dos estados de gastos dos orzamentos das institucións sanitarias do organismo.

Sentido do silencio: negativo.

Normativa reguladora:

-Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

-Lei estatal 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

-Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

-Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, sobre retribucións do persoal estatutario do Instituto Nacional da Saúde.

-Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e dos servizos de atención primaria; modificado polo Decreto 156/2005, do 9 de xuño.

-Orde estatal do 8 de agosto de 1986 pola que se fixan as retribucións do persoal dependente do Instituto Nacional da Saúde, do Instituto Catalá da Saúde e da Rede Sanitaria da Seguridade Social de Andalucía; modificada pola Orde do 4 de decembro de 1986.

-Real decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en ciencias da saúde.

-Orde do 4 de xuño de 2008 pola que se publican determinados acordos sobre ordenación e provisión de postos de traballo e condicións de traballo e retributivas no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

-Resolución do 1 de marzo de 2001 pola que se ordena a publicación do Acordo de concertación social sobre retribucións e condicións de traballo do persoal sanitario non facultativo e do persoal non sanitario do Servizo Galego de Saúde.

-Resolución do 18 de novembro de 2003 pola que se ordena a publicación do Acordo sobre mellora retributiva e profesional do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

-Orde do 1 de decembro de 2008 pola que se publica o Acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

-Decreto 155/2005, do 9 de xuño, sobre un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde previo á implantación do réxime de desenvolvemento profesional ao que se refire a Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

-Resolución do 28 de xullo de 2006 pola que se ordena a publicación do Acordo polo que se regulan o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario e as bases de negociación do réxime definitivo da carreira profesional.

-Resolución do 25 de outubro de 2007 pola que se ordena a publicación do Acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

-Orde do 24 de maio de 2006 pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento da consolidación de grao persoal para determinadas categorías de persoal estatutario fixo.

-Orde do 16 de abril de 2008 pola que se regula o procedemento de recoñecemento de trienios ao persoal estatutario temporal do Servizo Galego de Saúde».

Disposición derradeira terceira.-Modificación da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Un.-Modifícase a alínea Un da disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, que queda redactado como segue:

«Un.-Créase a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como un ente de dereito público, con personalidade xurídica propia, que adecúa a súa actividade ao dereito privado.

Este ente será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar o despoboamento dese territorio, impulsará a creación e a ampliación de explotacións agrarias e gandeiras en canto que actividades produtivas relevantes no medio rural galego, mediante a promoción e xestión, e posibilitará a creación e a ampliación de explotacións agrarias e gandeiras, en canto que actividades produtivas relevantes no medio rural galego, mediante a xestión do Banco de Terras de Galicia.

Así mesmo, este ente será o órgano competente en materia de desenvolvemento comarcal, que exercerá como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para o deseño, a aplicación, a coordinación e o seguimento do Plan de desenvolvemento comarcal, e que se encargará á súa vez da tarefa da dinamización comarcal a través dos centros de desenvolvemento comarcal dependentes da Xunta de Galicia.

Este ente adscríbese á consellaría competente en materia de desenvolvemento rural».

Dous.-Engádenselle á alínea Dous da disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, a continuación das xa existentes, as letras j), k), l) e m), co seguinte contido:

«Dous.-As funcións da axencia serán:

j) Xestionar as medidas e actuacións que se lle encomenden no marco da programación dos fondos agrarios de desenvolvemento rural.

k) Xestionar e aplicar as medidas contidas nos programas de desenvolvemento rural sustentable, no marco da aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, ou da norma que a substitúa, sen prexuízo das competencias que nesta materia teñan outros órganos da Administración autonómica.

l) A xestión dos bens e dos dereitos incorporados ao Banco de Terras de Galicia.

m) A realización da función do servizo de transmisión mediante arrendamento respecto dos predios rústicos procedentes de explotacións nas que cesase anticipadamente a persoa titular, sen seren cedidas a terceiras persoas».

Disposición derradeira cuarta.-Modificación da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Un.-Engádeselle unha letra d) ao artigo 10º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, co seguinte contido:

«d) A recompilación e o tratamento de información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellarías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural».

Dous.-Modifícase a letra b) do punto 1 do artigo 13º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, que queda redactado como segue:

«b) A vicepresidencia, que lle corresponde á persoa titular do centro directivo competente en materia de sustentabilidade e paisaxe».

Tres.-Modifícase a alínea 1 do artigo 16º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. Os postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio serán cubertos por persoal en réxime de dereito laboral ou por funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia ou doutras administracións públicas de acordo co disposto na Lei da función pública de Galicia».

Disposición derradeira quinta.-Modificación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Modifícase o punto 3 do artigo 11º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, que quedará redactado como segue:

«3. Os convenios de colaboración que se subscriban polos suxeitos determinados no artigo 1º, letras a), b) e d) desta norma, necesitarán a autorización previa do Consello da Xunta cando impliquen asunción de obrigas de contido económico por importe superior a 150.000 euros ou cando as devanditas obrigas, aínda que non superen a citada cifra, teñan carácter plurianual».

Disposición derradeira sexta.-Modificación da Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e arrendamentos rústicos históricos de Galicia.

Modifícanse a alínea 1 do artigo 5º e o artigo 7º da Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, que quedan redactados como segue:

«1. Os arrendamentos rústicos e as parzarías ás que se refire o artigo 2º que estivesen vixentes á entrada en vigor desta lei quedarán prorrogados ata o 31 de decembro do ano 2015, sen prexuízo do disposto no artigo 6º.3 para o caso de acceso do arrendatario ou parceiro á propiedade.

No caso de que, chegada a data de extinción dos arrendamentos ou parzarías, o arrendatario ou parceiro cumprise os 60 anos, prorrogaríaselle o contrato de forma excepcional ata que o titular acadase a idade de xubilación».

«Artigo 7º

A Xunta de Galicia poderá establecer as medidas necesarias para facilitar o acceso á propiedade dos arrendatarios e parceiros a que se refire esta lei».

Disposición derradeira sétima.-Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Engádese un novo punto 7 ao artigo 56º da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, co seguinte contido:

«7. En todo caso, os ingresos que recaden as administracións públicas de Galicia en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos do sistema galego de servizos sociais estarán afectados ao financiamento do servizo e á prestación que reciban».

Disposición derradeira oitava.-Desenvolvemento da lei.

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución de canto se prevé nesta lei.

Disposición derradeira novena.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2011.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia