lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

Publicado en: DOG 36 23/02/2010

Última modificación: 18/09/2018

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 45, do 8 de marzo de 2010.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, pretende eliminar os obstáculos que se opón á liberdade de establecemento dos prestadores nos estados membros e á libre circulación de servizos, garantíndolles, tanto aos destinatarios coma aos prestadores dos servizos, a seguranza xurídica necesaria para o exercicio efectivo das liberdades fundamentais do Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

A directiva establece un marco xurídico xeral que beneficia unha ampla gama de servizos. Este marco baséase nun enfoque dinámico e selectivo, consistente en suprimir de forma prioritaria as barreiras que se poidan eliminar rapidamente e, respecto das demais, iniciar un proceso de avaliación, consulta e harmonización complementaria de cuestións específicas para permitir modernizar de forma progresiva e coordinada os sistemas nacionais de regulación das actividades de servizos, operación que é indispensable para realizar un auténtico mercado interior.

Dado que a directiva e, en particular, as disposicións referentes aos réximes de autorización e ao seu ámbito territorial non deben interferir na repartición de competencias rexionais ou locais nos estados membros, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a responsabilidade de harmonizar a súa lexislación, eliminando os obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento e á circulación dos prestadores en Galicia.

Comezado o proceso de harmonización, o obxectivo desta lei é adaptar á directiva a normativa con rango de lei da Comunidade Autónoma de Galicia.

A lei consta de vinte e tres artigos agrupados en seis títulos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título I, Medidas horizontais, modifica a Lei de Administración local de Galicia para garantir que os prestadores de servizos poidan, a través do portelo único, obter toda a información e os formularios relevantes para o acceso e o exercicio da s úa actividade e mais coñecer as resolucións e o resto de comunicacións das autoridades competentes en relación coas súas solicitudes. Así mesmo, adapta determinados aspectos en materia de servizos profesionais no que concirne aos colexios profesionais e aos artesáns.

O título II, Servizos industriais e da construción, adecua a lexislación relativa á seguridade industrial e opta por manter a autorización para os establecementos e as instalacións industriais cando resulte imprescindible para o cumprimento de obrigas do Estado derivadas de instrumentos xurídicos internacionais e normas comunitarias. Substitúense as mencións aos órganos de autorización e control de organismos autorizados por órganos de control de organismos habilitados, denominación máis acorde co dereito comunitario.

No título III, Actividades feirais, substitúese o réxime de autorización por un réxime de comunicación previa, razón pola cal se modifican os artigos relativos ao réxime sancionador.

No título IV, Servizos ambientais e de agricultura, suprímense diversos réximes de autorización por comunicacións previas ao inicio da súa actividade ou por declaración responsable. Especifícanse os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade e transparencia, así como a limitación da duración das concesións e autorizacións para actividades de servizos e o principio de concorrencia competitiva na concesión de autorizacións cando se fai uso do dominio público.

No título V, Servizos culturais e turísticos, elimínase a obriga da inscrición previa nos rexistros como requisito para o exercicio da actividade de libreiro e de comerciante de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia. Respecto dos establecementos turísticos, suprímese a necesidade de autorización previa ao inicio da actividade e substitúese por unha declaración responsable en todos os supostos, agás para as empresas turísticas destinadas ao aloxamento en campamentos de turismo, caso no que se modifica o réxime do silencio administrativo, que agora é positivo.

Finalmente, no título VI, Outras medidas, o artigo 22 suprime a autorización administrativa previa para a organización, a práctica e o desenvolvemento das máquinas de xogo tipo A ou recreativas e das combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais sempre que a participación do público sexa gratuíta. Pola súa banda, o artigo 23 da lei recolle a modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co sinalado anteriormente.

Na disposición adicional primeira, como consecuencia da eliminación da autorización nas combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais, modifícase o devengo da taxa fiscal sobre as rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, tributo estatal cuxo rendemento teñen cedido as comunidades autónomas, consonte a Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía. No uso das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, e consonte o disposto no artigo 42 da Lei 21/2001 citada, determínase o devengo do tributo cedido que grava as rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias e establécense as obrigas tributarias asociadas á súa liquidación.

As restantes disposicións adicionais recollen o sistema de comunicación á Comisión Europea dos proxectos de normas que se poidan ver afectados pola directiva, a adaptación dos procedementos aplicables á prestación de servizos á normativa vixente, a colaboración da Xunta coas organizacións colexiais na implantación do portelo único, a creación dunha subcomisión de cooperación local e o fomento do uso da lingua galega na actividade dos prestadores de servizos.

A disposición transitoria única establece un réxime transitorio para aquelas solicitudes de autorización presentadas antes da entrada en vigor da lei e afectadas por ela.

Por último, a disposición derradeira primeira recolle a habilitación normativa. Na disposición derradeira segunda disponse a remisión do Proxecto de lei regulador das actividades de transporte público de persoas en vehículos de turismo ao Parlamento. E a disposición derradeira terceira prevé a entrada en vigor da lei o día seguinte ao da súa publicación, que se xustifica polo prazo para a transposición da directiva, feito que obriga os poderes públicos a aplicárena segundo o principio comunitario de interpretación conforme, de xeito que a súa inmediata entrada en vigor garanta a seguranza xurídica pola claridade das disposicións que vaia aplicar a administración e o seu coñecemento polos cidadáns que pretendan ser prestadores de servizos.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

TÍTULO I MEDIDAS HORIZONTAIS

CAPÍTULO I PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO

Artigo 1º.-Modificación da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Un. Engádeselle un artigo 252 bis:

«Artigo 252 bis.

1. As entidades locais deberán impulsar a utilización interactiva das tecnoloxías da información e a comunicación para facilitaren a participación e a comunicación cos veciños, así como cos residentes noutros estados da Unión Europea, co fin de aseguraren a presentación de documentos e a realización de trámites administrativos, no concernente a actividades profesionais e empresariais.

As deputacións provinciais e a Xunta de Galicia colaborarán cos concellos que, pola súa insuficiente capacidade económica e de xestión, non poidan desenvolver cos seus propios medios o deber establecido neste punto.

2. Cando se trate de procedementos e trámites para o acceso e o exercicio dunha actividade de servizos, incluída no ámbito de aplicación da Lei de transposición da Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, concernente ao libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, os prestadores poderanos realizar por medio dun portelo único, conectado co autonómico e o estatal, por vía electrónica e a distancia, salvo que se trate da inspección do lugar ou do equipamento que se utilice na prestación do servizo.

Así mesmo, as entidades locais garantirán que os prestadores de servizos poidan, a través do portelo único, obter toda a información e os formularios relevantes para o acceso e o exercicio da súa actividade e mais coñecer as resolucións e o resto de comunicacións das autoridades competentes en relación coas súas solicitudes.

3. As entidades locais coordinaranse coas restantes administracións públicas para a normalización dos formularios precisos para o acceso a unha actividade de servizos e o seu exercicio».

Dous. O artigo 286 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 286.

1. As entidades locais poderán intervir na actividade dos cidadáns a través dos seguintes medios:

a) Ordenanzas e bandos.

b) Sometemento á licenza previa e a outros actos de control preventivo. Non obstante, cando se trate do acceso e do exercicio de actividades de servizos incluídas no ámbito de aplicación da Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, e das súas normas de transposición, haberá que aterse ao disposto nela.

c) Sometemento á comunicación previa ou á declaración responsable, de conformidade co establecido no artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) Sometemento ao control posterior ao inicio da actividade, para os efectos de verificar o cumprimento da normativa que regula esta.

e) Ordes individuais constitutivas de mandato para a execución dun acto ou para a súa prohibición.

2. A actividade de intervención das entidades locais axustarase, en todo caso, aos principios de non-discriminación, necesidade e proporcionalidade co obxectivo que se persegue.

3. As licenzas ou as autorizacións outorgadas por outras administracións públicas non eximen os seus titulares de obteren as correspondentes licenzas das entidades locais. En todo caso, respectarase o disposto nas correspondentes leis sectoriais».

CAPÍTULO II SERVIZOS PROFESIONAIS

Artigo 2º.-Modificación da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Un. O artigo 2 terá a seguinte redacción:

«Artigo 2. Exercicio das profesións.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito da súa competencia, garante o exercicio das profesións colexiadas de conformidade co disposto nas leis. Enténdese por profesión colexiada aquela na que se require a colexiación para o seu exercicio.

2. O exercicio das profesións colexiadas realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, ás normas de transposición da Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, á lexislación sobre defensa da competencia e á lexislación sobre a competencia desleal. Os demais aspectos do exercicio profesional continuarán rexéndose pola lexislación xeral e específica sobre a ordenación substantiva propia de cada profesión aplicable.

En todo caso, os requisitos que obriguen a exercer de forma exclusiva unha profesión ou que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións, así como as restricións ás comunicacións comerciais nas profesións colexiadas, serán só os que se establezan expresamente por lei.

3. É requisito para o exercicio das profesións con obriga legal de colexiación estar inscrito no colexio correspondente. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición. Os colexios dispoñerán os medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar a súa colexiación por vía telemática.

4. Cando unha profesión se organice por colexios territoriais, bastará a incorporación a un só deles, que será o do domicilio profesional único ou principal.

No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer en calquera parte de Galicia, dunha comunicación previa ao colexio profesional galego, sen prexuízo do que establezan a lexislación estatal e a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións.

5. Para o exercicio efectivo da función de control da actividade dos colexiados, en beneficio dos consumidores, os colexios adoptarán os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

No marco deste sistema de cooperación, os colexios non lles poderán exixir aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao de colexiación ningunha comunicación nin habilitación, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos dos que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

6. Toda persoa que estea en posesión da titulación adecuada e reúna os requisitos establecidos polos correspondentes estatutos terá dereito a ser admitida no colexio profesional correspondente».

Dous. O artigo 3 terá a seguinte redacción:

«Artigo 3. Profesionais ao servizo da administración.

1. Os profesionais titulados vinculados coa administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da administración á que pertenzan.

2. Non obstante, será obrigatoria a colexiación para os profesionais médicos e os demais profesionais de ciencias da saúde ao servizo das administracións públicas cuxas funcións comprendan a realización de actos profesionais que teñan como destinatarios inmediatos os usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como tamén para o exercicio da actividade privada».

Tres. O parágrafo primeiro da alínea 1 do artigo 8 terá a seguinte redacción:

«De acordo coa lexislación estatal reguladora dos colexios profesionais, os regulados por esta lei terán como fins esenciais a ordenación do exercicio das profesións dentro do marco legal respectivo, a representación delas, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados, todo isto sen prexuízo da competencia da administración pública por razón da relación funcionarial».

Catro. A alínea e) do artigo 9 pasa a ter o seguinte contido:

«e) Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados».

Cinco. A alínea i) do artigo 9 queda redactada como segue:

«i) Visar os traballos profesionais dos colexiados, unicamente cando así o soliciten estes por petición expresa dos seus clientes ou o impoñan as leis. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes».

Seis. Introdúcese unha nova alínea, a v), no artigo 9, coa seguinte redacción:

«v) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio».

Sete. Introdúcese un novo artigo 10 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 10 bis. Portelo único.

1. As organizacións colexiais dispoñerán dunha páxina web e colaborarán coas administracións públicas no necesario para que, a través do portelo único previsto na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación e para se daren de baixa nun colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, as organizacións colexiais farán o necesario para que a través deste portelo único os profesionais poidan:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso e o exercicio da súa actividade profesional.

b) Presentar toda a documentación e as solicitudes necesarias.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos nos que teña a condición de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución deles polo colexio profesional, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados e as colexiadas ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do referido portelo único as organizacións colexiais ofreceranlles aos consumidores e usuarios a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) Os medios e as condicións de acceso aos rexistros públicos de profesionais colexiados.

b) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

c) O acceso ao Rexistro de colexiados e colexiadas, que estará permanentemente actualizado e no que constarán, polo menos, os seguintes datos: o nome e os apelidos dos profesionais colexiados, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, o enderezo profesional e a situación de habilitación profesional.

3. As corporacións colexiais deberán adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso nos seus respectivos ámbitos tecnoloxías compatibles que garantan o intercambio de datos».

Oito. Introdúcese un novo artigo 10 ter, coa seguinte redacción:

«Artigo 10 ter. Memoria anual.

1. As organizacións e corporacións colexiais estarán suxeitas ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, cada organización colexial deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a seguinte información:

a) Informe anual de xestión económica, no que se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e especifiquen as retribucións dos membros da xunta de goberno por razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, con indicación da infracción á que se refiren, da súa tramitación e, se é o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, se é o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Contido dos seus códigos de conduta no caso de dispoñer deles.

f) As situacións de conflito de intereses nas que se encontren os membros das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

Nos casos pertinentes, os datos presentaranse desagregados territorialmente por corporacións.

2. A memoria anual deberase facer pública no primeiro trimestre de cada ano.

3. Os colexios e os consellos autonómicos subministraranlle ao consello xeral a información necesaria para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial».

Nove. Introdúcese un novo artigo 10 quater, coa seguinte redacción:

«Artigo 10 quater. Servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos colexiados.

1. Os colexios profesionais dispoñerán dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos colexiados que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados sexan presentadas por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos colexiados poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, se é o caso, corresponda.

3. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática».

Dez. Introdúcese un novo artigo 10 quinquies, coa seguinte redacción:

«Artigo 10 quinquies. Visado.

1. Os colexios profesionais terán á disposición dos consumidores e usuarios, prestado con medios propios ou alleos, un servizo de visado dos traballos realizados polos seus colexiados.

2. O visado garante, polo menos, a corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional, o cumprimento das normas sobre especificacións técnicas, así como a observancia do resto da normativa aplicable ao traballo de que se trate. Non comprenderá en ningún caso os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación queda suxeita ao libre acordo entre as partes.

3. No caso de danos derivados dos traballos que visase o colexio, nos que resulte responsable o autor destes, o colexio responderá subsidiariamente en canto os danos teñan a súa orixe en defectos formais ou técnicos que razoablemente deberían ter sido postos de manifesto polo colexio ao visar o traballo profesional.

4. Cando o visado veña imposto pola lei, o seu prezo axustarase ao custo do servizo, que deberá ser razoable, non abusivo nin discriminatorio. Os colexios profesionais farán públicos os prezos dos visados dos traballos, que poderán tramitarse por vía telemática».

Once. Introdúcese un novo artigo 10 sexies, coa seguinte redacción:

«Artigo 10 sexies. Limitacións ás recomendacións sobre honorarios.

1. Os colexios profesionais e as súas organizacións non poderán establecer baremos orientativos de honorarios nin calquera outra orientación, recomendación, directriz, norma ou regra que impida, restrinxa ou condicione a libre formación do prezo dos servizos prestados polos profesionais colexiados.

2. Non obstante, os colexios profesionais poderán elaborar criterios orientativos para os exclusivos efectos da taxación das custas e a xura de contas dos avogados.

Os devanditos criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios e dereitos para os efectos de taxación das custas na asistencia xurídica gratuíta».

Artigo 3º.-Modificación da Lei 3/2006, do 30 de xuño, de creación do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Engádeselle unha alínea 3 ao artigo 3, coa seguinte redacción:

«3. No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha comunicación previa ao exercicio da súa actividade, agás que a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións, estableza outra cousa».

Artigo 4º.-Modificación da Lei 8/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia.

Engádeselle unha alínea 3 ao artigo 3, coa seguinte redacción:

«3. No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha comunicación previa ao exercicio da súa actividade, agás que a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións, estableza outra cousa».

Artigo 5º.-Modificación da Lei 9/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia.

Engádeselle ao artigo 3 un parágrafo final, coa seguinte redacción:

«No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha comunicación ao exercicio da súa actividade, agás que a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións, estableza outra cousa».

Artigo 6º.-Modificación da Lei 10/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Engádeselle unha alínea 3 ao artigo 3, coa seguinte redacción:

«3. No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha comunicación previa ao exercicio da súa actividade, agás que a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións, estableza outra cousa».

Artigo 7º.-Modificación da Lei 11/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia.

Engádeselle unha alínea 3 ao artigo 3, coa seguinte redacción:

«3. No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha comunicación previa ao exercicio da súa actividade, agás que a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións, estableza outra cousa».

Artigo 8º.-Modificación da Lei 15/2007, do 13 de decembro, de creación do Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia.

Engádeselle unha alínea 3 ao artigo 3, coa seguinte redacción:

«3. No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha comunicación previa ao exercicio da súa actividade, agás que a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións, estableza outra cousa».

Artigo 9º.-Modificación da Lei 1/2008, do 17 de abril, de creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia.

Engádeselle un parágrafo segundo ao artigo 4, coa seguinte redacción:

«No caso de desprazamento temporal dun profesional da Unión Europea precisarase, para exercer na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha comunicación previa ao exercicio da súa actividade, agás que a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións, estableza outra cousa».

Artigo 10º.-Modificación da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

Un. Dáselle unha nova redacción ao artigo 3:

«Artigo 3.

1. A posesión do documento de cualificación de taller artesán ou, se é o caso, da carta de artesán ou artesá ou de mestre artesán ou mestra artesá ten carácter voluntario e non é un requisito necesario para o exercicio da actividade.

2. Malia a súa voluntariedade, a posesión do documento de cualificación de taller artesán ou, se é o caso, da carta de artesán ou artesá ou de mestre artesán ou mestra artesá, ou a inclusión da actividade na sección de actividades artesás do Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia, son requisitos indispensables para que o suxeito artesán poida ter os seguintes dereitos:

a) Solicitar o outorgamento ou a concesión dalgún dos distintivos de calidade da artesanía previstos no artigo 8.

b) Participar nas convocatorias de concesión de subvencións e axudas relacionadas co exercicio da actividade artesanal que sexan efectuadas pola consellaría competente en materia de artesanía, así como nos procedementos de concesión directa.

c) Participar nos eventos feirais en materia de artesanía que sexan organizados pola consellaría competente, nos termos que se establezan.

d) Acollerse a calquera outro beneficio que a Administración galega estableza derivado desta lei ou da súa normativa de desenvolvemento regulamentario».

Dous. Modifícase o artigo 7, que queda redactado do seguinte teor:

«Artigo 7.

1. Créase o Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia, de natureza administrativa e carácter público e gratuíto, que ten por obxecto a inscrición de oficio das actividades artesás, das unidades económicas que obtivesen a cualificación de taller artesán e dos suxeitos artesáns que posúan a carta de artesán ou artesá ou de mestre artesán ou mestra artesá.

2. O Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia está adscrito ao centro directivo competente en materia de artesanía e constará das seguintes seccións:

a) Actividades artesás. O seu obxecto será a inscrición de cantos traballos e actividades obteñan o recoñecemento oficial de actividades artesás.

b) Talleres artesáns. O seu obxecto será a inscrición de todas as unidades económicas que solicitasen e obtivesen a cualificación de taller artesán.

c) Artesáns e mestres artesáns. O seu obxecto será a inscrición das persoas que obteñan e acrediten o recoñecemento de tal condición.

d) Asociacións de artesáns. O seu obxecto será a inscrición das asociacións de artesáns legalmente constituídas».

TÍTULO II SERVIZOS INDUSTRIAIS E DA CONSTRUCIÓN

CAPÍTULO I SERVIZOS INDUSTRIAIS

Artigo 11º.-Modificación da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

Un. Modifícase o artigo 6, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 6.

Para os efectos previstos nesta lei, os establecementos e as instalacións industriais clasifícanse en dous grupos:

a) Grupo I: establecementos e instalacións sometidos a autorización administrativa previa.

Unicamente se poderá requirir autorización administrativa previa da administración competente cando resulte obrigado para o cumprimento de obrigas do Estado derivadas de instrumentos xurídicos internacionais e normas comunitarias.

b) Grupo II: establecementos e instalacións sometidos a comunicación ao órgano competente en materia de industria que se relacionan no anexo I desta lei.

Neste grupo inclúense aqueles establecementos e instalacións industriais que teñan recoñecida plena liberdade para a súa instalación, ampliación ou traslado e que requiran para a súa posta en funcionamento dunha simple comunicación ao órgano competente en materia de industria».

Dous. Modifícanse as alíneas 2 e 3 do artigo 7, que quedan redactadas do seguinte xeito:

«2. Para a instalación, a ampliación, o traslado e a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais do grupo II seguiranse os trámites e os procedementos establecidos na normativa estatal na materia que lles sexa aplicable.

3. Para a instalación, a ampliación, o traslado e a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais incluídos no grupo II desta lei, a consellaría competente en materia de industria entregaralle ao interesado un xustificante da presentación da documentación achegada, que lle servirá como acreditación do cumprimento das obrigas administrativas, sen prexuízo das responsabilidades dos autores da documentación técnica e das certificacións expedidas».

Tres. Modifícase o artigo 10, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10.

Os titulares das industrias e das empresas de servizos que deban estar inscritas no Rexistro de Establecementos Industriais, conforme o establecido na Lei de industria, comunicaranlle os seus datos á consellaría competente en materia de industria nos termos que se establecen no Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de ámbito estatal.

A inscrición no rexistro realizaraa de oficio o órgano competente a partir dos datos incluídos na autorización ou na comunicación ou declaración responsable presentada polos titulares».

Catro. Modifícase o artigo 11, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 11.

Os titulares das instalacións que, por razón da normativa aplicable, deban estar inscritos en rexistros industriais especiais comunicaranlle os seus datos á consellaría competente en materia de industria nos termos establecidos na normativa estatal que lles sexa aplicable.

A inscrición no rexistro realizaraa de oficio o órgano competente a partir dos datos incluídos na autorización ou na comunicación ou declaración responsable presentada polos titulares».

Cinco. Modifícase o anexo I da lei, que queda redactado do seguinte xeito:

«Anexo I.-Establecementos e instalacións industriais liberalizados sometidos a comunicación.

1. Instalacións eléctricas de baixa tensión.

1.1. Instalacións eléctricas de baixa tensión en edificios destinados principalmente a vivendas.

1.2. Instalacións eléctricas de baixa tensión en locais de reunión de potencia instalada lt;100 kW e capacidade lt;300 persoas, adaptadas ao Regulamento de baixa tensión.

1.3. Instalacións eléctricas de baixa tensión en establecementos industriais de potencia lt;500 kW, adaptadas ao Regulamento de baixa tensión.

1.4. Instalacións eléctricas de baixa tensión tipo A.

1.5. Instalacións eléctricas de baixa tensión tipos B e C (carpetas, boletíns).

2. Instalacións eléctricas de alta tensión.

Centros de transformación non pertencentes a empresas de produción, transporte ou distribución de enerxía eléctrica.

3. Instalacións de gas.

3.1. Instalacións individuais, para calquera clase de usos, con potencia nominal de utilización simultánea superior a 70 kW (60,2 te/h).

3.2. Instalacións comúns para calquera clase de usos, sempre que a potencia nominal de utilización simultánea das instalacións individuais ás que se alimenta sexa superior a 700 kW (602 te/h).

3.3. Acometidas interiores para calquera clase de usos, sempre que a potencia nominal de utilización simultánea das instalacións ás que se alimenta sexa superior a 700 kW.

3.4. Almacenamento e instalacións receptoras alimentadas a partir de botellas ou envases de GLP, con capacidade unitaria superior a 15 kg de gas e con capacidade total superior a 350 kg de gas, incluídas tanto as botellas en servizo coma as de reserva.

3.5. Almacenamento e instalacións receptoras con botellas de capacidade unitaria inferior a 15 kg de gas e con capacidade total dos envases conectados (en servizo e en reserva) superior a 200 kg de gas.

4. Aparellos elevadores (instalacións).

4.1. Ascensores e montacargas.

4.2. Guindastres torre.

5. Máquinas (instalacións).

Todas as incluídas no vixente Regulamento de seguridade de máquinas.

6. Aparellos a presión.

Todos os de PxVlt;50 e que non estean incluídos nas ITCMIE-AP 6, 8, 12 e 16.

7. Instalacións interiores de auga.

Todas, con independencia da súa capacidade.

8. Instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

Todas, con independencia da súa capacidade.

9. Instalacións de almacenamento de produtos derivados do petróleo.

10. Calquera outra instalación non relacionada anteriormente e que non estea sometida a autorización administrativa».

Seis.-Suprímese o anexo II da lei.

CAPÍTULO II SERVIZOS DA CONSTRUCIÓN

Artigo 12º.-Modificación da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.

Dáselles unha nova redacción ás alíneas 2, 3 e 4 do artigo 12, que quedan redactadas do seguinte xeito:

«2. As/os axentes de control de calidade aos que se fai referencia na alínea anterior deberán, con anterioridade ao inicio da actividade, presentar no Rexistro de Axentes da Edificación unha declaración responsable na que manifesten que cumpren os requisitos exixidos e facilitar a información necesaria á autoridade competente para o control da actividade.

A declaración responsable habilita para o desenvolvemento da actividade de que se trate desde o día da súa presentación e cunha duración indefinida. Calquera modificación sobrevida deberalle ser comunicada ao Rexistro de Axentes da Edificación.

3. Regulamentariamente determinaranse as condicións, o procedemento de inscrición e calquera outra medida que resulte necesaria para a efectividade desta disposición.

4. Os laboratorios de ensaios e as entidades de control de calidade deberán subscribir un seguro de responsabilidade civil profesional ou outra garantía equivalente que cubra os danos que poidan provocar as súas actuacións na calidade e na seguranza das obras de construción».

TÍTULO III SERVIZOS FEIRAIS

CAPÍTULO ÚNICO SERVIZOS FEIRAIS

Artigo 13º.-Modificación da Lei 1/1996, do 5 de marzo, de regulación das actividades feirais de Galicia.

Un. Modifícase o capítulo IV, que queda coa seguinte redacción:

«Capítulo IV.- Réxime de comunicación previa das actividades feirais.

Artigo 9. Comunicación previa en materia de actividades feirais.

1. A realización de feiras ou exposicións, excepto as feiras mercado de ámbito exclusivamente local, serán obxecto dunha comunicación previa á consellaría competente en materia de comercio. As finalidades desta comunicación son coordinar as feiras ou exposicións, para a súa difusión e promoción, e garantir un correcto desenvolvemento delas.

A Administración autonómica exercerá facultades de coordinación para evitar duplicidades de feiras e exposicións oficiais.

2. A realización de feiras mercado de ámbito territorial de influencia exclusivamente local comunicaráselle previamente ao concello no termo municipal do cal se pretenda realizar. Os concellos deberanlle trasladar as comunicacións recibidas á consellaría competente en materia de comercio para a súa incorporación ao Rexistro Oficial de Actividades Feirais de Galicia.

Artigo 10. Presentación da comunicación.

1. Para os efectos sinalados no artigo anterior, a persoa organizadora presentará a comunicación cunha antelación mínima de dous meses á data na que pretenda realizar a actividade.

2. A comunicación da realización de feiras actualizarase, se é o caso, con periodicidade anual.

3. Calquera modificación nas condicións reflectidas na comunicación deberalle ser notificada á consellaría competente en materia de comercio.

Artigo 11. Requisitos.

As persoas organizadoras da actividade feiral farán constar na comunicación previa os datos da súa identificación e os seguintes:

a) A denominación, o ámbito territorial, a duración, a data e o lugar de realización.

b) Os produtos aos que se dirixe e a previsión de participantes.

c) As características do espazo físico no que se vai desenvolver a actividade, así como os servizos dos que dispón.

d) A realización ou non de venda directa.

e) Aquelas circunstancias que, se é o caso, se determinen regulamentariamente.

Artigo 12. Obrigas.

Son obrigas da persoa organizadora da actividade feiral:

a) Presentar a comunicación previa nos termos previstos nesta lei e nas normas que a desenvolvan.

b) Prestar a garantía que, se é o caso, estableza a administración.

c) Realizar a actividade feiral de conformidade coas condicións reflectidas na comunicación previa e co preceptuado nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

d) Responsabilizarse do cumprimento das prescricións establecidas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan e, en xeral, da normativa vixente, así como da seguridade das persoas, dos produtos, das instalacións industriais e do ambiente.

e) Prestar a colaboración que lle sexa requirida pola consellaría competente en materia de comercio ou polos concellos no ámbito das súas respectivas competencias, co obxecto de garantir o cumprimento desta lei e das disposicións que a desenvolvan, así como das condicións establecidas na comunicación efectuada».

Dous. Modifícase o capítulo V, que terá a seguinte redacción:

«Capítulo V.- Rexistro Oficial de Actividades Feirais de Galicia.

Artigo 13. Rexistro Oficial de Actividades Feirais de Galicia.

1. A consellaría competente en materia de comercio levará un rexistro oficial de actividades feirais de Galicia no que se inscribirán de oficio as actividades feirais comunicadas.

2. No rexistro faranse constar os datos de identificación das persoas organizadoras e das actividades feirais comunicadas, as condicións que se especifiquen nas respectivas comunicacións previas e as posibles sancións que se impoñan polas infraccións previstas no capítulo VI.

3. Calquera modificación dos datos relativos ás actividades feirais inscritas deberalle ser comunicada á consellaría competente en materia de comercio.

4. Os datos que figuren no rexistro terán carácter público, de acordo cos procedementos de acceso e difusión que se establezan regulamentariamente.

5. As normas de organización e funcionamento do rexistro estableceranse regulamentariamente».

Tres. Modifícase o capítulo VI, que terá a seguinte redacción, e do que se suprimen os artigos 21, 22 e 23:

«Capítulo VI.-Réxime sancionador.

Artigo 14. Infraccións.

1. As infraccións ao disposto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan serán cualificadas como leves, graves e moi graves.

2. Son infraccións leves:

a) A falta de comunicación ao rexistro dos datos relativos ás actividades feirais inscritas nel.

b) As infraccións ao establecido nesta lei que non poidan ser cualificadas como graves ou moi graves.

3. Son infraccións graves:

a) A realización de actividades feirais sen a comunicación previa prevista nesta lei.

b) A reincidencia na comisión de infraccións leves no período dun ano.

4. Son infraccións moi graves:

a) O uso indebido da denominación «feira oficial» en feiras non recoñecidas como tales.

b) Calquera infracción ao establecido nesta lei cando dela deriven alteracións da orde pública ou un notable prexuízo para o interese xeral.

c) A reincidencia na comisión de infraccións graves no período de dous anos.

5. Para os efectos do disposto nos números 3.b) e 4.c) deste artigo, entenderase que existe reincidencia cando, no período indicado, se cometa máis dunha infracción da mesma natureza e así fose declarado por resolución firme.

Artigo 15. Sancións.

1. As sancións que se impoñan polas infraccións tipificadas nesta lei serán:

a) No caso de infraccións leves, multa de ata 3.000 euros.

b) No caso de infraccións graves, multa de 3.001 ata 30.000 euros.

c) No caso de infraccións moi graves, multa de 30.001 ata 100.000 euros.

2. En todo caso, para a gradación das sancións teranse en conta a transcendencia social da infracción, a intencionalidade para os efectos económicos producidos e a reincidencia.

Artigo 16. Prescrición.

1. As infraccións previstas nesta lei prescribirán aos seis meses se son leves, aos dous anos se son graves e aos cinco anos se son moi graves.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar o día seguinte ao da súa comisión ou a partir da súa finalización se se trata dunha infracción continuada. O prazo de prescrición interromperase no momento no que se inicie, con coñecemento do infractor, o procedemento sancionador, e volverase iniciar o cómputo cando o procedemento termine sen sanción ou se paralice por causa non imputable á persoa infractora.

3. As sancións previstas nesta lei prescribirán ao ano se son leves, aos dous anos se son graves e aos tres anos se son moi graves.

4. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impoña a sanción. O prazo interromperase coa iniciación, con coñecemento da persoa infractora, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable a ela.

Artigo 17. Procedemento sancionador.

1. O procedemento para a imposición das sancións axustarase ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nas normas que a desenvolvan.

2. O órgano competente para a resolución do expediente sancionador, por proposta da xefatura territorial competente para a incoación, poderá acordar a suspensión da realización dunha actividade feiral no caso de incumprimento das obrigas e prescricións desta lei e das disposicións que a desenvolvan.

Artigo 18. Incoación.

Os órganos con competencias para incoar os procedementos sancionadores por infracción do disposto nesta lei son as xefaturas dos departamentos territoriais da consellaría competente en materia de comercio.

Artigo 19. Órganos competentes.

Os órganos competentes para impoñer as sancións establecidas nesta lei serán:

a) A persoa titular do departamento territorial correspondente, para as derivadas de faltas leves. Cando a infracción afecte o ámbito territorial de máis dun departamento, será competente a persoa titular da dirección xeral competente en materia de comercio interior.

b) A persoa titular da consellaría competente en materia de comercio interior, para as derivadas de faltas graves.

c) O Consello da Xunta, para as derivadas de faltas moi graves.

Artigo 20. Recursos.

Contra as resolucións ditadas en cumprimento do establecido nesta lei poderanse interpoñer os recursos correspondentes, de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

TÍTULO IV SERVIZOS AMBIENTAIS E DE AGRICULTURA

CAPÍTULO I SERVIZOS AMBIENTAIS

Artigo 14º.-Modificación da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

O artigo 3 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 3. Dos establecementos.

1. Os núcleos zoolóxicos, os establecementos de recollida de animais abandonados, os centros de importación de animais, as escolas de adestramento de animais domésticos e salvaxes en catividade e as canceiras deportivas, sen prexuízo do exixido nas demais disposicións que lles sexan aplicables, de acordo coa natureza do animal, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar autorizados pola consellaría competente en materia de benestar animal para o control da súa actividade.

b) Levar os libros de rexistro nos casos, nas condicións e co contido que regulamentariamente se establezan.

c) Dispoñer de boas condicións hixiénico-sanitarias e de locais axeitados ás condicións fisiolóxicas dos animais que alberguen.

d) Adoptar as medidas necesarias para evitar os contaxios entre os animais que alberguen.

e) Dispoñer de servizos veterinarios suficientes e adecuados a cada establecemento.

f) Se é o caso, entregar os animais coas debidas garantías sanitarias, libres de toda enfermidade, acreditándoo coa documentación que regulamentariamente se estableza.

2. Para os establecementos veterinarios, centros de acicalamento e coidado e as residencias caninas e felinas substituirase a autorización prevista na alínea a) do punto anterior pola realización dunha comunicación previa ao inicio da súa actividade na que se manifeste o cumprimento dos requisitos exixidos e pola que se facilite a información necesaria á consellaría competente en materia de benestar animal para o control da súa actividade».

Artigo 15º.-Modificación da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

O artigo 54 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 54. Granxas cinexéticas.

1. As granxas cinexéticas teñen a consideración de explotacións gandeiras, conforme prevén a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

2. A autorización e o rexistro das granxas cinexéticas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras corresponderalle á consellaría competente en materia de gandaría, sen prexuízo da necesidade de informe previo e favorable do órgano con competencias en materia de caza».

Artigo 16º.-Modificación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

Un. Engádeselle un último parágrafo ao texto do artigo 5, coa seguinte redacción:

«Os procedementos de concesión e autorización para actividades de servizos deberán respectar os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade, transparencia e, cando proceda, concorrencia competitiva».

Dous. Engádese un parágrafo ao final da alínea 2 do artigo 17, coa seguinte redacción:

«Os procedementos de concesión e autorización para actividades de servizos deberán respectar os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade, transparencia e, cando proceda, concorrencia competitiva».

Artigo 17º.-Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Engádeselle unha disposición adicional cuarta, co seguinte texto:

«Disposición adicional cuarta.

Os procedementos de autorización regulados nesta lei para actividades de servizos que se vaian realizar en montes demaniais deberán respectar os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade e transparencia. Aplicarase, ademais, o principio de concorrencia competitiva nos seguintes supostos:

a) Cando se trate dunha actividade de servizos que promova a administración xestora do monte conforme os instrumentos de planificación e xestión deste.

b) Cando o exercicio da actividade exclúa o exercicio doutras actividades por terceiros.

Os criterios nos que se baseará a autorización para a realización de actividades de servizos estarán directamente vinculados á protección do ambiente.

A duración das devanditas autorizacións será limitada de acordo coas súas características e non dará lugar á renovación automática nin á vantaxe a favor do anterior titular ou das persoas especialmente vinculadas con el».

CAPÍTULO II SERVIZOS DE AGRICULTURA

Artigo 18º.-Modificación da Lei galega 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria.

Un. A alínea 1.a) do artigo 15 queda redactada da seguinte forma:

«1. O control e a certificación dos produtos amparados por unha denominación xeográfica poderá ser efectuado:

a) Mediante unha entidade independente de control que axuste o seu funcionamento aos requisitos establecidos na Norma internacional de calidade para entidades de certificación de produto (Norma UNE-EN 45011 ou norma que a substitúa). Estas entidades de control deberán presentar, ao inicio da súa actividade, unha declaración responsable de que cumpren cos requisitos establecidos na normativa vixente para o seu exercicio, perante a consellaría competente por razón da natureza do produto protexido pola denominación. Esta consellaría establecerá un prazo para que a entidade independente de control obteña a acreditación conforme o establecido no Regulamento de infraestruturas para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro. Se non obtiver esta acreditación, a entidade non poderá continuar exercendo a actividade».

Dous. O artigo 23 queda coa seguinte redacción:

«Artigo 23. Definicións.

1. Considérase artesanía alimentaria a actividade de elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios que, cumprindo os requisitos que establece a normativa vixente, están suxeitos a unhas condicións durante todo o seu proceso produtivo que, sendo respectuosas co ambiente, lle garantan ao consumidor un produto final individualizado, seguro desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal do artesán.

2. Artesán alimentario é a persoa que realiza unha actividade de artesanía alimentaria e que cumpre os requisitos que regulamentariamente se establezan. A súa acreditación como tal farase mediante a expedición da carta de artesán pola consellaría competente en materia de agricultura.

Regulamentariamente estableceranse os requisitos e as condicións para a obtención da carta de artesán.

3. Empresas artesanais alimentarias son aquelas que realizan unha actividade artesanal alimentaria e que cumpren as condicións que se relacionan a seguir:

a) Que os seus procesos de elaboración sexan manuais, aínda que se admita un certo grao de mecanización en operacións parciais, e que, en todo caso, se orixine un produto final individualizado.

b) Que a responsabilidade e a dirección do proceso de produción recaia nun artesán alimentario, quen tomará parte directa e persoal na execución do traballo.

c) Que a empresa cumpra cos requisitos que se establezan regulamentariamente. Para estes efectos, no desenvolvemento regulamentario teranse en conta, necesariamente, os criterios de volume de negocio anual, o número de empregados e empregadas e mais o grao de independencia ou autonomía respecto doutras empresas que non cumpran os requisitos para seren consideradas artesanais alimentarias.

4. Produtos artesáns son aqueles que, elaborados por empresas artesanais, foron obtidos de acordo cos procesos de elaboración que para cada actividade se aproben na norma técnica correspondente.

Estas normas preverán, en todo caso, o emprego de materias primas seleccionadas, a elaboración tradicional e a singular presentación, que lle dan ao produto final unha calidade diferencial e garanten a seguridade alimentaria.

En calquera caso, e para garantir a elaboración tradicional, nos produtos para os cales exista algunha denominación xeográfica de calidade a norma técnica correspondente exixirá que estes produtos estean acollidos á devandita denominación, ademais doutros requisitos específicos que se poidan establecer».

Tres. O artigo 26 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 26. Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia.

1. Créase o Rexistro da Artesanía Alimentaria, dependente da consellaría competente en materia de agricultura, para a inscrición das empresas que realicen unha actividade alimentaria.

2. Mediante unha norma regulamentaria determinaranse as normas de funcionamento deste rexistro».

Catro. O artigo 27 terá a seguinte redacción:

«Artigo 27. Control e certificación.

O control e a certificación dos produtos que teñan os distintivos relativos á artesanía alimentaria serán realizados polo Instituto Galego de Calidade Alimentaria. Ademais, se as demandas do sector así o aconsellan, a consellaría competente en materia de agricultura poderá permitir que sexan realizados tamén por entidades independentes de control que axusten o seu funcionamento aos requisitos establecidos na Norma internacional de calidade para entidades de certificación de produto (Norma UNE-EN 45011 ou norma que a substitúa).

Estas entidades independentes de control deberán presentar, ao inicio da súa actividade, unha declaración responsable de que cumpren cos requisitos establecidos na normativa vixente para o seu exercicio perante a consellaría competente en materia de agricultura. Esta consellaría establecerá un prazo para que a entidade independente de control obteña a acreditación para a certificación destes produtos conforme o establecido no Regulamento de infraestruturas para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro. Se non obtiver esta acreditación, a entidade non poderá continuar exercendo a actividade».

TÍTULO V SERVIZOS CULTURAIS E TURÍSTICOS

CAPÍTULO I SERVIZOS CULTURAIS

Artigo 19º.-Modificación da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

Dáselle unha nova redacción á alínea 1 e suprímese a alínea 5 do artigo 11:

«1. Os libreiros son as persoas naturais ou xurídicas que se dedican, exclusiva ou parcialmente, á venda de libros en establecementos mercantís de libre acceso ao público».

Artigo 20º.-Modificación da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

O artigo 29 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 29. Comercio.

1. As persoas e entidades que se dediquen habitualmente ao comercio de bens mobles integrantes do patrimonio cultural de Galicia levarán un libro de rexistro legalizado pola consellaría competente en materia de cultura, no cal constarán as transaccións efectuadas. No citado libro anotaranse os datos de identificación do obxecto e as partes que interveñan en cada transacción.

2. A consellaría competente en materia de cultura creará e levará un rexistro das empresas que se dediquen habitualmente ao comercio dos obxectos ao que se refire o punto anterior. Estas persoas e entidades realizaranlle unha comunicación previa da actividade que vaian desenvolver á consellaría competente en materia de cultura para constancia no citado rexistro. Regulamentariamente determinarase o funcionamento do dito rexistro».

CAPÍTULO II SERVIZOS TURÍSTICOS

Artigo 21º.-Modificación da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia.

Un. Dáselle unha nova redacción ao artigo 21:

«Artigo 21. Concepto.

1. Son empresas turísticas as que, de xeito habitual e profesional, prestan servizos, mediante contraprestación económica, no ámbito da actividade turística de aloxamento, restauración e intermediación ou en relación con calquera outro tipo de servizos que poidan ser cualificados como turísticos pola Administración turística autonómica.

2. Os locais e as instalacións abertos ao público onde as empresas turísticas prestan os seus servizos terán a consideración de establecementos turísticos, e deberán cumprir as condicións que para eles sexan fixadas nesta lei ou na súa normativa de desenvolvemento».

Dous. Dáselle unha nova redacción ao artigo 23:

«Artigo 23. Obrigas das empresarias e dos empresarios turísticos.

As empresarias e os empresarios turísticos estarán obrigados a:

a) Comunicarlle á Administración turística autonómica competente, con carácter previo, o inicio da actividade turística segundo os requisitos que establece esta lei e a normativa que a desenvolva, ou, de ser o caso, contar coas autorizacións precisas que establece esta lei.

b) Prestar os servizos a que estean obrigados en función da clasificación das súas empresas e dos seus establecementos turísticos, nas condicións ofertadas ou pactadas coas usuarias e cos usuarios turísticos, de conformidade co disposto nesta lei e nos regulamentos que se diten para tal efecto.

c) Velar polo bo estado xeral das dependencias e do mantemento das instalacións e servizos do establecemento e garantirlles un trato correcto ás clientas e aos clientes.

d) Informar previamente con obxectividade e veracidade ás usuarias e aos usuarios sobre o réxime dos servizos que se ofertan no establecemento, as súas condicións de prestación e o seu prezo e forma de pagamento, así como proporcionarlles os demais datos e informacións que estableza a normativa turística.

e) Exhibir os prezos dos servizos ofertados nun lugar visible e de modo lexible, con indicación clara da inclusión do imposto sobre o valor engadido, xunto co distintivo correspondente á clasificación do establecemento.

f) Ter á disposición das usuarias e dos usuarios turísticos follas de reclamacións turísticas, e entregar un exemplar cando llelo soliciten.

g) Facturar detalladamente os servizos de conformidade cos prezos ofertados ou pactados.

h) Dispoñer dos libros e demais documentos que sexan exixidos pola lexislación vixente.

i) Garantirlles a accesibilidade e a adaptación das instalacións dos establecementos ás persoas discapacitadas segundo o disposto no ordenamento xurídico.

j) Non discriminar as usuarias e os usuarios turísticos por razón de raza, lugar de procedencia, sexo, opción sexual, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

k) Proporcionarlles ás administracións públicas a información e a documentación necesarias para o exercicio das súas atribucións legalmente recoñecidas.

l) Subscribir e manter vixentes os seguros de responsabilidade profesional e/ou as garantías exixidos pola normativa turística.

m) Colaborar na protección dos recursos de interese turístico.

n) Os titulares de establecementos turísticos non deberán aceptar a contratación de servizos que non poidan atender nas condicións pactadas. En caso contrario, incorrerán en responsabilidade fronte á administración e aos usuarios, o que dará lugar ao procedemento sancionador que se instrúa para o efecto.

Os titulares dos establecementos turísticos que incorresen en sobrecontratación estarán obrigados a proporcionar os devanditos servizos en condicións similares ás pactadas e a sufragar os gastos suplementarios derivados da sobrecontratación ou devolver a diferenza ao usuario no caso de que os gastos do servizo sexan menores que os contratados inicialmente».

Tres. Engádenselle as alíneas 2, 3 e 4 ao artigo 24:

«2. Calquera prestador de servizos turísticos poderá establecerse libremente na Comunidade Autónoma de Galicia sen máis limitacións que as derivadas do cumprimento das normas legais e regulamentarias que lle sexan aplicables.

3. Os prestadores dos servizos turísticos aos que se refire o título VII desta lei que exerzan unha actividade turística legalmente noutra comunidade autónoma poderán desenvolvela en Galicia. Así mesmo, cando estes prestadores de servizos turísticos estiveren establecidos legalmente en calquera outro Estado membro da Unión Europea, tamén poderán prestar libremente servizos turísticos de carácter temporal en Galicia.

4. Para os efectos de liberdade de establecemento e de prestación de servizos, considéranse prestadores de servizos turísticos os que se dediquen en nome propio, de maneira habitual e remunerada, á prestación dalgún servizo turístico conforme a normativa aplicable.

A habitualidade presumirase respecto daqueles que ofrezan a prestación de servizos turísticos a través de calquera medio publicitario ou cando se preste o servizo nunha ou varias ocasións dentro do mesmo ano por un tempo que, en conxunto, exceda un mes, salvo que regulamentariamente se determine outro para determinados servizos turísticos, en razón das súas peculiaridades».

Catro. Dáselle unha nova redacción ao artigo 27:

«Artigo 27. Intrusismo profesional.

A realización ou publicidade por calquera medio de difusión das actividades das empresas turísticas sen ter cumprido o deber de presentación da declaración responsable ou sen contar, de ser o caso, con autorización e clasificación turística segundo o previsto no artigo 28 desta lei terán a consideración de intrusismo profesional e sancionaranse administrativamente consonte o previsto nesta lei».

Cinco. Dáselle unha nova redacción ao artigo 28:

«Artigo 28. Autorización e clasificación administrativa dos establecementos turísticos.

1. Correspóndelle á consellaría competente en materia turística proceder á clasificación turística ou, se é o caso, á autorización, por grupos, categorías, modalidades e, se así for, especialidades dos establecementos turísticos, atendendo, entre outras circunstancias, á súa situación territorial e ás características e aos servizos ofrecidos. Regulamentariamente estableceranse os requisitos precisos para o outorgamento da clasificación ou da autorización dos establecementos turísticos.

2. Excepcionalmente, por solicitude previa do interesado, a consellaría competente en materia de turismo poderá dispensar do cumprimento dalgúns dos requisitos exixidos para outorgar unha determinada clasificación a un establecemento turístico mediante resolución motivada e con informe técnico previo.

3. As empresas turísticas dedicadas ao aloxamento en campamentos de turismo, incluídos no ámbito de aplicación desta lei, con anterioridade ao inicio das súas actividades, deberán solicitar da Administración turística competente a correspondente autorización para o seu exercicio e para o outorgamento da clasificación, así como do distintivo, de ser o caso, dos establecementos, acompañada da documentación exixida regulamentariamente. A mencionada autorización é independente doutras que deban ser concedidas por outros órganos, en virtude das súas respectivas competencias.

4. Os demais provedores de servizos turísticos, incluídos no ámbito de aplicación desta lei, deberán presentar perante a consellaría competente en materia de turismo unha declaración responsable de inicio de actividade, manifestando o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa turística e o seu compromiso de os manter durante o tempo de vixencia da actividade, relativos ao servizo ou ao establecemento e á súa clasificación turística, na cal se fixará o grupo, a categoría, a modalidade e, se é o caso, a especialidade que lle puider corresponder, ademais da documentación exixida regulamentariamente para a prestación do servizo ou a apertura do establecemento.

5. Cando se produzan cambios no uso turístico ou na titularidade do establecemento deberán comunicárselle á consellaría competente en materia turística, no prazo máximo de dez días desde que se producisen.

6. Sen prexuízo das facultades de comprobación doutras determinacións previstas na lexislación vixente, o cumprimento dos requisitos aos que se refire este artigo serán obxecto de comprobación pola consellaría competente en materia de turismo.

7. Regulamentariamente determinarase a documentación que, se é o caso, deba xuntarse á solicitude de autorización turística ou á declaración responsable, así como os termos e as condicións procedementais para a realización dos trámites aos que se refiren as alíneas anteriores.

8. A clasificación ou autorización turística, se é o caso, así como calquera tipo de modificación ou reforma substancial que afecte as condicións destas, serán resoltas pola Administración turística, logo da tramitación do oportuno expediente, no prazo de tres meses, contados desde a entrada da documentación completa á que fai referencia este artigo no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Se transcorrido o devandito prazo, non se produciu a notificación dunha resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.

A resolución notificaráselle ao interesado. Se é denegatoria deberá ser motivada. Será susceptible de recurso nos termos previstos na lexislación aplicable.

9. Os procedementos de clasificación poderanse tramitar a través das novas tecnoloxías, conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

10. As clasificacións e autorizacións outorgadas poderán ser modificadas ou revogadas cando se incumpran ou desaparezan as circunstancias que motivaron a súa concesión ou sobreveñan outras que, de existiren naquel momento, xustificarían a súa denegación.

11. As empresas turísticas que proxecten a apertura, a construción ou a modificación dun establecemento para uso turístico poderán, antes de iniciaren calquera tipo de actuación e con anterioridade á obtención da correspondente licenza municipal, solicitar da Administración turística un informe relativo ao cumprimento dos requisitos mínimos de infraestrutura e servizos, que será emitido no prazo máximo de dous meses».

Seis. Dáselle unha nova redacción ao artigo 29:

«Artigo 29. Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas ten como obxectivo fundamental elaborar e ter á disposición un censo das empresas e actividades turísticas regulamentadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, así como daqueloutras que sexan consideradas pola Administración turística de conveniente inscrición, debido á súa incidencia turística, aínda que non lle incumba a súa regulamentación á dita administración, sempre que exerzan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e soliciten a inscrición.

2. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas terá por obxecto a inscrición de:

a) Os establecementos de aloxamento turístico.

b) Os establecementos de restauración turística.

c) As empresas de intermediación turística.

d) As guías e os guías de turismo.

e) As asociacións, as fundacións e os entes que teñan como finalidade fundamental o fomento e a promoción do turismo.

f) As oficinas de turismo de conformidade co establecido nesta lei.

g) Os pazos de congresos de Galicia.

h) A oferta complementaria de ocio.

i) Calquera outra actividade ou establecemento que pola súa relación co turismo se determine regulamentariamente.

3. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas é un rexistro público, de natureza administrativa, custodiado e xestionado pola Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia velará polo seu bo funcionamento, e corresponderalle a clasificación da documentación que estea baixo a súa custodia, así como a expedición das certificacións que se soliciten».

Sete. Dáselle unha nova redacción ao artigo 30:

«Artigo 30. Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

1. A inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas practicaraa de oficio a Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia para as empresas turísticas ás que se refiren as alíneas 2.a), b), c) e d) do artigo anterior, toda vez que cumpran os requisitos establecidos no artigo 28 desta lei.

Potestativamente, a devandita administración poderá inscribir no rexistro outras actividades que polos seus servizos, instalacións ou interese para o turismo se consideren relevantes para seren incluídas na oferta turística, como as referidas nas alíneas 2.e), f), g), h) e i) do artigo anterior.

2. Non é precisa a inscrición de oficio dos prestadores de servizos turísticos á que se refire o título VII desta norma que, estando legalmente establecidos noutras comunidades autónomas ou noutros estados da Unión Europea, operen en réxime de libre prestación.

3. As empresas que cesen na súa actividade turística deberán notificarllo, no prazo de dez días, á Administración turística, e solicitar para o efecto a súa baixa.

4. A Administración turística procederá de oficio á cancelación da súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, logo de audiencia aos interesados, das empresas que incumpran o deber establecido na alínea anterior.

5. Regulamentariamente fixaranse as normas de organización e funcionamento do rexistro, o procedemento e o contido das inscricións, así como a súa forma de acreditación».

Oito. Dáselle unha nova redacción á alínea 1 do artigo 31:

«1. Os prezos de todos os aloxamentos turísticos e dos establecementos de restauración teñen o carácter de libre, e poden ser fixados e modificados polas empresas en calquera momento sen máis obriga que a de darlles publicidade, en consonancia co establecido nesta lei».

Nove. Dáselle unha nova redacción ao artigo 45:

«Artigo 45. Clasificación.

As empresas de intermediación, sen prexuízo de que regulamentariamente se amplíen os seus tipos, clasifícanse en:

1. Axencias de viaxe. Considéranse axencias de viaxe as empresas que exercen actividades de intermediación turística como venda de billetes ou reserva de prazas en calquera medio de transporte, a reserva de prazas en establecementos de aloxamento, a organización e venda de paquetes turísticos e viaxes combinadas, a concertación de servizos complementarios como os descritos no artigo 47 e calquera outro que se determine regulamentariamente.

As empresas de intermediación turística que organicen ou comercialicen viaxes combinadas pertencerán necesariamente ao grupo de axencias de viaxes.

Os termos «viaxe» ou «viaxes» só poderán ser utilizados, na súa denominación comercial, polos que teñan a condición legal de axencia de viaxes, de conformidade co previsto nesta lei e nas demais disposicións regulamentarias.

As axencias de viaxes clasifícanse nas categorías de maioristas, retallistas e maioristas-retallistas.

Maioristas: son as que organizan e/ou comercializan servizos e viaxes combinadas para ofrecérllelos ás axencias retallistas; non poden ofrecerlle directamente os seus produtos ao turista.

Retallistas: son as que comercializan o produto ofrecido polas axencias maioristas coa venda directa ao usuario, ou ben organizan e/ou comercializan servizos soltos ou viaxes combinadas; non lles poden ofrecer os seus produtos a outras axencias.

Maioristas-retallistas: son as que prestan servizos propios de ambos os dous tipos de axencias.

2. Centrais de reservas: son as empresas e entidades que se dedican principalmente a reservar servizos turísticos de xeito individualizado, sen teren capacidade para organizar viaxes combinadas.

3. As empresas de intermediación turística deberán constituír unha garantía nos termos que regulamentariamente se establezan.

A devandita garantía non se lles exixirá a aquelas axencias de viaxes que exerzan legalmente a súa actividade noutra comunidade autónoma española. Para o establecemento de axencias de viaxes que operan noutros estados membros da Unión Europea poderanse exixir garantías complementarias no caso de que a equivalencia de garantías sexa parcial.

4. Regulamentariamente fixaranse os requisitos que deben cumprir as empresas para integrarse en cada categoría. Poñerase especial atención nas entidades que prestan este tipo de servizos a través da internet».

Dez. Dáselle unha nova redacción ao artigo 50:

«Artigo 50. Das guías e dos guías de turismo.

A actividade profesional da guía ou do guía de turismo terá por obxecto a prestación, de xeito habitual e retribuído, de servizos de asistencia, acompañamento e información en materia cultural, artística, histórica e xeográfica ás turistas e aos turistas nas súas visitas a museos e demais bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia situado no ámbito territorial da comunidade autónoma.

As e os guías de turismo habilitados noutras comunidades autónomas poderán exercer libremente a súa profesión na Comunidade Autónoma de Galicia.

As e os guías de turismo xa establecidos nun Estado membro da Unión Europea que desexen exercer a súa actividade de forma temporal en Galicia en réxime de libre prestación deberán comunicarllo á Administración turística, antes da primeira actividade transfronteiriza, nos termos e nas condicións que se regulan no artigo 13 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais.

Determinaranse regulamentariamente as condicións de acceso, o ámbito de actuación e os demais requisitos precisos para o exercicio da profesión de guía».

Once. Dáselle unha nova redacción ao artigo 59:

«Artigo 59. Funcións da Inspección turística.

Son funcións da Inspección turística:

a) A vixilancia e a comprobación do cumprimento da normativa vixente en materia de turismo e, en particular, da existencia das infraestruturas e da dotación dos servizos obrigatorios exixidos por aquela.

b) A investigación dos feitos obxecto tanto das reclamacións e denuncias dos usuarios coma de todos aqueles que poidan ser constitutivos de infracción administrativa consonte o previsto nesta lei.

c) O asesoramento aos suxeitos que desenvolven actividades turísticas sobre o cumprimento e a aplicación da normativa vixente.

d) A emisión dos informes técnicos que lle solicite a Administración turística, e preceptivamente nos seguintes casos:

1º) Na apertura e clasificación de novos establecementos e instalacións turísticos, así como para as modificacións, os cambios de actividade e as reclasificacións.

2º) No control da execución das actividades subvencionadas e na vixilancia do cumprimento das condicións requiridas ou dos convenios asinados que motivaron a concesión de subvencións por parte da Administración turística.

3º) No estado das infraestruturas turísticas.

e) Todas aqueloutras funcións que regulamentariamente se lle atribúan dentro do seu ámbito de actuación definido por esta lei».

Doce. Dáselles unha nova redacción ás alíneas 1 e 3 do artigo 66:

«1. Se mediante a correspondente inspección se constatar o desenvolvemento dunha actividade turística sen cumprir os requisitos establecidos no artigo 28, a Inspección turística comunicaralle esta circunstancia ao órgano competente, para os efectos de que este poida adoptar, logo de audiencia á persoa interesada, a medida de pechamento do establecemento ou de suspensión da actividade».

«3. A medida prevista neste artigo refírese á normativa turística e é independente das consecuencias sancionadoras que, consonte esta lei e outras que sexan aplicables, poidan seguirse dos feitos que as motivaron».

Trece. Dáselle unha nova redacción á alínea a), número 3.º), e engádese unha alínea i) no artigo 69:

«a).3.º) Non comunicarlle á Administración turística os cambios no uso turístico ou na titularidade do establecemento, así como calquera alteración no exercicio da actividade que non requira de título habilitante nos termos recollidos no artigo 28, ou facelo fóra dos prazos establecidos».

«i) Entregarlles ás usuarias ou aos usuarios turísticos documentación defectuosa ou que incumpra os requisitos da normativa turística cando aquela sexa obrigatoria».

Catorce. Dáselle unha nova redacción ao artigo 70:

«Artigo 70. Infraccións graves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter grave:

a) Realizar actividades turísticas sen cumprir os requisitos establecidos no artigo 28 desta lei.

b) Incumprir ou alterar as circunstancias que motivaron o outorgamento do título administrativo habilitante para o exercicio da correspondente actividade.

c) Utilizar denominacións, rótulos ou distintivos diferentes aos que correspondan segundo a normativa turística.

d) Efectuar modificación da estrutura, da capacidade ou das características dos establecementos sen poñelo previamente en coñecemento da Administración turística cando sexa preceptivo nos termos recollidos no artigo 28 desta lei.

e) Carecer das dependencias ou instalacións para as traballadoras e os traballadores exixidas pola normativa vixente.

f) Obstruír a inspección ou negarse a facilitar a información requirida polas inspectoras ou os inspectores.

g) Usar marcas ou denominacións xeoturísticas que non correspondan ou que incumpran as condicións regulamentariamente establecidas.

h) Efectuar cambios substanciais ou non cumprir na prestación dos servizos respecto do lugar, do tempo, do prezo e das demais condicións acordadas nos contratos.

i) Non prestar ou prestar deficientemente os servizos debidos, sempre que lle cause un grave prexuízo á clienta ou ao cliente.

j) Non expedir factura ou xustificante de pagamento polos servizos prestados naqueles establecementos nos que regulamentariamente se exixa e cando, en todo caso, a clienta ou o cliente o solicite, así como a facturación de conceptos non incluídos nos servizos prestados.

k) Percibir prezos diferentes aos exhibidos ou notificados á clienta ou ao cliente, ou percibir prezos por servizos que, en virtude da normativa turística, non sexan susceptibles de cobramento.

l) Tratar incorrectamente a clientela nos supostos manifestamente ofensivos.

m) Reservar prazas en número superior ao das dispoñibles.

n) Informar ou facer publicidade dos bens ou servizos de forma que induza a erro ou confusión na persoa consumidora ou na usuaria ou o usuario turístico.

ñ) Negarse ou resistirse a facilitar as follas de reclamacións no momento de seren solicitadas, mesmo se a reclamación se fundamenta na denegación de acceso ao local ou en que non se presta o servizo solicitado.

o) Prohibir o libre acceso e expulsar as clientas ou os clientes do establecemento, en concordancia coa normativa vixente en materia de espectáculos públicos, cando isto sexa inxustificado consonte esta lei.

p) Contratar con empresas e establecementos que non posúan o preceptivo título administrativo habilitante turístico para o exercicio da súa actividade.

q) Vender ou alugar as parcelas e as instalacións estables nos campamentos de turismo.

r) Non entregarlles ás usuarias ou aos usuarios turísticos a documentación obrigatoria nos supostos exixidos pola normativa turística.

s) Incumprir o principio de unidade de explotación para os establecementos de aloxamento turístico.

t) Incumprir, por parte dos titulares dos campamentos de turismo, a obriga de non permitir a permanencia de elementos nas parcelas máis alá do tempo de estancia concertado.

u) Reincidir na comisión de faltas leves».

TÍTULO VI OUTRAS MEDIDAS

Artigo 22º.-Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Un. Dáselles unha nova redacción aos artigos 6.c) e 6.e):

«6.c) As máquinas de xogo, agás as máquinas de tipo A ou recreativas, que quedan suxeitas á comunicación previa.

6.e) As rifas, tómbolas e combinacións aleatorias.

Non obstante, quedan exentas deste réxime de autorización previa as combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais sempre que a participación nestas sexa gratuíta e non exista en ningún caso sobreprezo ou tarificación adicional ningunha calquera que sexa o procedemento ou o sistema a través do que se realicen, se ben o promotor delas queda obrigado a formular a súa comunicación individualizada previa».

Dous. Dáselle nova redacción ao artigo 19.1:

«1. As máquinas de xogo deberán dispoñer da autorización oficial que estableza a Xunta de Galicia, agás as máquinas de tipo A ou recreativas, que quedan suxeitas á comunicación previa».

Tres. Dáselle unha nova redacción ao artigo 20:

«Artigo 20.

A autorización, a organización e o desenvolvemento do xogo mediante boletos, das rifas, das tómbolas e das combinacións aleatorias serán obxecto dos seus propios regulamentos».

Corrección de erros. Artigo 22 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 45, do 8 de marzo de 2010.

Artigo 23º.-Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Introdúcense as seguintes modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, na súa redacción vixente:

1) Modifícase o punto 01 do número 19 do anexo 2, que queda redactado como segue:

«01 Clasificación e calquera tipo de cambio ou reforma substancial respecto das condicións nas que fose outorgada a clasificación de establecementos hoteleiros e extrahoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas vacacionais, albergues turísticos e turismo rural:

*Establecementos de ata 10 unidades de aloxamento.

-Clasificación: 56,26 €.

-Cambios: 28,15 €.

*Establecementos de 11 a 20 unidades de aloxamento.

-Clasificación: 80,39 €.

-Cambios: 40,19 €.

*Establecementos de 21 a 50 unidades de aloxamento.

-Clasificación: 144,66 €.

-Cambios: 72,35 €.

*Establecementos de 51 a 100 unidades de aloxamento.

-Clasificación: 200,89 €.

-Cambios: 100,48 €.

*Establecementos de máis de 100 unidades de aloxamento.

-Clasificación: 241,10 €.

-Cambios: 120,55 €».

2) Modifícase o punto 03 do número 19 do anexo 2, que queda redactado como segue:

«03 Autorización de apertura e/ou clasificación e calquera tipo de cambio ou reforma substancial respecto das condicións nas que fose outorgada a autorización e/ou a clasificación dos campamentos de turismo:

*Campamento de turismo de ata 100 prazas.

-Apertura e/ou clasificación: 120,58 €.

-Cambios: 60,28 €.

*Campamento de turismo de 101 a 200 prazas.

-Apertura e/ou clasificación: 160,75 €.

-Cambios: 80,39 €.

*Campamento de turismo de máis de 200 prazas.

-Apertura e/ou clasificación: 200,89 €.

-Cambios: 100,48 €».

3) Modifícase o punto 04 do número 19 do anexo 2, que queda redactado como segue:

«04 Clasificación e calquera tipo de cambio substancial respecto das condicións nas que fose outorgada a clasificación das axencias de viaxes, as centrais de reservas e as sucursais:

*Axencias de viaxes e centrais de reserva.

-Clasificación casa matriz: 200,89 €.

-Cambios: 100,48 €.

*Sucursais.

-Clasificación: 80,39 €.

-Cambios: 40,19 €».

4) Modifícase o punto 05 do número 19 do anexo 2, que queda redactado como segue:

«05 Clasificación e calquera tipo de cambio ou reforma substancial respecto das condicións nas que fose outorgada a clasificación de restaurantes, cafetarías, furanchos, cafés, bares e discotecas, salas de festas e empresas de cátering e de colectividades:

-Clasificación: 78,03 €.

-Cambios: 39,02 €».

5) Suprímese o punto 09 do número 19 do anexo 2.

6) Modifícase o punto 03 do número 22 do anexo 2, que queda redactado como segue:

«03 Declaración responsable de laboratorios de ensaios de control de calidade e de entidades de control de calidade da edificación:

-Por acreditación nunha área: 611,17 €.

-Por acreditación en máis dunha área: 791,64 €.

-Por acreditación posterior por área a maiores: 430,71 €».

7) Modifícase o punto 04 do número 22 do anexo 2, que queda redactado como segue:

«04 Visitas de inspección de laboratorios de ensaios de control de calidade e de entidades de control de calidade da edificación:

-Nunha área: 368,00 €.

-En máis dunha área: 478,41 €.

-Inspección de selos e marcas de calidade: 184,01 €».

8) Suprímese o punto 07 do número 22 do anexo 2.

Disposicións adicionais

Primeira.-Devengo e pagamento da taxa fiscal sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

1. A taxa sobre as rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, cando o seu rendemento lle corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, devengarase:

a) Nas rifas, tómbolas e combinacións aleatorias, ao concederse a autorización necesaria para a súa celebración. En defecto de autorización, devengaranse cando se celebren, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde que procederen.

b) Nas combinacións aleatorias que non precisen autorización e nas apostas, no momento en que se organicen ou se inicie a súa celebración.

2. Os suxeitos pasivos deberán presentar declaración dos feitos no prazo dun mes, contado desde o momento do devengo, ante o órgano da Administración tributaria que corresponda ao lugar de celebración ou organización da actividade ou do xogo, na forma que se determine regulamentariamente.

Segunda.-Comunicación á Comisión Europea.

Os órganos da Xunta de Galicia comunicaranlle ao departamento autonómico competente en materia de asuntos europeos, antes da súa aprobación, calquera proxecto legal, regulamentario ou administrativo no que se prevexan requisitos dos previstos na alínea 2 do artigo 15 ou do artigo 16 da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos de mercado interior, motivando a súa compatibilidade cos criterios de necesidade, proporcionalidade e non discriminación, para a súa posterior comunicación á Comisión Europea polos condutos correspondentes.

Terceira.-Simplificación e axilización dos procedementos administrativos.

A Xunta de Galicia, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, revisará os procedementos aplicables á prestación de servizos co obxecto de impulsar a súa simplificación e reducir os seus prazos de resolución, así como a progresiva adecuación aos requirimentos da Lei 11/2007 para a xestión daqueles.

Cuarta.-Colaboración coas organizacións colexiais na implantación do portelo único.

Co fin de asegurar unha axeitada implantación do portelo único e do servizo de atención aos consumidores e usuarios por parte das organizacións colexiais de Galicia, a Xunta de Galicia procederá, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, a formalizar instrumentos de colaboración e cooperación cos colexios profesionais de Galicia ou, se for o caso, cos consellos galegos de colexios profesionais, que permitan unha aplicación harmonizada desta lei.

Quinta.-Subcomisión de cooperación local.

A Xunta de Galicia impulsará a creación dunha subcomisión dentro da Comisión Galega de Cooperación Local, na que participarán os representantes das entidades locais e que terá por obxecto facilitar a colaboración para a mellora da regulación das actividades de servizos que se levan a cabo en Galicia e para unha correcta e coordinada transposición da directiva comunitaria.

Sexta.-Fomento do uso da lingua galega na actividade dos prestadores de servizos.

1. Os prestadores de servizos que operen en territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia do lugar de establecemento orixinario, deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüística, especialmente a partir da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, consonte o disposto na alínea 4 do artigo 1 da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

2. Para estes efectos, favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberanlles ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manteren a comunicación oral e escrita en lingua galega.

Disposición transitoria

Única.-Réxime transitorio.

1. Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei tramitaranse e resolveranse pola normativa vixente no momento da presentación da solicitude.

2. Malia o disposto na alínea anterior, o interesado poderá, con anterioridade á resolución, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación da nova normativa.

Regulamentariamente establecerase a validación automática das autorizacións ou habilitacións dos prestadores de servizos, cuxas características quedarán adecuadas ao disposto nesta lei, sen que isto supoña trámites adicionais para os interesados. Excepcionalmente, no caso de que se exixan novos requisitos para o exercicio da actividade de servizos, determinarase regulamentariamente o prazo dentro do cal os prestadores deben comunicarlle á autoridade competente o seu cumprimento.

3. Os prestadores de servizos habilitados na data de entrada en vigor desta lei poderán seguir realizando a súa actividade.

Disposición derrogatoria

Derrogación normativa.

Quedan derrogadas as disposicións de rango igual ou inferior no que contradigan ou se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Xunta de Galicia para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Remisión ao Parlamento do Proxecto de lei reguladora das actividades de transporte público de persoas en vehículos de turismo.

A Xunta de Galicia, no prazo de doce meses desde a entrada en vigor desta lei, remitiralle ao Parlamento o Proxecto de lei reguladora das actividades de transporte público de persoas en vehículos de turismo, no que se regulamentará tanto a actividade do taxi coma a do transporte en réxime de arrendamento de vehículos con condutor, establecendo as diferentes condicións de prestación de ambas as dúas categorías de transporte co fin de garantir a competencia leal entrambas.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia