lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Publicado en: DOG 203 25/10/2017

Última modificación: 10/11/2017

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

En relación as medidas de racionalización dos aproveitamentos madeireiros de carácter comercial, véxase Disposición derradeira décimo sexta. Entrada en vigor.

Exposición de motivos

I

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída no artigo 30 do seu Estatuto de autonomía a competencia exclusiva sobre o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia. No exercicio desta competencia, constitúe unha importante preocupación do lexislador e da Administración autonómica o fomento da implantación no territorio da Comunidade Autónoma de iniciativas empresariais, sen as cales non é posible o desenvolvemento económico nin o crecemento da ocupación e do emprego de calidade. Nesta liña, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, coa finalidade de fomentar o emprendemento e apoiar as persoas emprendedoras como axentes dinamizadores da economía.

Agora cómpre dar un paso máis e ocuparse de que as iniciativas empresariais do sector industrial, de servizos relacionados co anterior e do comercial por xunto dispoñan, en primeiro lugar, do solo que precisan para a súa implantación en condicións vantaxosas; en segundo lugar, dun marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, tal como exixen os principios da boa regulación; e, en terceiro lugar, de incentivos que fomenten a súa radicación en Galicia.

Fundada nestas bases, esta lei cumpre os requisitos de boa regulación que establece a lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas:

– A necesidade da iniciativa lexislativa vén dada polas razóns de interese xeral que xa se teñen exposto, e que se resumen na conveniencia para o desenvolvemento económico e social de Galicia de establecer medidas que fagan atractiva a implantación de iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma, tanto no que respecta ao acceso ao solo como á mellora da normativa aplicable e aos oportunos incentivos.

– Cúmprese tamén o principio de eficacia, porque esas medidas só poden ser introducidas a través dunha norma con rango de lei, ben por afectar materias que están reservadas a este tipo de norma, ben por requirir a modificación integrada e coordinada doutras leis.

– Respéctase o principio de proporcionalidade, xa que para conseguir os obxectivos da lei non se impoñen con carácter xeral novas obrigas ou cargas administrativas, senón que, pola contra, se realiza un decidido esforzo de simplificación da normativa que afecta a implantación e o desenvolvemento das iniciativas empresariais.

– Préstase especial atención á efectividade do principio de seguridade xurídica, de maneira que todas as medidas recollidas na lei están debidamente coordinadas coa normativa aplicable ás materias concernidas, normativa que se modifica ou se derroga expresamente cando resulta necesario.

– En canto ao principio de transparencia, no procedemento de elaboración desta lei promoveuse a máis ampla participación da cidadanía en xeral e dos operadores económicos dos sectores afectados en particular.

– Por último, en virtude do principio de eficiencia e dentro do obxectivo de simplificar a normativa aplicable á implantación e ao desenvolvemento das iniciativas empresariais, evítanse as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón unha racionalización da xestión dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados con aquelas.

Esta lei consta de corenta e un artigos, estruturados en catro títulos:

– Título preliminar, de disposicións xerais, dividido en dous capítulos, un relativo ao obxecto, ámbito de aplicación e principios e outro, ao réxime das competencias administrativas en materia de implantación de iniciativas empresariais.

– Título I, sobre o réxime do solo empresarial, dividido en catro capítulos; o primeiro regula o desenvolvemento do solo empresarial; o segundo, o acceso a este tipo de solo; o terceiro, a xestión das áreas empresariais; e o cuarto, o réxime sancionador aplicable.

– Título II, de mellora normativa para o fomento da implantación de iniciativas empresariais, con catro capítulos, dedicados á tramitación ambiental conxunta de proxectos de actividades sometidas a autorización ambiental integrada e a avaliación de impacto ambiental; á coordinación do outorgamento da autorización ambiental integrada cos procedementos de avaliación de impacto ambiental e outros medios de intervención administrativa de competencia autonómica; á regulación das competencias da Administración hidráulica de Galicia na tramitación e no seguimento da autorización ambiental integrada; e á simplificación dos procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica tramitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Título III, de incentivos para o fomento da implantación de iniciativas empresariais, con dous artigos, nos que se prevé o réxime dos devanditos incentivos e das medidas de promoción fiscal coa mesma finalidade.

A lei complétase con dúas disposicións adicionais, cinco transitorias, dúas derrogatorias e dezaseis derradeiras. Estas últimas, ademais de conteren as previsións de carácter técnico sobre o desenvolvemento regulamentario e a entrada en vigor da lei, conectan co contido do título II, ao acometeren a modificación da normativa sectorial de Galicia aplicable á implantación e ao desenvolvemento das iniciativas empresariais en sectores tan relevantes como o aproveitamento da enerxía eólica, a actividade mineira ou os aproveitamentos madeireiros, co fin de conseguir a simplificación daquela.

II

O título I da lei desenvolve os principios recollidos nas alíneas c) e d) do artigo 3, relativos á racionalización da oferta de solo empresarial e á facilidade para o acceso a este das iniciativas empresariais que o demanden, así como á calidade das infraestruturas, equipamentos, dotacións e servizos das áreas empresariais e á responsabilidade pública e privada, segundo corresponda, no mantemento e na conservación daquelas.

O capítulo I introduce unha serie de disposicións orientadas a facilitar un desenvolvemento máis áxil do solo empresarial. Entre as novidades que se incorporan destaca, como medida de simplificación e axilización procedemental que vai incidir positivamente na implantación de iniciativas empresariais, a redución dos prazos de tramitación dos proxectos sectoriais incluídos no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia e nas súas modificacións, naqueles supostos nos que concorran razóns de urxencia apreciadas polo Consello da Xunta de Galicia.

Ademais, e co ánimo de axustar a execución de solo empresarial á demanda real existente, permítese o desenvolvemento parcial de áreas empresariais incluídas no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia e a execución e utilización por fases dos proxectos sectoriais de iniciativa pública, cando non se prevexa a división do ámbito en polígonos e o sistema de actuación sexa o de expropiación. Isto fará posible adecuar os investimentos públicos ás necesidades reais existentes en cada momento, sen ter que consumir recursos en desenvolvementos que están planificados para cubrir necesidades a longo prazo, pero que poden resultar desproporcionados para a demanda existente no momento actual. Regúlase tamén a aprobación dos proxectos de urbanización que se executen en desenvolvemento dos proxectos sectoriais.

Especial mención merece a creación do Censo de solo empresarial de Galicia, no cal se deberán inscribir todas as áreas empresariais promovidas que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como as áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento. Deste modo facilítase o coñecemento do solo realmente dispoñible e o grao de ocupación das áreas empresariais existentes, configurándose así o Censo como un instrumento de avaliación, planificación e actualización das necesidades de solo empresarial de Galicia.

Por último, establécese a posibilidade de asinar convenios entre as entidades integrantes do sector público autonómico con competencias nesta materia e os concellos, para que estes poidan desenvolver áreas empresariais no suposto de que non dispoñan dos medios necesarios, aproveitándose o coñecemento técnico e a experiencia das devanditas entidades na promoción e xestión do solo empresarial.

O capítulo II inclúe medidas orientadas a facilitar o acceso ao solo empresarial, como son a aprobación de programas de incentivos, incluíndo a posibilidade de bonificacións nos prezos, adxudicación en dereito de superficie con opción de compra ou dereitos de adquisición preferente a favor das persoas titulares das parcelas estremeiras que permitan a consolidación dunha implantación empresarial xa existente; as adxudicacións directas para os denominados proxectos empresariais singulares; a flexibilización dos requisitos para a declaración de proxectos industriais estratéxicos; e o pagamento aprazado do prezo do solo sen repercusión de xuros durante os primeiros catro anos, contados desde a data de formalización da venda, cun período de carencia dun ano. Esta última posibilidade, xunto coa previsión de proxectos de actuación conxunta entre os organismos dependentes das consellarías de Infraestruturas e Vivenda e de Economía, Emprego e Industria, permitirán que iniciativas empresariais poidan acceder ao solo de titularidade autonómica sen teren que facer fronte ao pagamento íntegro do prezo das parcelas, o que reduce o esforzo económico para a súa implantación.

No capítulo III, dando resposta ás demandas do sector, disciplínase a xestión das áreas empresariais, con tres previsións: clarifícanse, consonte o establecido pola lexislación urbanística, as diversas posibilidades de atribución da responsabilidade sobre o mantemento e a conservación da urbanización nestas áreas; outórgase cobertura xurídica ás funcións que veñen desempeñando as entidades asociativas de xestión na prestación de servizos naquelas; e establécese un marco legal para a cooperación entre as administracións públicas e estas entidades na mellora das infraestruturas, equipamentos, dotacións e servizos das áreas empresariais.

Para rematar, o capítulo IV establece o réxime sancionador no caso de incumprimento por parte das persoas promotoras da obriga de inscrición no Censo de solo empresarial de Galicia das áreas empresariais que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como das áreas empresariais para o seu inmediato desenvolvemento.

III

En canto á tramitación ambiental, o artigo 14 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, establece que as comunidades autónomas dispoñerán o necesario para incluír as actuacións en materia de avaliación de impacto ambiental, cando así sexa exixible, no procedemento de outorgamento e modificación da autorización ambiental integrada.

O Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, estableceu un procedemento de coordinación para a tramitación ambiental daquelas instalacións que precisan unha autorización substantiva da Administración xeral do Estado e ao mesmo tempo necesitan dispoñer de autorización ambiental integrada para o seu funcionamento. Con todo, este procedemento resulta dificilmente aplicable a aqueles proxectos tramitados integramente nas comunidades autónomas, debido á repartición de competencias establecida entre os distintos órganos administrativos.

Co título II desta lei preténdese solucionar este baleiro, co obxectivo de clarificar e simplificar na medida do posible a tramitación de ambas as figuras de prevención ambiental, tan vinculadas entre si. Para todas aquelas cuestións non reguladas expresamente, serán aplicables as disposicións establecidas na normativa en materia de avaliación ambiental e de prevención e control integrados da contaminación.

Na mesma liña de simplificación e fomento da implantación da actividade industrial, cómpre coordinar o outorgamento da autorización ambiental integrada cos procedementos de avaliación de impacto ambiental e outros medios de intervención administrativa de competencia autonómica.

O procedemento coordinado que se establece aplicarase ás instalacións que requiran os medios de intervención administrativa da Administración autonómica enunciados no artigo 3.3 do texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, e ademais requiran unha avaliación de impacto ambiental de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

En concreto, este procedemento será aplicable á autorización de industrias ou instalacións industriais que estean legal ou regulamentariamente sometidas a autorización administrativa previa, de conformidade coa Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria. Terán esta consideración as autorizacións establecidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no capítulo IV da Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, sobre protección da seguridade cidadá, no referente ás instalacións químicas para a fabricación de explosivos.

Ademais, é preciso abordar a regulación de determinadas cuestións relativas ás funcións da Administración hidráulica de Galicia na tramitación e no seguimento das autorizacións ambientais integradas, como son o prazo de emisión dos informes e as competencias en materia de vixilancia, inspección e sanción en materia de verteduras, posto que a normativa básica estatal unicamente as ten reguladas para os organismos de bacía do Estado.

Pola súa parte, a disposición adicional segunda da lei prevé, dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos, encomendado á Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A., a posta en marcha dunha planta de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais, consonte o disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Por último, para acadar o obxectivo de axilización administrativa no que respecta á colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia, e na mesma liña das medidas anteriores, procurando a máxima racionalización e coordinación en prol do fomento e da planificación da actividade económica, redúcese o prazo de información pública previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e no artigo 9.1 do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas, que pasa de trinta días hábiles a vinte días hábiles.

Coa mesma vocación, derrógase o Decreto 162/2010, do 16 de setembro, polo que se regulan as entidades colaboradoras da Administración hidráulica de Galicia en materia de control de verteduras e calidade das augas, xa que supoñía unha duplicidade con respecto á normativa estatal, en vulneración da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, ao lle impoñer ao administrado a repetición dos mesmos trámites, cando a acreditación estatal é válida na Comunidade Autónoma.

IV

O título III da lei introduce na Comunidade Autónoma de Galicia un réxime propio de incentivos ao investimento. O obxectivo deste é favorecer a realización en Galicia de proxectos de investimento, de contía significativa, que supoñan a creación de novos proxectos empresariais, así como a ampliación ou modernización das actividades económicas xa desenvolvidas na nosa comunidade.

Na medida en que a capacidade normativa da Comunidade Autónoma é moi limitada para articular os ditos incentivos mediante exencións, bonificacións ou deducións no marco regulador das principais figuras tributarias, o réxime levarase a efecto mediante a concesión ás persoas promotoras dos novos investimentos dunha subvención cuxa fase de pagamento se materializará a medida que o suxeito beneficiario afronte o aboamento de figuras impositivas autonómicas.

O dito réxime complementarase co establecemento, a través dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, de mecanismos de mellora do financiamento dos concellos galegos que incorporen nas súas figuras tributarias medidas para facilitar a implantación de iniciativas empresariais.

V

No que atinxe ás modificacións da normativa sectorial que se inclúen nas disposicións derradeiras da lei, cómpre salientar, en primeiro lugar, as que afectan o aproveitamento da enerxía eólica, co fin de acadar o obxectivo da axilización administrativa e, na mesma liña das medidas anteriores, para lograr a máxima racionalización e coordinación en prol do fomento e da planificación da actividade económica.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten regulado o aproveitamento da enerxía eólica na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Nela, entre outros aspectos, prevíase o trámite de selección de anteproxectos, enmarcado nun contexto normativo previo á aprobación da lexislación actual do sector eléctrico, coa que o proceso de liberalización do sector de xeración eléctrica culmina. Isto fai necesaria a actualización da lexislación específica do sector eólico no ámbito autonómico.

A devandita liberalización enmárcase dentro dunha planificación territorial definida, recollida no vixente Plan sectorial eólico de Galicia. Con esta modificación normativa preténdese o desenvolvemento do sector dunha maneira continuada no tempo e que garanta a sustentabilidade ambiental, protexéndose o medio natural cun escrupuloso respecto á Rede Natura 2000.

Ademais, o procedemento de autorización establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, non recollía determinados aspectos normativos que foron introducidos con posterioridade pola lexislación estatal, polo que resulta precisa a súa adaptación ao novo réxime xurídico.

Entre as novidades respecto da regulación actual, e co fin de simplificar os procedementos para a obtención da autorización de instalacións de enerxía eléctrica, abórdase agora a tramitación conxunta e coordinada do procedemento da autorización administrativa previa, da autorización de construción e do proxecto sectorial, establecéndose a necesidade de presentar, xunto coa solicitude da autorización, o proxecto sectorial, o que permitirá unha redución considerable dos prazos, ao se simultanearen fases procedementais como a información pública ou a solicitude do informe único aos diferentes organismos sectoriais, que deberán pronunciarse para todos os efectos nun mesmo momento.

Outra das medidas que se incorporan para simplificar a tramitación actual, sempre no eido da transparencia e sen mingua da seguridade xurídica, é a previsión de modificacións non substanciais de parques eólicos. Así, ante a complexidade derivada dos diferentes procedementos que conflúen nesta materia e a ausencia dunha regulación específica sobre o particular na normativa vixente en materia de ordenación do territorio, recóllense expresamente os supostos e os requisitos que deben concorrer para que proceda o recoñecemento dunha modificación do proxecto como non substancial, así como o procedemento específico e simplificado que debe seguirse nestes casos, sen que isto supoña redución das garantías nin vulneración dos principios que deben presidir o procedemento, nin moito menos da seguridade xurídica.

Para desenvolver os procedementos de xeito electrónico, créase o Rexistro Eólico de Galicia, que servirá de plataforma para integrar os parques eólicos en funcionamento e aqueles que estean pendentes de executar, co fin de dar transparencia e seguridade á liberalización ordenada do sector.

A modificación normativa que se introduce pretende tamén favorecer a execución de proxectos viables por empresas promotoras que realmente os executen, eliminando as barreiras administrativas na transmisión de titularidades e dereitos eólicos. Respéctanse, en todo caso, os compromisos adquiridos polas empresas promotoras coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia no concurso eólico do ano 2010.

Na liña marcada polo réxime retributivo actual, con exixentes prazos de execución destinados a fomentar a produción a partir de fontes de enerxías renovables, vinculados ao cumprimento dos obxectivos vinculantes establecidos na Directiva 2009/28/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2009, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, e co obxectivo de que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia estes proxectos, créase a declaración de proxectos de especial interese, que terá como efectos, principalmente, a redución de prazos e o despacho prioritario nas tramitacións administrativas. Búscase así facilitar o cumprimento dos prazos de execución destes proxectos e contribuír a acadar os obxectivos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables marcados pola Unión Europea.

Finalmente, outra das medidas tendentes á axilización de trámites é a declaración da incidencia supramunicipal que se inclúe ex lege na disposición adicional terceira que se engade á Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación coas infraestruturas de evacuación das instalacións de xeración eólica desenvolvidas no marco do Plan sectorial eólico de Galicia.

VI

Outra normativa sectorial que é obxecto de profunda revisión é a relativa á actividade mineira, regulada na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

A minaría é o conxunto de actividades destinadas a valorizar un recurso natural de dominio público. A súa implantación require a ocupación temporal do solo, xerando instalacións e infraestruturas, en ocasións, de carácter permanente. Para o desenvolvemento desta actividade, ademais das correspondentes autorizacións, concesións ou permisos da autoridade mineira, é necesaria a autorización das demais administracións que poidan verse afectadas no seu ámbito competencial. Todo isto ocasiona dilatados períodos de tramitación tanto para a implantación como para o cesamento das actividades mineiras, o que dificulta e, ás veces, mesmo impide o normal desenvolvemento do sector e a súa integración ambiental, social e territorial.

O obxecto destas modificacións é a axilización das tramitacións tanto para a implantación das actividades mineiras como para o seu cesamento e desafección do solo ocupado. Ao mesmo tempo, adáptase a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, á lexislación posterior en materia ambiental e mineira e garántese a compatibilización da actividade coa protección do dominio público e co desenvolvemento doutras actividades.

Establécese un procedemento integrado que incorpora as distintas autorizacións sectoriais necesarias para a implantación das actividades extractivas. Para isto, inclúese na solicitude dos dereitos mineiros a documentación requirida polas devanditas autorizacións, establecéndose as consultas aos concellos e aos organismos competentes en relación cos intereses públicos que se poidan ver afectados, e incorpóranse as correspondentes autorizacións sectoriais á resolución de outorgamento do dereito mineiro.

Para os efectos de garantir a adecuada participación pública no outorgamento de dereitos mineiros, ábrese un único período de información posterior aos informes dos organismos competentes. Deste xeito, ademais, evítase a inquedanza inxustificada das persoas interesadas producida pola publicación de proxectos que non teñan acreditada a compatibilización do proxecto mineiro con outras utilidades públicas e usos do solo a través dos informes sectoriais.

Nesta mesma liña de integración das tramitacións necesarias para o desenvolvemento das actividades mineiras, unha das principais novidades é a regulación polo miúdo do procedemento de expropiación forzosa na tramitación do dereito mineiro que así o requira, sempre que o solicite a persoa interesada, reforzándose as garantías das terceiras persoas que se poidan ver afectadas. Así, os dereitos mineiros que levan implícita a declaración de utilidade pública, en virtude da lexislación básica, poderán incorporar á súa tramitación a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto, e a información ás terceira persoas interesadas, para o exercicio dos seus dereitos, garántese a través do procedemento de información pública anteriormente sinalado.

Co obxecto de compatibilizar ambientalmente as actividades extractivas, posibilítase a solicitude do documento de alcance do estudo de impacto ambiental a través do órgano mineiro. Prevese igualmente a reiteración da solicitude dos informes sectoriais, para contar cun mecanismo que faga posible garantir a súa emisión e a continuidade do procedemento, o que evitará dilacións que aumenten os períodos de tramitación dos dereitos mineiros e permitirá a adaptación á Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O novo procedemento integra os principios da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, e da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, coa determinación por parte da persoa solicitante dos datos que gocen de segredo profesional e de propiedade intelectual e industrial, así como os que estean suxeitos á protección dos datos de carácter persoal e a confidencialidade, de forma que se garanta un acceso máis áxil á información pública sen menoscabo das limitacións establecidas legalmente.

Co fin de garantir a rehabilitación dos espazos afectados pola actividade mineira, modifícase a constitución de garantías financeiras ou equivalentes, asegurándose a existencia de fondos facilmente executables en calquera momento por parte da Administración. Conséguese tamén así a adaptación á Directiva 2006/21/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2006, sobre xestión dos residuos de industrias extractivas e pola que se modifica a Directiva 2004/35/CE, e ao Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión de residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, polo que se incorporou a devandita directiva ao ordenamento xurídico español.

Finalmente, simplifícase a convocatoria de concursos mineiros, para o efecto de axilizar a liberación dos terreos afectados por dereitos mineiros caducados e a desafección destes do dominio mineiro, garantíndose así as mellores condicións no impacto que poida xerarse. Con esta finalidade, establécese que coa caducidade do dereito se convoca o concurso, cun mes de prazo para a presentación de propostas, e que pode declararse deserto, o que comporta a liberación definitiva dos terreos afectados desde o punto de vista mineiro.

VII

Igualmente salientables son as modificacións do réxime administrativo dos aproveitamentos madeireiros.

A vixente Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes, plasmou a través de distintos artigos a intención do lexislador de axilizar os trámites burocráticos que a normativa vixente, non só a autonómica senón tamén a estatal, impoñía ás persoas propietarias ou ás empresas forestais cando querían realizar aproveitamentos forestais madeireiros ou leñosos. Esta situación provocaba unha importante lentitude e o encarecemento da tramitación das solicitudes de autorización de cortas.

Agora cómpre homoxeneizar estas previsións coas normas posteriores á Lei 7/2012, do 28 de xuño, para conseguir que, sen menoscabo dos intereses públicos que se pretenden protexer, se acade unha simplificación administrativa que faga menos complicada a actividade do sector forestal, de grande importancia nesta comunidade autónoma.

Cabe destacar, ademais, a adaptación da Lei autonómica de montes aos preceptos básicos da lei estatal. Con ela, sen prexuízo do réxime de autorizacións necesario para determinados supostos, consolídase tamén a declaración responsable como réxime de intervención administrativa principal, sen que iso supoña unha diminución da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos de Galicia, conseguíndose, en definitiva, a optimización de recursos humanos e a simplificación e normalización dos procedementos de autorización de aproveitamentos forestais.

VIII

Para rematar, e sempre co espírito de simplificar a lexislación aplicable á implantación e ao desenvolvemento das iniciativas empresariais, esta lei introduce modificacións puntuais no réxime das instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, das cooperativas e do alugueiro de vivendas turísticas. Configúrase así un cadro moi completo de revisión da normativa autonómica reguladora da actividade económica privada, que avanza de xeito decidido cara ao obxectivo da boa regulación.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais

CAPÍTULO I Obxecto, ámbito de aplicación e principios

Artigo 1. Obxecto

Constitúe o obxecto desta lei o fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia mediante a previsión de medidas que faciliten o desenvolvemento, o acceso e a xestión do solo empresarial, a mellora da normativa aplicable á devandita implantación e a previsión dos oportunos incentivos, así como a coordinación das actuacións neste eido das diferentes consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos concellos, no marco da competencia exclusiva daquela para o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

As previsións desta lei aplícanse ás iniciativas empresariais dos sectores industrial, de servizos relacionados co sector industrial e comercial que precisen para a súa implantación o uso do solo mediante establecementos ou instalacións de carácter permanente.

Artigo 3. Principios

O fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia réxese polos seguintes principios:

a) Liberdade de empresa e de establecemento e prestación de servizos, de acordo co establecido na Constitución española, nos tratados da Unión Europea e nas disposicións que os desenvolven.

b) Eficacia, eficiencia e coordinación das actuacións das administracións públicas dirixidas a fomentar a implantación de iniciativas empresariais que impulsen os nosos sectores produtivos e favorezan a xeración de valor engadido e o peche dos ciclos produtivos, así como a consolidación de emprego de calidade.

c) Racionalización da oferta de solo empresarial e facilidade para o acceso a el das iniciativas empresariais que o demanden.

d) Calidade das infraestruturas, equipamentos, dotacións e servizos das áreas empresariais e responsabilidade pública e privada, segundo corresponda, no mantemento e na conservación destas.

e) Boa regulación, que inclúe a simplificación da normativa autonómica e municipal que afecta a implantación de iniciativas empresariais e a eliminación das cargas administrativas innecesarias ou accesorias vinculadas a ela.

f) Racionalización do sistema tributario autonómico e municipal e coordinación deste cos incentivos á implantación de iniciativas empresariais.

g) Respecto polo medio ambiente e aposta polo desenvolvemento sustentable para as xeracións presentes e futuras, buscando un equilibrio entre a defensa do medio e o desenvolvemento e a modernización e salvagardando a custodia do patrimonio natural e cultural.

CAPÍTULO II Competencias administrativas

Artigo 4. A consellaría competente en materia de economía

Na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle á consellaría competente en materia de economía o exercicio das competencias para o fomento da implantación de iniciativas empresariais, en coordinación coas demais consellarías con atribucións relacionadas coa dita implantación.

Artigo 5. A consellaría competente en materia de vivenda e solo

Correspóndelle á consellaría competente en materia de vivenda e solo, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no marco do establecido na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do referido instituto, ou norma que a substitúa:

a) A proposta de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión da política en materia de solo empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa execución e avaliación.

b) A planificación, desenvolvemento e xestión do solo empresarial no ámbito autonómico.

c) A elaboración, promoción e xestión de plans e programas de promoción, adquisición e posta no mercado do solo empresarial que incentiven o asentamento de empresas, a dinamización económica e o equilibrio territorial.

Artigo 6. A consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa

Correspóndelle á consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa propoñer os criterios e as medidas que permitan a simplificación e redución das cargas administrativas, así como a supresión de trámites e documentación innecesaria, nos procedementos que se regulen pola normativa da Comunidade Autónoma de Galicia aplicable á implantación de iniciativas empresariais, en coordinación coa consellaría competente en materia de economía.

Artigo 7. Os concellos

No exercicio das súas competencias relacionadas coa implantación de iniciativas empresariais, os concellos, en coordinación coa Administración xeral da Comunidade Autónoma:

a) No marco das previsións do Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia, destinarán solo adecuado e suficiente para a implantación de iniciativas empresariais e favorecerán, coas infraestruturas, equipamentos, dotacións e servizos que sexan precisos, a localización de actividades económicas xeradoras de emprego estable, especialmente aquelas que faciliten o desenvolvemento da investigación científica e de novas tecnoloxías, mellorando os tecidos produtivos, por medio dunha xestión intelixente, e tendo en conta as singularidades ou especiais características singulares de cada zona.

b) Avaliarán periodicamente os efectos e os resultados obtidos pola normativa municipal aplicable á implantación de iniciativas empresariais e tramitarán, de ser o caso, propostas de simplificación e eliminación das cargas administrativas innecesarias ou accesorias vinculadas a aquela.

c) Racionalizarán o sistema tributario municipal para o fomento da implantación de iniciativas empresariais, coa previsión dos oportunos incentivos fiscais.

TÍTULO I Réxime xurídico do solo empresarial

CAPÍTULO I Desenvolvemento de solo empresarial

Artigo 8. Tramitación urxente de proxectos sectoriais incluídos no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia

De concorreren razóns de urxencia, que corresponderá apreciar ao Consello da Xunta de Galicia, este poderá acordar que na tramitación dos proxectos sectoriais incluídos no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia e nas súas modificacións se reduzan á metade os prazos de información pública e audiencia previstos na lexislación vixente en materia de ordenación do territorio.

Artigo 9. Desenvolvemento parcial das áreas empresariais incluídas no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia

Cando a demanda real de solo dunha área empresarial delimitada no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia non xustifique a necesidade inmediata de desenvolvemento de toda a área, poderanse aprobar proxectos sectoriais que comprendan unicamente unha parte daquela que permita atender a demanda existente, sempre que quede garantida a viabilidade do desenvolvemento futuro do resto do ámbito, e logo da audiencia do concello ou concellos afectados.

Artigo 10. Execución dos proxectos sectoriais de áreas empresariais

1. A execución dos proxectos sectoriais para o desenvolvemento dunha área empresarial, cando non prevexan a división do ámbito en polígonos e o sistema de actuación previsto sexa o de expropiación, poderase desenvolver por fases de urbanización, que se executarán axustándose á demanda de solo empresarial existente.

2. A aprobación da delimitación das fases de urbanización corresponderá, logo da audiencia do concello ou concellos afectados, ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, por petición da persoa promotora, e deberá prever a orde de execución das distintas fases en que se divida a actuación e garantir que, unha vez rematada a fase correspondente, todas as parcelas desta dispoñan dos servizos urbanísticos precisos para o pleno funcionamento do ámbito correspondente, e na urbanización da fase deberá cumprirse a reserva mínima de prazas de aparcamento que lle corresponderían por aplicación dos estándares establecidos na lexislación urbanística en función da superficie de parcelas urbanizadas na dita fase.

3. A aprobación da delimitación terá os seguintes efectos:

a) Permitirá a aprobación do proxecto de parcelamento do ámbito correspondente á fase de urbanización que se vai desenvolver, cando este non figure incluído no proxecto de expropiación, e a súa inscrición no Rexistro da Propiedade. A afección dos predios resultantes do parcelamento como garantía da execución das obras de urbanización quedará unicamente limitada á execución das obras correspondentes á fase de urbanización na que estea situado o predio.

A aprobación do proxecto de parcelamento corresponderá ao Instituto Galego da Vivenda e Solo cando o promotor sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou unha entidade pertencente ao sector público autonómico, con independencia de que actúe como promotor único ou conxuntamente con outros promotores públicos.

b) Permitirá a aprobación e execución de proxectos de urbanización independentes que prevexan a urbanización de cada unha das fases nas que se divida o ámbito.

c) Posibilitará a recepción das obras de urbanización da fase, unha vez executadas, polo concello respectivo e a súa afección ao uso público.

Artigo 11. Aprobación dos proxectos de urbanización en desenvolvemento de proxectos sectoriais de áreas empresariais e recepción das obras

1. Os proxectos de urbanización que desenvolvan as determinacións dos proxectos sectoriais destinados ao desenvolvemento dunha área empresarial promovidos por un promotor público que non sexa unha administración local ou unha entidade dela dependente serán aprobados, logo da audiencia do concello ou concellos afectados, por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. Os proxectos de urbanización que desenvolvan as determinacións dos proxectos sectoriais destinados ao desenvolvemento dunha área empresarial cuxo promotor sexa distinto dos indicados no punto anterior serán aprobados polo concello correspondente, seguindo o procedemento establecido na lexislación urbanística aplicable.

Neste caso, cando o proxecto sectorial afecte máis dun concello, o proxecto de urbanización deberá ser aprobado por cada un dos concellos afectados, co obxecto de dispoñer dunha aprobación conxunta del.

Para estes efectos, os concellos poderán instrumentar os mecanismos de colaboración previstos na lexislación vixente, co fin de coordinar os criterios aos que deberá axustarse o proxecto de urbanización, unificar a tramitación dos expedientes de aprobación deste e determinar o procedemento para recibir as obras de urbanización, así como establecer as bases do procedemento que hai que seguir na xestión das infraestruturas e servizos urbanísticos da área empresarial e o grao de participación de cada concello nos gastos e ingresos xerados pola dita xestión e os que se poidan xerar en función da concesión de títulos administrativos habilitantes de obra e actividade na área.

3. Unha vez rematadas as obras de urbanización conforme o proxecto aprobado e, de ser o caso, as modificacións autorizadas, as obras serán recibidas polo concello correspondente e destinadas ao uso público.

Artigo 12. Creación do Censo de solo empresarial de Galicia

1. Créase o Censo de solo empresarial de Galicia como rexistro público de natureza administrativa dependente da consellaría competente en materia de vivenda e solo e xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, que ten como finalidade coñecer o solo realmente dispoñible e o grao de ocupación das áreas empresariais existentes na Comunidade Autónoma, co obxecto de que sexa un instrumento de avaliación, planificación e actualización das necesidades de solo empresarial en Galicia.

2. As persoas promotoras de áreas empresariais deberán inscribir obrigatoriamente no Censo todas as áreas empresariais promovidas por elas que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como as áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento.

Para estes efectos, enténdese por persoa promotora calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, que, individual ou colectivamente, decide, impulsa, programa e financia, con recursos propios ou alleos, o desenvolvemento e as obras de urbanización para si ou para o seu posterior alleamento, entrega ou cesión a terceiros baixo calquera título.

3. O acceso ao Censo de solo empresarial de Galicia é público e realizarase a través dos portais da internet do Instituto Galego da Vivenda e Solo e da sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A. Toda a información deste rexistro será accesible de forma libre e gratuíta.

4. A estrutura, o funcionamento, a documentación necesaria e os prazos para a inscrición no Censo de solo empresarial de Galicia determinaranse por orde da consellaría competente en materia de vivenda e solo.

Artigo 13. Apoio aos concellos para o desenvolvemento de solo empresarial

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo e a sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A. poderán formalizar convenios cos concellos que non dispoñan dos medios necesarios para o desenvolvemento de áreas empresariais de iniciativa municipal incluídas no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A retribución dos traballos realizados e dos gastos nos que incorran estas entidades poderá ser efectuada mediante pagamento en especie, coa entrega de parcelas de resultado dentro do mesmo ámbito que se vai desenvolver, e sempre que exista acordo previo ao respecto.

CAPÍTULO II Acceso ao solo empresarial

Artigo 14. Fomento do acceso ao solo empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo e a sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A. poderán aprobar programas de incentivos para o acceso ao solo da súa titularidade, incluíndo bonificacións no prezo de venda, adxudicación en dereito de superficie con opción de compra ou dereitos de adquisición preferente a favor das persoas titulares das parcelas estremeiras que permitan a consolidación dunha implantación empresarial xa existente.

2. No suposto da sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A., os programas a que se refire o punto anterior deberán respectar os límites establecidos pola lexislación mercantil e deberá quedar garantida a viabilidade económica da sociedade.

Artigo 15. Declaración de proxectos empresariais singulares

1. Enténdense por proxectos empresariais singulares aqueles que xustifiquen a especial importancia que a súa actividade ou localización supoñen para a política económica ou o equilibrio territorial da Comunidade Autónoma, estean vinculados a un sector de actividade de especial relevancia ou interese no ámbito da área empresarial do que se trate ou da súa área de influencia ou acrediten especiais necesidades de solo da empresa pola actividade que se vai desenvolver.

Os proxectos empresariais singulares poderán comprender ámbitos de solo empresarial urbanizado, pendente de urbanizar ou ambos os dous tipos.

2. Os proxectos empresariais singulares serán declarados polo Consello da Xunta de Galicia cando o valor dos terreos supere o importe previsto na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os expedientes de contratación que deban ser autorizados polo Consello da Xunta. Nos demais supostos serán declarados pola Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. Así mesmo, corresponde ao Consello da Xunta de Galicia autorizar a declaración e adxudicación de proxectos empresariais singulares pola sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A. cando o valor dos terreos supere o importe previsto na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os expedientes de contratación que deban ser autorizados polo Consello da Xunta.

Tanto neste caso, logo da autorización do Consello da Xunta, como no resto dos supostos de importes inferiores aos sinalados anteriormente, a declaración e adxudicación corresponde ao órgano competente da sociedade.

4. A declaración dun proxecto empresarial singular habilita para a adxudicación directa do solo de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo e da sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A. Esta adxudicación, así como as súas condicións, deberá ser autorizada polo Consello da Xunta de Galicia nos supostos en que lle corresponda declarar o proxecto empresarial singular.

5. A adxudicación do solo deberá ser garantida, na forma e prazo que se indique na declaración de proxecto empresarial singular, mediante depósito de, polo menos, un 10 % do prezo estimado da parcela ou do importe do canon máximo correspondente a cinco anualidades no caso de solicitudes de adxudicación en dereito de superficie.

Non obstante, se a declaración do proxecto singular implica a modificación da ordenación urbanística ou do proxecto de urbanización do polígono, o depósito en concepto de garantía deberá ser de, polo menos, o 25 % do prezo estimado da parcela ou do canon máximo correspondente a cinco anualidades no caso de adxudicación en dereito de superficie.

O importe do depósito será devolto no momento de elevación a escritura pública.

Artigo 16. Proxectos industriais estratéxicos

Para os efectos do previsto no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, ou norma que o substitúa, poderán ser considerados proxectos industriais estratéxicos aquelas propostas de investimento para a implantación ou a ampliación dunha ou de varias instalacións industriais que teñan como resultado previsible unha expansión significativa do tecido industrial galego ou a consolidación deste, sempre que supoñan un volume de investimento mínimo de vinte millóns de euros, supoñan un nivel de mantemento e creación de emprego superior a cen postos de traballo directos ou impliquen unha especial necesidade de solo pola actividade que se vai desenvolver que non poida ser atendida coa oferta existente.

Artigo 17. Flexibilización dos medios de pagamento do solo público

Autorízanse o Instituto Galego da Vivenda e Solo e mais a sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A., nos supostos de alleamento de parcelas empresariais coa forma de pagamento aprazado a favor de persoas empresarias, para que poidan efectuar o dito alleamento sen repercusión de xuros durante os primeiros catro anos, contados desde a data de formalización da venda, cun período de carencia dun ano.

Artigo 18. Programas de actuación conxunta

Para os proxectos empresariais singulares e para os proxectos industriais estratéxicos, e ao amparo de acordos específicos de actuación conxunta entre o Instituto Galego de Promoción Económica e o Instituto Galego da Vivenda e Solo ou a sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A., poderanse articular as medidas oportunas para que, ao abeiro do plan de viabilidade do proxecto empresarial aprobado polo Instituto Galego de Promoción Económica, e sempre que quede garantido o retorno do prezo do solo, se poida ampliar o período de carencia sinalado no artigo anterior ata un máximo de tres anos e aprazar o pagamento sen xuros ata cinco anos.

CAPÍTULO III Xestión das áreas empresariais

Artigo 19. Mantemento e conservación das áreas empresariais

1. O mantemento e a conservación das infraestruturas, equipamentos e dotacións das áreas empresariais que deban ser entregadas á Administración municipal para a súa incorporación ao dominio público corresponden a aquela desde a recepción expresa ou tácita das obras de urbanización.

No caso de que a Administración municipal non resolva expresamente sobre a recepción das obras de urbanización no prazo de tres meses desde que se inste á tal recepción acompañada de certificación expedida pola dirección técnica das obras, estas entenderanse recibidas.

Con anterioridade á dita recepción, a responsabilidade do mantemento e da conservación recae na entidade promotora da actuación urbanizadora.

2. O mantemento e a conservación das infraestruturas, equipamentos e dotacións de titularidade privada común corresponden ás persoas propietarias das parcelas da área empresarial, constituídas na correspondente comunidade de persoas propietarias.

3. Malia o indicado no punto 1 deste artigo, os concellos que carezan de recursos para o mantemento da urbanización poderán solicitar, durante o procedemento de tramitación do correspondente proxecto sectorial, que se inclúa nel a obriga de que as persoas propietarias do solo urbanizado constitúan unha entidade de conservación que se fará cargo do mantemento e conservación da urbanización e asumirá os gastos correspondentes durante un período que non poderá ser superior a cinco anos desde a recepción das obras polo concello.

A solicitude deberá dirixirse ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, antes do remate do trámite de información pública do proxecto sectorial, e achegarase a aquela a certificación xustificativa da carencia de medios para asumir os gastos da urbanización, que deberá vir asinada polo alcalde e polo funcionario que teña as funcións de tesouraría da Administración municipal.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo resolverá sobre a dita solicitude e, no caso de considerala xustificada, ordenará que se recolla no proxecto sectorial a obriga da constitución dunha entidade urbanística de conservación, á que lle corresponderán as obrigas de mantemento e conservación da urbanización do parque durante o período que se estableza, en función das previsións do concello, e que non poderá ser superior a catro anos.

4. Rematado o período de vixencia da entidade urbanística de conservación establecido no proxecto sectorial, as obrigas de conservación e mantemento da urbanización pasarán a ser asumidas polo concello.

5. Con independencia do indicado no punto 3, os concellos, mediante acordo do pleno da corporación, logo da solicitude das persoas propietarias de, polo menos, o 50 % da superficie da área de solo, poden trasladar por un tempo determinado, non superior a cinco anos, ás persoas propietarias, constituídas para o efecto en entidade urbanística de conservación, o deber de mantemento e conservación das infraestruturas, equipamentos e dotacións das áreas empresariais que se entregasen á Administración para a súa incorporación ao dominio público. O concello poderá prorrogar a duración desta obriga por períodos de dous anos por petición das persoas propietarias de, polo menos, o 50 % da superficie da área de solo.

Artigo 20. Prestación de servizos nas áreas empresariais

1. A prestación nas áreas empresariais de servizos comúns pode ser asumida polas persoas propietarias de maneira colectiva mediante a súa constitución nunha entidade asociativa de xestión da área de solo.

2. Todas as persoas propietarias de parcelas nunha área empresarial que desexen beneficiarse dos servizos comúns prestados pola entidade de xestión teñen o dereito a formar parte desta como membros con plenitude de facultades e a obriga de contribuíren ao sostemento económico da entidade e dos servizos que preste. O incumprimento desta obriga supoñerá a suspensión dos dereitos inherentes á condición de membro da entidade de xestión e da prestación dos servizos dos que o suxeito incumpridor ou a parcela de que é propietario se beneficie de maneira individualizada, sen prexuízo das accións civís que correspondan á entidade de xestión para reclamar as cantidades debidas.

Artigo 21. Convenios para a mellora das infraestruturas, equipamentos, dotacións e servizos das áreas empresariais

1. As administracións públicas competentes poderán subscribir convenios coas entidades de xestión das áreas empresariais, nos termos establecidos pola lexislación de réxime xurídico do sector público, coa finalidade de conservar ou mellorar as infraestruturas, os equipamentos, as dotacións e os servizos dos que dispoñan aquelas.

2. Estes convenios poderán, así mesmo, determinar as modalidades e condicións financeiras de participación das administracións que os subscriban e da correspondente entidade de xestión na prestación de todo tipo de servizos nas áreas empresariais.

CAPÍTULO IV Réxime sancionador

Artigo 22. Infraccións

Terá a consideración de infracción administrativa leve a falta de inscrición no Censo de solo empresarial de Galicia das áreas empresariais que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como das áreas empresariais para o seu inmediato desenvolvemento.

Artigo 23. Responsabilidade

1. Serán sancionadas polos feitos constitutivos da infracción prevista no artigo anterior as persoas promotoras de áreas empresariais, segundo o establecido no punto 2 do artigo 12, que resulten responsables dela.

2. Cando a responsabilidade dos feitos constitutivos da infracción corresponda a unha persoa xurídica, poderán considerarse responsables, ademais, as persoas físicas integrantes dos seus órganos de dirección que autorizasen ou consentisen a comisión da infracción. As devanditas persoas físicas serán consideradas responsables, en todo caso, se a persoa xurídica se extinguiu antes de se ditar a resolución sancionadora.

Artigo 24. Sancións

A infracción prevista no artigo 22 será sancionada con multa de 1.000 a 10.000 euros.

Artigo 25. Ordes de execución

1. Se a resolución recaída no procedemento sancionador a que se refire este capítulo constata a existencia da infracción tipificada no artigo 22, incluirá, ademais da correspondente sanción, unha orde de execución para que a persoa sancionada emende, dentro do prazo que se fixe para o efecto, o incumprimento que motivou aquela.

2. Para compeler ao cumprimento da orde de execución por parte da persoa obrigada, a Administración, a partir do momento da notificación daquela e logo de constatado o seu incumprimento, poderá impoñer multas coercitivas de entre 300 e 6.000 euros, con periodicidade mínima mensual.

Artigo 26. Competencia sancionador

Os órganos competentes para a imposición das sancións pola infracción prevista no artigo 22 serán as persoas titulares das xefaturas territoriais ou o órgano equivalente nas súas funcións da consellaría competente en materia de vivenda e solo.

TÍTULO II Mellora normativa para o fomento da implantación de iniciativas empresariais

CAPÍTULO I Tramitación ambiental conxunta de proxectos de actividades sometidas a autorización ambiental integrada e a avaliación de impacto ambiental

Artigo 27. Proxectos sometidos a tramitación ambiental conxunta

1. Poderán solicitar a tramitación ambiental conxunta as persoas promotoras de proxectos de actividades que se atopan sometidos simultaneamente aos procedementos de autorización ambiental integrada ou, de ser o caso, modificación substancial da devandita autorización e de avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Se o proxecto de actividade estiver sometido aos procedementos de autorización ambiental integrada e avaliación de impacto ambiental simplificada, a persoa promotora poderá solicitar a tramitación da avaliación de impacto ambiental ordinaria, co obxecto de se acoller ao procedemento de tramitación conxunta, ou ben tramitar ambos os procedementos de xeito sucesivo.

2. Con carácter previo ao comezo do procedemento de tramitación conxunta, a persoa promotora poderá, con carácter potestativo, solicitar ao órgano ambiental que elabore un documento de alcance do estudo de impacto ambiental, seguindo o procedemento establecido na normativa en materia de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Artigo 28. Presentación de solicitudes e inicio da tramitación

1. A persoa solicitante presentará ante o órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada a solicitude de autorización ambiental integrada, á que xuntará o estudo de impacto ambiental, co contido legalmente establecido para ambos os procedementos, e mais o xustificante do aboamento das taxas correspondentes. Para iso utilizará os modelos oficiais establecidos.

2. Cando o funcionamento da instalación implique a realización de verteduras ás augas continentais, a solicitude á que se refire o punto anterior incluirá a documentación exixida pola lexislación de augas para a autorización de verteduras ás augas continentais.

O órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada, logo de recibir a documentación mencionada no parágrafo anterior, remitiraa ao organismo de bacía no prazo de cinco días, para que, no prazo de dez días desde a entrada da documentación no seu rexistro, emita informe sobre se esta debe completarse; no caso contrario, continuaranse as actuacións.

3. O órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada, logo de examinar o resto da documentación presentada pola persoa titular e recibido o informe previsto no punto anterior, no prazo de cinco días requirirá a persoa promotora da instalación para que, de ser o caso, emende as deficiencias ou achegue a documentación preceptiva no prazo de dez días, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, de conformidade co previsto na lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento supoñerá a suspensión do prazo de tramitación.

4. Para os efectos deste título, entenderase por «órgano substantivo» e «órgano ambiental » os definidos como tales no artigo 5 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

Artigo 29. Trámite de información pública e consulta ás administracións públicas

1. O órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada realizará o trámite de información pública. Este trámite será único para os procedementos de avaliación de impacto ambiental e para o outorgamento da autorización ambiental integrada ou modificación substancial desta, e terá unha duración non inferior a trinta días.

2. Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada consultará en relación co procedemento de avaliación ambiental as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas, por un prazo non inferior a trinta días.

Solicitarase con carácter preceptivo o informe do concello en cuxo termo municipal se sitúe a instalación e, ademais, cando procedan, os seguintes informes:

a) O informe do órgano con competencias en materia de conservación da natureza.

b) O informe sobre o patrimonio cultural.

c) O informe do órgano con competencias en materia de planificación hidrolóxica e de dominio público hidráulico.

d) O informe sobre a planificación da demarcación mariña e de dominio público marítimo- terrestre.

e) O informe do órgano competente en materia de paisaxe.

f) Un informe preliminar do órgano con competencias en materia de saúde pública.

g) O informe dos órganos con competencias en materia de prevención e xestión de riscos derivados de accidentes graves ou catástrofes.

3. As consultas previstas no punto anterior conterán, como mínimo, a seguinte información:

a) O proxecto básico e o estudo de impacto ambiental, ou o portal da internet en que poden ser consultados.

b) O órgano ao que se deben remitir os informes e as alegacións.

Artigo 30. Resolución

1. No prazo máximo de trinta días desde a finalización dos trámites de información pública e de consulta ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas previstas no artigo anterior, o órgano encargado de outorgar a autorización ambiental integrada remitirá á persoa promotora os informes e as alegacións recibidas para a súa consideración na redacción, de ser o caso, da nova versión do proxecto e do estudo de impacto ambiental. Este requirimento supoñerá a suspensión do prazo de tramitación da autorización ambiental integrada.

No caso de non se recibir a documentación requirida á persoa promotora no prazo de tres meses, declararase a caducidade do procedemento nos termos establecidos pola lexislación do procedemento administrativo común e procederase ao arquivamento das actuacións.

2. Finalizado o trámite de información pública, e, de ser o caso, logo de recibir a nova versión do documento, o órgano encargado de tramitar a autorización ambiental integrada remitiralles, para os efectos do devandito procedemento administrativo, o expediente completo, incluídas as alegacións e observacións recibidas, aos seguintes órganos e organismos:

a) Ao departamento encargado da avaliación ambiental de proxectos, unha copia completa do expediente, co fin de que no prazo máximo de dous meses elabore a declaración de impacto ambiental.

Se no expediente de impacto ambiental non consta algún dos informes preceptivos e o órgano encargado da súa tramitación non dispón de elementos de xuízo suficientes para realizar a avaliación de impacto ambiental, requirirá directamente ao órgano competente que corresponda a emisión do informe que precise nun prazo máximo de dez días. O requirimento efectuado comunicarase ao órgano encargado do outorgamento da autorización ambiental integrada e á persoa promotora e suspende o prazo para a formulación da declaración de impacto ambiental.

b) Ao organismo de bacía, para que elabore o informe mencionado no artigo 19 do texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, ou norma que o substitúa, nos supostos nos que a actividade precise, de acordo coa lexislación de augas, autorización de vertedura ao dominio público hidráulico. Este organismo deberá emitir un informe que determine as características da vertedura e as medidas correctoras que se deben adoptar a fin de preservar o bo estado ecolóxico das augas.

Este informe terá carácter preceptivo e vinculante. No caso de que a súa emisión corresponda ao órgano autonómico competente en materia de augas, deberá emitirse no prazo máximo de dous meses desde a recepción do expediente que conteña a documentación preceptiva sobre verteduras.

c) Ao concello en cuxo termo municipal se sitúe a instalación, para que elabore, no prazo de trinta días desde a recepción do expediente, o informe mencionado no artigo 18 do texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, ou norma que o substitúa, sobre a adecuación da instalación a todos os aspectos que sexan da súa competencia.

d) De ser o caso, ao resto de órganos ou organismos que deban emitir informe sobre as materias da súa competencia, unha copia do expediente completo xunto coas alegacións e observacións recibidas.

3. Recibidos os informes previstos no punto anterior, o órgano encargado de tramitar a autorización ambiental integrada, logo de realizar unha avaliación ambiental do proxecto no seu conxunto, dará audiencia á persoa solicitante da autorización.

De se formularen alegacións, darase traslado destas xunto coa proposta de resolución aos órganos informantes, para que no prazo máximo de quince días manifesten o que consideren conveniente.

4. Finalizado o trámite de audiencia, o órgano ambiental redactará unha proposta de resolución. A dita proposta incorporará a declaración de impacto ambiental.

A declaración de impacto ambiental terá a natureza de informe preceptivo e determinante, e determinará se procede ou non, para os efectos ambientais, a realización do proxecto e, de ser o caso, as medidas correctoras e as medidas compensatorias.

Se a declaración de impacto ambiental for desfavorable á execución do proxecto ou o informe vinculante do organismo de bacía considera que é inadmisible a vertedura e, consecuentemente, se impide o outorgamento da autorización ambiental integrada, o órgano competente para outorgala ditará resolución motivada denegatoria.

5. O órgano competente para tramitar a autorización ambiental integrada ditará a resolución que poña fin ao procedemento no prazo máximo de nove meses. Esta resolución determinará se procede ou non, para os efectos ambientais, a realización do proxecto e, de ser o caso, as condicións en que pode desenvolverse, as medidas correctoras e as medidas compensatorias. Ademais, deberá recoller, como mínimo, o contido establecido no artigo 10 do Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, ou norma que o substitúa.

CAPÍTULO II Coordinación do outorgamento da autorización ambiental integrada cos procedementos de avaliación de impacto ambiental e outros medios de intervención administrativa de competencia autonómica

Artigo 31. Ámbito de aplicación do procedemento de coordinación

1. O procedemento de coordinación regulado neste capítulo aplicarase ás instalacións que requiran os medios de intervención administrativa da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia enunciados no punto 3 do artigo 3 do texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, ou norma que o substitúa, e ademais requiran dunha avaliación de impacto ambiental de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

2. En concreto, este procedemento aplicarase á autorización de industrias ou instalacións industriais que estean legal ou regulamentariamente sometidas a autorización administrativa previa, de conformidade coa Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, ou norma que a substitúa. En particular, terán esta consideración as autorizacións establecidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no capítulo IV da Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, sobre protección da seguridade cidadá, no referente ás instalacións químicas para a fabricación de explosivos, ou normas que as substitúan.

3. Os documentos que sexan comúns para varios dos procedementos regulados neste capítulo presentaranse só unha vez, sempre que inclúan todos os requisitos previstos nas distintas normas aplicables.

Artigo 32. Presentación de solicitudes e inicio da tramitación

1. A persoa promotora do proxecto presentará ante o órgano substantivo:

a) A solicitude da autorización substantiva, a declaración responsable ou a comunicación previa, segundo proceda, xunto en cada caso coa documentación exixida conforme a normativa sectorial.

b) Cando o proxecto estea encadrado nalgún dos supostos recollidos no punto 2 do artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, a solicitude de inicio da avaliación de impacto ambiental simplificada, xunto co documento ambiental do proxecto mencionado no artigo 45 da devandita lei, ou norma que a substitúa.

c) Cando o proxecto estea encadrado no punto 1 do artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, a persoa promotora do proxecto poderá presentar con carácter potestativo unha solicitude de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental, xunto co documento inicial do proxecto e mais coa documentación mencionada no punto 2 do artigo 34 da devandita lei, ou norma que a substitúa.

O órgano substantivo remitirá, segundo corresponda, a documentación mencionada nas alíneas b) ou c) ao órgano ambiental para que proceda á tramitación establecida na sección 2ª do capítulo I do título II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, ou ben proceda a determinar o alcance do estudo d

2. A persoa titular da instalación presentará ante o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma a solicitude de autorización ambiental integrada, incluído o estudo de impacto ambiental, de ser o caso.

Artigo 33. Trámite conxunto de información pública e consulta ás administracións públicas

1. O órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada remitirá copia do expediente de solicitude da autorización ambiental integrada ao órgano substantivo para que, no prazo de dez días, realice o trámite de información pública e de consulta ás administracións públicas e ás persoas interesadas. Este trámite será único para os procedementos de avaliación de impacto ambiental e para o outorgamento de autorización ambiental integrada, así como para o procedemento de autorización substantiva, e terá unha duración non inferior a trinta días.

En tanto non se reciba o devandito expediente, o órgano substantivo suspenderá o cómputo do prazo para o outorgamento da autorización substantiva.

2. Finalizado o trámite de información pública e de consulta, o órgano substantivo, no prazo de cinco días, remitirá o expediente, xunto coas alegacións e observacións recibidas, ao órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada.

3. Logo da realización das actuacións reguladas nos puntos anteriores, o órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada, o órgano substantivo e o órgano ambiental continuarán os trámites establecidos na lexislación que resulte, respectivamente, aplicable en materia de autorización ambiental integrada, de autorización substantiva ou de avaliación de impacto ambiental.

O órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada suspenderá o cómputo do prazo para o outorgamento da devandita autorización en tanto non reciba a declaración de impacto ambiental.

Artigo 34. Formulación da declaración de impacto ambiental

O órgano ambiental formulará a declaración de impacto ambiental e remitiraa, no prazo máximo de dez días, ao órgano substantivo e ao competente para outorgar a autorización ambiental integrada, para que continúen, respectivamente, coa tramitación do procedemento de autorización substantiva e de autorización ambiental integrada.

A declaración de impacto ambiental terá a natureza de informe preceptivo e determinante, e determinará se procede ou non, para os efectos ambientais, a realización do proxecto e, se for o caso, as condicións en que pode desenvolverse, as medidas correctoras e as medidas compensatorias.

CAPÍTULO III Regulación das competencias do organismo autonómico de bacía na tramitación e no seguimento da autorización ambiental integrada

Artigo 35. Informe do órgano autonómico competente en materia de bacías

1. Nos supostos nos que a actividade sometida a autorización ambiental integrada precise, de acordo coa lexislación de augas, autorización de vertedura ao dominio público hidráulico de bacías xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, o órgano autonómico competente en materia de bacías deberá emitir un informe que determine as características da vertedura e as medidas correctoras que se deben adoptar a fin de preservar o bo estado ecolóxico das augas.

2. O informe regulado no punto anterior terá carácter preceptivo e vinculante. Este informe deberá emitirse no prazo máximo de dous meses desde a data de entrada no rexistro do órgano autonómico competente en materia de bacías da documentación preceptiva sobre verteduras ou, de ser o caso, desde a reparación que for necesaria.

3. Transcorrido o prazo previsto no punto anterior sen que o órgano autonómico competente en materia de bacías emitise o informe, poderase outorgar a autorización ambiental integrada, prevendo nela as características da vertedura e as medidas correctoras requiridas, que se establecerán de conformidade coa lexislación sectorial aplicable.

Malia o anterior, o informe recibido fóra do prazo sinalado e antes do outorgamento da autorización ambiental integrada deberá ser tido en consideración polo órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

4. Se o informe vinculante regulado neste artigo considera que é inadmisible a vertedura e, consecuentemente, impide o outorgamento da autorización ambiental integrada, o órgano competente para outorgala ditará resolución motivada denegatoria.

Artigo 36. Competencias relativas á vixilancia e inspección e potestade sancionadora en materia de verteduras a bacías xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia

No ámbito das bacías xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, as competencias relativas a vixilancia e inspección, así como a potestade sancionadora en materia de verteduras das instalacións que conten con autorización ambiental integrada, corresponden ao órgano autonómico competente en materia de augas, que remitirá periodicamente ao órgano competente para o outorgamento da autorización ambiental integrada a información derivada das inspeccións e sancións que sexan impostas a estas instalacións.

CAPÍTULO IV Simplificación dos procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica tramitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 37. Procedemento de tramitación conxunta das autorizacións de instalacións de enerxía eléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

1. As persoas promotoras de proxectos de instalacións eléctricas reguladas no artigo 53 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa, poderán solicitar a tramitación conxunta das autorizacións de instalacións de enerxía eléctrica, así como, de ser preciso, o proxecto sectorial, e a solicitude de declaración de utilidade pública. Exceptúanse os proxectos de xeración eléctrica a partir de enerxía eólica, que se rexerán pola súa lexislación específica.

2. A unidade tramitadora que instrúa o procedemento para as autorizacións reguladas nas alíneas a) e b) do punto 1 do artigo 53 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa, será o órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía correspondente á provincia onde radique a instalación.

Os órganos competentes para resolver serán os indicados no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que o substitúa.

3. No caso de que se opte pola tramitación conxunta regulada neste artigo, a persoa solicitante deberá presentar:

a) A documentación necesaria para a obtención da autorización administrativa previa e/ou de construción.

b) O documento ambiental necesario para a avaliación ambiental do proxecto, segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

c) De ser o caso, a documentación necesaria para a aprobación do proxecto sectorial, indicada no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ou norma que o substitúa.

d) A relación de bens e dereitos afectados, no caso de se solicitar a declaración de utilidade pública da instalación.

4. A unidade tramitadora enviará copia do proxecto sectorial ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo para o efecto de que este indique, no prazo máximo de vinte días, os informes que deberán solicitarse en función das afeccións derivadas da normativa sectorial aplicable.

5. Do mesmo xeito, enviarase copia do documento ambiental que proceda ao órgano ambiental para que este indique, no prazo máximo de vinte días, a relación de organismos que deben ser consultados para os efectos da avaliación ambiental do proxecto.

6. A unidade tramitadora someterá a información pública durante un prazo de trinta días, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria e o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no portal da internet da Xunta de Galicia.

No caso de que se solicite a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos diarios de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.

7. A unidade tramitadora enviará unha separata do proxecto de execución aos organismos indicados no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou norma que o substitúa.

8. Así mesmo, e de xeito simultáneo, realizarase o trámite de consultas indicado no artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, aos organismos indicados polo órgano ambiental, no caso de avaliación ambiental ordinaria.

No caso de avaliación ambiental simplificada, realizaranse os trámites indicados na sección 2ª do capítulo II da devandita lei, ou norma que a substitúa.

9. Igualmente, e de xeito simultáneo, solicitaranse os informes necesarios que indique o órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, e darase audiencia aos concellos afectados, consonte o establecido no punto 3 do artigo 13 do Decreto 80/2000, de 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ou norma que o substitúa.

10. Nos casos de organismos que deban emitir informe para os efectos indicados nos puntos 7, 8 e 9, solicitarase un único informe. O prazo para a remisión destes informes será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibir o informe en prazo, entenderase a conformidade coa documentación presentada e continuarase a tramitación do procedemento, agás que se trate de informes preceptivos e se decida a suspensión daquel durante o prazo máximo previsto pola lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11. A unidade tramitadora enviará á persoa promotora os informes e as alegacións recibidas para a súa conformidade e/ou consideración na redacción do proxecto de execución, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial, co fin de que realice as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos.

12. Realizados os cambios e adaptacións mencionados no punto anterior, a persoa promotora presentará á unidade tramitadora o proxecto de execución modificado da instalación, o estudo de impacto ambiental definitivo e o proxecto sectorial, para a obtención da declaración de impacto ambiental, a autorización administrativa previa e de construción e a aprobación do proxecto sectorial.

13. En todo o non previsto neste artigo haberá que aterse ao disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e, no que corresponda, ao regulado na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ou normas que os substitúan.

Artigo 38. Exención do trámite de información pública

1. Non será necesario o trámite de información pública, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria, segundo a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, nos seguintes casos:

a) Solicitudes de autorización administrativa previa de novas instalacións de distribución ou conexión de xeradores á rede de distribución de enerxía eléctrica cunha tensión igual ou inferior a 30 kV.

b) Solicitudes de autorización administrativa previa de modificacións de instalacións de distribución ou conexión de xeradores á rede de distribución e/ou transporte de enerxía eléctrica, calquera que sexa a súa tensión.

c) Modificacións de instalacións de produción de enerxía eléctrica que non supoñan un incremento ou redución dun 10 % da potencia nominal autorizada, agás proxectos de xeración de enerxía eléctrica a partir de enerxía eólica.

d) Instalacións de autoconsumo de potencia superior a 100 kW.

2. Nos casos en que proceda, será necesario achegar, xunto á solicitude de autorización administrativa, unha declaración responsable da persoa solicitante na que esta faga constar que dispón de acordos previos con todas as persoas titulares dos bens e dereitos afectados.

Artigo 39. Autorizacións provisionais

1. De forma excepcional, e co obxecto de garantir a subministración eléctrica, poderán autorizarse instalacións eléctricas de xeito provisional e para un período de tempo determinado, para a realización de obras de interese xeral ou para reforzar a subministración eléctrica en determinadas zonas, así como naqueles supostos singulares que determine a consellaría competente en materia de enerxía.

2. Á solicitude de autorización administrativa dunha instalación eléctrica provisional deberá achegarse un informe xustificativo do interese, necesidade e urxencia dela e non requirirá de información pública.

3. A resolución de autorización administrativa dunha instalación eléctrica provisional deberá sinalar o prazo máximo polo que se autoriza, que, con carácter xeral, non excederá un ano.

TÍTULO III Réxime de incentivos para o fomento da implantación de iniciativas empresariais

Artigo 40. Réxime de incentivos ao investimento

1. A Comunidade Autónoma de Galicia aprobará un réxime de incentivos ao investimento, de natureza subvencional ou de bonificacións impositivas autonómicas, coa finalidade de fomentar o desenvolvemento de proxectos de investimento con creación de emprego e que supoñan a creación de novos proxectos empresariais, así como a ampliación ou a modernización dos xa existentes.

A través dunha norma regulamentaria estableceranse os requisitos das persoas beneficiarias e os sectores económicos e as liñas estratéxicas onde se aplicarán os criterios para a determinación da contía da subvención, o mecanismo de pagamento aprazado e os órganos competentes para a ordenación e resolución dela. Calquera liña de incentivos irá asociada a plans de desenvolvemento dos sectores que se determinen e incentivará proxectos que se encadren nas liñas definidas nos plans.

2. O réxime de incentivos ao investimento previsto neste artigo configúrase mediante a concesión dunha subvención cuxa fase de pagamento poderá materializarse a medida que a persoa beneficiaria afronte o aboamento de figuras tributarias autonómicas ou ben tendo en conta estas na configuración do incentivo.

Artigo 41. Medidas de promoción para facilitar a implantación de iniciativas empresariais

A Xunta de Galicia, a través dos seus orzamentos, establecerá mecanismos de mellora do financiamento dos concellos galegos que incorporen nas súas figuras tributarias medidas para facilitar a implantación de iniciativas empresariais.

Disposición adicional primeira. Normas complementarias do Decreto 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos

1. O procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, regulado no Decreto 45/2015, do 26 de marzo, será obrigatorio se a vía afectada polo acceso á instalación é de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou dalgunha das entidades locais galegas.

2. O prazo máximo para a emisión dos informes, autorizacións ou licenzas necesarios para a tramitación do procedemento integrado regulado no Decreto 45/2015, do 26 de marzo, será de dous meses e o sentido do silencio, negativo, se o órgano competente para a súa emisión pertence á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou é algunha das entidades locais galegas.

Este prazo e o sentido do silencio non serán aplicables para o outorgamento da licenza municipal de obra.

3. No procedemento integrado regulado no Decreto 45/2015, do 26 de marzo, será preceptiva a emisión dun informe en materia de seguridade industrial, asinado por técnico ou técnica competente, que faga referencia á adecuación das instalacións proxectadas á normativa de seguridade industrial vixente, que será emitido no prazo recollido no punto anterior e, en todo caso, antes do outorgamento da licenza municipal de obra.

Disposición adicional segunda. Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

1. Dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, poñerase en marcha unha planta de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais.

2. A devandita planta dará servizo a aqueles concellos máis próximos a ela que voluntariamente decidan adherirse, ata esgotar a súa capacidade de tratamento.

3. A adhesión dos concellos interesados para a entrega e o tratamento na nova planta da fracción orgánica dos residuos urbanos recollida de forma separada efectuarase mediante convenio, que terá natureza administrativa e será formalizado entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como xestora institucional da instalación. A consellaría competente en materia de residuos fixará as condicións de adhesión dos concellos e aprobará o modelo de convenio para a formalización da adhesión.

4. En garantía da sustentabilidade financeira da nova instalación de xestión, fíxase un canon específico de 45 euros por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos que fixará a consellaría competente en materia de residuos nas condicións de adhesión, máis o correspondente IVE. O devandito canon específico actualizarase a partir do exercicio 2018 no mes de xaneiro de cada ano, consonte a evolución do índice de prezos de consumo galego, e a súa contía actualizada publicarase no Diario Oficial de Galicia.

5. A xestión, a liquidación e o cobramento do canon específico establecido no punto anterior estarán suxeitos ao establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Disposición transitoria primeira. Procedementos integrados en tramitación para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos e a súa posta en funcionamento

Os procedementos integrados regulados no Decreto 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos, que se atopen en tramitación á entrada en vigor desta lei substanciaranse polas normas vixentes no momento de presentación da solicitude. Non obstante, as persoas interesadas poderán, a través do órgano competente para a instrución e resolución do procedemento único integrado, no prazo dun mes desde a aprobación desta lei, solicitar tramitalos de acordo coa nova normativa establecida nela.

Disposición transitoria segunda. Convocatoria de concursos de dereitos mineiros caducados

O órgano mineiro competente dispoñerá do prazo dun ano, a partir da entrada en vigor desta lei, para convocar os correspondentes concursos dos dereitos mineiros caducados con anterioridade.

Disposición transitoria terceira. Procedementos en tramitación de solicitude de calquera tipo de autorización administrativa de parques eólicos, así como das súas infraestruturas de evacuación

1. As persoas promotoras dos expedientes de solicitude de calquera tipo de autorización administrativa de parques eólicos, así como das súas infraestruturas de evacuación, que na data de entrada en vigor desta lei se encontren en tramitación poderán optar por seguir tramitándoos de acordo coa normativa vixente na data de presentación da solicitude ou por tramitalos, a partir da fase na que se atopen, de acordo co procedemento establecido por esta lei.

2. Para os efectos indicados no punto anterior, as persoas promotoras dos expedientes sinalados comunicarán á dirección xeral competente en materia de enerxía, no prazo dun mes desde a entrada en vigor desta lei, se optan por tramitalos de acordo co procedemento establecido por esta lei. De non efectuar a devandita comunicación no prazo expresado, entenderase que optan por seguir tramitando os expedientes de acordo coa normativa vixente na data de presentación da solicitude.

3. No caso de que a persoa promotora opte por tramitar o expediente de acordo co procedemento establecido por esta lei, para unha maior celeridade e eficacia na tramitación, conservaranse, por requirimento da persoa solicitante e para os efectos da autorización administrativa previa e de construción:

a) Os actos e as resolucións administrativas xa ditados.

b) Os trámites administrativos efectuados.

c) Os documentos previamente presentados.

Disposición transitoria cuarta. Prazos para solicitar autorizacións de explotación ou de construción de parques eólicos

1. As persoas titulares de autorizacións administrativas, previas e de construción, ou, de ser o caso, aprobación de proxecto, de parques eólicos obtidas con anterioridade á entrada en vigor desta lei dispoñerán dun prazo de catro anos, contados desde a data de entrada en vigor dela, para solicitar a correspondente autorización de explotación. Superado o prazo indicado sen solicitar a autorización de explotación, a dirección xeral competente en materia de enerxía poderá iniciar os correspondentes procedementos de revogación das autorizacións administrativa previa e de construción, ou, de ser o caso, aprobación de proxecto, coa audiencia das persoas titulares.

2. O prazo para obter a autorización de construción para as persoas promotoras con solicitudes de autorización administrativa previa e/ou de construción en tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta lei será de tres anos, contado desde ese momento. A superación deste prazo sen que se obteña a autorización de construción facultará a dirección xeral competente en materia de enerxía para instar ao procedemento de caducidade do expediente e ao arquivamento das actuacións, coa condición de que as causas que orixinaron a falta de obtención das citadas autorizacións sexan directamente imputables á persoa solicitante.

3. Así mesmo, para os casos indicados no punto anterior, o prazo máximo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir da data de notificación da autorización de construción. Superado este prazo sen que se solicite a autorización de explotación, a dirección xeral competente en materia de enerxía poderá iniciar os correspondentes procedementos de revogación das autorizacións administrativa previa e de construción, ou, de ser o caso, aprobación de proxecto, coa audiencia das persoas titulares.

Disposición transitoria quinta. Compromisos industriais e demais compromisos das persoas titulares de parques eólicos

1. As persoas titulares dos parques eólicos autorizados ou en tramitación á entrada en vigor desta lei manterán os compromisos industriais e os demais compromisos asociados aos devanditos parques, aínda que a persoa promotora opte por tramitar o expediente de acordo co procedemento establecido por esta lei.

2. No caso de que a persoa promotora solicite a desistencia de parques eólicos en tramitación ou renuncie á autorización administrativa de parques eólicos vinculados a calquera dos compromisos sinalados no punto anterior, aceptarase a renuncia ou a desistencia, así como a redución dos compromisos, proporcional á potencia do parque eólico do que se renuncia ou desiste, aplicándoselle os rateos de investimento por MW e emprego por MW, ou, no caso de supostos de monetarización, de euros por MW, correspondentes ao devandito plan. A aceptación da renuncia ou desistencia levará asociada a imposibilidade, tanto para a persoa titular como para sociedades nas que participe como accionista, de presentar novas solicitudes de autorización administrativa de parques eólicos por un período de dous anos desde esta aceptación, nas mesmas áreas de desenvolvemento eólico nas que se sitúen os proxectos en tramitación ou autorizados dos que se desistiu ou renunciou.

3. Só se poderá solicitar a renuncia ou a desistencia parcial da potencia admitida a trámite dun parque eólico se existen informes sectoriais preceptivos que o motiven.

Disposición derrogatoria primeira. Derrogacións expresas

Quedan expresamente derrogados:

a) O artigo 25 bis da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

b) O punto 7 do artigo 2 e a disposición adicional da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

c) O Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O Decreto 162/2010, do 16 de setembro, polo que se regulan as entidades colaboradoras da Administración hidráulica de Galicia en materia de control de verteduras e calidade das augas.

e) A Orde da Consellaría de Innovación e Industria do 7 de setembro de 2007 sobre avais de acceso á rede de distribución de enerxía eléctrica.

Disposición derrogatoria segunda. Cláusula xeral derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificacións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia

Un. Modifícase o punto 1 do artigo 7 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. As sociedades cooperativas de primeiro grao deberán estar integradas, polo menos, por dúas persoas socias.

Para estes efectos non se computarán as persoas socias a proba, excedentes e colaboradoras. ».

Dous. Engádese un novo artigo 7 bis á Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, coa seguinte redacción:

«Artigo 7 bis. Especialidades das cooperativas de dúas persoas socias

Ás cooperativas que unicamente conten con dúas persoas socias seranlles especialmente aplicables, mentres permanezan nesa situación e aínda que os seus estatutos establezan outra cousa, as disposicións seguintes:

a) Todos os acordos sociais que requiran maioría de persoas socias ou de votos deberán adoptarse co voto favorable das dúas únicas persoas socias.

b) Poderán constituír o seu consello reitor con só dous membros, que, necesariamente, se distribuirán os cargos de presidente ou presidenta e secretario ou secretaria.

c) Non precisarán constituír ningún outro órgano.

d) Poderá encomendarse a liquidación destas cooperativas a unha ou dúas persoas socias liquidadoras.

e) O importe total das achegas de cada persoa socia ao capital social non poderá superar o 50 % deste.

f) No trámite de audiencia ao que se refire a alínea b) do punto 2 do artigo 141, na falta de órgano de administración, comparecerán as dúas persoas socias.

g) A cooperativa que permaneza máis de cinco anos con só dúas persoas socias virá obrigada, a partir do seguinte exercicio, a realizar unha dotación adicional á reserva obrigatoria do 2,5 ‰ da súa cifra de negocios anual.».

Tres. Modifícase o punto 3 do artigo 10 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. A creación da sección de crédito recollerase nos estatutos e será aprobada pola asemblea xeral. O devandito acordo, elevado a escritura pública, así como o regulamento de réxime interno da sección, tamén aprobado pola asemblea xeral, deberán presentarse no Rexistro de Cooperativas de Galicia para o seu depósito e posterior inscrición do acordo, momento no que adquirirá eficacia xurídica.».

Catro. Modifícase o artigo 97 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 97. Características e competencia

1. O Rexistro de Cooperativas de Galicia é un rexistro xurídico dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de emprego.

2. O Rexistro de Cooperativas de Galicia é público.

3. Presúmese que o contido dos libros do rexistro é exacto e válido, e coñecido de todos, non podendo alegarse a súa ignorancia.».

Cinco. Modifícase o artigo 98 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 98. Funcións do Rexistro de Cooperativas de Galicia

1. O Rexistro de Cooperativas de Galicia asumirá as seguintes funcións:

a) Cualificar, inscribir e certificar os actos aos que se refire esta lei.

b) Habilitar e legalizar os libros obrigatorios das entidades cooperativas.

c) Recibir o depósito das contas anuais, así como a certificación acreditativa do número de persoas socias ao pechamento do exercicio económico.

d) Nomear auditores ou auditoras e outros expertos ou expertas independentes, por solicitude das entidades cooperativas e por conta destas.

e) Calquera outra atribuída por esta lei ou polas súas normas de desenvolvemento.».

Seis. Modifícase o punto 1 do artigo 104 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. As cooperativas de traballo asociado están formadas por persoas naturais con capacidade legal e física para desenvolver a actividade cooperativizada.

A capacidade legal para ser socio ou socia rexerase pola lexislación civil e laboral. As persoas estranxeiras poderán ser socias de acordo co disposto na lexislación específica sobre a prestación do seu traballo en España.

A perda da condición de persoa socia dá lugar ao cesamento definitivo da prestación de traballo na cooperativa.».

Sete. Modifícase o punto 2 do artigo 134 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. As unións, federacións e confederacións constituídas ao amparo desta lei, para adquirir a personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, deberán depositar por medio das súas persoas promotoras no Rexistro de Cooperativas de Galicia escritura pública que deberá conter:

a) A relación das entidades promotoras, cos seus datos identificativos.

b) A certificación do acordo de asociación de, polo menos, o órgano de administración de cada unha delas.

c) A composición dos órganos de representación e goberno da entidade.

d) O certificado da Sección Central do Rexistro de Cooperativas da Administración xeral do Estado de que non existe outra entidade con idéntica denominación.

e) Os estatutos, que conterán como mínimo:

1º. A denominación, que deberá incluír, segundo proceda, os termos «unión de cooperativas », «federación de cooperativas» ou «confederación de cooperativas», ou as súas abreviaturas «u. de coop.», «f. de coop.» ou «c. de coop.».

2º. O domicilio e o ámbito territorial e funcional de actuación da entidade.

3º. Os órganos sociais, que serán como mínimo a asemblea xeral e os de representación, goberno e administración, coa regulación do seu funcionamento e do réxime de provisión electiva dos seus cargos.

4º. Os requisitos e procedementos para a adquisición e perda da condición de persoa asociada, así como o réxime de modificación de estatutos e de fusión e disolución da entidade.

5º. O réxime económico da entidade, co establecemento do carácter, da procedencia e do destino dos recursos.

6º. A regulación do dereito de voto, co establecemento de limitacións ao voto plural.

O Rexistro de Cooperativas de Galicia dispoñerá, no prazo de trinta días, a publicidade do depósito ou o requirimento ás súas persoas promotoras, por unha soa vez, para que no prazo doutros trinta días emenden os defectos observados. Transcorrido este prazo, o Rexistro dispoñerá a publicidade ou rexeitará o depósito mediante resolución exclusivamente fundada na carencia dalgún dos requisitos mínimos a que se refire este capítulo.

A publicidade do depósito realizarase no Diario Oficial de Galicia.

A entidade adquirirá personalidade xurídica e plena capacidade de obrar transcorridos trinta días hábiles desde que solicitou o depósito sen que o Rexistro de Cooperativas de Galicia formulase reparos ou rexeitase o depósito.

A modificación dos estatutos das asociacións cooperativas xa constituídas axustarase ao mesmo procedemento regulado neste número.».

Oito. Modifícase o punto 3 do artigo 134 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. As unións, federacións e confederacións de cooperativas deberán comunicarlle ao Rexistro de Cooperativas de Galicia, no prazo dun mes desde que se produza o feito, as altas e baixas das súas persoas socias directas, xuntando, nos casos de alta, certificación do acordo de asociarse.».

Nove. Modifícase o punto 2 do artigo 136, que queda redactado como segue:

«2. A representación das cooperativas realizarase a través das unións, federacións ou confederacións nas que aquelas se integren, en función da representación que teñan segundo os datos que consten no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

Malia o previsto no parágrafo anterior, as cooperativas de crédito que non acaden o número suficiente para a constitución dunha unión das reguladas nesta lei, dado o seu especial obxecto e finalidade así como a súa suxeición á normativa específica, poderán contar cunha persoa que as represente no Consello.

Unha destas persoas representantes exercerá o cargo de vicepresidente ou vicepresidenta. ».

Dez. Modifícase a alínea a) do punto 5 do artigo 139 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactada como segue:

«a) Persoas titulares das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de traballo, ata 6.000 euros.».

Once. Modifícase a alínea b) do punto 2 do artigo 141 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactada como segue:

«b) No trámite de audiencia comparecerá o órgano de administración ou, na súa falta, as persoas socias, en número non inferior a dúas. Cando non se produza a devandita comparecencia, o trámite cumprirase mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.».

Doce. Modifícase a alínea c) do punto 2 da disposición adicional novena da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que queda redactada como segue:

«c) A inscrición dos actos de constitución, modificación de estatutos, disolución, reactivación, liquidación e extinción das sociedades cooperativas xuvenís poderá realizarse en virtude de documentos de carácter privado cos mesmos requisitos que os previstos para as escrituras públicas nesta lei, no que resulte procedente. As sinaturas que consten nos documentos deberán estar lexitimadas notarialmente ou autenticadas polo rexistro de cooperativas que resulte competente para a inscrición dos referidos actos. Cando a publicación dos acordos referidos aos devanditos actos resulte preceptiva, realizarase no Diario Oficial de Galicia e será tramitada polo rexistro de cooperativas competente con carácter gratuíto, sen que resulte obrigatoria a publicación nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa.».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Modifícase o anexo II, «Relación de procedementos nos que o silencio administrativo produce efectos desestimatorios», da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na epígrafe correspondente á Consellería de Medio Ambiente, na que o procedemento que se menciona a seguir queda redactado como segue:

«Tipo de procedemento: Autorización de actividades, obras, instalacións e usos permitidos na zona de servidume de protección do dominio marítimo-terrestre.

Sentido do silencio: Negativo, por razóns de protección do medio ambiente, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, agás nos casos de solicitude de autorización de aproveitamentos de masas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, en cuxo caso o sentido do silencio será positivo, sempre que non consten no procedemento informes emitidos polos órganos competentes en materia de protección do litoral que sexan contrarios ao aproveitamento forestal pretendido, e sen prexuízo da obriga de reforestación eficaz de acordo co establecido na normativa básica estatal en materia de costas.

Normativa reguladora: Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.».

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza

Modifícase o punto 2 do artigo 16 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que queda redactado como segue:

«2. Nestas áreas poderanse seguir levando a cabo de maneira ordenada os usos e as actividades tradicionais que non vulneren os valores protexidos. Para o resto das actuacións, incluíndo a realización de edificacións, será precisa a autorización da consellaría competente en materia de medio ambiente, agás no caso dos aproveitamentos madeireiros, que se rexerán polo establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa.».

Disposición derradeira cuarta. Modificacións da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícanse as epígrafes 01, 03, 05 e 07 do punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que quedan redactadas como segue:

«01 Verificación de capacidades da persoa solicitante e requisitos técnicos do proxecto: 2.525 €.».

«03. Autorización administrativa de transmisión de parques eólicos e infraestruturas de evacuación: 505 €.».

«05. Solicitude de modificacións substanciais de parques eólicos: 3.030 €.».

«07. Solicitude de modificación de plans industriais: 1.515 €.».

Dous. Engádese unha nova epígrafe 08 no punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«08. Solicitude modificacións non substanciais de parques eólicos: 1.515 €.».

Tres. Engádese unha nova epígrafe 09 no punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«09. Solicitude administrativa de pechamento de parques eólicos e infraestruturas de evacuación: 1.515 €.».

Disposición derradeira quinta. Modificación da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega

Modifícase o número 3 do artigo 23 da Lei 2/2005, de 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, que queda redactado como segue:

«3. Empresas artesanais alimentarias son aquelas que realizan unha actividade artesanal alimentaria, a través de procesos de elaboración que dean lugar a un produto final individualizado, respectuoso co medio ambiente e con características diferenciais, nas que a intervención persoal do artesán constitúe un factor predominante.

As condicións técnicas específicas necesarias para a produción artesanal dos produtos alimentarios referidos nesta lei, así como as especialidades nos devanditos produtos en función do proceso de elaboración, determinaranse regulamentariamente.».

Disposición derradeira sexta. Modificacións da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia

Un. Modifícase o artigo 17 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 17. Actuacións previas

Con carácter previo ao comezo do procedemento para o outorgamento de dereitos mineiros sometidos a avaliación ambiental, a persoa promotora poderá solicitar, a través do órgano mineiro, a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental, para o que deberá presentar o documento inicial do proxecto de conformidade coa lexislación de avaliación ambiental vixente.».

Dous. Modifícase o artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 18. Solicitudes de dereitos mineiros

1. Toda solicitude de dereitos mineiros incluirá, polo menos, a seguinte documentación:

a) Un modelo normalizado de solicitude.

b) Unha memoria, que comprenderá o proxecto de exploración, investigación ou explotación e os proxectos de instalacións mineiras e procesos produtivos, cuxo contido se establecerá regulamentariamente.

c) Un informe de viabilidade e solvencia, que acredite que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos na lexislación mineira para poder ser titular de dereitos mineiros, especialmente a súa solvencia económica e técnica.

A xustificación da solvencia económica da persoa solicitante poderá acreditarse por un ou varios dos medios seguintes:

– Tratándose de persoas xurídicas, a presentación das contas anuais ou extracto delas.

– Unha declaración relativa á cifra de negocios global e dos traballos mineiros realizados pola persoa solicitante no curso dos cinco últimos anos.

– Calquera outra documentación considerada como suficiente polo órgano mineiro competente.

A solvencia técnica da persoa solicitante poderá acreditarse por un ou varios dos medios seguintes:

– Titulacións académicas e profesionais e experiencia dos efectivos persoais da empresa.

– Unha declaración dos medios materiais e equipo técnico dos que dispoñerá a persoa solicitante para a execución do seu programa mineiro.

– Unha declaración sobre os efectivos persoais da empresa, indicando, de ser o caso, o grao de estabilidade no emprego deles e a importancia dos seus equipos directivos durante os últimos cinco anos.

– Calquera outra documentación establecida regulamentariamente.

d) No caso dos dereitos mineiros sometidos á avaliación ambiental, o correspondente documento ambiental de conformidade co establecido na lexislación vixente.

e) Un plan de seguridade e saúde laboral.

f) Un plan de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras.

g) Un calendario de execución e orzamento.

h) Planos.

i) Anexos.

j) De ser o caso, a documentación exixida pola normativa sectorial correspondente a eventuais autorizacións necesarias doutras administracións públicas.

k) Certificado municipal sobre a situación urbanística do lugar onde se pretende levar a cabo a explotación.

l) Calquera outra documentación e información acreditativa do cumprimento de requisitos establecidos na lexislación sectorial aplicable.

2. Á solicitude dos dereitos mineiros achegarase un resumo non técnico de todas as indicacións especificadas no punto anterior, para facilitar a súa comprensión para efectos do trámite de información pública.

3. A determinación dos datos que, a xuízo da persoa solicitante, gocen de segredo profesional e de propiedade intelectual e industrial, así como os que estean suxeitos a protección de carácter persoal e a confidencialidade de acordo coas disposicións vixentes.».

Tres. Modifícase o artigo 19 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 19. Condicións especiais da solicitude de dereitos mineiros da sección A)

Ademais da documentación exixida no artigo 18, á solicitude de dereitos mineiros da sección A) achegarase a documentación que acredite o dereito ao aproveitamento cando o xacemento se atope en terreos de propiedade privada, de conformidade coa lexislación específica de minas. Cando o xacemento se atope en terreos de propiedade pública, será necesario o oportuno título habilitante da Administración titular.».

Catro. Modifícase o artigo 20 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Condicións especiais da solicitude de dereitos mineiros da sección B)

Ademais da documentación exixida no artigo 18, a solicitude de dereitos mineiros sobre xacementos de orixe non natural, estruturas subterráneas e ocos resultantes de canteiras exixirá a declaración previa da súa cualificación como recursos da sección B), realizada polo órgano mineiro competente.».

Cinco. Modifícase o artigo 21 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Condicións especiais para a declaración da utilidade pública ou interese social, en concreto, e a necesidade de ocupación

1. Naqueles casos en que a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, ou norma que a substitúa, declara implícita a utilidade pública no outorgamento do dereito mineiro, a persoa promotora deste poderá solicitar a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto, sen prexuízo da posibilidade de futuros expedientes expropiatorios para o desenvolvemento da totalidade do proxecto.

Para o anterior deberase presentar, xunto coa documentación recollida no artigo 18, unha relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos, material e xurídico, os bens ou dereitos que considere de necesaria ocupación.

2. Naqueles casos en que a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, ou norma que a substitúa, prevexa a posibilidade da declaración da utilidade pública, a persoa promotora do dereito mineiro poderá solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, en concreto, e da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto ou a construción da instalación, sen prexuízo da posibilidade de futuros expedientes expropiatorios para o desenvolvemento da totalidade do proxecto.

Para o anterior deberase presentar, xunto coa documentación recollida no artigo 18, unha xustificación da importancia e das razóns para a declaración da utilidade pública, en concreto, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que a persoa solicitante considere de necesaria expropiación, na que se xustificarán os motivos polos que non foi posible chegar a un acordo que a evite.

3. O órgano mineiro realizará a publicación da relación de bens e dereitos no Boletín Oficial del Estado, no da provincia respectiva e nun dos diarios de maior circulación da provincia, se o houber, e comunicarállela ademais aos concellos en cuxo termo municipal radique o ben ou dereito que se vai ocupar para a súa exposición no taboleiro de anuncios, para que dentro dun prazo de quince días, contados a partir da última publicación, as persoas interesadas poidan formular alegacións sobre a procedencia da ocupación ou disposición dos bens e o seu estado material ou legal.

Notificarase individualmente a cada persoa titular de dereitos ou bens afectados, que poderán, durante o transcurso do prazo fixado no parágrafo anterior, achegar cantos datos permitan a rectificación dos posibles erros que se consideren cometidos na relación que se fixese pública.

4. A resolución que outorgue o dereito mineiro así tramitado declarará, de ser o caso, a utilidade pública ou interese social, en concreto, e a necesidade de ocupación dos terreos para os efectos da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, ou norma que a substitúa, e iniciará o expediente expropiatorio, sen prexuízo da posibilidade de convir a adquisición dos bens ou dereitos que son obxecto daquela libremente e por mutuo acordo. Neste último caso, logo de convidos os termos da adquisición amigable, darase por concluído o expediente expropiatorio.».

Seis. Modifícase o artigo 22 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Emenda das solicitudes

Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados nesta lei, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución motivada.».

Sete. Modifícase o artigo 23 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 23. Consulta ás administracións públicas e información pública

1. Logo de completada a documentación, de acordo co establecido nos artigos anteriores, para os dereitos mineiros de aproveitamento ou explotación solicitaranse os seguintes informes preceptivos:

a) O informe do concello ou concellos que teñan o dereito mineiro dentro do seu termo municipal.

b) O informe do órgano con competencias en materia de medio ambiente.

c) O informe sobre o patrimonio cultural, cando proceda.

d) O informe do órgano con competencias en materia de dominio público hidráulico, cando proceda.

e) O informe sobre dominio público marítimo-terrestre, cando proceda.

f) Os demais informes que sexan preceptivos segundo as disposicións legais aplicables e os que se xulguen necesarios para resolver, citándose o precepto que os exixa ou fundamentando, de ser o caso, a conveniencia de reclamalos.

g) O informe do órgano con competencias en materia de ordenación agraria.

2. Os informes sinalados no punto anterior deberán pronunciarse sobre a existencia de usos de interese público da competencia dos órganos que os emitan, para os efectos da tramitación da correspondente peza separada de compatibilidade e, de ser o caso, prevalencia, segundo o establecido no artigo seguinte.

3. Os informes deberán emitirse no prazo dun mes desde a recepción do expediente completo. Transcorrido o prazo sen que se recibisen, o procedemento continuará se o órgano mineiro conta con elementos de xuízo suficientes para determinar a compatibilidade do dereito mineiro con outros usos de interese público. Neste caso, non se terán en conta os pronunciamentos antes referidos que se reciban posteriormente.

Se o órgano mineiro non tiver os elementos de xuízo suficientes, ben porque non se recibiron os informes das administracións públicas competentes que resulten relevantes ou ben porque, téndose recibido, estes resultan insuficientes para decidir, requirirá a persoa titular do órgano xerarquicamente superior daquel que tería que emitir o informe para que, no prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción do requirimento, ordene ao órgano competente a entrega do correspondente informe no prazo de dez días hábiles, sen prexuízo das responsabilidades en que puider incorrer o responsable de demora. No caso de que non se recibise o informe transcorrido o prazo anterior, o órgano mineiro continuará coa tramitación do procedemento.

4. Posteriormente, abrirase un período de información pública que non será inferior a trinta días.».

Oito. Modifícase o artigo 25 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 25. Formas de finalización dos procedementos de outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións mineiras

1. Os expedientes sobre os dereitos mineiros regulados nesta lei que se tramiten para o outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións finalizarán polas causas previstas neste artigo e polas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

2. Poñerán fin ao procedemento a resolución, a desistencia e a renuncia ao dereito en que se fundamente a solicitude, cando tal renuncia non estea prohibida polo ordenamento xurídico, e a súa caducidade.

3. Finalizado o expediente por calquera das causas previstas neste artigo, así o fará constar de oficio a consellaría competente en materia de minas no correspondente Rexistro Mineiro de Galicia.».

Nove. Modifícase o punto 1 do artigo 26 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. O órgano mineiro competente ditará a resolución que poña fin ao procedemento no prazo máximo de doce meses, e incorporará, se é o caso, os condicionamentos que resulten dos informes preceptivos.

A emisión do correspondente informe polo órgano sectorial competente substituirá, para todos os efectos, as correspondentes autorizacións que, consonte a lexislación sectorial aplicable, a persoa solicitante estea obrigada a solicitar deses órganos consultados no exercicio das súas competencias, debendo adecuarse o contido do informe a aquel previsto na normativa sectorial para a correspondente autorización.».

Dez. Engádese unha nova alínea e) ao punto 2 do artigo 28 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, coa seguinte redacción:

«e) As correspondentes autorizacións sectoriais.».

Once. Modifícase o artigo 32 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 32. Garantías financeiras

1. A persoa titular dun dereito mineiro deberá constituír unha garantía financeira ou equivalente suficiente antes da perceptiva comunicación do comezo dos traballos, sendo responsable do seu mantemento nos termos sinalados neste artigo.

2. As formas de constitución de garantías financeiras ou equivalentes poderán ser, entre outras, fondos de provisión internos constituídos por depósito en entidades financeiras e garantías financeiras en custodia dun terceiro, tales como bonos e avais emitidos por entidades bancarias, así como contratos de seguros que cubran a responsabilidade civil da entidade explotadora derivada do incumprimento do disposto no plan de restauración autorizado.

3. A contía da garantía corresponderá á suma de dous conceptos: un responderá do cumprimento das obrigas de financiamento e viabilidade dos traballos mineiros e outro responderá do cumprimento do plan de restauración ambiental.

Respecto da garantía que responde do cumprimento das obrigas de financiamento e viabilidade dos traballos mineiros, o seu importe será do 4 % do orzamento de investimento, no caso dunha autorización de aproveitamento ou dunha concesión de explotación, e dun 20 % para os permisos de exploración ou investigación.

Esta garantía deberá ser revisada por petición do titular mineiro cando este xustifique a execución total ou parcial do proxecto de explotación aprobado.

4. Respecto da garantía que responderá do cumprimento do plan de restauración ambiental, determinarase a súa contía de acordo cos seguintes criterios:

a) Custo real de todos os traballos de restauración conforme o proxecto de restauración aprobado.

b) Área afectada en cada ano de investigación ou de explotación.

c) Calendario e programa de execución.

d) Uso actual e previsto do solo.

A garantía revisarase anualmente tendo en conta os traballos de rehabilitación xa realizados e as superficies novas afectadas conforme o disposto no plan anual de labores.

5. A garantía financeira ou equivalente constituirase de forma que se asegure a existencia de fondos facilmente dispoñibles en calquera momento por parte da autoridade competente para a rehabilitación dos terreos afectados.

6. Unha vez finalizada a execución do plan de restauración, a entidade explotadora solicitara á autoridade competente, por escrito, a liberación da garantía financeira correspondente. Esta emitirá informe motivado no prazo de dous meses.».

Doce. Modifícase o capítulo III do título IV da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO III Concursos de dereitos mineiros

Artigo 35. Convocatoria de concursos de dereitos mineiros

1. O outorgamento de dereitos mineiros sobre os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva ou a declaración de caducidade dun permiso de exploración, un permiso de investigación ou unha concesión mineira resolverase polo correspondente concurso público regulado neste artigo e demais normativa aplicable.

Para estes efectos, a declaración de caducidade dun dereito mineiro comportará a declaración do terreo como franco e a inmediata publicación dela no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia. No prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da última publicación, quen estea interesado naquel dereito caducado poderá presentar solicitudes sobre el.

2. Na solicitude indicarase claramente o tipo de dereito que se solicita e sobre que dereito mineiro caducado se solicita, achegando o seguinte contido mínimo que se presentará en dous sobres pechados:

a) No primeiro sobre incluirase a documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar da persoa solicitante e da representación, así como o resgardo da fianza provisional, que consistirá no 10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa.

b) O segundo sobre conterá a designación do terreo que se pretende, os documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros e unha declaración responsable dos documentos presentados.

Artigo 36. Resolución de concursos de dereitos mineiros

1. No caso de que non se formulen solicitudes, o órgano mineiro competente declarará de oficio o terreo como rexistrable, e publicarao no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

2. No caso de que se presenten varias solicitudes sobre o mesmo dereito mineiro caducado, abrirase unha fase de concorrencia competitiva, na que se establecerá a orde de prelación para a tramitación delas, de acordo coa valoración obtida por aplicación dos criterios de selección das propostas máis vantaxosas.

Entenderase por propostas máis vantaxosas as que ofrezan as mellores condicións científicas e técnicas e as maiores vantaxes económicas e sociais, atendendo, como mínimo, os seguintes criterios:

a) A calidade técnica do proxecto e as garantías que se ofrezan da súa viabilidade.

b) O impacto do proxecto no desenvolvemento e mellora das condicións económicas e sociais da zona de implantación.

A valoración dos criterios de selección deberá quedar establecida na resolución de declaración de caducidade.

3. A apertura das ofertas será verificada por unha mesa constituída por:

a) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de minas ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente ou presidenta.

b) A persoa titular da xefatura do Servizo de Xestión Mineira ou un enxeñeiro ou enxeñeira de minas designado pola persoa titular da dirección xeral, que actuará como secretario ou secretaria da mesa.

c) Un membro do corpo de letrados da Xunta de Galicia.

d) A persoa titular da intervención delegada da consellaría competente en materia de minas ou persoa en quen delegue.

e) Unha persoa representante da correspondente xefatura territorial da consellaría competente en materia de minas.

Constituída a mesa, no prazo de dez días desde a finalización do prazo para a presentación de solicitudes, procederase á apertura de sobres na orde habitual para eliminar, de ser o caso, as solicitudes inadmisibles por causa da persoa solicitante ou do resgardo da fianza. Ao acto de constitución da mesa poderán asistir as persoas que presentasen as solicitudes.

4. O concurso resolverao o órgano mineiro competente no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte á última publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. De non se aceptar ningunha das solicitudes presentadas, o concurso poderá declararse deserto e os terreos non adxudicados poderán ser declarados rexistrables pola Administración mineira. Esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, coa indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a súa última publicación.».

Trece. Modifícase o capítulo IV do título IV da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO IV Coordinación con outras lexislacións sectoriais

Artigo 37. Coordinación co procedemento de avaliación ambiental

1. Non poderán outorgarse dereitos mineiros sen que previamente se ditase a declaración ambiental, cando sexa necesaria consonte a lexislación vixente.

2. Para estes efectos, o órgano ambiental competente, en canto formule a declaración ambiental, remitirá unha copia dela ao órgano mineiro, que incorporará o seu condicionado ao contido dos dereitos mineiros.

Artigo 38. Coordinación co réxime urbanístico aplicable

O exercicio dos dereitos mineiros estará condicionado á obtención do correspondente título habilitante municipal de natureza urbanística, consonte a normativa aplicable.».

Catorce. Modifícase a disposición adicional segunda da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional segunda. Normas de procedemento

En todos aqueles aspectos non regulados nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento, os procedementos en materia mineira rexeranse polas normas contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.».

Quince. Engádese unha nova disposición adicional sexta á Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional sexta. Actuacións no caso de incautación da garantía financeira

No caso de que o órgano competente en materia de minas ordene a incautación da garantía financeira ou equivalente para a rehabilitación do espazo natural afectado pola explotación, preparación, concentración e beneficio de recursos minerais, deberá tramitarse o procedemento, que se definirá regulamentariamente, para a execución da posta en seguridade e restauración do espazo natural.».

Dezaseis. Engádese unha nova disposición adicional sétima á Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional sétima. Actuacións no caso de renuncia voluntaria ou incumprimento dun dereito mineiro

No caso de renuncia voluntaria da persoa titular ou incumprimento por parte desta da normativa mineira que motive a caducidade dun dereito mineiro das seccións C) e D), poderá caducarse o dereito sen a restauración do espazo natural afectado, cando así o considere o órgano mineiro tendo en conta as reservas existentes e a importancia do recurso, para os efectos de convocar un concurso do dereito para continuar co seu aproveitamento. A devolución da garantía depositada para a restauración quedará condicionada ao depósito da correspondente garantía pola nova persoa titular do dereito. No caso de non se outorgar o dereito no concurso indicado, requiriráselle á persoa titular anterior a restauración do espazo natural afectado coa advertencia da execución do aval depositado no caso de non realizala.».

Disposición derradeira sétima. Modificacións da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

Un. Modifícase a alínea c) do artigo 1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactada como segue:

«c) O establecemento dun procedemento para a autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, baseado nos principios de libre competencia, transparencia, simplicidade, publicidade e axilización administrativa, que garanta o pleno respecto á seguridade xurídica.».

Dous. Modifícanse os puntos 5 e 6 do artigo 2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que quedan redactados como segue:

«5. Instalacións de conexión: segundo se define no artigo 30 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, enténdese por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de enlace entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

6. Poligonal de delimitación dun parque eólico: área efectivamente afectada pola instalación dun parque eólico determinada no seu proxecto de execución.».

Tres. Modifícase o punto 2 do artigo 3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei:

a) As instalacións eólicas de potencia menor ou igual a 100 kW.

b) Os parques eólicos experimentais que leven asociado un alto compoñente de investigación en I+D+i, definidos no artigo 3 do Decreto 30/2011, do 17 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a autorización de parques eólicos experimentais con alto compoñente de I+D+i na Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que o substitúa.

c) As instalacións de xeración eólica para o autoconsumo asociadas a unha instalación de potencia eléctrica contratada superior á potencia eólica que se pretenda instalar.».

Catro. Modifícase o punto 2 do artigo 12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«2. A devindicación producirase na data de outorgamento da autorización de explotación do parque eólico e o primeiro día do ano natural nos sucesivos anos nos que a autorización administrativa estea vixente, ata o seu desmantelamento e restitución ambiental dos terreos afectos pola instalación.».

Cinco. Modifícase o artigo 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«Artigo 16. Bonificacións na cota

1. Cando como consecuencia dun proxecto de modificación de parques eólicos preexistentes en funcionamento que supoña unha substitución total ou parcial dos aeroxeradores por outros de maior potencia, e que dean lugar a unha redución efectiva das unidades de aeroxeradores que non supoña tramo diferente de base, a contía da cota que debe satisfacerse, no período correspondente á dita redución, bonificarase nunha porcentaxe resultante de multiplicar por 10 o número de unidades de aeroxeradores reducidas.

2. Esta bonificación terá carácter rogado e o seu recoñecemento estará condicionado á comunicación do proxecto de modificación de parques eólicos á dirección xeral competente en materia de enerxía e á acreditación efectiva polo devandito órgano do cumprimento das condicións sinaladas no punto anterior.».

Seis. Modifícase o título IV da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«TÍTULO IV Procedemento de autorización administrativa das instalacións de parques eólicos

Artigo 27. Réxime de autorizacións administrativas

1. A posta en funcionamento, a modificación substancial, o pechamento temporal, a transmisión e o pechamento definitivo de parques eólicos estarán sometidos, con carácter previo, ao réxime de autorizacións establecidas no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e á súa normativa de desenvolvemento, ou normas que as substitúan.

2. O procedemento administrativo de autorizacións para a instalación de parques eólicos iniciarase por solicitude da persoa interesada e tramitarase de acordo co especificado nesta lei.

3. Segundo o establecido no punto 5 do artigo 21 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa, e por petición da persoa promotora, poderase solicitar a tramitación das autorizacións administrativas necesarias das infraestruturas de evacuación conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa previa e de construción do parque eólico.

Artigo 28. Avais

1. Antes de iniciar os trámites de solicitude da autorización administrativa previa e de construción, as persoas promotoras depositarán na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia a garantía económica á que fan referencia os artigos 59 bis e 66 bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou norma que o substitúa, segundo corresponda coa rede de transporte ou coa rede de distribución.

2. Quedan eximidas do depósito da devandita garantía aquelas modificacións de instalacións en explotación que non supoñan incrementos sobre a capacidade de acceso previamente concedida.

3. A garantía económica será cancelada cando a persoa solicitante obteña a autorización de explotación definitiva da instalación.

4. A desistencia na construción da instalación, a caducidade dos procedementos de autorización administrativa da instalación ou o incumprimento dos prazos previstos nas autorizacións preceptivas supoñerán a execución da garantía. Porén, o órgano competente poderá exceptuar a execución da garantía depositada polo titular dunha instalación se a desistencia na construción desta vén dada por circunstancias impeditivas que non sexan nin directa nin indirectamente imputables á persoa interesada e así fose solicitado por esta ao devandito órgano.

5. A garantía constituída será devolta á persoa promotora no caso de inadmisión da solicitude á que se fai referencia no artigo 33.3.

Artigo 29. Presentación de solicitudes de autorización administrativa previa e de construción

1. O procedemento administrativo de autorizacións para a instalación de parques eólicos iniciarase por solicitude da persoa interesada e tramitarase de acordo co especificado neste título.

2. Só se poderá solicitar o inicio dun procedemento de autorización administrativa previa e de construción dun parque eólico se a persoa solicitante e o parque eólico cumpren cos requisitos que se establecen nos artigos 30 e 31. Non serán admitidas aquelas solicitudes que incumpran estes requisitos.

3. As solicitudes presentaranse exclusivamente a través de medios electrónicos que se habilitarán para o efecto regulamentariamente e dirixiranse á dirección xeral competente en materia de enerxía, de acordo co establecido no punto 5 do artigo 16 e no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

4. O modelo normalizado de solicitude de autorización aprobarase por orde da consellaría competente en materia de enerxía, así como a documentación necesaria que se achegará a aquela, que se presentará en formato electrónico e, cando menos, conterá:

a) Documentación xustificativa da capacidade legal, técnica e económica da persoa solicitante, segundo o establecido no artigo 30.

b) Copia do resgardo da presentación na Caixa Xeral de Depósitos da garantía económica á que se fai referencia no artigo 59 bis ou 66 bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou norma que o substitúa.

c) Proxecto de execución subscrito por técnico ou técnica competente, con separatas para os organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O contido mínimo do proxecto de execución será establecido regulamentariamente.

d) Documento ambiental que proceda segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, para a avaliación do impacto ambiental do proxecto.

e) Proxecto sectorial, xunto coa documentación exixida polo artigo 10 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ou norma que o substitúa.

f) Para aqueles casos nos que a persoa promotora solicite a declaración de utilidade pública de acordo co artigo 44, relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados.

g) Xustificante de pagamento da taxa de verificación de requisitos e capacidades recollida co código 01 no punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa.

h) Para aqueles casos nos que se produza solapamento nos termos establecidos no artigo 31, escritura pública do acordo entre as partes ao que fai mención o devandito artigo.

5. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no punto anterior, requirirase a persoa interesada para a súa reparación, concedéndolle un prazo de dez días, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida dela.

Artigo 30. Requisitos da capacidade das persoas solicitantes

1. As persoas promotoras que presenten as solicitudes de autorización administrativa ás que se refire esta lei deberán acreditar capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, a través dos medios seguintes:

a) Capacidade legal. A persoa solicitante deberá ter personalidade física ou xurídica propia, excluíndose as unións temporais de empresas.

b) Capacidade técnica. A capacidade técnica cumprirase mediante a acreditación de, cando menos, un dos seguintes requisitos:

– Ter exercido a actividade de produción de enerxía eléctrica durante, polo menos, os últimos tres anos.

– Contar entre os seus accionistas cunha persoa socia que participe no capital social cunha porcentaxe igual ou superior ao 25 % e que poida acreditar a súa experiencia durante os últimos tres anos na actividade de produción de enerxía eléctrica.

– Subscribir un contrato de asistencia técnica por un período de tres anos cunha empresa que acredite experiencia na actividade de produción de enerxía eléctrica e que cumpra, á súa vez, con algún dos requisitos que se describen nos parágrafos anteriores.

c) Capacidade económica. Entenderase cumprida cando se achegue documentación suficiente que garanta a viabilidade económico-financeira do proxecto. Esta documentación deberá incluír, polo menos, unha declaración responsable e un estudo económicofinanceiro que xustifique a viabilidade do proxecto.

2. A documentación xustificativa para a acreditación das capacidades poderá ser desenvolvida por orde da consellaría competente en materia de enerxía.

Artigo 31. Requisitos das solicitudes de autorización previa e de construción de parques eólicos

1. As solicitudes ás que se refire o artigo 29 non poderán solaparse, no momento da solicitude, con ningún parque eólico en explotación, autorizado pendente de construción ou en fase de tramitación administrativa, agás que exista un acordo entre os titulares dos parques eólicos afectados.

2. Para estes efectos, estableceranse regulamentariamente os criterios que determinen a existencia de solapamento entre parques eólicos.

3. Considerarase que un parque eólico se atopa en fase de tramitación administrativa desde o momento no que a persoa solicitante presente a correspondente solicitude, sempre que na data de presentación dela cumpra cos requisitos necesarios para a súa admisión a trámite.

Artigo 32. Rede Natura

Quedan excluídos da implantación de novos aeroxeradores aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais por formaren parte da Rede Natura 2000, consonte a normativa vixente en cada momento. Exceptúanse do anterior as modificacións de parques eólicos en explotación cando a dita modificación supoña unha redución de, polo menos, o 50 % dos aeroxeradores previamente instalados na dita zona de Rede Natura.

Artigo 33. Instrución do procedemento

1. As solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos estudaranse e tramitaranse na estrita orde temporal da súa data de presentación.

2. A dirección xeral competente en materia de enerxía verificará o cumprimento dos requisitos de capacidade das persoas solicitantes e das solicitudes establecidos nos artigos 30 e 31.

3. No caso de incumprimento dos devanditos requisitos, a dirección xeral competente emitirá resolución na que declarará a inadmisión da solicitude.

No caso de cumprimento, a dirección xeral competente notificarallo á persoa solicitante, para que esta proceda ao pagamento da taxa de autorización administrativa recollida no código 02 do punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa. A persoa solicitante dispoñerá dun prazo máximo de dous meses para a presentación do xustificante de pagamento da devandita taxa. A non presentación do xustificante no prazo indicado implicará a desistencia da solicitude. A presentación do xustificante de pagamento da taxa será requisito necesario para que prosiga a tramitación.

4. No suposto de proxectos que deban ser obxecto dunha avaliación de impacto ambiental ordinaria, a dirección xeral competente en materia de enerxía enviará copia do proxecto e do estudo de impacto ambiental ao órgano ambiental, co obxecto de obter, no prazo máximo de vinte días, a relación de organismos e persoas interesadas, para cumprir co procedemento de consulta recollido no artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

Previamente, a persoa promotora poderá solicitar ao órgano ambiental que elabore un documento de alcance do estudo de impacto ambiental, segundo o procedemento establecido no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa. Para isto, a persoa promotora presentará ante o órgano substantivo unha solicitude de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental, á que se achegará o documento inicial do proxecto.

No caso de proxectos que deban ser obxecto dunha avaliación ambiental simplificada, a dirección xeral competente en materia de enerxía remitirá ao órgano ambiental o documento ambiental do proxecto, para que realice o procedemento de consulta recollido no artigo 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

5. A dirección xeral competente en materia de enerxía enviará copia do proxecto sectorial do parque eólico ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para o efecto de obter, no prazo máximo de vinte días, informe sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia. Así mesmo, o devandito órgano indicará, no mesmo prazo máximo de vinte días, os informes que deberán solicitarse en función das afeccións derivadas da normativa sectorial aplicable.

6. Obtida a relación dos organismos e persoas interesadas, así como o informe de cumprimento de distancias, a dirección xeral competente en materia de enerxía enviará o expediente ao órgano territorial correspondente da consellaría competente en materia de enerxía, que será a unidade tramitadora. Nos supostos de proxectos cuxa implantación afecte máis dunha provincia, a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía.

7. O proxecto de execución presentado, así como, de ser o caso, e atendendo o resultado da avaliación ambiental que corresponda de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, o estudo de impacto ambiental, someteranse conxuntamente a información pública para todos os efectos e durante un prazo de trinta días mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no portal da internet da Xunta de Galicia.

8. No caso de que se solicitase o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto, a dita solicitude tamén se someterá a información pública de forma simultánea coa documentación indicada no punto anterior, xunto coa relación concreta e individualizada dos bens e dereitos de necesaria expropiación. De igual modo, o proxecto sectorial tamén se someterá a información pública de forma simultánea coa documentación antes referida. Nestes supostos, ademais de no Diario Oficial de Galicia, publicarase o anuncio nun dos diarios de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.

9. Durante o prazo indicado no punto 7 deste artigo, calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións considere oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou a parte desta que se acorde. Das alegacións presentadas darase traslado á persoa solicitante, para que esta formule a contestación ao contido daquelas e lla comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.

10. A certificación acreditativa da exposición ao público do proxecto sectorial conterá unha referencia expresa á realización do trámite de audiencia previsto no punto 2 do artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

11. De conformidade cos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou norma que o substitúa, a unidade tramitadora realizará os trámites necesarios para a obtención dos condicionados técnicos e das autorizacións ou informes procedentes doutras administracións, organismos e empresas de servizo público e revisará a documentación presentada pola persoa promotora.

12. Atendendo a relación de organismos indicados polo órgano ambiental e polo órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, de acordo co previsto nos puntos 4 e 5 deste artigo, así como os indicados no punto anterior, solicitarase de xeito simultáneo un informe para todos os efectos solicitados. Transcorridos trinta días desde a solicitude destes informes sen que se obtivese resposta, entenderanse favorables, agás os informes preceptivos necesarios para a avaliación ambiental do proxecto polo órgano ambiental e os informes preceptivos indicados polo órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, no que se refire á tramitación do proxecto sectorial, nos que o sentido do silencio se rexerá polo disposto na normativa sectorial específica.

13. Concluídos os trámites de información pública e de información a outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a unidade tramitadora emitirá ou solicitará, de ser o caso, ao órgano territorial o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas. Cando lle corresponda a tramitación do procedemento, o órgano territorial, logo de emitido o devandito informe, remitirá o expediente completo á dirección xeral competente en materia de enerxía para a súa autorización.

14. A valoración positiva ambiental exixible ao proxecto de acordo co resultado da avaliación realizada de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, así como o informe favorable da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo ao que se fai referencia no punto 5 deste artigo, serán requisitos indispensables para o outorgamento da autorización administrativa e a autorización de construción do parque eólico.

Artigo 34. Resolución da autorización administrativa previa e de construción e finalización do procedemento

1. Logo de realizada a instrución do procedemento administrativo de autorización e acreditado por parte da persoa solicitante o acceso e a obtención do punto de conexión á rede de transporte ou á rede de distribución, segundo corresponda, a dirección xeral competente en materia de enerxía ditará resolución respecto do outorgamento da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción do parque eólico no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa no órgano competente para resolver o procedemento.

2. O prazo máximo para obter a autorización administrativa previa e de construción será de tres anos, contados desde a data de presentación da documentación completa á que fai referencia o punto 4 do artigo 29. Superado este prazo sen que se obtivesen as devanditas autorizacións, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de enerxía quedará facultada para instar ao procedemento de caducidade do expediente e ao arquivamento das actuacións, sempre e cando as causas que orixinaron a falta de obtención das citadas autorizacións sexan directamente imputables á persoa solicitante.

3. A resolución de autorización administrativa previa e de construción expresará que a persoa promotora dispoñerá dun prazo de tres anos, contado a partir do seu outorgamento, para solicitar a correspondente autorización de explotación, indicando que, no caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/3013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

4. A resolución publicarase integramente no Diario Oficial de Galicia e notificarase a todas as terceiras persoas que formulasen alegacións e teñan carácter de interesadas no expediente.

A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios e habilitará a persoa solicitante para interpoñer os recursos que procedan.

5. De conformidade co previsto no artigo 84 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa, xunto coa resolución, poñerán fin ao procedemento a desistencia das persoas interesadas, a renuncia ao dereito en que se funde a solicitude cando tal renuncia non estea prohibida polo ordenamento xurídico, a declaración de caducidade e a imposibilidade material de continualo por causas sobrevidas. A declaración de caducidade do procedemento, cando se produza a súa paralización por causa imputable á persoa interesada, acordarase de conformidade co establecido no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

Artigo 35. Autorización de explotación

1. Logo de executado o proxecto, presentarase a correspondente solicitude de autorización de explotación no órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase o expediente.

2. Á devandita solicitude achegarase un certificado de final de obra subscrito por técnica ou técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia.

3. A autorización de explotación será outorgada polo órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase o expediente, no prazo dun mes, logo das comprobacións técnicas que se consideren oportunas.

4. No caso de que a unidade tramitadora for a dirección xeral competente en materia de enerxía, solicitarase unha autorización de explotación en cada unha das provincias onde estea situada a instalación.

Artigo 36. Transmisión da titularidade de parques eólicos

1. As transmisións de titularidade dun parque eólico en explotación, dun parque eólico autorizado pendente de construír e dun expediente administrativo no que se tramita a autorización dun parque eólico requiren autorización administrativa previa da consellaría competente en materia de enerxía.

2. A solicitude de autorización administrativa de transmisión deberá ser dirixida á dirección xeral competente en materia de enerxía por quen pretenda adquirir a titularidade. Á solicitude deberá achegarse a documentación necesaria que permita acreditar a capacidade legal, técnica e económica da persoa solicitante, así como unha declaración da actual persoa titular na que manifeste a súa vontade de transmitir a dita titularidade.

3. A dirección xeral competente en materia de enerxía resolverá sobre a solicitude da autorización de transmisión no prazo de tres meses, desde a recepción da documentación completa da solicitude. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, e poderán interpoñerse os recursos que procedan.

A resolución será notificada á persoa solicitante e á transmitente. A partir desta notificación, a persoa solicitante contará cun prazo de seis meses para adquirir a titularidade. Producirase a caducidade da autorización se, transcorrido o devandito prazo, a adquisición non se fai efectiva.

Producida a transmisión, a persoa solicitante deberá comunicala á dirección xeral competente en materia de enerxía, no prazo dun mes desde que se faga efectiva.

4. A autorización administrativa de transmisión de titularidade terá validez ante as entidades locais e calquera outro organismo desde o mesmo momento en que se lles notifique de maneira que faga fe. A transmisión de titularidade autorizada entenderase extensiva á declaración de utilidade pública da instalación en cuestión e comportará a necesidade do cambio da titularidade do aval de acceso e conexión.

Artigo 37. Modificacións non substanciais de parques eólicos

1. As modificacións dun parque eólico terán o carácter de non substanciais cando cumpran a totalidade dos seguintes requisitos:

a) Os aeroxeradores mantéñense dentro da poligonal definida no proxecto inicial.

b) A potencia total do parque eólico non experimenta un incremento ou redución de máis do 10 % da potencia autorizada no proxecto orixinal.

c) Cúmprense os requisitos e criterios de non solapamento establecidos no artigo 31.

d) Disponse de informe favorable do órgano ambiental respecto da proposta de modificación.

e) Disponse de informe favorable do órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo sobre a adecuación da modificación aos preceptos urbanísticos aplicables establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia, especialmente no relativo á nova ordenación urbanística proposta e aos requisitos de distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.

2. Así mesmo, para os efectos do previsto neste artigo, tamén terán a consideración de modificacións non substanciais aquelas modificacións consistentes no incremento da potencia nominal dos aeroxeradores, sempre que non supoñan un incremento ou redución de máis do 10 % da potencia autorizada no proxecto orixinal, manténdose inalteradas todas as demais características técnicas do parque eólico.

3. As solicitudes de modificacións non substanciais deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 31.

Artigo 38. Procedemento de autorización de modificacións non substanciais

1. As modificacións non substanciais de parques eólicos non requirirán o outorgamento dunha nova autorización administrativa previa e de construción.

2. As autorizacións administrativas previas e de construción de parques eólicos seguirán a ser eficaces respecto das modificacións non substanciais dos proxectos iniciais, sempre que, antes do inicio da execución do proxecto modificado, así o soliciten as persoas titulares delas ante a dirección xeral competente en materia de enerxía e lles sexan recoñecidas estas modificacións como non substanciais en virtude do disposto nesta lei.

3. As solicitudes de recoñecemento dunha modificación como non substancial presentaranse dirixidas ao órgano competente en materia de enerxía, de acordo co establecido no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa, e conterán, cando menos:

a) Para aqueles casos nos que se modifique a potencia da instalación, documentación acreditativa de dispoñer de acceso e punto de conexión á rede de transporte ou á rede de distribución, segundo corresponda, para a potencia adicional.

b) Nos supostos de modificación non substancial recollida no punto 1 do artigo 37:

– A documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos establecidos nas alíneas a), b) e c) do punto 1 do artigo 37.

– A documentación necesaria para solicitar os informes aos que fan mención as alíneas d) e e) do punto 1 do artigo 37.

c) Para aqueles supostos establecidos no punto 2 do artigo 37:

– Declaración responsable da persoa promotora de que se manteñen inalterables todas as características do parque eólico, agás a potencia nominal dos aeroxeradores.

– A documentación xustificativa do incremento de potencia do aeroxerador.

4. Nos supostos de modificacións non substanciais recollidos no punto 1 do artigo 37, a dirección xeral competente en materia de enerxía enviará ao órgano ambiental a documentación necesaria para solicitar o informe ao que fai mención a alínea d) do punto 1 do artigo 37, para o efecto de que este emita no prazo de vinte días o devandito informe. No caso de que o órgano ambiental o considere preciso, indicará a relación de organismos que considera necesario que se consulte con respecto á validación ambiental do proxecto modificado.

5. Igualmente, enviarase ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo a documentación necesaria, para o efecto de que emita nun prazo máximo de vinte días o informe ao que se refire a alínea e) do punto 1 do artigo 37.

6. A dirección xeral competente en materia de enerxía dispoñerá dun prazo dun mes para emitir o recoñecemento dunha modificación como non substancial, contado desde o momento no que dispoña de toda a información e documentación necesaria. A dirección xeral competente só poderá emitir o devandito recoñecemento logo de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31. A falta de recoñecemento expreso terá efectos desestimatorios, e poderanse interpoñer os recursos que procedan. Este recoñecemento será expresamente comunicado ás consellarías con competencias en materia de ordenación do territorio, urbanismo e medio ambiente.

7. As autorizacións de explotación recollerán expresamente aquelas modificacións non substanciais expresamente recoñecidas

8. A eficacia das modificacións non substanciais recoñecidas como tales de acordo co establecido nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo de cantos permisos, licenzas e autorizacións ou outros requisitos precisen con carácter previo a solicitar a autorización de explotación.

Artigo 39. Modificacións substanciais

1. Terán a consideración de modificacións substanciais as modificacións que non poidan incluírse na definición de modificación non substancial recollida no artigo anterior.

2. As modificacións substanciais tramitaranse e, de ser o caso, autorizaranse de acordo co procedemento e condicionantes establecidos neste título.

Artigo 40. O proxecto sectorial

1. Realizados os trámites previstos nesta lei e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ou norma que o substitúa, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, aprobará definitivamente, se procede, o proxecto sectorial coas modificacións ou correccións que considere convenientes.

2. Quedan exceptuados de avaliación ambiental estratéxica os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal dos parques eólicos, así como os das súas infraestruturas de evacuación, cando o proxecto de execución da infraestrutura concreta estea sendo ou sexa sometido a avaliación ambiental, de acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

3. Nos casos en que o proxecto sectorial do parque eólico autorizado estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e a persoa promotora presente unha modificación non substancial das recollidas no punto 1 do artigo 37 recoñecida como tal, enviarase ao órgano competente en ordenación do territorio e urbanismo o recoñecemento desta modificación non substancial, así como o informe favorable do órgano ambiental indicado na alínea d) do punto 1 do artigo 37 e a addenda do proxecto sectorial no que se recollan estas modificacións, para os efectos de que o Consello da Xunta emita o informe preceptivo previo á aprobación da modificación do proxecto sectorial.

Artigo 41. Pechamento

1. A persoa titular da instalación que pretenda o pechamento desta deberá presentar unha solicitude de autorización administrativa de pechamento, a través dos medios electrónicos que se habilitarán regulamentariamente, dirixida ao órgano competente en materia de enerxía, de acordo co establecido no punto 5 do artigo 16 e no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

2. A persoa titular da instalación achegará á solicitude un proxecto de pechamento, que deberá conter como mínimo unha memoria na que se detallen as circunstancias técnicas, económicas, ambientais ou de calquera outra orde polas que se pretende o pechamento, así como os planos actualizados da instalación a escala adecuada.

3. A unidade tramitadora será o órgano territorial correspondente da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase a autorización de explotación, agás que a solicitude de pechamento se refira a un parque eólico situado en máis dunha provincia, para o que a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía.

4. Logo de tramitado o expediente, o órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía elevará o expediente de solicitude de pechamento, xunto co seu informe, á dirección xeral competente en materia de enerxía, que deberá resolver, logo do informe favorable do operador do sistema e xestor da rede de transporte, nun prazo de tres meses desde a recepción do expediente completo na dirección xeral competente. En todo caso, a autorización de pechamento da instalación impoñerá á persoa titular desta a obriga de proceder ao seu desmantelamento nos termos que resulten da tramitación do expediente de pechamento e á restitución ambiental dos terreos afectos pola instalación.

A falta de resolución expresa terá efectos desestimatorios, e poderán interpoñerse os recursos procedentes.

A resolución notificarase á persoa solicitante e publicarase, en todo caso, no Diario Oficial de Galicia.

5. A autorización expresará o período de tempo, contado a partir da notificación do seu outorgamento, dentro do cal deberá procederse ao pechamento e ao desmantelamento da instalación.

6. Concedida a autorización de pechamento, o órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía, logo das comprobacións técnicas que se consideren oportunas, redactará acta de pechamento cando este se faga efectivo e o parque eólico cursará baixa no Rexistro Eólico de Galicia.».

Sete. Modifícase o título V da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«TÍTULO V Rexistro Eólico de Galicia

Artigo 42. Rexistro Eólico de Galicia

1. Créase o Rexistro Eólico de Galicia, no que se recollerá dun xeito electrónico a localización cartográfica de todos os parques eólicos en funcionamento, autorizados ou en tramitación administrativa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, os cales, á súa vez, deberán ser obxecto de inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia, nos termos e de conformidade co previsto no Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, aprobado polo Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro.

2. Aos datos sinalados no punto anterior incorporaranse no Rexistro Eólico de Galicia todas as solicitudes de modificación de proxectos, que constituirán información de apoio para a xestión de solapamentos de parques eólicos.

Artigo 43. Funcionamento e xestión do Rexistro

1. O Rexistro Eólico de Galicia constitúese coa finalidade de ser unha ferramenta electrónica de acceso e consulta pública.

2. O funcionamento, a xestión e o desenvolvemento do Rexistro estableceranse por orde da consellaría competente en materia de enerxía.».

Oito. Modifícase o título VI da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«TÍTULO VI Expropiación e servidumes

Artigo 44. Declaración de utilidade pública

1. Para os efectos previstos no título IX da Lei 24/2013, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e na normativa que o desenvolve, ou normas que as substitúan, o recoñecemento da utilidade pública das instalacións incluídas no ámbito desta lei será acordado pola dirección xeral competente en materia de enerxía, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia no caso de oposición de organismos ou outras entidades de dereito público.

2. A solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública poderá efectuarse de xeito simultáneo á solicitude de autorización administrativa previa e/ou de construción, durante a tramitación destas autorizacións ou con posterioridade á obtención de calquera das devanditas autorizacións administrativas.

3. Para o devandito recoñecemento será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación.

4. A solicitude mencionada no punto anterior someterase a información pública. Igualmente, solicitarase o informe dos organismos afectados.

5. A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa e concordantes da Lei 24/2013, do 27 de novembro, do sector eléctrico, ou normas que as substitúan.

Artigo 45. Concorrencia de utilidades ou interese público e trámite e declaración de compatibilidade ou prevalencia

1. Se, solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora do parque eólico, se opuxer á declaración deste a persoa titular doutro interese público radicado no mesmo espazo territorial, por entender que a autorización e a subseguinte instalación do parque eólico prexudicarían a este, procederase a determinar a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados e, no caso de incompatibilidade, declararase a prevalencia dun deles.

2. O procedemento de declaración de compatibilidade ou prevalencia de utilidades públicas será iniciado pola dirección xeral competente en materia de enerxía logo de solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora e en canto teña coñecemento da existencia de aproveitamentos que poidan resultar incompatibles.

3. Ao devandito coñecemento poderá chegarse de oficio ou por solicitude de parte interesada presentada en calquera momento anterior á resolución na que se declare a utilidade pública. O órgano tramitador dará audiencia ás persoas titulares dos dereitos que poidan estar afectadas, e concederalles un prazo de quince días para presentar alegacións, que se remitirán á persoa promotora para o seu coñecemento e contestación.

4. Finalizado o trámite de audiencia, remitirase copia completa do resultado del ao órgano competente para a autorización ou título habilitante do aproveitamento, que deberá remitir, nun prazo de vinte días hábiles, informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do aproveitamento afectado.

5. Cando a compatibilidade ou prevalencia se suscite entre aproveitamentos nos que sexa competente para a súa autorización a consellaría competente en materia de enerxía, a declaración de utilidade pública e, de ser o caso, a declaración de compatibilidade ou prevalencia serán realizadas pola persoa titular da consellaría en materia de enerxía no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, e poderanse interpoñer os recursos que procedan.

6. No caso de que as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellaría, a declaración de utilidade pública do parque eólico e, de ser o caso, a declaración de compatibilidade ou prevalencia serán realizadas polo Consello da Xunta de Galicia, ao que se remitirá o expediente co informe das consellarías afectadas, no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, e poderanse interpoñer os recursos que procedan.

7. Se a instalación afecta montes veciñais en man común, os trámites previstos no artigo 6 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ou norma que o substitúa, entenderanse cumpridos co procedemento regulado neste artigo. Nestes casos, a declaración de utilidade pública da instalación levará implícito o recoñecemento de prevalencia para os efectos establecidos no punto 1 do artigo 6 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.».

Nove. Engádese unha nova disposición adicional primeira á Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional primeira. Proxectos declarados de interese especial

1. Poderán ser declarados de interese especial polo Consello da Xunta os proxectos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas de evacuación asociadas que se desenvolvan no marco de poxas para a asignación de réxime retributivo específico a instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de tecnoloxías renovables, impulsadas ao amparo do disposto no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, ou norma que o substitúa, coa finalidade de que sexan despachados prioritariamente polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que interveñen no procedemento administrativo da súa autorización e con carácter de urxencia.

2. A solicitude de declaración de interese especial destes proxectos deberase realizar á consellaría competente en materia de enerxía, presentando unha memoria que conteña a súa especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros, así como unha declaración responsable de que o proxecto se desenvolverá no marco das poxas indicadas anteriormente, debendo determinar o prazo previsto para a súa execución.

Para realizar esta solicitude, a persoa promotora do proxecto deberá presentar previamente, tanto para a instalación de produción de enerxía como para as infraestruturas de evacuación asociadas, a solicitude de autorización de construción, así como, se é preciso, a solicitude de declaración de utilidade pública e a de aprobación do proxecto sectorial.

3. A declaración de proxecto de interese especial será acordada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, e abarcará conxuntamente o proxecto de produción de enerxía e as infraestruturas de evacuación asociadas.

4. A declaración de interese especial dun proxecto terá como efectos a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e/ou de construción, así como dos prazos na instrución do procedemento de avaliación ambiental que sexa necesario. Así mesmo, reduciranse á metade os prazos necesarios na tramitación do proxecto sectorial.

5. Os proxectos declarados de interese especial deberán executarse e solicitar a autorización de explotación con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2020. No caso contrario, quedará sen efecto a declaración de interese especial do proxecto e serán incautados os correspondentes avais e garantías depositadas.».

Dez. Engádese unha nova disposición adicional terceira á Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira. Infraestruturas de evacuación

1. As novas solicitudes de autorización ás que se refire o artigo 53 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa, correspondentes a infraestruturas de evacuación dos parques eólicos tramitaranse e autorizaranse segundo as disposicións establecidas nesta lei, no que sexa aplicable.

2. Decláranse de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ou norma que o substitúa, os proxectos sectoriais das infraestruturas de evacuación das instalacións de xeración eólica desenvolvidas no marco do Plan sectorial eólico de Galicia.».

Once. Modifícase a disposición transitoria segunda da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria segunda. Áreas de desenvolvemento eólico

1. En tanto non se modifique o Plan sectorial eólico de Galicia, considéranse áreas de desenvolvemento eólico as áreas de reserva e áreas de investigación, así como a franxa paralela a estas, previstas no Plan sectorial eólico de Galicia vixente.

2. No caso das áreas de desenvolvemento eólico nas que se produza superposición coa Rede Natura, a zona de superposición que afecte a aquela non se considerará apta para implantar novos parques eólicos, agás proxectos de modificación de parques eólicos nos termos indicados no artigo 32 desta lei. Esta limitación farase extensiva á totalidade das instalacións do parque eólico recollidas na poligonal establecida no seu proxecto de execución.»

Doce. Engádese unha nova disposición transitoria sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria sexta. Normas transitorias mentres non se leve a cabo o desenvolvemento regulamentario previsto nesta lei

1. O necesario desenvolvemento regulamentario ao que se fai referencia nesta lei non impedirá a admisión a trámite de novas solicitudes de autorización de parques eólicos mentres aquel non se leve a cabo.

Para estes efectos, en tanto non se realice o desenvolvemento regulamentario previsto nos puntos 3 e 4 do artigo 29 respecto do modelo normalizado de solicitude, as solicitudes presentaranse mediante instancia por escrito dirixida á persoa titular da dirección xeral competente en materia de enerxía.

Do mesmo xeito, ata que se proceda ao desenvolvemento regulamentario indicado, o contido do proxecto de execución será o indicado para este tipo de instalacións no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, ou norma que o substitúa.

2. En tanto non se diten as normas de desenvolvemento regulamentario ás que se fai referencia no punto 4 do artigo 31, entenderase que existe solapamento da nova solicitude cando a distancia proxectada horizontalmente entre os aeroxeradores da nova solicitude e os aeroxeradores dun parque eólico en funcionamento, autorizado ou en fase de tramitación administrativa sexa inferior a 10 diámetros do parque eólico autorizado ou en fase de tramitación administrativa nas direccións correspondentes ao 1º (+,+) e 3º (-,-) cuadrante, e a 4 diámetros nas direccións correspondentes ao 2º (-,+) e 4º (+,-) cuadrante. Para estes efectos, tomarase o maior dos diámetros dos aeroxeradores afectados. Para a determinación da dirección, terase en conta a liña recta que una o aeroxerador solicitado co aeroxerador do parque que xa se atopa en funcionamento, autorizado ou en fase de tramitación administrativa, utilizando un sistema de coordenadas cartesianas co norte orientado no eixe +y.».

Trece. Engádese unha nova disposición derradeira cuarta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa seguinte redacción:

«Disposición derradeira cuarta. Normativa supletoria

En todo aquilo non disposto por esta lei aplicarase con carácter supletorio a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e a súa normativa de desenvolvemento, ou normas que as substitúan.».

Disposición derradeira oitava. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia

Modifícase o punto 3 do artigo 29 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Para a aprobación técnica do proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar dunha obra hidráulica de interese da Comunidade Autónoma deberase contar cun informe preceptivo acerca da compatibilidade da actuación co planeamento urbanístico vixente, que será emitido pola Administración urbanística competente no prazo máximo dun mes desde a súa solicitude.

No caso de que se determine a súa incompatibilidade, Augas de Galicia aprobará tecnicamente o correspondente proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar, e deberao someter ao trámite de información pública durante un prazo de vinte días hábiles, na forma prevista na lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas. Simultaneamente, remitiralles o proxecto, o anteproxecto ou o documento técnico correspondente ás administracións públicas afectadas, para que no prazo dun mes emitan informe. Logo de transcorrer o devandito prazo e un mes máis sen a súa emisión, entenderase que están conformes co proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar que corresponda. No caso de desconformidade, que necesariamente deberá ser motivada, o expediente seralle elevado ao Consello da Xunta de Galicia, que, de proceder, o aprobará.

Así que remate este procedemento, a aprobación definitiva do correspondente proxecto, anteproxecto ou documento similar levará aparellada a adaptación do planeamento urbanístico. ».

Disposición derradeira novena. Modificación da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia

Modifícase o punto 3 do artigo 65 bis da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. As persoas propietarias e/ou comercializadoras quedarán obrigadas fronte á Administración turística ao cumprimento das obrigas impostas nesta lei e nas normas que a desenvolvan e responderán de maneira solidaria fronte a aquela, incluída a obriga de subscribir e manter vixentes os seguros de responsabilidade civil para estas vivendas.».

Disposición derradeira décima. Modificacións da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

Un. Modifícase o punto 3 do artigo 81 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. A aprobación do instrumento de ordenación ou de xestión forestal, logo de obter os preceptivos informes favorables dos órganos ou organismos sectoriais competentes, comportará a autorización das actuacións previstas nel cun grao de detalle suficiente. As ditas actuacións só requirirán de declaración responsable ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio previa ao inicio delas, para que este poida comprobar a súa conformidade co previsto no instrumento de ordenación ou xestión forestal.

Nos supostos de aparición de achados arqueolóxicos ou de bens de interese cultural ou naqueles casos nos que se detecte un incumprimento das condicións e previsións en materia de protección do patrimonio cultural que figuren no expediente de aprobación do instrumento de ordenación ou xestión, paralizaranse con carácter inmediato as actuacións e darase conta ao órgano competente en materia de protección do patrimonio cultural.».

Dous. Modifícase o punto 2 do artigo 83 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. O incumprimento das prescricións dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal considerarase grave nos seguintes supostos:

a) Cando afecte o normal desenvolvemento do monte, sempre que non se xustificase e comunicase previamente á Administración forestal, para a súa aprobación.

b) Cando supoña un aproveitamento abusivo ou sobreexplotación que degrade o solo ou produza perdas deste ou poña en perigo a viabilidade do monte, incluíndo a non rexeneración tras o aproveitamento.

c) Cando implique incumprir os plans de aproveitamento ou a posterior rexeneración tras a súa realización.

d) Cando supoña o incumprimento das condicións impostas ás actuacións previstas no instrumento de ordenación ou de xestión forestal de conformidade cos informes emitidos con carácter previo á súa aprobación polos órganos ou organismos sectoriais competentes. ».

Tres. Modifícase o punto 3 do artigo 84 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Os aproveitamentos dos recursos forestais, os servizos e as actividades previstos nun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal non necesitan de autorización para a súa execución, polo que será suficiente unha declaración responsable previa ao seu inicio, consonte o disposto polo artigo 81.3.».

Catro. Modifícase o artigo 92 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 92. Dos aproveitamentos madeireiros suxeitos a autorización administrativa

1. As persoas propietarias de montes ou terreos forestais privados que desexen realizar neles aproveitamentos de madeira ou leña terán que solicitar autorización do órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio nos seguintes casos:

a) Cando os montes ou terreos forestais estean poboados con especies do anexo I.

b) Cando os montes ou terreos forestais formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección.

c) Cando os montes ou terreos forestais estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público.

d) Cando se trate de aproveitamentos de madeira ou leña queimada susceptible de uso comercial.

Exceptúanse da necesidade de autorización os aproveitamentos en montes ordenados, consonte o establecido no punto 3 do artigo 81, e os supostos recollidos no punto 3 do artigo 92 bis.

2. Se os aproveitamentos aos que se refire este artigo exixen, en virtude da lexislación sectorial aplicable, autorización administrativa de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, a autorización será única e o seu outorgamento corresponderá, en todo caso, ao órgano forestal competente segundo o punto anterior, que valorará tanto os aspectos de carácter forestal como os derivados da devandita lexislación sectorial. A distribución competencial en materia sancionadora e de control establecida pola lexislación sectorial non se verá afectada pola competencia para o outorgamento da autorización única polo órgano forestal.

3. Para a valoración dos aspectos derivados da lexislación sectorial, o órgano forestal solicitará de maneira preceptiva informe dos órganos ou organismos competentes.

4. Se a lexislación sectorial non establece outro réxime, de non se recibir o informe ao que se refire o punto anterior no prazo dun mes desde a súa solicitude, entenderase favorable, e proseguirá a tramitación do procedemento, sen prexuízo da posibilidade de suspender a tramitación daquel para agardar a emisión do informe polo prazo máximo establecido na lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Os informes sectoriais conterán, de ser o caso, as condicións ás que deberá suxeitarse o aproveitamento para a protección dos intereses públicos cuxa tutela teña encomendada o órgano ou organismo responsable de emitir o informe. A autorización que outorgue o órgano forestal incorporará expresamente esas condicións.

6. O prazo máximo para resolver o procedemento de outorgamento das autorizacións reguladas neste artigo e notificar a resolución á persoa solicitante é de dous meses. Transcorrido ese prazo sen que se notificase a resolución, a autorización entenderase concedida, agás nos supostos nos que a lexislación básica que resulte aplicable estableza de maneira expresa o contrario.

Se se emitisen os informes sectoriais aos que se refiren os puntos anteriores e conteñen condicións para a autorización do aproveitamento, estas consideraranse incorporadas por ministerio da lei á autorización obtida por silencio administrativo e vincularán o suxeito que a solicitase desde que tiver coñecemento delas por calquera medio, incluída a certificación do silencio administrativo.

7. Por orde das consellarías competentes poderán aprobarse pregos coas condicións sectoriais ás que deberán suxeitarse os aproveitamentos madeireiros das especies contidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos terreos afectados polas normativas a que fan referencia as alíneas b) e c) do número 1 deste artigo. Unha vez aprobados estes pregos, cos condicionantes concretos aos que terán que someterse os referidos aproveitamentos, a declaración responsable do cumprimento dos requisitos contidos nos anteditos pregos substituirá a solicitude de autorización de aproveitamento e non será necesario recadar o informe dos órganos sectoriais competentes, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar como consecuencia da inexactitude, falsidade ou omisión dos datos contidos na referida declaración.

8. A Administración forestal impulsará as relacións de colaboración con outras administracións públicas para acadar o mesmo réxime de autorización administrativa única previsto neste artigo nos supostos de concorrencia da competencia forestal da Comunidade Autónoma de Galicia coas competencias daquelas. Do mesmo xeito, impulsará as relacións de colaboración cos demais departamentos da Xunta de Galicia, en particular con aquel que teña as competencias en materia de protección do patrimonio cultural, para a identificación daquelas áreas e localizacións nas que exista concorrencia de intereses que hai que protexer, co fin de axilizar a tramitación da autorización administrativa única prevista neste artigo.».

Cinco. Engádese un novo artigo 92 bis á Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa seguinte redacción:

«Artigo 92 bis. Aproveitamentos madeireiros suxeitos a declaración responsable

1. Consonte o previsto no punto 3 do artigo 81, nos montes ordenados, cando os aproveitamentos se fagan de acordo co instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, non se precisará autorización, e abondará a presentación dunha declaración responsable ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio con carácter previo ao inicio dos traballos.

Cando os aproveitamentos non se axusten ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión, aplicarase o réxime xeral previsto nesta lei, e a Administración forestal poderá exixir a modificación do instrumento de ordenación ou de xestión con posterioridade ao aproveitamento.

2. Fóra dos casos previstos no punto anterior, os donos de predios poderán realizar aproveitamentos de masas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no anexo I desta lei e que non estean nos supostos enunciados nas alíneas b) e c) do punto 1 do artigo 92, así como executar cortas a feito, rareos ou entresacas, presentándolle ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio con carácter previo ao seu inicio unha declaración responsable de que non concorren as circunstancias que fan precisa autorización administrativa de acordo co establecido nesta lei.

En masas forestais que cumpran os requirimentos descritos no parágrafo anterior e inclúan pés nunha proporción reducida de especies incluídas no anexo I, poderase admitir o seu aproveitamento cunha declaración responsable, segundo as condicións que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes.

3. Quedan de igual forma suxeitos unicamente á obriga de declaración responsable ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio previa ao seu inicio:

a) Os aproveitamentos para uso doméstico, nos termos que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes.

b) Os aproveitamentos en zonas afectadas por unha expropiación, correspondéndolle ao órgano expropiante a obriga de presentar a declaración responsable. A zona expropiada deberá ser sinalizada polo órgano expropiante ou polo afectado, por instancia deste órgano.

c) As cortas de arboredo que sexan de obrigada execución de acordo co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e as que se realicen para a obrigada adaptación ás distancias mínimas sinaladas no anexo II desta lei.

d) As cortas de arboredo que sexan obrigatorias cando a consellaría competente en materia de montes declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal, delimite a zona afectada e dite as medidas e tratamentos fitosanitarios para o control e a loita contra a praga.

4. Cando os aproveitamentos requiran unicamente a presentación de declaración responsable segundo o establecido nesta lei, non se requirirá a solicitude de informes previos sectoriais, sen prexuízo das responsabilidades en que incorra a persoa declarante polo incumprimento das condicións contidas na declaración.

5. Cando a realización do aproveitamento requira dunha avaliación de impacto ambiental, a declaración responsable prevista neste artigo non se poderá presentar ata que non rematase a dita avaliación o órgano ambiental e estea publicada no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.».

Seis. Modifícase o artigo 94 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 94. Disposicións comúns ao réxime administrativo dos aproveitamentos madeireiros

1. As cortas de policía, os rareos e os demais tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial non se considerarán aproveitamentos madeireiros para efectos do previsto polos artigos anteriores e, xa que logo, non requirirán de autorización administrativa nin de declaración responsable.

Tampouco requirirán de autorización da Administración forestal nin de declaración responsable ante esta as cortas que se realicen na zona de servidume do dominio público hidráulico, sen prexuízo dos medios de intervención administrativa que poidan establecer outras normativas que resulten aplicables.

2. As persoas físicas ou xurídicas que, en lugar do seu titular, realicen a xestión ou o aproveitamento dos montes ou dos terreos forestais poderán solicitar as autorizacións ou presentar as declaracións responsables previstas nos artigos anteriores, cando xustifiquen debidamente a súa representación.

3. O prazo máximo para a realización dun aproveitamento será de doce meses, contados desde a data da notificación da autorización ou desde a data en que se considere outorgada esta por silencio administrativo, ou ben desde a data da presentación da declaración responsable, segundo o caso.

4. Cando se demore a execución dun aproveitamento por causas non imputables á persoa titular ou á empresa que o leve a cabo, o prazo para a realización del poderá ser prorrogado polo órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio, logo da solicitude xustificada, por un único prazo, que en ningún caso poderá superar o inicialmente concedido.

5. A persoa titular dun aproveitamento madeirable ou leñoso cuxos produtos sexan obxecto de comercialización deberá comunicar ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio a contía realmente obtida no prazo máximo dun mes desde a súa finalización, de acordo cos procedementos que se establezan para o efecto, consonte o disposto no artigo 104.

6. A Administración forestal simplificará os procedementos administrativos de autorización e a presentación de declaracións responsables, regulando mediante orde da consellaría competente en materia de montes a presentación compartida para diferentes persoas propietarias de montes particulares de solicitudes de autorización e declaracións responsables, e impulsará o emprego dos servizos de atención telemáticos e a administración electrónica.».

Sete. Modifícase o punto 3 do artigo 95 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O aproveitamento de biomasa forestal procedente de superficies declaradas como cultivo enerxético forestal requirirá de declaración responsable ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio con carácter previo ao seu inicio.».

Oito. Modifícase o punto 3 do artigo 104 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Para tal fin, a Administración forestal manterá un sistema de supervisión baseado no control e no seguimento da orixe dos aproveitamentos madeireiros que se realicen en Galicia, mediante a información subministrada polas autorizacións e as declaracións responsables previstas nos artigos 92 e 92 bis. Así mesmo, mediante o Rexistro de Empresas do Sector Forestal, a Administración forestal poderá realizar os controis oficiais pertinentes ás empresas de aproveitamento e comercialización da madeira e dos produtos da madeira, avaliando os riscos e propoñendo accións correctivas cando sexa necesario.».

Nove. Modifícase o punto 2 da alínea ñ) do artigo 128 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. A realización de aproveitamentos madeireiros ou de biomasa en montes de xestión privada sen cumprir o requisito da declaración responsable preceptiva nos casos establecidos nesta lei ou incumprindo os prazos para a súa execución.».

Dez. Engádese unha nova disposición adicional sexta á Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sexta. Convenios coas asociacións do sector forestal

Co obxecto de acadar unha completa racionalización administrativa na tramitación das solicitudes de aproveitamentos forestais, formalizaranse convenios tanto coas asociacións de profesionais do sector como coas de persoas propietarias forestais, co fin de conseguir unha maior axilidade na consecución das autorizacións e que se minoren o máximo posible as cargas, tanto as administrativas como as de carácter económico.».

Once. Engádese unha nova disposición adicional sétima á Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sétima. Información xeolocalizada de espazos suxeitos a algún réxime de protección e de ámbitos de protección do dominio público

Os distintos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia colaborarán para que se publique no portal para solicitudes de cortas privadas da consellaría competente en materia de montes a información xeolocalizada debidamente actualizada que permita coñecer cando os montes ou terreos forestais forman parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou cando están afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, de xeito que permita aos operadores económicos unha planificación da xestión forestal respectuosa cos ditos espazos.».

Disposición derradeira décimo primeira. Modificacións da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia

Un. Modifícase o punto 2 do artigo 47 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. A competencia para autorizar a execución de obras e instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección correspóndelle á Administración titular da estrada, agás na corta de arboredo, que terá que ser autorizada unicamente polo órgano competente en materia forestal, de acordo co disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa, logo do informe preceptivo e vinculante do órgano competente da Administración titular da estrada.».

Dous. Modifícase o punto 3 do artigo 66 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. A sanción correspondente á infracción cometida poderá reducirse ata nun 90 % do seu valor, en función dos danos ao dominio público viario e da diminución da seguridade viaria producida, se a persoa responsable acata, de ser o caso, a resolución de paralización ou suspensión e procede á demolición das obras, á suspensión definitiva dos usos e ao restablecemento da realidade física alterada antes da resolución do expediente de sanción.».

Tres. Modifícase a alínea g) do punto 1 do artigo 43 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que queda redactada como segue:

«g) As instalacións provisionais, cun prazo fixado, asociadas a actividades de interese ou uso público ou para a realización de actividades relacionadas coa conservación ou construción de instalacións industriais ou de edificacións.»

Disposición derradeira décimo segunda. Modificacións da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

Un. Modifícase o punto 2 do artigo 39 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. Estas autorizacións teñen carácter independente de calquera outra autorización, licenza ou trámite previo á execución das intervencións. Exceptúanse os supostos nos que a lexislación forestal integra no procedemento de outorgamento da correspondente autorización a tutela dos valores obxecto de protección por esta lei, a través dun informe preceptivo da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, que establecerá, de ser o caso, as condicións ás que deberá suxeitarse a actuación e substituirá as autorizacións previstas por esta lei.».

Dous. Modifícase a alínea a) do punto 2 do artigo 78 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que queda redactada como segue:

«a) A corta xeneralizada de arboredo frondoso autóctono, excepto nos supostos permitidos pola lexislación forestal para a presentación de declaracións responsables. O órgano competente en materia forestal, ademais, poderá autorizar a corta illada de frondosas autóctonas coa obriga, de ser o caso, de compensar a corta coa replantación inmediata de exemplares similares.».

Tres. Engádese unha nova disposición adicional décimo terceira á Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo terceira. Información xeolocalizada dos xacementos arqueolóxicos

Os distintos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia colaborarán coa dirección xeral competente en materia de protección do patrimonio cultural para que, no prazo dun ano, se publique na ferramenta xeográfica corporativa unha información xeolocalizada dos xacementos arqueolóxicos identificados ata o momento, que permita ás administracións públicas e aos operadores económicos unha planificación respectuosa co patrimonio cultural de Galicia.».

Disposición derradeira décimo terceira Modificación do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas

Modifícase o punto 1 do artigo 9 do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas, que queda redactado como segue:

«1. Logo de supervisado o documento técnico por parte da Administración hidráulica de Galicia, a entidade local abrirá un trámite de información pública mediante publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da provincia de que se trate e no taboleiro de anuncios do concello correspondente polo prazo de vinte días hábiles.».

Disposición derradeira décimo cuarta. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

1. Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as normas regulamentarias necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

2. No prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei aprobaranse as normas regulamentarias necesarias para facer efectivo o réxime de incentivos ao investimento previsto no artigo 40.

3. As modificacións de normas de rango regulamentario introducidas por esta lei poderán ser obxecto de ulterior modificación ou derrogación por norma dese mesmo rango.

Disposición derradeira décimo quinta. Autorización para refundir textos

1. No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de emprego, aprobará o correspondente decreto lexislativo que refunda a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e as súas modificacións, incluíndo os preceptos contidos nesta lei.

2. A autorización á que se refire esta disposición inclúe a facultade de regularizar, aclarar e harmonizar os textos legais que teñan que refundirse.

Disposición derradeira décimo sexta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, coa excepción das medidas de racionalización dos aproveitamentos madeireiros de carácter comercial, que producirán efectos no prazo de seis meses desde a entrada en vigor dela.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia